2 dic 2009

07. O NACEMENTO DA NOSA LINGUA

Galicia somos nós,
a xente e máis a fala,
se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!

MANUEL MARÍA



 A lingua galega é o patrimonio cultural máis importante que os galegos conservamos, a realidade que mellor representa a Galicia, por riba da paisaxe, a arte ou doutros aspectos da nosa cultura. Trátase da nosa produción cultural  máis rica e transcendente. Un tesouro creado ao longo dos séculos por milleiros de persoas que deron forma á nosa fermosa lingua: desde o escritor máis sobranceiro, ao máis humilde labrego ou mariñeiro. Ao longo da nosa historia mulleres e homes de Galicia foron creando o obxecto máis prezado da nosa cultura, que non ten forma, que non está exposto nos nosos museos, nin podémolo atopar nos cascos históricos das nosas vilas. Este patrimonio sobrevive en nós, a través do legado recibido dos nosos devanceiros, e de nos depende que esta riqueza se conserve.

Nesta clase imos ver como se forxou o nacemento da lingua galega ao longo dos séculos, cales son os seus alicerces. Coñeceremos a consolidación da fala e o gran florecemento do galego como lingua de prestixio no medievo. Sinalaremos algúns dos documentos escritos máis importantes que se conservan daquela época e faremos un repaso da lírica trobadoresca galego-portuguesa, un dos cumios da literatura europea do medievo, que atopou na nosa lingua o mellor vehículo de expresión.

COMO SE FORMOU A LINGUA GALEGA

A lingua galega forma parte do conxunto de linguas romances derivadas do latín. Na península Ibérica comparte espazo co castelán, portugués e catalán, idiomas que tamén se configuraron como tal nos séculos centrais do medievo.

Aínda que o latín é a base a partir da cal naceu o galego, a nosa lingua recibiu diferentes achegas tanto dos pobos que viviron con anterioridade no territorio como dos que viñeron após da romanización. Eses aportes chámanse substratos e superestratos.

O substrato (ou aportes de linguas anteriores ao latín) está formado principalmente por substantivos que fan referencia a realidades moi próximas a paisaxe e a vida cotiá dos moradores autóctonos. Cousas que por seren peculiares do territorio non terían o seu correspondente na lingua latina. Tamén nos topónimos (nomes de lugares) funcionarían algúns substantivos usados antes da chegada dos romanos. Non é doado identificar que palabras forman este substrato e a orixe exacta do seu uso.

Dentro deste grupo de palabras que sobreviven desde a época prerromana (e que por tanto son as máis vellas do galego) hai un grupo denominado substrato pre-indoeuropeo, que fai referencia a formas que teñen milleiros de anos e unha orixe diversa, principalmente caucásica e mediterránea. Moi posiblemente o euskera teña esta orixe preindoeuropea.

Algunhas das palabras máis antigas do galego e que se corresponden con esta época serían:

Mata, coto, amorodo, parra, morea, carballo, veiga...

Na Idade de ferro, a partir o 800 a.e.c, entran na Península Ibérica pobos chegados de Europa Central e occidental. A lingua destes pobos vai deixar a súa pegada no galego. Esta influencia coñecémola como substrato indoeuropeo. Estamos ante a presencia de elementos lingüísticos de orixe celta, que hoxe en día seguen a formar parte do galego e que o relacionan con linguas como o gaélico, o córnico ou o galés, o que fai supoñer a lingüistas e historiadores que os castrexos falarían unha lingua celta.

O substrato indoeuropeo aporta ao galego,entre outras, as seguintes palabras:

Berce, billa, boroa, vimbio, burato, lama, lousa, bidueiro, croio, greña, virar, rodaballo, beizo, varanda, careixa, morno,sarabia...

Ademais, moitos nomes de lugar que aínda existen na actualidade teñen na súa orixe nesta etapa:

Abanqueiro, Bugallal, Lamela, Céltigos, Barallobre, Landrove, Lestrove, Cecebre, Boebre...

Existe unha concentración importante de topónimos de orixe celta no arco ártabro, nas zonas de Bergantiños, A Coruña, As Mariñas, Eume e Ferrolterra, o que nos amosa que nesta zona debeu haber un grupo lingüístico importante. Ademais os topónimos Brigantium e Crunna terían tamén un compoñente indoeuropeo.

A chegada dos romanos e a súa permanencia no noroeste peninsular ía mudar o panorama lingüístico dos castrexos. «A introdución do idioma latino fíxose de vagar, a través dun prolongado proceso de substitución lingüística que chegaría ata a fin do imperio e seguramente ata máis alá, sen do probablemente os indíxenas máis miserables ou máis ruralizados os máis esquivos á latinización. O primeiro aprendizaxe da lingua do imperio estaría propiciada unicamente por razóns de carácter utilitario, peroo paso do tempo iría facendo aconsellable para os galaicos e hispanos unha utilización máis estable e permanente dela» [1]

O latín xorde no século VI a.e.c. na rexión romana, no centro da península italiana. A súa orixe sería tamén indoeuropea, e dicir, estaría influenciado polas linguas do outro lado dos Alpes cara o norte. A expansión do latín corre parella ás sucesivas conquistas romanas, chegando a ser a lingua dominante en boa parte de Europa.

Os factores que favoreceron a adopción do latín pola poboación indíxena foron a presencia do exército, a administración romana, os matrimonios mixtos, a creación de cidades, a relixión a educación e a cultura oficial. Sen falar dunha imposición lingüística, é evidente a misión “civilizadora” dos romanos, que consideraban que estender a súa lingua (e tamén a concesión da cidadanía) era un xeito de civilizar aos pobos “bárbaros” que conquistaban.

Todos estes factores provocan que o latín se impuxera e que logo derivase na lingua galega, que é «un tipo de latín evolucionado que ao longo da súa historia foi experimentando toda unha serie transformacións endóxenas e incorporando elementos e estruturas procedentes dos distintos sistemas lingüísticos cos que entrou en relación máis ou menos directa» [2]

Galicia foi un territorio periférico do imperio romano, a súa romanización foi serodia e a máis feble que noutros lugares. O latín vulgar que se falaba no exército vai ser o que se popularice. Nel sobrevivirían termos obsoletos e se introducirían innovacións orixinais. Ademais o encontro do latín co substrato lingüístico existente antes da súa chegada iría creando unha lingua orixinal.

O latín é a base do galego actual. A maior parte do vocabulario provén desta lingua, polo que non tería sentido reproducir agora unha lista de palabras latinas. Os nosos verbos son case todos latinos. A estrutura suxeito-verbo-obxecto tamén é unha herdanza do latín.

Desde a chegada dos romanos ata a caída do imperio no século V o latín, paseniño, convertérase na lingua de Galicia. Na Idade Media a chegada dos pobos xermanos e musulmáns (árabes e africanos) non van mudar este panorama, aínda que as súas linguas deixasen a súa pegada naquel latín e no posterior galego.

Suevos, Alanos e Visigodos invaden a Península Ibérica, mais non impoñen a súa lingua, se non que van adoptar a lingua do territorio conquistado. A razón pola que os xermanos non son quen de popularizar as súas linguas encontrámola na súa escaseza en número e no menor prestixio cultural da súa lingua, exclusivamente oral. Os xermanos xa estiveran moitos séculos en contacto cos romanos, polo que non é estraño que coñecesen o latín e non tiveran moitas dificultades en adaptarse a un territorio onde a poboación falaba esta lingua. Ademais eran un pobo guerreiro, a súa intención era asentarse nun territorio onde a súa civilización fose viable. Non pretendían, polo tanto, impoñer a súa cultura a ninguén.

Coñecemos como superestrato xermánico á pegada que a lingua destes pobos deixou no latín da época, diferente xa ao latín clásico, e que foi o xérmolo do galego medieval. A súa influencia foi feble en case todos os aspectos, agás na onomástica. Unha boa parte dos nomes de homes (e algún de muller) que aínda se usan hoxe en día teñen orixe xermánica:

Afonso, Álvaro, Elvira, Guillerme, Fernando, Gonzalo, Lois, Ramiro, Ramón, Xerardo... (ata o século XII utilizaríanse case en exclusiva nomes xermánicos, nese momento recupéranse os nomes bíblicos de tradición xudeo-cristiá).

E moi complicado distinguir a que pobo xermano se lle pode atribuír cada palabra herdada no galego. Non se pode asegurar que ningunha expresión sueva chegase ata nós. Por outra banda, temos que subliñar que moitos dos rexistros xermánicos xa foran introducidos no latín antes da romanización de Galicia, como:

Banco, burgo, escuma, gañar,roubar, sopa, xabón...

Son de orixe xermánica, e introducidas directamente por estes na Península Ibérica palabras tan comúns na fala cotiá como:

Agasallar, esmagar, espeto, ganso, luva, roca...

Ademais existiu unha terceira vía de penetración de xermanismos, desta volta a través da lingua franca. Estas expresións chegaron a Galicia polo camiño a Compostela, e tamén da man dos monxes francos de Cluny e do Cister. Palabras con esta orixe serían:

Adobar, albergar, desmaiar, franco, frecha, guerra, orgullo, toalla, xardín...

Tamén como aportación xermánica, sobreviven en Galicia un bo número de topónimos que nos falan de fundación que tiveron lugar nos primeiros séculos do medievo.

Forcarei, Recarei, Ramirás, Allariz, Eirís, Gutiriz, Mondariz, Brandomil, castromil, Samil, Lobosende, Bamonde, Estramunde, Trasmundi, Gontar, Gondar, Remesar, Golmar, Gondomar, A Gudiña, Suevos...

O outro superestrato medieval que afectou a aquel latín en proceso de transformación foi o árabe. No galego este vai ser menos importante que nas linguas doutros territorios nos que houbo un maior contacto entre musulmáns e cristiáns. Dado que o contacto cos musulmáns en Galicia foron máis ben escasos, moitos dos arabismos entraron no galego a través do castelán e do portugués. Moitas das palabras que aportaron os musulmáns ás linguas romances da península teñen que ver coa ciencia, coa técnica e coa cultura, daquela moito máis desenvolvidas que no mundo islámico que no occidente cristián. Outros poideron ser introducidos polos mozárabes fuxidos de Al-Andalus e chegados a Galicia. Son palabras de orixe musulmán :

Aldea, atalaia, alcalde, alguacil, argola, laranxa, maquía, tafona, acea, tambor, algodón, arroz, azucre, atún, alfaia, fanegas, aceite, alxibe, alfinete, alfaiate, almofada, chafariz, álxebra, xadrez...

Imos destacar tamén, a modo de anécdota, que unha expresión moi usada, Oxalá! ven do árabe wa sa llâh, que significa ‘e queira deus’.

