7 jun 2010

21. A IMAXE DO NOSO: A FOTOGRAFÍA E O CINE EN GALICIA


No lento vagar da historia, ao longo dos séculos, o ser humano foi capaz de ir abrindo novas canles de expresión cultural. Quen sabe cando se inventou a pintura? A danza? A música? Levan tanto tempo acompañando ao home neste camiñar polos tempos, que non temos constancia da súa orixe exacta, sendo estas algunhas das primeiras expresións culturais do home. Porén, as expresións culturais e, sobre todo as artes, renóvanse constantemente, sendo froito das diferentes sociedades e culturas que as crean, tanto as antigas como as novas. 
Coa modernidade e o desenvolvemento de novas técnicas, xorden novos modos de expresión que o ser humano –coa capacidade de acumular un gran caudal de coñecemento e de experiencias ao longo da historia- vai utilizar como vieiro de expresión artística. A fotografía, e como evolución desta, o cinema, espállanse 
por Europa no século XIX, e tamén van chegar a Galicia.
Nesta clase coñecemos como desde a nosa terra a fotografía e o cinema foron e son utilizadas como novas formas de expresión para esta ampla e rica cultura galega que estamos a coñecer no curso. Desde as primeiras experiencias no século XIX, ata as creacións dos últimos anos, cando nos atopamos unha Galicia que é capaz de producir obra fotográfica e cinematográfica de alto nivel, e que acada o recoñecemento internacional a través de diferentes premios, e da participación dos nosos máis senlleiros creadores nos certames máis importantes dentro do eido das artes da imaxe

A FOTOGRAFÍA

A técnica de captura fotográfica desenvólvese ao longo do século XIX, a partir de diferentes procedementos e avances técnicos que permiten acadar cada vez mellores resultados. Na década dos 30 invéntase o daguerrotipo, nos 50 conséguese a posibilidade da obtención de milleiros de copias a partir dun negativo, feito fundamental para a invención do fotoxornalismo. A partir da década dos 70 alixéiranse os equipos, favorecendo a toma de imaxes en exteriores e imaxes non estáticas. Ademais, nesta altura, popularízase por toda Europa e América a técnica fotográfica, instalándose en moitas cidades os primeiros estudios. En 1888 invéntase a cámara Kodak, que facilita moito a realización de fotografías a persoas sen grandes coñecementos sobre a materia. A finais do XIX moitas publicacións comezan a incluír fotografías, iniciándose tamén unha nova era na prensa.

A Galicia tamén chega a novidade da fotografía no século XIX. O que conservamos daquelas datas é máis ben escaso, se ben son as primeiras imaxes “reais” da Galicia daquela época. Na maioría dos casos trátanse de postais de vistas máis ou menos pintorescas e de retratos individuais ou de grupo. Daquela, a fotografía non era considerada unha disciplina artística, pois non se lle daba ao fotógrafo a categoría de creador, se non de simple operario ou manipulador dun aparello técnico. Subliñamos neste alborexar da arte fotográfica, a importancia da fotografía de estudio, na que se practica o retrato individual ou de grupo, e a toma e posterior venta de postais con paisaxes, xeralmente panorámicas urbanas, e tamén a inclusión na prensa das primeiras fotografías.

 Carlos García, Vistas de Santiago ca.1864 (CGAI)

PRIMEIRAS FIGURAS

Un dos primeiros fotógrafos galegos dos que temos referencia é José Vázquez Paz, coruñés nacido en 1895 cuxo legado foi recuperado fai pouco tempo polo Centro Galego das Artes da Imaxe. Dedicouse de xeito non profesional a viaxar e tomar fotografías, chegando a expoñer en París e Bruxelas na década dos 20 do pasado século. Dentro da súa obra destacan as escenas mariñas e de mariñeiros, que ademais resultan ser un documento etnográfico moi importante.

Outro dos pioneiros da fotografía en Galicia foi Maximino Reboredo Blanco, nacido nunha aldea luguesa en 1876. A súa prematura morte en 1899, cando aínda non cumprira os vinte e cinco anos, privounos dunha das carreiras máis prometedoras dentro do ámbito da fotografía en Galicia. Aínda así, Reboredo tivo tempo de percorrer as aldeas da súa provincia natal e retratar a moitas xentes dos diferentes lugares. A súa familia conservou as placas fotográficas, e o CGAI fixo unha mostra da súa obra.

Maximino Reboredo, 1892-1899 (CGAI)
Un gran fotógrafo de orixe galega, que vai traballar na primeira metade do século XX é Inocencio Smith de las Heras. Estamos ante outro coruñés, nacido en 1897, que tamén traballa de xeito amateur e que chegou expoñer a súa obra. Podemos encadrar a súa obra, principalmente paisaxística, dentro do que se coñece como pictorialismo, que é a intención de representar a beleza da natureza fotografiada, desatendendo ao valor documental da imaxe. Os pictorialistas, como Smith de las Heras, atenden ao valor estético e artístico da imaxe antes que ao utilitarismo e a representación fiel do que están a fotografar. Neste sentido, o autor fai arte, ao manipular a co seu aparello a realidade na procura dunha obra artística. A súas imaxes funcionan, en moitos casos, como símbolos da natureza e do mundo. Por outro lado, subliñamos que a tarefa do fotógrafo artista, neste caso (e en moitos outros), non se limitaba ao disparo, se non que continuaba no estudio coa tarefa do relevado, na que Smith foi un mestre, chegando a dominar a difícil técnica do bromóleo, feito que lle procuraba un acabado especial aos seus positivados.

