11 feb 2010

11. Ilustrados, liberais e primeiros galeguistas


Durante o século das luces xurdiu en Galicia un grupo de persoas que destacaron nos diferentes eidos intelectuais e culturais, deixando unha fonda pegada na nosa historia. Na defensa da nosa lingua hai que falar do Padre Feijoo de e Frei Martín Sarmiento. Na ciencia e industria destacan nomes como o Marques de Sargadelos, José Cornide ou Domingo Fontán.

O século XIX comeza coa Guerra da Independencia, librada entre franceses, ingleses e españois en moitas localizacións da península. Galicia será escenario de importantes batallas como Rande e Elviña. Por outro lado, a cidade da Coruña converterase nun importante núcleo liberal desde onde partirán algunhas das máis destacadas iniciativas para o cambio de réxime.

O liberalismo aséntase asenta no estado español a partir do segundo tercio do século XIX. Galicia desaparece xuridicamente e queda dividida en catro provincias. Comezarán, entón, as primeiras reivindicacións de Galicia como entidade histórica con dereitos políticos. Os provincialistas serán os que reclamen a existencia histórica de Galicia ante o estado centralista. Algúns destes homes converteranse nos Mártires de Carral.

 A ILUSTRACIÓN GALEGA

Século da Luces, tempo da ilustración. Un movemento europeo que atinxe a todos os aspectos intelectuais do ser humano e que se espalla desde Francia aos diversos territorios de Europa. Filósofos, economistas, políticos, homes de letras e artistas deixaranse seducir por un movemento que pretende encher de luz á humanidade usando a arma máis poderosa da que goza: o seu cerebro e a súa capacidade de razoar. A Razón será a fonte que ilumine ao home, a ferramenta que lle faga acadar a Verdade.

A Ilustración ten os seus inimigos. Debe loitar contra os costumes establecidos, contra a ignorancia e a superstición. Para iso teñen que pór todo en cuestión, adoptar novos métodos científicos e, sobre todo, aplicar unha nova forma ‘positivista’ de ver o mundo. Subir chanzo a chanzo o camiño do coñecemento. O home pode mellorar este mundo, non se ten que conformar cunha vida mellor no máis alá.

Estas ideas irán callando paseniño nalgúns círculos intelectuais en Galicia. Non será o pensamento dominante, aínda moi dominado neste século por espírito do Concilio de Trento e da contrarreforma, máis tivo forza dabondo para deixarnos unha serie de figuras que foron os precursores, en  certo sentido, do desenvolvemento cultural da Galicia do XIX. O pensamento científico positivista tamén guiou a un grupo de pioneiros que acadaron un notable papel intelectual neste século das luces. Imos coñecer algunhas destas senlleiras figuras.

PADRE FEIJÓO

Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro naceu no lugar de Casademiro, en Pereiro de Aguiar (Ourense), en 1676. Era o primoxénito dunha familia da alta fidalguía galega, mais renuncia aos seu dereitos como morgado para ingresar na orde bieita e dedicar a súa vida ao estudio. Estudou nun primeiro momento en Ribas de Sil e despois continuou a súa formación en Samos. En 1692 é ordenado freire, e despois estivo en varios mosteiros como o de Poio. A partir de 1709 viviu en Oviedo e traballou na universidade desta cidade, sendo catedrático de teoloxía, alí permaneceu ata a súa morte en 1764, primeiro ligado á universidade e despois, xa retirado, participando activamente nos movementos intelectuais de corte ilustrado.

O Padre Feijoo é un dos precursores do movemento ilustrado en España. Dotado dunha grande formación cultural, en certa medida obtida dun xeito autodidacta, foi un librepensador dotado dunha gran capacidade crítica. Ao longo da súa vida, e sempre desde a óptica ilustrada, abordou moitos temas que van máis alá do pensamento relixioso e da súa condición de clérigo.

Feijoo criticou as crenzas supersticiosas do pobo galego, denunciou o atraso científico, sobre todo no mundo universitario ao que pertenceu, evidenciou o atraso técnico no que vivía o campo galego e denunciou a ociosidade dalgúns sectores sociais do Antigo Réxime, rexeitando aqueles comportamentos en ían en contra do progreso e da ciencia.

«A tarefa que se propón o noso sabio é sinalar ós españois os vieiros de coñecemento e o dominio da natureza, e loitar deste xeito pola depuración dunha moral e unha relixión que a mentalidade do Barroco desvirtuara coa confusión da orden natural e da orden sobrenatural»[1]

Evidentemente non foi a súa teima principal, máis temos que destacar aquí que Frei Benito Feijóo foi unha luz nese ermo que conforman os séculos escuros da nosa lingua. Dentro da súa escolma de temas e tratados, temos algúns textos nos que valorizou a lingua da súa terra. O seu espírito crítico levouno a denunciar o menosprezo cara o galego, situando o noso idioma a altura do castelán e do portugués, en orixe e importancia.

«En fin, en honra da nosa patria diremos que se o idioma de Galicia e Portugal non se formou promiscuamente a un tempo nos dous reinos, senón que do un pasou ó outro, débese discorrer que de Galicia se comunicou a Portugal, non de Portugal a Galicia. A razón é porque durante a unión dos dous reinos baixo o goberno suevo, Galicia era a nación dominante, dado que tiñan nela o seu asento e Corte aqueles
reis.»[2]

FREI MARTIN SARMIENTO

“... o deleite inefable que produce
tocar a verdade coa punta dos dedos”.


Pedro José García Balboa, que pasaría a historia como Frei Martín Sarmiento, nace en Vilafranca do Bierzo, no ano 1695. Aos poucos meses a súa familia trasládase a Pontevedra, onde pasará a súa nenez. Aos 15 anos marcha a Madrid e ingresa no mosteiro Bieito de San Martín como novicio. Na capital completa unha ampla formación en artes, teoloxía e filosofía. Neste mosteiro muda o seu nome, a partir dese intre será Martín na honra do patrón do mosteiro onde ingresara, e Sarmiento, na memoria da súa nai, da que recolle os eu segundo apelido. Sarmiento coñeceu diversos mosteiros bieitos en Madrid, Salamanca, León e Asturias. En Oviedo coincide con Feijoo, traba amizade con el e tamén compartirá unha serie de preocupacións, como a situación da lingua da súa terra natal. Eles dous, coñecedores da historia de Galicia,  valoraban a antigüidade e riqueza da nosa lingua. En 1727 remata o seu periplo e regresa definitivamente a Madrid ata a súa morte. Neses anos realiza dúas viaxes  longas a Galicia, o que lle permite entrar en contacto coa súa terra.

