8 abr 2010
17. CASTELAO E A XERACIÓN NÓS.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é o intelectual que mellor representa a esencia cultural de Galicia. Foi un home dunha gran perspicacia política, e dun grande talento artístico e literario. Puxo todas as súas dotes –que foron moitas- ao servizo do país, na procura da súa liberdade e do seu progreso. Converteuse nun mito, ademais dun dos máis destacados artistas plásticos, nun dos mellores escritores en prosa en galego do século XX, e nun dos máis importantes teóricos do pensamento galeguista e nacionalista.
Castelao coñeceu o éxito, sendo recoñecido en vida como a alma mater dun movemento político e cultural sen o cal quizais a galeguidade estaría hoxe en día perdida, e tamén a amargura de ter que morrer afastado da súa terra, pois sufriu a emigración e o exilio. A figura de Castelao foi de cote utilizada e manipulada por aqueles que queren apropiarse dunha figura que non pertence a ninguén máis que aos que aman a Galicia, e lle queren ben á terra. Cómpre, pois, achegarnos ao personaxe con detemento, con cariño, e con obxectividade, pois coñecer a Castelao e coñecer un pouco mellor á nosa terra.
Ademais do de Rianxo, aproveitamos esta clase para achegarnos a outras figuras sobranceiras deste primeira metade do século XX. Comezamos con Cabanillas, unha figura a cabalo entre os autores do rexurdimento e os autores da xeración Nós. E continuaremos, des- pois de ver a Castelao, coas dúas figuras máis representativas da xeración Nós: Risco e Pedrayo, que pechan o círculo dunha das etapas máis brillantes da nosa cultura.
RAMÓN CABANILLAS: O POETA DA RAZA.
Cabanillas é un poeta que pertence a varias xeracións, por iso dise del que foi un “poeta entre dous séculos”, xa que recolle a tradición do rexurdimento e fai o tránsito cara a época das Irmandades da fala e a xeración Nós. A pesar de comezar a publicar a unha idade bastante avanzada, tivo unha traxectoria moi estendida no tempo, o que lle levou a ir matizando o seu estilo e a súa temática. Foi un home moi considerado no ambiente cultural dos anos 20, sendo alcumado como “O poeta da raza”.
Ramón Cabanillas nace en Cambados en 1876. Como tantos outros intelectuais galegos, coñeceu a emigración. Isto aconteceu en 1910, despois de que abandonara os estudios nun seminario en Santiago e de exercer como funcionario na súa vila natal. En Cuba entra en contacto con Basilio Álvarez e con outros galeguistas que moraban na illa daquela, e comeza a escribir poesía en galego.
Desta primeira etapa son as súas obras No desterro e Vento mareiro, desta última publicaría na seguinte década unha nova edición con novos poemas. Nestas primeiras obras notamos a gran influencia que tivo en Cabanillas as obras de Rosalía e de Curros Enríquez. Son obras escritas desde o exterior, cheas dun sentimento que reflicte a nostalxia do que vive afastado da terra. nalgún destes poemas iniciais podemos albiscar ao Cabanillas combativo que se vai desatar no seu regreso a Galicia, cunha mensaxe incendiaria onde comprobamos a influencia do agrarismo belixerante do seu amigo Basilio Álvarez (daquela tamén por Cuba):
¡Alma nazonal i ardente canta
anque che custe bágoas! ¡teus
cantares son semente!
¡Hasta que os ladróns enxorden antre
as cantigas que bican
pon as que firen e morden!
Está cativa a roseira,
mais, dimpois de tanto inverno...
¡Galicia ha ter primaveira!
¡Xa sei, xa sei que fan falla
moitas fouces, moitos mistos
e moitos feixes de palla!
¡Axiña esperta Galicia que
xa se escupe ós caciques e fai
ruxir a inxustiza!
¡Xa o novo día alumea!
¡Xa a Sociedá dos labregos
ten chouza de seu na aldea!
¡A noite é fría i escura
pro, ó fin, o amañecer trainos
co sol a quentura!
¡Patriano, o meu rogo escoita!
¡Eu quero un posto átua beira
no roxo día da loita!
¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboio nos currales
e palleiros na eira e na curtiña.
Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño,
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro.
Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de alabriño
cos asios mestos do bendito outono.
E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
Cabanillas volve de Cuba en 1916 e únese ao movemento das Irmandades da fala. O compromiso político e social gaña entón terreo na súa obra, aparecendo o Cabanillas máis belixerante. En 1917 fúndanse as Irmandades e nese mesmo ano o cambadés escrebe Da terra Asoballada, unha defensa de Galicia asociada a uns valores positivos (Galicia, os labregos, a aldea), e unha acendida crítica aos inimigos (Castela, os caciques, a cidade).
«Galicia pasa a ser o suxeito colectivo dos seus poemas, entendida como un conxunto de grupos sociais heteroxéneos pero igualmente asoballados»[3]:
GALICIA
Ceo branco do luar,
Ceo azul do medio día:
Son dous anacos de ceo
A bandeira de Galicia.
(...)
¡Sempre Nai!, sempre señora,
con leda ou cativa sorte;
preto e lexos; onte, agora,
mañán... na vida e na morte!
A facenda, o creto, a vida,
o fogar...¡Todo por ela!
Con Castela, ben querida;
aldraxada... ¡sin Castela!
¡Irmáns! ¡rubamos o cume
desatrancando o camiño,
e botemos man do lume
onde non chegue o fouciño!
¡Todo pra nosa Galicia,
foro de tódalas virtudes;
pra sedenta de xustiza,
ferida de escravitudes!
Namentras a sangre vibre
en beizos e corazón...
¡a esperanza de vela libre
i este berro: ¡Redención!
¡Xuremos!
«Dereito ou torto,
sin máis alcuño ni achego,
doente ou san, vivo ou morto
gallego... ¡soio gallego!
Ramón Cabanillas, Da terra asoballada - poema a Galicia
A partir da década dos vinte vaise ir aproximando as ideas de Vicente Risco e do cenáculo ourensán. Por unha banda vai adoptar esa vía ‘culturalista’ que desde o núcleo ourensán reclamaban, por outro lado, a súa obra vai dar unha viraxe estética, vai cultivar unha linguaxe máis rica e vai a inspirarse nunha historia de Galicia que mestura partes reais, pasaxes idealizadas e mitoloxía.
En 1926 Cabanillas escrebe a súa obra mestra. Na noite estrelecida preséntanos tres poemas épicos que relacionan o ciclo artúrico con Galicia. “A espada escalibor”,o “cabaleiro do Sant-Grial” e o “Sono do rei Artur” supoñen a incorporación literaria de Galicia á mitoloxía celta. Neles albiscamos a influencia do modernismo e do simbolismo, e tamén a referencia ineludible á obra de Pondal. A relixión cristiá e a raza celta son, en Cabanillas, os paradigmas da grandeza dunha patria irredenta que cómpre liberar.
«(...)
Media noite por filo, cando o galo cantaba,
Rei Artur ós seus nobres deste xeito falaba:
“El señor foi servido, descendo do seu trono,
encher de craridade as trebas do meu sono
e faguerme mandado de que os limpos de mal
terán de ir, penitentes conquerir o SANT GRIAL,
o cáliz do misterio, a copa milagreira
onde a tráxica noite da cea derradeira,
ardendo en lume sagro, aceso polo amor,
súa sede de martirio apagou El Señor”
Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida
Ese mesmo ano Cabanillas compón, en colaboración co viveirense Antón Villar Ponte, unha obra dramática titulada O Mariscal, baseada na épica vida e tráxica morte dun mitificado mariscal Pardo de Cela, convertido naquela altura nun dos personaxes senlleiros da Histotia de Galicia paradigma da loita contra a inxerencia castelá. A obra sería estreada en formato operístico en Vigo e A Coruña
«¡Ten o teu sangue de deixar na Hestoria
un regueiro de luz viva e acesa!
¡Vivirás nas súas páxinas gloriosas
canto viva a lembranza desta terra!