Inocencio Smith de las Heras, 1944-60 (CGAI)

Destro do grupo dos pioneiros na fotografía en Galicia tamén destacamos a Pedro Brey, mestre de escola e fotógrafo amateur, que retratou aos seus coñecidos da parroquia de Oca (A Estrada). As súas imaxes reflicten con dignidade as facianas dos seus veciños, que abren a súa alma aos disparos da súa cámara, acadando grandes doses de mestría no xénero

Pedro Brey, A parroquia retratada 1910-1930 (CGAI)

A cidade galega que conta cun mellor arquivo histórico de fotografías é Vigo. Isto é debido, en gran medida, a extraordinaria labor que realizou a familia Pacheco a través das súas diferentes xeracións. O primeiro membro desta familia de orixe portuguesa que vai traballar de fotógrafo é Xaime Pacheco, que aprende o oficio canda o italiano Felipe Cortechi, que chega a Vigo para montar un estudio no ano 1870. A súa morte, Xaime faise co control do estudio, inaugurando unha saga de importantes fotógrafos. Ademais traballou como xornalista en diversos medios. Tanto el como seu sobriño Horacio van facer o traballo de estudio e de captura de exteriores, chegando a captar milleiros de imaxes daquel Vigo da primeira metade do século XX, en proceso de profundas transformacións económicas e sociais. No arquivo Pacheco temos ás xentes do común, aos burgueses, aos mariñeiros do Berbés, ás vellas casas, os novos predios dos vizosos industriais, á actividade nos peiraos, as vistas aéreas das Cíes, os novos barrios que van medrando a carón do antigo núcleo, as escenas da vida social, os grandes acontecementos, a vida cotiá, etc. Toda a vida dunha cidade recollida e documentada ao longo das décadas, a través dunha fotografía de calidade, obxectiva, con afán documental e cunha intención tamén claramente comercial. A través das xeración das familias, este gran arquivo contén un século da historia da cidade.

Arquivo Pacheco
Un aprendiz dos Pacheco, que co tempo vai superar aos seus mestres, e Luis Casado, coñecido artisticamente como Ksado. En 1915 independízase e monta estudio propio en Vigo, traballo que compaxina coas súas colaboracións para diferentes medios como Faro de Vigo, Céltiga, Vida Gallega... A súa obra máis coñecida foi o álbum Estampas de Galicia, realizado en 1936 e do que se chegaron a tirar 10.000 exemplares. Ksado percorre Galicia fotografando vistas de aldeas, vilas e cidades: as rúas, os monumentos, panorámicas, escenas da vida cotiá, co fin de «exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra»[1].
Nese percorrido por todos os currunchos da nosa xeografía, andaba Ksado envolto nun espírito de amor a terra, coñecedor do ideario propio das Irmandades da Fala e do nacionalismo, buscando o feito diferencial da nosa cultura nas costumes, nas tradicións e incluso nos trazos raciais dos galegos retratados, que nos lembran grazas a súa solemnidade as esculturas dun Asorey, ou aos lenzos dun Sotomayor.




Ksado, 1936 (CEF)
O último destes fotógrafos que destacamos, entre os que actúan en Galicia nesta primeira metade do século XX, é José Suárez, unha das grandes personalidades históricas dentro da fotografía en Galicia. Suárez nace na vila ourensá de Allariz no ano 1902, alí pasa a súa infancia e xuventude ata que vai estudiar a Salamanca. Igual que fixera Ksado, vai percorrer Galicia na procura de imaxes que representen o máis belo e xenuíno da nosa terra, destacando nas súas fotografías a preocupación estética e as estudiadas composicións e recursos técnicos que amosan un coñecemento fondo das vangardas da época: contrapicados, planos cortados, etc. O seu legado proporciónanos imaxes dunha extraordinaria beleza, que funcionan a modo de iconas da nosa cultura popular, como a dese neno da serie Mariñeiros que amosa fachendoso, no seu brazo, a maqueta dun pesqueiro chamado “jasilia” que un día quixera patronear. No seu ollar amósase a ledicia e a liberdade, as arelas propias da xuventude, as esperanzas nun prometedor futuro.
José Suárez foi un dos primeiros galegos que experimentou co cine, traballando en documentais sobre a vida tradicional do país.  No ano 1936 tense que exiliar e comezar unha nova traxectoria vital que o levará a América latina e incluso a Xapón, sempre na procura de novas experiencias plásticas e visuais. Ao fin, regresaría a Galicia no ano 1959, desenvolvendo unha nova carreira de fotógrafo ata a súa morte en 1974. Hoxe en día é considerado como un dos mellores artistas na historia da fotografía e o cine de Galicia.




José Suarez, 1935 (CEF)
VIAXEIROS POR GALICIA
Neste percorrido pola historia da fotografía en Galicia temos que destacar a unha serie de figuras internacionais que pasaron unha tempada en Galicia fotografando as súas paisaxes e as súas xentes, facendo auténtico traballo de campo de carácter etnográfico. O primeiro destes viaxeiros visitou Compostela na segunda metade do XIX, traballando para o Museo South Kensington (na actualidade Victoria & Albert Museum). Trátase de Charles Thurston Thompson, empregado de dita institución, que percorreu a península ibérica  na procura de vistas de paraxes pintorescas para a colección do museo. Precisamente na sala de reproducións do V&A podemos contemplar hoxe en día unha copia do Pórtico da Gloria que tanto debeu fascinar a este viaxeiro inglés.

Diapositiva 44
Charles Thurston Thompson, Compostela 1866 (CGAI)
Ruth Matilda Anderson percorreu Galicia entre os anos 1924 e 1926, facendo un traballo para a Hispanic Society de Nova York. A través do seu obxectivo captou milleiros de paisaxes e de escenas da vida cotiá de todas as bisbarras galegas. A cidade, o campo, o mar, os traballos, a festa, a casa, os traxes, a feira... Estamos diante dun exhaustivo traballo de documentación no que a fotógrafa compón unhas imaxes que destacan pola súa beleza, pureza e obxectividade. A súa obra foi presentada recentemente pola Fundación Caixa Galicia nunha ampla exposición que incluíu a publicación dun fermoso catálogo con centos de imaxes da Galicia dos anos 20, aínda que non fora esta a primeira mostra de Anderson en Galicia. Nesas imaxes comprobamos como a autora está claramente influenciada pola fotografía obxectiva e documental dos anos 20, moi afastada, pois,  dos presupostos pictorialistas doutros autores.

Ruth Matilda Anderson, Galicia 1924-1926 (FCG)

Jean Deuzaide foi un dos mellores fotógrafos franceses do século XX. En moitas ocasións viaxou alén dos Pirineos, na procura de novas imaxes da pintoresca España. Quizais unha das súas fotografías máis coñecidas foi aquela que lle tirou a Dalí, cun par de margaridas nas puntas do bigote. Este gran fotógrafo tamén percorreu Galicia entre os anos 1958 e 1961, amosándonos con obxectividade a vida cotiá na nosa terra durante aquela época. Da súa obra subliñamos o gran respecto e cariño que amosan as súas capturas cara a cultura e os modos de vida tradicionais dos galegos, se cadra moi diferentes aos que el captara noutros territorios que percorrera con anterioridade. Esta autor chegou a publicar un libro de imaxes sobre Galicia, The Ways of Santiago, no ano 1961.


Jean Dieuzaide, Palas de Rei 1961 (CGAI)

Outro fotógrafo de prestixio que visitou a nosa terra e que deixaron constancia a través da súa obra foi o catalán Ramón Dimas, que percorreu Galicia para unha reportaxe encargada pola editorial Destino, nun álbum no que sobresae os primeiros planos das nosas xentes do mar.


Ramón Dimas, Fotografías de Galicia 1956 (CGAI)

FOTÓGAFOS GALEGOS DA SEGUNDA METADE DO XX.

Manuel Ferrol foi coñecido como o fotógrafo da emigración polas emocionantes e dramáticas imaxes que tirou daquelas xentes que tiñan que embarcar á emigración. Porén, a súa traxectoria e a súa temática foi moito máis ampla. Manuel Ferrol naceu en Cabo Vilán, no contorno do Finisterrae galego. Desde novo levou unha vida de fotógrafo e reporteiro gráfico sempre vencellado a Galicia. Criouse en Vigo e xa adulto, na posguerra, abriu estudio en Betanzos, dedicándose a facer retrato e foto de estudio. Chegou a traballar para a TCE e o No-Do como reporteiro, ademais de para xornais de ámbito galego e estatal. Ata aquí unha vida máis ou menos corrente de un fotógrafo profesional, pero hai artistas que se fan grandes a través dunha obra mestra. A Manuel Ferrol, en 1957, o Instituto da Emigración encárgalle un reportaxe sobre aqueles homes e mulleres que abandonaban en masa Galicia, debido ao fracaso económico do réxime que precisamente contrataba a Ferrol para facer este traballo. Foi neste intre cando foi quen de captar a dor, o rostro máis amargo da emigración. Así e como nos conta Ferrol como participou naquel traballo:

«Chegaba o ‘Juan de Garay’ para levar-se un continxente de emigrantes e non sei porque tiña moita importáncia, xa que á totalidade das autoridades locais somáronselle os dirixentes do Instituto Español de Emigración, e mesmo veu unha autoridade internacional que era o Doutor Frings, sobriño do que era daquela cardeal de Kolónia. Eu fíxenme cárrego do traballo e aquilo era doado e difícil; podería un ficar coas autoridades ou podía meterse entre aquelas xentes que ían e viñan como sonámbulos e que só reaccionaron cando soou a buguina do barco anunciando que aquilo daba cabo, que era a hora da verdade, e que uns fican e outros teñen que irse. Onde?

A miña cámara era unha Rolleiflex que pola súa forma permitía levala baixo do brazo e pasar desapercibido. Se soubera que esta reportaxe ía ter esta transcendencia podería facer moito mais, porén, mergullado entre aquelas xentes, un sentíase contaxiado e non se tiñan anceios de facer fotos»

Nestas condicións Manuel Ferrol tirou a foto máis coñecida universalmente de Galicia. Nun soio “click”, captou as facianas desencaixadas pola tristura dun home maior e dun rapaz. Dous seres humanos a vivir a grande traxedia da separación: a familia, os amigos, a terra... Quen son estes dous? Semellan un avó e un fillo. Se cadra eles quedan e é outro o que marcha. Se nos fixamos na imaxe a ausencia tamén é dolorosa, entre eses dous falta alguén, quizais un home que é fillo e pai a un tempo. Mais, non só falta un home na foto. Falta unha xeración, mellor dito, moitas xeracións de galegos que tiveron que emigrar, que levaron medo e saudade, e que deixaron amargura e desconsolo. Nesta imaxe resúmese a dor, tamén o fracaso e a impotencia, dun pai, dun fillo, dun pobo enteiro. Vendo esta imaxe chegamos a albiscar a traxedia humana.

 Manuel Ferrol, A emigración 1957




Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, é outro dos grandes nomes que pasaron á posteridade. Se José Suárez foi un autor plenamente consciente da súa capacidade artística, Vieitez nunca tivo a consciencia de ser un artista a pesar da extraordinaria calidade do seu legado. Nacido en 1930, iniciouse na fotografía cando emigra á zona dos Pirineos para traballar como mecánico, pois alí compra cos seus aforros unha cámara Kodak. O que comeza como unha actividade de lecer pronto converteríase na súa profesión, traballando de aprendiz en Palamós antes de regresar a Galicia en 1955, onde monta un estudio propio. Na comarca da Terra de Montes, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, convértese no fotógrafo que traballa por todas as vilas e aldeas, desde a súa localidade natal de Soutelo. Nestas terras fai un gran número de retratos, debido á obrigatoriedade de ter o DNI a partir de 1960. Virxilio desprázase por toda a bisbarra facendo estes retratos sinxelos e puros: «A pesar da rapidez con que foron feitos (normalmente non realizaba máis de unha ou dúas tomas de cada persoa) teñen un grande interese tanto dende o punto de vista estético como documental, pois acaban converténdose nun exhaustivo retrato colectivo dunha comarca nun determinado momento»[2].

Ademais destes sinxelos retratos con fondo branco, fai outro tipo de retratos de grupo onde reflicte os eventos máis importantes da familias do lugar. Comuñóns, vodas, velorios de mortos, etc. Moitas das fotos eran encargadas para enviar ás familias da diáspora. É normal, polo tanto, que aqueles homes e mulleres quixeran amosar o estatus acadado grazas as remesas de cartos que recibían. Virxilio Vieitez tirou imaxes de persoas que pousan con grandes coches (“haigas”), con radios e incluso ao carón da luz eléctrica, sempre con orgullo e dignidade.

Outras das imaxes que cómpre poñer en destaque son aqueles retratos (individuais ou de grupo) tirados en exteriores, no que o elemento vexetal xoga un papel moi relevante, enmarcando aos personaxes. Eses fondos vexetais as veces reciben tratamento de bodegón, pasando de complementar a cobrar tanta importancia como os propios retratados. Nesas imaxes, paisaxe e pobo aparecen vencellados de xeito indisoluble. Os animais domésticos, especialmente os cans, tamén teñen cabida, conformando uns retratos que se saen do convencional pola súa orixinalidade e calidade compositiva.

Virxilio Viéitez, Xentes da Terra de Montes 1956-1965 (CEF)

Rematamos aquí este breve repaso polos fotógrafos históricos e pasamos a botas unha ollada a algúns dos máis sobranceiros de entre os que seguen a traballar na actualidade.

 A FOTOGRAFÍA NAS ÚLTIMAS DÉCADAS: ENCONTRO DEFINITIVO COA ARTE.

Nas últimas décadas a fotografía aséntase definitivamente como vieiro e técnica de expresión artística, compartindo espacio coa pintura, a escultura, o video-arte, e o resto das disciplinas artísticas que moitas veces van mesturarse, e cuxas fronteiras non sempre van estar claras. A fotografía fica, pois, integrada no grande corpus artístico, entrando a formar parte (iso si, de vagar) de coleccións de museos, do mercado da arte, das galerías, das exposicións, etc.

Tamén nestes últimos anos temos un avance espectacular no tocante á técnica. O desenvolvemento da fotografía e a impresión dixital, e dos programas informáticos de retoque fotográfico, vai mudar completamente o panorama creativo. A partir destes avances o mundo da fotografía dividirase entre os que prefiren seguir a tirar imaxes de maneira tradicional, e os que se adaptan as posibilidades que as novas técnicas ofrecen.

Un dos fotógrafos sobresaíntes nos últimos anos é o ferrolán Vari Caramés. Un fotógrafo moi vencellado á cidade da Coruña, onde comezou a fotografar compaxinando esta labor con outros traballos. Nos anos 80 participa na publicación 40por50: fotografía galega, unha publicación que reflicte a fotografía que se facía en Galicia naquela altura. A partir dos anos 90 comeza a traballar profesionalmente como fotógrafo, acadando un éxito que lle levaría a participar en exposicións colectivas e estar presente nas coleccións máis importantes de arte moderno, destacando as mostras individuais presentadas en importantes centros artísticos como o CGAI e o CGAC. Na súa traxectoria destacamos tamén como a mediados da década dos 90 asume con audacia o paso á fotografía en color, feito co que a súa obra acada maior relevancia.

As fotografías de Caramés son poesías do cotiá, do inmediato. A xanela como metáfora, a auga do mar e da choiva como elemento, o desenfoque como ironía contra a pretendida obxectividade da fotografía; e, sobre todo, un xeito de ollar especial, albiscando o miúdo, e captando con mestría a beleza que os demais non son quen de apreciar. Así é como Vari Caramés crea:

« CLICK
Necesito divertirme, abraiarme continuamente, fotografar é un xogo co azar.
Atráeme o reto de sacar substancia de nada. Non preciso un gran equipo fotográfico, incluso hai momentos nos que sobra a cámara.
Gozo moito facendo probas con diferentes películas, cámaras, papeis, etc. E non me importa equivocarme, quizais sexa necesario perderse para atoparse.
Os meus temas son próximos. O clima (sobre todo o mal tempo, a choiva). O cotián abráiame cando descubro que agacha un misterio. Fascíname o intemporal ¿medo á morte? As zonas escuras, a indefinición, os obxectos, en todo hai moita poesía.
Descubro o mundo a través das fotografías.
Fotografar é curiosear, pasmar e descubrir.
Creo que a fotografía, como outras maneiras de expresión, precisa doutras linguaxes para enriquecerse e potenciarse, non hai regras nin límites. Só paixón e loucura.
Adoro o jazz, Miles Davis.
Click.» (Vari Caramés)[3]

Vari Caramés, Escenarios - 4, 2006 (CN)
Manuel Sendón é, para moitos, o mellor fotógrafo galego (xunto con Caramés) na actualidade. Nace na Coruña no ano 1951, estuda matemáticas e comeza a dedicarse profesionalmente á fotografía na década dos 80, traballo que vai compaxinar coa docencia na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ademais é un dos creadores do Centro de Estudios Fotográficos de Vigo, un centro fundamental para o coñecemento da historia de Galicia en imaxes, e base documental usada para este traballo (xunto co CGAI). Fronte a tendencia actual de crear imaxes artificiosas a partir de grandes montaxes e decorados, Sendón atopa no realismo documental o seu vieiro expresivo. Imaxes cunha grande pureza e calidade estética, que ademais fan reflexionar ao espectador, pois a través das súas series, tiradas de vagar, Sendón analiza de xeito crítico o mundo que o rodea.

Manuel Sendón, derradeira sesión
Así, vai reflexionar sobre o papel da fotografía na súa serie de Paisaxes interiores, onde unhas fotografías de paisaxes espectaculares cumpren o papel de fondo para actividades da vida cotiá en lugares comúns. Tamén fai unha serie  chamada Casas doentes, na que pon en cuestión o deterioro da paisaxe a través do abandono de predios e arquitecturas, moitas veces dominadas de novo pola vexetación, grande paradoxo dunha sociedade que por unha banda vive un boom inmobiliario e por outra deixa esmorecer milleiros de edificios.

A serie máis coñecida de Sendón é Cuspindo a varlovento. O detonante foi a catástrofe do Prestige, que encheu as costas galegas de chapapote no outono de 2001. Pódese facer arte da traxedia? Na arte actual é posible (de feito, desde Goya é posible), como demostra Sendón. A través dun impresionante traballo documental, recolle todo o proceso desde que o petroleiro  encalla na Costa da Morte. O desastre natural, a mobilización da xente na limpeza, a escaseza de medios e o inxenio da xente ante a inoperancia das autoridades e, por último, a gran marea humana que supuxo o movemento Nunca Máis.

Manuel Sendón, Cuspindo a varlovento
«Os percebeiros da Costa da Morte viron arruinada a súa forma de vida e respostaron con enerxía tamén. Lembro o día de noiteboa no coído de Touriñán, onde dúas ducias de percebeiros e percebeiras recollían o chapapote con sachos como se estivesen a traballar na leira, mentras nunha segunda liña centos de soldados non daban carrexado o que eles apañaran.
Nas Rías Bixas os mariñeiros saíron a plantarlle cara ao chapapote desafiando o mar e as prohibicións. Recoverteron tixolas, galletas, angazos e demais trebellos cotiáns ao tempo que os ferreiros deseñaron curiosos aparellos idóneos para pescar o chapapote, escribindo unha das páxinas máis épicas da historia do mar en Galiza.
Mentras o barco só vertía hilillos de plastilina, o Instituto Hidrográfico Portugués informábanos de que seguía perdendo máis de 100 toneladas diarias. A información foi substituída pola propaganda política, provocando a indignación colectiva. Como consecuencia xurdiu o movemento Nunca Máis que convocando centos de miles de galegos pide responsabilidades, dinignidade e futuro para un pobo que foi maltratado. Movemento sen parangón na historia dun pobo que o tópico presenta como submiso e conservador. Sen deixar de ser un nome propio, a expresión nunca máis converteuse, incluso fóra de Galiza, en sinónimo de rebelión cívica contra a inxustiza.Na actualidade as escopetas de auga a presión seguen cuspindo a barlovento na Costa da Morte.
Longa vida para o espírito de Nunca Máis» (Manuel Sendón)

Nesta escolma dos fotógrafos máis significativos do panorama galego, non podiamos pasar por alto a figura de Tino Martínez (1952). A súa obra recolle imaxes da relixiosidade popular, tomadas en romarías e festas. A través das súas facianas, as persoas retratadas polo fotógrafo compostelán amosan ao espectador o seu interior, a fe que habita neles e que se expresa nese día de celebración da relixiosidade popular. Tino Martínez fai series do mesmo acontecemento ao longo dos anos, como acontece coa a Romaría dos milagres de Amil, á que a xente acode coa devoción de tentar de atopar un remedio aos males dun familiar. A través desas series podemos albiscar a evolución da tradición cultural, formando ademais dunha fermosa colección de  fotografía –para algúns un tanto macabras por aquilo dos cadaleitos-, un documento etnográfico de indubidable interese.

Tino Martínez, Ex-votos (CGAI)
As dúas últimas décadas dentro da arte supoñen un novo pulo para a denominada arte conceptual, que toma un novo impulso a través de obras cargadas de ironía e crítica, que se cuestionan esta sociedade posmoderna e globalizada que se formou após da caída do muro de Berlín. A fotografía e o vídeo vanse amosar como un soporte ideal para este tipo de arte, por iso non é estraño que en Galicia teñamos algúns artistas desta nova vaga, que utilizan foto e vídeo como vieiro expresivo.

Marcos Vilariño, Mariñeiros

Victoria Diehl, nacida no ano 1978, é unha das figuras máis relevantes da nova xeración de artistas galegos que se están a forman na facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo. No seu traballo Vida e morte das estatuas fai unha interesantísima reflexión sobre o pasado e o presente, sobre o elemento pétreo e o humano, sobre a vida e a morte. A través da manipulación dixital das fotografías tiradas ás estatuas clásicas, estas toman de novo vida e humanízanse, amosándose vizosas. Mais as marcas do pasado sobreviven nelas e, neste sentido, as obras feitas para seren inmortais tamén reflicten a pegada do tempo, a través das mutilacións e roturas que foron sufrindo ao longo dos séculos. A propia Victoria explícanos o seu propósito: «Presento a las esculturas  de manera que, ante la gran similitud con un ser humano seamos capaces de conmovernos, de llegar a una idea mental de que estamos  directamente frente a algo vivo; pretendo  llevaros al momento de la metamorfosis -que existe, no obstante, en nuestra mente – en el  que al admirarlas,  el cuerpo experimenta un cambio más fundamental como si deseara liberarse de su propio encierro material y escapar de los propios limites que le imponen las leyes de la naturaleza. En las fotografías se muestra como la carne y la piedra desafían la propia  anatomía, la biología, el tiempo y la razón. Se disuelven o se funden en una única naturaleza, mezclándose las dos materias: cuerpo y  objeto formando una única y enigmática criatura»[4]

Victoria Diehl, vida e morte das estatuas (CEF)

Rematamos este repaso polo máis destacado da fotografía en Galicia falando de Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978), considerado pola crítica o artista galego de maior proxección internacional. A pesar da súa xuventude xa expuxo de xeito individual e colectivo en diferentes centros de arte e galerías. Traballa por proxectos, variando de técnicas, manipulando as imaxes e pasándose de cote ao vídeo-arte, coidando moito a calidade da imaxe e as escenografías, e practicando un tipo de arte conceptual a través da cal indaga nos efectos do tempo sobre as cousas, a través de obras un tanto difíciles de entender pero que sen dúbida están a espertar expectación no panorama da arte actual.

Rubén Ramos Balsa, Ombrigos 5
O CINE EN GALICIA

O cine é fillo da fotografía. Unha vez inventada a máquina capaz de captar as imaxes, a  arela dos inventores era como facer que aquelas imaxes puideran representar o movemento. Na segunda metade do XIX empréndese unha carreira na procura do invento do cinematógrafo. Os irmáns Lumière serían os que darían forma a este magnífico achado que ía revolucionar o mundo da arte e, sobre todo, do ocio.

O 2 de setembro de 1896 chega a primeira mostra de cine a Galicia. No teatro circo da Coruña instálase un aparato cinematógrafo, feito que foi recollido pola prensa da época e que implica unha chegada moi temperá do invento á nosa terra. Neste caso o aparello usado é un kinematógrafo que estaba en xira pola península Ibérica, que chegou procedente de Asturias. Segundo as crónicas, as películas, que foron exhibidas durante doce días en diferentes sesións, deixaron abraiados aos espectadores, que puideron comprobar o movemento dun tren cara a cámara ou as carreiras de cabalos. Así se recollía a noticia na prensa:

«"...asistieron anoche varias autoridades y representantes de la Prensa, con objeto de presenciar una exhibición previa de las hermosas vistas del Cinematógrafo. Una serie de fotografías instantáneas puestas en movimiento(...) La ilusión es perfecta(...) Ya es un tren que entra en una estación,; sus ventanillas se abren, asómanse los viajeros; varios empleados colocan fardos en los furgones; algunos viajeros bajan al andén; etc., en una palabra, la más sorprendente realidad.(...)" En fín: la ilusión más perfecta y uno de los espectáculos más perfectos que se conocen(...)»
(El telegrama, 3-9-1896)

O ano seguinte chega a Galicia o cinematógrafo inventado en Francia polos Irmáns Lumière, procedente de Portugal de onde o introduciu un tal Azevedo, que proxectou as súas películas do catálogo Lumière por Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, Tui, Lugo, Ferrol e A Coruña. Nesta altura o cinema non pasaba de ser unha atracción curiosa que chamaba a atención nunha era na que os inventos e as novidades técnicas se sucedían. Poucos podían albiscar daquela que aquel aparello ía transformar para sempre o mundo da cultura, da arte e a industria do ocio.

O primeiro nome propio do cine galego foi José Sellier, que comprou un cinematógrafo Lumière e instalou un lugar de proxeccións na Coruña en 1897. Destacamos que este home de orixe francesa gravou coas súa máquina diversas tomas que despois proxectou no seu local da rúa Real. Así foi como O enterro do xeneral Sánchez Bregua ficou na historia como a primeira película feita en Galicia.

Nestas primeiras décadas da historia do cine vanse sucedendo os avances. O cine pasa de ser unha actividade ambulante a contar coas súas propias salas de exhibición. A poboación comeza a tomar o feito de ir ao cine como unha actividade máis no seu tempo de lecer. Nace o cine de ficción, que pronto vai conectar coa poboación urbana, ávida da chegada das mellores estreas. Os EUA converteríanse na gran produtora e exportadora de cinema, sobre todo a partir da chegada do primeiro filme sonoro, proxectado en Vigo en 1930 (The singing fool). En Galicia, a primeira película de ficción rodada tivo lugar no 1916, titulouse Miss Ledya e foi rodada por José Gil y Gil. A película duraba 20 minutos nos que se contaba a historia da chegada a Pontevedra de Miss Ledya katson e o seu tío millonario procedentes dos EUA. Na illa da Toxa van coincidir cos reis de Suavia, e tamén aparece por alí un anarquista que vai atentar contra eles. Na película participou o propio Castelao como extra. O CGAI conserva unha copia restaurada deste filme.

Antes da guerra se filmaron en Galicia numerosas películas documentais de carácter xeográfico e etnográfico, en parte grazas ao Seminario de Estudos Galegos. Entre os filmes máis destacados nestes eidos están os de Carlos Velo, do que falaremos a continuación, e os de José Suárez, anteriormente citado como un dos grandes fotógrafos do país.

Ademais temos, relacionadas on Galicia, dúas películas que forman parte do máis destacado da nosa filmografía. La casa de la Troya, de 1925 e rodada en Galicia, conta a historia da novela de Pérez Lugín (quen se implicou persoalmente no proxecto). Foi un grande proxecto, de case tres horas de duración e con numerosas localizacións entre as que destaca a famosa casa que lle dá título. Carmiña, flor de Galicia é a outra das grandes película de temática galega anteriores a guerra civil. Filmada polo italiano Rino Lupo en Galicia e no Porto, cóntanos a historia dos amores de Carmiña, unha bela moza que se debate entre o amor do conde Armando e o do labrego Martiño, que pretenden seducila. No personaxe de Carmiña e nos exteriores, o director amósanos unha visión de Galicia idílica, afastada dos problemas reais, máis propia dun cadro de Sotomayor.

«La expectación despertada por “Carmiña, flor de Galicia”, hizo que horas antes de empezar se agotasen los billetes en taquilla. Tan intenta expectación no fue malograda. La obra respondió con creces al interés que había despertado y los elogios a la producción enxebrísima bailan en todos los labios sin tasa y sin medida.

Emoción santa, emoción de amor a la Tierra... Sus escenas sacuden con ramalazos de galleguismo los nervios del espectador...». (faro de Vigo, 18.2.1927)[5]

Da época da república perdéronse dous filmes que, segundo as crónicas, sobrancearon pola súa calidade e pola súa descrición máis afastada dos tópicos que as anteriores: Odio (1933) e Alalá (1933),rodada polo alemán Adoph Trotz.

Na primeira década da posguerra ródanse moitas (e infames) películas en Galicia, as famosas “gallegadas” nas que de cote aparece “o pailán” como un dos personaxes. Galicia era, daquela, un escenario ideal para o rancio cine franquista. Como anécdota, comentamos que en Vilagarcía rodáronse algunhas escenas da tristemente famosa Raza, que contou co mesmísimo Franco de guionista.

Mentres isto sucedía en Galicia, en México vivía e traballaba, exiliado, o mellor cineasta que veu nacer esta terra, e o que é considerado un dos mellores creadores de documentais. Carlos Velo, nacido en Cartelle en 1909, foi lamentablemente esquecido durante décadas polo feito de facer a maior parte do seu traballo lonxe da súa querida terra. Estudou bioloxía e comezou de xeito amateur no mundo do cine sendo estudante en Madrid. Precisamente na capital, establece relación con Buñuel, e comeza a facer a súas primeiras películas. Rodou en Galicia antes de exiliarse; apenas conservamos hoxe oito minutos daquela rodaxe, sen dúbida cine de vangarda de alta calidade, moi diferente ao resto de material da época. O filme foi mostrado en París, no ano 1937 na exposición universal, recibindo o primeiro premio de mans de Luís Buñuel.

Antes de exiliarse definitivamente en México goza dunha serie de aventuras que o levan a filmar ata Marrocos: «Na guerra escondínme en Cartelle porque me perseguían, e con nome falso pasei nun tren militar, ata Sevilla. Desde alí fun a Marruecos a facer un documental sobre Yebala, unha rexión daquel país. Deixeina a medio acabar e eles rematarona logo, chamandolle "Romance Marroquí". Outras imaxes para outra película que se chamou "Harka" que aínda non vin».

En México converteuse en autor de prestixio, ficando vencellado ao exilio intelectual español da capital. No país americano, ademais de participar en numerosas actividades a prol da causa republicana e galeguista, vai filmar as súas dúas longametraxes máis sonadas, Torero (1955), documental que conta a vida do toureiro Luís Procuna; e Pedro Páramo (1960), adaptación cinematográfica da novela de Juan Rulfo, considerada como unha das obras máis importantes do cinema do país centroamericano. Nos anos 80 Carlos velo retorna a Galicia e, por fin, o seu talento sería recoñecido a través das numerosas homenaxes que recibiu.

En 1974, un coruñés chamado Ernesto Sánchez Noriega, funcionario de profesión e cineasta no seu tempo de lecer, rodaba o primeiro filme feito integramente en galego. Suevos é unha crítica irónica, mais feroz, ao matrimonio que foi censurada un ano antes da morte do ditador. Rodada con medios moi precarios é, porén, un bo exemplo de cine de calidade.

A popularización do vídeo como forma de rodaxe provoca que moita máis xente comece a facer cine. Son os anos 80, tempos de liberdade, vangarda e experimentación. Tempos tamén nos que a cultura galega vai subindo chanzos tamén no sector audiovisual, destacando a creación da Televisión de Galicia (1985), plataforma para que en Galicia comezasen a formarse técnicos audiovisuais e para a procura dunha produción propia. O cinema galego vai de vagar vivindo un auxe, ata que en 1989, Chano Piñeiro roda Sempre Sonxa, auténtico fito do noso audiovisual, pois tratouse da primeira longametraxe de ficción rodada na nosa lingua. Ese mesmo ano estréanse Urxa (Carlos lópez Piñeiro) e Continental (Xabier Villaverde). Nesta década dos 80 xorden tamén unha serie de axudas para facer cine e tamén diferentes certames e premios que incentivan a produción; o sector percorría o seu camiño cara a normalización.

Nos anos 90 continúa esta andaina cara unha industria propia, con novos fitos acadados polo noso audiovisual, destacando a obra Arde amor (Raul Veiga, 1999). As produtoras de orixe galego comezan a filmar co horizonte do mercado estatal como meta. Sería co novo século cando o cine feito desde Galicia acadaría unha posición privilexiada dentro do panorama español, asinando algúns dos títulos máis destacados, como: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), O Lápis do carpinteiro (Antón Reixa, 2002), Mar adentro (A. Amenabar, 2004), Os xirasois cegos (J.L. Cuerda, 2008), Celda 211 (Daniel Monzón, 2009), etc. Tamén nesta última década agroman en Galicia unha serie de produtoras dedicadas á animación dixital, pioneiras dentro do estado, e que asinan obras de grande éxito, incluso a nivel internacional,  como O Bosque Animado (Dygra, 2001). Mais, se queremos destacar un filme de animación pola súa calidade artística, temos que citar a fermosa De profundis (2007), de Miguel Anxo Prado, un grande exemplo de que cando en Galicia se xuntan o talento e a vontade de facer cousas, podemos acadar o cumio en todos os eidos da cultura.


Na actualidade o cine é unha industria en vías de fornecemento en Galicia, mais que xa acadou unha certa relevancia. Boa mostra diso é o premio no festival de Cannes que o galego Olivier Laxe acadou pola súa obra Todos somos capitáns (2010). Premios, bolsas para primeiras obras, mostras e festivais como o de Ourense ou o máis novo de Cans, son signos que nos amosan un sector vizoso. Dependente das subvencións (como todo o cine europeo) ante a apisoadora Hollywood, o sector  agrúpase no Clúster Audiovisual Galego. Son, na actualidade, 56 compañías que se dedican ao fermoso traballo de levar a cabo aquel soño dos irmáns Lumière.


[1] MANUEL SENDÓN, E X. L. SUÁREZ CANAL: Centro de Estudios Fotográficos de Vigo, http://www.cefvigo.com/galego/galeria_ksado.htm  

[2] MANUEL SENDÓN, X.L. SUÁREZ CANAL: Virxilio Vieitez - galería Cefvigo (http://www.cefvigo.com/galego/galeria_virxilio.htm)
[5] http://rodadoengalicia.galiciafc.org/pelicula.php?id=36

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.