O latín foi mudando tamén durante estes primeiros séculos do medievo. Nestes séculos estanse a formar diferencias no latín que fala en cada territorio, e que co paso do tempo darían lugar ás diferentes linguas romances da península. Sen afondar moito nestas mudanzas, cómpre subliñar que é nesta etapa da nosa historia cando os grupos cultos latinos –pl-, -cl-, e –fl- dan lugar á ch, é así como palabras como ‘plorare’ pasa a dicirse chorar, ‘clave’ pasa a ser chave ou ‘flagare’ convértese en cheirar. Nesta época o latín de Galicia comeza a distinguirse do latín doutros lados da península, dando orixe as diferencias entres as linguas romances (vémolo por exemplo en metu-medo-miedo; ou ovu-ovo-huevo).

Ata o século VIII sobrevive o latín vulgar que introduciran os romanos con as lóxicas variantes. A partir dese momento sepáranse as diferentes variedades romances. Nesta época a estrutura desaparecen as declinacións que caracterizan ao latín. Algo estaba a pasar en Europa ao respecto das linguas, xa que no Concilio de Tours no ano 813 recoñécese a posibilidade de dar as homilías na lingua franca.

A partir desta etapa a lingua escrita e a oral sepáranse. É moi posible que o latín escrito desta época se lera de forma moi diferente. «Durante moitos séculos, en Galicia coma no conxunto da Europa Occidental, foi habitual escribir en latín mentres que a maneira de falar, cando menos en situacións non formais, era xa románica. (...) debeu de persistir multisecularmente unha situación en que a distancia entre a lingua escrita e a lingua falada era grande e tendía a agrandarse» [3]. . Debemos engadir, ademais, que o caudal de lingua escrita, nesta altura, sería moi limitado. A porcentaxe de xente que escribía e sabía ler era moi cativo. Desta separación xurde a dúbida de se estamos ante dúas linguas diferentes, unha vulgar e outra culta, que conviven no mesmo espazo.

En Galicia, ata o século XIII, mantense esta distinción entre o latín e o galego-portugués. A partir do século XIII o galego aparece na escrita. O documento máis antigo en galo que se encontrou é o foro do burgo de Castro Caldelas. O documento asinado por Afonso IX no se lle conceden dereitos e privilexios á vila ourensá. Esta datado no 1228. Reproducimos a continuación os dous primeiros parágrafos, como exemplo do galego escrito desa época:


Eu Don Alfonso porla gratia de Deus Rey de Leon a vos omes [do boo Burgo?], assy aos presentes como aos que an de víír, et a vossos fillos et a toda vossa generacion faço karta de donacion et de firmidũe, et dou a vos foros en que sempre vivades.


Inprimeiramente omẽs do bon Burgo non ayam nullo señor senon el Rey ou quen esse Burgo tover de sua mão  (tover). Et qualquer noble ou de qual dignidade na villa do Burgo in propia ou in alia casa morar, ille et quantos cun el moraren ayam foro assy como cada um viçiño. Et se [se] algúúm in casa dalguum viçiño quiser ospedar no Burgo por força, o señor da casa cum seus viçiños deyte•o fora. Et se salir non quiser et hy firido for, non peyte por ende cóóma.


As cantigas, que veremos de seguido, escribiríanse desde finais do século XII. Aínda que non se conservan, é posible que tamén existisen libros de sermóns escritos en galego.


A etapa de esplendor do galego escrito coincide co reinado de Alfonso IX, último monarca galego-leonés, entre 0 1288 e o 1236. A Galicia na que xurde a lingua galego-portuguesa abrangue é o territorio coñecido como a magna Galicia, e comprendería o occidente asturiano, o territorio galego actual, a zona ao oeste da rexión de Tras-os-Montes, e as terras do Minho e o Douro. O galego e o portugués serían, en orixe,unha mesma lingua que co paso do tempo vanse ir separando morfolóxica e foneticamente, consecuencia das circunstancias históricas que propiciaron un Portugal independente e unha Galicia en dependencia do reino de Castela.


Esta separación vai ter lugar dun xeito demorado. O proceso comeza nos séculos XIV e XV. Portugal, un reino independente, marca as súas regras para a lingua escrita e crea a súa propia tradición oral diferente á do norte do Miño. A lingua portuguesa naceu no norte, mais a partir desta etapa Coimbra-Lisboa convértese na eixo político, cultural e lingüístico. Nesta zona central de Portugal, a lingua vai recibir unha forte influencia do mozárabe que se falaba con anterioridade á reconquista, forxándose unha lingua nova.


Hoxe en día aínda hai voces que reclaman que galego e portugués son dúas variedades dialectais dunha mesma lingua. Sexa como for, e a pesar das evidentes diferencias actuais, as dúas linguas comparten orixe e, en moitas ocasións, a comunicación entre falantes dos dous idiomas é posible. Poderiamos así encadrar a Galicia no amplo universo da lusofonía, que abranguería territorios europeos, asiáticos, americanos e africanos.


No século XIII comeza a era de esplendor do galego. A poesía lírica de proxección internacional que nace no noso territorio fai que a nosa lingua sexa recoñecida e respectada como elemento de prestixio. En numerosos documentos recoñécese esta realidade. De feito, a partir desta centuria comezan a aparecer traducións de textos escritos noutras linguas ao galego. Nos séculos XIII, XIV e XV Galicia amosa unha autonomía e cohesión interna que podemos recoñecer no feito de que numerosos textos xurídicos, administrativos, eclesiásticos e literarios se escribisen en galego. A nosa lingua non só era a que falaba o pobo, se non que sería a lingua usada polas elites relixiosas e a nobreza local.«No ámbito da administración civil e da xustiza, na vida económica e na vida relixiosa o galego utilizouse con grande constancia entre o século XIII e a primeira metade do XVI» [4] . De feito o arcebispado de Santiago usou a lingua durante os século XIII e XIV, independentemente da orixe de quen ocupase a prelatura, pasando do latín ao galego antes de usar o castelán.


O galego cumpría nos séculos XIV e XV, a pesar de ficar Galicia baixo o dominio do reino de Castela, case todas as funcións dunha lingua nacional normalizada. A poboación sería monolingüe en galego e na escrita sería a lingua de uso normal en case todos os ámbitos


A partir de finais do século XV esta situación mudará dun xeito radical, debido ás circunstancias políticas e sociais, desaparecendo na escrita e nas relacións entre as elites. A castelanización das elites sociais e a desaparición como lingua escrita é o preludio dun tempo moi negativo para a o galego. Sería o comezo dos séculos escuros, proceso histórico que coñeceremos máis adiante no curso.


A LÍRICA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA


Na lírica trobadoresca galego-portuguesa da Idade media temos un dos cumios da literatura europea e, sen dúbida, un dos tesouros máis prezados do noso patrimonio cultural. Nesta altura, Galicia vai ser protagonista dun dos feitos culturais máis relevantes da época no occidente cristián.


Chamámoslle lírica porque estamos diante de literatura en verso e que nos vai falar dos sentimentos, dos pensamentos, do interior dos poetas que configuran estes versos, diferenciámola, polo tanto, da épica, que nos narra os feitos heroicos ou trascendentes da época. É trobadoresca porque está composta para ser interpretada a través da música e do canto, de feito realizábase un auténtica “performance” que unía a arte de compoñer, cantar e interpretar instrumentos musicais. É galego-portuguesa porque na súa etapa cronolóxica, a finais do XII e no século XIII galego e portugués eran a mesma lingua e, ata a independencia de Portugal, conformaban, dentro do Reino de León, un mesmo espazo sociopolítico.


As cantigas conformaron un tipo de poesía interclasista. Nela reflectíronse diferentes estados de ánimo, arelas, melancolías, tristuras e ledicias do home e da muller que interesaron a todos os estamentos sociais da época. De feito, a través dos xograres e trobadores, toda a poboación foi consumidora deste tipo de literatura. De todos os xeitos, a lírica galega do medievo non acadaría o seu nivel de excelencia se non fora polo apoio e mecenado que tivo por parte da aristocracia. A arte de trobar sería unha actividade propia do lecer da aristocracia, polo menos na súa versión intelectual. Nas cortes e nas casas dos nobres sería unha actividade habitual contar cun trobador que cantase e aledase as veladas.


«A nosa lírica medieval é popular, posto que nela están impresas as formas de vida,os modelos idealizados de conducta... e, sobre todo, a interpretación poética do mundo por parte de individuos pertencentes a diversos oficios e condicións» [5]


Xograres e trobadores dedicábanse a cantar estas composicións,mais ambos os dous gremios teñen as súas diferenzas. Os xograres serían intérpretes de textos alleos que actuaban diante do pobo, nas prazas e nos espazos públicos, cobrarían polo seu traballo. Os trobadores compoñían as súas propias cantigas, estes tiñan formación en música, retórica e gramática e a súa orixe social era a nobreza secundaria, a súa orixe nobre lles impedía obter ‘don’ algún por amosar a súa arte aos demais.


Compostela sería, como gran centro cultural, un polo de atracción de moita importancia no medievo, o que provoca que a través do camiño chegase a Galicia o influxo cultural de alén dos Pirineos. A influencia da lírica occitana é evidente, aínda que as cantigas galaico-portuguesas non sería unha copia destas, se non que terían un desenvolvemento autóctono e unha personalidade propia independente da poesía medieval doutras latitudes. Na época o galego foi considerado como unha lingua especialmente apta para o xénero lírico,o que explica en o rei Alfonso X a escollera para a súas cantigas mentres que para outros xéneros promoveu o castelán.


Hoxe en día coñecemos as cantigas grazas aos textos onde se conservan recollidas. En concreto falamos de tres grandes cancioneiros: O Cancioneiro de Ajuda, O Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana.


O Cancioneiro de Ajuda foi o único dos tres que data da mesma época na que se trovaba, concretamente e de finais do século XIII ou principios do XIV. Está composto por 88 folios de pergameo e contén 310 cantigas que pertenceron a 38 autores diferentes. este cancioneiro ficou sen rematar. A iluminación dos folios está incompleta e, a pesar de contar co oco para as anotacións musicais, estas non aparecen. O seu nome lle ven dado por se conservaren na Biblioteca do Palacio de Ajuda de Lisboa. Este volume, que é un dos grandes tesouros da literatura europea de finais do medievo, estivo exposto na Coruña no ano 2006, na exposición que se celebrou co gallo do centenario da Real Academia Galega.