¿teu nome será o facho luminoso
que amostrará a vereda
por onde han camiñar, tempos adiante,
os que sintan no peito a sagra arela
de faguer libreo chan en que naceron,
de ter patria de seu honrada e ceiba!»[5]
Ramón Cabanillas, O mariscal
A partir da década dos 30, e durante máis de 10 anos, apenas aparecen obras de Cabanillas. Nos anos 40 reaparece, sendo un dous poucos intelectuais que quedan a traballar en galego. Nesta altura saen a luz algúns estudios sobre a literatura popular galega (Antífona da cantiga, Versos de alleas terras e tempos idos), xa dentro da órbita do grupo Galaxia, en torno ao cal se organiza a cultura galega no interiro. Estas obras son dunha natureza moi diferente ás do primeiro tercio de século, debido as circunstancias ás que Cabanillas se ten que acomodar. Aínda tería tempo devolver ao seu Cambados natal, onde morre en 1959:
“A ti, meu Cambados, probe e fidalgo e soñador que, ó cantareiro son dos pinales i ó agarimo dos teus pazos lexendarios, dormes deitado ó sol, á veira do mar”[6]
ALFONSO R. CASTELAO, A ALMA E O ESPÍRITO DE GALICIA
Castelao dedicou a súa vida ao compromiso con Galicia. Puxo todo o seu talento ao servizo do país, e se converteu nunha figura chave para entendermos a nosa cultura. As circunstancias nas que se desenvolveu a súa vida, o tempo histórico que lle tocou vivir, a súa extraordinaria capacidade creativa, e a firmeza que de cote impulsou a súa acción explican este papel sobranceiro do de Rianxo na historia contemporánea de Galicia.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nace o 29 de xaneiro 1886 na vila coruñesa de Rianxo, sendo fillo do mariñeiro Manuel Rodríguez e de Joanquina Castelao. O ano no que nace o fillo, o pai emigra a Arxentina buscando un futuro mellor para a familia. Así pois, o pequeno Alfonso pasa os seus primeiros anos ao coidado da súa nai. En 1895 marcha coa nai a Arxentina a carón do pai, que montara unha “pulpería” (establecemento típico do país austral que é tenda de ultramarinos e taberna á vez) na Pampa. Nos anos seguintes nacerían as irmás pequenas Josefina e Teresa. Esta primeira estancia americana causa unha profunda pegada en Castelao, nos seus Retrincos e noutras creacións reflectirá esta experiencia pampeira.
«Tiña eu once anos cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados, a miña nai e máis eu, nun paquete alemán. E axiña de arribar a Bos Aires pillamos un tren que corría moito e logo outro tren que corría pouco e dispois un coche de cabalos que nos levou a tombos polo deserto da Pampa. Naquela soedade plantara meu pai unha casa para facerse rico, cavilando sempre nos eidos nativos; i era forza pecha-los ollos ó circio traballo en espera do retorno feliz.
A nosa casa era o centro comercial de dez légoas á redonda. Alí vendíamos de todo e alí mercábamos canto producía o país: lan,coiros e prumas. O mostrador do comercio estaba defendido con reixas de ferro, porque na nosa casa –portelo obrigado de moitos vieiros- paraban a cotío “gauchos” bravos, afeitos a tomarse de bebida para aldraxarnos co coitelo na man (...)»[7].
Alfonso R. Castelao, Retrincos – “O segredo”
A aventura americana remata con éxito no ano 1900, cando a familia retorna a Rianxo nunha situación económica desafogada. Nada máis chegar a familia a Galicia, Castelao marcha a Santiago, onde pasará a seguinte década estudando o bacharelato e a carreira de medicina. Esta década de xuventude déixanos a un Castelao vizoso que ademais de estudar participa en faladoiros, que comeza a pintar, que participa dos ambientes bohemios e que incluso fai de tuno e actor.
Cando remata a carreira comeza a colaborar en varias publicacións como ilustrador e caricaturista, inaugurando así unha traxectoria de colaboración en prensa que mantería durante décadas. Tamén comeza a ilustrar capas de libros, sendo a primeira de todas elas a dun libro da coruñesa Sofía Casanova. en 1909 comeza a colaborar con regularidade co periódico vigués Vida Gallega. Tamén comeza nesta altura a presentar lenzos aos concursos artísticos, sendo medalla de ouro na Exposición Regional Gallega de 1909. Ao ano seguinte vai a Madrid a facer o doutorado; alí pasaría un ano antes de regresar á súa terra natal disposto a traballar como médico rural, unha profesión que apenas exerceu.
En 1912 cásase con Virginia Pereira na Estrada e ao ano seguinte nace o seu único fillo, tamén chamado Alfonso. Nesta altura adhírese a Liga Agraria de Acción Gallega, sendo este o seu primeiro compromiso político. Nestes anos continúa coas súas colaboracións na prensa en Galicia, Madrid e Arxentina. En 1914 unha enfermidade está a piques de deixarlle cego, mais é operado con éxito; desde esta época vai nacer nel unha sensibilidade especial cara aos cegos, aos que representará con especial agarimo na súa obra gráfica. Nesta altura vai a Madrid a preparar a oposición para o corpo de funcionarios de estatística, conseguindo unha praza para exercer en Pontevedra a partir de 1916.
Pontevedra vai ser onde viva ata o ano 1936, dúas décadas nas que vai desenvolver en paralelo as súas carreiras de artista, escritor e político. En 1917 forma parte da Irmandades da Fala, sendo a cabeza do movemento en Pontevedra; tamén comeza a colaboración regularidade en A Nosa Terra. O compromiso de Castelao co nacionalismo galego foi, pois, total desde o nacemento do mesmo; ao ano seguinte, na primeira asemblea nacionalista, vai participar activamente, erguéndose como un dos principais protagonistas da mesma. A partir de 1917 é nomeado profesor de debuxo do instituto de Pontevedra, traballo que compaxinara coa súa labor de funcionario.
En 1918 retoma brevemente a súa carreira de medicina por mor da epidemia de gripe que asolaba Europa ese ano. Ao ano seguinte comeza a publicar relatos cursos en A Nosa Terra, iniciando así a súa andaina literaria. En 1920 a súa carreira artística toma impulso tras a exposición das estampas do seu Álbum Nós en diversas cidades e vilas de Galicia ,e en Madrid e Barcelona. Ese mesmo ano fúndase en Ourense a revista Nós, na que se xuntan Risco e Castelao, como directores literario e gráfico, respectivamente, sendo esta publicación considerada como a obra máis significativa da historia de prensa en Galicia. Castelao convértese nun artista prestixioso e recoñecido nesta altura.
En 1921 fai unha viaxe de estudos grazas a unha bolsa concedida pola Junta de Ampliación de Estudios, que lle permite ao de Rianxo visitar Francia, Bélxica e Alemaña, e comprobar como as vangardas europeas estaban a mudar completamente a historia da arte. Porén, Castelao só tirará proveito daquelas tendencias artísticas que lle permitan afondar no compromiso social e político que dá sentido á súa obra gráfica. No seu diario de viaxe, publicado en 1977, conta as experiencias e descubrimentos da súa aventura europea.
«Cheguei a Munich e caín nunha pensión de artistas. A patrona da pensión semella unha mazán e ten as orellas fora dos cabelos pra que vexan que se lava (poucas patronas poden amostrar as orellas limpas). Na hora do xantar reparéi que todos se pasmaban de ver un español que non tiña ollos mouros, que non era pequeno, nin nacho. Axiña de sere presentado tiven que xurar formalmente que non ollara na miña vida matar un touro e tal seguranza deixounos coa boca aberta. No remate o xantar falamos de moitas cousas e dixemos que a espiritualidá dun pobo refléxase nos deseños do seu papel moeda. Ollamospapeles dalgúns países e todos atopamos a enxebre serenidade británica reflexada na sinxeleza do papel inglés. Eu tamén amostrei un billetiño de 25 pesetas que foi dar ás mans dun pintor xudeu e dispóis de darlle tres ou catro voltas devolveuno chantándome na cara ista verdade: non se pode deducir nada do seu complicado billete, pois está feito en Inglaterra»[8]
Cando volta comeza a publicación doutra das súas senlleiras obras gráficas, As cousas da vida, que ven a luz no xornal Galicia e que continuaría durante anos no Faro de Vigo. Nelas Castelao reflicte como ninguén o fixera a idiosincrasia dos galegos do campo e o mar, sempre a través desa ollada humorística e retranqueira que ten a súa obra.
En 1922 publica a súa primeira novela curta, Un ollo de vidro. Memoria dun esquelete, obra que el mesmo ilustra, e na que un morto pode ver grazas ao ollo de vidro que de nada lle servira en vida.
A ditadura de Primo de Rivera decanta definitivamente a consagración do nacionalismo ao eido cultural, no que tan ben se expresou Castelao durante esta década dos 20; o seu tempo de político estaba aínda por chegar. Castelao Ingresa no Seminario de Estudos Galegos en 1923, encargándose da sección artística. Nestes anos, un Castelao que coñecera a vangarda artística en Madrid e Europa, escribe frecuentemente artigos relacionados coa crítica artística. Ademais vaise centrar na arte popular e na etnografía a través do estudo das Cruces de pedra na Galiza, traballo ao que dedicou continuados esforzos, que vería a luz con posterioridade e que sería a base do seu discurso de ingreso na Real Academia galega en 1934. Aquí temos, pois, outra nova faciana dun home tocado pola xenialidade que tivo éxito en todas as iniciativas culturais que desenvolveu. Desta volta pon en valor un arte popular galega secular que ata entón non era valorada.
