A Galicia do Antigo Réxime, que vimos de introducir na anterior clase, vive unha etapa de esplendor artístico durante os séculos XVII e XVIII, no tempo do noso barroco. Será unha etapa de gran fertilidade artística na que xurden por todo o territorio algúns dos máis belos exemplos da arquitectura e da escultura galega de todos os tempos. Este movemento artístico terá outra como protagonista á Igrexa, principal executora dos grandes predios e esculturas que se crean nesta altura. En Galicia o barroco ten un imaxe propia, caracterizada de novo pola presenza da pedra granítica, que agroma da terra e se transforma, do xeito máis caprichoso e extravagante, nunha gran multiplicidade de formas, sempre da man de grandes artistas autóctonos como Fernando Casas e Novoa ou Domingo de Andrade.
Na clase anterior botamos unha ollada á nova organización política de Galicia durante o Antigo Réxime. Desta volta, e antes de ver as máis senlleiras obras barrocas, faremos un percorrido pola sociedade galega destes séculos. Como se organizaban, vivían e, tamén , cal era a mentalidade relixiosa dos homes e mulleres desa Galicia que esperou, durante o solpor barroco, ao alborexar ilustrado e liberal.
«O século compacto, enteiro, cortado integramente como un anaco grave de tempo e de pensamento, cubriu benignamente a Galicia en conxunto e en tal quietude o espírito galego deu a súa nota rica, harmoniosa, chea de orixinalidade, redondamente madura para o mundo, semellante e paralela en forza e plenitude á céltica prerromana e á románica»[1]
NOTAS SOBRE A SOCIEDADE DO ANTIGO RÉXIME
As expresións artísticas de cada época e de cada territorio son froito daquelas sociedades que as producen, son fillas do seu tempo e non se poden desligar dos homes e mulleres que as crean. Por iso, coidamos que é importante pór en contexto a arte barroca, botando unha ollada aos modos e comportamentos da sociedade galega do Antigo Réxime.
O profesor Villares chama a esta época o «tempo dos pazos e dos mosteiros , porque entre a espadaña da igrexa monástica ou parroquial e a solaina do pazo fidalgo alentou toda a vida da Galicia destes séculos»[2]. Estas dúas institucións van ser, pois, as que dominen a vida económica e social do pais desde o XVI ata finais do XVIII.
Durante estes tres séculos a poboación galega vai medrar dun xeito considerable a pesar das épocas de crises coxunturais que tivo que superar,sobre todo na primeira metade do XVII. Certamente, na Idade Moderna, Galicia era un territorio moi poboado para os parámetros da época e en comparación a outros territorios ibéricos. A poboación galega era case toda de orixe rural, apenas sete de cada cen galegos vivían nas cidades. Entre estas, as máis poboadas eran Pontevedra, Santiago e A Coruña, medrando con forza desde o XVIII Ferrol. Nesta altura o reparto entre a Galicia costeira e a interior estaba moito máis equilibrado que na actualidade.
Como comentabamos a gran maioría dos homes e mulleres de Galicia eran labregos que vivían no campo e que se dedicaban á agricultura e a gandería. Estes campesiños, agás algunha excepción, non eran propietarios das terras que traballaban. Os propietarios eran a igrexa (mosteiros, bispados e cabidos) e as grandes familias aristocráticas como os Lemos e os Altamira, entre outros. A chave do sistema económico era o contrato foral. Un contrato de cesión da terra mediante o cal os campesiños obtiñan os dereitos da mesma durante un longo período de tempo (a vida de tres reis máis trinta anos) a cambio dunha serie de rendas fixas pagadas en especie. Como intermediarios do sistema situáronse os señores fidalgos, xeralmente sen título nobiliario, que obtiñan os foros e os cedían aos labregos, en réxime de subforo. A pesar das controversias xeradas e dos numerosos preitos e leas aos que deu lugar, foi un sistema que xerou bastante estabilidade, estendéndose no tempo ata a primeira metade do século XX.
O campo galego ordenouse en pequenas explotacións agrarias. A vida dos labregos tiña lugar en torno a aldea, unidade de poboación secular que en moitos casos era unha herdanza histórica que se remonta ás Villae romanas. As vilas proporcionaban os servizos que as aldeas non tiñan. Mercado, médico, administración... Os pazos eran as vivendas dos fidalgos e tamén estaban presentes nesta fotografía da organización do rural galego.
A tradición agrícola galega remontábase a época romana. A técnica apenas avanzara durante todos estes séculos. A partir do XVII prodúcese un feito fundamental que vai mudar a faciana do noso agro: a introdución de novos cultivos. O primeiro deles é o millo (millo gordo que non debemos confundir co millo miúdo xa existente na nosa terra desde a prehistoria). Este cereal chegado de Ámerica, supón unha revolución grazas a súa rápida adaptación ás condicións climatolóxicas e aos nosos chans, e ao alto rendemento que se obtén do seu cultivo. O millo estendeuse polas rexións costeiras rapidamente, e máis de vagar cara o interior do pais, dando orixe ao famoso pan de millo ou broa. Con razón Otero Pedrayo falaba dese “presente das Américas ás terras húmidas de Europa”
O outro cultivo que provocou unha mudanza importante na economía galega foi a pataca, tamén de orixe americano, introducida no século XVIII. A pataca usouse nun principio como forraxe para animais, sendo aceptada de vagar na dieta dos galegos, na que pouco a pouco foi substituíndo ás castañas. A pataca fixo o camiño á inversa do millo, pois empezou a cultivarse no interior, achegándose máis cara a costa conforme foron pasando os anos. O chocolate, como produto de luxo consumido en vilas e cidades, foi o outro agasallo americano aos padais e estómagos dos galegos, neste caso só aos dos máis ricos.
A gandería e o monte eran os dous complementos fundamentais para unha microeconomía familiar que esixía que a toma decisións de carácter económico se fixese a cotío. En torno a estas pequenas explotacións se artellaba a familia extensa, formada polo cabeza de familia e os seus irmáns coa súa descendencia. Eses cabezas de familia funcionaban como estrategos económicos da casa, buscando saída ás mozas casadeiras ou acomodo a algúns varóns da mesma na igrexa, nas cidades ou noutros destinos.
O campo era o principal modo de vida, pero non o único. Co transcorrer do tempo en Galicia vaise ampliando o abano de oficios e de recursos económicos. Na Idade Moderna hai algunhas protoindustrias como a do liño, de carácter doméstico e que serve como complemento ás economías familiares. Tamén destacan as ferrerías que se instalan principalmente na provincia de Lugo. Na costa a industria da transformación da sardiña, dominada por industriais cataláns e, como paradigma do intento de crear un núcleo industrial moderno en Galicia, o caso de Sargadelos, do que falaremos na seguinte clase.
Os labregos conformaban esa gran maioría de galegos durante os séculos do Antigo Réxime (calcúlase que eran un 80% do total). Porén, había outras condicións sociais, laborais e incluso xurídicas, dado que ata unha etapa máis avanzada da historia non todos os homes e mulleres eran iguais ante a lei e ante a facenda real. Dentro do grande grupo social formado polo campesiñado, as condicións de vida varían moito. Desde un pequeno grupo de campesiños acomodados ata os coñecidos como bodegueiros, que sobrevivían en malas condicións de vida. en xeral, os labregos tiñan o suficiente para unha supervivencia a base de moito traballo e de dificultades. Unha mala decisión económica ou un ano de malas colleitas pasaban moita factura a unha poboación que vivía en precario.
Na cabeza da sociedade estaba a aristocracia laica e relixiosa, que conformaban o estamento social privilexiado, posuidores de terras das que obtiñan numerosas rendas. A maior parte destes aristócratas non vivían en Galicia, só cobraban os foros que tiñan concedidos os fidalgos, que eran o eixo do sistema. Estes fidalgos estaban máis vencellados á terra, as súas costumes, e trataban directamente cos labregos dos que recibían as rendas que debían compartir.
«Polo menos unha parte da nobreza e da forte fidalguía de morgados non titulados vive nos seus pazos e astra se identifica co labrego: co pobo galego arrimado ao consolo do fogar da tradición traballando de sol a sol, vivindo nun mundo mitolóxico de natureza animada por espíritos e en loita con diverso medos e tabús, como a distancia social e o lobo»[3]
Tiñan unha vida xeralmente folgada, e permitíanse certos luxos. Un modo de vida fidalgo que tiñan que manter case por obriga social e de sangue. O símbolo da súa posición social foron os pazos, que eran a vez vivendas acordes coa súa categoría e centros onde administrar as súas posesións. En Galicia funcionaba o morgado como sistema de herdanza. Unha estratexia económica que permitiu a supervivencia practicamente inalterada dos patrimonios. Os segundóns moitas veces eran encamiñados cara a igrexa, entrando en postos importantes dentro da xerarquía despois de formarse en Compostela. Moitos fillos de fidalgos ocuparon tamén lugares na administración ou exerceron oficios nas vilas e cidades. Tamén houbo familias fidalgas que abandonaron o campo e se mudaron as cidades, principalmente a Compostela e as da costa, que cada vez ofrecían máis servizos e mellores oportunidades de negocio.
O clero era outro estamento privilexiado aínda que dentro deste grupo, tanto nos regulares como nos seculares, había moitas diferencias económicas. Non había cregos probes, pois desde o Concilio de Trento quedou claro que para desenvolver mellor a súa misión na terra, os homes de Deus debían ter unha mínimas condicións de hixiene, vivenda e alimentación. As súas fontes de ingresos eran as rendas e tamén as misas que celebraban polos mortos e outros servizos relacionados coa liturxia. A igrexa galega posuía dúas terceiras partes da riqueza agraria.
Na Idade moderna non se produce un desenvolvemento urbano. A poboación das cidades é moi pequena en comparación coa rural, como xa apuntáramos con anterioridade. Nas cidades conviven mariñeiros, xente que se dedica a administración, artesáns e comerciantes, relixiosos e, como novidade, e sobre todo na cidade da Coruña, un pequeno grupo da burguesía mercantil, grupo social que en Galicia foi moi minoritario.
Por último, constatar que o fenómeno da emigración galega, que sería un feito fundamental da nosa historia a partir do século XIX, comeza a producirse xa durante estes séculos. Documéntase a saída dun bo número de persoas principalmente cara a Portugal, Castela e Andalucía, lugares estes dous nos que a emigración vai ser temporal, aproveitando os tempos das colleitas.
O COMPORTAMENTO RELIXIOSO DOS GALEGOS DO ANTIGO RÉXIME
ollos grandes
A arte relixiosa ocupa un lugar principal nas diferentes etapas históricas que estamos a percorrer durante este curso. A relixión está no centro da vida de todas as persoas que viviron nestes séculos, independentemente da súa orixe social. O laicismo e o agnosticismo son unha novidade contemporánea que xurde coas revolucións liberais e que se acentúa a partir dos movementos marxistas e anarquistas no XIX. Con anterioridade a isto, practicamente ninguén dubidaba da existencia divina. Cómpre, pois, antes de comezar a ver as xoias da nosa arte barroca, saber algo máis sobre a relixiosidade popular e oficial de Galicia.
A relixión católica postridentina é unha relixión que se basea na anguria aos crentes. A vida é só un breve camiño, un paso efémero pero tamén crucial cara a vida eterna. E dicimos crucial porque é unha proba. A hora de seren xulgados por Deus,os homes debían render contas sobre o seu comportamento no mundo mortal. O purgatorio e o inferno eran unha ameaza constante na vida das persoas.Unha espada de Damocles que pendía sobre as cabezas de todos os mortais. Non obstante, a xente continuou a pecar con igual costume e frecuencia que en tempos pasados. A Igrexa ofrecía o arrepentimento como solución. As indulxencias, bulas e o encargo de misas servían para obter o perdón e albiscar a esperanza de achegarse ao reino dos ceos. «Todo formaba parte de una estrategia bien calculada, cuyo objetivo final era disuadir al fiel de pecar, al tiempo que provocar en él una catarsis que le llevara a perseverar en el camino del arrepentimiento y la penitencia»[4]
«Tendo en conta que ante a morte a penas cabía defensa, dada a escaseza de médicos e hospitais e a precariedade dos tratamentos, o único que quedaba era a defensa espiritual(...) En todos os niveis o sentimento de morte xoga un papel fundamental, aínda que non obsesivo, na existencia de colectivos e individuos, de maneira que a Igrexa fomentou o culto á morte outorgándolle un sentido liberador e igualador a través dunha mensaxe de salvación e na idea da precariedade da vida, considerada como tránsito e proba no camiño ao alén»[5]
Nunha sociedade onde a morte estaba tan presente (hai que ter en conta que o XVII foi un século de gran mortalidade -menos en Galicia que noutros territorios da coroa española-) a relixión xoga un papel fundamental á hora de afrontar o pasamento. Nos testamentos, ademais das estipulacións materiais a efectos da herdanza, efectuábanse toda unha serie de comandas espirituais mediante as cales deixaban estruturado todo o seu paso ao alén. Estas comandas inclúen o xeito e lugar de seren enterrados, e as misas polo pasamento e polo aniversario. O asunto das misas ofrécenos unha boa mostra do paroxismo acadado por unha sociedade totalmente dominada polo pensamento relixioso. Consérvanse testamentos da época onde o morto encarga máis de setecentas misas pola súa alma. Non era raro que xente humilde usase todos os aforros da súa vida en buscar a súa redención a través do encargo de misas. Incluso danse as fundacións perpetuas, auténticas hipotecas espirituais que consistían na celebración de misas por un defunto periodicamente e para sempre.
Na Idade Moderna o lugar ideal de enterramento é o interior das igrexas, canto máis preto do altar, mellor. Moitos camposantos fican abandonados, ou quedan só para o enterro dos máis pobres. O cemiterio da praza da Quintana será un lugar onde descansen os restos de milleiros de mulleres e homes que atoparon repouso ben preto do apóstolo Santiago. Ademais establécese unha xerarquía entre os templos católicos, evidentemente non era o mesmo que pregasen pola túa alma e lle dedicasen unha misa nunha pequena igrexa parroquial que na basílica compostelá. En canto ao xeito de seren enterrados, o costume de vestir ao defunto cunha mortalla branca é substituído polo de poñerlle ao morto un hábito dunha orde mendicante. De feito, os conventos dominicos e franciscanos atoparon unha boa fonte de ingresos na venta de vestimentas para os mortos, aínda que sería unha frivolidade dicir que funcionaban a modo de boutiques para defuntos.
O Concilio de Trento e a contrarreforma marcan a doutrina da igrexa do Antigo Réxime, no sentido de tentar unificar as prácticas e a liturxia, de mellorar a formación do clero, de acabar con prácticas da relixiosidade popular consideradas pouco ortodoxas e de afirmar o credo católico fronte ao gran inimigo protestante. En Galicia a inquisición non actuou coa vehemencia e a regularidade coa que o fixo noutros territorios da coroa, polo que é de supoñer que os galegos non conformaban unha poboación especialmente heterodoxa (tamén axuda o feito da escaseza histórica no noso territorio de poboación de orixe xudea e musulmá). Non obstante, nesta época a xerarquía eclesiástica vai loitar contra algunhas prácticas relixiosas, relacionadas coas crenzas e supersticións herdadas do medievo, que foron consideradas fora de doutrina. Resulta un paradoxo que estas prácticas –que non conseguiron erradicar dun xeito absoluto- fosen substituídas pola praxe dunha relixión oficial totalmente baseada nos rituais e na simboloxía, na que o pobo non pode intervir na doutrina nin ser intérprete da mensaxe divina. Neste senso, a superstición e o ritual oficial vai substituír en certa medida aos comportamentos supersticiosos populares.
«El sacerdote estará presente en todos los capítulos importantes de la vida del creyente, desde el bautismo hasta la agonía; todo estará subordinado a su control, y así se recogerá tanto en los textos de teología más doctos, como en las estampas más simples e incosistentes»[6]
Concluímos este repaso pola relixiosidade propia dos séculos do barroco recollendo un exemplo dun testamento da época, onde se reflicte perfectamente a preocupación polas formas externas na práctica relixiosa.
«Testamento de Dña María Vallesteros del Mazo Pimentel, vecina de Santa marina de Riveira, 13 de abril de 1689:
Yo (...) temiéndome de la muerte, que a todos es natural y deseando estar prevenida para cuando nuestro Señor fuere servido llamarme, y por hallarme entonces más desembarazada de cuidados y atender sólo a los demi salvación, pidiendo a Dios misericordia, en que he sido tan floja y descuidadad en el discurso de mi vida, digo que (...)
Primeramente y ante todas las cosas, invoco a la serenísima reina de los Ángeles, madre amorosa de pecadores, María Santísima, Señora nuestra, Arcángel San miguel, príncipe gloriosísimo de la milicia celestial, Arcángel San Gabriel, paraninfo soberano de nuestra redención; Arcángel San Rafael, que guió al Santo Tobías y lo acompañó en su largo y desocnocido camino; al ángel de miguarda, mi fiel amigo y compañero, de quien espero en la muerte lasmismas asistencias que en la vida; a San Joseph, esposo de la emperatriz de los cielos, al bienaventurado san Pedro (...) a quien de todo corazón llamo y con reverencia humilde invoco y rendidamente postrada suplico sean servidos favorescerme y alumbrarme, alcanzándome gracia, para que yo hacierte a disponer este mi testamento, a honra y gracia de nuestro de Dios Nuestro Señor, y especialmente imploro su socorro y auxilio para el último trance de la vida en que todos los crisstianos tienen tanta necesidad, e yo más que todo por haber sido y ser la mayor pecadora y la que más y más gravemente he ofendido a su Divina Magestad (...) »[7]
A ARTE BARROCA EN GALICIA
«A paisaxe galega parece estar en marcha, sempre cara a unha mellor expresión. Vese o val esculpíndose, a montaña poucas veces indiferente, a costa procurando a súa fisionomía definitiva. O mesmo se dá na obra barroca. Como se a tranquila sesta da Galicia no século XVIII só tivese un camiño cara a vida no traballo da pedra. Arrincada da canteira a pleno sol, envolta na onda musical dos picos cortando e moldeando o granito para ser empregado en estruturas humildes e suntuosas, pero cun tema unánime que se nutre sempre da esencia do espírito da terra e da raza. Pois o barroquismo é algo inxénito nelas. Non hai nome consagrado que lles cadre mellor»[8]
O barroco galego ten as súas orixes nas modificacións que se introducen na cidade de Compostela na primeira metade do XVII e sería o modelo artístico vixente ata a segunda metade do XVIII, cando moi de vagar os modelos neoclásicos van substituíndo á linguaxe artística anterior. É, ademais, un tempo de esplendor para a arte galega, sendo moitos e moi bos os artistas, desta volta autóctonos, que deixaron o seu selo nas diferentes cidades, vilas e aldeas de Galicia. Moitas obras serán de novo cuño, e outras tantas serán reedificacións ou reformas de vellos predios nunha nova linguaxe artística, sendo paradigmático o caso da catedral de Santiago ou a construción de novas igrexas nos vellos conxuntos monacais.
«Os nomes dos arquitectos galegos desta época son ben coñecidos: Domingo de Andrade, Fernando de Casas e Novoa, Simón Rodríguez, Sarela. Deberían selo moito máis, pois anque deixasen que o seu carácter individual desaparecese, ás veces, na unanimidade do gusto galego, ¿non é un gran artista que acerta a expresa-lo sentido estético do seu país? Eles manexaron enormes masas de pedra, ordenándoas dunha maneira simple, sen a longa meditación técnica, deixándose levar polo íntimo impulso galego: o máximo equilibrio ligado á máxima gracia e expresión vital»[9]
A arte barroca galega é principalmente arquitectura e escultura; haberá que agardar ao XIX para ver os primeiros pintores de orixe galega producir obras dunha certa entidade. O granito vai ser o elemento que mellor a caracterice, como se desprende das verbas de Otero Pedrayo, citado cona anterioridade, aínda que tamén atopamos pezas moi interesantes talladas en madeira. O estilo barroco en Galicia haino que encadrar nesa relixiosidade abafante e permanentemente preocupala pola simboloxía, a liturxia e as formas exteriores que se dá en todos os territorios da coroa española desde a contrarreforma xurdida de Trento. A Igrexa será a principal clienta e a que exerza o mecenado nas artes, ata o punto de que a gran maioría das obras son relixiosas. A nobreza e a fidalguía serán os clientes secundarios, a través da edificación dos pazos e das casas urbanas darán traballo aos artistas.
Outra das características principais da arte barroca en Galicia é a dicotomía entre un arte urbana, de maior calidade e complexidade, e un arte rural, moito máis sinxelo e simplificado, debido aos condicionantes económicos e sociais dos diferentes ámbitos. As igrexas rurais son erguidas por discípulos dos grandes arquitectos do momento, adaptando as formas da cidade. Non obstante, tamén podemos albiscar a orixinalidade e a personalidade dos canteiros populares nestas obras menores .
Na arquitectura o barroco destaca principalmente pola gran presenza de elementos decorativos. O aspecto exterior dos edificios será fundamental. Son constantes os xogos de luces e sombras, os contrastes de volumes, as formas xeométricas arredondadas, a constante tendencia ás liñas curvas, a presenza de elementos escultóricos integrados e un anticlasicismo consciente, sendo as fachadas dos edificios modelos pétreos dos grandes retablos que moitas veces acubillan no seu interior. A arquitectura galega do barroco fica engrandecida polo granito, que lle dá prestancia, graza, vizosidade e elegancia, xa esteamos ante o obradoiro ou ante unha pequena ermida no rural.
A escultura está xeralmente ao servizo da arquitectura, formando parte dos retablos e fachadas. Neste eido, o barroco é un estilo naturalista, que racha co formalismo clásico, na procura dun dinamismo ás veces esaxerado nas composicións. En Galicia a imaxinería relixiosa será case o único xénero de escultura que se practique. O realismo e incluso o dramatismo dalgunhas imaxes como os cristos xacentes ou pendurados na cruz, convivirán con outras imaxes onde destacarán a riqueza da decoración das roupas, sobre todo na gran cantidade de imaxes marianas que proliferan por toda Galicia.
Compostela é a cidade que ensaia en primeiro lugar as ensinanzas do barroco, que xa se estaban a practicar noutros lugares. Será a mediados do século XVII cando se afronten unha serie de reformas na Catedral, nun estilo que reixa xa dun xeito evidente a linguaxe clásica das reformas dos tempos de Alonso III de Fonseca. Nun momento onde a teima dalgúns casteláns por tirarlle ao Apóstolo a condición de patrón de España, favorecendo a “candidatura” de Santa Tareixa, as forzas vivas de Santiago reaccionarán promovendo unha nova imaxe para a basílica.
«Lo cotidiano y lo excepcional, la alegría festiva y la tristeza de la muerte, se teatralizan en la Compostela de la época barroca. La trama física y espiritual de la ciudad, en ese momento, se adecúan íntimamente a esa particular forma de presentar y representar el existir. Vida y ciudad son ahora, en el Santiago barroco, una misma cosa»[10]
En Compostela van traballar os artistas máis nomeados do barroco. O primeiro deles e Vega y Verdugo, que proxecta un baldaquino con columnas salomónicas para a Capela maior do templo. O proxecto foi executado moi de vagar e sufrindo moitas modificacións. Nela vemos xa plenamente integrados na vella catedral románica toda unha serie de elementos que configuran o barroco. Vega y Verdugo proxecta a reforma da entrada a partir da Quintana e tamén outros espacios interiores como a Capela do Cristo de Burgos.
Outro arquitecto de referencia para a catedral, que ademais actuou en outros lugares do noso territorio, foi Domingo de Andrade, que releva ao anterior na cabeza das obras do templo a partir de 1672. O primeiro que fai é reformar o proxecto do baldaquino do seu antecesor, no senso de outorgarlle unha forma máis esvelta. Unha das súas obras máis senlleiras será a famosa Torre do reloxo. En 1685 é unxido arcebispo Antonio de Monroy; en colaboración con es, Domingo de Andrade vai continuar cun ambicioso programa de obras que inclúen a famosa Cúpula da Sancristía (Capela do Pilar), cunha belísimo ornamento xa plenamente barroco, e tamén a famosa cuncha na zona de praterías.
Dos arquitectos desta época, o nome que ficaría para sempre na nosa memoria sería Fernando de Casas e Novoa, por ser o creador desa xoia barroca universal que é a Fachada do Obradoiro. Antes de tan grande empresa, deixou a súa pegada na Capela do Pilar, xusto debaixo da fermosa cúpula que fixera Domingo de Andrade. A mellor definición que poder atopar da marabilla que supón o Obradoiro e a que nos deixou Otero Pedrayo: «Desde o primeiro día os solpores dourárona co seu longo bico e as chuvias envolvérona nas súas harmoniosas cancións maternais astra cubrila co florecer vexetal das campiñas»[11].
Nesta construción resúmese o mellor da arquitectura barroca galega. As dúas torres, a exquisita ornamentación, a luminosidade que lle aporta ao interior do templo e o diálogo entre a obra barroca e o Pórtico do Mestre Mateo, que fica así protexido. Casas e Novoa combina a decoración vexetal e as formas xeométricas nunha linguaxe plenamente barroca, creando unha obra de carácter escenográfico, coroada pola triunfadora figura do apóstolo.
O Cabido de Santiago tamén promoveu outros edificios que viñeron a se xuntar cos da época clasicista para mudaren a faciana medieval da cidade. A Casa da Parra, na praza da Quintana, foi renovada engadíndolle un terceiro andar e unha balaustrada con pináculos no século XX. Destaca a decoración cos acios de uvas da súa fachada. O seu arquitecto puido ser Frei Tomás Alonso ou mesmo Domingo de Andrade. Á outra beira da Quintana están as Casas da Conga, feitas tamén por Andrade, que ofrecen un acabado harmónico e un peche moi nobre á praza compostelá. Outro predio promovido desde a autoridade catedralicia foi a Casa das Pomas, tamén destacada pola súa decoración con froitos. Tamén debemos lembrarnos neste repaso a arquitectura barroca compostelá a Casa do Deán, obra de Sarela, outro dos arquitectos importantes de orixe galega. Esta obra data de mediados do século XVIII, e sobresae pola fermosa decoración da súa porta. Por último, sinalar unha das máis fermosas vivendas de orixe barroca, tamén promovida polo Cabido Compostelán: A Casa do Cabido. Situada na Praza de Praterías, tamén foi proxectada por Sarela,con unha inequívoca vontade de embelecer a praza, como se constata ao observar a profusa decoración da súa fachada, con placas, volutas e motivos que nos remiten á iconografía xacobea.
Os grandes mosteiros da cidade compostelá tamén foron reformados durante o tempo do barroco. Este é o caso de San Martiño Pinario, na que se conservan elemento barrocos como a nave da igrexa, a sancristía, o coro, a cúpula e a Capela da Virxe do Socorro.Varios artistas se implican nas reformas e na profusa decoración do mosteiro. Destacamos o fermoso coro deseñado por Mateo de Prado. A xenialidade de Fernando de Casas queda patente nos magníficos retablos realizados para a igrexa, que sen dúbida trataba de emular en riquezas á catedral. O ritmo dos seus diferentes corpos, as columnas salomónicas, a súa esaxerada ornamentación policromada fan do conxunto unha obra que impresiona ao visitante.
San Domingos de Bonaval tamén é reformado en chave barroca, feito que se reflicte perfectamente na fachada da súa Igrexa e, sobre todo, nesa fermosísima escaleira que forma hoxe parte do Museo do Pobo Galego, tamén obra de Domingo de Andrade. Outros mosteiros que reciben tamén unha nova cara son San Francisco, Santa Clara e San Paio Antealtares.
Dentro do casco urbano de Santiago temos o Pazo de Bendaña, un dos poucos exemplos de arquitectura civil do barroco. O proxecto é obra de Sarela e nel destaca unha referencia iconográfica mitolóxica, coa figura de Atlas ou de Hércules sostendo o mundo ás súas costas.
Nas aforas de Compostela temos unha das alfaias da escultura barroca en Galicia: o retablo maior da Capela do Cristo de Conxo. O retablo de Simón Rodríguez enmarca o Cristo na Cruz dun dos mellores escultores do barroco español, Gregorio Fernández.
As cidades episcopais foron as que máis notaron a pegada do barroco, debido ao mecenado da igrexa. É o caso de Ourense e da súa Catedral, na que se conserva o precioso retablo e baldaquino da Capela do Santísimo Cristo, cunha profusa decoración que enmarca a figura do cristo crucificado, e que debeu suxestionar moito ao visitante ao templo naquela época. Outras igrexas destacadas son a de Santa María a Nai e a de Santa Eufemia.
En Lugo temos unha das grandes obras mestras do barroco galego, a Capela da Virxe dos Ollos Grandes, de Domingo de Andrade e Fernando de Casas, que materializa a proposta do seu colega. O programa iconográfico reflicte a centralidade do personaxe da Virxe María para o catolicismo desta época. O culto mariano esténdese moito. María será considerada o centro do universo e a intermediaria da Humanidade. A escultura da virxe é un dos poucos exemplos na escultura galega da Virxe do Leite. En Lugo temos outros legados do barroco como a fermosa fonte da Praza do Campo, coroada por unha estatua de San Vicente Ferrer. E tamén nesta cidade temos un dos mellores exemplo de arquitectura civil Barroca, co Pazo do Concello, trazada polo arquitecto Ferro Caaveiro.
Outras vilas episcopais como Mondoñedo ou Tui tamén gozaron de grandes exemplos da arquitectura e da escultura barroca. Así como as outras cidades galegas. Na Coruña temos a Igrexa de Santo Domingo, co seu retablo da Virxe do Rosario, a Igrexa das Capuchinas, de Fernando de Casas e a Igrexa de San Xurxo, de Andrade, que fora parte do convento dos xesuítas na cidade herculina. En Pontevedra destaca o Santuario da Virxe da Peregrina, do século XVIII na que sobresaen as dúas torres e a súa planta oval.
Outros mosteiros tamén teñen referencias arquitectónicas que relacionamos co estilo barroco, como Oia, Sobrado, Oseira, Samos, San Estevo, Monfero ou Celanova. Cambios que xa vimos na clase dedicada ao poder monástico en Galicia.
No mundo rural o barroco tamén penetrou con forza, renovando a imaxe das vellas igrexas parroquiais. Consérvanse nas nosas vilas e aldeas milleiros de pequenas parroquias, cruceiros e ermidas que teñen a súa orixe na época barroca. Son máis humildes pero expresan perfectamente eses espírito da relixiosidade deste tempo do que fixemos referencia nesta clase. Destacamos pequenas alfaias como o Calvario de Santa María de Beade, a Igrexa parroquial de Castrelo de Miño e a tamén a parroquial de San Verísimo de Berán en Leiro.
É non podiamos rematar este percorrido polo barroco galego sen falar da arquitectura civil relacionada coa fidalguía: os pazos. Casas grandes e farturentas onde vivir dun xeito fidalgo, acorde co estamento social propio, máis tamén auténticos centros de organización económica do mundo rural, onde se cobraban os foros en especie e se almacenaban. Érguense pazos durante toda a idade moderna como símbolos da primacía social dos morgados fidalgos. Algúns son verdadeiras xoias da nosa arquitectura, como Mariñán, Castrelos e Oca.
[1]RAMÓN OTERO PEDRAYO Ensaio Histórico sobre a Cultura galega. Ed, Galaxia, Vigo, 1982
[2]RAMÓN VILLARES Historia de Galicia. Galaxia, Vigo, 2004 (197)
[3]RAMÓN OTERO PEDRAYO Ensaio Histórico sobre a Cultura galega. Ed, Galaxia, Vigo, 1982 (200)
[4]DOMINGO L. GONZÁLEZ LOPO: Los comportamientos religiosos en la Galicia del barroco. Xunta de Galicia, 1992 (688)
[5]OFELIA REY CASTELAO A Galicia clásica e barroca. Galaxia. Vigo. 1998 (205)
[6]DOMINGO L. GONZÁLEZ LOPO: Los comportamientos religiosos en la Galicia del barroco. Xunta de Galicia, 1992 (687)
[7]DOMINGO L. GONZÁLEZ LOPO: Los comportamientos religiosos en la Galicia del barroco. Xunta de Galicia, 1992 (839)
[8]RAMÓN OTERO PEDRAYO Ensaio Histórico sobre a Cultura galega. Ed, Galaxia, Vigo, 1982 (209)
[9]RAMÓN OTERO PEDRAYO Ensaio Histórico sobre a Cultura galega. Ed, Galaxia, Vigo, 1982 (214)
[10] J. M. GARCÍA IGLESIAS Galicia. Tiempos de Barroco. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 1990. (125)
[11]RAMÓN OTERO PEDRAYO Ensaio Histórico sobre a Cultura galega. Ed, Galaxia, Vigo, 1982 (213)
Neste blog podedes atopar información relacionada cos contidos do curso "A Cultura de Galicia". Se estás interesado en asistir ás clases, ou en desenvolver o curso no teu centro, non dubides en contactar comigo a través do seguinte mail: josecastroquian@terra.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.