O Cancioneiro da Biblioteca Nacional, ou Cancioneiro Colocci-Brancutti é o máis importante dos tres volumes. A súa orixe é italiana, feito copiar por un filólogo do reancemento italiano. Consta de 355 follas de papel copiadas dun orixinal no século XVI. Nas súas páxinas se recollen máis de 1.560 composición que pertencen a uns 150 autores. O texto en tinta negra e sen cores, disposto a dúas columnas, amosanos un documento ben diferente ao de Ajuda, máis pensado para o traballo con el que como peza artística. En 1924 foi comprado polo goberno Portugués que o depositou na Biblioteca Nacional de Lisboa.


O terceiro dos grandes libros de cantigas é o Cancioneiro da Vaticana. Está composto por 210 follas de papel que conteñen 1.200 composicións. Posiblemente ten unha orixe común co cancioneiro da Biblioteca Nacional, e dicir, sería copiado do mesmo orixinal. Porén, a súa finalidade sería distinta xa que este ten un acabado moito mellor. Este exemplar forma parte da colección da Biblioteca Apostólica Vaticana desde o século XVII.


Outras fontes de menor entidade onde se conservan textos que proveñen da lírica galaico-portuguesa medieval son o Cancioneiro da Biblioteca Bancroft (ou Cancioneiro de Berkeley), o Pergameo Videl, onde aparecen as cantigas de Martín Códax coa súa correspondente notación musical, e o Pergameo Sharrer, que contén sete cantigas de amor compostas polo rei portugués don Dinís coas súas notas musicais.


A produción lírica debeu ser moito maior do que se recolle nestes textos«Unha escolma, iso son, en verdade, os volumes conservados, produto sempre da selección previa do gusto persoal, e que, polo tanto, non representan con exactitude a variedade do quefacer poético dunha época» [6]


O cancioneiro recolle tres tipos de cantiga: a cantiga de amor, a cantiga de amigo e a cantiga de escarnio ou maldicir. Imos explicar en que consiste cada tipo e a continuación amosamos unha escolma dalgunhas delas.


CANTIGA DE AMOR


Feita por un home e dirixida a unha dama amosando o seu amor por ela. É o tipo máis numeroso (O cancioneiro de Ajuda esta dedicado en exclusiva e este tipo).


Estas composicións están influenciadas pola poesía Occitana, de onde proven o tema amoroso que dá sentido a estas composicións. Recollen o Fin’amors, ou doutrina do amor cortés, que non é outra cousa que a superación dos instintos máis primarios e a sublimación do asunto amoroso como estado de perfección moral. Así, a amada, na canción de amor, é un compendio de todas as virtudes da muller medieval, e como tal e venerada polo trobador.


Este amor é espiritual e tamén carnal, remata as veces coa a unión física entre os amantes. Así, o amor do cabaleiro é tanto un servizo como un galardón que lle é outorgado. A mesura, a discreción e prudencia son virtudes do amante que lle levan a ocultar o nome da amada, pois nas cantigas de amor se trata xeralmente do amor adúltero, considerado no fin d’amours o verdadeiro amor, que nace do corazón ceibado de ataduras sociais.O cabaleiro faino todo pola amada, á que gaba dun xeito esaxerado. Por ela deixa todo e por ela é quen de desprezar todas as riquezas do mundo.


A estrutura temática soe ser a seguinte: discreción ou reserva da dama, pesar polo amor non correspondido, eloxio da dama, mostra de amor pola dama. A protagonista principal é a señor (sennor/senhor) que aparece nomeada en case todas as cantigas. tamén aparece baixos os nomes dona ou molher. Ela é unha muller en abstracto, idealizada ata o extremo, fermosa física (de bon parecer ou bon semelhar) e nas súas formas e comportamento (ben falar, mesura, dulzor, bon sen).


As reaccións das damas ante o cortexo do namorado son diversas, desde a aceptación ata o rexeitamento pasando por certo desdén. A mesura é a chave, un equilibrio entre a razón e a paixón.


O propio trobador é o namorado e expón o seu requirimento en primeira persoa, de forma teimosa, xa que en primeira instancia sempre é rexeitado. Moitas veces o seu amor é atribuído a Deus. Na relación entre a sennor e o namorado existe un desequilibrio, pois ela domina a situación; algúns estudiosos ven nesta relación unha referencia as relacións de vasalaxe entre señores e vasalos na sociedade feudal, de aí o énfase feito precisamente na palabra ‘señor’. O trobador serve á señor, e servir significa amar, desde o primeiro momento e de xeito total. Ante a teimosía do trobador, a muller moitas veces cede e corresponde ao amor, mais non sempre, esta é a causa de que apareza a coita de amor. A coita é a magoa do namorado cando é rexeitado pola señor, unha dor profunda no corazón causada polo desengano que pode levar a tolemia ou mesmo a morte por amor do namorado.


Eu me coidei, u Deus fez veer
Esta senhor, contra que me non val
Que nunca me d´ela verría mal;
Tanto a vi fremoso parecer,
E falar mans’, e fremos’ e tan ben,
E de tan bon prez, e tan de bon sen
Que nunca mal d’ela mal cuidei prender.


JOÁN SOÁREZ COELHO
--


Meus amigos, moito mi praz d’amor
que entend’ora que me quer matar
pois mi a mi Deus non quis nen mia sennor
a que roguei de me d’el empararar,
e porán quanto m’el quiser matar
máis cedo tanto lló máis graciarei


ca ben me pode partir a maior
coita de quantas oí falar
desque eu fui, muit’i ha, sofredor.
Esto sabe Deus que me foi mostrar
úa dona que vi bern falar
e parecer, ¡por meu mal, eu o sei!


FERNAN VELHO
--


¡Se eu podese desamar
a quen sempre desamou,
epodess’algún mal buscar
a quen sempre mal buscou!
Assí me vingaría eu,
Se eu poidese coita dar
A que me sempre coita deu


Mais sol non posso eu enganar
meu coraçón que me enganou,
por quanto mi faz desejar
a quen me nunca desejou


PERO DA PONTE
--


Un tal home sei eu, ¡ai ben talhada!
que por vós ten a morte chegada.
Vede quen é e seed’ennembrada:
eu, mia dona


Un tal home sei eu que preto sente
de si morte chegada certamente.
Vede que é e venhavos en mente.
Eu mia dona


Un tal home sei eu, aquest’oide
que por vós morr’e volo en partide,
Vede quen é e non xe vos obride.
eu, mia dona.


DON DINÍS DE PORTUGAL
--


Senhor fermosa, tan gran coita hei
por vós que bon conselho non me sei,
cuidand’en vos, minha senhor mui fremosa


Por vós, que vi melhor doutras falar
e parecer,non me sei conselhar,
cuidand’en vós, mia senhor mui fremosa.
Non me queredes miña coita creer;
creermia hedes, pois que eu morrer
cuidand’en vós,mia senhormui fremosa


BERNAL DE BONAVAL
--


vénhovos minha senhor, rogar,
con grand’amor que vos eu ei,
que mi valhades, ca ben sei,çse m’esta coita máis durar,
ja a mia vida pouco será;


e que me queirades valer,
¡ai coita do meu coraçón!
ben sei eu, si Deus me perdón,
se o parardes en lezer,
ja mia vida pouco será


MARTÍN MOXA
--


Amor faz a min amar tal senhor
que é máis fremosa de cuantas sei
e fazm’alegr’e fazme trobador,
cuidand’en ben sempr’,e máis vos direi
fazme viver en alegrança
e fazme todavía en ben cuidar.
Por min amor non quer leixar
e dam’esforç’e aperança
mal venh’a quen se d’el desesperar


AIRAS NUNES


A CANTIGA DE AMIGO


«As Cantigas de Amigo permanecen entre nos cunha vitalidade e cun brillo senlleiros toda vez que anotan modelos perfectamente en consonancia coa nosa sensibilidade e aaínda coa nosa concepción da arte literaria. Para o lector moderno faise difícil, entón, poder fuxir do engado» [7]


A cantiga de Amigo foi o xénero máis empregado polos trobadores galego-portugueses. As veces o xénero pode chegar a confundirse coa cantiga de amor. Tradicionalmente consideráronse estas cantigas como de orixe máis popular fronte as de amor, entendidas como un produto intelectual para as elites, mais hoxe en día está teoría foi desbotada por moitos especialistas. Tamén foron consideradas como froito máis da zona galega que da portuguesa, polo feito de apareceren nelas algúns topónimos galegos e ser de orixe galega moitos dos seus compositores. Alén destes datos, hai que lembrar a unidade cultural que por estas datas aínda formaban as dúas orelas do Miño.


Nas cantigas de amigo as que falan son elas, en primeira persoa, expresando o seu estado emocional. O amigo é o namorado, o home ao que elas lle cantan. Xa desde a primeira estrofa fan a súa declaración de amor, na que se basea toda a cantiga.


A amiga, que canta ao seu amigo, é unha moza inxenua, virxe, namorada, apaixonada, as veces doída, resentida ou mesmo alporizada. A xuventude e a beleza son dúas das características desta amiga, que trata de que o home caia baixo o seu engado. Moitas veces o texto é un auto panexírico da moza (lembremos que estaban compostas por homes, e non polas protagonistas).


As veces o obstáculo para o amor é a orixe social humilde da moza respecto do seu amado, a barreira social impide o triunfo do amor. O amigo raramente participa na acción, aínda que aparece en toda sas cantigas deste xénero. Os eu estado de ánimo achéganolo a namorada.


A relación amorosa na cantiga de amigo ten diferentes resolucións. Amor feliz e satisfeito, o amor insatisfeito, a coita de amor, a prohibición, as dificultades, a separación dos amados, etc. O amor é platónico, non se menciona o contacto físico, feito que se explica polo feito de ser agora a doncela a que fala. Hai unha maior sensualidade, un maior xogo dos sentidos, e diferentes escenarios como o mar, a noite, a fonte... cargados de simboloxía; tamén a romaría se configura como un espazo propicio para o encontro dos namorados. A coita de amor prodúcese moitas veces pola ausencia do namorado, polas mentiras ou infidelidades ou polo rexeitamento sufrido pola moza. As veces existe unha prohibición para o amor, xeralmente por parte da nai da moza. Porén, a relación entre nai e filla non sempre é negativa, xa que as veces esta actúa de confidente, ocupando o mesmo papel que as veces ocupan a irmá ou outra amiga.


A paisaxe enmarca o relato, mais pode conter tamén un forte valor simbólico. A primavera, chea de flores, ribeiras, ríos e fontes, paxaros e cervos, é un marco propicio par ao amor. O mar é unha das paraxes predilectas das cantigas de amigo, as veces afasta aos amantes e as veces propicia o encontro. O baño é un elemento simbólico que se repite con frecuencia. A natureza tamén pode funcionar como interlocutora coa amiga, que espera respostas en van.