Castelao convértese nun azote contra a ditadura, criticando a falta de liberdade política, o que está a piques de custarlle o desterro. Castelao decántase xa nesta altura por unha visión política republicana e progresista, e esixe movementos e acción política. Un velo de amargura vai tinguindo o seu xenio nestes anos, algo que se fai evidente trala morte prematura do seu fillo.
En 1929 publica Cousas. Un libro de pequenos relatos e ilustración nos que o de Rianxo amosa a súa rica prosa e o seu sentido do humor cargado de ironía, como o que se titula Aínda eu non nascera:
«Aínda eu non nascera e miña nai era pequena.
Na bocanoite dun día momo de abril as xentes da miña vila ollaron unha raiola de luz que viña do mar, batendo no campanario da eirexa como unha raiola de sol colada por unha fenda das nubes; pero non era de sol nin de luar nin de cousa semellante. Aquilo era unha luz de lóstregos, botada por un ollo vixiante, que cachea algo, deténdose de tempo en tempo no campanario da eirexa para sabe-la hora e seguir dispois traballando.
As xentes acudían en greas dende tódolos cabos da vila e plantábanse na praza, todos caladiños coma petos. Chantados os pés no chan seguían cos ollos o movimento da luz; alentaban a modo e os corazóns petaban forte.
Xa noite pechada chegou o médico, home de moito creto centífico, e todos fóronse a il agardando que da súa boca saíse a verdade. 0 médico ollou a luz, enrugou a narís, ergueu os hombreiros e dixo con cara de poucos amigos:
-Eu non coñezo iste fenómeno.
Nunca tal dixera. Unha muller formulou nun chío de delor o medo de todos. E as xentes enlouquecidas espalláronse polas rúas berrando: "¡Que se acaba o mundo!" "¡Que se acaba o mundo!"
Uns corrían con sacos de pan ó lombo en dereitura do monte, outros axionllábanse nos cruceiros e rezaban. Os neniños, levados polas nais, carpían con tódolos folgos; os vellos pedían confesión.
Os ladróns restituían o roubado ou declaraban o roubo; os calumniadores apreixaban a roupa das súas vítimas pedindo perdón. Diante da morte todos se laiaban dos seus pecados.
E arreo seguían resoando na noite, como cantos de galo, os berros arrepiantes: "¡Que se acaba o mundo!" "¡Que se acaba o mundo!"
0 vello abade non daba abasto confesando pecadores e, canso xa, deteminou benzoar a todos e absolvelos porque a morte estaba perto e non había tempo que perder.
Nisto chegou Ramón, o mozo máis forte da vila, traendo da man a moza dos seus amores. A parella de namorados furaban na xente como unha punta de ferro e, dispois de moito traballo, presentáronse diante do abade e caeron ós seus pés.
-Cásenos, señor, cásenos, que estamos vivindo en pecado mortal.
E cando aínda non rematara de abenzoalos o abade, escoitouse unha voz que decía:
-¡Non teñades medo ningún, que é luz eléutrica da escoadra inglesa! ¡Non teñades medo que é luz eléutrica!
Era o dono da fábrica de salazón, que viña correndo cun farol na man.
Alfonso R. Castelao; Cousas
Nese mesmo ano, un Castelao sumido na tristura viaxa a Bretaña a estudar as cruces de pedra, outra vez axudado pola Junta de Ampliación de Estudios. Á súa volta convertese no líder político, na figura emblemática que o nacionalismo galego precisaba nesta etapa de profundas mudanzas que se albiscaban no horizonte. 1931 é un ano fundamental no que se consolida o papel de Castelao como alma mater do movemento galeguista. Os seus acendidos mitins nos que proclama a necesidade da Autonomía para Galicia, a súa elección como deputado a cortes pola provincia de Pontevedra, e o papel de aglutinador e de icona que vai xogar tras a fundación do Partido Galeguista en decembro, converten a Castelao no representante das arelas e a loita galeguista daquela altura e xa para sempre. Como parlamentario vai loitar en Madrid polo recoñecemento da lingua galega e pola aprobación do novo estatuto. Nesta primeira etapa republicana vaise distanciando de Manuel Azaña e da ORGA de Casares Quiroga, afondando nas proclamas nacionalistas e pactando cos nacionalistas vascos e cataláns no marco de Galeuzca.
A actividade política réstalle tempo para na súa actividade cultural, mais non lle impide publicar o álbum Nós e Cincoenta homes para dez reás (reedición), publicacións que acadaron un grande éxito de difusión. En 1933 perde a súa condición de deputado ao non saíren elixido. As dereitas gañan as eleccións e a Castelao destínano a Badaxoz, como represalia polas súas ideas políticas ao ano seguinte. 1934 vai ser un ano fundamental na faceta literaria do de Rianxo, este ano publícase Os dous de sempre, na que narra as aventuras do Pedriño e do Rañolas, en palabras de Carballo Calero «Rañolas e Pedro poden ser vistos como un Quijote e un Sancho,ou como unha encarnación da actividade e unha encarnación da pasividade humanas. Aquel representa a vida intelectiva, éste a vida vexetativa. Se se quer, Rañolas é o home espiritual, e pedro o home material. Un a alma, outro o corpo»[10].
«Capítulo XXVI - A sogra que lle cadrou en sorte a Pedro:
Pedro foi atrapado e casouse. A muller era laidiña, pero traballadora e cobizosa. Chamábase Filomena, como súa nai. Tiña un taller de costura e padecía do estómago.
A casa cheiraba a mexo de gato.
O casamento foi amañado pola sogra: unha viuda peituda que sempre falaba do seu home pousando a man dereita no molete esquerdo, a dúas coartas do corazón.
—¡Eiquí o levo sempre. Eiquí!
E mesmamente parecía que naquel envrullo portaba o difunto.
Empeñábase en rir coa boca pechada, de puro remilgo, i era tan reparona en cousas de moral allea que chegou a ferir de palabra a unha veciña por andar amostrando unha radiografía.
—Esa é unha escandalosa. Nin ten reparo en amostrar un retrato que lle fixo o médico, onde se lle marca todo, todo. ¡Con decir que se lle ven os ósos…!
Ende mal a siña Filomena tiña hestoria e a filla seique non era de matrimonio. Amiga de amparar amores alleos foino sempre, dende rapaza; i eu sei que a súa primeira obra realizouna nun galiñeiro. Velaí como sucedeu.
Non contaría máis de doce anos e xa se decatara de que o galo era o sultán e que tódalas galiñas eran [as] súas concubinas. No galiñeiro medrara un polo que quería galear, pero nin as galiñas lle daban tino nin o galo sería quen de consentilo. O polo tiña medo, mais ás veces esquecíase do galo e daba unha reviravolta namoradeira a rentes dunha galiña. A galiña corría en dereitura do señor, e velaí aparecía o sultán polainudo, a pedirlle contas ó polo. O galo viña tripando a terra con aire belicoso e o malpocado polo fuxía que voaba...
Agás de tanta honradez unha das galiñas era coqueta, pois deixábase face-la rosca polo galán novo; gustáballe que se esperguizase ó seu redor e poñíase escarolada cos agarimos; pero a churra coqueta e o galán tremían de medo.
A rapaza adicouse a protexer aqueles amores, e unha vez tapounos tan ben do galo que se cometeu, ás agachadiñas, un tremendo adulterio no galiñeiro.
O máis pior é que cando a rapaza chegou a muller sigueu amparando amores alleos, coidando que o mundo era un gran galiñeiro. E aínda aseguran que chegou a vivir deso...
O que xa non son faladurías é que viveu amachembrada cun vello empregado da Facenda pública e que se casou por miragre. Enfermara ela de tal maneira que todos pensaban que tiña os alentos contados, e para entrar no Ceo compría que se casase. O cura da parroquia petou na concencia do empregado e fíxose o casamento in articulo mortis; mais o conto foi que a siña Filomena reviveu. Por certo que o home dispois decía:
—A miña muller é dura coma un croio. Unha vez estaba tan a pique de se morrer que lle puxeron catro sacramentos xuntos: o da confesión, o da comunión, o da estremaución e o do matrimonio... ¡E nin por esas!
Alfonso R. Castelao; Os dous de sempre
En 1935 regresa a Galicia grazas a acción de Portela Valladares. Tamén recibe unha multitudinaria homenaxe en Madrid, pasa unha temporada co seu íntimo amigo Otero Pedrayo no pazo de Trasalba, e fai unha segunda viaxe europea por Francia e Bélxica, quince anos despois. A nivel político, o Partido Galeguista, con el e máis Alexandre Bóveda á cabeza, vira cara as esquerdas e entra a formar parte da Frente Popular que trunfa nas eleccións de 1936.
