Na derradeira clase de arte víramos como a plástica galega evolucionaba desde o xurdimento do rexionalismo ata a arte de vangarda representada polos Renovadores, que nos ofrecen unha imaxe de Galicia moi afastada do folclorismo. Os Laxeiro, Colmeiro, Seoane, Souto... van seguir traballando na segunda metade do século XX, incidindo no estilo creado con anterioridade, ou ben tomando novos vieiros expresivos. Canda eles, temos outro grupo de artistas tamén nacidos na primeira metade do XX, pero que toman camiños diferentes aos expresados polos Renovadores. Son nomes fundamentais dentro da plástica galega como Urbano Lugrís, Maruja Mallo e Uxío Fernández Granell. Estes autores van estar tamén influídos polas vangardas como o expresionismo e, sobre todo, o surrealismo.
Na segunda metade do XX comeza a crear un novo grupo de artistas, que se van integrar nos movementos artísticos internacionais: abstracción e novas figuracións. Falaremos agora máis de arte en Galicia ou desde Galicia que de arte galego. Serán os Mampaso, Labra, Caruncho, Nóvoa, Lago Rivera, Quessada, Grandío, etc. Avanzando no tempo, a finais dos 70 e principios dos 80 irrompe con forza tanto na escultura, como na pintura e na obra gráfica unha xeración de artistas coñecida como Grupo Atlántica, que van supor un novo pulo á creación desde Galicia e unha entrada de aire fresco nunha arte galega que por mor do internacionalismo perdera parte da súa esencia. Menchu Lamas, Antón Patiño, Xaime Cabanas, Francisco Leiro, Quintana Martelo, Lamazares, etc. son algúns dos artistas sobranceiros desta etapa na que Galicia fai a súa transición política e cultural.
Na actualidade, temos en activo a un importante número de artistas galegos, participando coas súas obras en exposicións e nas coleccións dos museos, ou inseridos no mercado da arte. Todos eles son parte da gran evolución da arte universal nestas tres últimas décadas ata a actualidade.
RENOVADORES, DÍAZ PARDO, LUGRÍS, MARUJA MALLO E GRANELL
Deixamos de lado a aqueles autores que xa coñeceramos na anterior clase, aínda que moitos deles van seguir desenvolvendo unha longa carreira durante varias décadas da segunda metade do XX. É o caso de Luís Seoane en Bos Aires, onde desenvolverá a partir dos 50 un estilo propio e moi persoal. É o caso tamén de Manuel Colmeiro en Arxentina e París, de Laxeiro e o seu camiño cara unha pintura chea de ambigüidade e ironía, na que reflicte esa Galicia chea de lendas fantásticas de tradición oral, e nos retrotrae ao románico a través das súas figuras e da paleta de cor que emprega. Por suposto, de Arturo Souto en México, onde mudará de temática e en certa forma tamén de estilo (que diferente o Souto do álbum da guerra, do Souto que reflicte eses ambientes paisaxísticos e tamén íntimos do país no que se exilia). «México y el exilio provocarán cambios muy concretos en su pintura, referidos al color que se embebe del exotismo cálido de los ambientes populares, que evocan la atmosfera fauvista, a la vez que insiste en iconografías que había cultivado anteriormente, dentro de una tradición que podíamos considerar parisina. Recupera los temas de interiores y la visión desnuda de los lupanares de los años 20 y 30, donde la mujer adquiere un protagonismo absoluto, a la vez que propone otras composiciones más abstractas y audaces, esquemáticas y coloristas, en forma de paisaje o de marina» [1]
Ademais deles, cómpre destacar a figura de Isaac Díaz Pardo, que practicou unha pintura moi influenciada en primeiro lugar polo clasicismo italiano, para acadar o seu estilo definitivo cuns lenzos de corte expresionista, nos queen ocasións vai utilizar a arte como método de denuncia ante a opresión que está a vivir o pobo e a cultura galega. Eses ollos que miran con intensidade, eses brazos que se erguen e eses movementos desesperados, expresan con rotundidade a anguria e desesperación do que se sinte farto e humillado. Díaz Pardo abandonou ben cedo os vieiros da pintura para dedicarse a outras labores culturais que el entendeu máis útiles na súa loita pola supervivencia da cultura galega; é neste contexto no que xurde o proxecto de Díaz Pardo e Seoane do Laboratorio de Formas, a Cerámica de Sargadelos, Ediciós do Castro e o Museo Carlos Maside.
ISAAC DÍAZ PARDO, Xentes que ollan (1963, Museo de Belas Artes da Coruña)
Urbano Lugrís é unha figura artística moi difícil de situar para os historiadores da arte, moitas veces teimudos no seu afán taxonómico. Se cadra foi máis surrealista que outra cousa, aínda que non o podemos adscribir ao movemento de vangarda. Pódese dicir de Lugrís que foi unha figura que voou por libre, nun panorama artístico do século XX que practicamente esixía aos creadores a militancia activa nunha determinada tendencia ou vangarda. A traxectoria vital de Lugrís vai marcar a súa obra. O feito de nacer nun ambiente intelectual, sendo fillo dun escritor galeguista (Lugrís Freire) e dunha pianista, coñecedor de fábulas, historias fantásticas e grandes obras da literatura de aventuras; a súa experiencia cultural e artística durante a II República, tanto en Madrid como na Coruña, o descubrimento dos grandes museos e, sobre todo, da pintura de El Bosco, Fran Angelico ou Patinir, e tamén as experiencias e historias partilladas na súa vida bohemia, nos locais de Vigo e da Coruña após da guerra civil, son feitos que en maior ou menor medida vanse reflectir na súa obra. Ademais da súa excelente produción artística (aínda que sempre queda a impresión de que puido pintar máis e mellor), Lugrís deixounos mostras da súa xenialidade nos seus escritos e, sobre todo, na lembranza daqueles amigos que o coñeceron, o admiraron e, en último termo, tamén coidaron del e do seu legado.
