7 oct 2009

01. PEGADAS DE PEDRA NA PAISAXE


Os primeiros habitantes de Galicia

1Os primeiros homínidos que habitaron estas terras eran ben diferentes a nós. Non hai evidencias físicas da presenza daqueles seres nas nosas terras, agás unha serie de puntas e obxectos de pedra traballados dun xeito moi sinxelo e que pertencen ao período coñecido como Achelense (os principais achados tiveron lugar na costa entre cabo Silleiro e a desembocadura do Miño, tamén ns xacementos de Budiño en Porriño e de Toén en Ourense), que se desenvolve en Europa, dentro do Paleolítico Inferior, entre 500.000 e o 95.000 a.e.c. Na última década, os achados do xacemento de Atapuerca (Burgos) produciron una revolución na interpretación da prehistoria da Península Ibérica, pois descubriuse que a presenza humana era moi anterior ao que se supuña. Na actualidade estanse a producir escavacións no SO de Galicia que tratan de comprobar a presenza de homínidos da especie Homo Anteccesor (especie que vai evolucionar cara ao Neanderthal, do que falaremos logo) no noso territorio cunha cronoloxía de 800.000 anos, e pertencentes a Cultura dos cantos tallados (Pebble Culture).

Debido á acidez do chan, a escaseza de refuxios naturais e aos poucos estudios sobre as primeiras comunidades humanas en Galicia, ata hai pouco tempo apenas se coñecían restos orgánicos prehistóricos. Nos últimos anos, esta escaseza de datos están a mudar debido as escavación que se están a realizar, principalmente na parte oriental da provincia de Lugo. Trátase dunha serie de xacementos que están a producir unha revolución nos estudios do home prehistórico en Galicia. En Monforte hai un importante xacemento que verifica a existencia de homínidos no lugar hai máis de 300.00 anos. En Cova de Eirós (Triacastela) aparecen restos dun poboamento de homes do Neardenthal, cunha cronoloxía de 84.000 a.e.c (Paleolítico medio); aínda que non apareceron restos humanos, hai moitas evidencias da actividade do home e restos da fauna da época. No xacemento de Valdavara apareceu o que se considera o adorno máis antigo atopado en Galicia, cunha cronoloxía de 17.000 a.e.c. Trátase dun dente perforado que se colga.

Para facer un percorrido por este período histórico amplísimo (estamos a falar de case 800.000 anos) cómpre falar das diferentes especies e dos cambios climáticos que se produciron. A falta de confirmación da presenza do Homo Anteccesor en Galicia (os restos de pedra parecen verificar esa hipótese), os primeiros homes que pisaron a nosa terra foros os pertencentes á especie Neardenthal: máis robustos ca nós, máis baixos, cun arco supraorbital moi desenvolvido, sen queixelo e xa cunha capacidade cranial moi importante (1.500 cm³). A evolución desta especie vai ser o Homo Sapiens, especie á que pertencemos nós, e que aparece en Galicia hai uns 30.000 anos. A evolución de Neardenthal a Sapiens non se produce aquí, senón en África. temos, polo tanto, a chegada dunha nova especie que provoca a extinción da anterior.

O Clima vai cambiar moito en todos estes anos. O home de Neardenthal e os primeiros Sapiens (as veces tamén coñecidos como home de Cro Magnon) ata hai aproximadamente 10.000 anos, viviron nun período climático diferente, o Plistoceno, que se caracteriza polas fortes glaciacións (Gunz, Mendel, Riss e Würm) e os períodos interglaciares: o clima, a fauna e a flora é moi diferente e isto vai condicionar as formas de vida. O período climático posterior ao Plistoceno é o Holoceno, no cal nos atopamos hoxe en día. E unha etapa morna na historia do planeta terra, aínda que durante estes 10.000 anos, tamén se producen variacións climáticas.

Como vivían os homes do paleolítico? É case imposible sabelo a través do estudio dunha serie de pedras talladas. Os novos achados, os restos de polen e animais, de elementos simbólicos, de restos de habitación, de fogares, etc. axudan un pouco a esta reconstrución, pero sendo humildes temos que recoñecer que sabemos moi pouco destas primeiras comunidades humanas. Hai un xeito de aproximarse a este tipo de sociedades, a través do estudio antropolóxico de sociedades actuais de cazadores- recadadores e o establecemento de analoxías coas comunidades do pasado. É un método que ten as súas limitacións, pois casa sociedade é diferente, máis permítenos facer hipóteses de como serían estas xentes.