Unha das características fundamentais do movemento ilustrado é o seu afán de universalidade. Este é un dos principios que guían aos enciclopedistas, auténticos impulsores do movemento ilustrado desde Francia cara a Europa. En Sarmiento podemos albiscar este espírito, pois foron moitos os temas que afrontou ao longo da súa dilatada carreira. Unha das tarefas que lle ocupou máis tempo foi a correspondencia que mantivo coa coroa, a nobreza e o clero sobre diversas cuestións filosóficas e científicas que lle realizaban desde estas insittuicións, coñecedores da súa fonda formación intelectual.

Sarmiento foi un amante do medio natural, ao que consideraba a máis fermosa creación de Deus. Que a natureza fose unha creación divina non limitaba a posibilidade de que o home puidese ter un coñecemento científico dela, e por iso lanzouse a investigación e a escritura de varios tratados de botánica e do mundo animal. (Pensamientos críticos-Botánicos; Sobre el lobo cerval...)

O freire pontevedrés tamén se preocupou de aspectos prácticos que tiñan que ver cos camiños, arquitecturas e incluso de estética artística e arquitectónica. Así deixounos títulos tan curiosos como Sobre los caminos reales en toda España e Sistema de adornos de escultura, interiores y exteriores para el Nuevo Real palacio de Madrid.

Unha das súas máis fondas preocupacións foi a educación. Neste aspecto amosouse teimudo en contra do atraso das institucións da súa época. O seu pensamento sempre foi construtivo, polo que ofreceu solucións ilustradas para mudar a realidade formativa do país, como fai en Educación para la juventud. Nunca pon en cuestión a importancia da fe e da relixión, pero no tocante as demais disciplinas, estas deben ser razoadas e contrastadas de xeito experimental, amosándose seguidor das correntes empirista e positivista.

«O caso é que son tantos os terrores, fábulas e parvadas que os pais ensinan ós seus fillos, que os fan timoratos; e énchenlles para nada a fantasía de pánicos e a memoria de fábulas e contos,
o entendemento de necidades contraditorias e a vontade de antollos e mecos. A isto concorre o cariño excesivo e ó outro a demasiada ignorancia. Débense evitar na educación dos
nenos os dous atrancos do esaxerado rigor e da indulxencia desmedida. E no caso de desviarse, sexa cara ó agarimo e o afago, pois á derradeira non son da caste de burricos, que son bos a paos»[3]

Sarmiento foi un dos senlleiros defensores da lingua galega, que segundo el tiña que ter os mesmos dereitos de uso que o castelán. Ademais foi un dos pioneiros do estudo do galego. Ao longo da súa vida fixo diferentes traballos de carácter filolóxico, como o seu Conjeturas para establecer algunas etimologías de diferentes voces que se usan en España  e Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares. As súas obras senlleiras no estudo e na defensa do galego son as seguintes: Sobre el origen de la lengua gallega; Onomástico etimológico de la lengua gallega e Coloquio en mil duascentas coplas galegas

«Non tendo, pois, precedido nin concilio, nin cortes, nin consentimento uniforme dos galegos para actuar, outorgar, comerciar en lingua castelá, ¿quen o introduciu?

A resposta está patente, que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, mais os non galegos, que ós principios do século XVI anegaron o Reino de Galicia non para cultivar as súas terras, mais para facerse carne e sangue dos mellores e para cargar cos máis pingües empregos, así eclesiásticos como civís: eses foron os que por non saberen a lingua galega, nin por palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos. Non sei como toleran os bispos que cregos que non son galegos nin saben a lingua teñan emprego ad curam animarum, e sobre todo a administración do santísimo sacramento da penitencia. ¿Que é o coloquio dun penitente rústico e galego e un confesor non galego senón un entremés dos xordos?»[4]

Facendo crítica da ignorancia do clero alleo á Galicia da nosa lingua, Sarmiento recolle unha simpática anécdota na que os pecadores confesaban relacións sexuais ilexítimas e os cregos entendían que o que facían aqueles campesiños era traballar moito:

«O verbo trebellar en galego, de tripudiare, sempre significa in malam partem e dista cen leguas do honesto verbo traballar. Confesor castelán houbo que ata despois de moitos anos estivo no erro de que o mesmo era o verbo trebellar galego que o trabajar castelán, e ós penitentes que confesaban que trebellaran tantas veces, dicíalles que en días festivos só podían trebellar unha hora, pero que nos días soltos podían trebellar ad laudes et per horas.»

A súa obra máis importante no tocante á nosa lingua foi o Coloquio en mil duascentas coplas galegas. Foi escrita por Sarmiento a finais do ano 1746, despois dunha das dúas grandes viaxes de Madrid a Galicia. Trátase dun compendio de voces e de termos do galego da época, dos que ofrece ao lector os seus significados e moitas veces a súa orixe etimolóxica. Estamos diante dun documento fundamental para coñecer a lingua popular de gran parte dos galegos do antigo réxime, unha auténtica luz ilustrada nas tebras da lingua galega durante os séculos escuros. No rexurdimento, un século máis tarde,  coñeceuse e valorouse esta obra fundamental.  En palabras do profesor Henrique Monteagudo “Trátase dun escrito de valor excepcional, pois constitúe ó mesmo tempo un dos primeiros ensaios de restauración do cultivo escrito do idioma galego despois da decadencia tardo-medieval, e unha achega fundacional á lingüística galega. Isto outórgalle unha significación absolutamente emblemática na historia do idioma galego.” O orixinal autógrafo consérvase na Biblioteca Nacional, considerándose unha das xoias da nosa literatura. Velaquí un breve exemplo das moitas entradas recollidas por Sarmiento, velaquí a súa escolma de insultos en galego:



1. Almallo
2. Arroaz
3. Adramán
4. Alarbe
5. Arrocheyro
6. Aforra gaytas
7. Animal
8. Bausan
9. Baldragas
10. Baldrocas
11. Boleyro
12. Cirolas
13. Cirolán
14. Congorzo
15. Cortezudo
16. Codeo
17. Cazoleyro
18. Calazeyro
19. Carrejon
20. Cañon
21. Canaves
22. Centulo
23. Choqueyro
24. Castroeyro
25. Calancrán
26. Empreña vellas
27. Esculapeyro
28. Escoler
29. Estantiga
30. Farouteyro
31. Felpudo
32. Farulleyro
33. Farfulleyro
34. Faramalleyro
35. Furta bestas
36. Fura bolos
37. Gurumante
38. Gorxón
39. Galdrupeyro
40. Galdrumeyro
41. Godallo
42. Lanudo
43. Laparo
44. Labrego
45. Lapa caldos
46. Lambon
47. Lambroiras
48. Lamboeyro
49. Lambaz
50. Lambuzas
51. Lambuzeyro
52. Lambisqueyro
53. Lampantin
54. Larfon
55. Larpon
56. Larpeiro
57. Larouzas
58. Larafouzas
59. Lampreeiro
60. Lobeyro
61. Lacoeiro
62. Lacuzeyro
63. Lacuzán
64. Labanco
65. Laberco
66. Laranxo
67. Lareyro
68. Larengo
69. Longueirón
70. Maloutan
71. Matulas
72. Mullidas
73. Mazacote
74. Mazabarrigas
75. Manteigueyro
76. Marra-hum
77. Macanquè
78. Macaco
79. Nubeiro
80. Ninguen
81. Nugallan
82. Palurdo
83. Porqueiro
84. Polaynudo
85. Palanquin
86. Rasca mulas
87. Raspalleyro
88. Sangual
89. Sandio
90. Toleyro
91. Toleyron
92. Talludo
93. Tumba lobos
94. Trancho
95. Taleygueyro
96. Vergante
97. Xoubio
98. Zancado
99. Zimbron
100. Zorrega peidos
e Mixiriqueyro


Ademais dedicou outras dúas obras a Galicia, a partir das súas viaxes. Nela fai unha descrición de carácter etnolóxica sobre a Galicia de mediados do XVIII. En todas as obras que lle dedica, podemos albiscar un profundo amor pola súa terra, e un pensamento moi avanzado no tocante aos dereitos históricos de Galicia e ao valor da súa cultura popular, asentando os alicerces sobre os que actuarían os grandes estudosos do rexurdimento do século XIX.

«Este grande amor pola súa Terra marcou o seu traballo científico e investigador. Busca unha auténtica “significación lingüística”. É un home fondamente preocupado pola comunicación dos homes, polo desenvolvemento intelectual do neno a través da palabra.Comprende e denuncia o conflito lingüístico, tomando partida decididamente pola lingua popular, pola lingua galega, e aporta valiosísimos traballos neste eido. (...) O seu empeño é coñecer e dignificar a Lingua Galega e, a través dela, Galiza e as súas maltratadas xentes».[5]

JOSÉ CORNIDE

Continuamos esta ollada polo máis senlleiro da nosa ilustración falando dun intelectual de primeiro orde como foi Cornide. O feito de que prácticamente todos os intelectuais e ilustrados teñan unha orixe social nobre ou fidalga explícase desde a óptica de que só desde unha posición económica desafogada podían dedicar a súa vida ao desenvolvemento científico e intelectual. Estes homes van procurar o benestar e a mellora das condicións de vida das clases populares a través da educación e das melloras científicas, porén, na maioría dos casos, non se van cuestionar a orde social vixente. Cómpre lembrar nesta altura a máxima que rexia na ilustración francesa promovida desde a coroa: “todo para o pobo, pero sen o pobo”. O pensamento liberal chegaría con posterioridade, como consecuencia desta liberdade de pensamento e das contradicións internas dun Antigo Réxime que pronto entraría en crise.

José Andrés Cornide Saavedra e Folgueira naceu na Coruña en 1734, nunha familia nobre da cidade. Desde moi novo foi completando unha ampla formación  en diferentes eidos intelectuais, como era habitual neste século das luces: foi poeta, erudito, investigou en aspectos como a xeografía, a arquitectura, a economía, as ciencias naturais, etc. Estudou humanidades na Universidade de Santiago de Compostela. Foi rexedor da cidade da Coruña e de Santiago. Foi deputado nas Xuntas do Reino de Galicia e capitán da Compañía de Milicias na Coruña.  En 1765 fundou a Real Academia de Agricultura de Galicia. Ao longo da súa vida escribiu multitude de traballos sobre a xeografía, a economía e a historia de Galicia, ademais doutras obras e tratados. Viviu tamén en Madrid. Na capital ingresou na Real Academia da Historia, feito que o recoñecía como un dos principais ilustrados e eruditos da súa época.

Na súa faceta de político, como rexedor do Concello da Coruña, tocoulle vivir unha época unha de reformas na organización das cidades da coroa, como foi a creación da Milicia Urbana. Cornide foi capitán deste grupo encargado de defender a cidade de posibles ataques. Ademais foi nomeado vogal e tesoureiro do Hospicio Municipal, institución encargada da beneficencia na cidade. Naquela altura tentou pór en marcha unha das ideas ilustradas, que era facer dos hospicios non só un centro de caridade senón tamén como lugares de posta en valor da forza de traballo daqueles infelices que ingresaban no hospicio. Tamén foi rexedor perpetuo do Concello de Santiago e Deputado da Xunta do Reino, naquelas asembleas que se realizaban entre os rexedores das sete capitais de provincia galegas cada sete anos. A principal queixa que elevaron ao Rei Carlos III foi a forte tributación á que era sometido o reino.