1936 é un ano que vai marcar a traxectoria de Castelao e de Galicia. En febreiro é elixido deputado pola provincia de Pontevedra. De seguido céntrase na aprobación do Estatuto de Autonomía, feito que acontece no plebiscito do 28 de xuño (en condicións irregulares, como xa apuntáramos na anterior clase). Cando se produce o golpe de estado e comeza a guerra civil, Castelao estaba en Madrid negociando a aprobación do estatuto. Nesas datas unha grande vaga de terror abátese sobre a esquerda e os nacionalistas en Galicia, moitos dos seus familiares, amigos e compañeiros son asasinados neses meses de fogo e lume, como Ánxel Casal e Alexandre Bóveda. Atila andaba por Galiza. Castelao salvouse por atoparse en Madrid.
O que resta de ano pásao Castelao en Madrid participando na mobilización política a prol da república. A finais do 36, marcha a Valencia; na cidade do Turia vai publicar os álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia, estampas nas que Castelao emprega a súa grande mestría como debuxante para denunciar a barbarie da represión fascista en Galicia, nunha obra que entronca, máis dun século despois, coas estampas de Goya sobre a guerra, no sentido de reflectir nas súas estampas todo o horror, o sufrimento, crueldade e e a brutalidade e a xenreira da guerra, como fixera no seu tempo o xenio aragonés. En prensa e, como novidade, na radio, vai intensificar o seu papel de activista a prol dunha república que de vagar vai esmorecendo.
En 1938 viaxa á URSS, Estados Unidos e Cuba nunha misión da república para recadar axudas para a causa. En Moscova expuxo as súas estampas sobre a guerra. Neste ano, en Montserrat, tramítase polo parlamento provisional o estatuto de Galicia, grazas a teimosía de Castelao. Tamén deste ano é o terceiro álbum dedicado á guerra; en Milicianos, o artista de Rianxo fai unha loubanza ao valor e heroicidade duns milicianos que daquela xa estaban a perder con claridade a guerra. O exilio estaba xa próximo. Ata febreiro de 1939 vai ficar en Cuba. Alí pronuncia unha serie de conferencias no Centro Galego que acadan unha gran notoriedade; tamén nesta época acada a inspiración para os seus Debuxos de negros, que realizará con posterioridade en New York.
Cando remata a guerra civil, Castelao atópase nos EUA, nunha situación complicada no anímico (a amargura do que non pode volvera a súa querida terra, que queda en mans dos seus inimigos), no económico e tamén no físico, pois nesta altura os seus problemas de visión agudízanse. Porén, a súa creatividade e talento non diminúen, xa que neste tempo está a traballar nos seus debuxos de negros, nos que albiscamos unha importante evolución no seu estilo, e na súa peza dramática Os vellos non deben namorarse, na que ridiculiza a tres homes maiores que van namorarse de rapazas novas aínda que non acadan a felicidade desexada:
Terceiro lance, escena terceira:
«Entra o vello pola direita. O vello trai un envrullo debaixo do brazo.
O VELLO: Boas noites, Pimpinela
PIMPINELA: Boas noites, señor Fuco.
O VELLO: Veño da vila, ¿sabes?, e lembreime de ti. Tráioche un regaliño do teu paladar. Cativeces en comparanza co que che daría se quixeses.
PIMPINELA: Moitas gracias, señor Fuco; pero eu non me vendo.
O VELLO: ¡Ai!, rapaza, eu son moi probe para mercar a túa bonitura, porque non hai diñeiro dabondo no mundo para pagar o que ti vales. Eu tráioche cativeces, o que sei que che gosta; pero sen ánimo de magoarche. Coma se fose teu padriño...
PIMPINELA: Se non é con intención...
O VELLO: A intención de verche bonita, de que sexas a fror das romerías. Xa verás o que che traio... (Abre o paquete e saca un pano.) ¿Góstache, Pimpinela? (Saca outro.) Este tamén che acai ben. (Saca outro.) ¡Pois o que é este! (Saca outro.) Outro máis para que teñas en que escoller. (Saca un corte de seda.) Tamén quero que fagas unha chambra e como non sei o teu gosto... (Vai sacando cortes de seda en diferentes coores.) veleiquí tes en que escoller... Para que te luzas o día da festa. Para que sexas a moza mellor vestida da parroquia. Son cativeces...
PIMPINELA: É de máis, señor Fuco.
O VELLO: Pois se quixeras encher de ledicia os poucos días que me quedan e te aviñeras a cerrarme os ollos, na hora do meu pasamento, todo canto teño sería para ti.
PIMPINELA: Aínda son nova para casar.
O VELLO: I eu son vello de máis; pero estou namorado e teño azos para facerche feliz, a ti e mais a teus pais.
PIMPINELA: ¿E se son desgraciada?
O VELLO: Se tes a ialma limpa e o corazón ceibe, non probarás desventuras na miña casa. Eso non. Alí serás servida e folgada, en todo canto apetezas. E dispois... Cando eu morra, inda che quedarán anos dabondo para disfroitares do que eu che deixe, que non é un conto. ¡Son tan vello e tan rico!
PIMPINELA: ¿E o que digan de min as xentes?
O VELLO: Envexas, miña rula. Envexas de verche gardada do sol e do sieiro e da choiva. Envexas de verche libre de traballos.
PIMPINELA: Miña nai tamén quer...
O VELLO: E pois logo, ¿qués se-la miña dona?
Pimpinela di que si coa cabeza. Toda ela coberta de coores.
Alfonso Rodríguez Castelao; Os vellos non deben namorarse
Ao fin, a mediados de 1940, abandona os EUA e trasládase a Arxentina, onde é recibido con todas as honras como a personaxe máis significativa do exilio galego. É nomeado cabeza do Partido Galeguista no exilio e decide continuar no exterior cunha actividade política que ten a importante labor de manter aceso o facho do galeguismo agora que a actividade política en Galicia queda totalmente prohibida. De seguido prosegue coa a súa actividade cultural no exterior, colaborando en prensa, ilustrando libros, dando conferencias, e participando nos intensos faladoiros entre republicanos españois que tiñan lugar no Café Tortoni da Avenida de Maio bonaerense. En 1941 estréase Os vellos non deben namorarse en Buenos Aires e Montevideo. En 1942 reaparece en terras americanas A Nosa terra, o vello órgano de expresión das irmandades da fala, que vai acadar calidade e prestixio grazas a participación dun Castelao que nesta altura era o auténtico líder do exilio galego e español en Arxentina. En 1942 e 1943 remata de perfilar o seu pensamento nacionalista despois da esperanza frustrada da República, o estatuto de autonomía e a guerra civil. Sempre en Galiza é a magna obra no que artella o seu pensamento político, sendo este libro é considerado a biblia do nacionalismo galego. Nel o rianxeiro recompila os seus discursos e ensaios políticos desde 1934 ata 1943, definindo perfectamente o ideario político nacionalista. No tocante ao pensamento político de Castelao, cómpre subliñar como a experiencia vital e os feitos acontecidos en España e en Europa fan que olle con certa simpatía aos réximes de esquerda nestes últimos anos da súa vida. Ademais vai descrer dos políticos estatais sexa cal for a súa ideoloxía, ficando moi desencantado das autoridades da república, aos que considera culpables pola súa incompetencia do acontecido en España. Galicia debería, pois, loitar por si mesma para acadar unha liberdade que de cote lle foi negada desde Madrid. Pero Sempre en Galiza é moito máis, nel reflíctese unha profunda dor que a distancia agudiza, un amor a terra que lle arde no peito, unha Galicia que mantén aceso no exilio o facho da esperanza, a procura dun futuro mellor:
«Eu vexo a nosa Terra ceibe de vezos rutinarios, de pleitos cativos e de cobizas ruins.
Vexo aos homes no traballo e ás mulleres no fogar. Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga. Vexo aos mozos, intelixentes e sabidos, enrequentando antergas costumes. Vexo mozas garridas levando cestas de liño ás fábricas de fiar, como denantes levaban o grao ao muíño, e véxoas dispois teceren lenzos insuperables.
Vexo casa limpas e hixiénicas, de feitura paisana e de acordo coas comenencias da vida labrega e mariñeira.
Vexo os montes repoboados e cobertos de piñeiraes. Vexo grandes fábricas de pasta de papel e produtos derivados do leite (...)
Vexo, en fin unha Terra farturenta, onde todos traballan e viven en paz. Vexo a miña terra como unha soa cibdade, a cibdade-xardín máis fermosa do mundo, a cibdade ideal para os homes que queiran vivir a carón da natureza.