As comunidades humanas prehistóricas do paleolítico establécense en pequenos grupos de cazadores-recadadores. Como diciamos antes, a fauna e a flora non foi sempre a mesma. Durante o Plistoceno en Galicia cazábanse osos comúns, osos das cavernas, cervos xigantes, cabalos, mamuts... A recolleita de froitos era unha estratexia fundamental para a dieta e a supervivencia da especie. Tamén está constatado o aproveitamento dos recursos mariños (pesca e marisqueo) e fluviais.

Tradicionalmente estes grupos están asociados a un tipo de vida nómada, téndose que desprazar na procura duns alimentos que non producen. De todos os xeitos, esta mobilidade é posible que fose reducida, tendo varios lugares estacionais nos que establecerse e volvendo sempre a lugares habitados anteriormente.

Por razóns biolóxicas e tamén de organización social, o traballo estaba dividido por sexos. Nesta asignación social de papeis, os homes cazan e as mulleres recollen froitos. A caza é a actividade de prestixio, mais o aporte calórico de froitos e cereais é posible que fose maior. Nestes grupos apenas se distinguen diferenzas de estatus social. Non hai especialistas e todo o grupo dedícase á consecución de alimentos. Tradicionalmente asignouse a estes grupos como atrasados, como violentos. Non hai constancia de que se tratasen de sociedades especialmente violentas (como ocorrerá con posterioridade).

No paleolítico superior prodúcese unha evolución tecnolóxica e tamén a nivel mental. As tallas de pedras cada vez van ser máis sofisticadas (técnica Levallois) e cada vez van ser utilizados novos tipos de pedras e minerais, como o silex. En Galicia non se descubriron pinturas parietais como no Cantábrico, mais está datado o uso de ocre quentado para facer decoracións, o que non fala dunha evolución cultural mi importante. Ata a aparición do dente citado anteriormente (Valdavara) a que se consideraba obra de arte máis antiga de Galicia era un colgante decorado cunha liña vertical atopado en Pena Grande de Férvedas.

Megalitismo


«No hay campo inculto en Galicia en el que los ojos acostumbrados no perciban la grande o pequeña mámoa» (Manuel Murguía)[1]

Coñecemos como Megalitismo a un período da prehistoria de Galicia que transcorre entre o IV e o II milenio a.e.c. Esta cultura desenvólvese nun contexto climático e ambiental algo diferente do actual (período Atlántico do Holoceno). A vexetación estaría composta principalmente por prados, plantas herbáceas e bosques de caducifolios. A temperatura sería algo máis alta que na actualidade. A acción do home na natureza comeza a ser nesta etapa moi significativa: prodúcese o proceso histórico coñecido como Revolución Neolítica.

A revolución neolítica estendeuse polo chan galego durante este período da nosa historia (se ben é posible que en certas zonas do territorio xa se practicara a agricultura con anterioridade). Falamos de revolución polas profundas mudanzas na economía e na sociedade que se produciron co descubrimento da domesticación de plantas e animais. Os humanos deixan de dedicarse a buscar alimentos e comezan a producilos. Os modelos de hábitat cambian, os grupos humanos serán máis numerosos e estables. A produción de excedentes alimentarios carrexa dúas novas consecuencias, o almacenamento de excedente (planificación económica) o desenvolvemento dos intercambios. Prodúcese tamén unha especialización, xa que haberá persoas que xa no se teñan que dedicar a conseguir alimentos,o que provocará unha maior xerarquización da sociedade. Tamén na tecnoloxía prodúcese unha evolución, os obxectos que produzan estas comunidades humanas serán máis complexos, prodúcese o descubrimento da cerámica (relacionada co almacenamento de alimentos) e da pedra pulida (por iso falamos de neolítico fronte o anterior paleolítico). Tamén veremos como no campo das crenzas prodúcese un desenvolvemento crucial, coa crenza na vida despois da morta e coa edificación de grandes monumentos funerarios.

No noso territorio aséntase un bo número de comunidades que modifican a paisaxe a través da deforestación e dos usos agrícolas e gandeiros, a través dos seus poboados dos que non quedan restos e dos monumentos funerarios que constrúen.

A cultura megalítica está presente en moitos lugares do occidente europeo. A súa orixe non é clara. Hoxe en día para o caso galego, a teoría comunmente aceptada e a que fala dunha orixe no Alentexo portugués, de onde se estendería cara o norte do pais luso e logo ata o territorio galego.

«Os construtores de túmulos son os primeiros en modificar dun xeito importante e permanente a paisaxe. Humanizan un territorio ata entón máis natural que cultural. Coas súas tumbas ben visibles na paisaxe, as súas aldeas, os seus lugares de pastoreo e campos de cultivo, canteiras minas e zonas deforestadas xunto cunha rede de camiños vencellada cos intercambios entre as diferentes comunidades, marcan claramente a pegada específica do humano, a cultura fronte a natureza á que someten con maior forza que as poboacións anteriores»[2]

Este modo de ocupación do territorio, en numerosas poboacións de escasa entidade espalladas por todo o territorio, a agricultura de roza e a horticultura combinada coa gandería, e a explotación dos recursos dos montes, continuou vixente case ata os nosos días.

Pero se coñecemos á sociedade megalítica é precisamente pola importante pegada cultural que deixaron no noso territorio, isto é, polos monumentos funerarios. Tradicionalmente se coñeceron como dólmenes (que traducido sería mesa de pedra), pero, como veremos, é máis correcto falar de mámoas (ou medoñas ou medornas, tamén de antas, antelas, arcas... pois o léxico galego sempre recolleu diversas formas de chamarlle a estes monumentos).

Unha mámoa ten forma de casquete. A súa planta é circular ou elíptica. As súas dimensións son variables, en xeral entre 15 e 30 metros de diámetro, aínda que poden ser máis grandes. Poden sobresaír do terreo uns poucos centímetros ou máis, dependendo do terreo (hai que ter en conta que pasaron miles de anos desde a súa construción). Soen estar cubertas de vexetación: herba, monte baixo e incluso árbores que case sempre tapan o enlousado. As mámoas aparecen por case toda a xeografía galega, normalmente en chairas altas e nos fondos dos vales, as veces aparecen formando conxuntos máis ou menos importantes (necrópoles). Non é doado calcular cantas mámoas existen en Galicia, moitas foron destruídas e moitas pasan inadvertidas no terreo, pero sábese que son milleiros de estes monumentos os que hai espallados por toda Galicia.

As mámoas soen ter no seus exterior un anel de pedras, este anel, ademais de delimitar o monumento, tiña unha función de remarcar o espazo máxico ou sagrado da mámoa. No interior hai unha estrutura central de pedra (o que nós coñecemos normalmente como dolmen). Todo o conxunto vai cuberto protexido por terra e cuberta vexetal, agás a lousa central que fai de teito e que moitas veces fica visible (seguramente para resaltar a presenza do monumento). A tipoloxía é moi variada, e na bibliografía aportada podedes consultar os modelos existentes. Moitos deles teñen un corredor feito de grandes lousas e que conduce á cámara. Hai unha cronoloxía onde os monumentos van gañando en complexidade e tamaño desde o cuarto ao segundo milenio a. e. c. A nivel simbólico é moi importante o adro; este sitúase orientado cara ao nacente, diante da entrada do corredor. Nel se situaban unha serie de esculturas antropomorfas moi sinxelas. é un espazo de contacto entre os dous mundo, o dos vivos e dos mortos, quizais un espazo para a liturxia.

A cámara é a parte que lle da sentido ao monumento «Nese espacio interior, escuro, silandeiro e frío, é onde están estes, os enxovais, as pinturas e gravados, a miúdo, de posible función simbólica, feitos para seren contemplados por aqueles ou pr algún ente de natureza sobrenatural. Deste xeito preséntase unha gradación complexa do espacio desde o punto exterior máis afastado, desde onde se albisca a pequena montaña artificial ata o lugar central nas entrañas da mesma, no que estes se albergan en contacto coa terra». [3]

Nas grandes pedras fincadas da estrutura central do túmulo, eran colocados os cadáveres xunto a un enxoval con diferentes materiais de pedra, de cerámica, etc. Estes elementos que compoñen o enxoval «poden considerarse obras de arte polo seu carácter non funcional, a perfección do seu acabado e a escolla dunha materia prima excepcional, que as veces procede de moi lonxe. O ter recibido un tratamento técnico privilexiado, que lles dá unha gratificación estética que os diferenza claramente das pezas funcionais, garante esta posibilidade»[4] . As grandes pedras da cámara moitas veces aparecen gravadas ou pintadas cunha profunda carga simbólica. Nos gravados aparecen xeralmente liñas onduladas ou facendo zigzag, tamén outra figuras xeométricas compostas por círculos e liñas, cun significado que moitas veces escápasenos. Podemos interpretar o círculo como a representación solar, e as liñas onduladas como auga o ben coma serpes. En todo caso é un arte cun alto compoñente simbólico e relixioso.

A través de diferentes estudios que teñen que ver coa arqueoloxía experimental , demostrouse que para erguer un monumento megalítico non é necesario unha gran cantidade de man de obra nin de horas de traballo, ao contrario do que se especulou tradicionalmente. A localización dun megalito sempre é intencionada, igual que a súa orientación. É imprescindible entender o monumento non como algo illado, se non como un conxunto integrado coa paisaxe,e como unha construción identitaria.

«As necrópoles non só están ao servizo da morte, senón que é posible, se ten en conta a súa posición na paisaxe, que algunhas servisen de testemuña non só da comunidade dos mortos, senón tamén da dos vivos, que a humanizan a través da monumentalidade, afirmándose ante elas e ante outras comunidades»[5]

A construción destes monumentos supón un esforzo social moi importante. esta realidade esixe a existencia de especialistas. Os enxovais provocan a amortización dos bens soterrados e a presión para crear outros novos. Podemos falar dun “humanismo megalítico”, no sentido da presenza do factor humano e relixioso. Hos homes que morren xa non son só materia inerte, se non que son almas que pasan a formar parte da comunidade de antepasados. Este grande esforzo por darlle sepultura aos mortos amósanos que eran sociedade cunha dimensión relixiosa moi importante. En palabras de J.M. Vázquez Varela «Véncese á natureza mediante a cultura coa sacralización do humano e a antropoformización do universo relixioso».[6]

Algúns dos monumentos megalíticos máis sobranceiros son os seguintes: Forno dos Mouros (Serra da Faladoira), Necrópole de Lousada (Terra Chá); mámoa de Monte Campelos (Begonte); Pena do Raposo (Melide), Dolmen de Cabaleiros (Tordoia); Necrópole de monte de Morá (o Saviñao), Dólmen de Dombate (Bergantiños), Casa dos Mouros (Xallas), Arca da Barbanza, Dolmen de Axeitos (Ribeira)...

Para concluír coa cultura megalítica, cómpre subliñar que este tipo de monumentos foron asociados tradicionalmente ao mito da orixe celta de Galicia. Na seguinte clase falaremos das teorías celtistas para explicar o noso pasado. Non podemos pechar o tema sen falar da sistemática destrución de mámoas que tradicionalmente sucedeu (e aínda sucede) en Galicia. Os saqueos en busca de falsos tesouros dos séculos pasados, o uso das rochas por parte dos canteiros, a construción de infraestruturas e urbanizacións, os delitos contra o patrimonio, e a falta de sensibilidade, etc. forno minando este patrimonio. Os arqueólogos e prehistoriadores levan tempo denunciando estas prácticas:

«Sen esquecer, aínda que pareza xocoso, as destrucións “lúdicas” como é o caso da utilización da necrópole da Zapateira como campo de golf e no que algunhas mámoas actúan de bunker ou tee»[7]

A Idade de Bronce


A descuberta dos metais supón un feito moi relevante na historia das primeiras comunidades humanas. No período coñecido como Idade do Bronce (1800-700 a.e.c.) imos ver este desenvolvemento das técnicas metalúrxicas. Neste tempo temos algún dos legados máis importantes da nosa cultura, cun gran número de obxectos de bronce atopados e depositados nos nosos museos, o desenvolvemento dunha extraordinaria ourivería e os gravados de pedra ao aire libre coñecidos como petroglifos, sen esquecer a cerámica.

O clima é mais frío (subboreal) . A deforestación faise máis evidente, así como outras pegadas da actividade humana como a agricultura. A Base da economía será precisamente a agricultura, a gandería e na costa, a pesca e o marisqueo. Prodúcese un aumento demográfico e un desenvolvemento dos intercambios comerciais, estimulados polo afán de conseguir minerais e de intercambiar espadas, puñais, machados e outros obxectos metálicos. Hai maiores tensións no territorio, a xulgar polo desenvolvemento da fabricación de armamento, unha consecuencia disto pode ser a maior xerarquización da sociedade.

No bronce inicial desaparecen as tumbas megalíticas (enterramentos colectivos) e se substitúen por enterramentos individuais sen túmulo. A presenza de armas nos enxovais que acompañan ao defunto, nos falan dunha sociedade máis guerreira e da posibilidade de aparición dunha clase de guerreiros.

Os primeiros obxectos metálicos son de cobre, metal que de seguido foi substituído polo bronce (aliaxe entre cobre e estaño). Tamén desde a primeira metade do segundo milenio a.e.c. aparecen xoias de prata e ouro. A rede de circulación destes obxectos esténdese polo occidente europeo (illas británicas, Irlanda, Francia e Norte da Península Ibérica).

CERÁMICA

A cerámica campaniforme é un modelo que se estende por case todo o territorio Europeo. Na P. Ibérica está moi presente, polo que é posible que nela estivera a súa orixe. Este tipo de cerámica ten forma de campá invertida. En Galicia este tipo é moi abundante, e aparece moi ben contextualizado. A súa cronoloxía vai desde 0 2100 ata o 1700 a.e.c. Nos seus primeiros tempos aparece ligado aos últimos monumentos megalíticos, polo tanto, temos que falar dunha continuidade. Estas formas chegaron ao noso territorio procedentes de Portugal, da rexión do río Taxo: de seguido popularízase por todo o territorio e se produce unha indixenización do material.

A forma fundamental é o vaso campaniforme, con colo alto e o bandullo baixo, perfís sinuosos e suaves. Están feitos a man (poden estar compostos por varios aneis urdidos). Levan decoración xeométrica (xeralmente liñas rectas, ondulacións e zigzag), feita cun peite.

Outro modelo de cerámica diferente foi o tipo Penha, procedente do Norte de Portugal, e moi presente en xacementos do sur de Galicia. Esta aparece vencellada tanto ao megalitismo como á campaniforme.

GRAVADOS EN PEDRA

Os petroglifos (gravados ao aire libre) son parte fundamental do noso patrimonio arqueolóxico, son os máis coñecidos polo gran público e os máis estudiados, mais no son os únicos gravados en pedra da prehistoria galega. Anteriormente a estes desenvólvese unha tradición que consiste en gravar o interior das cistas funerarias (modo de enterramento individual que sucede ás tumbas colectivas do megalítico). Son de notable interese cistas como as da Insua, Carnota, Coitemil, Rodeiro ou o Morrazo. Pertencen ao bronce Inicial e amosan certas diferencias cos que se atopan no interior dos megalitos. Combinan diferentes elementos, destacando as liñas rectas. Estes debuxos representas ideas relixiosas asociadas coa morte. As tumbas individuais decoradas confirman que estamos diante unha sociedade máis individualizada, xerarquizada e que dá unha maior importancia á xerarquización social.

Os petroglifos son gravados sobre rocha ao aire libre. Aparecen por todo o territorio de Galicia, aínda que hai unha zona de especial concentración destas representacións artísticas, desde Muros ata a ría de Vigo, nun arco de 30 Km desde a costa: Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Pazos de Borbén, Cotobade, A Lama... Están feitos en rochas graníticas de diferentes tamaños, en posición horizontal ou lixeiramente inclinadas. Soen estar situadas nas ladeiras ou nas zonas altas, descartándose os vales. Os petroglifos están feitos cunha ferramenta con forma de punta feita de pedra, polo que deixan unha marca ancha e pouco profunda. A súa cronoloxía é un tema complexo, polo que moitas veces é difícil identificar a etapa histórica á que pertence un gravado na rocha.

Os temas son variados, destacando as seguintes: cazoletas, combinacións de círculos, animais, (cervos, cabalos e serpes), figuras antropomorfas esquemáticas, pegadas de pés, armas, cadrados, reticulados, paletas, esvásticas, labirintos, espirais. É unha arte profundamente simbólica, aínda que o seus significado non ten porque se exclusivamente relixioso. Son debuxos esquemáticos, bastante complexos en ocasións, o que provoca que non sexa doado interpretalos. Aínda que os petroglifos galegos teñen unha personalidade propio,hai que relacionalos cos achados similares en outras partes do mundo atlántico europeo.

As sociedade que empregaron este recurso artístico privilexiaron no tema o que eles consideraban importante. Entre os obxectos representan as armas, que eran consideradas obxectos de prestixio social; estas semellan lexitimar a guerra e afirman o prestixio social da actividade bélica Os ídolos cilíndricos gravados nas rochas poderían ter unha dimensión relixioso-funeraria. Destacan as escenas de caza e de doma de cabalos, tamén é posible que se represente o pastoreo. Guerreiros, cazadores, pastores e xinetes (sempre homes) son os tipos humanos representados. A caza non só era unha actividade económica, tamén tería unha función social e podería funcionar como rito iniciático ao mundo dos adultos.O cervo funciona como animal simbólico, é o grande protagonista da representación da fauna. O cabalo case sempre aparece montado por un xinete, o que nos fala do prestixio dos homes que podían facer esta actividade.

As formas xeométricas son as que presentan unha maior dificultade de interpretación, aínda que foron moitos os intentos feitos por multitude de especialistas, desde especulacións sen fundamento ata a utilización de analoxías con sociedades actuais (principalmente americanas): díxose que eran planos de poboados, de campos de cultivo ou comarcas, sinais de minas, símbolos de fecundidade, lugares rituais, mesas de ofrendas, visións alucinatorias, etc. É posible que nos petroglifos vírase reflectidos os coñecementos astronómicos destes pobos, combinacións de puntos e circos que poden representar calendarios solares e lunares, como no caso da Laxe das Rodas de Louro (Muros). De todos os xeitos non é unha hipótese moi aceptada que estes pobos tiveran grandes coñecementos sobre a materia, sendo sempre representacións sinxelas.

OS METAIS

Ademais dos numerosos depósitos de armas de bronce (machados, puñais, espadas...), de diferentes influencias, o máis destacado nesta época van ser os grandes tesouros da ourivería. As influencias na nosa metalurxia foron variadas. Os obxectos atopados gardan relación co que se fai noutros lugares do occidente europeo.. Moi significativo é a súa aparición formando depósitos e tesouros.

Por último, rematamos a clase lembrándonos dun dos sobranceiros investigadores da prehistoria de Galicia. Trátese de don Florentino López Cuevillas. Ourensán, pertencente á xeración Nós, ao Seminario de estudios Galegos, membro do Partido Galeguista, compañeiro de Risco e Otero Pedrayo (cos que percorreu a provincia de Ourense para estudar o seu pasado). Foi o primeiro que sistematizou dun xeito moderno a prehistoria de Galicia. É autor de obras fundamentais como La civilización céltica en Galicia, A idade de Ferro en Galicia, o terceiro tomo da Historia de Galiza de Otero Pedrayo e Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza. Del escribiu, á súa morte, o seu compañeiro Fermín Bouza Brey:


 
Que os anxos que che agardan
na citania divina,
cas máis puras diademas che coroen,
cos máis enxebres torques che reciban,
e a man do Eterno mesmo
loura espada che cinga,
¡ouh príncipe antre “os bos e xenenrosos”,
Florentino Cuevillas,
régulo dos combates
máis rexos e máis nobres por Galiza!


[1] MANUEL MURGUÍA. Historia de Galicia, 1889
[2] X. M. VÁZQUEZ VARELA Nova historia de Galicia. Ed. Tambre 1996
[3] J.M. VÁZQUEZ VARELA: O megalitismo. En Galicia. Arte. Proxecto Galicia, tomo IX. Ed. Hércules, A Coruña, 1993. (55)
[4] J.M. VÁZQUEZ VARELA: O megalitismo. En Galicia. Arte. Proxecto Galicia, tomo IX. Ed. Hércules, A Coruña, 1993. (51)
[5] J.M. VÁZQUEZ VARELA: O megalitismo. En Galicia. Arte. Proxecto Galicia, tomo IX. Ed. Hércules, A Coruña, 1993. (51)
[6] X. M. VÁZQUEZ VARELA Nova historia de Galicia. Ed. Tambre 1996 (56)

[7] ANTÓN A. RODRÍGUEZ CASAL O Megalitismo galego: a documentación Arqueográfica; En Galicia. Historia. Proxecto Galicia, tomo IX. Ed. Hércules, A Coruña, 1993. (122)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.