- Dizede amigo, se gradoedes,
a vossa morte se a queredes,
Pois que vivedes de min tan longe.
- Quero, mia senhor, ¡Non dubidedes!
- ¿¡Queredes!? ¡Pois tan bon día hoje
Pois vós o que eu quero queredes!


ROI MARTÍNEZ DO CASAL
--


O anel do meu amigo
Perdio so lo verde pino
¡e chor’eu, bela!
O anel do meu amado
Perdio so lo verde ramo
¡e chor’eu, bela!
--


Tal vai o meu amigo
Con amor que lh’eu dei
Come cervo ferido
De monteiro del-Rei


PERO MEOGO
--


Id’¡aimia madre! Vee-lo meu amigo
Que é coitado porque non fala migo;
E irei eu convosco, se vos quiserdes
Tan coitado, que morrerá se non vir;
Id’¡aimia madre! Vee-lopolo guarir;
E irei eu convosco, se vós quiserdes
Porque morr’e me quer gran ben de coraçón
Ide velo, mia madre, guarrá entón
E irei convosco, se vós quiserdes.


JOHÁN NÚÑEZ CAMANÉS


Como vivo coitada, madre, por meu amigo
Ca m’enviou que se vai no ferido,
¡e por el vivo coitada!


Como vivo coitada, madre, por meu mado,
Ca m’enviou mandado que se vai no fossado,
¡e por el vivo coitada!


MARTÍN DE GUINZO
--


Da noit d’eire poderan
Grandes tres noites segundo o meu sen.
Mais na d’hoje mi vêo muito ben,
Ca vêo o meu amigo
E, ante que lh’enviasse dizer ren,
Vêo a luz e foi logo comigo


JULIÂO BOLSEIRO
--


Pela ribeira do río salido,
Trebelhei, madre, con meu amigo.
¡Amor hei migo
Que non houbese!
¡Fiz por amigo
Que non fezesse!


JOHÁN ZORRO
--
¡Ai meu amigo!, meu per boa fe,
e non doutra, per boa fe, mais meu.
Rogo eu a Deus, que mi vos hoje deu,
que vos faça tan ledo seer migo
Quan leda fui hoj’eu quando vos vi,
Ca nunca foi tan leda pois naci.
--


Vaiamos, irmana, vaiamos dormir
Nas ribas do lago, u eu andar vi
A las aves, meu amigo
(...)
Seu arco na mano, a las aves tirar,
E las que cantavan non as quer matar,
A las aves, meu amigo.


FERNAD’ESQUIO
--


¡Ai, eu coitada como vivoen gran cuidado
Por meu amigo que hei alongado!

¡Muito me tarda o meu amigo na Guarda!

Por Deus, coitada vivo,
Pois non vén meu amigo.
Pois non vén, ¿que farei?
Meus cabelos: con sirgo eu non vos liairei.


Moir’, amiga, desejando
Meu amigu’, e vós no vosso
Mi falades, e non posso
Estar sempr’en esto falando.
Mais, ¿queres falar migo?
Falemos no meu amigo.


--
Ondas do mar de Vigo,
se vistes o meu amigo
e, ¡ai Deus! Se verrá cedo


MARTÍN CODAX
--
¡Ai flores!, ¡ai flores do verde pino!
Se sabedes novas do meu amigo.
¡Ai, Deus? ¿e u é?


DON DINIS


A CANTIGA DE ESCARNIO E MALDICIR


Consérvanse máis de 400 cantigas deste xénero. Presentan unha gran variedade temática, sendo o seu trazo común a intencionalidade satírica. Nestas cantigas subsiste certa compoñente subversiva, aínda que con matices, xa que as composicións eran escoitadas nas cortes: «non estamos , polo tanto, diante da crónica realista de sucesos certos, de xenreiras verídicas, senón nun xogo onde os poetas compiten en gracia e en capacidade por dar co punto de riso, o sal e a pementa en que adobares os seus adversarios» . É moi posible que soamente fosen pasadas á escrita aquelas composicións menos ferintes e compostas polos trobadores de orixe social máis elevada.


Algúns especialistas na materia atopan diferenzas entre cantigas de escarnio, que farían burla dun xeito máis sutil, e as de maldicir que serían moito máis directas na súa crítica.


Os trobadores xogaron co vocabulario, de tal xeito que fora entendido polo espectador á vez que mantiñan o seu valor artístico. As referencias sexuais son moi habituais, a través de metáforas: casa, pousada, prisión, arca, buraco, fendedura (sexo feminino); madeira, peça.. (sexo masculino); guerra, batalha, lide... (Acto sexual). Neste senso podemos afirmar que existe unha relación coa cantiga de amor, da que o escarnio sería unha versión que faría chanza.


O recurso á ironía e ao equívoco son unha constante nestas composicións, nas que podemos rastrexar un modo de retranca galega primitiva que sobreviviu na cultura galega ata os nosos días. Porén, en moitas ocasións, aparecen adxectivos antitéticos aos das cantigas de amor, como feo,maltalhado, torpe, astroso...


Nas cantigas de escarnio aparece un novo personaxe feminino, a soldadeira, muller de mala reputación das que os trobadores fan burla. Unha muller obxecto sexual para os homes.


En canto a temático, como comentáramos con anterioridade, esta pode ser moi variada: sátiras persoais, burlas de defectos físicos, costumes e vicios, sobre clases sociais, contra poetas rivais, sátira política, etc.


A referencia sexual é unha das temáticas predilectas dos trobadores que compuxeron pezas de escarnio. Estas pezas de contido sexual van do sutil ao abertamente explícito e mesmo soez. A homosexualidade, a impotencia e a infidelidades son outros temas con contido sexual incluídos no escarnio.


En canto á crítica social, un dos grupos favoritos para as chanzas dos trobadores van ser os novos ricos, aos que se lles acusa de avaricia e ruindade. A igrexa tamén recibe o seu, monxes e monxas son protagonistas dalgunhas das composicións máis procaces. En definitiva, os trobadores tocaron co seu escarnio a todos os ámbitos da sociedade do medievo que lles tocou vivir




Fernán Díaz é aqui, como vistes,
E anda en preito de se casar;
Mais non pod’o casamento chegar
D’home o sei eu, que sabe com’é
É, por haver casament’, a la fe,
D’home nunca vós tan gran coita vistes.


AIRAS PÉREZ BUITIRÓN
--


Foi a citola temperar
Lopo, que citalasse;
e mandaronll’algo dar,
en tal que a leixasse;
e el cantou logu’entón,
e ar deronlh’outro don,
en tal que se calasse
(...)

E conselhava eu ben
a quen el don pedisse,
désselho logu’eu per ren
seu cantar non oísse;
ca est’é, ¡ai, meu senhor!
o jograr braador
que nunca bom son disse


MARTÍN SOÁREZ.
--


Mon sei no mundo outro homen tan coitado
com’hoj’eu vivo, de quantos eu sei;
e, meus amigos, por Deus, ¿que farei
eu, sen conselho, desaconselhado?:
ca mia senhor non me quer facer ben
se non por algo; eu non lhi dou ren,
nem poss’haver que lhi dé, mal pecado.


PEDR’AMIGO DE SEVILHA


Donna Ourouna, pois já basta havedes,
outro conselh’ar havedes mester:
vos sedes moi fraquelinha molher
e ja máis cavalgar non podedes;
mais, cada que quiserdes cavalgar,
mandade sempre a best’achegar
a um caralho, de que cavalguedes.


JOHÁN GARCÍA DE GUILHADE


Non quer eu doncela fea
que ant’a mia porta pea.
Non quer eu doncela fea
e negra come carvón,
que ant’a mia porta pea.
nen faça come sisón


ALFONSO X
--


Marinha, en tanto folegares,
tenho eu por desaguisado
e sâo mui maravilhado
de ti, por non arrebentares.
ca che tapo eu daquesta minha

boca a ta boca, Marinha;
e con estes narizes meus
tapo eu, marinha, os teus,
e coas mâos as orelhas.
Tápot’, ao primeiro sono,
da mia pissa o teu cono,
como me non vejo a nengûu,
e dos colhôes esse cu.
¿Como non rebentas, Marinha?


AFONS’ EANES DO COTÓN
--


AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA


Rematamos esta clase coas cantigas de Santa María, compostas polo monarca castelán Alfonso X "o sabio". Por cuestións de tempo, simplemente ímolas citar como unha das grandes composicións líricas do medievo. Neste caso son composicións relixiosas, concretamente 427 cantigas conservadas en catro códices, que fan loubanzas e himnos á figura da virxe María.






[1] RAMÓN MARIÑO PAZ: Historia da lengua galega. Ed. Sotelo Blanco, Compostela, 1998 (43)

[2] RAMÓN MARIÑO PAZ: Historia da lengua galega. Ed. Sotelo Blanco, Compostela, 1998 (46)

[3] RAMÓN MARIÑO PAZ: Historia da lengua galega. Ed. Sotelo Blanco, Compostela, 1998 (46)

[4] RAMÓN MARIÑO PAZ: Historia da lengua galega. Ed. Sotelo Blanco, Compostela, 1998 (185)

[5] XOSÉ RAMÓN PENA: Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Ed Sotelo Blanco, Compostela, 2002 (85)

[6] XOSÉ RAMÓN PENA: Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Ed Sotelo Blanco, Compostela, 2002 (112)

[7] XOSÉ RAMÓN PENA: Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Ed Sotelo Blanco, Compostela, 2002 (169)

25 nov 2009

06. ORA ET LABORA. OS GRANDES MOSTEIROS DE GALICIA



A gran cantidade de mosteiros que existiron e existen en Galicia, e a súa importancia económica, social, cultural e artística merece que lle dediquemos esta clase. Desde o século VI, no que San Martiño de Dumio introduce en Galicia a primeira comunidade relixiosa, ata os nosos días, a opción humana de vivir en comunidade relixiosa multiplicouse na nosa terra dun xeito abraiante.

Durante o medievo, e sobre todo a partir do século XII, vai florecer en Galicia unha gran cultura monástica. Seguindo a regra de San Bieito, a reforma do Cluny , a reforma do Cister, e as regras das ordes mendicantes, numerosas comunidades de monxes e freiras vanse instalar por toda xeografía galega, fundando mosteiros e conventos nos que desenvolver a súa actividade. A Ribeira Sacra é un caso excepcional de Europa en canto a concentración de mosteiros e é un bo exemplo que ilustra a grande importancia da vida cenobítica no noso país.