Así soñábamos Bóveda e mais eu nos días de esperanza. Así sigo soñando eu, polos dous, á beira do mediterráneo, este mar que non comprendo... »[13]
Alfonso R. Castelao, Sempre en Galiza
En 1944, co gallo da publicación de Sempre en Galiza, Castelao ó obxecto dunha grande homenaxe de todo o republicanismo e galeguismo en Bos Aires. Ese mesmo ano fúndase o Consello de Galiza que el mesmo vai presidir, un goberno galego no exterior formado por deputados galegos do exilio. Tamén renóvase a colaboración cos nacionalistas vascos e cataláns no marco do pacto Galeuzca, froito do cal nace a publicación co mesmo nome que dirixe Castelao, nun tempo na que a proximidade da II guerra mundial abría as expectativas aos demócratas españois dunha fin próxima do fascismo en toda Europa.
1945 é o ano da fin da guerra, tempo no que moitos exiliados pensaban que volverían a unha España que, dun ou doutro xeito, tiña que apuntarse ao carro da democracia e do progreso. Nada máis lonxe da realidade. Temos nesta altura ao de Rianxo emprendendo unha viaxe por América: Río, A Habana, outra vez New York e, por último, México, onde participa nas cortes republicanas do exilio. Castelao foi nomeado ministro sen carteira en 1946, no goberno de Giral en París, cidade a onde se traslada coa súa muller Virxinia. Mais os feitos foron os que foron, e ese goberno español no exterior fracasa por falta de apoios, consolidándose a ditadura franquista. A comunidade internacional, que tan grande sacrificio fixera na loita contra o fascismo, permitiría, no seo da Europa libre occidental, o mantemento dun sistema autoritario e cruel como foi o franquista, durante máis de tres décadas.
Este fracaso, e a imposibilidade de volver a Galicia e de que esta sexa libre, supoñen o final dunha etapa de Castelao no exilio, na que a esperanza aínda aniñaba no corazón do rianxeiro. Agora xa non, agora o estado de ánimo dun Castelao enfermo está xa moi baixo. Velaquí como se dirixiu por carta a Otero Pedrayo no seu regreso a Bos Aires:
«Xa non teño a esperanza de ver mías a nosa Terra, e abrazarte a ti e abrazar a Galicia. Este retorno a Bos Aires é definitivo. Vou cansado, incruso de vivir.
(...)Virxinia pasou un ano moi duro en París –o pior ano do noso desterro-. Eu non podo disimular a miña tristura»[14]
Estes últimos anos da súa vida pasaos en Bos Aires, onde, a pesar da súa delicada saúde e o seu baixo estado de ánimo, segue a ser unha figura fundamental do exilio galego. Agora vai compartir o liderado con outros exiliados como Luís Seoane, que por cuestións de idade e de ánimo van tomando o relevo.
O 25 de xullo de 1948, o día de Galicia, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pronuncia o seu famoso discurso Alba de groria, que funciona a modo de despedida deste símbolo da galeguidade que foi Castelao. Facemos aquí unha escolma de algúns parágrafos do texto:
«Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas as direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única. Dende as outas planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías mainas de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; os desde os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o cume do Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de Groria (...).»
«Hoxe é a festa maor de Galiza, a festa de tódolos galegos. Pero ninguén pode sentila coma nós, os emigrados; porque en tal día coma este reviven as lembranzas acumuladas, e na moita distancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa maxinación anda por alá, en festa de saudades. (...) Pero eu non sería capaz de resistir as alegrías que soio están no recordo, na evocación e na lonxanía, porque como dixo un gran poeta da nosa estirpe: Sen ti perpetuamente estou pasando, Nas mores alegrías, mor tristeza»
«Que a fogueira do espíritu siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares»[15]
En 1949 Castelao enferma de gravidade, pasando case todo o ano encamado; a súa doenza, o cancro de pulmón, é irreversible. O 7 de xaneiro de 1950 prodúcese o seu pasamento en Bos Aires. A cerimonia de enterramento no camposanto de Chacarita foi unha extraordinaria mostra de agarimo dunha multitude de galegos que quixeron despedirse da figura máis emblemática da cultura galega do século XX. A prensa franquista censurou e silenciou a mobilización do exilio e a emigración bonaerense. Habería que agardar á democracia para que os restos de Castelao voasen de Arxentina a Galicia, onde descansan na actualidade no Panteón de Galegos Ilustres.
Ata aquí seguimos a traxectoria vital de Alfonso Rodríguez Castelao, na que mesturamos datos biográficos coa súa produción cultural. Imos perfilar brevemente a traxectoria de Castelao como artista, escritor e político antes de centrarnos nas figuras de Risco e Pedrayo.
Como político, Castelao é un símbolo, un home de acción que participou da vida política de partido e de goberno, e un dos intelectuais máis sobranceiros dentro da órbita do nacionalismo, se ben nunca elaborou ningunha teoría política máis alá das súas ideas expresadas en Sempre en Galiza. Interesouse na política por dous arelas fundamentais: a liberdade e o progreso económico e social de Galicia. Castelao non é político de vocación, faise político por compromiso coa terra, porque o considera un deber. A súa entrada neste ámbito haina que entender nun tempo no que moitos intelectuais se comprometen a participar da vida pública, sendo moitas veces moi difusa a fronteira entre cultura e política.
Castelao milita nas Irmandades da Fala, a onde chega desde o movemento agrarista e desde a denuncia do caciquismo, aspecto que podemos albiscar na súa obra gráfica e escrita. Nos seus primeiros anos participa nas asembleas e nos mitins, e comeza a destacar polas súas ideas e a súa oratoria. Malia isto, estaba aínda lonxe de se converter no líder que sería durante a república e o exilio. O seu prestixio como artista estaba, a principios dos anos vinte, encol da súa faciana política. Vilar Ponte e Risco son os que máis inflúen no pensamento de Castelao nesta época.
A defensa da lingua galega foi outra das grandes teimas políticas de Castelao; se a súa loita contra o caciquismo vai ficar expresada na súa obra gráfica; a súa defensa da lingua témola presente grazas a súa produción literaria. Unha lingua propia, culta, secular, de prestixio e que entronca co portugués nunha comunidade internacional de millóns de falantes.
«A esta fala popular, viva e groriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Máis eu preguntaríalles: ¿Dialecto de qué idioma? ¿do que vos chamades español? De ningunha maneira, porque o idioma que vós impuxéchedes pola forza é un irmán menor do galego, ¿acaso queredes dicir que é dialecto do latín? Pois entón chamádelle dialecto ao francés, ao italián, ao rumano, porque tamén son fillos do latín e irmáns do galego.»[16]
Cando as Irmandades se rompen, Castelao únese ao grupo ourensán, máis favorable a acción cultural e con ideas máis conservadoras. Co transcorrer do tempo, Castelao vaise decatar de que é preciso actuar politicamente, primeiro facendo unha crítica profunda á ditadura de Primo de Rivera, e, despois, planeando a chegada da república. Prodúcese, pois, unha evolución no seu pensamento que o leva á posturas máis progresistas e de esquerda; porén, esta viraxe ven dada, en parte, polo seu convencemento de que só as esquerdas eran sensibles á histórica demanda da autonomía. Esta posición evidénciase cando Castelao e Bóveda levan ao partido galeguista a formar parte do Frente Popular como garante do Estatuto.
Durante a guerra, a polarización ideolóxica que se produce, leva a Castelao a simpatizar con posicións abertamente de esquerda, feito entendible ante a pasividade das democracias inglesa e francesa e o apoio da URSS á causa republicana. Lendo algúns parágrafos de Sempre en Galiza podemos albiscar esta simpatía que, por outra banda, non debe levarnos a engano, pois Castelao nunca foi marxista e nunca promoveu ningunha revolución.
A obra artística de Castelao non se pode desligar do seu pensamento político, pois o de Rianxo puxo toda a súa creatividade e talento ao servizo dos ideais nacionalistas e da defensa de Galicia. Ademais foi quen de combinar a tradición coa modernidade, froito da súa visión progresista da vida.