Nunha época na que os ilustrados abríanse camiño na corte, ao carón de Carlos III, Cornide fixo carreira na capital. Foi Deputado da Xunta Nacional de Camiños. Nesta altura realiza o seu Informe sobre los caminos de Galicia, na que denuncia a pésima condición dos vieiros do noso reino. En 1761 comézase a construír o camiño real de Galicia, que pasaría desde Benavente ata a Coruña, na correspondencia de Cornide podemos albiscar a súa preocupación polos detalles da construción do mesmo.

A través da Real Academia de Agricultura de Galicia, que el mesmo funda no ano 1765, Cornide e os outros membros tentaron introducir melloras nas prácticas agrícolas dos labregos galegos, nesa altura moi precarias. Tamén reocupáronse pola formación do campesiñado, pola situación dos montes e pola investigación na introdución de novos cultivos. Estudan a utilidade de novos muíños e teares. A Academia tería unha vida de case dez anos

O mundo do mar tamén ocupou o tempo dun José Cornide que mediou no conflito entre os pescadores galegos e os fomentadores vidos de Cataluña. Estes introduciron algunhas novidades técnicas que prexudicaron aos rudimentarios pescadores galegos, como a rede chamada xávega e as técnicas de salgado. Ademais foran beneficiados pola coroa ao poder eludir a Matrícula do mar, que obrigaba aos mariñeiro a prestar os seus servizos á Mariña real. No ano 1779 publica a Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia, na que defende as novidades técnicas pero tamén aos pescadores galegos, aportando solucións para mellorar a súa condicións.

A cidade da Coruña deberá estarlle sempre agradecida a Cornide, cando colabora na creación do Real Consulado Marítimo e Terrestre de Galicia, no ano 1785. Os cometidos deste organismo eran moi variados, tratando temas relacionados coa economía, a educación e, sobre todo, cos portos.  Este organismo tutelou unha serie de melloras portuarias da Coruña. Froito das súas iniciativas construíuse un novo peirao, reparáronse as aduanas e, por riba de todo, iniciouse a reforma da torre de Hércules.

Destacamos o seu importantísimo estudo sobre a Torre de Hércules, que chegou a publicar co título de Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la llamada Torre de Hércules situada a la entrada del puerto de La Coruña. Trátase dun estudio científico e rigoroso sobre a historia do milenario faro, e sobre o proxecto da súa reforma por parte do arquitecto italiano Eustaquio Giannini, que el mesmo promovera desde o Consulado. Nas primeiras páxinas de dito estudio, don José Cornide  explicábanos o seu propósito:

«No habrá acaso en España monumento de la antigüedad, que al mismo tiempo que ha dado extenso campo a las fábulas, interese más a la curiosidad del público: una Torre fabricada por Hércules. Hispalo o Brigo; reparada por César;adornada con un maravilloso espejo que descubría las naves enemigas, a más de cien leguas de distancia; erigida, según unos,en obsequio de una imaginaria beldad, y según otros, para conservar la memoria de la derrota de tres poderosos reyes, y para servir de panteón a sus cenizas, son sin duda circunstancias tan extraordinarias, que acaso no se hallarán reunidas en alguno de los más suntuosos edificios que admiraron los antiguos, y que la fama nos ha conservado la noticia, y a lo menos sobre la mayor parte de ellos tiene nuestra torrela ventaja de haberse conservado casi tan íntegra, como ha salido de las manos de los que la fabricaron; pero el averiguar quiénes han sido estos, quién el Arquitecto; y por disposición de quién se hubiese puesto en obra; ésta es la dificultad, y este, como llevo dicho, es el objeto que me he propuesto tratar»[6]

Cornide tamén fixo un estudio sobre a lingua galega, recollendo un bo feixe de entradas na nosa lingua no seu Catálogo de palabras gallegas. Nos últimos anos da súa vida retirouse do ámbito público e desenvolveu unha grande paixón pola historia, formando parte da Academia da Historia durante os seus anos en Madrid. Desta época é o seu tratado sobre as míticas Illas Casitérides que descubriran os romanos na súa chegada a Galicia.

«Con el nombre de Casitérides fueron conocidas de los antiguos geógrafos ciertas islas, de las cuales era la voz común se había llevado el primer estaño de la Grecia: colócanlas todos generalmente en el Océano Occidental: pero los más no convienen en su precisa situación, llegando a ser su existencia no menos problemáticas que la de las famosa isla de San Borondón, que tanto ejercitó las plumas de los modernos, hasta que el erudito Historiador de las Canarias la hizo desaparecer de la escena, poniendo en modo fin a la disputa. Múéveme a la presente el ver el empeño con que los escritores extranjeros han sostenido la opinión generalmente recibida entre los Ingleses, de que estas islas no son otras que las Sorlingas vecinas a su costa, y la indiferencia con que muchos de nuestros Españoles han mirado esta pretensión, sin tomarse el trabajo de combinar lo que dicen los autores antiguos con la disposición de nuestra costa y cualidades del terreno de Galicia, a cuyos mares me he propuesto restituirlas»[7]

ANTONIO RAIMUNDO IBÁÑEZ, MARQUÉS DE SARGADELOS

Este prominente ilustrado naceu en Oscos, Asturias, no ano 1749, no seo dunha pequena familia fidalga. Desde que era novo amosouse como un emprendedor e un precursor, tratando de introducir no reino español as novidades producidas noutros países máis avanzados. O seu pai era notario, e con el debeuse formar, pasando despois a traballar en Ribadeo como administrador dunha casa comercial. Non tardaría moito en facerse coas rendas do negocio. Converteuse nun comerciante de éxito, medrando en pouco tempo a súa situación social e económica. Comerciou nestes anos con aceite, con liño, con viño e augardente e con ferro, introducindo e dándolle saída a estes produtos desde Galicia e Asturias. Vemos pois, como na segunda metade do XVIII xa era posible, en certos casos, mudar a condición familiar grazas as oportunidades de negocios que se abrían para os emprendedores. Non se conforma Antonio Raimundo Ibáñez co seu éxito comerciante e faise el mesmo armador, fundando a Real Compañía Marítima, e comezando a comerciar coas Indias e tamén con lugares daquela tan exóticos como Rusia, Suecia ou Terranova. Nesta altura asóciase co Compostelán José de Andrés García, que lle financiará nos seus ambiciosos proxectos de negocios.