Nesta clase imos falar da historia do monacato en Galicia ao longo da historia, facendo especial fincapé neses séculos do pleno medievo onde en Galicia temos unha gran cantidade de fundacións. Ademais tentaremos achegarnos á vida deses monxes e monxas que dedicaron o seu tempo a cumprir a máxima de San Bieito, o Ora et labora, a oración e o traballo. Por último, faremos un repaso polos mosteiros e conventos máis representativos do noso patrimonio. Veremos como co paso do tempo foise recollendo neles gran parte do legado artístico galego, desde o románico ata o neoclásico, pasando polo gótico, renacemento e barroco. Son lugares imprescindibles do noso patrimonio, tales como Celanova, Sobrado, Samos, Oseira, e un longo etcétera, que nos axudan a descubrirnos e a valorarnos como pobo.

GALICIA, TERRA DE MOSTEIROS

Desde que San Martiño de Dumio chegase de moi lonxe para fundar a comunidade Dumiense en Braga, alá polo século VI , Galicia foi unha terra onde floreceron os mosteiros. A partir deste primeiro centro, xorden outros exemplos de mosteiros, como foi o grupo formado polo Bispo Maeloc en Bretoña, no mosteiro de Máximo, nesta mesma época. Esta tradición continúa con Fructuoso de Braga no século VII e cunha serie mosteiros fundados en época visigoda: San Xulián de Samos , San Pedro de Rocas e Santo Estevo de Ribas de Sil. San Fructuoso de Braga vai crear unha regra monástica que vai ser a que apliquen os mosteiros galegos neste primeiros séculos do medievo ata que a regra de san Bieito se popularice no noso territorio.

Na alta Idade Media asistimos a unha continuidade do monacato da etapa sueva e visigoda. Son pequenas comunidades dotadas de autonomía, independentes ou ben federadas unhas coas outras, que adoptan algunha das diferentes regras monásticas. Érguense desde etapa temperá como señoríos. Algunhas fontes sinalan a atracción que supuxo Galicia para os monxes que fuxiron dos territorio de Al-Andalus a partir do século VIII. O descubrimento da tumba do apóstolo no século IX e a popularización da rota xacobea tamén tivo como consecuencia a chegada de relixiosos doutros lugares a Galicia e a multiplicación de Igrexas e Mosteiros no noso país. O mosteiro de Samos, fundado no século VII e reconstruído nesta altura, vai funcionar como un centro difusor da cultura monástica.

No século X en Galicia ten lugar a fundación de grandes mosteiros de orixe familiar. Este é o caso de Sobrado, fundado polos condes de Présaras; de Lourenzá, iniciativa do conde Osorio Gutiérrez, e de Celanova, fundado por Rosendo Gutiérrez (San Rosendo) e pola súa nai Aldara. Outros cenobios do X relacionados con estas familias son Caaveiro e Xunqueira de Ambia.

Antes da asunción da regra beneditina dun xeito rigoroso, temos unha serie de costumes nos mosteiros galegos que nos falan dunha certa singularidade da vida destas comunidades relixiosas no noso territorio. En primeiro lugar temos que falar da existencia en Galicia do monacato pactual, que consiste na sinatura dun pacto entre o monxe acollido e o abade do mosteiro, que regula os dereitos e deberes das partes. Outra tradición do monacato galego é a federación de mosteiros na denominada sancta comunis regula , que era unha asemblea suprema de abades e abadesas de diferentes centros. A última destas heterodoxias monásticas galegas sería a convivencia de monxes e monxas en mosteiros dúplices, como no caso de San Salvador de Ferreira de Pantón.

Neste mesmo século introdúcese en Galicia a regra dos Bieitos e o rito romano, que promove o cumprimento estrito das normas promulgadas por San Bieito para a vida en comunidade dos monxes (esta regra foi escrita a partir do século V e foi referencia durante moitos séculos nos mosteiros de toda Europa),e prohibe as prácticas que ata o momento tiñan lugar nalgúns cenobios galegos. Esta normativa promove a autonomía dos mosteiros, a autoridade do abade, a oración e o traballo como bases da vida do mosteiro, regula os tempos do día dun monxe, as faltas e as súas sancións, as comidas, o vestido e calzado, o mobiliario e o enxoval, etc.

Escribimos esta Regra para que, observándoa nos mosteiros, manifestemos ter algunha honestidade de costumes, ou un principio de vida monástica. Pero para o que corre cara a perfección da vida monástica, están as ensinanzas dos santos Pais, cuxa observancia leva ao home ao cumio da perfección. Porque, que páxina o qué sentencia de autoridade divina do Antigo o do Novo Testamento, non é rectísima norma de vida humana? Ou que libro de los santos Pais católicos non nos aprema a que, por un camiño recto, alcancemos ao noso Creador? E tamén as Colacións dos Pais, as Institucións e as súas Vidas, como tamén a Regra do noso Pai san Basilio, que outra cousa son se non instrumento de virtudes para monxes de vida santa e obedientes?

A partir de finais do século XI teremos nos mosteiros galegos a influencia do Cluny e dos seus monxes negros (termo que se lles aplica pola cor dos seus hábitos) vai ser fundamental en toda Europa. A chegada dos cluniacenses a Galicia é un feito serodio, e a súa influencia pronto verase eclipsada pola dos monxes brancos (cistercienses) que, estes si, van deixar unha fondísima pegada no noso territorio.

«O monacato galaico mantivo sen embargo trazos orixinais, herdanza das súas raíces orientais. Austeros e intransixentes, amigos das prácticas ascéticas e arcaizantes, os mosteiros galegos amosaron sempre reticencias, cando non aberta resistencia,á penetración benedictina, sobre todo cando se fixo de maneira obrigatoria e “oficial” trala imposición do rito romano (finais do século XI) e o desembarco dos cluniacenses que chegan polo Camiño de Santiago, instalándose en mosteiros xa existentes e formando con eles unha rede de prioratos que se estendía por toda Galicia»
[1]

O mosteiro do Cluny xurde no século X na rexión de Maconnais, nas terras do Loira, un dos lugares emblemáticos da Europa Feudal. Os seus fundadores adoptan a regra de san Bieito e aplícana dun xeito estrito. Pronto converterase nun exemplo e nun polo de difusión desta nova vida monástica. A piedade destes monxes servirá de exemplo para outras comunidades de monxes de “costumes distraídas”. A data é moi significativa, achegámonos cara ao ano mi desde o nacemento de Cristo, onomástica importantísima no calendario cristián, na que moitos vaticinaban que tería lugar o xuízo final. A partir do modo de vida, de organizarse e da idiosincrasia deste cenobio francés van xurdir por toda Europa mosteiros que seguen a súa tradición, e moitos dos xa existentes van a adoptar a regra de San Bieito. O apoio do Papa a este tipo de establecementos e a súa autonomía respecto do poder temporal van xogar tamén como elementos de difusión. No século XII, na época de máximo florecemento dos mosteiros cluniacenses, artéllase unha rede por toda Europa de máis de 2000 centros do Cluny. Desde o punto de vista artístico Cluny vai ser o gran difusor do románico por toda Europa. Na península Ibérica o camiño de Santiago será a vía de penetración tanto dos monxes cluniacenses como do románico.

Os mosteiros do Cluny organízanse xerarquicamente en abadías e prioratos. Os segundos son centros dependentes doutros máis grandes, xeralmente de tamaño menor, e gobernados polo prior, que responde ante o abade da casa principal.

Os mosteiros galegos influenciados pola chegada de monxes de Cluny, a partir do último cuarto do século XI e principios do XII, foron os seguintes: Vilafrío (Castroverde, Lugo), Pombeiro (Pantón, Lugo); Xubia (Narón, A Coruña), Santa María de Ferreira de Pantón (Lugo), San Pedro de Valverde (Monforte, Lugo) e San Salvador de Budiño (O Porriño,Pontevedra).

No século XII a influencia dos monxes brancos do Cister e do seu fundador San Bernardo de Clairvaux faise notar por toda Europa. «Todo o século XII é bernardino e polo tanto fortemente marcado polo espírito cisterciense. Seguramente a el debe toda a súa grandeza, tanto na mística como na poesía, a arte mesma experimentará a súa influencia. (...) San Bernardo compara o mosteiro co deserto:significa a renuncia e a pureza»
[2]

Bernardo de Clairvaux (ou de Claraval) nace en Borgoña en 1090 no seo dunha familia nobre. Sendo ben novo ingresa na abadía do Cister, daquela un pequeno centro caracterizado pola austeridade e o cumprimento rigoroso da regra de San Bieito. Pronto toma o mando do mosteiro apoiado polos seus irmáns, endurecendo aínda máis as condicións de vida dos monxes (incluso a súa propia saúde resentiuse). Mais a súa mensaxe foi callando paseniño e a reforma ascética que el propuña foise estendendo desde a Borgoña a moitos outros lugares de Europa. Ao longo da súa vida fundou 68 mosteiros que seguían as directrices da súa reforma, despois serían moitos máis os centros cistercienses espallados por toda Europa. A personalidade de Bernardo foi clave para a transformación da Igrexa. Defendeu ás ordes militares e as cruzadas, ás que procurou apoio. A mística está moi presente en Bernardo, a súa visión relixiosa ten moito que ver coa comunicación mística co sagrado. Na súa vida e no seu modo de entender o cristianismo a predicación xoga un papel fundamental, foi un gran comunicador que conseguiu espallar a toda Europa a súa mensaxe de renovación (foi chamadoo melifluous doctor, ou ‘boca de mel). Tamén foi o principal valedor do culto á Virxe María, que acadaría unha gran importancia a partir do século XIII.

A partir do século XIII a orde do Císter será a que difunda por Europa as novas solucións artísticas e de enxeñería na construcción de igrexas e catedrais: o arco apuntado e a bóveda de cruzaría, abríndolle paso ao gótico. «Orde e claridade escolástica fronte ao recargado mundo do románico»
[3] . Tamén a partir deste século o escrupuloso seguimento da reforma de San Bernardo reláxase en moitos destes centros, agora convertidos en señoríos xurisdicionais, que controlan gran cantidade de terras e de servos, que reciben privilexios reais e cuxos abades son nomeados polo papa (moitas veces o abade cobra rendas pero non vive no mosteiro).

En Galicia as fundacións do cister acadan o seu cumio co mosteiro de Sobrado, que sería o primeiro desta orde na Península Ibérica. Ademais deste senlleiro cenobio, neste século as fundacións multiplícanse por todo o territorio. Os cistercienses serán os que renoven todo o monacato galego. Nos séculos XII e XIII algúns dos mosteiros xa existentes únense ás novas fundacións dos monxes brancos en Galicia, tecendo unha completísima rede do Cister por todo o noso territorio. Esa rede destaca non só polo número, se non tamén polo tamaño dos cenobios que imos citar a continuación: Oseira, Sobrado, Meira, Montederramo, Monfero, Toxosoutos, San Clodio, Penamaior, Oia, Xunqueira, Acibeiro, etc.

«O Cister é unha orde rigorosa que rexeita o luxo e os gastos suntuarios e postula o afastamento das cidades para vivir na soidade e o retiro do mundo rural. pero illarse do mundo significa ser autosuficiente, de xeito que os cenobios cistercienses se converten en prósperos centros económicos con granxas, talleres de fundición e tecido, etc. O seu papel foi fundamental na economía galega dos século XII e XIII, xa que neles se experimentan novas técnicas agrícolas (rotación trienal), introdúcese nova maquinaria e melloráronse cultivos xa existentes coma a vide, importando variedades francesas e alemanas. As orixes da viticultura do Ribeiro están ligadas ó labor dos monxes de San Clodio, o mesmo que os do Albariño se relacionan con Armenteira»
[4]

En toda a época feudal existe unha conexión moi importante entre a monarquía, con sé en León, e a Igrexa, coa catedral de Compostela como gran centro de poder económico e social. O monacato en Galicia vai xogar un papel moi importante nestes séculos. Os mosteiros serán auténticos señoríos territoriais que controlarán boa parte do campo, das vilas e das aldeas de Galicia, e aos campesiños e artesáns adscritos a lelas. Algúns exercerán incluso a potestade xurisdicional e terán o poder de xulgar e castigar aos homes que viven baixo a súa xurisdición. A monarquía tenta controlar a crecente independencia do poder monástico favorecendo o establecemento de grandes cenobios afíns que absorberán ás pequenas comunidades de monxes, a través dos privilexios que lles conceden. Moitas familias nobres galegas verán con bos ollos a posibilidade de fundar mosteiros como modo de asegurar o seu patrimonio. «[Os mosteiros] Como beneficiarios de execcións fiscais recabaron a atención das grandes familias magnaticias, que viron no sistema monástico un medio para evadir cargas tributarias. Aos monarcas, pola súa parte, non lles pasaba inadvertida a insoslaiable necesidade de englobar no seu esquema a institución monástica. Así pois, en torno a isto fraguouse unha xorda loita, aparentemente exenta de violencia que acompañaba o conflito co señorío laico»
[5]

A orde do cister entra en decadencia nos derradeiros séculos do medievo,debido fundamentalmente á contradición entre a súa mensaxe e a súa actividade económica e poder político, aínda así moitas das fundacións cistercenses seguiron en pé durante séculos. A renovación espiritual chegará da man das ordes mendicantes a partir do século XIII. Franciscanos e dominicos instalan os seus mosteiros non el lugares afastados, se non no medio das cidades e vilas que nesta altura van medrar en tamaño é actividades económicas. Os propios San Francisco de Asís e San Domingos peregrinaron a Santiago, e é posible que froito desas viaxes a terras galegas nacesen as primeiras fundacións galegas. As primeiras comunidades de mendicantes en Galicia instálanse en pequenas casas e hospitais. Só cando ao grupo prospera é cando erguen igrexa propia e convento. As construccións das ordes mendicantes son moi variadas,pero se algo teñen en común é a austeridade, que garda relación cos ideais de pobreza que predican. En Galicia os templos e mosteiros máis destacados desta época son: San Domingos de Bonaval en Compostela, Convento de San Francisco en Ourense, Santo Domingo e San Francisco en Pontevedra, San Francisco en Betanzos, Herbón, etc.

Nos séculos XIV e XV o poder monástico en Galicia vai entrar en decadencia. Nobres e cabaleiros van usurpar boa parte do antigo patrimonio dos mosteiros. os pequenos centros van resistir peor estes séculos de crise,e moitos deles desaparecerán. Moitos monxes e monxas van pasar auténticas dificultades e moitos van caer na miseria. Tamén se constata un relaxamento das normas e das costumes. A situación de desorde provocou que os reis Sabela de Castela e Fernando de Aragón desenvolvesen unha reforma centralizadora, ficando os mosteiros bieitos de Galicia baixo o control da congregación de San Benito el Real de Valladolid. A partir desta data e durante toda a Idade Moderna, os abades serán nomeados desde Castela. e os centros perden a súa autonomía a pesar dos enfrontamentos e polémicas que se produciron consecuencia desta decisión.

A reorganización dos mosteiros galegos implica a existencia de dous entidades centrais nas que se concentra a organización dos pequenos mosteiros. Estes grandes centros administrativos serán San paio de Antealtares (femininos) e San Martiño Pinario (masculinos). Durante toda a idade moderna o poder económico dos mosteiros galegos se mantén grazas ás rendas que producían os foros e o diezmo. Sábese que en 1591 había en Galicia 1.621 monxes e monxas, e que en 1787 había 3.074. Nestes tres séculos aínda se fundarían máis centros, sendo os franciscanos os que gozaron de maior popularidade. Nesta etapa da historia multiplícanse os conventos femininos onde foron a parar moitas damas da fidalguía que non obtiñan dote para casar da súa familia. En todo caso, para ingresar nun convento de femias había que entregar unha cota de ingreso, que en ocasións era moi alta.

Nos séculos XVII e XVIII moitos mosteiros renováronse por completo, desta volta a través do estilo barroco. Esta é a causa de que hoxe en día sexan moito máis numerosas as igrexas e claustros desta época que as que conservamos desde o medievo. En todo caso, o esplendor barroco en Galicia verémolo máis adiante.

O século XIX vai marcar o final de moitos dos centros monásticos galegos. 1835 é a data da Desamortización de Mendizábal, proceso que leva aparellado a exclaustración de centros de monxes e a clausura dun bo número de mosteiros e conventos. Moitos destes centros pasan a mans privadas ou ao estado. As terras que antes eran dos monxes véndense. Algúns mosteiros acaban sendo cuarteis ou palacios municipais. As igrexas monacais convértense en parroquiais. Hoxe en día antigos mosteiros acadan outros usos como museos e centros de exposicións (San Domingos de Bonaval, San Martiño Pinario) ou como centros hoteleiros (San Estevo). Nalgúns deles monxes e viaxantes conviven (Samos, Oseira), recordando a época na que estes centros ofrecían comida e aloxamento aos peregrinos.


ORA ET LABORA. ORGANIZACIÓN E VIDA NOS MOSTEIROS

OS MOSTEIROS

A doazón de terras é o feito fundamental na fundación dun mosteiro. As terras aportan ás rendas necesarias para o sostemento do centro a través do traballo dos campesiños e ademais abastecen de produtos aos monxes. Os mosteiros controlan as terras máis próximas, pero no caso dos grandes centros van controlar tamén terras afastadas que lle proporcionan algún tipo de produto ou renda de interese. Este é o caso de Celanova, que obtiña sal das súas posesións no Salnés e peixe dunha illa atlántica preto de Touriñán. Sobrado, pola súa banda, controlaba terras de viñedos lonxe da súa comarca e tamén a illa de Cortegada.

Ademais das doazóns de terras, nas follas fundacionais dos mosteiros galegos que se conservan, documéntase a dotación de bens móbeis necesarios para a vida en comunidade dos monxes. Roupas e libros, enxoval de cociña e de cama, etc. É moi importante a dotación en cabezas de gando. Sabemos que Celanova recibe como dote fundacional 400 ovellas, 65 xugadas de bois, 700 vacas e 270 cabalos, eguas e mulas. Evidentemente estamos ante un caso excepcional, normalmente as dotes serían máis cativas.

Nesta altura cómpre comentar que a gran arela dun abade ou dun prior era a autosuficiencia do mosteiro, unha independencia económica que fixera máis doada a dedicación da vida dos monxes a Deus. Ese ideal autárquico casa moi ben coa sociedade feudal na que se produce o gran florecemento monacal en Galicia. Trátase de non depender do mundo exterior para poder dedicarse plenamente ao lema de San Bieito, o Ora et Labora, a oración e o traballo como únicas actividades que dignifican ao ser humano e que o achegan a Deus.

A Igrexa é o edificio máis importante do mosteiro. Nela pasan os monxes moitas horas do día nas numerosas quendas de rezos que tiñan lugar ao longo do día e a noite. A igrexa era a obra máis custosa e a que normalmente demoraba máis tempo en facerse, en moitos casos custou moito rematalas ao tratarse de proxectos demasiado caros para as posibilidades reais do mosteiro. Os modelos de igrexas monásticas mudan co tempo. As cluniacenses absorben a tradición do románico. As do Císter, que soen ser moi austeras, utilizan elementos propios do gótico. E, como comentabamos con anterioridade, a renovación de moitos centros nos séculos XVII e XVIII inza de igrexas barrocas a nosa xeografía.

O claustro é o punto neurálxico nos mosteiros. Un espazo a partir do cal se organizan as diferentes estancias do centro. No modelo de mosteiro do Cluny o claustro é un espazo contiguo á igrexa, tendo acceso directo á mesma, así como aos diferentes lugares onde se desenvolvían as actividades principais dos monxes. A sala capitular,o refectorio, a biblioteca e scriptorium, etc. O claustro ten case sempre unha fonte no medio. No piso superior soen organizarse os dormitorios.

A sala capitular é o lugar onde se producían as xuntanzas da comunidade. Normalmente estaba debaixo dos dormitorios, que podían ser comúns ou ben celas individuais.

Fora deste núcleo igrexa-claustro, atopamos unha serie de instalacións complementarias para a vida do mosteiro. Corte dos cabalos e vacas, cortello para os porcos, poleiro, adega, celeiro, forno, palleira, casas dos criados, obradoiros, etc. Foi frecuente a existencia dun hospital e albergue, xeralmente fora do recinto do mosteiro. Moitos centros de clero regular tiveron na labor asistencial a súa actividade máis importante e a súa razón de ser. Nalgúns mosteiros medievais existían celas de castigo, xa que os abades tiñan poder xurisdicional sobre os seus servos, aos que podían xulgar.

OS MONXES E AS MONXAS

O esquema ideal da sociedade feudal dividía aos homes en Oratores, Bellatores e Laboratores, mais a realidade non era tan sinxela. Dentro dos que se dedicaron a orar, e concretamente dentro da vida monástica houbo moitas diferenzas no status e na riqueza dos diferentes centros. A pobreza non sempre foi consecuencia dunha esixencia da regra (mendicante), moitas veces produciuse debido a unha mala planificación ou por unha dote fundacional escasa.

«A entrada na vida monástica chámase conversión (conversio monastica). De feito, hai moitos fracasos na vida monástica medieval, como sucede en todas as épocas. Moi poucos son capaces de responder a esta ensinanza, ao igual que os verdadeiros mestres son escasos Corresponder a estas “leis do Xénese” e ensinalas aos demais pertence a un estado espiritual excepcional»
[6]

Facerse monxe moitas veces ten que ver non cunha vocación se non cunha costume familiar. Houbo malos monxes que provocaron escándalos dentro dos mosteiros.

A maioría dos mosteiros contaban cun número reducido de monxes. As comunidades nunca chegaron a ser moi numerosas. En Galicia ningunha debeu superar os corenta monxes.

A vida nos mosteiros é moi laboriosa. Os monxes copistas e escritores pasaron grande parte da súa vida coa pluma na man, escribindo, cumprindo esa misión sagrada que consistía en difundir a palabra de Deus e dos seus máis importantes intérpretes. Pedro o Venerable explícanos como “O monxe cambia o arado pola pluma. Nos sucos trazados no pergameo arroxa o gran da palabra divina. O monxe non abre a boca, permanece no silencio do claustro e sen embargo aí témolo grazas a escritura, recorrendo as terras e os mares”. Evidentemente, antes de que a imprenta convertera a reprodución de libros nun proceso máis impersoal, cada exemplar que saía dos scriptorium dos mosteiros levaba nas súas follas o traballo minucioso e artesanal do monxe copista.

Máis non foi a escritura o traballo máis realizado polos monxes. Tampouco o traballo coa terra. Se ben coa chegada do Císter valorouse máis o traballo do propio monxe no campo, o normal era que a terra fora traballada polos servos e polos campesiños que tiñan aforadas as terras. Do que si queda constancia é do traballo dos monxes na horta, onde cultivaban algunha plantas fundamentalmente medicinais.

O comercio foi unha actividade na que participaron algúns dos monxes, que ían á cidade a vender os excedentes da producción do mosteiro, e de paso a mercar os productos necesarios para a vida en comunidade. Sobrado foi un grande exemplo desta actividade, controlando o comercio de viño na cidade da Coruña. Hai que ter en conta que a chegada do Císter a Galicia coincide cunha fase de gran desenvolvemento urbano.

Outras actividades laborais realizadas polos monxes teñen que ver coa artesanía, a fabricación de tecidos, de obxectos, etc. E, por suposto, a labor asistencial e hospitalaria, que realizaban os monxes case que en exclusiva.

A oración, a dedicación a Deus ocupaba máis horas no día que a actividade laboral. Segundo a regra de San Bieito, os monxes tiñan que practicar a oración sete veces ao día, a primeira de madrugada e a última antes de ir para a cama: laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e completas.

A liturxia dos mosteiros medievais foi moi rechamante, debía ser un espectáculo ver a aqueles monxes rezar e cantar en latín, amosando toda a espiritualidade da vida en comunidade, naquelas igrexas tan espectaculares, tan diferentes ás humildes casas onde moraban case todos os mortais. Ademais do Opus Dei, deste cerimonial relixioso, os monxes completaban a súa dedicación a Deus coa Lectio Divina, ou lectura de textos relixiosos durante vairas veces ao día. Un encontro, desta volta en silencio, con Deus e coa súa palabra, expresada a través dos evanxeos ou dos textos dos pais da igrexa.

Unha actividade a medio camiño entre a economía e a relixiosidade foi a celebración de misas polos defuntos e de aniversarios, costume moi extendida no medievo, encomendada xeralmente ás igrexas monásticas, e pola que os centros cobraban rendas.

O silencio dentro do mosteiro era habitual, os monxes dábanlle moita importancia. So a través do silencio absoluto podían escoitar o bisbar da palabra de deus. A hixiene persoal debía ser escasa, tendo en conta o precepto delimitar ao máximo os baños mailos coidados do corpo, que son luxo e moleza (J.Le Goff).
[7]

A noite era interrompida para a oración. Existía un temor cara a noite como «intre propicio para o xurdimento de pecaminosas tentacións – a noite é o tempo dos perigos sobrenaturais. Tempo da tentación, das pantasmas, do diaño (J. Le Goff)-. As noites, emporiso, concíbense tamén como momento ideal para os rezos e oración cos que os monxes alteran o seu sono –é o momento privilexiado do combate para os monxes e místicos. A vixilia, a oración nocturna son exercicios eminente (J. Le Goff)»
[8]

Ademais de monxes, nos mosteiros chegaron a vivir outras persoas non ordenadas, relacionadas coas actividades que se desenvolvían neles. Son peregrinos, doentes, campesiños, nenos, etc.

En Galicia constátase a presenza de membros do clero secular nos mosteiros, ben cun papel sobranceiro, como foi o caso do propio San Rosendo, ben como lugar de retiro no que pasar os últimos anos da súa vida. Moitos laicos tamén se retiraron a vivir aos mosteiros nos últimos anos da súa vida. Non era unha mala opción, se tiña a posibilidade, dado a importancia da labor asistencial do mosteiro.

Os oblati eran os rapaces que chegaban ao mosteiro enviados polos seus pais para recibiren unha formación relixiosa e intelectual. Non podemos esquecer que desde os tempos de San Martiño de Dumio os mosteiros son os lugares onde se conserva e se transmite a cultura, o lugar onde moran os intelectuais da época. Moitos deste oblati serían monxes ao chegar a idade adulta. A partir do século XIII desaparecen os nenos dos conventos e mosteiros e aparece a figura dos novicios.

Os peregrinos e viaxantes atoparon refuxio nos mosteiros en moitas ocasións, os doentes tamén eran atendidos polos monxes en moitos centros. Os oficiais, artesáns e traballadores, libres ou servos, vivían dentro do recinto monástico, aínda que separados dos monxes. Como curisosidade debemos salientar que Sobrado contou con servos mouros, que evidentemente foron bautizados.

Os mosteiros non foron alleos ás polémicas e disputas entre os monxes que moraban nel. As fontes históricas recollen eses enfrontamentos que inevitablemente xurdían na convivencia diaria nestas comunidades. As discusións podían ser por motivos intelectuais, como recolleu Umberto Eco na súa obra mestra No nome da Rosa, ou ben por asuntos máis mundanos como a alimentación. A sucesión do abade podía carrexar problemas, aínda que a regra de San Bieito recollía que estes debían ser elixidos polos monxes da comunidade, algo que en moitas ocasións non se respectou. As rendas do abade e da comunidade tamén foron motivo de controversia. No ano 1228 no mosteiro de Samos recóllese o acordo baixo o cal «as doazóns dos testamentos feitas en favor do mosteiro se dividían en catro partes: unha para o abade, outra para o sustento dos irmáns, a terceira para o monxe camerario que coidaba do vestido da comunidade e cuarta para a construción da igrexa»
[9]

Tamén hai polémica entre centros diferentes referidas ás condutas e costumes duns e doutros. Os máis estritos non vían con bos ollos a opulencia dalgúns centros, este foi o caso de San Bernardo, escandalizado con que en Cluny se servisen dous pratos de peixe ao día, ou que os seus cociñeiros coñeceran trinta e seis xeitos diferentes de preparar os ovos.

Outra das controversias que acontecen no monacato do medievo ten que ver coas comunidades dúplices. A convivencia de monxas e monxes nun mesmo centro deu lugar a xuntanzas entre eles o que é denunciado xa naquel tempo. Tal foi o caso do mosteiro lucense de Loio, que tivo que ser restaurado no século X, en tempos dun tal abade Saulo, que converteu aquilo nun centro moi pouco edificante desde o punto de vista da moral cristiá.


ALGÚNS DOS GRANDES MOSTEIROS DE GALICIA

San Xoán de Caaveiro

Caaveiro está situado nunha das paraxes máis belas de Galicia, as fragas do Eume, que conservan en boa a vexetación autóctona e que son unha mostra do bosque atlántico de clima temperado que dominaba o noso territorio antes da invasión do eucalipto e o piñeiro. Nun promontorio a carón do Eume, de difícil acceso, e nun marco que invitaba ao recollemento e a convivencia coa natureza, o conxunto emerxe como unha proa de barco feita en pedra.

As súas orixes non están moi claras. Hai textos que sinalan o século X, concretamente unha fundación de san Rosendo no ano 936. Nun principio pertenceu a regra dos bieitos e no século XIII pasou á orde dos Agostiños. Neste mosteiro conserváronse durante séculos as reliquias de san Rosendo, levadas cando é abandonado a Compostela.

Dentro do conxunto destaca a igrexa, románica, do século XII. A nave rectangular remata nunha gran ábsida. A portada da igrexa ten unha dobre arquivolta e no tímpano a representación do Agnus Dei, iconografía que asocia a Cristo co año que se sacrifica na pascua, e que nos lembra o seu papel de vítima para a salvación do home.

Ademais da igrexa, destacamos a existencia en Caaveiro doutros edificios como a sancristía e a “casa de Quintás”, que sería o predio onde estaban as estancias do mosteiro.

Santa María de Monfero

Fundado no século XII e incorporado á regra do Cister, ainda que as súas orixes estarían nun centro anterior, destruído, do séculoX. Chegou a ser un dos centros monásticos máis importantes de Galicia. No século XVII muda de pel e reconstrúese seguindo a linguaxe artística barroca. Foi abandonado no século XIX coa desamortización. Este mosteiro tiña tres claustros ao redos dos cais se organizaba a vida dos monxes, e unha grande igrexa abacial, finalizada a mediados do XVII e na que destaca a súa fachada barroca, monumental, con catro grandes columnas e as súas características lousas de xisto.

Como curiosidade cómpre subliñar que serviu de lugar de enterramento para a nobreza local, a coñecida familia dos Andrade. Na actualidade está en proceso de restauración.

Santa María de Sobrado

Esta situado no concello de Sobrado dos Monxes, dominando a comarca da terra de Melide. Trátase dun gran cenobio cistercense, aínda que a súa primeira fundación remóntase ao século X, cando os condes de Présaras instalan alá un mosteiro dúplice de orixe familiar.

«Foi o primeiro mosteiro peninsular en incorporarse á orde do Císter, sendo o seu primeiro abade Pedro, procedente de Claraval, Borgoña, que comezou cara a 1150 as obras da primeira igrexa segundo o coñecido “Plan Bernardín”: planta de cruz latina, brazo maior de tres naves, maior a central, cruceiro amplo e cabeceira con capela central destacada e tres menores a cada lado, todas cun testeiro común recto» (Mosteiros e conventos de Galicia, http://www.udc.es/dep/rta/WebRyTA/Mosteiros/monasterios/08sobrado/texto.html)

No século XII e XIII a súa influencia vai ser grandísima, contando con dominios territoriais desde as rías altas ata as concas do Miño e o Sil, e tamén na zona do Bierzo. Despois dunha etapa de decadencia rexurde con forza na idade moderna, renovando a súa estrutura arquitectónica e pasando a ser un dominio da congregación de Castela.

Coa desamortización foi abandonado. Na segunda metade do século XX foi restaurado e reocupado polos monxes na última década deste século. Na actualidade monxes e laicos conviven no recinto, pois existe a posibilidade de hospedarse no seu albergue e na súa hospedería.

Desde o punto de vista arquitectónico, ademais do seu importante legado renacentista, coa sancristía feita por Juan de Herrera, e barroco, podemos gozar dos seus restos medievais, como a sala capitular, ou a capela san Xoán, onde se conserva a primitiva bóveda de canón.

San Domingos de Bonaval

Convento dos Dominicos situado a carón da porta do Camiño que daba entrada á cidade de Compostela aos peregrinos que facían o camiño francés. Evidentemente está moi vencellado á peregrinación e a asistencia e caridade. A súa fundación atribuíuse ao propio San Domingos de Guzmán, que veu de peregrinación a Compostela e propiciou a fundación a principios do século XIII. A partir do século XV pasará á casa de Altamira, unha das grandes familias nobres de Galicia.

Durante a invasión napoleónica foi convertido en cuartel e hospital, confirmando así a súa decadencia como centro monástico e o seu cambio de uso. Como acontece con moitos dos mosteiros galegos, en Bonaval temos unha mestura de estilos que van desde o gótico ata o barroco.

Hoxe en día acolle o Museo do Pobo galego e o panteón de galegos ilustres, onde descansan os restos de algúns dos homes e mulleres sobranceiros da nosa cultura como Castelao, Rosalía, Domingo Fontán, Ramón Cabanillas, etc.

San Martiño Pinario

Mosteiro bieito do século X situado a carón da catedral de Santiago de Compostela. A súa igrexa orixinal era do século XI aínda que foi transformado a partir do XVI, sendo o resultado unha mestura de elementos renacentistas, barrocos e neoclásicos. Durante o século XV foi o mosteiro máis grande de Galicia. Desde o punto de vista artístico destacan a fachada barroca da súa igrexa, a súa esclaeira de acceso e os dos claustros que posúe o centro.

Santa María a Real do Sar

A colexiata de Santa María do Sar foi anteriormente un mosteiro dos pais agostiños. A súa orixe situámola nos tempos dourados da Compostela de Xelmírez, no século XIII. É un dos poucos mosteiros nos que aínda podemos apreciar a pegada da arquitectura medieval, na súa igrexa e na á norte do seu claustro. Na idade Moderna pasa a ser unha colexiata.

San Paio de Antealtares

A orixe deste cenobio bieito, fundado no século IX por unha ducia de monxes, eran manter o culto a Santiago. A súa denominación ven dada por acharse diante de onde estaban primitivamente soterrados os restos do apóstolo. A ampliación da catedral fixo que o convento se desprazase durante algún tempo. Neste convento foi onde San Pedro de Mezonzo escribiu a oración Salve Regina. Do predio antigo apenas se conservan algúns capiteis, sendo a construción actual do século XVII e XVIII.

No século XV fundouse neste convento o estudio de gramática, xérmolo da futura universidade de Santiago. Tamén desta data é a instalación nel dun grupo de monxas de clausura bieitas que aínda moran nel (as súas sucesores, suponse).

San Xulián de Samos

Unha das grandes xoias do noso patrimonio artístico. A abadía de San Xulián de Samos comeza a súa andaina moi cedo na historia.. Hai datos que documentan a existencia dun grupo de monxes na zona desde o século VI, aínda que a primeira referencia que temos é una doazón do rei Ordoño II no 922. O seu emprazamento no Camiño francés propiciou un amplo desenvolvemento deste cenobio bieito. No século XII acóllese á orde de Cluny, converténdose nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. No Século XVI é centralizado e pasa a depender do mosteiro bieito de Valladolid. No século XIX prodúcese a exclaustración despois da desamortización de Mendizábal, mais cara finais de século voltou a ser ocupado polos monxes bieitos, que seguen a ocupar o centro na actualidade.

O seu patrimonio e moi rico e valería por si mesmo para encher toda a clase. Nos ímonos deter nalgunha das súas alfaias arquitectónicas: a capela prerrománica de San Salvador ou do Ciprés é un dos mellores exemplos deste estilo en Galicia e ademais nos amosa a antigüidade do centro. Do románico se conserva unha portada da entrada lateral da antiga igrexa. outra das xoias de Samos é o claustro gótico ou das nereidas, reconstruido tras un incendio no século XVI e que incorpora elementos renacentistas. O Cluastro grande sería do século XVII construído nun estilo plenamente clasicista, no centro do mesmo podemos observar a estatua do pai Feixoo feita polo gran escultor Asorey. Por último, citar a igrexa, dun barroco clasicista, construída na primeira metade do XVIII.

Santa María de Ferreira de Pantón

Priorado feminino cisterciense situado na comarca da terra de Lemos, fundado no século XI ou XII. En 1173 incorpórase á orde do Císter, ficando vencellado ao cenobio de Santa María de Meira. Nos séculos XVII e XVIII sométeno diferentes transformacións. Foi saqueado e sufriu destrucións en época napoleónica. Malia estas dificultades, nel sobrevive a última comunidade de monxas cistercenses de Galicia.

Este conxunto conserva a igrexa románica do XII, cuxa parte máis destacada desde o punto de vista artístico é a ábsida de dous tramos, rectangular e semicircular. Nel foron soterrados algúns dos nobres da casa de Lemos, outra das grandes familias galegas do medievo.

« No lado oposto do conxunto sitúase a denominada Á Sur ou “Casa das Donas”, onde se aloxaban as damas da nobreza que tomaban os hábitos, con habitacións e cociñas individuais sobre as que se situaban as das súas criadas, cunhas pequenas ventás sobre os balcóns das donas. No exterior, as repetidas e monumentais chemineas reflicten esta primitiva disposición e conceden un orixinal aspecto a esta zona do mosteiro.» [10]

San Salvador de Celanova

Fundado polo mítico San Rosendo,coa axuda da súa nai Aldara, no ano 936 da nosa era, é un dos mosteiros bieitos máis sobranceiros da península. O seu dominio señorial foi abraiante desde a súa fundación durante case todo o medievo. Coa desamortización a igrexa abacial pasou a ser unha parroquia e as dependencias pasaron a funcionar como locais municipais e escolares da vila de Celanova, uso que conserva na actualidade (escola e biblioteca), malia que os poderes locais e autonómicos están a intentar convertelo nun aloxamento turístico.

O mosteiro conserva un dos máis belos exemploS do prerrománico galego, na pequena capela de San Miguel. Apenas quedan elementos románicos no mosteiro. O resto da instalación combina o estilo renacentista co do primeiro barroco, sen contar co claustro de estilo clasicista chamado “poleiro”.

San Rosendo foi uns personaxes máis importantes no ámbito monástico galego. Fillo dunha familia nobre da localidade de cela, foio gran impulsor dos cenobios galegos que, en colaboración coa monarquía asturiana, instaláronse en Galicia no século X. Ademais de fundar Celanova,é moi posible que fose o artífice de Caaveiro. Foi nomeado bispo de Mondoñedo, administrador da diocese de Iria-Compostela e máximo representante da monarquía en Galicia, onde actuou a modo de virrei. Nos seus últimos anos retírase a Celanova, onde morre no ano 977. Foi un profundo renovador e impulsor do monacato galego, continuador da grande laboura de Dumio e de Fructuoso de Braga nos primeiros séculos da idade media.

San Estevo de Ribas de Sil

Hoxe convertido en parador de luxo, este mosteiro foi un dos principais da Ribeira Sacra, terra única en Europa pola súa concentración de mosteiros (xa que nas orelas do Sil e do Miño pódense visitar ata 18 mosteiros de diferente tamaño e orixe).

O emprazamento na ladeira do río Sil converte a este mosteiro bieito nun dos máis fermosos de Galicia. A súa orixe data do século X. No medievo foi un das abadías máis importantes, nove bispos retiráronse nel feito polo que no seu escudo conserva as nove mitras. O mosteiro conserva unha igrexa románica con modificacións posteriores e tres claustros de épocas diferentes.

Santa María a Real de Oseira

Na comarca do Carballiño atopamos uns dos mosteiros máis coñecidos da xeografía galega. Asúa orixe atopámola na gran proliferación de mosteiros da provincia ourensá no medievo. De orixe probablemente anterior, este centro incorporouse ao Císter no século XII, sendo un dos primeiros cenobios desta orde na Península Ibérica, e xa desde a súa fundación foi recibindo numerosos privilexios reais e doazóns, que o converteron nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. No século XIII o abade Lourenzo de Oseira chegou a ser tamén abade da casa matriz, de Claraval, o que non amosa a importancia que tiña este centro dentro da orde.

Posúe unha igrexa abacial de orixe románico cistercense, austera, de transición cara o gótico, case sen decoración como conviña á orde. A grande cúpula do cruceiro, feita no século XIV é un dos elementos sobranceiros desta construcción. No século XVI sufriu un grande incendio que obrigou a reconstruír todos os edificios agás a igrexa, xa cun novo estilo.

Destacamos deste mosteiro a súa fermosísima biblioteca barroca, hoxe en día restaurada, na que podemos facernos unha ide ado ambente de traballo dos monxes bieitos.

Coa desamortización de 1835 foi desocupado, volvendo un grupo de monxes a ocupar as súas dependencias case un século despois, en 1929. A partir desa data comeza a restauración do centro. hoxe en día os monxes que moran baixo os seus históricos teitos admiten hóspedes, que poden ficar algunhas noites no recinto.

San Xoán de Poio

Rematamos este breve e incompleto percorrido por algúns dos máis sobranceiros conventos e mosteiros de Galicia na vila pontevedresa de Poio, onde atopamos un gran mosteiro de orixe benedictina, hoxe en día ocupado por un grupo de monxes mercedarios. A súa orixe atopámola no século X, cando o rei Vermudo III outórgalle privilexios.

No século XVI pasa á congregación bieita de Valladolid, e nesa mesma centuria instálase nel un Colexio Maior de teoloxía, e despois un Colexio de pasantes onde impartiu aulas o pai Feixóo.

En poio xa non queda nada da súa antiga traza medieval, pero compensa esta ausencia a súa igrexa e claustros de estilo renacentista e barroco.


[1] J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999. [2] MARY-MADELEINE DABY: Iniciación a la simbología románica, Akal, Madrid, 1996 (28) [3]J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999.(14) [4]J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999. (14) [5]ANSELMO LÓPEZ CARREIRA: O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 2005 (179) [6] MARY-MADELEINE DABY: Iniciación a la simbología románica, Akal, Madrid, 1996 (28) [7]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (30) [8]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (34) [9]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (57) [10] Mosteiros e conventos de Galicia (http://www.udc.es/dep/rta/WebRyTA/Mosteiros/monasterios/13panton/texto.html)