«Os ideais dunha cultura e dunha estética autóctonas acadaron a súa máis alta cota coa obra teórica e plástica de Alfonso Rodríguez Castelao (...) A arte de Castelao logrou fundir cultura e pobo, combinando os máis requintados niveis artísticos cunha sensibilidade popular elemental.»[17]
Castelao introduce en Galicia moitos aspectos de vangarda antes de que o fixeran os renovadores. O modernismo, o expresionismo, o simbolismo... A súa arte ten unha función, por iso ten que tomar das vangardas aqueles elementos que lle axuden a converter os seus debuxos en instrumentos de denuncia: a expresividade dos rostros e dos corpos do álbum Atila en Galiza, por exemplo, amosan todas as ensinanzas tiradas do expresionismo europeo. Iso si, no seu concepto artístico hai elementos de vangarda que desbota, pois non lle serven para o seu propósito, poñer a arte ao servizo do pobo. A súa obra é unha referencia constante ao elemento diferencial que el atopa na antropoloxía de Galicia, sobre todo nos mundos do campo e no mar; ademais tirou proveito da potencialidade iconográfica do mundo celta, sobre todo nos deseños para a revista Nós. Tamén albiscamos en Castelao un gusto pola arte infantil e polo primitivo, e, por suposto, pola arte tradicional galega (lembremos o seu estudo sobre As cruces de pedra en Galiza).
Castelao abandonou sendo aínda novo a pintura ao óleo. Interesouse moito máis aquelas disciplinas artísticas que lle permitían que a mensaxe da súa obra ficase máis espallada. Este interese revela un concepto democrático da arte, que el quere popularizar a través da estampa, da ilustración e do cartelismo. Nunha era na que as publicacións proliferan, alí onde el participaba deixaba unha pegada de calidade artística, e como paradigma disto está a revista Nós, onde temos auténticas xoias gráficas que seguen a ser referencia para os deseñadores na actualidade.
O humor. Un humor moi galego. Irónico, retranqueiro, cargado de intención, foi empregado con mestría polo Rianxeiro. Esta ironía da que tirou o mestre Castelao desaparece cando a amargura da guerra lle impida asumir esta forma de crear, pasando a unha mensaxe moito máis directa. Ese humor busca espertar a conciencia do pobo galego, ao que vai dirixido sempre a mensaxe. En palabras de Siro, Castelao preferiu «a identificación cordial co débil, ao traveso do sorriso solidario, que a agresión ao poderoso»[18].
A figura do Castelao artista non foi de todo valorada, sobre todo por que non se dedicou as técnicas convencionais da arte, preferindo a tira cómica, o debuxo, o humor, a mensaxe explícita e a prensa como canle de expresión antes que o lenzo, a exposición ou a vida bohemia. Porén, houbo artistas da talla de Seoane que souberon valorar a relevancia da obra do de Rianxo, e os vieiros que abriu na nosa plástica cara á modernidade. Luís Seoane acláranos o sentido último da obra de Castelao:
«El non se propuxo, como outros artistas da súa xeración, ser somentes fiel a natureza física de Galicia, á semellanza esterna, á lus, a forma,a cór de Galicia –aínda que sen se propoñelo tantas vegadas o tiña conseguido- senón mais ben ao espírito desa natureza, ao seu modo de ser recóndito e ao que espresaba de particular ese modo de ser, tratando de interpretala, mais que como beleza, como verdade. A pobreza, o desprezo, o asoballamento, a afronta, o sofrimento, a burla, a morte, foron os motivos que serviron a Castelao para soerguer a Galicia»[19]
Ser quen de reflectir a personalidade e o pensamento dos galegos, e convertelos en obra gráfica foi o grande mérito dese grande debuxante que foi Castelao.
«Ser intérprete deste pensamento, atinar a darlle características gráficase literarias universales define o extraordinario talento, a xenialidade de Castelao»[20]
No tocante ao Castelao escritor, debemos abondar no feito de que non se pode desligar esta faciana das de artista e político. Castelao cultivou varios xéneros literarios con éxito: o ensaio artístico e etnográfico, os artigos en prensa, o relato breve e o xénero dramático. E non podemos esquecer os textos que acompañan á súa obra gráfica, á que enriquecen en gran medida.
En moitas ocasións acompaña os textos con ilustracións, en obras que non poden ser entendidas por separado. É o caso de Cousas, que publica nos anos 20. Tamén se preocupa do aspecto plástico da súa obra teatral os Vellos non deben namorarse, así como de do deseño das capas do seus libros.
O Castelao narrador escrebe dun xeito simple, pero non improvisado. Non practica unha literatura requintada nin superficial, non hai na súa obra nin os artificios nin os sofisticados recursos estilísticos que tanto se utilizaron na literatura modernista e de vangarda. Na narrativa de Castelao atopamos unha fonda pegada da literatura oral: a linguaxe dos personaxes, o formato curto, o marco rural onde se desenvolven as accións... Porén, nunca cae nun folclorismo nin nunha literatura de xénero costumista. Popular no seu caso non implica falto de calidade, máis ven é o contrario.
A obra escrita de Castelao, tanto a ficción como o ensaio, ten unha evidente intención didáctica. Neste punto a súa obra vencéllase á súa filosofía vital e ideoloxía galeguista, na que a literatura vai funcionar tamén como un instrumento de espallamento das súas ideas. Os personaxes populares permítenlle expresar a súa mensaxe anticaciquil, democrática, igualitarista e galeguista. Na obra curta é onde vai amosar toda a súa mestría, expresada nun extraordinario sentido do humor e capacidade de síntese.
O GRUPO NÓS: OTERO PEDRAYO E VICENTE RISCO
A revista Nós, que se comeza a publicar no ano 1920, dá nome a un grupo de escritores e intelectuais galeguistas que traballan na primeira metade do século XX. Ademais de Risco e Otero Pedrayo, adóitase incluír neste grupo tamén a Castelao, a Florentino López Cuevillas (prehistoriador e arqueólogo) e a Losada Diéguez. Todos eles están vencellados a unha publicación fundamental para entendermos a cultura galega como foi a revista Nós. Os membros deste grupo comparten, ademais, unha serie de características: proveñen dunha situación social acomodada, posúen unha fonda formación intelectual, ideoloxicamente van ter unha tendencia conservadora, e para eles Galicia e o galeguismo vai ser un descubrimento transcendental na súa traxectoria vital e intelectual.
Os membros do grupo Nós compatibilizan o universalismo e a mensaxe intelectualmente sofisticada co enxebrismo, coa intención de situar á cultura galega no primeiro nivel, pois para eles non desmerecía a ningunha outra. Ademais son modernos, sen renunciar nunca as novidades que os tempos presentan, e que eles coñecen grazas as viaxes e a súa condición de intelectuais.
Nos imos centrarnos nas dúas figuras senlleiras do chamado “cenáculo ourensán”. Risco e Pedrayo (ademais de Castelao, que tamén se pode incluír neste grupo e cuxa traxectoria vital vimos de coñecer).
VICENTE RISCO
Vicente Martínez Risco nace na cidade de Ourense en 1884, no seo dunha familia acomodada. Seu pai era funcionario de facenda na cidade das Burgas. Estudiou o bacharelato na súa cidade natal, onde xa compartía amizade con Otero Pedrayo. En1899 marcha a Santiago a estudiar dereito, licenciándose en 1906, nese ano gaña unha praza para exercer o mesmo traballo co seu pai, funcionario de facenda, e tamén en Ourense, a onde regresa. Estes anos de formación van ser fundamentais á hora de acadar unha fonda cultura universal, chegando incluso a interesarse pola filosofía oriental e o ocultismo. Durante a súa xuventude convértese nun gran estudioso da literatura europea.
En 1910 comeza a súa andaina xornalística na publicación El Miño. Ourense se lle queda cativa, a vida de funcionario de facenda non lle presta, e decide marchar a Madrid a estudiar outra profesión: maxisterio. Na capital coincide con Ortega y Gasset e Ramón Gómez de la Serna , dous dos intelectuais españois máis destacados do século XX, que tamén influíron nesta primeira etapa da súa traxectoria. Risco vai ficar en Madrid ata que se titula en 1916 e regresa a Ourense como catedrático de historia da escola Normal. Á súa volta, colabora na fundación da revista cultural e literaria A Centuria.
En 1917 prodúcese a súa entrada no movemento galeguista grazas á súa incorporación ás Irmandades da Fala. A partir deste momento, comezará a usar o galego como modo de expresión intelectual. Comeza a súa carreira política, que o leva a participar en mitins e a declamar discursos en público. En 1918 comeza a colaborar en A Nosa Terra, o xornal das Irmandades, dándolle unha fasquía culta e universal a través dunha serie de artigos sobre a vangarda literaria europea que el tan ben coñecía. En pouco tempo convértese no primeiro intelectual e teórico do nacionalismo galego, sobre todo trala publicación da súa obra Teoría do nacionalismo galego (1920), que xa comentaramos na anterior clase, e na que senta as bases teóricas do movemento que acababa de nacer.
Tamén en 1920, da man de Risco, Pedrayo e Castelao, nace a revista Nós, que se publicará ata 1936. As brillantes colaboracións de Risco no eido da política, a literatura e a etnoloxía contribúen a que a publicación se convertese nunha das xoias da cultura galega. Ligada a esta iniciativa temos a fundación do Seminario de Estudos Galegos, no que Risco dirixe a sección de etnoloxía. Na década dos 20 fará traballo de campo investigando o patrimonio cultural galego e publicará interesantes artigos sobre os seus estudios.
Estes primeiros anos da década dos 20 decantan a Risco cara unha posición culturalista dentro do nacionalismo galego, diferenciándose o grupo ourensán que el lidera do grupo da Coruña pola estratexia e polo pensamento máis conservador no social que lle imprime Risco. O grupo acabará escindido das Irmandades da Fala e formando a Irmandade Nacionalista Galega. Nesta altura contrae matrimonio e nacen os seus dous fillos, a pequena morrerá aos tres anos de idade, e o neno, converteríase, co tempo, nun importante filólogo e escritor en galego.
Durante a ditadura de Primo de Rivera céntrase na labor cultural. Nesta época publica O lobo da Xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Desta década é tamén a súa gran novela O porco de Pé, crítica mordaz ao sistema caciquil que imperaba daquela en Galicia.
En 1930 marcha a Berlín a facer un curso de etnoloxía. As súas impresións desta viaxe son publicadas en A Nosa Terra e posteriormente recompiladas nunha obra chamada Mitteleuropa (1934). O espírito cristián e conservador da Baviera causan en Risco unha fonda impresión e moldean un escoramento cara a posicións sociais tradicionalistas. Durante a II República é elixido como membro directivo do partido Galeguista, máis nunca ocultou a súa distancia co postura ideolóxica da maioría do partido. Quizais froito deste distanciamento escrebe o artigo, Nós os inadaptados, no que reflicte o seu distanciamento intelectual e filosófico coa modernidade e ofrece a súa particular visión da historia e da cultura galega, facendo unha fervente defensa da espiritualidade do pobos e en contra do materialismo, encarnado nos filisteus:
«A vocación, pois, de Risco, é sempre a herexía, a reacción, a discrepancia, a oposición, a inadaptación. Simplemente, segundo as circunstancias históricas en que se desenvolve a súa vida intelectual, elixe, en parte ceibemente, en parte condicionado polo medio, o ouxeto desa oposición. En todo caso, ese ouxeto se lle presenta como filistéu, é dicir, superficialmente utilitario, mostrenco, vulgarmente social, gregariamente imperoal. Os escritos de Risco son sempre didácticos, pero o ouxeto da información que nos proporcionan é sobre todo a mentalidade do propio Risco»[21]
No ano 1935 rompe co Partido Galeguista e crea a Dereita Galeguista. No ano seguinte apoiará o Estatuto de Galicia, mais a partir do ano 36 Risco deixa de escribir en galego (agás na súa colaboración no 50 na Historia de Galiza de Otero Pedrayo), e sitúase nunha posición intelectual favorable ao franquismo, iniciando outra traxectoria literaria e intelectual ben diferente da que desenvolve nas dúas décadas anteriores. Risco morre en 1963, e en 1981 lle dedican o día das letras galegas.
Foi Risco un intelectual galego de primeiro orde, cunha formación humanística moi completa, e que deixou unha singular pegada na nosa cultura grazas a narrativa e ao ensaio. As características principais da súa personalidade intelectual son o individualismo e elitismo, o irracionalismo e a crítica do progreso e a ciencia, e, sobre todo, o seu culturalismo, espiritualismo, misticismo e incluso relixiosidade. Capaz de idealizar a Galicia e as súas xentes, e tamén de facer unha crítica mordaz ao mundo que lle rodea e amosarse escéptico ante el, é tamén un gran compilador da literatura popular, algo que podemos albiscar na súa obra.
As súas primeiras obras narrativas están influídas pola literatura europea de principios do século XX. Na súa primeira obra, Do caso que lle aconteceu ao doutor Albeiros, comprobamos como o elemento fantástico e esotérico, e a referencia ao mundo oriental domina unha obra na que non atopamos aínda unha referencia clara a Galicia. A obra cóntanos a historia do doutor Benito Alveiros, ao que lle acontece unha estraña aventura na que o esqueleto do faraón Tutankhamen é liberado do corpo momificado o que lle permite ao esqueleto poder bailar.
«Señor Dr. D. Bieito Alveiros.
Meu moi distinto amigo:
Co-esta vai un cheque por valor de 150.000 pesetas qu'é o qu'importa o premeo que fixo anunciar o Faraon Thotankhamon. Teme que dispensar o moito qu'o amoquei, e mais por habelo deixado onte a ultema hora. A culpa non foi miña. E podese decatar ben, se se lembra do noxoso incidente que diu cabo â nosa festa, e que pudo faguer que V. viñera antes de tempo a se xuntar pra sempre conosco. Co-a millor intención do mundo, metérano a V. n'un nicho do camposanto vello. O cabo tiven a fortuna de libralo a tempo.
Crea na gratitude eterna do Faraón e de todol-os exipcios embalsamados qu'estiman moito o servicio que lles fixo, e tamén no do seu amigo, que desexa agardalo ainda por eiqui moito tempo.»[22]
Vicente Risco; Do caso que lle aconteceu ao doutor Albeiros
A súa obra máis coñecida, e tamén na que nos atopamos un Risco máis crítico pero tamén máis humorístico é O porco de Pé. Trátase dunha sátira do caciquismo, representado neste caso por Don Celedonio, un comerciante castelán que chega a alcalde nunha vila galega. Velaquí a representación do Filisteu que Risco aborrecía: burgués, materialista, sen modais nin preparación intelectual, mais excelentemente preparado para a vida moderna. A antítese de don Celedonio é un personaxe recuperado da obra que comentamos con anterioridade, O Doutor Alveiros, que ao final claudica ante a preponderancia social do “porco”. Mentres a cidade enteira honra a don Celedonio, a Biblioteca Municipal se queima, metáfora que representa dun xeito moi claro a concepción dos tempos de Risco. Así comeza a devandita obra:
«Na posguerra, don Celedonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita.
Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petitgris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis.
Vouvos referir a vida de don Celedonio e do seu sogro e principal Baldomero García, aquel que lles berraba ao mancebos: “¡Cando na miña casa entra unha peseta, para que volva a saír, cómpre facer un expediente!
Vicente Risco; O porco de Pé
RAMÓN OTERO PEDRAYO
Deixamos para o final á outra das tres grandes figuras intelectuais deste primeiro tercio do século XX. Con el pechamos o círculo dunha xeración de escritores, intelectuais e, no caso de Castelao, tamén artistas, que mudaron o significado e a altura da cultura galega para sempre.
Ramón Otero Pedrayo nace en Ourense en 1888, xusto na mesma casa onde naceu Risco, veciño e amigo da infancia, e morre en 1876 aos 88 anos de idade. De orixe fidalga, o seu pai era un médico moi popular na cidade e nas terras de Amoeiro, pois ademais da casa de Ourense, a familia tiña unha casa en Trasalba, hoxe en día convertida en casa-museo. Otero Pedrayo cursou o bacharelato en Ourense e trasladouse logo a Santiago de Compostela a estudar filosofía e letras. De Santiago pasa a Madrid, onde ademais estudia Xeografía e Historia, acadando unha fondísima preparación intelectual: Baudelaire, Sthendal, Chateaubrieand... coñece a obras dos máis senlleiros escritores e pensadores europeos do momento, máis non acaba de decidir o seu vieiro na vida.
En 1911 regresa a Ourense e participa durante esta década nos ambientes intelectuais da cidade, na que o grupo que el e máis Risco lideran tenta de marcar as diferencias a través da súa tarefa intelectual universalista, e de un comportamento propio dos dandys. En 1917 entra nas Irmandades da Fala. Para Otero Pedrayo, o nacionalismo é tamén unha descuberta, un novo horizonte onde desenvolver toda a súa capacidade intelectual. A lingua galega, a cultura, a etnoloxía e, no caso de Otero, a historia e a paisaxe, serán a razón de ser da súa obra. No Seminario de Estudios Galegos encargarase da sección de Xeografía e Historia, encargándose de renovar o traballo de Murguía.
Na época da II República é elixido deputado a cortes pola provincia de Ourense en 1931. A súa labor política centrouse na defensa dun estado federal e no estatuto de Autonomía para Galicia, porén, Otero non foi político por vocación, se non máis ben polas circunstancias de militancia política. Cando estoura a guerra civil é deposto da súa cátedra no instituto de Ourense e marcha para o pazo de Trasalba, onde viviría un exilio interior durante algúns anos da dura década dos corenta, xunto coa súa muller e a súa nai. Alí convértese nun símbolo da resistencia contra o réxime, seno o primeiro autor que utiliza publicamente a lingua galega despois da guerra, en 1949.
Unha data moi significativa para a cultura galega foi a viaxe que realiza a Bos Aires en 1947, e que significa o encontro das dúas comunidades culturais, as do exilio “interior” e “exterior”. Como lle dixo Castelao: “abrazarte a ti é abrazar Galiza”
Paseniño vai retornando a actividade pública. Nunca pediu regresar a súa cátedra ourensá, pois nunca pedira a baixa, así que oposita e gaña praza como catedrático de xeografía na Universidade de Santiago. Corría o 1950, e nese mesmo ano pasa a dirixir a Editorial Galaxia, traballando, dentro das posibilidades que se ían abrindo, na escolma e edición daqueles autores que escribiran e que escribían naquela altura en galego. Pedrayo vai aglutinar, promover e aconsellar ás novas xeracións de escritores en galego, converténdose, con Piñeiro, del Riego, Cunqueiro, etc. nun dos grandes dinamizadores da nosa cultura na segunda metade do XX.
Foi Otero Pedrayo un dos máis grandes oradores que viu nacer a nosa terra. Nos seus discursos, algúns dos cales foron recuperados en precarias gravacións, podemos albiscar a súa extraordinaria erudición e capacidade de expresión oral. E tamén de improvisación.
En 1959 regresa a Bos Aires, sendo recibido nunha agarimosa e multitudinaria homenaxe pola comunidade galega da capital arxentina. Pasa os últimos anos da súa vida na súa casa fidalga de Trasalba, sen chegar a abandonar nunca a súa fonda e extensa produción literaria e intelectual, ata que morre, xa coa democracia chamando ás portas da súa Galicia, en 1976.
A súa produción cultural foi amplísima e de grande calidade. Estamos diante dun liberal, humanista, católico e nacionalista galego, dotado dunha extraordinaria capacidade intelectual e comprometido coa defensa dos dereitos históricos de Galicia.
Para Otero Pedrayo, o pasado é un espello que reflicte o vieiro que debe tomar Galicia para o seu desenvolvemento, considerando o Antigo Réxime como unha especie de Idade de ouro onde primaba o equilibrio social, e a arquitectura da época como un reflexo da grandeza da época.
Otero Pedrayo desenvolveu con éxito practicamente todos os xéneros literarios, sendo un dos máis sobranceiros ensaístas e narradores das nosas letras, e ficando nunha altura menor na poesía. Ademais foi un colaborador habitual na prensa galega da época. Tamén practicou con éxito o teatro.
No xénero de ensaio temos que destacar dúas das súas obras. En primeiro lugar o seu Ensaio histórico sobre a cultura Galega, que el entende como a esencia do pobo e que recolle desde a súa historia, a súas expresións cultas e populares e a súa traxectoria artística, presentándonos unha Galicia “total” a través dos diferentes elementos da súa esencia nacional. Nela, Otero Pedrayo valora a época prehistórica vencellada a unha orixe celta, o pleno medievo co esplendor compostelán, e o século do barroco como as etapas máis gloriosas do noso pasado. E ademais déixanos unha reflexión sobre a necesidade de coñecermos e de valorarmos o nosos pasado, como base para unha comprensión mellor do presente e do futuro:
«Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima»[24]
A outra grande obra ensaística é a súa Historia de Galicia, el mesmo realizou o tomo dedicado á xeografía e dirixiu un proxecto amplísimo que supuxo a renovación da vella historiografía galega.
No tocante á súa narrativa imos destacar, por cuestións de espazo, as tres obras que consideramos máis significativas dunha extensa carreira que se dilatou no tempo. Os camiños da vida é unha novela dividida en tres partes que gardan certa relación entre si. O fondo da novela é o deterioro de Galicia exemplificado na decadencia dos labregos e dos fidalgos, e a aparición da burguesía e da clase obreira como algo alleo a terra e que ven destruír a orde natural.
Tamén destacou no relato curto. En O fidalgo aborda outra vez o tema da vida fidalga do século XIX e as súas contradicións froito dunha modernidade sobrevenida e non asumida:
«No cimiterio, a lousa humilde de don Xohán, modesto funcionario xubilado, está asombrada polo moimento de marmol do prestamista. EN sete parroquias da Galicia, aíndo o sol do serán bica, ó morrer, sete alciprestes que de neno don Xohán axudara a prantar.»[25]
Ramón Otero Pedrayo, O fidalgo
Seguramente a mellor novela que ten escrito Otero Pedrayo é Arredor de si, na que conta a historia de Adrián Solovio (un personaxe con moitos matices autobiográficos) que anda perdido na procura dun horizonte intelectual que non atopa nin en Madrid nin en Europa, e que acaba por descubrir na súa Galicia natal, sendo ademais o mapa do territorio de Domingo Fontán e a paisaxe que ve tras a súa xanela o que termina de abrirlle os ollos. Na esencia da súa terra atopa Solovio o seu destino, o mesmo que lle aconteceu aos membros da súa xeración, como nos aclara Vicente Risco: «Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun soilo home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ao que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andivo todo o tempo dando voltas arredor de si cada un arredor de si mesmo sen atoparse endexamais de todo.»[26]
Non hai, pois, mellor forma de rematar esta extensa clase cun parágrafo dunha das novelas máis importantes da literatura galega, precisamente o que nos narra como Adrián Solovio atopou a inspiración na súa terra. Pois sendo galego, foi como o personaxe acadou o seu pulso intelectual. A cultura galega non ó limitaba, a cultura galega foi a que lle abriu infinitos vieiros:
«Por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario. Xa podía dirixir a súas frechas a un fito. Foi obra leda e rápida como toda liberación. Fíxoa pola meditación apaixoada servida pola experiencia dos ensaios fracasados, e pola amorosa descoberta da terra. Máis adiante Solovio compracíase en lembrar sen propósito pedagóxico, como exemplo e enseño para os máis, as etapas do seu itinerario da perfección. No decorrer dun ano fixo vairas viaxes: costa brava, algún mes en Santiago, no verán co caxato e morral andou a pé grandes anacos de serra, onde se demora sempre un recendo e unha elegancia de invernía. Deste xeito foi sentindo a historia vivente da Galicia e puido meditar a súa proxección no porvir (...)»[27]
Ramón Otero Pedrayo, Arredor de si.
[1] ROSARIO FERNÁNDEZ VELHO e XESÚS SAMBADE SONEIRA: Literatura galega do século XX. Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2006. (26)
[2] ROSARIO FERNÁNDEZ VELHO e XESÚS SAMBADE SONEIRA: Literatura galega do século XX. (Cadernos de Literatura Galega). Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2006. (26)
[8] A. R. CASTELAO, Obra completa. 3. Diarios de arte, (ed. Xesús Alonso Montero). Colección Arealonga – Ed. Akal, Madrid, 1982 (43)
[9] A. R. CASTELAO: Cousas (primeira edición 1929); [recollido en: http://www.manuelrivas.com/cousas]
[10] RICARDO CARBALLO CALERO: Historia da literatura galega contemporánea. Ed. Galaxia, Vigo, 1975 (657)
[11] A.R. Castelao: Os dous de sempre; 1934; Texto extraído da web ‘Museo Castelao’: http://www.museocastelao.org/
[12] A. R. CASTELAO: Os vellos non deben namorarse. 1941. Texto extraído da web ‘Museo Castelao’: http://www.museocastelao.org/
[13] A. R. CASTELAO: Sempre en Galiza. 1944. [Texto recollido en ROSARIO FERNÁNDEZ VELHO e XESÚS SAMBADE SONEIRA: Literatura galega do século XX. Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2006. (47) ]
[14] A. R. CASTELAO, Nota extraída de: Retrincos - Un ollo de vidro, Edición de E. GONZÁLEZ SEOANE e DOLORES VILAVEDRA. Galaxia, Vigo, 1994 (13)
[16] A. R. CASTELAO: Sempre en Galiza. [Nota extraída de F. FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Pensamento galeguista do século XX. Ed. Galaxia, Vigo 1983 (141)]
[18] SIRO [Nota extraída de: Retrincos - Un ollo de vidro, Edición de E. GONZÁLEZ SEOANE e DOLORES VILAVEDRA. Galaxia, Vigo, 1994] (20)
[21] RICARDO CARBALLO CALERO: Historia da literatura galega contemporánea. Ed. Galaxia, Vigo, 1975 (644)
[26] VICENTE RISCO: Nos os inadaptados. Nota extraída de [ROSARIO FERNÁNDEZ VELHO e XESÚS SAMBADE SONEIRA: Literatura galega do século XX. (Cadernos de Literatura Galega). Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2006. (43)]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.