URBANO LUGRÍS, habitación do vello mariñeiro (Museo Municipal de Vigo)
Lugrís é, ante todo, un excelente debuxante, no que destaca unha técnica caracterizada polo trazo preciso e elegante. Este don, xunto ao emprego da técnica do óleo sobre táboa, que el admirara nos mestres flamencos, permítelle acadar o máis alto grado de expresividade artística. A pintura de Lugrís é a plástica da saudade. Melancoliza paisaxes e obxectos a través da súa mirada, acadando unha pintura que ten moito de metafísico e espiritual. Unha obra na que converxe unha exquisita execución, coa evocación lendaria, moitas veces inspirada pola literatura de Verne. A visión de Galicia que nos ofrece Lugrís hai que relacionala coas lendas mariñas e coa súa condición de finis terrae. Tamén reflicte nas súas creacións lendas medievais con damas, árbores, paxaros, castelos... “A dimensión que da Lugrís a Galicia é a de unha illa intemporal, unha illa inacabada suspendida no tempo: na fascinación dunha temporalidade ahistórica de carácter cíclico propia das culturas de pronunciado sustrato rural”[2]
O mar é fundamental nas creacións de Lugrís, un Atlántico mítico que nos fala de lendas, de civilizacións imaxinadas e perdidas. A través de toda a súa creación gráfica e como pintor, representará unha serie de iconas marítimas que converten a súa obra en algo inconfundíbel: alegorías mariñeiras, sereas voadoras, armazóns de barcos varados na praia, buzos, áncoras, barcos en botella, pólipos, medusas, capitáns de barcos, etc. Tamén a iconografía musical: violín, laúdes, órganos de igrexa e fragmentos de pentagrama, lembranza do amor á música que lle inculcou a súa nai. É a partir dos anos corenta cando crea as súas grandes obras mestras, nas que destaca a finura e a precisión do debuxo. Cores brillantes, simbolismo e un horror vacui tan característico configuran as súas creacións.
URBANO LUGRÍS, Lumes de San telmo (Colección Fundación Caixa Galicia)
A obra de Lugrís como muralista estase a perder irremediablemente co peche ou reforma dos locais onde deixou as súas obras. Foron moitos os murais de Lugrís, en Vigo, A Coruña, en Santiago e noutras partes da xeografía galega, feitas coa súa leda preguiza e, en moitos casos, como pago pola súa perenne figura de home de tasca. «Sen dúbida algunha, Urbano Lugrís, na Coruña, Noia, en Vigo e Santiago, bebeu todo o viño acedo das tabernas e camiñou por tódalas rúas, pero, logo do visto, aquela “sombra de mascarón polas laxes da Ribeira do Berbés” (Emilio Álvarez Blázquez) tivo tempo para facer unha obra moito máis voluminosa e grande en tódolos sentidos do que ata uns anos se tendía a pensar»[3].
Maruja Mallo é unha das figuras máis importantes da plástica galega e española do XX. Nacida en Viveiro en 1908, o seu vencello con Galicia vai ser breve e escaso. Aos poucos anos múdase a Madrid, onde vai formarse como artista e onde se vai relacionar cunha serie de intelectuais que van influír na súa traxectoria vital: Buñuel, Gómez de la Serna, Dalí, Lorca, Ortega y Gasset, Alberti... Alí comezará a súa carreira como artista. Unha viaxe a París, e o contacto co grupo surrealista liderado por André Bretón, van provocar un xiro radical na súa obra, inspirada a partir desta altura pola vangarda surrealista. Desta época etaca a súa serie “cloacas e campanarios”. A partir do 36, vaise exiliar no continente americano, converténdose nun personaxe recoñecido dentro do colectivo do exilio español. Neruda e outros intelectuais relacionáronse con ela nos diferentes países nos que morou nesta etapa: Arxentina, Chile, Uruguai e os E.U.A. Ao fin volvería a Madrid, convertida nunha figura moi consolidada no panorama artístico do momento, sendo admirada por moitos. Na capital pasaría os seus derradeiros anos. A súa obra percorre diferentes estilos e influencias internacionais, desde o surrealismo francés, ata a xeometrización e o estudo das formas da natureza, relacionando a súa obra co construtivismo e co simbolismo. E tamén moi importante na súa traxectoria a influencia da pintura mural americana. Foi Maruja unha muller moi adiantada ao seu tempo, recoñecida como unha figura imprescindible. Tratou e foi amiga dos membros da xeración do 27, todos homes. A súa personalidade e carisma deixaron unha fonda pegada en todos aqueles que tiveron a sorte de coñecela.
MARUJA MALLO, Muller con cabuxa (1929)
A terceira figura en destaque dentro do ámbito de influencia do surrealismo vai ser Eugenio Fernández Granell. Nace na Coruña en 1912, estudia o bacharelato en Santiago e de seguido marcha a Madrid a seguir a súa vocación musical. Na capital vencéllase aos grupos intelectuais de esquerda, acadando un compromiso político que o levaría a afiliarse no POUM e participar na guerra civil no bando republicano. Despois da guerra civil pasa a Francia, onde tomará contacto coas principais figuras do surrealismo, movemento artístico do que vai participar a partir daquel encontro. De Francia viaxa a América Central, asentándose na República Dominicana. Alí vai coñecer a André Breton, pai do movemento surrealista. En América tivo un interesante periplo que o levou a Guatemala, Porto Rico, Nova Iorque... