6 may 2010

20. UN PAÍS DE LETRAS

Durante este curso vimos como Galicia é a orixe dun gran caudal literario que abrangue desde a Idade Media ata os nosos días. As letras galegas, a pesar dos atrancos que se atoparon neste longo camiñar a través da historia, amosáronse vizosas, converténdose en vieiro de expresión das tradicións, das arelas e da idiosincrasia do pobo galego.

Na última clase na que abordamos a produción literaria feita en galego, coñecimos aos autores da xeración Nós. Ademais da labor de Castelao, Risco e Otero Pedrayo, temos na nosa terra unha morea de escritores e escritoras pertencentes a diferentes xeracións, desde o primeiro tercio do XX ata a actualidade: desde Manuel Antonio a Manuel María, desde Cunqueiro a Manuel Rivas, ou desde Celso Emilio Ferreiro a Méndez Ferrín. Todos eles, e moitos máis, fixeron algo grande das nosas letras.

Non foi este un camiño de rosas. A guerra civil e a ditadura van ser outro gran atranco para o desenvolvemento dunha cultura autóctona galega. A censura, o exilio, o medo, a represión... Pero outra vez, as letras galegas van superar esa “longa noite de pedra”, amosándose na actualidade como un referente literario consolidado, a pesar das súas cativas posibilidades de expansión en comparación coa literatura en castelán.

Precisamente falando desta outra literatura coa que o galego comparte espacio, non podiamos esquecernos de que desde Galicia xurdiron algúns dos creadores máis importantes en lingua castelá nos últimos dous séculos. A lingua de Cervantes non sería a mesma sen os poemas en castelán de Rosalía, sen a novela naturalista de Pardo Bazán, sen a maxia literaria de Valle Inclán, ou sen a aceda visión da posguerra de Cela. Valoramos enormemente a literatura española feita en Galicia, mais por cuestións de espacio vai ficar fóra do programa do curso. Porén, todos eles, os vellos e os novos, os que optaron polo galego ou os que escribiron en castelán sobre a súa terra, fixeron grande a nosa literatura, converteron a Galicia nun país de letras.

ROMPENDO COS “VELLOS”: MANUEL ANTONIO

Arrincamos este percorrido pola historia máis recente das nosas letras a partir da figura de Manuel Antonio. Este insigne poeta conviviu no tempo cos membros da xeración Nós, pero desmarcouse deles claramente, optando por crear unha literatura de vangarda, que rechaba coa tradición. Unha vontade de ruptura que pretendía achegar á literatura galega aos ámbitos internacionais.

Manuel Antonio, en 1922, marca a súa intención a través dun feito fundamental das nosas letras como foi a publicación (xunto co artista Álvaro Cebreiro) do manifesto Máis Alá. Manuel Antonio fai un chamamento ás xentes máis novas para que superen o anquilosamento dunha literatura que, segundo el, repetía de xeito mimético as formas dos grandes poetas do rexurdimento dándolle as costas aos movementos modernos e universais. Tamén, en certo sentido, é un texto duro, no que ataca aos “pollitos bien” da súa xeración por afastarse da lingua galega. En todo caso, a súa actitude hai que enmarcala nun contexto no que era habitual amosarse atrevido e radical nas propostas culturais, dentro das vangardas que influíron en todos os eidos da cultura.

«Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra,
se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo
ou encarados co porvir. Se queredes liberarvos do
xerme da vellez e da morte. Se queredes adornarvos
da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar
de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola
mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar
nela unha pelegrinaxe sen chegada, porque en cada
relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra:

«¡Máis alá!»[1]

Este incendiario manifesto non pasaría de ser unha boutade se Manuel Antonio non houbese creado unha verdadeira literatura de vangarda. Pero o de Rianxo foi un anovador dentro das nosas letras. A súa obra senlleira foi De catro a catro, un libro de dezanove poemas co mar como eixo temático, escrito a bordo do buque “Constantino Candeira”. Nesta obra Manuel Antonio, bebendo de fontes literarias internacionais, rompe no plano estilístico e formal coa poesía do momento. A métrica, o ritmo, a rima, a lóxica gramatical, o uso da metáfora... todo vai ser moderno e transgresor dentro da súa creación. Por outro lado, en De catro a catro, a través da referencia ao mar, Manuel Antonio tamén nos fala de si mesmo, do seu mundo interior.

    «Intencións
Encheremol-as velas
c’a luz naúfraga d’a madrugada
    Pendurando en dous putos cardianes
a randeeira esguía
d’o pailebote branco
                         C’as súas mans loiras
                         acenan mil adeuses as estrelas

    Inventaremos frustradas descobertas
    a barlovento d’os horizontes
    pra acelerar os abolidos corazóns
  d’os nosos veleiros defraudados

  Halaremos pol-o chicote
d’un meridián innumerado

Na illa anónima
de cada sigladura
esculcaremos o remorso d’a cidade
             Ela noitaámbula desfollará
             como unha margarida prostibularia
             a Rosa d’os Ventos d’o noso corazón (...)»[2]

A obra de Manuel Antonio abriu novos vieiros que foron seguidos  por outros autores nesa nova idade de ouro das nosas letras que foi a década dos 20 e a etapa da II República. Rafael Dieste é outra figura destacada das nosas letras que traballa nesta altura (ao marxe dos tres grandes do grupo Nós). Resulta que tamén é rianxeiro. Así pois, nunha pequena vila mariñeira da ría de Arousa nacen, case a un tempo, Castelao, Manuel Antonio e Dieste, e a uns poucos kilómetros (na Pobra ou en Vilanova),  xa nacera décadas antes Valle-Inclán. Dieste viviu as dás facianas da diáspora, primeiro a emigración e, a partir de 1940, o exilio. O de Rianxo foi autor, ademais doutras obras, dun fermosísimo libro de contos titulado Dos arquivos do Trasno, saído do prelo na súa primeira edición en 1926, e publicado con posterioridade en varias ocasións máis. Nel conxuga a tradición da literatura popular galega con elementos modernizadores. Destaca, nos relatos o mundo da fantasía, do sobrenatural e do misterioso, máis sempre ambientando as súas historias nesa Galicia mariñeira que o veu nacer. No relato O neno suicida, por exemplo, introdúcenos na vella lenda do neno que naceu como un vello, e na vez de medrar, cada vez facíase máis novo.

«O neno suicida (...)
Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo veu sair do camposanto frolido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nascido. Denantes de saír do ventre da terra nai escollera il mesmo ise xeito de nacencia. ¡Cánto millor ir de vello pra mozo que de mozo pra vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea ¿por qué non faguela proba? (...)»[3]

Dieste foi unha figura moi importante na etapa republicana, traballando na fermosa iniciativa das Misións pedagóxicas, que cumprían ata o seu desartellamento a nobre labor de espallar a cultura e da educación entre as clases populares. As misións pedagóxicas conectaron a Federico García Lorca con Galicia.  O grande mestre granadino dedicou unha serie de fermosos poemas a Galicia (Seis poemas galegos), cuxos manuscritos que hoxe en día conserva a Academia:

«Madrigal á cibdá de Santiago
Chove en Santiago,
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído,
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar,
Santiago, lonxe do sol;
ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.»[4]

A última das figuras que destacamos desta etapa, conscientes dos grandes nomes que por cuestión de espacio deixamos fora, é Luís Pimentel. A súa obra sobranceira é Sombra do aire na herba, na que se recollen unha morea de poemas soltos que el xa fora publicando. Influído por escritores románticos e vangardistas, tanto galegos como casteláns, vai practicar tamén unha poesía de combate e denuncia. A súa obra Cunetas introdúcenos na seguinte etapa da nosa literatura, na que o galego ficará absolutamente apartado e perseguido, e a labor do exilio tornarase fundamental para a súa supervivencia. Ademais Cunetas é un poema de grande actualidade, agora que se quere xulgar a un xuíz por investigar o que aconteceu naqueles tempos negros da nosa historia:

«Cunetas
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro,
Señor ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-»[5]

ESCRITORES GALEGOS NA EMIGRACIÓN E NO EXILIO

Algúns non puideron escribir máis. Alexandre Bóveda, Anxel Casal, Camilo Díaz, Víctor Casas, Xoán Carballeira, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla e Darío Álvarez foron algúns dos intelectuais e creadores galegos asasinados a partir da sublevación fascista de 1936. A represión anulou durante máis dunha década a produción intelectual galega. O silencio interior vai ser compensado pola imprescindible labor do exilio, encabezado por Castelao e Luís Seoane. Da dor profunda de perder amigos e familiares, da desolación que provoca ter que abandonar a terra que amas, da profunda tristura de ver esa terra en mans dos seus inimigos, xurdiu a forza que uniu ao exilio galego na loita pola supervivencia da nosa cultura. A súas armas non foron os fusís, foron as plumas e os pinceis. As palabras contra a forza bruta.

Luís Seoane foi unha figura senlleira do exilio, como quedou visto neste curso. A súa labor na edición e ilustración de centos de libros “prohibidos” foi un feito fundamental, sen o cal parte da cultura galega ficaría agora mesmo no esquecemento. Os franquistas queimaban libros, Seoane os publicaba. Ademais de gran difusor da nosa cultura, e de exquisito artista plástico, Seoane tamén foi un escritor sobranceiro. Destacamos del dúas obras, o libro de poemas Fardel do eisilado, e a obra dramática A soldadeira. Na súa obra imponse a temática galega, e os problemas que el vive de cerca. A emigración, o exilio, as desigualdades sociais e as inxustizas. Como sabemos, para seoane a cultura (a arte, a literatura) é un elemento de loita social e de denuncia, pero igual que acontece coa súa pintura, no pode esquecer uns determinados presupostos e recursos estéticos, na procura dun estilo moderno.

«Emigrantes nunha data calquera
De alá saímos os senlleiros, os inadaptados,
os condanados inxustamente, os que procuran o pan,
os xogadores, os perseguidos, os arrichados,
tamén o xusto, o argalleiro, o luxurioso, o san,
e as ponlas frorescentes dos linaxes abafados.

O vento empurrou as barcas dos emigrantes na mar
cara estas grises lonxanas cibdades de engano
feitas de présa, de aceiro, de cemento, sen ar,
por almas lixadas de númaros, de ouro estrano,
enxoitas polo despoxo i o constante trafegar
(...)»[6]

Outra figura destacada no exilio foi Lorenzo Varela. Trátase dun dos poetas máis brillantes da súa xeración. Os seus versos combinan o intimismo coa poesía de combate e denuncia, que os tempos precisaban. O seu libro de poemas Lonxe, é a súa obra máis coñecida. Nel nos fala da emigración, do exilio, da terra perdida... Falando desde a dor e a nostalxia, lembrándose dos seus compañeiros desaparecidos e silenciados.

«Compañeiros da miña xeración
      mortos ou asesiñados
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!
Facíamos un feixe de campos e de estrelas,
e ó pisar ise chao que latexaba
sentíamos subir pola sangue o misterio.
O noso corpo era o camiño da maxia,
a escada pola que viña a lúa,
o zume de todol-os segredos,
a canzón da herba que resucitóu.
E o mismo verme era unha folla leda,
un mensaxeiro do sagrado alén.

Morréchedes, matáronvos, deixáronme.
Quedéi eiquí, lonxe das vosas sombras.
E gardo, coma un morto,
no centro do silenzo, da sede, da agonía,
o día que vos poda levar á sepultura
unha cesta de pombas e mazás.
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!»[7]

Outros escritores desta etapa do exilio foron Arturo Cuadrado, Emilio Pita e Ramón Suárez Picallo. Por cuestións de tempo non podemos afondar na súa interesante traxectoria. Aínda así, non nos resistimos a incluír uns versos do coruñés Emilio Pita, un dos destacados autores dentro do xénero poético. Jacobusland é un libro que algúns consideran un antecedente da poesía social:

«Saga da estrela senlleira
Por terras verdecentes devala velaíña
á vella estrela céltiga, senlleira e vagariña;
orfa, arrulante e núa, envolta en neboeira
n'unha dorna garnida de noite silandeira.
A estrelecida estrela, a pérola alcendida
que alumiñou as mans souriles do druida;
loiro fachón aceso dende Jerusalén
pra agarimar o vieiro galáxico ao Além
do corpo escintilante, albo de lúa e sol
do franxente Sant' Yago, pois a albariña frol
saudosa e milagreira de terras verdegadas
no lene corazón sementara alboradas.
O guieiro bisbisante do vello peligriño
o luceiro sangal do sangal hirmandiño
e do gran mariscal Pero Pardo de Cela
coa olIada pendurada da fachuqueira estrela
cando o corpo baril, semental do penedo
desfollou o seu sangue no val de Mondoñedo.
(...)»[8]

Máis novo, pero tamén traballando no exterior, temos a Xosé Neira Vilas. Poeta e novelista, na actualidade reside na aldea pontevedresa de Gres, despois de pasar doce anos en Arxentina e máis de 30 en Cuba. A súa obra máis coñecida, de lectura moi habitual en todos os colexios e institutos galegos, é Memorias dun neno labrego. Nel, Neira Vilas achéganos con realismo, mais tamén con humor, á vida de Balbino, o rapaz protagonista da historia. Un rapaz dunha aldea que axiña se terá que enfrontar aos problemas cotiás da vida. A obra comeza coas seguintes verbas: "Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre

Ademais Neira vilas é un estudoso da toma da emigración. Na súa obra Emigrantes recolle historias de Emigrantes (vemos como o relato curto é un xénero moi habitual na literatura galega), amosándonos as dúas facianas da emigración, aquelque ten éxito na súas empresa, mais aquel que fracasa e que morre na pobreza e na soidade.

Eduardo Blanco Amor é o autor doutra desas grandes obras das nosas letras, que fican na memoria de milleiros de galegos que sendo rapaces tivemos a sorte de poder lela. Trátase da mítica A Esmorga.
Estamos ante unha obra que enfeitiza ao lector. A historia de tres homes, O Cibrán, o Milhomes e o Bocas. Nunha mañá de inverno, deciden non ir a traballar e continuar a festa. É unha novela onde o elemento líquido resulta determinante para o decorrer dos feitos. A choiva invítaos a poñerse a cuberto, nas tascas, onde será outro líquido o que corra dabondo, ata que o final chegue a traxedia. A linguaxe popular, a orixinalidade da historia e a mestura de drama e humor a convirten nunha obra única das nosas letras:



«A esmorga
 (...) - Cuantos cartos tedes?, preguntou Xanciño. Eu non tiña coasi ren, pois déralle todo o xornal á raxada.

- Eu teño dez pesos, e vámolos foder todos esta noite, dixo fonchoso, o Milhomes.

- A min quédanme catro ou cinco.. pro témola que seguir, que sobran de abondo . argallou o bocas.

- Eu voume pra a miña casa, pra a casa damiña nai- respondinlles; qué esa era a verdade pois eu non tiña mentes de seguir facendo falcatruadas, que bastante tíñamos feitas.

- Seica estás tolo! Cos líos que temos armado, onde primeiro te buscarán será na casa da raxada ou na da túa nai. Pensas que son parvos!, dixo o Bocas. ímola seguir e mañá será outro día.

- A min nada teñen que me apoñer nen por qué precurarme, que eu nada fixen nen me metín con ninguén.

- E quén guindou o quinqué que puxo lume no pazo?

- Esbaroume da mau... Non o fixen adrede. Que sabía eu que ía estoupar daquil xeito, como si fose unha bomba, nen que culpa teño eu de que a leñeira estivese alí tan perto? Vaia, coño...! (...)»[9]

Tamén destacamos, dentro da produción literaria de Blanco Amor, o libro de contos Os Biosbardos e a súa outra novela en galego, Xente ao lonxe. Ademais destas senlleiras obras, Blanco Amor foi un insigne poeta e, ademais,  un gran escritor de prosa en castelán. Este ourensán universal desenvolveu practicamente toda a súa carreira en Bos Aires, aínda que volvería a Galicia na década dos 60.

“A LONGA NOITE DE PEDRA”

«Longa noite de pedra (Celso Emilio Ferreiro)
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.»[10]

Este poema, escrito polo gran poeta Celso Emilio Ferreiro cando estaba preso na cadea, condenado a morte –unha condena da que foi indultado-, marcou un fito dentro da literatura galega. Publicado no libro do mesmo nome en 1962, tivo un grande éxito e aceptación, superando, sorprendentemente, a férrea censura da época. Hoxe en día é un símbolo da dura represión, e as nefastas consecuencias que carrexou. Foi Celso Emilio o mellor representante da poesía social en Galicia, poñendo os seus versos ao servizo da defensa dos ideais democráticos e galeguistas. Porén, este tipo de obras serían imposibles de realizar durante os anos corenta e voa parte dos cincuenta.

O panorama cultural e literario en Galicia a partir da guerra civil e durante toda a década dos anos 40 foi desolador. A publicación de obra practicamente desaparece, e a lingua galega vai quedar fóra do ámbito público durante longos anos. A censura foi moi dura, aínda que se deixaron reeditar obras anteriores como os poemas de Rosalía. Certos escritores pasaron por verdadeiras dificultades e coñeceron a cadea, como e foi caso e Ramón Piñeiro ou do propio Celso Emilio. Habería que agardar ata 1951 para que se publicase a primeira novela galega da posguerra (Xente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero).

En 1949 morre Castelao no exilio, pechándose así unha etapa da literatura galega. Culminábase un ciclo glorioso iniciado en Galicia e continuado en América, pero abríanse novas xanelas, sobre todo a partir da década do 50 e do xurdimento do grupo Galaxia.

UNHA “GALAXIA” DE CREADORES

A partir da década dos cincuenta as letras galegas vanse recuperando de vagar do tremendo impacto da posguerra. Un feito clave vai ser a fundación da Editorial Galaxia, e o traballo dun grupo de intelectuais a prol da cultura galega, vencellados a esta nova iniciativa. O grupo Galaxia, liderado por Ramón Piñeiro, vai adoptar unha estratexia posibilista dentro dos estreitos marxes nos que o réxime lles deixaba actuar, tomando un vieiro “culturalista” e aparcando as reivindicacións políticas e sociais. Ramón Piñeiro, como comentabamos, é o gran catalizador da cultura galega do interior. Pola súa casa, sentados a carón del na súa mítica mesa braseiro, sentáronse todos os escritores do momento, os vellos que volven a escribir en galego, como Otero Pedrayo, e as novas figuras que atoparon na Editorial Galaxia un lugar onde publicar os seus traballos. Ademais da editorial, fúndase a revista literaria e cultural Grial, encargada de difundir a cultura galega a partir daquela altura.

«En chegando ao ano 50, xa se botaba de ver que os esforzos realizados dende a clandestinidade non podían modificar o curso da situación vixente, situación certamente avesía que reclamaba do galeguismo un desdobramento de actividades: por unha banda, proseguir a súa presenza reivindicativa dentro da oposición clandestina; por outra banda, iniciar unha presenza pública para espertar a conciencia galega nas novasxeracións, desgaleguizadas pola presión ideolóxica estatal…
A carón da batalla sotarrega da oposición clandestina, era preciso emprender a batalla pública da actividade cultural.»[11]

Piñeiro é consciente de que o galego é moito máis que unha lingua que permite escribir fermosos poemas; é unha lingua para vivir, para escribir de todo,e para facer teses e traballos de investigación. De feito, vai promover a creación ensaística e, neste contexto, ademais dos seus ensaios sobre a importancia da Saudade dentro da historia da literatura galega, irán aparecendo obras fundamentais que reflexionan sobre as nosas letras, de autores tan significados como Ricardo Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Álvaez Blázquez e Domingo García Sabell, entre outros.

Neste lento agromar de novas iniciativas culturais, á marxe de Galaxia e doutros proxectos moito máis cativos, temos que destacar a fundación por parte de Seoane e Díaz pardo de Ediciós do Castro, dentro do seu gran proxecto do Laboratorio de Formas. Seoane e Díaz Pardo terán unha concepción cultural moi diferente á do grupo de Piñeiro, mais, como aqueles, tamén recuperaran unha grande parte do legado literario de Galicia.

Sexa como for, e a pesar dos atrancos, temos desde a década dos 50 unha importante produción de literatura en galego, con destacados autores que cultivaron todos os xéneros. Imos destacar agora a algúns dos máis importantes nomes das nosas letras.

Álvaro Cunqueiro inicia a súa andaina literaria antes da guerra, cultivando o xénero da poesía, influenciado naquelas datas polas vangardas. Cantiga nova que se chama Riveira, ou Poemas do si e do non, son obras desta etapa, nas que cultiva un tipo de poesía que se deu en chamar neotrovadorismo, polas súas reminiscencias conscientes da lírica medieval. A partir da década dos 50 comeza a facer narrativa en galego, tanto novelas como libros de relatos, deixándonos unhas obras de gran calidade, dentro dun estilo moi persoal, as veces un tanto difícil para o lector medio, con constantes referencias ao mundo mítico e as diferentes lendas galegas e universais, non exentas dun tratamento irónico: Merlín e familia (1955),  As crónicas do sochantre (1956), Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Dentro dos relatos curtos, que son obras máis sinxelas tamén no estilo, destacamos Os outros feirantes. Cunqueiro tamén vai sobresaír como importante comentarista  gastronómico, percorrendo Galicia e facendo interesantísimas anotacións sobre a nosa riqueza culinaria. Ademais foi escritor de obra dramática, chegando a facer unha versión propia de Hamlet.

«Noivado IV
Noite azul de silencio
esquina de sí mesma
ouvida polas amables
galerías da lúa.

Ninguén pensa a lonxana
melancolía morna
dos espellos de loito
dos teus ollos primeiros.

Creciches como donda
anguria de vidrados
aramio sin resposta
do teu sexo solícito.

De unha luz naufragada
entre roseiras verdes
fixeche quince anos.
      - Un abano con paxaros.

A noite que non desce
vóltate a nós agora
coma ponte sin río
ou fiestra en terra firme.

Unha estampa de sono
a tua fábula afoga
núos os teus cabelos
de antiga noiva nova.»[12]


«Merlín e familia
Mi amo era mui repousado no comer e mui limpo, e de continuo lavaba as mans ao sentarse á mesa i ao erguerse. Fixo sin presas todo o costume que tiña, abuchou a bocaco derradeiro chope de clarete, dobrou a servilleta, e fíxolle aquel nó de orellas de coello que usaba, calzou os mitós i o bonete de borla, i apoiando no meu lombo a man direita, alá fomos ambos, como nunha procesión, a recibir os forasteiros»[13]

Outro dos escritores sobranceiros dentro da narrativa vai ser Ánxel Fole. O lugués deixounos un legado narrativo no que destaca, sobre todo, a influencia da literatura oral e popular de Galicia. A súa obras conteñen, por outra banda, unha crítica social e denuncia das desigualdades, ademais dunha defensa da lingua galega (na súa obra podemos albiscar a fala tradicional das comarcas orientais de Galicia, con todas as súas variantes). Unha obra fermosa que nos introduce nas paisaxes e, sobre todo, nas xentes do Caurel e da zona leste da provincia de Lugo. As súas dúas obras máis coñecidas foron Terra Brava e A lús do candil.

No tocante ao xénero poético, sempre é grato lembrarse de María Mariño, unha figura literaria de grande orixinalidade nas nosas letras, que tivo que superar os atrancos de ser muller e de ter unha orixe humilde á hora de dedicarse á literatura. De formación autodidacta, só chegou a publicar un só libro en vida (Palabra no tempo), grazas á colaboración de Uxío Novoneira, que foi quen de descubrir o talento literario que esta humilde noiesa gardaba no seu interior. A paisaxe galega e os atrancos que María ten que superar durante a súa vida, marcan un tipo de poesía moi íntima e de grande forza expresiva.

«A morte
De forte ollar, amiga,
e frío que non se quenta.
Amiga, que eres de todos
e por nonguén esquecida.

Soia co teu silencio
na forza do teu poder,
un por un de cada ser
levas do fin ó comenzo,
descansar á túa fonte.

E logo de alí cansiños
amiga, dinos pra onde?

Deixa, amiga, ós nosos pés,
fríos polo teu ver,
algo do noso sentir,
do són que ti fas fuxir,
amiga por aquil nacer...»[14]

Uxío Novoneyra vai ser un dos nosos principais poetas da segunda metade do XX, xunto con Ferrín, Manuel María e Celso Emilio. De orixe labrega, estamos ante outro autor relacionado coas terras do Courel, feito que vai influír notoriamente na súa obra. Porén, a súa obra vai evolucionar cara ao compromiso social que se fai moi evidente, e que o vencella aos movementos marxistas que agroman en Galicia na década dos sesenta. No tocante ao estilo e as formas, Novoneyra abre novos vieiros cara a modernidade na lírica, superando os vellos esquemas doutros autores coetáneos, chegando incluso a preocuparse e a xogar coa grafía, como acontece cos seus poemas caligráficos. A súa obra máis destacada foi Os eidos (1955), da que máis adiante sacaría unha nova versión.



                  «PECHOUSE a noite riba do ucedo
                                          i eu non vin einda a cor da miña amiga.
                                             Agora é cando ún treme e ten medo.

                                                                           /

                     ISTE desacougo! Este cousa! Esta mao xorda que tira!
                                             Iste querer irse sin saber para onde!

                                                                           /

                                     AGORA o meu cor é unha chaga encendida.
                                  Unha mao loba anda escalazándome a ferida.

                                                                           /

                                             ESTA door que se oi!
                                             Iste cor meu!
                                             Esta door que me veo ela de seu
                                             Sin saber polo que foi!

                                                                           /

                                             FOI coma se caira nunha cova.
                                             Antes era noite i era día
                                             Agora é todo unha negrura loba.

                                                                                      1953»
[15]


Luz Pozo vai dar continuidade a esa fermosa tradición de mulleres escritoras que veu a nosa terra. Galicia pode sentirse orgullosa de ser unha terra onde as mulleres acadan unha gran relevancia no eido literario, a pesar dos atrancos históricos que tiveron para dedicarse ao mundo das letras: Rosalía, Pardo Bazán, Concepción Arenal, Luz Pozo, María Mariño, Maria Xosé Queizan, Xohana Torres, Pura Vázquez, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Yolanda Castaño... Mulleres de xeracións diferentes que se sucederon ao longo do tempo, e que conseguiron facerse un oco nunha literatura excesivamente dominada polos homes, como aconteceu en case todos os eidos culturais e sociais. Morte, amor, dor, desesperanza, lingua, paisaxe, cultura... Luz Pozo decántase por unha vía intimista, deixándonos uns fermosos versos que destacan pola súa pureza e sinceridade.

« Disputa da alma e o corpo

Las copas de oro fino con que bevies tu vino?
                                             Anónimo medieval

          As leis da continxencia
          quedaron transgredidas
          e a morte e a esperanza confundidas

          A figura cinguida
          perfectamente seria

          O lenzol do sudario
          no reino inconsumido da carencia

          A boca agasallada
          sumida nunha luz ultravioleta

          O segredo da fronte na eterna realidade das ideas

          As mans que aloumiñaban
          unxidas de incerteza

          Os vasos de alabastro
          escachados nas canles da desfeita

          Derramadas sustancias
          en fráxiles lucencias

          O espírito no Espírito
          na onda mística da única conciencia

          O amor ó corazón á derradeira rosa
          dona eis-Domine-vitam aeternam»[16]

Nesta escolma de escritores galegos non podemos esquecernos de Manuel María, o poeta da Terra Cha, figura imprescindible das nosas letras no século XX. É o precursor da coñecida como “Escola da tebra”. A súa traxectoria é inmensa. Antes da súa morte, no ano 2004, tivo tempo de deixar un amplísimo legado literario, cheo de diferentes rexistros no tocante á temática e tamén no estilo. Durante a súa traxectoria Manuel María amósase íntimo e tamén crítico e satírico coa realidade política e social; fai referencias á paisaxe, ao amor, á relixión, á lingua... sempre coa construción dunha nova Galicia como horizonte.

«Os carreiros do soño
(...)
A INFANCIA é a patria verdadeira,
o país puro
no que os soños se cumplen.
Para un neno os homes son
seres estranos
e a morte non esiste.
Esisten grandes ríos misteriosos,
o medo que chega de súpeto coa noite,
a ternura da nai
e cecais Brancaneves e os Reis Magos.
Cando ún é neno
o soño mais sotil pode cumplirse.
Despois da infancia é todo escuro
e ún xa non comprende a maravilla
sinxela e natural que hai no milagre.»
[17]

«Galicia somos nós,
a xente e máis a fala,
se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!»

Falamos agora de Xosé Luís Méndez Ferrín. Deliberadamente deixamos a unha das principais figuras do panorama literario galego da segunda metade do XX ata  este intre da clase, pois nel temos, a un tempo, a un dos nosos mellores poetas e tamén narradores, ademais de ser o gran renovador destes dous xéneros. Nacido en Ourense no ano 1938, aos vinte anos forma o grupo Brais Pinto en Madrid, xunto con outros estudantes galegos, na que sería a primeira de moitas iniciativas culturais.Tería un periplo de formaciónpor Europa e despois regresará a Galicia, implicándose nos movementos políticos nacionalistas e de resistencia contra o réxime de Franco, o que lle custou a cadea. Ademais continuou dedicándose a docencia, ao xornalismo, e, sobre todo, a unha moi brillante carreira no mundo das letras.

É un escritor sobranceiro na poesía, xénero no que se amosa como un dos principais renovadores. A Súa obra Con pólvora e magnolias, é un referente da literatura moderna feita en galego. Supón redescubrir a linguaxe poética desde unha visión máis moderna,tamén íntima e persoal, sen renunciar ao compromiso ético e a función social. A dimensión estética e os recursos literarios multiplícanse, abrindo unha nova xanela cara os creadores modernos en verso:

Señoras do pasado
 «E quíxenvos moi tristemente a todas
as que forades rapidamente eu (un pouco).
Unha lus nos lugares do estremecemento
e tardes coma rodas de bronce, interminábeles.
Poderosas mañáns de rexurdimento e ollos no chao, de amor outido.

E quíxenvos moi escasamente a todas
porque nas regandixas de eu caben ourizos e sofrir é amor
e nada para o tempo que destrue os ourizos.
E quíxenvos (queréndome) coma un río que fose
dos meus ollos a vós, as tidas e perdidas,
limítrofes do amor, esquencidas pra sempre.
E quíxenvos autente, e case non vos quixen
antre tanto artefauto, construcción, mala pedra,
que nos ten envisgados
nas cousas, coma lentos navíos que mainamente esbaran.
Chamo por vosoutras, nomes apenas tatuados
no baleiro e no fume, e reclamo ese espacio
que deixáchedes e que cecais é globo (de lume e desespero).

Señoras do pasado, damas investigadas a través dos ensoños
sobre cabalos nidios, inmóbiles no outono de antano,
sen bris mesmo,
merci por un crepúsculo, ou acaso algún beixo,
ou polos poderosos erguementos do sangue,
ou por sorrisos líquidos a carón da magnolia.

Quíxenvos lenemente, e mesmamente fúchedes
capaces da captura dun anaco de sombra de min,
e fiquei menos.

Inútil esta ollada por derriba do tempo que me outorga silencio,
escamas, arruínas, borralla, meus ronseles.
Quíxenvos fuxidío, oh amigas de antonte,
meu espantoso espello neste solpor que vence.»[18]

Dentro da narrativa, a obra de Ferrín posúe tamén unha extraordinaria calidade. Neste ámbito, o ourensán practica diferentes rexistros, que van desde a literatura fantástica (Amor de Artur, Arnoia Arnoia), pasando polo compromiso social e político (Retorno a Tagen Ata), ata unha literatura máis vencellada a identidade comunitaria  (Arraianos). A súa obra é considerada por algúns especialistas como un macrotexto, debido ao reencontro con escenarios e personaxes xa coñecidos bas súas diferentes obras. Nela reúnese o fantástico, o onírico e o real, a loita e a violencia, heroes e antiheroes, e unha multiplicidade de escenarios xa coñecido, ou creados polo autor. Ferrín acada con estas obras un altísimo nivel, sendo un dos escritores fundamentais na nosa lingua, sfeito que lle foi recoñecido recentemente coa elección unánime como presidente da Academia.

OS TEMPOS SON CHEGADOS

A literatura galega viviu un proceso de afirmación e crecemento nas últimas tres décadas, coincidindo coa chegada da democracia e coa aprobación do Estatuto de Autonomía. Precisamente o Estatuto recoñece o galego non só como lingua oficial, tamén como a lingua propia de Galicia, encargando aos responsables políticos a súa protección e difusión. Galicia inicia, paseniño, a normalización da lingua, a través dunha ferramenta básica como é a Lei de Normalización de Galicia. A labor editorial vai crecer nesta altura, uníndose novas iniciativas ás que xa viñan da etapa da dictadura: Xerais, A Nosa Terra, Sotelo Blanco, Edicións do Cumio, etc. O recoñecemento da existencia dunha identidade propia en Galicia propiciou a existencia dunha maior producción cultural, algo que se reflectiu na literatura. Os galegos comezan a ser conscientes do valor da súa cultura propia, e comezan a demandar máis literatura, arte, música, cine, televisión, etc. feita desde Galicia e en galego.

Algúns autores tentarán facer un tipo de literatura sinxela, que procurará ampliar o espectro de lectores, mentres que outros seguiran escribindo obra máis complexa e de máis difícil comercialización, aínda que moitas veces dunha calidade superior, como é o caso de Ferrín.

Tamén se multiplican os premios literarios, o que provoca que moita xente se lance a escribir en galego e opte por presentarse aos diferentes certames como modo de publicar a súa primeira obra. Trátase de dar relevancia aos nosos creadores e abrir portas cara a creación dunha industria editorial galega potente.

Outra característica da literatura desta nova etapa vai ser a importancia que vai a acadar a narrativa respecto da poesía que, se ben non desaparece, vai deixar de ser o xénero principal das nosas letras.

No eido poético destacan,  partir dos anos 80, escritores da talla de Álvarez Caccamo, Xabier Seoane, Manuel Rivas, Luisa Castro ou Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros. Practican unha literatura que respecta e atende ao orixe, pero con afán de universalidade. Unha obra culta, preocupada polas formas e pola investigación no eido lingüístico, pero vencellada tamén á terra e á nosa secular tradición poética. Máis tarde será a quenda de autoras novas que irrompen con forza a partir dos 90, utilizando a poesía como canle de expresión. Este é o caso de autoras como Marilar Aleixandre, Chus Pato ou Yolanda Castaño.

«En dirección ao norte
Qué hai neste vento que fai tremer a luz
e quebra o corazón de vidro da distancia
nun golpe pronunciado con labio acre de sal
sobre as terras que soben arborecendo a mañá.
Sabemos que está o mar detrás das chairas verdes,
onde a pedra é límite
e o ceo inclina unha bágoa de frescura.

No camiño hai un pálpito que medra silencioso
no pozo que sentimos como unha flor de neve
aberta lentamente no corpo.

Sentir a lonxanía no sangue,
tocar o nó oculto do tempo,
beber da raíz que se ilumina nos ollos.

Outra vida sinalan os mapas da esperanza.
Xa deixamos atrás a última rúa impura,
ese infame comercio que conturba a cidade.
Agora o verso sabe que hai outra luz máis alta
e vibra no seu ser un eco do desexo.
Esta viaxe ao norte é un milagre esperado,
a fuxida perfecta cara o mar, un destino
que levamos escrito como un fulgor de inverno
na patria da nosa soedade.»[19]

A narrativa vai ter un extraordinario desenvolvemento tanto de escritores como de número de lectores nas últimas tres décadas. Unha firura interesantísima dentro da nosa narrativa moderna é Carlos Casares .Na súa obra Ilustrísima nárranos o conflito que supón na cidade de Ourense a chegada do cinematógrafo, e a oposición á modernidade do bispo.

Outro dos narradores de máis éxito, que acaba de anunciar a súa retirada da literatura para dedicarse á labor docente e xornalística, é Suso de Toro.En todo caso, e unha das figuras de maior auxe na actualidade dentro das nosas letras:


    «Deus non só morrera senón que xa apodrecera había tempo o corpo solemne daquel xigante e o fedor da descomposición xa se fora esvaecendo no aire ata ser esquecido.

    Todo era esquecemento e a xente fervía en ruído, unha febre imparábel de actividade, viaxes, comunicacions, a xente tan apretada uns contra os outros que era xa imposíbel ver cousa. O ruído foise retroalimentando e aumentou e aumentou ata que xa tampouco se oía cousa.

    E cando xa ninguén vía e xa ninguén oía empezou a erguerse un murmurio que viña de abaixo, sentiuse primeiro polos pés, e a xente foi ficando calada, atenta, e o murmurio era tan forte que todo ficou en silencio para oír aquel mar de dentro que todo o abranguía. E aquel son medrou e medrou e dentro del fóronse distinguindo logo músicas que se oían arriba e era que o mundo falaba. E a xente tivo medo de tocarse, de tocar pedra ou cousa ningunha porque todo estaba vivo e todo era salvaxe e todo era certo e estaba no seu centro naquel mundo terríbel e inocente no que nada estaba mal.»[20]

O terceiro grande nome que destacamos desta derradeira etapa das nosas letras é Manuel Rivas. Destacado poeta, xornalista e, sobre todo, autor dunha narrativa de gran pegada, fermosa, íntima, social, de denuncia, irónica, retranqueira... Un bagaxe literario sen parangón nas nosas letras, o que o converte no autor en galego máis traducido na actualidade. As súas principais obras  son Un millón de vacas, Que me queres amor?, O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal, obra estas últimas na que afronta o tema da memoria histórica desde unha ollada chea de sensibilidade:

«Sentado na terraza do Café Dársena, as cousas entran e saen no seu vaso cheo de ámbar e pedras de xeo. Poe exemplo, está convencido de que a nube de estorniños que debuxan unha ave protectora no ceo, unha ave en trama de puntos de viñeta pop, non estaba antes. Decide contalos. A ollo, cen mil (...)»[21]

Alfredo Conde, Carlos G. Reigosa, Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Rosa Aneiros... Son moitos os nomes senlleiros das nosas letras que fican no tinteiro por cuestión de tempo. En todo caso invitamos aos asistentes ao curso a estar atentos as novidades literarias que de cote se producen en Galicia, e que gocen da lectura en galego.

A proliferación de bibliotecas, librarías, certames literarios, lectores... deben servir de alicerces para a recuperación da lingua galega, que esmorece por abandono. Como é posible que un país con este patrimonio literario poña en perigo a súa lingua? E que Galicia é un país de xente desmemoriada, que despreza o máis rico do seu legado cultura? Sería imperdoable que nós, os galegos, deixásemos morrer a nosa lingua propia.

       

[1] MANUEL ANTONIO e ÁLVARO CEBREIRO: Maniefesto Máis alá (fragmento)
[2] MANUEL ANTONIO:  De catro a catro. Follas d’un diario d’abordo. Ed. Nós, A Coruña 1928 (p.7) [edición de consulta da Biblioteca Virtual Galega (http://bvg.udc.es)]
[3] RAFAEL DIESTE: Dos arquivos do Trasno. Ed. Galaxia, vigo, 1967 (p.57 )[edición de consulta da Biblioteca Virtual Galega (http://bvg.udc.es)]
[4] FEDERICO GARCÍA LORCA: Seis poemas galegos. Ed. Nós, 1935
[5] LUÍS PIMENTEL: Cunetas. Poema descuberto en 1981, recollido en ANXO GÓMEZ E MERCEDES QUEIXAS. Historia xeral da Literatura galega. Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2001 (206)
[6] LUÍS SEOANE: Fardel do eisilado.  (fragmento)
[7] XESÚS LORENZO VARELA: Lonxe. 1954 (fragmento)
[8] EMILIO PITA: Jacobusland. 1942.
[9] EDUARDO BLANCO AMOR: A esmorga. Galaxia, Vigo 1975 (3ª edición)
[10] CELSO EMILIO FERREIRO: Longa noite de pedra, 1962, (fragmento)
[11] RAMÓN PIÑEIRO: declaracións nas que defende a postura adoptada polo grupo Galaxia na altura dos anos 50, extraídas de: http://www.editorialgalaxia.es/ramonpineiro/pdf4.pdf ; PDF> da exposición homenaxe da Editorial Galaxia a Piñeiro.
[12] ÁLVARO CUNQUEIRO: Poemas do si e do non, 1933
[13] ÁLVARO CUNQUEIRO: Merlín e familia, 1955 (fragmento) recollido en ANXO GÓMEZ E MERCEDES QUEIXAS. Historia xeral da Literatura galega. Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2001 (206)
[14]MARÍA MARIÑO: Palabra no tempo [obra completa] . Ed. Xerais, Vigo, 2006 (81)
[15] UXÍO NOVONEIRA. Os eidos. (Fragmento)
[16] LUZ POZO: Prometo a flor de loto
[17] MANUEL MARÍA: Camiños de luz e sombra, 2002
[18] X. L. MÉNDEZ FERRÍN: Con pólvora e magnolias,
[19] MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO: Antoloxía de poemas. Biblioteca virtual galega
[20] SUSO DE TORO: Círculo: da materia dos sonos (apocalipse). Biblioteca  Virtual galega
[21] MANUEL RIVAS: Os libros arden mal. Xerais, Vigo, 2006 (p.722)