A partir do ano 1791 comeza a erguer o complexo de Sargadelos, hoxe en día coñecido pola súa cerámica. Nun primeiro momento xurde como unha potente siderurxia, a altura das que comezaban a proliferar en Europa ao calor do proceso da industrialización. Contaba para a empresa co apoio do Primeiro Minsitro Godoy desde Madrid, que lle aseguraba contratos para adquirir municións para a Armada Española. En 1794 comeza a funcionar o complexo, no que se fabrican, ademais de balas de canón, todo tipo de obxectos pesados de ferro, elementos de uso cotiá e ferramentas. A fábrica non tardou moito en entrar en decadencia debido ao difícil abastecemento de carbón e a competencia sufrida desde outras instalacións. Ademais o marqués de Sargadelos atopouse co rexeitamento de boa parte da poboación autóctona, debido á deforestación que a súa fábrica provocaba na comarca. Consecuencia disto, no ano 1798 sufriu unha revolta que causou graves danos na siderurxia, que co tempo tivo que pechar.

No ano 1806 Antonio Raimundo Ibáñez crea a fábrica de louza que lle deu sona, nas mesmas instalacións da siderurxia, repoñéndose así do fracaso anterior. Apenas podería ver o éxito da súa iniciativa, xa que morrería en 1808. As circunstancias do seu pasamento non ficaron moi claras. En 1808 coa Guerra da Independencia xa en marcha, forma parte das xuntas de defensa de Ribadeo. Cando estas capitulan ante os franceses, o marqués de Sargadelos é acusado de traidor e afrancesado polos do seu bando, que rematarían por asasinalo.

O seu fillo José Ibáñez tomaría as rendas dos negocios familiares e, especialmente da fábrica de louza, que funcionaría durante catro etapas ata o ano 1879, chegando a ser unha referencia na península ibérica e un centro de exportación moi importante. A cerámica de Sargadelos, ademais do seu gran volume de produción industrial, acadou un resultado estético máis que notable, estando representada a través das súas máis senlleiras pezas en moitos dos museo galegos.

Raimundo Ibáñez foi un home dunha ampla cultura e erudición, a pesar de non poder cursar estudios universitarios. Paradigma do ilustrado emprendedor, foi quen de se converter no introdutor do modelo capitalista moderno naquela España que aínda conservaba usos e costumes propios do Antigo Réxime. Ibáñez aínda tivo tempo en vida de traer ao mundo a nove fillos, que deron continuidade á súa tarefa emprendedora. Cando morreu estaba a se tramitar o título de Marqués de Sargadelos para a súa persona, título co que pasou á historia aínda que nunca gozara del en vida:

«La población es la que constituye la riqueza y la fuerza de los Estados. No puede sostener el progresar sino por medio de la industria, fábricas, comercio y navegación, cuyos ramos son el poderoso agente de la industria, que es la primera, la más esencial e indispensable de las artes.»[8]

DOMINGO FONTÁN

Xa no século XIX temos que destacar a un dos máis importantes xeógrafos daquela época, que naceu e traballou na Coruña. A Fontán cabería incluílo nas case nas tres categorías da clase de hoxe. É un dos principais representantes da ilustración galega pola súa grande formación e calidade como científico, sendo recoñecido como o primeiro autor do estado dunha cartografía moderna. É liberal, pois ese foi o seu compromiso ideolóxico e como liberal exerceu de secretario da Deputación Provincial de Galicia durante o trienio liberal (1820-1823) e como deputado nas cortes a partir do ano 1836. Por último, é un dos primeiros galeguistas polo seu compromiso coa terra tanto na súa labor de político como de xeógrafo, prestando un servizo de vital importancia para o desenvolvemento do país.

Este prestixioso xeógrafo naceu en Portas (Pontevedra) en 1788 e morreu en 1866 en Cuntis. Estudou na universidade de Santiago de Compostela e dedicouse a recorrer Galicia  desde 1817 a 1834, facendo a Carta Xeométrica de Galicia. Trátase do primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas. O mapa foi gravado en París, dado gran tamaño da folla, en 1845.

 Así comeza Fontán as súas notas sobre a Descrición xeométrica de Galicia. Neste texto podemos albiscar a vontade científica que impregna todo o seu traballo, el non quere datos que a ciencia non corrobore. Estamos ante un Domingo Fontán, paradigma do científico ilustrado, traballando sobre o terreo:

«Levantar la carta geográfica de un reino es emprender una obra original en su clase, y en nada parecida a los mapas que diariamente se publican. No se recurre para ello a datos ajenos cuya exactitud no esté comprobada; es forzos adquirirlos sobre el terreno, trasladándose a el para dibujarle (...)»[9]

   O propio don Domingo recoñecía o grande esforzo feito para a realización deste mapa. Acerca da triangulación da provincia de Ourense, labor que fixo el só, dicía:

«La más ímproba de un trabajo en el que hemos empleado dieciseis años de una vida... Basta con decir que nuestras estaciones exceden de dos mil»[10]

Este mapa non ten parangón con ningún que se fixo ata a aparición da cartografía por satélite. O seu nivel de detalle é extraordinario, recollendo todos os accidentes xeográficos, as curvas do relevo e máis de 4000 parroquias, por exemplo.

  Despois de facer o mapa, Fontán foi deputado polo Partido Liberal, participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia en Lousame (1863) e no proxecto do primeiro camiño de ferro galego entre Santiago e Carril (1858). Actualmente está soterrado no panteón de galegos ilustres, en San Domingos de Bonaval.

A GUERRA DA INDEPENDENCIA E OS PRIMEIROS LIBERAIS

No ano 1808 o exército de Napoleón penetra na Península Ibérica con destino a Portugal. A presencia das tropas estranxeiras en España non foi ben vista por unha boa parte da poboación,que se vai erguer contra esta presencia francesa, que pretendía, por outra banda, acabar co absolutismo borbónico e mudar a dinastía gobernante a favor de José Bonaparte, irmán do célebre Napoleón. O conflito, que se estende ata 1814 vai ter numerosos escenarios e vaise converter, de feito, en dúas guerras: por un lado, o exército francés contra as tropas británicas e portuguesas; por outro lado, o pobo español, organizado en guerrillas, contra o ocupante estranxeiro.

Ademais de ser un conflito internacional contra o imperialismo napoleónico, na Guerra da Independencia hai en xogo un compoñente ideolóxico moi importante, entre absolutistas, liberais “patriotas” e “afrancesados”. As forzas están parellas entre as correntes ideolóxicas, e incluso chégase a promulgar en Cádiz unha Constitución liberal, no ano 1812. Co abandono definitivo do territorio das tropas napoleónicas, as arelas liberais fican destruidas ao se producir a restauración borbónica na figura de Fernando VII, que retorna ao absolutismo e castiga con dureza aos liberais. Galicia foi escenario dalgunhas sonadas batallas entres os dous bandos. As máis importantes libradas no noso territorio foron as de Elviña e Pontesampaio.

Na batalla de Elviña enfróntanse, no mes de xaneiro de 1809, as tropas francesas do xeneral Sout, que ocupaban Galicia, e as británicas, ao mando de Sir John Moore, que planificaban a retirada desde o porto coruñés cara as illas británicas. Máis de 30.000 soldados dos dous bandos participaron no enfrontamento, considerado un éxito británico, pois unha vez cercadas as tropas, conseguiron defenderse e lograr embarcar cun reducido número de baixas (uns 900 homes dos 14.000 que compoñían as forzas inglesas). Os franceses ocuparon a cidade despois da marcha das tropas inimigas. Sir John Moore foi lembrado na cidade como un heroa, ficando a súa tumba nos xardíns de San Carlos. Son moi coñecidos os versos que lle dedicou Rosalía de Castro:


  «¡Cuan lonxe, cánto, das escuras niebras,  
 dos verdes pinos, das ferventes olas  
 que o nacer viron, dos paternos lares,  
 do ceo da patria que o alumóu mimoso,  
 dos sitios, ai, do seu querer; qué lexos  
 viu a caer baixo enemigo golpe  
 pra nunca máis se levantar, coitado!»

ROSALÍA DE CASTRO.

A outra batalla significativa que tivo lugar en Galicia foi a de Ponte Sampaio, no Concello de Pontevedra, no mes de xuño de 1809. Desta volta enfrontáronse as tropas españolas xunto coas milicias populares de Galicia contra o exército francés comandado polo Mariscal  Ney, que por mor do empuxe amosado polos galegos ten que deterse no seu avance cara o sur de Galicia. A presencia en Galicia das tropas napoleónicas non iría máis aló daquel verán, pois teñen que acudir cara o interior da península, a librar batalla coas tropas de reforzo británicas que entraran na meseta desde Portugal. Comezaba, pois o seu declive.

Individualismo, liberdade de pensamento, expresión e culto, participación política da burguesía e as clases medias, separación de poderes, igualdade ante a lei, dereito á propiedade privada... As ideas liberais non callaron con forza en Galicia. Un dato: en 1813, de 16 deputados elixidos nas eleccións, 15 eran absolutistas. O liberalismo galego tivo na cidade da Coruña o seu gran bastión, e tamén nalgúns núcleos en Santiago, Ferrol e outras vilas, atopou apoios, pero a meirande parte da poboación galega seguiu fiel as ideas do Antigo Réxime e viron con bos ollos a restauración do absolutismo na figura de Fernando VII. De feito, moitos participaron con gusto na represión aos liberais, moitos dos cales tiveron que agocharse ou fuxir de España.

«Durante centos de anos a Igrexa conseguira sacralizar toda a vida rural. As tarefas agrícolas realizábanas de acordo co santoral, os patróns de cada unha das miles de parroquias e os titulares dos santuarios regulaban a vida festiva da Galicia profunda, en definitiva, a Igrexa conseguira sacralizar os espazos e os tempos dos campesiños e mariñeiros, que non entendían o furacán renovador que o liberalismo pretendeu impoñer. O liberalismo só penetrou na Galicia urbana e só en determinadas capas da sociedade civil.»[11]

Como diciamos, os liberais galegos vivían nas cidades, especialmente na Coruña. Eran de orixe burguesa, preferentemente comerciantes, intelectuais ou de profesións liberais, e algúns pertencían á oficialidade do exército. Na Coruña, durante os anos da guerra, fundaran unha sociedade (El café de la Esperanza e un xornal, El ciudadano por la Constitución). Desde a cidade herculina colaboraron cos liberais de Cádiz a prol da promulgación dunha Constitución, feito que tería lugar na cidade andaluza en 1812. Despois da restauración do absolutismo, moitos se exiliaron, e outros foron encarcerados ou inhabilitados. Mais, con todo, non ficaron de brazos cruzados e desde este núcleo liberal galego deron batalla polas súas ideas. Imos coñecer algúns personaxes e feitos destacados destas loitas.

JUAN DÍAZ PORLIER

Juan Díaz Porlier non é galego e o seu vencello coa nosa terra é escaso. Porén, destacámolo por protagonizar unha das asonadas liberais con máis repercusión nesta loita polo cambio de réxime que emprenderon moios oficiais do exército.

Nace en Cartaxena de Indias, na actual Colombia, no ano 1788, fillo dun militar desprazado á América. Regresa á península e convértese nun heroe da guerra da Independencia, sendo nomeado Mariscal con apenas 27 anos grazas ao méritos adquiridos na guerra. Durante a represión contra o movemento liberal iniciada tras a volta de Fernando VII do seu exilio en Baiona, Porlier é detido en Madrid e encarcerado no castelo de San Antón da Coruña. Na cidade herculina, e a pesar de estar preso, contacta co núcleo liberal e prepara un levantamento contra o sistema establecido. Eran moitos os seus contactos entre os liberais de toda España, e moi grande o seu prestixio militar e o seu compromiso ético co movemento. Debido á súa mala saúde, é trasladado a Arteixo a tomar baños, momento que aproveita, á altura de 1815, para facer o seu pronunciamento a favor das Cortes de Cádiz.

O 19 de setembro de 1815 comeza o levantamento, apoiado polas tropas acantonadas na Coruña. Deteñen ao Capital Xeneral, deixan baixo mando liberal a cidade, e parten cara Compostela, a tomar a cidade e a convencer ás tropas que alí estaban para se unir ao pronunciamento. A altura de Ordes, no lugar de Mesón de Deus, é traizoado por un grupo de homes que o capturan e entrégan ás autoridades absolutistas. Foi xulgado e executado no Campo da Leña da Coruña, lugar onde hoxe en día a súa persoa e lembrada cunha estatua. O seu epitafio foi recollido dunha carta na que se despide da súa esposa, a quen recorda o seguinte:

“Nada te aflija el género de muerte que me dan, porque ella no deshonra sino a los malos, a los buenos les cubre de honor y gloria”

Así remata unha aventura que, desde Galicia, tentaba instaurar un novo modelo social e económico en España, lonxe dos atavismos que caracterizaban á sociedade da época. Estes pronunciamentos son froito de iniciativas case improvisadas, máis ben románticos, pero que anuncian a chegada dunha nova época. O primeiro intento liberal tería lugar no trienio 1820-1823. A partir do ano 1833 o liberalismo triunfaría definitivamente, a pesar da forte oposición do movemento carlista, que en Galicia contou con importantes apoios.

JUANA DE VEGA

Doña Juana de Vega naceu na Coruña en 1805. Filla de liberais e ilustrados que se preocupan por darlle unha formación intelectual á súa filla, feito daquela ben estraño ao tratarse dunha femia.

A súa vida ven marcada pola súa orixe e tamén polo seu matrimonio con Francisco Javier Espoz y Mina en 1821, que era un dos máis importantes homes do movemento liberal no exército, ademais dun heroe da Guerra da Independencia, na que se amosou como un valente guerrilleiro cuxas accións lle valeron obter o cargo de Xeneral, sendo especialmente recordada a súa actuación na toma de Zaragoza. Como tantos militares de ideoloxía liberal, Espoz y Mina viviu exiliado durante moitos anos.

De feito, Juana de Vega vive exiliada co seu marido en Gran Bretaña desde 1825 ata 1833. Ano no que morre Fernando VII e se instaura o réxime liberal. Pouco gozaría Espoz y Mina da España que sempre defendeu, pois en 1836 falecía na cidade de Barcelona. O estado condecorou á súa viúva, dona Juana de Vega, co título de Condesa de Espoz y Mina.

Morto o seu marido, Juana retorna á súa cidade natal e comeza a introducirse nos círculos liberais da cidade. Os salóns da súa casa na rúa Real convértense no lugar onde se reunía os máis senlleiros liberais e intelectuais da cidade. En 1841 trasládase a corte, na que estará durante tres anos, e onde ocupará varios cargos de responsabilidade no palacio real, como educadora da raíña Sabela II e tamén como camareira maior de palacio. Nesta etapa escribe o seu primeiro libro, a Historia interior do Palacio.

Despois desta etapa en Madrid retorna A Coruña en 1843. O seu prestixio será aínda maior, retomando a actividade intelectual e as famosas reunións na súa casa. Juana de Vega  sempre reflectiu un grande amor pola figura do seu marido, tanto en vida como morto. En 1851 escribiu as memorias de Espoz y Mina. O pobo da Coruña tivo a sutileza e audacia de lembraren aos dous xuntos no seu rueiro, praza de Mina e Juana de Vega: inseparables.

Nestas décadas convértese nun apoio para artistas e intelectuais novos, que obteñen o seu mecenado. Tamén destacou a Condesa polo seu apoio aos máis necesitados, chegando a fundar un novo hospicio na cidade. Preocupouse moito pola educación , fundando dúas escolas, sendo unha das súas teimas a necesidade de mellorar a formación dos nenos e nenas de diferente orixe social. Sería esta a faciana máis destacada nas últimas décadas da súa vida, na que se amosa como unha muller humilde e austera. Naquela casa da rúa Real, que tantos faladoiros e reunións acubillara, será onde morra no ano 1872.

No seu testamento deixou escrito que os seus bens debían ir parar a fundar unha entidade que se encargara de fomentar o desenvolvemento agrícola e gandeiro de Galicia. Na actualidade a Fundación Juana de Vega realiza esta función. Neste texto podemos albiscar a personalidade e actitude vital dunha das máis senlleiras mulleres que veu nacer esta terra:

«Prohivo todo género de pompa en mis funerales y que en la lápida del nicho que encerrará mis despojos, que será donde se hallan mis padres, se ponga más que mi nombre a continuación
del suyo añadiendo "Viuda del General Don Francisco Espoz y Mina, cuyo corazón se halla aquí". Todos los titulos y honores que he tenido no equivalen en mi aprecio á la dicha de haber sido la amada compañera del hombre que con tan puro y desinteresado patriotismo, quiso el bien de la Patria»[12]

Suplico con todo encarecimiento al Tribunal, Junta ó Corporacion que se halle al frente del Comercio de la Coruña, que se sirva nombrar á mi fallecimiento, una Junta compuesta de los siete primeros Banqueros ó comerciantes de esta Plaza á quienes doy el derecho de dirigir y administrar como Patronos la fundacion que á continuacion diré, debiendo nombrar entre si el Presidente y Secretario de la misma, egerciendo vitaliciamente los cargos y reemplazandose las vacantes á
medida que ocurra, para el encargo que les suplico acepten por el bien del pais, que es el siguiente. Conociendo el bien que ha de proporcionar el establecimiento de una Escuela Teorico practica de Agricultura, en todos sus ramos de que carece Galicia con gran perjuicio suyo, es mi voluntad que la casa y granja de San Pedro de Nos llamada la "Carballeyra", de sembradura de más de cien ferrados, con el agregado de los dos prados de Baltar que lindan con la misma, las dos casas principal y para colono y todas sus dependencias se dediquen á este objeto á cuyo fin le agrego todos los demas bienes que poseo(...)»[13]

OS PRIMEIROS GALEGUISTAS. REVOLUCIÓN DE 1846. MÁRTIRES DE CARRAL

O liberalismo non ía a asentarse con facilidade en España. O carlismo vai por en cuestión (polas armas) os principios liberais que guiaron, desde un punto de vista máis conservador ou progresista, as diferentes constitucións que se foron sucedendo durante o século XIX. Non serán poucos os que apoien as súas teses en Galicia e participen nas partidas a favor da figura do Infante don Carlos e, sobre todo, na defensa do antigo orde social.

Por outra banda, o novo sistema derivou nunha serie de reformas en profundidade que afectaron a todos os territorios. Unha das máis problemáticas foi a disolución dos antigos reinos e a división en provincias. En 1833 Galicia desaparece nominalmente como reino e pasará a ser un termo estritamente xeográfico sen ningún tipo de institución propia. Agora serán catro provincias (as actuais), en substitución das sete anteriores, as que conformen un territorio. Catro unidades sen vencello legal entre si.

Neste contexto xurde o primeiro movemento que poderiamos cualificar como galeguista. Serían un grupo de liberais coñecidos como os Provincialistas, os que reivindiquen a personalidade histórica de Galicia e pidan que se converta nunha xurisdición única dentro do estado.

Os provincialistas agardaron a 1846 a súa oportunidade de acción. No mes de abril, o comandante das tropas da cidade da Coruña, Miguel Solís, de ideoloxía progresista, pronúnciase en contra do goberno conservador de Narváez. Solís fai un chamamento as tropas de todo estado na procura de apoios, pero fora de Galicia fracasa, tomando o levantamento un xiro galeguista. Fórmase na cidade de Santiago unha Xunta Superior do Goberno de Galicia, que reclama autonomía respecto ao poder central e unha serie de reformas de corte progresista:

«(...) O pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galicia, arrastrando hasta aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, conságrase a engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección ós numerosos elementos que atesoura no seu seo e levantando os alicerces dun porvir de gloria...»[14]

Proclama da Xunta Superior do Reino de Galicia

A revolución prende nas principais cidades galegas, onde atopará apoios entre os núcleos máis progresistas. Desta volta a Coruña non se amosa decidida e causa vaina liderar Compostela. O movemento remata por ser derrotado polas tropas que permaneceron leais a Narváez. Santiago é tomada casa por casa e Solís e o seu grupo son apresados en Cacheiras. Cando ían para a Coruña a seren xulgados, a comitiva detense na vila de Carral. Alí, tras un xuízo sumarísimo, son asasinados, no 26 de abril de 1846, os coñecidos como Mártires de Carral. Doce homes que se converteron, desde aquela fatídica noite, en iconas da loita polos dereitos de Galicia, en Mártires da Liberdade, como loce no monumento memorial que loce no lugar onde foron fusilados desde 1904.

Neste grupo dos provincialistas destacaron figuras como Miguel Solís, cabeza da pretendida revolución, Francisco Añón, filólogo e poeta, que acuñaría a famosa frase: “Ai, esperta, Galicia, dese sono en que estás debruzada...”, e Antolín Faraldo, autor do texto da proclama e que conseguiu fuxir cara Portugal.

Estes homes son considerados os precursores dos movementos galeguistas que xurdirían na segunda metade do século XIX. Eles botaron a semente da loita polos dereitos e a lingua de Galicia. Só había que agardar que agromara. E agromou. Ademais o fixo do feito máis florido que ninguén puidera imaxinar: a través das grandes figuras do Rexurdimento como Pintos, Rosalía, Curros, Pondal...


[1] ANDRES MARTÍNEZ LOIS: O P. Feijoo: liñas medulares da gonseoloxía feixoniana.  En, O Pensamento galego na historia. USC, Compostela, 1990. (160)
[2] PADRE FEIJÓO: Theatro Crítico Universal, 1726, (Sarmiento, Martín, Sobre a lingua galega. Antoloxía / Martín Sarmiento; selección, introdución, edición, notas e índices de Henrique Monteagudo; tradución ao galego H. Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo, Vigo, Editorial Galaxia, 2002, http://www.consellodacultura.org/sarmiento/files/2008/04/sobre_a_lingua_galega.pdf)
[3] MARTÍN SARMIENTO: Sobre a lingua galega. Antoloxía / Martín Sarmiento; selección, introdución, edición, notas e índices de Henrique Monteagudo; tradución ao galego H. Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo, Vigo, Editorial Galaxia, 2002, (151)

[4] MARTÍN SARMIENTO: Sobre a lingua galega. Antoloxía / Martín Sarmiento; selección, introdución, edición, notas e índices de Henrique Monteagudo; tradución ao galego H. Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo, Vigo, Editorial Galaxia, 2002,(305)
[5] PILAR ALLEGUE: Frai Martiño Sarmiento, un ilustrado galego. .  En, O Pensamento galego na historia. USC, Compostela, 1990. (178)

[6] JOSÉ CORNIDE: Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la llamada Torre de Hércules situada a la entrada del puerto de La Coruña, 1971. (Instituto Cervantes : http://descargas.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/91371731010240506322202/021911.pdf?incr=

[7] JOSÉ CORNIDE: Las casitérides, o Islas del Estaño, Restituídas a los mares de Galicia. Madrid, 1790

[8] Vivirasturias.com
[9] GONZALO MÉNDEZ MARTÍNEZ: Domingo Fontán (Serie A Nosa Memoria). Xunta de Galicia, Compostela, 2005 (105)
[10] VVAA. Proxecto Galicia. Xeografía Xeral. 1994
[11] XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: O primeiro liberalismo galego (1808-1814); en A guerra da Independencia e o primeiro liberalismo en España e América. USC, Compostela 2009 (231)
[12] Testamento de Juana de Vega, Fundación Junana de Vega: http://www.juanadevega.org/descargas/all/testamento.pdf

[13] Testamento de Juana de Vega, Fundación Junana de Vega: http://www.juanadevega.org/descargas/all/testamento.pdf

[14] Proclama da Xunta Superior do Reino de Galicia (VV.AA: Galícia. Unha luz no Atlântico. Xerais, Vigo, 2001, (218)

2 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Ola: Creo que deberían revisar o cadro que ilustra o artigo adicado a Cornide de Saavedra é de Domingo Fontán, e a ubocación conduce a erro.

    ResponderEliminar

deixa aqui o teu comentario.