27 ene 2010

9. A GALICIA DO ANTIGO RÉXIME. LUCES E SOMBRAS DA NOSA CULTURA


Coa chegada ao trono no ano 1480 de Sabela e Fernando, os reis católicos, prodúcese unha ruptura moi importante coa etapa histórica anterior. De feito damos comezo á Idade Moderna, que abrangue desde esta data citada con anterioridade ata o século XIX.

pazo de Fonseca
A sociedade galega e máis a súa cultura van padecer diferentes procesos que nesta clase titulamos como luces e sombras. Nos aspectos que poderiamos incluír como negativos temos a perda de poder político debido ao imparable proceso centralizador da coroa española. A lingua galega tamén vai sofrer un retroceso moi importante, ficando fora dos espazos de poder e sendo utilizada só no ámbito oral. No eido literario o galego desaparece na práctica durante máis de trescentos anos, nesta época coñecida como “séculos escuros”.

Mais, con todo, a cultura galega non desaparece. Durante eses séculos escuros a lingua sobreviviu no pobo, nas cantigas e coplas populares, nas historias contadas ao carón do lume da lareira, transmitindo os contos, as lendas, as tradicións, as ledicias e as tristuras, as arelas e a idiosincrasia das xentes deste pais. Ademais o Humanismo e o Renacemento, como movementos culturais e artísticos que se estenden por todo o occidente europeo, tamén tiveron a súa influencia, aínda que de un xeito feble e serodio, en Galicia. Será unha cultura culta en contraposición á cultura popular citada con anterioridade. Outra vez a Igrexa, con Compostela e co poder renacido dos mosteiros, sería a gran protectora e produtora de cultura.


A DOMA E CASTRACIÓN DO REINO E O NOVO ORDEAMENTO NO REINO

A expresión “doma e castración” foi rescatada por Castelao (a expresión é propia de Jerónimo Zurita, contemporáneo ao reis católicos) para definir o proceso político mediante o cal a nova monarquía española, encarnada no matrimonio dos herdeiros da coroa de Castela e de Aragón, Sabela e Fernando, vai impor unha nova orde política a través dunha serie de reformas no vello reino de Galicia.

«De Ponferrada se fueron el Rey y la Reina en romería a visitar la iglesia y sepulcro del bienaventurado Apóstol Santiago [...]`en aquel tiempo se comenzo a domar aquella tierra de galicia, porque no sólo los señores y caballeros della, pero todas la gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros y [...] se fueron allanando y reducuiendo a las leyes de juscticia con rigor del castigo» (Jerónimo Zurita)[1]


 Evidentemente, a utilización de tales termos para se referir a este proceso histórico ten que ver coas negativas consecuencias que tiveron para o noso territorio, desde o punto de vista da intelectualidade galeguista, os feitos que imos relatar a continuación.

Para entender este proceso debemos remontarnos ao final das guerras Irmandiñas. Recordamos como a alta nobreza alíase e derrota á gran Irmandade grazas ao seu irado contraataque, co que conseguen reocupar as súas fortalezas e recuperar os seus dominios. O mariscal Pardo de Cela instáballe entón, ao conde de Lemos, a encher os carballos cos corpos pendurados dos rebeldes. O de Lemos respondeulle que non se ía manter de carballos, polo que en vez de colgar aos rebeldes, obrigoulles a recompoñer todas aquelas torres que derrubaran. A nobreza resultaba triunfadora de novo e, en aparencia, as cousas volvían a ser como antes. Isto foi así durante pouco tempo.

Pardo de Cela e Pedro Álvarez de Soutomaior (tamén coñecido como Pedro Madruga) serían os bastións da resistencia (non moi forte) da vella nobreza galega perante o novo orde imposto polos reis Fernando e Sabela. Os reis católicos, unha vez asentada a súa monarquía, decidíronse firmemente a por final ao poder dos señores feudais. Pedro Madruga, conde de Camiña, tomou partido por Xoana ( a “beltranexa”) na súa confrontación polo trono de Sabela. Este erro afástao do poder real. Máis duro sería o fin de Pardo de Cela, decapitado na  praza da catedral de Mondoñedo, nunha performance que simboliza perfectamente o fin dunha era e o comezo doutra.

A nobreza vai mudar de rumbo a partir deste momento, ficando sometida aos intereses marcados desde Castela. Moitas das antigas familias abandonan o territorio e trasládanse á corte, onde algúns acadaran certo éxito como conselleiros dunha monarquía cada vez máis centralizada e burocrática. De seguido veremos como as reformas emprendidas polos reis católicos van arrebatar grande parte do poder que viñan exercendo aqueles señores. Estamos, por fin, ante o final do feudalismo.  

No ano 1486 os novos monarcas visitan Galicia. As súas reformas, que mudan a faciana do reino, estaban xa en marcha. Van instaurar unha serie de institucións que perdurarán no territorio durante séculos. Este control de Galicia mediante institucións propias, coa conseguinte perda de poder da nobreza, introduce no pais un novo modelo. A fidalguía vai cobrar desde este intre unha gran importancia como intermediaria entres os grandes señores de Galicia (Arcebispado de Santiago e demais bispos, mosteiros e señores desprazados na corte) e  os campesiños, a través da figura do foro e do subforo, contrato agrario de orixe medieval que se vai desenvolver moito durante a Idade Moderna e que permitirá, co tempo, que esta nova caste domine económica e politicamente o país durante séculos.

Os fidalgos ocuparán pouco a pouco os resortes sociais e económicos do Reino nas cidades, vilas e aldeas. As familias fidalgas obteñen os cargos políticos municipais.


As novas institucións introducidas pola centralista institución rexia son tres: A Real Audiencia do reino de Galicia, As Xuntas do Reino  e a Capitanía Xeral. Son elementos de control, ordenación e sometemento, mais tamén van ser positivas no sentido de proporcionar seguridade xurídica a poboación, algo que no tempos do baixo medievo non existía.

Galicia seguirá a existir nominalmente como Reino e, de feito, os Austrias e Borbóns, á hora de redactar as súas prerrogativas, fanse chamar tamén reis do reino de Galicia. Agora ben, esta existencia sobre o papel non evitou que Galicia quedase en posición de total dependencia dos desexos e conveniencias primeiro de Toledo e despois de Madrid, sempre como un dominio territorial máis suxeito a obrigas que obxecto de dereitos.

O reino estaba dividido en sete provincias: Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo,  Tui, Betanzos e A Coruña. A súa vez, estaban divididas en xurisdicións e coutos, unha herdanza do sistema feudal. Cada unha destas xurisdicións e coutos dependían dun señorío, que aínda durante a idade Moderna, conservan certas prerrogativas, como nomear aos gobernadores e aos administradores de xustiza, e recibir algúns tributos

A Audiencia do Reino de Galicia noméase como un tribunal itinerante que atende os asuntos xurídicos do territorio. Desde 1563 instálase na Coruña por orde de Filipe II. Ademais de celebrar xuízos e dirimir preitos de todos os estamentos sociais, a audiencia estaba encargada de algunhas tarefas administrativas. Estes tribunais achegan á poboación unha seguridade xurídica da que carecían no medievo, cando os señores feudais tiñan o poder de xulgar aos seus vasalos.

As Xuntas do Reino de Galicia estaban compostas por un representante de cada unha das sete provincias en que estaba dividido o reino. Un Deputado Xeral do Reino representaba ao mesmo no exterior. As Xuntas atendían diversas cuestións administrativas, xeralmente relacionadas co recrutamento militar e as cargas impositivas –unha das consecuencias da centralización e do fortalecemento da administración monárquica no tempo dos Austrias foi a organización e a crecente presión fiscal á que someteron ao pobo- . Un exemplo da “doma e castración” é que ata o ano 1622 a Xunta do reino de Galicia non tivo voto en Cortes, pois en representación do reino votaba a cidade castelá de Zamora. De feito, a función das Xuntas foi moi limitada e as súas reivindicacións moi cativas e moitas veces ignoradas.

A terceira institución é a Capitanía Xeral. A persoa que posuía o cargo era o home máis poderoso do reino. Co paso do tempo o capitán foi delegando funcións  e prerrogativas na Audiencia, que pasou a ser o verdadeiro órgano de goberno. En todo caso, era o principal representante da monarquía e máxima autoridade militar. A súa residencia fixouse na Coruña, onde se estableceron unidades fixas do exército para defender os portos galegos e como base de operacións para as guerras atlánticas do XVI,  XVII e XVIII.

Xa no século XVIII instauraríase unha nova institución, a Intendencia,  dentro deste proceso imparable de burocratización e o crecemento estatal das monarquías absolutas europeas.

Para o pobo, este novo orde tivo as súas vantaxes e desvantaxes. Os abusos e a arbitrariedade dos señores rematan. As novas institucións estenden o dereito polo territorio. Malia isto, a complexidade fiscal da coroa española e as súas numerosas guerras provocan que os recadadores de impostos substitúan aos señores encomendeiros na tarefa de asoballar ao pobo. As levas militares serán outra carga para os que non teñan diñeiro para librarse delas.

Mais grave sería o dano que o centralismo castelán lle vai facer á unha lingua galega,  como veremos a continuación. Se no político Galicia fica paralizada, e sometida aos intereses de Castela. No eido cultural vai sofrer un grande letargo secular.

OS SÉCULOS ESCUROS

A literatura galega vai pasar por máis de trescentos anos de esquecemento durante a Idade Moderna, ata a segunda metade do século XIX, altura na que Galicia vivirá o seu renacemento cultural.

Do esplendor literario do pleno medievo, encarnado nese cumio literario formado polo cancioneiro, pouco ou nada vai ficar nos seguintes séculos. De feito, a costa abaixo das nosas letras empeza a notarse con anterioridade. Aqueles nobres guerreiros do baixo medievo non estaban pola lírica, así o mundo dos trobadores vai entrar en decadencia. Malia a case desaparición das cantigas, o galego vai ter vixencia aínda como lingua literaria en pezas como Macías o Namorado, a Crónica Troiana o a General Historia. Ademais o galego vai ser lingua de uso normal na documentación da época ata que as reformas dos Reis Católicos impoñan o castelán como lingua oficial, relegando ao galego ao ámbito exclusivamente oral, onde ficará estancado, como quedou dito, durante máis de trescentos anos.

«Inventada a historia era preciso reafirmar, como dicía Nebrija, o castelán como lingua do Imperio, lingua que desta maneira asumía un papel político decisivo. Non abondaba cunha estrutura administrativa centralista, era necesario, ademais, iniciar un proceso en que todas as culturas e linguas fosen asimiladas pola cultura e a lingua oficiais. Pecharíase así o proceso de unificación e centralización, do que en boa medida se vai encargar a corte»[2]

O proceso de centralización no eido cultural e lingüístico realizouse desde Castela con evidente éxito. Malia isto, o obxectivo final da desaparición das culturas periféricas afortunadamente non se concluiría, debido ao espertar das identidades nacionais no século XIX. Galicia verase, nestes séculos do Antigo réxime,  no paradoxo de posuír unha lingua propia, de uso común pola gran maioría da poboación, mais practicamente inexistente na escrita, nos ámbitos oficiais, e paulatinamente abandonada por algunhas elites urbanas (non pola fidalguía autóctona). O ilustrado Frei Martín Sarmiento denunciaba, xa no século XVIII, esta situación de imposición dunha lingua allea:

«No pocas veces he pensado en cual ha sido la causa de que en Galicia se halla introducido el uso o abuso de escribir en castellano lo que antes se escribía en latín o gallego [...] ¿Quién lo introdujo? La respuesta está patente [...] no los gallegos sino los no gallegos que a principios del siglo XVI inundaron el Reino de Galicia, no para cultivar sus tierras sino para hacerse  carne y sangre de las mejores y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles. Estos han sido los que por no saber  la lengua gallega ni por palabra ni por escrito, han introducido la monstruosidad de escribir en castellano para los que no saben sino el gallego puro»[3]

A cultura propia vaise conservar no pobo. A literatura popular, de carácter oral, composta polas lendas, tradicións, cantigas populares, refráns, etc. vaise transmitir de pais a fillos durante todos estes séculos de escuridade. Hoxe en día todo este bagaxe cultural é moi apreciado desde o punto de vista da literatura e tamén da antropoloxía cultural. De tódolos xeitos non consideramos que este período de case catrocentos anos fose unha etapa brillante da nosa literatura. Malia este retroceso, debemos valorar á Galicia da Idade Moderna na súa xusta medida. A resistencia pasiva do pobo galego mantívose encol da imposición do castelán. Esta conservación do galego nas vilas e aldeas, no ámbito familiar e de socialización das capas populares, se se quer inconsciente e carente de motivación política, foi un feito fundamental para que, primeiro a través das reflexións da intelectualidade ilustrada do XVIII, e despois a través do valor e a creatividade de Rosalía,Curros, Pondal e das sucesivas xeracións, o galego sobrevivise nun contexto tan desfavorable ata os nosos días.

Nestes séculos escuros a literatura galega apenas vai deixarnos unha cativa produción. O galego convivirá a duras penas cun castelán máis vizoso que nunca no seu século de ouro. Ademais será obxecto de burla e menosprezo desde a meseta. Os galegos teñen que aturar refráns que recollen aldraxes tales como “antes puto que gallego”, “antes moro que gallego”, ou ao mesmísimo Cervantes escribindo que “los gallegos no se colocan en predicamento por que no son nadie”[4]. Habería que agardar ata o XIX para que Rosalía dese cumprida resposta co seus míticos versos “Castellanos de Castilla, tratade ben aos galegos”. Estes prexuizos cara Galicia deben ser postos no seu contexto. Reflicten a mentalidade dunha época ben diferente á nosa. Agora ben. tampouco debemos pasar por alto esa mentalidade case que colonial cara á nosa terra. Velaquí o pensamento de Góngora cara Galicia:

Oh, montañas de Galicia
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedais haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo.

Góngora

Algunhas creacións literarias en galego da Idade Moderna chegaron ata os nosos días, como comentabamos máis arriba. Estas obras funcionan a modo highlights nun ermo literario. Son obras de calidade desigual, froito da vontade individual dalgúns homes cultos que se decataron da traxedia na que vivía unha lingua que noutrora fora grande.

Do século XVI e XVII foron rescatadas algunhas cancionciñas que nos lembran ás cantigas de amigo medievais, como a seguinte cancionciña do Cancioneiro Publia Hortensia.

Perdido polos meus ollos
non teño vida con eles
nen poso viver sin eles

¿Que me ficou por facer
ollos meus, que non ficese
por vos contentar e ver
ledos en cuanto vivese?

Cheos do meu interese,
non teño vida con eles
nen poso vivir sen eles.[5]

Debemos ter en conta que hoxe en día conservamos moi poucos rexistros daquela literatura popular. As panxoliñas de Nadal foron outro xénero popular expresado en  galego. Outras composicións anónimas feitas por poetas que narraban algúns feitos considerados transcendentes da época ou de épocas anteriores tamén chegaron ata os nosos días. Este é o caso do Lamento da Frouseira, onde se narran dun xeito épico as aventuras dun mitificado Mariscal Pardo de Cela:

 A Deus darán conta delo
que lles queira perdoar
co que acabou a Frouseira
e a vida do Mariscal. [6]

Tamén conservamos a narración en verso do ataque dos turcos a Cangas do Morrazo no século XVII:

Viñeron os mouros arrenegados
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe
todo levaron e nós fuxemos
alá pra lonxe, lonxe, lonxe

Quen fora galgo...![7]

Son exemplos dunha literatura en precario. A ausencia de lectores fai imposible que exista unha produción estable de textos en galego, polo que estamos ante iniciativas individuais de xente que decidiu que aquilo era digno de ser anotado e conservado, independentemente da súa calidade literaria.

Da idade Moderna conservamos algúns pequenos tesouros dignos de ser recordados hoxe. O máis coñecido é, sen dúbida, o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrito por Gabriel Feixóo de Arauxo. Estamos ante a primeira obra de tatro conservada na nosa lingua. Nela nárrase as disputas entre galegos e portugueses a beira do río polos dereitos de pesca. É posible que tamén existira en Galicia, aínda que de xeito rudimentario, certa actividade teatral.

Neste século XVII destacamos tamén outro texto. As décimas ao Apostolo Santiago, de Martín Torrado. En defensa do Apóstolo e en contra de que Santa Teresa fora nomeada tamén patroa de España.

Santo da barba dourada,
vello honrado, meu patrón,
raio, fillo do trebón,
capitán de roxa espada,
señor da cruz colorada,
valente e forte guerreiro
quen todo o mundo enteiro
polo mar e pola terra,
chama, na paz e na guerra,
Sant-Iago o cabaleiro.

Rematamos esta pequena escolma de textos co Soneto con falda de Juan Gómez Tonel.

Turbas corran as ágoas; poña luto
o aire denso, en merancoria tanta;
queime o fogo a terra, que sin pranta
negue ao fortuno ano seu trebuto,
mentras a Porcia do Filipo Bruto
en os ombros da fama sacrosanta
se irgue ao ceo, que súa groria canta
collendo en fror o xa maduro fruto,
Perdeu, marrando tan ditosa vida,
a humildá, prezo; a piadade, tempro
(que derrubou, oh Morte, túa gadaña);
o mundo, Reina; o rei, súa Margarida;
a Fé, colúa; a Virtud, enxempro;
a pedra (cujo engaste foi), España.
Chore a nosa montaña,
do gando, leite e novidade espida,
semellando as abellas no exemplo:
Que a súa Margarida,
Reina, precio, colúa, pedra, templo,
perden Rei, Mundo, Fe, Virtude, España,
ti, que tal perda viche,
¡oh, magoada Galicia, ¿que perdiche?
XOÁN


No século XVIII, co desenvolvemento da ilustración xurdirían novas voces na defensa da lingua galega. Sería o tempo de figuras como Frei Martiño Sarmiento ou o Padre Feixoo. Esta ilustración galega verémola máis adiante neste curso. Coñeceremos como «Xa metidos no século das luces, é notorio como se comezan a oir voces que  avogan por unha dignificación e atención da lingua galega. E non se trata de voces desautorizadas, precisamente. Polo contrario, proveñen do máis granado que o século XVIII deo ao pensamento español»[8]

O HUMANISMO EN GALICIA

A penetración das ideario humanista en Galicia foi un feito serodio e feble. A influencia dos eruditos e dos centros galegos sobre a cultura oficial non vai ser moi grande, debido ao afastamento dos principais ámbitos culturais da monarquía. Porén, a influencia do humanismo e do renacemento chegará a Galicia a través dalgúns aspectos que veremos a continuación. Xa vimos como desde a romanización ata o gótico, en maior ou menor medida, todos os movementos culturais do occidente europeo van ir chegando a Galicia. Desta volta, outra vez Compostela será o centro cultural máis importante.

Hai dous feitos que van marcar o paso dunha cultura medieval a outra moderna. A introdución da imprenta e a creación da Universidade de Santiago. A imprenta chega a finais do século XV, aínda que se conservan moi poucas obras daquelas primeiras décadas. A igrexa vai exercer o mecenado, debido ao seu interese por mellorar a formación dos clérigos, o que pasaba indubidablemente pola multiplicación das obras impresas. Así pois, as primeiras obras saídas das imprentas galegas  serán misales, breviarios e obras de carácter teolóxico. A baixa formación do clero, xunto coas súas costumes relaxadas, foron motivo de preocupación da intelectualidade ligada á igrexa, que procurou a reforma do clero.

A calidade destas primeiras publicacións é xeralmente escasa. Ademais das obras relixiosas, tamén se publican textos científicos e para o lecer. Do século XVI destacaremos  A descrición do Reino de Galicia,  do Licenciado Molina. Esta pequena produción autóctona, unida a importación de libros impresos noutros lugares da coroa española, xerou o xurdimento dunha minoría culta nas cidades galegas. Hai noticias de importantes bibliotecas privadas na Galicia do XVI, que conviven coas bibliotecas oficiais, xeralmente de escaso valor en comparación con outras coleccións da época.

A coroa vai promover a creación de universidades, pois estaba interesada en que existiran lugares de formación para os cargos administrativos da cada vez máis desenvolvida estrutura organizativa. Esta foi unha das razóns do xurdimento da Universidade compostelá. O Arcebispo Alonso Fonseca III foi grande impulsor da institución. En 1495 López de Marzoa crea o Estudio de Gramática, unha escola para pobres situada dentro do mosteiro de San Martiño Pinario. Xa en 1504 o papa Xulio II concede unha bula que vai permitir á ‘escola vella’ impartir estudios superiores. Sería a partir de 1507 grazas a acción de Alonso de Fonseca, cando esta institución se transformaría na universidade. Fonseca constrúe o predio onde hoxe está o pazo de Fonseca e instala alí o colexio de Santiago Alfeo. tamén compra o antigo hospital de peregrinos e o converte nun colexio universitario.

“Estes colexios, de xeito distinto ao que sucede hoxe, aglutinaban todos os estudos nun mesmo edificio, onde tamén residían en réxime de internado. Naquela época a oferta formativa estaba configurada pola teoloxía, a gramática e as artes, disciplinas que logo se completarían co estudo das Leis e a Medicina, con atención case exclusiva, no caso das Leis, ao dereito eclesiástico, e preocupados pola saúde da alma máis ca polo coidado do corpo, no caso de Medicina.”[9]

Vemos como, ata o século XVIII, cando se seculariza por completo a institución, a Universidade vai estar ligada ao arcebispado da sé compostelá, sendo isto o paradigma do vencello entre Igrexa e cultura durante o Antigo Réxime.

Ademais da Universidade, van xurdir noutras cidades e vilas galegas diferentes colexios que dan formación ás capas altas da sociedade. Moitos deles serán abertos e xestionados pola Compañía de Xesús.

O Concilio de Trento, impulsor da contrarreforma, celebrado nas décadas centrais do XVI, vai afectar profundamente ao pensamento humanista dentro da coroa española, no senso de que a igrexa vai impoñer un férreo control na doutrina. As universidades van perder independencia e, en certa medida, aquel espírito científico e positivista propio dos séculos do humanismo. As teimas entre católicos e protestantes, as sospeitas de herexía, e o medo ao libre pensamento afectarán á vida cotiá da Universidade.

No século XVI os mosteiros van gañar en estabilidade. A reforma das ordes impulsadas polos reis católicos consistiron principalmente na súa centralización, así os mosteiros e priorados bieitos galegos pasarán a depender da Congregación de Valladolid. Os centros organizaranse xerarquicamente, pasando a maioría deles de casas centrais como foi San Martiño Pinario, por exemplo. Moitos abades e priores chegarán a Galicia desde Castela, sendo eles mesmos un factor de desgaleguización da cultura feita desde Galicia.
Por outra banda, unha vez rematados os conflitos polas terras, os foros e as rendas propios do convulso século XV, os mosteiros aseguraron e incluso ampliaron as súas rendas, procedendo moitos deles á ampliación e reforma das súas instalacións, utilizando as diferentes linguaxes artísticas dominantes durante o Antigo Réxime: Renacemento, Barroco, Neoclásico.

AS LUCES DO RENACEMENTO

O renacemento deixounos en Galicia algúns bos exemplos. A influencia Italiana, flamenga, portuguesa e, por riba de todos, do renacemento castelán, deixaranse notar na arquitectura. Imos ver algunhas das obras máis destacadas dun Renacemento galego que deixa as súas mellores pegadas en Compostela e que, de tódolos xeitos, non acadará o nivel artístico que con posterioridade veremos no noso Barroco.

A primeira grande obra vai ser o Hospital Real de Santiago (hoxe coñecido como Hostal dos Reis católicos), mandado construír por Sabela e Fernando despois de comprobaren in situ que a cidade non contaba cun edificio óptimo para a acollida de peregrinos. A primeira pedra colócase en 1499 e remátase no 1511. Foi construído por Enrique Egas e por Juan de Lemos. En 1527 decórase a fachada principal cun estilo que nos remite ao plateresco castelán. O hospital foi unha dos predios importantes da primeira metade do século XVI, o que provocou que varios mestres de fora de Galicia acudisen a traballar nas súas obras. No seu retablo traballou Cornielles de Holanda, cuxa obra deixaría unha fonda pegada na cidade de Ourense con posterioridade. Outro elemento estético que nos fala do hospital como edificio de transición entre gótico e renacemento son as gárgolas que decoran o friso que percorre a fachada principal, e que carecen de función práctica.

A Catedral compostelá tamén recibe modificacións no século XVI, froito da iniciativa do Alonso III de Fonseca, do que xa comentaramos con anterioridade o seu afán por mellorar a cidade durante o seu Arcebispado. Son do século XVI o novo claustro,a portada da sancristía, a escalinata do Obradoiro ou as capelas da Concepción de Mondragón e de San Fernando. O claustro foi obra de Juan de Ávila, que introduciu no templo a influencia da arquitectura salmantina.

A outra grande obra patrocinada polo gran arcebispo compostelán foi o Colexio de Santiago Alfeo (coñecido hoxe en día como Fonseca), sé da universidade. O edificio é deseñado co fin de solucionar os problemas de espazo da Universidade. A construción do predio tivo lugar entre os anos 1533 e 1550. A partir desta data, impartíronse as clases na novas aulas. No patio cuadrangular podemos ver, xusto no medio, a estatua do propio Alonso III de Foseca. A praza está rodeada de arcadas de medio punto que forman o clustro, cuberto por unha bóveda de cruzaría. Un dos elementos máis característicos do renacemento galego témola precisamente neste edificio, na fachada principal feita por Covarrubias. Nela podemos albiscar a influencia do plateresco en Galicia.

Tamén en Santiago, e no tempo do Renacemento, foron reformados e ampliados San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares, dos dous grandes centros monásticos, que ademais nesta altura convértense en cabezas da rede de mosteiros organizada trala reforma dos reis católicos. A Igrexa de San Martiño Pinario, de planta basilical amosa unha grande monumentalidade. A fachada é de finais do XVI e nela denótase a influencia de arquitectos portugueses, nun estilo que se coñece como fachada-retablo. Posteriormente engadiríanlle elemento barrocos ao conxunto. De San Paio de Antealtares destacamos a súa monumentalidade e a sobriedade clásica da fachada que dá á praza da Quintana. Austeridade construtiva que contrasta co decorativismo dos estilos artísticos anteriores e posteriores.

Xa fora da capital de Galicia, temos unha serie de obras destacadas, tanto nas cidades e vilas máis que tiveron un maior desenvolvemento na Idade Moderna, como nos grandes mosteiros afastados dos núcleos urbanos. Imos facer un repaso por algún destes lugares sobranceiros da nosa arquitectura.

A Igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra é un dos mellores exemplares da arquitectura relixiosa ligada ao Renacemento en Galicia, ademais de exemplificar perfectamente a puxanza que a Boa Vila acadaría a partir do século XVI, chegando a se converter na cidade máis grande de Galicia por riba de Compostela e da Coruña. Santa María foi promovida a finas do século XV polo gremio de mareantes da cidade. A fachada é de claro influxo renacentista. Nela podemos comprobar a influencia do estilo manuelino portugués. O programa iconográfico é complexo, destacando a inclusión nel de personaxes mitolóxicos como Hércules ou teucro, mítico fundador da cidade.

A Porta de Carlos V de Viveiro é un exemplo de arquitectura civil monumental. Constrúese en 1548 en homenaxe a Carlos V. O seu arquitecto foi Pedro Pedroso. Nela destacan os seus elementos platerescos e a incrustación de escudos nobiliarios nos lenzos de pedra. Outros exemplos de arquitectura non relixiosa son a ponte vella de Monforte, reedificada no XVI.

Unha das obras senlleiras da nosa arquitectura Renacentista é  Colexio da Compañía de Monforte. Foi edificado a partir da última década do XVI por Juan de Tolosa, discípulo de Juan de Herrera, o grande arquitecto castelán que deu orixe ao estilo Herreriano.  A austeridade e clasicismo herrerianos están presentes no conxunto, que conta cunha igrexa central e dúas asas con cadanseu claustro. Un elemento típico do renacemento é a superposición de ordes, columnas abaixo e pilastras enriba, a utilización de elementos clásicos como as columnas, o friso,  os triglifos e as metopas, e o almofadado da fachada.

Algúns dos mosteiros pertencentes ás principais ordes regulares, instalados en Galicia desde o pleno medievo, van recibir modificacións substanciais. Este é  o caso de Sobrado e de Celanova, entre outros. Tamén destacamos desta época o Mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra. Do conxunto sobresae o seu claustro regular, que combina elementos de influencia portuguesa con outros máis clasicista. O claustro da hospedaría é dun renacentismo máis clásico. A igrexa, de finais do XVI, acusa unha supresión de elementos decorativos respecto doutras obras anteriores. O frontón triangular lémbranos as construcións máis clásicas, mentres que a introdución da liña curva nalgúns elementos da fachada estanos a anticipar o estilo barroco que xa se asomaba nesta altura.



[1] XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em  Galícia, a Forza da Palabra. Centenário da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (26)
[2] XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em  Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (28)
[3] XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em  Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (36)
[4] XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em  Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (30)
[5] ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (76)
[6] ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (78)
[7] ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (79)
[8] ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (90)

12 ene 2010

08. DO ESPLENDOR COMPOSTELÁN AO SOLPOR DO MEDIEVO EN GALICIA

A cidade de Compostela foi unha das máis importantes do Medievo Europeo. Santiago converteuse no centro espiritual do occidente cristián. A cidade medrou fortemente a partir do século XI, baixo o pulo que lle deron personaxes como o Xelmírez, ao redor da súa catedral e a actividade comercial motivada pola romaxe A peregrinación para visitar a tumba do Apóstolo Santiago foi o vieiro polo que miles de cristiáns de toda Europa se achegaron a Galicia, deixando na nosa terra unha importantísima pegada cultural.
O templo compostelán e o seu entorno compoñen un dos conxuntos máis fermosos e importantes da arte medieval. O románico acada, nesta altura, a súa máxima expresividade nos eidos da arquitectura e tamén da escultura, sobre todo co Pórtico da Gloria, obra mestra de carácter universal.

A baixa idade media é un tempo de crise que prefigura as profundas mudanzas sociais, políticas e económicas que darán lugar ao cambio de era. Galicia non vai ficar allea a este proceso, que provoca fame, pobreza, e unha gran mortalidade na poboación. O pobo galego non vai ficar mudo ante os abusos, os Irmandiños ergueranse e loitarán con dignidade ante o asoballamento ao que eran sometidos polos señores. Neste solpor do noso medievo, moitas cousas cambiarán, mais iso verémolo na segunda parte do curso...


«Ó mellor podría escribirse unha historia sintética do mundo citando unha soa cidade ibérica. Compostela. Ela, sen forza política e sen autoridade dogmática dinamizou o occidente; a peregrinación creou o camiño e o camiño, ligando, elevando e afirmando ás diversas xentes de Europa e do Mundo, foi vieiro de perfección da conciencia europea.»  [1]

A tradición cristiá fálanos da presencia de Santiago, após da morte de Xesús, predicando na Hispania. De ser certo este episodio, a súa estancia non foi moi longa, xa que no libro dos feitos dos apóstolos do evanxeo, nárrase o martirio de Santiago, no ano 44, en Xerusalén. A principios do século IX prodúcese o descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago Zebedeo (O maior) en Galicia. Foi o bispo de Iria, Teodomiro, o que da noticia sobre o achado dos restos do apóstolo, no lugar coñecido como “Arca Marmórica”. O rei Alfonso II, que foi avisado do descubrimento, nomea patrón do reino a Santiago e decide construír unha basílica para conservar os seus restos.

O mito da translación dos restos a Compostela segue a ser hoxe en día un dos máis fermosos que se conservan en Galicia. Segundo este, o corpo chegou desde Palestina a Galicia nunha barca de pedra onde o depositaran uns anxos. Esta barca chega a Iria Flavia, na desembocadura do Ulla, onde é atada á unha pedra (velaí a orixe do topónimo Padrón). Os restos do Apóstolo foron levados desta localización ao monte Libredón, por un grupo de cristiáns, onde lle deron sepultura (na arca marmórica, unha pedra onde o corpo santo afundiríase dándolle a forma do seu corpo). Para facer o traslado tiveron antes que tratar cun dos personaxes da nosa mitoloxía, a raíña Lupa, de orixe pagá e nun principio escéptica, malia que tras o episodio converteríase ao cristianismo. Lupa engana aos discípulos de Santiago, enviándolles a un campo onde moraban toros salvaxes, que por intercesión do santo convértense en bois que tirarían do carro que levou o corpo do apóstolo ao monte Libredón. Sería neste lugar mítico onde atoparían os seus restos case oito séculos despois. No Codex Calixtinus tamén se narra a historia da traslatio do corpo a Compostela. Máis adiante volveremos a citar o códice cando falemos da guía do peregrino que se recolle nas súas páxinas. Sexa como for, oitocentos anos despois da súa morte o nome de Santiago ficará vencellado a Galicia a través do mito do descubrimento do seu corpo.

Inventio para moitos, cuestión de fe para os crentes, o caso é que o achado do corpo do Apóstolo Santiago e a popularización da peregrinación cara a Compostela é un dos feitos máis relevantes da nosa historia. A cidade compostelá converterase nunha das máis importantes do occidente cristián, polo de atracción de homes, ideas e influencias culturais de moi diversa índole. Imos ver como, nun período de douscentos anos, a romaxe a Compostela se populariza de tal xeito que milleiros de europeos de moi diversa procedencia van a acudir a venerar os restos do apóstolo, influíndo tamén en todas aquelas vilas e cidades que se atopan os peregrinos antes de chegar á meta.

Unha basílica para gardar os restos do apóstolo. Esta é a orixe de Compostela, que a partir do vello templo vai ir desenvolvéndose e configurándose na gran cidade medieval que foi. Porén, nas terras compostelás atópanse restos de época sueva, romana e castrexa, o que nos amosa que, dalgún xeito, foron ocupadas desde moito antes da descuberta. Incluso no núcleo da cidade, no chan da propia catedral, descubríronse restos de época romana nas escavacións arqueolóxicas realizadas.

O descubrimento conmocionou á toda a cristiandade, e xa desde a primeira metade do século IX comeza a peregrinación, nun contexto onde Roma está en crise e a chamada Terra Santa de Palestina baixo o poder do islam. No século X a poboación de Compostela vai medrando e a cidade vai acadando cada vez máis relevancia, servindo como lugar de coroación da monarquía leonesa.

Xusto a finais deste século, no 997, Almanzor ataca a poboación e Santiago fica practicamente destruída. Mais, con todo, a razzia de Almanzor non acabou coa puxanza de Compostela. No século XI a poboación rexurdira con forza. En 1075 comeza a construción da catedral románica, froito do desenvolvemento e a popularidade que acada a romaxe, o que provoca que a antiga basílica ficase pequena para acubillar ao importante fluxo de peregrinos que naquela altura chegaban a Compostela. Configurábase, deste xeito, a época dourada de Santiago, que imos tratar a continuación.


A COMPOSTELA DE XELMIREZ

O bispo Xelmírez, personaxe histórico e figura mitificada, gabado por uns e deturpado por outros, é un dos personaxes chave para explicar esta época da historia da Galicia do pleno medievo. A súa personalidade, profunda formación intelectual e astucia política converterono nun home fundamental na vida do seu tempo. Como exemplo disto, vemos como asinaba as súas cartas:

«Diego, pola Gracia de Deus Arcebispo da sé compostelá e Legado da Santa Igrexa de Roma, aos venerabes e amados irmáns en Cristo, arcebispos, bispos,abades e xerarcas todos da Santa igrexa, tamén aos reis, condes e demais príncipes, e a todo o pobo cristián»
[2]

Imos coñecer algúns dos feitos máis importantes da súa vida. Diego Xelmírez nace en Padrón no ano 1059, nunha familia de orixe nobre que gobernaba a comarca de Iria. O seu pai, Xelmirio, estaba ás ordes do bispo compostelán Diego Páez. Foi educado na corte e sendo novo (no ano 1093) pasou a ser secretario do Conde Raimundo de Borgoña, casado con Urraca (filla do rei Afonso VI) e gobernador de Galicia. Xelmírez foi un firme defensor da reforma gregoriana, que procura a mudanza de costumes no clero, o reforzo da autoridade papal, a independencia da igrexa nos asuntos eclesiásticos fronte o poder da monarquía e a nobreza, e, en certa medida, a supremacía social dos oratores fronte o poder temporal.

No ao 1093 tamén é nomeado administrador da diócese compostelá. Ao ano seguinte toma parte na reconquista, acompañando a Raimundo de Borgoña ata Lisboa. Por esas datas Compostela pasa a ser sé definitiva da diocese en substitución de Iria.

No ano 1100 foi nomeado Bispo de Compostela tras a súa peregrinación a Roma,onde trata co papa Pascual II. Catro anos máis tarde viaxaría outra vez á cidade vaticana; na segunda visita a sé papal pasa polo mosteiro de Cluny, un dos centros da cristiandade do século XII. Nesta primeira década da centuria as costas galegas estaban ameazadas polos normandos, como resposta Xelmírez manda reforzar as torres do oeste de Catoira.

En 1111 coroa ao fillo de Raimundo e Urraca, Afonso Reimúndez, como rei de Galicia, que reinaría en Castela e León co nome de Afonso VII. Nestes anos actúa como diplomático e como administrador da diócese, en ambos os dous ámbitos con evidente éxito. Enriquece o patrimonio da sé de Santiago nun momento onde as obras da nova e maxestosa catedral esixían un grande esforzo económico. A través dos foros asinados nestas datas, a diocese e a cidade de Santiago aseguraba a súa riqueza. Participa activamente na política da época apoiando á nobreza galega. En 1117 asiste á paz de Sahagún entre dona Urraca e o seu fillo Alfonso Raimúndez. Actúa como protector deste último, en compañía do conde de Traba, don Pedro Froilaz, en defensa dos intereses da nobreza galega.

Unha das datas fundamentais na súa traxectoria é o nomeamento como arcebispo, no ano 1120, o que lle vai permitir o control da diócese de Mérida e a independencia de Braga e Toledo. Nos anos seguintes Braga pasaría a depender de Mérida, e Santiago sería nomeada como metropolitana do reino de León. Tamén en 1120 é nomeado gobernador de Galicia, ficando por riba da nobreza laica galega da época. En 1122 o papa Calixto II establece que cada vez que o 25 de xullo sexa domingo, ese ano establecerase como ano santo, dándolle o pulo definitivo á romaxe a Compostela. Recoñecida a súa importancia por toda a cristiandade, os peregrinos encontrarían a indulxencia aos seus pecados ao finalizar o camiño. Quizais o propio Diego Xelmírez era consciente da transcendencia da época e quere deixar constancia dela na Historia Compostelana, que se comeza a escribir a partir dese ano.

Ao final da década, Xelmírez fracasa desde o punto de vista da diplomacia, Alfonso VII é nomeado rei de Castela e León, Afonso Henriques será o primeiro rei de Portugal, e Galicia fica lonxe dos centros de decisión políticos. A súa influencia diminuirá a partir deste momento. Na década seguinte Xelmírez dedicarase a consolidar todo o traballo feito por Compostela, tendo que soportan levantamentos contra o seu poder por parte dos burgueses da cidade, que querían máis liberdade para comerciar, aproveitando o grande desenvolvemento acadado pola urbe grazas á súa catedral. Estas teimas ocupan os últimos anos da súa vida ata que morre o ano 1140.

Ata aquí algúns datos significativos sobre a vida de Diego Xelmírez, un dos personaxes sobranceiros nesa Compostela que o Arcebispo engrandeceu e que durante os século XII e XIV sería unha das cidades máis importantes da cristiandade. A través da súa personalidade e dos seus feitos podemos comprender mellor esta época. «Xelmírez esforzouse como ningún outro prelado por situar o seu propio estamento no cumio social e político de Galicia; con máis exactitude, o sector episcopal do estamento eclesiástico; e de forma inmediata, a súa propia persoa e dignidade.»
[3]  . Unha das súas máis importantes tarefas foi mudar a formación e as costumes do clero, e adaptar á igrexa galega á reforma gregoriana, como xa se fixera en Francia. Velaí unha das razóns polas que visitou Cluny.

Xelmírez actuou como un señor feudal no territorio controlado pola diócese compostelá. Administrou xustiza, cuñou moeda, cobrou rendas e prestacións persoais. Nesta altura milleiros de campesiños galegos foron servos dos mosteiros e tamén do arcebispo de Compostela. Mais, na súa época, e a pesar da súa condición eminentemente rural, Galicia non vai ficar allea ao gran desenvolvemento da actividade urbana que se albiscaba en toda Europa. Certamente, Santiago, en tempos de Xelmírez, tiña todas as condicións para medrar e para se transformar nunha das cidades senlleiras do occidente cristián, como así aconteceu.

Como quedou apuntado anteriormente, Compostela crece ao carón da catedral. Un templo, que coa popularización da romaxe vai atraendo a xentes de moitos lugares. Como consecuencia deste proceso, medra moito a actividade comercial e asistencial da cidade. Unha urbe de clérigos, comerciantes e artesáns, atraídos ante o grande fluxo de visitantes e a oportunidade de proporcionarlles servizos. Xurde, polo tanto, unha clase social nova que reborda o clásico orde feudal, a aqueles laboratores do campo hai que sumarlle agora os traballadores da cidade, homes libres que exercen a súa profesión dentro das murallas, organizados en gremios, ou que acoden á mesma a comerciar.

O gran crecemento da poboación de Compostela tivo lugar a partir da segunda metade do XII, xa con Xelmírez morto. Porén, o grande bispo compostelán foi un persoeiro fundamental no xurdimento da gran cidade. «A realidade e a mentalidade, ese é o tema. Xelmírez percibiu a realidade nova. É máis, contribuíu decisivamente a creala»
[4]  . Neste tempo organízase a cidade e prepárase para o seu crecemento. En base á peregrinación estrutúrase a nova cidade, organízanse os camiños, as portas, as rúas, regulaméntanse os mercados, etc. Estas profundas mudanzas, urbanas e tamén sociais, provocaron conflitos da nova clase contra Xelmírez, auténtico señor da cidade.

COMPOSTELA NO CÓDICE CALIXTINO

Deteñámonos agora no documento histórico que mellor reflicte como era Compostela no pleno medievo, xusto no auxe da romaxe á súa catedral. Trátase da Guía do Peregrino, que se recolle no Códice Calixtino conservado na catedral de Santiago. Este é un texto escrito polo viaxeiro francés Aymeric Picaud, e que funciona como unha auténtica guía de viaxes da época. O códice é unha compilación de textos do século XII sobre Santiago, a súa catedral e a súa historia. Presentamos, de seguido, unha escolma dalgúns parágrafos deste significativo documento:

No primeiro parágrafo seleccionado recollemos a visión do autor sobre Galicia e os galegos:

«A terra dos galegos abunda en soutos e resulta agradable polos seus ríos e os seus prados, excelentes pomares, boas froitas e clarísimas fontes. É rara en cidades, vilas e sementeiras; escasa en pan trigo e viño, mais farturenta en pan centeo e sidra, gando e cabalerías, leite e mel, ou en grandes peles silvestres e, sobre todo, en tesouros sarracenos. Os galegos acomódanse mellor que as demais poboacións españolas, de atrasados costumes, ao noso pobo francés, mais son tido por airados e litixiosos»

No capítulo IX Picaud defínenos algunhas das características físicas da Compostela do século XII, que nos axudan a comprender como daquela era unha cidade dun tamaño considerable, a xulgar polo número de portas e de igrexas:

«A cidade de Compostela está situada entre dous ríos chamados Sar e Sarela. O Sar atópase ao leste entre o Monte do gozo e a cidade, e o Sarela ao oeste. As entradas e portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase Porta Francesa; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que conduce a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega o precioso licor de Baco á cidade»

«Habitualmente atópanse nesta cidade dez igrexas, entras as que, situada no centro, resplandece gloriosa como a máis importante, a do moi glorioso apóstolo Santiago, o fillo de Zebedeo (...)»

Tamén describe a catedral e os seus arredores con minuciosidade. A súa grandeza deixoulle abraiado. Dela escribe o seguinte:

«Nesta igrexa non hai fenda nin defecto algún; está magnificamente construída, é grande, con moito espacio, luminosa, harmoniosa, ben proporcionada en anchura, lonxitude e altura, e de admirable e inefable fábrica. Ademais ten dobre planta, como un palacio real. Quen recorre por enriba as naves do triforio, aínda que suba triste, vólvese ledo e gozoso ao contemplaren a espléndida beleza do templo»

«Cando nós, os franceses, queremos entrar na basílica do apóstolo, facémolo pola porta setentrional. Diante desta entrada, xunto ao camiño, está o hospital de peregrinos pobres de Santiago, e a continuación, ao outro lado da rúa, hai un atrio do que se baixa por nove chanzos. Ao concluír a escaleira deste atrio, hai unha admirable fonte que non ten par en todo o mundo (...) unha auga doce, nutritiva, sa, magnífica, morna en inverno e fresca en verán (...) . Detrás da fonte está, segundo dixemos, o paraíso (atrio), pavimentado en pedra, no que, entre os emblemas de Santiago, véndense as cunchas aos peregrinos. Véndense alí tamén botas de viño, zapatos, mochilas de pel de cervo, bolsas, correas, cintos e herbas medicinais, así como outros moitos produtos. Os que trocan, os adegueiros e outros vendedores están na rúa Francíxena... »

Neste tempo, a grandeza das catedrais mediase tamén polo número de torres:

«Nove torres haberá neste templo: dous sobre o pórtico da fonte, outras dous sobre o pórtico meridional, outras dous sobre o pórtico occidental, outras dous sobre cada unha das escaleiras de caracol, e outra maior sobre o cruceiro no centro da basílica. Ademais toda ela está construída de poderosos bloques vivos, de cor tirando a gris e de gran dureza como o mármore. No seu interior está decorada con diversas clases de pinturas, e polo exterior está moi ben cuberta con tellas e chumbo. Sen embargo, desta relación, unhas cousas están acabadas e outras sen terminar.»

A admiración de Picaud aumenta cando fala do sepulcro do apóstolo, a súa testemuña reflicte como o autor fala desde a máis fonda exaltación:

«Este corpo atópase tamén entre os inamovibles, segundo o testemuña de San Teodomiro, bispo da cidade, que foi quen no seu dío o descubriu e non lle foi posible movelo. Ruborícense, pois, os competidores de alén dos Pirineos, que afirman posuir unha parte ou reliquias súas. Porque o corpo do Apóstolo atópase íntegro alí, divinamente iluminado con celestiais rubís , honrado por divinos aromas que emanan sen cesar, adornado con refulxentes luminarias celestes, e agasallado ferventemente por anxélicos presentes»

Tamén nos fala das persoas a cargo da Catedral e das súas costumes, así como dos actos de caridade e da atención aos peregrinos.

«No altar de Santiago habitualmente non celebra misa que non sexa bispo ou arcebispo, papa ou cardeal da mesma igrexa. Porque habitualmente hai sete cardeais na mesma basílica, os cales celebran neste altar os divinos oficios.»

«Ten esta igrexa seguindo, segundo é tradición, a serie e denominación dos 72 discípulos de Cristo, 72 cóengos que seguen a regra de San Isidoro. (...) se se quer cumprir coa xustiza divina, en calquera época do ano hai que entregar a décima parte das ofrendas do altar de Santiago aos pobres que cheguen ao hospital. Pois todos os peregrinos pobres, a noite do día en que chegan ao altar de Santiago deben recibir no hospital, por amor de Deus e do apóstolo, hospitalidade completa.»

«Polo que aos doentes refírese, deben ser atendidos alí caritativamente ata a súa morte ou ata a súa recuperación completa. Pois así se fai en San Leonardo. Cantos pobres chegan en peregrinación, reciben alí comida»

«Todo o mundo debe recibir con caridade e respecto aos peregrinos, ricos ou pobres, que volven ou se dirixen ao solar de Santiago, pois todo o que os reciba e hospede con esmero, terá como hóspede, non só a Santiago, senón ao mesmo señor, segundo as súas palabras no evanxeo: “o que vós recibe, recíbeme a min”. Houbo antano moitos que incorreron na ira de Deus por negarse a acoller aos pobres e aos peregrinos de Santiago.»

Por último, destácanos a parte máis sagrada e milagreira. A parte espiritual do templo. É así como a maxestosa construción aparece ligada á súa misión como un dos principais lugares santos da cristiandade. A través das súas verbas podemos albiscar a emoción que deberon sentir os peregrinos que, tras longos días de viaxe, chegaban por fin á meta:

«Desde o comezo da obra ata os nosos días, este templo florece co resplandor das milagres de Santiago, pois nel concédese a saúde aos doentes, restablécese a vista aos cegos, sóltase a lingua dos mudos, franquéaselle o ouvido aos xordos, dáselle movemento libre aos coxos, concédese liberación aos endiañados e, o que é aínda máis, aténdense as pregarias do pobo fiel, acóllense os seus rogos, desátanse as ligaduras dos pecados, ábrese o ceo aos que chaman ás súas portas, consólase aos aflixidos e ás xentes de todos os países do mundo alí acoden en tropel a presentar a súas ofrendas na honra do señor»
[5]

A CATEDRAL

«Hoxe, en época de turismo, todo o mundo culto coñece a Santiago, pero ¡Que diferente o espírito da moitedume de turistas que levados do motor ou do vapor procuran un repouso na sombra recóndita das pedras de Santiago, quizais o cumprimento dunha prescrición de moda, e o peregrino que deixando atrás horizontes de terra e mar, soñaba co vaporoso crepúsculo que lle ofrecía ao final do camiño o ramoflorido das torres e a auga lustral do pendón!»
Ramón Otero Pedayo [6]

A catedral de Santiago enteira e, por riba de todo, o Pórtico da Gloria, son os elementos artísticos do noso patrimonio máis universais. Pola súa beleza, pola súa grandeza e polo seu significado. Moito se ten falado dos grandes sitios patrimoniais, tentando de descubrir cal é o máis importante e senlleiro. Estes debates case sempre están trufado de localismos e resultan, ao fin, estériles. Mais, sen pecar de chauvinistas, cómpre recoñecer que o conxunto catedralicio de Compostela está no cumio da arquitectura e da escultura románica, e que é moi difícil atopar en toda Europa monumentos que acaden a súa harmonía e fermosura. para o especialista do tema, Manuel Chamoso Lamas «A actual basílica compostelá pode considerarse como o monumento supremo e máis puro de todo o arte español do período románico» [7]

A Catedral comeza a construírse no ano 1075, sendo bispo Diego Páez e rei Afonso VI. Os comezos da obra non foron doados, e, de feito, os traballos paráronse durante uns anos ata que no ano 1100 o bispo Xelmírez dálles un novo pulo. Na primeira metade do século XII vanse terminando as diferentes partes que compoñen a basílica. Primeiro a cabeceira e despois o resto do corpo, coas portadas de Praterías e de Acibechería , as bóvedas do corpo principal, o coro, etc. As obras rematan no ano 1128, aínda que nunha segunda fase acometeríanse novas obras, sendo a máis destacada destas a construción do Pórtico da Gloria.

Coñecemos algúns dos nomes dos mestres que traballaron dirixindo as obras da catedral. Bernardo “o vello” sería o primeiro Mestre, continuando a súa laboura o Mestre Esteban, primeiro, e o Mestre Bernando “o novo” a continuación. É moi probable que conformasen unha dinastía familiar de mestres construtores.

A catedral rematada en 1128 sería alterada con novas obras durante o século XII e ata a súa consagración no ano 1211. A máis importante destas modificacións é a fachada principal feita polo Mestre Mateo, que acometeu a obra seguramente entre os anos 70 e 80 do século, colocándose o dintel da porta no ano 1188. A catedral que podemos gozar hoxe en día tamén é diferente a do medievo, pois ao longo dos séculos sufriu algunhas modificacións, sendo a máis destacada a fermosísima fachada barroca.

A catedral ten planta de cruz latina, como é norma no románico. Como foi construída por pura necesidade de espacio, para acubillar aos centos de peregrinos que acudían a ela, desde o primeiro momento proxectouse cunhas dimensións colosais, 97 metros de lonxitude e 65 metros de cruceiro. A estrutura consta de tres naves, que ao chegar ao cruceiro forman unha xirola, como era costume nas igrexas de peregrinacións, pois permitían deambular aos visitantes por detrás do altar. Nesa xirola abríanse cinco capelas (hoxe só se conservan catro, transformándose unha delas na capela do Pilar).

Unha das características que conforman a beleza do templo é o esvelto, proporcionado e harmonioso do seu alzado respecto á planta. As naves están separadas por arcadas de medio punto, apoiadas en piares de planta cruciforme. Na nave central a bóveda é de canón, e nas laterais de aresta. Os dez tramos están separados por arcos faixóns .

O templo compostelán conta con triforio, unha galería que recorre as naves centrais e que tiña moita utilidade á hora de acoller aos peregrinos no templo, pois, como nos conta Picaud, estes pasaban moitas horas no mesmo, antes de emprender camiño de volta. Onde se cruzan a nave principal e o cruceiro, temos un cimborrio do século XV, que se construíu en substitución da torre orixinal. Do cimborrio colga o mecanismo que suxeita e fai voar ao botafumeiro, que é outra das grandes iconas da catedral. Na época na que foi instalado, no século XVI, cumpría a función de aliviar o cheire dos peregrinos, que fedían despois de tantas xornadas de viaxe. Evidentemente, as costumes hixiénicas eran moi diferentes ás actuais.

Un dos elementos que máis sorprenden ao visitante á catedral é a cripta. Esta foi realizada en tempos de Xelmírez, coa función de crear un espacio reservado para a oración do clero e dos peregrinos sobranceiros, apartándoos do barullo que se debería formar no templo. Este espacio está situado xusto debaixo do Pórtico da Gloria, polo que é seguro que o Mestre Mateo modificou a súa estrutura e participou na súa decoración.

A Catedral configurou tamén os espacios exteriores dentro do urbanismo de Compostela. A carón da basílica organizouse a vida da cidade, auténtico xérmolo e núcleo da cidade medieval. Poucas cidades do medievo europeo souberon respectar desde o punto de vista do urbanismo e da arquitectura o seu legado e o seu pasado como Compostela. O urbanismo do conxunto configúrase a través de catro prazas.

A praza do Obradoiro, ao que da a fachada principal (a occidental) da catedral é a máis grande e universalmente coñecida. Os catros lados están pechados por catro edificios singulares. A propia catedral, coa súa fachada barroca, o antigo Hospital Real, o Pazo de Raxoi e o Colexio de San Xerome (anexo ao pazo de Fonseca). Ademais aos lados da fachada do Obradoiro, temos o antigo claustro e o palacio de Xelmirez. Se nos decatamos, nesa praza temos unha serie de predios que por si mesmos nos falan dos diferentes usos das construcións urbanas no medievo e na Idade Moderna: catedral, palacio, hospital, colexio...

Outro destes espacios é a praza da Acibechería, tamén coñecida na época medieval como Paraíso. Trátase dunha zona de grande actividade comercial no medievo, tal e como nos describe Picaud no Códice Calixtino. Non é difícil orientarse diante dela, e saber que estamos ante a fachada norte do templo pola abundante carriza que cobre as vellas pedras de granito. Nesta praza, segundo conta o viaxeiro francés, había unha gran fonte usada polos peregrinos para lavarse antes de entrar ao templo. A portada románica, da que se conservan algúns elementos escultóricos , foi substituída no século XVIII pola actual. Como é ben coñecido, recibe este nome debido as tendas de alfaias feitas con acibeche situadas no entorno, aínda que no medievo vendíanse moitas máis cousas.

Outro dos grandes lugares que rebordan á catedral é a praza da Quintana, coa súa escalinata que salva o desnivel e con outras construcións senlleiras do urbanismo compostelán como a Casa da Parra. Desde esta praza podemos observar a cabeceira da catedral, que foi alterada desde a súa construción a finais do século XI, cun remate neoclásico. Nesta parte traseira temos acceso a catedral pola porta santa, que só se abre en ano santo. Esta porta foi erguida a principios do século XVII. Desde hai moitos anos ten lugar o ritual, cada 31 de decembro anterior á entrada en ano santo, de derrube das pedras que selan esta porta. O propio arcebispo de Santiago é o encargado de cumprir con esta tradición. A porta santa foi decorada con algunhas esculturas que proveñen do coro pétreo da catedral de Santiago, feito polo Mestre Mateo, e que foi rehabilitado en recentes datas pola Fundación Barríe.

Desde a Quintana temos acceso a outro dos espacios míticos de Compostela, a praza de Praterías, na parte sur do edificio. Esta recibe o seu nome dos mestres prateiros que tiñan, e que aínda teñen, instaladas alí as súas tendas e obradoiros. Esta praza tamén está rodeada de edificios singulares, mais o que chama a atención de seguido ao visitante a Compostela é a fermosísima fachada sur da catedral, a fachada de Praterías, que é un dous conxuntos escultóricos do románico máis fermosos da Península Ibérica. Esta portada foi realizada na primeira metade do século XII (ano 1103), no mesmo tempo no que se edificaba a catedral. A fachada conta con dous corpos e dúas grandes portas. Aos lados das portas temos once columnas (tres delas de mármore) de diferente feitura e que suxeitan, a través dos capiteis, decorados con motivos vexetais e con figuras humanas e animais, os arcos que forman as arquivoltas de cada porta. Na porta da esquerda aparecen as figuras de Moisés e San Andrés. No tímpano da esquerda represéntase a tentación de Cristo, figuras de leóns, e a famosa figura da Muller adúltera condenada a bicar a caveira do seu amante morto. No tímpano da dereita aparece, na parte superior un apóstolo con o asno e o boi da Epifanía. Na parte baixa vemos diferentes escenas de milagres de Cristo e da Paixón. No friso superior temos un conxunto de esculturas que representan diferentes personaxes do Antigo e do Novo testamento: Apóstolos, San Pedro, San Pablo, Moisés..., destacando xusto no centro da composición as figuras de Santiago o Maior entre os dous cipreses que simbolizan o monte Sión, e a de Cristo facendo a bendición. Na parte superior da portada construíronse dúas xanelas con arquivoltas e arcos polilobulados, que lle proporcionan claridade ao interior. Semella que foron tres mestres diferentes os que traballaron na realización desta portada, todos eles aportaron unha obras escultórica de excelente feitura, na que chama a atención a desorde do conxunto na distribución das figuras.

Para completar esta volta ao perímetro do templo compostelán, cómpre deterse na torre do reloxo. Edificada no século XIV o seu primeiro corpo, e rematada no século XVII cun estilo barroco polo arquitecto Domingo de Andrade, que elevou a torre ata os setenta e dous metros. Está documentado que xa existía un reloxo na torre no século XVI, polo que Compostela foi a primeira cidade europea cun reloxo na torre da súa catedral. A campá que resoa en todo o val compostelán e que marca os tempos da vida da capital de Galicia é a famosa berenguela, de case dez mil quilos de peso, que leva este nome por ser Berenguer Landoira o construtor que rematou a torre no século XIV.

O PÓRTICO DA GLORIA

...O sol poniente polas vidrieiras
D’a Soledade, lanza serenos
Rayos, que firen descoloridos
Da gloria os ánxeles y-o Padre Eterno.
Santos e apóstoles ¡védeos! parecen
Qu’os labios moven, que falan quedo
Os uns c’os outros, e aló n’altura
D’o ceu a música vai dar começo,
Pois os groriosos concertadores
Tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿Seránd e pedra?
Aqueles sembrantes tan verdadeiros,
Aquelas túnicas maravillosas,
Aqueles ollos de vida cheos?
Vos que os fixeches de Dios c’axuda
D’inmortal nome, Mestre Mateo,
Xa q’ahi quedaches homildemente
Arrollidado, falaime d’eso;
Mais c’o eses vosos cabelos rizos
Santo d’os croques, calas... y-eu rezo.

Aquí está a Groria, mais n’aquel lado
N’aquela arcada, negrexa o inferno
C’as almas tristes dos condenados,
Ond’os devoran todo-los demos
D’ali non podo quitá los ollos
Mirá asombrada, mirá con medo,
qu’aqueles todos se me figuran
Os d’un delirio, mortales espeutros,

¡Cómo me miran eses calabres
y aqueles deños!
¡Como me miran facendo muecas
Dendes as colunas ond’os puxeron!
¡Será mentira, será verdade!
¡Santos do ceo,
Saberán eles que son a mesma d’aqueles tempos!...
Pero xa orfa, pero enloitada,
Pero insensibre cal eles mesmos...
¡Cómo me firen!... Voume, sí, voume,
Que teño medo!...

Rosalía de Castro. N’a Catedral (fragmento) –Follas Novas (1880)

Imos deternos agora no Pórtico da Gloria, a obra senlleira da escultura románica europea, froito das mans dun xenio, uns deses artistas que xorden en casos excepcionais é deixan a súa pegada inmortal nunha obra mestra universal. Pouco sabemos da vida, da orixe, da traxectoria do Mestre Mateo antes do ano 1168, cando o rei Fernando II lle concede a pensión de cen marabedís de ouro ao ano como mestre de obras da catedral de Santiago. A súa biografía é incerta. Algúns historiadores da arte afirman que traballou nalgunhas igrexas francesas do camiño de Santiago, onde acadaría a pericia que amosou en Compostela. Outro dato pouco claro sitúanos a Mateo en Pontecesures, como mestre de obras da ponte sobre o Ulla. Será galego? Será francés? Isto é o de menos, sexa como for, témolo na nosa terra no intre xusto, traballando na catedral ata o ano 1188, cando coloca a última peza do pórtico. E aínda deixaría a súa pegada noutras obras galegas, ben da súa propia man, ou ben a través dos seus seguidores.

 
Sábese que Mateo acometeu a obra do pórtico unha vez finalizado o coro pétreo, desmontando e substituíndo o pórtico anterior. Dezasete metros de ancho e nove e medio de alto, que acollen máis de duascentas figuras de pedras que forman un conxunto harmonioso e perfectamente estruturado e planeado. Tres arcos de medio punto que son cabeceira das tres naves do templo, sustentados por columnas con figuras de profetas e apóstolos. As columnas repousan sobre zócalos nos que se representan figuras de animais míticos e reais.

No tímpano central, xusto no centro da composición, aparece un Cristo sentado, en maxestade, amosando as súas feridas, a través do cal se distribúen o resto das figuras. Neste arco do medio, que é moito máis grande que os laterais, represéntase o Reino de Cristo, baseado no evanxeo de Xoán. Rodeando a Cristo os catro evanxelistas cos seus símbolos (o Tetramorfo: Juan- Águia, Lucas – Touro e Marcos – León, Mateo aparece sen o seu símbolo) escribindo os seus evanxeos. Aos lados aparece un grupo de anxos portando os instrumentos da paixón, e sobre eles pequenas figuras humanas que representan ao pobo de Deus. Na arquivolta aparecen os vinte e catro vellos cos instrumentos musicais, que entoan os cánticos de loubanza a Deus, e interpretan a música celestial (os instrumentos do pórtico, moitos deles desaparecidos, foron recentemente recreados de forma artesanal).

No parteluz unha columna de mármore finamente esculpida sobre a que Mateo colocou a figura do apóstolo Santiago, tamén sentado, mirando ao visitante dun xeito doce e sereno. O apóstolo vai vestido con roupaxes de luxo cheos de xoias. No fuste represéntase a xenealoxía humana de cristo a través da icona da árbore de Xesé, de cuxas ramas xorden as figuras que emparentan a María e a Xesús co rei David e co rei Salomón. Na base da columna consérvase a pegada deixada por milleiros de peregrinos que colocan alí os seus dedos cando lle rezan ao apóstolo.

O arco da esquerda representa a historia do Antigo testamento e o pobo xudeu. Na arquivolta superior aparecen motivos vexetais. Na arquivolta central temos once figuras que fan referencia ao pobo xudeu e a palabra de Deus, cos seus símbolos como os filacterios. Na arquivolta inferior aparece Deus dando a bendición entre Adán e Eva.

O arco da dereita ten tamén tres arquivoltas. As figuras representan o xuízo final. O último destes tres grandes episodios da historia da humanidade desde a cosmovisión cristiá. Neste arco vemos diaños, figuras espidas entre serpes, e a representación das almas que se salvan e as que son condenadas ao inferno.

Por último, e dando a volta ao parteluz, o popular santo dos croques, que é, posiblemente, un autorretrato do propio Mateo, consciente da súa mestría e coa fachenda propia dos grandes artistas, ofrecendo a Deus o seu traballo.

En xeral todo o pórtico ten un sentido único, que resume o pasado e futuro da humanidade desde a óptica cristiá do medievo. As esculturas de Mateo fálannos da creación, de episodios chave do antigo testamento, que entronca con Xesús a través da familia de María. Preséntanos a vida, obra e milagres do Señor, acompañado dos seus discípulos. O ámbito celestial, no que aparece Cristo cos seus apóstolos, é o centro de toda a composición. O xeito maxistral de traballar a pedra, a complexidade temática e a grandiosidade do conxunto fan da obra de Mateo algo único na historia da arte románica. De todos os xeitos, hai algo nas esculturas do pórtico que nos anticipa os tempos do gótico. As figuras, de vulto redondo, acadan unha maior naturalidade, unha maior verosimilitude. Son máis próximas. Mateo preséntanos unha relixión que segue a mostrar o inferno, o camiño torto, aos infieis (porta dereita), mais que tamén amosa unha faciana máis amable, vencellando a obra escultórica ao perdón outorgado ao peregrino. O Cristo e o Santiago do pórtico son figuras con rostros doces, amables, que acollen ao viaxante e que invitan a entrar na casa de Deus. Unha obra única que sitúa a catedral na altura dos grandes lugares artísticos que todo amante da arte debe coñecer antes de morrer.

TEMPOS DE REVOLTA

 
As guerras irmandiñas son un dos acontecementos máis destacados da historia do medievo galego, e van marcar un cambio definitivo de época. Non podemos falar dun levantamento puntual ou espontáneo. Tampouco son un feito illado. Son froito dun proceso histórico que foi madurando durante século e medio e que estoupou no derradeiro século do medievo, nese solpor dunha era histórica de mil anos. E ocorreu dun xeito que moito despois sería o paradigma das loitas pola xustiza na nosa terra, pois o pobo ergueuse contra os abusos dos poderosos.

Desde finais do século XIII todo o occidente europeo está en crise, e Galicia non vai ficar allea a este proceso. Cómpre facer agora, ao principio, unha aclaración. Temos que entender o concepto crise non só na súa parte negativa, nese “ronsel de pragas bíblicas”, composto por fame, peste e guerra, do que fala Ramón Villares; se non tamén como situación que provoca mudanzas, cambios estruturais na sociedade.

O século XIV comeza con malas colleitas e fame. A peste espállase por todo o occidente.1348 e o ano da peste negra, data fatídica na que unha boa parte importante da poboación europea morre de súpeto e dun xeito moi cruel, causada por unha enfermidade terrible que se estende por todo o continente europeo en maior ou menor medida. As consecuencias deste proceso son unha baixa demográfica, unida a unha serie de dificultades agrarias nas que incluímos as malas colleitas, o abandono de campos e o endurecemento das condicións dos foros.

As cidades tamén mudan as súa faciana nestes derradeiros séculos da Idade Media. Algunhas cidades medran debido ao desenvolvemento do comercio marítimo e ao feito de librarse en certa medida da presión dos señoríos. Este é o caso da Coruña, Betanzos, Pontevedra ou Baiona. Outras serán focos de conflitividade ante a arela dous seus artesáns e comerciantes de seren libres ao intento de control e de obter beneficios da súa actividade económica por parte dos señores que as controlaban (xeralmente os bispos). O que desexaban era se converter en cidades de reguengo, pois estar baixo a xurisdición do monarca era menos gravoso que depender dun bispo ou dun nobre laico.

As primeiras revoltas terían lugar nas cidades, como veremos de seguido. Mais antes hai que falar doutro dos procesos cuxas consecuencias máis se deixarán notar nestes tempos. Desde o século XIV prodúcense unha serie de cambios na nobreza galega. Cambian os apelidos e tamén os comportamentos. Boa parte dos nobres galegos apoiaron a Pedro I contra Henrique de Trastámara na súa liorta polo trono de Castela, e pagaron as consecuencias (o mesmo acontecería a na segunda metade do XV, cando apoian a Xoana ‘a Beltranexa’ contra Sabela, a futura raíña católica). Novos apelidos van substituír agora a algunhas destas vellas familias caídas en desgraza. Esta nova caste vaise botar contra o pobo, asoballando aos campesiños con novos impostos e con todo tipo de abusos, rachando en boa medida o contrato feudal. Son os encomendeiros, unha nobreza agresiva, guerreira, enrocada en torres e fortificacións, sempre á procura de novas rendas, sempre dispostos á rapiña e a cometer todo tipo de atrocidades contra os seus servos.

Crise económica, fame e morte, desenvolvemento do mundo urbano que reclama máis independencia e unha nova nobreza que ten aos campesiños asolagados con todo tipo de abusos conforman o caldo de cultivo das revoltas.

Na primeira metade do século XV hai levantamentos en Santiago, Ourense e Lugo contra os señoríos eclesiásticos das respectivas cidades. Rui Sánchez de Moscoso encabezaría aos cidadáns de Compostela contra o Arcebispado. Na cidade das burgas en 1419 a ira popular provoca que o propio bispo sexa arroxado ao río Miño. En Lugo temos a un personaxe feminino encabezando a revolta, trátase da mítica María Castaña, personaxe cuxa existencia real descoñecemos.

As guerras Irmandiñas teñen un primeiro episodio coa acción da Irmandade Fusquenlla, no ano 1431. A revolta iníciase na terra dos Andrade, na comarca do Eume e As Mariñas, e esténdese ata Lugo e Mondoñedo. Campesiños e cidadáns únense en Irmandade contra Nuno Freire de Andrade, encabezados por Roi Xordo. Nun primeiro momento poñen contra as cordas ao señor da casa de Andrade, máis a revolta fracasa debido ao apoio recibido por Nuno Freire do rei castelán e o arcebispo de Compostela. Roi Xordo, personaxe histórico de Galicia recordado pola súa valentía, sería forcado na represión que sucedeu ao levantamento.

O levantamento da Irmandade Fusquenlla foi só un aviso da grande Guerra Irmandiña, que tería lugar entre os anos 1467 e 1469. A guerra preparouse con xeito desde tempo antes. Os abusos da nobreza uniron a grupos sociais moi diversos. Nesta altura fórmase en Galicia unha gran Irmandade que abrangue a un gran número de homes a loitaren contra a nobreza. Moitos concellos como A Coruña, Lugo, Betanzos ou Ferrol apoian á Santa Irmandade Xeral, que se estende por galicia como unha grande rede dirixida por Pedro de Osorio, Alonso de Lanzós e Diego de Lemos, pertencentes á baixa nobreza.

Os Irmandiños apelan ao rei de Castela ao cal lle benficiaba a formación da irmandade para recuperar certo poder nun territorio que só dominaba nominalmente, pero que na práctica, estaba en mans dos señores laicos e eclesiásticos. A Irmandade carga contra as fortalezas, símbolos da opresión e tamén centro de operacións dos seus inimigos. Na guerra foron derrubados 130 castelos e fortalezas. Ante este éxito, os nobres que eran obxecto dos ataques teñen que exiliarse en Portugal e Castela.

Mais a vitoria foi efémera. As contradicións xurdidas no seo do bando irmandiño, debido as diferenzas substanciais entre os participantes da revolta, debilitaron aos vencedores. Os señores non tardarían en organizar o súa vinganza. Pedro Álvarez de Soutomaior, o mítico Pedro Madruga, organiza un exército en Portugal e fortemente armado toma Galicia desde o sur. O arcebispo Fonseca apoia desde dentro á nobreza laica, Juan Pimentel, herdeiro do condado de Lemos, entra en Galicia polo leste desde León. En pouco tempo recuperaron o poder e castigaron duramente aos Irmandiños, que se viñeron abaixo froito da súa división e da súa inferioridade en armamento e coñecementos militares perante a forza destes señores da guerra. O Mariscal Pardo de Cela encabezaría unha represión que enchería os carballos galegos dos corpos dos campesiños axustizados.

Para coñecermos mellor o movemento irmandiño temos un bo número de publicacións que desde un enfoque máis científico ou máis novelístico achégannos a aqueles sucesos que conmocionaron Galicia. Tamén temos a sorte de contar cunha fonte directa, as testemuñas de participantes nas revoltas recollidas no preito Tabeira-Fonseca. Aínda que ninguén recoñece explicitamente ter participado na guerra, os declarantes dan unha visión moi clara dos feitos. Velaí un exemplo:

«No pasado, cando a vida estaba aínda máis exposta que hoxe, un fato de homes axuntábanse ó redor doutro ó que, a cambio da súa protección, comprometíanselle a servilo durante a súa vida e as de tódolos homes que puidesen vivir despois. Así xurdiu a nobreza. O señor tomaba entre as súas as mans do vasalo, escoitaba o seu xuramento e dáballe un bico en sinal de aceptación. pero o señor concedíalle tamén ó vasalo terras que o mantivesen, regulamentáballe os días lle tiña que traballar, o tempo no que debía combater ás súas ordes, ou as obras de reparación da súa fortaleza. Ademais comprometíase a tratar con honorabilidade ao seu vasalo, a axudalo cando o necesitase e a procurar que se lle fixese xustiza. Esa axuda mutua foi a xustificación da existencia da nobreza. Desgraciadamente, isto non é o que acontece xa nos nosos días. O señor, sentíndose forte, fixo herdeiros dos seus dereitos aos seus descendentes, e o vasalo ficou atado para sempre por un xuramento feito polos seu remotos devanceiros. O señor converteu ó vasalo nun escravo cheo de obrigas, sen dereito ningún, sen ninguén que o defenda, abafado polo seu capricho. O antigo pacto deixou de ser cumprido por unha das partes. Non hai argumento legal que xustifique ou faga necesaria agora a existencia do sometemento ao señor»
[8]

Na guerra son protagonistas dúas das figuras máis controvertidas do medievo galego: O Mariscal Pardo de Cela e Pedro Madruga. Ambos os dous participarían logo na resistencia contra da nobreza galega contra o control exercido polos reis católicos. Ambos fracasarían. Inaugurábase así unha nova etapa da nosa historia e da nosa cultura, como veremos nas vindeiras clases, xa na segunda metade do curso.

[1] RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio sobre a cultura galega. [1932]. Ed. Galaxia, Vigo, 1982 (166)

[2]
M.C. PALLARES e E. PORTELA: Galícia na época medieval. Proxecto Galícia, Tomo II. Ed. Hércules, A Coruña, 1991. (p.236) Encabezamento dunha carta de Don Diego Xelmírez.

[3]
ANSELMO LÓPEZ CARREIRA: O reino medieval de Galicia.Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2005 (363)

[4]
M.C. PALLARES e E. PORTELA: Galícia na época medieval. Proxecto Galícia, Tomo II. Ed. Hércules, A Coruña, 1991. (p.247)

[5]
Todas estas notas están recollidas da Guía del Peregrino Medieval, editada polo Centro de Estudios Camino de Santiago, en Sahagún, ano 1989. A tradución ao galego é propia. En xaneiro de 2010 ten previsto saír á luz a primeira edición en galego do códice.

[6]
RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio sobre a cultura galega. [1932]. Ed. Galaxia, Vigo, 1982 (166)

[7]
MANUEL CHAMOSO LAMAS: La catedral de Santiago de Compostela. Ed. Everest, León, 1976 (31)

[8]
XOÁN BERNÁRDEZ VILAR: Un home de Vilameán. Anatomía da revolución Irmandiña. Xerais. Vigo. 1990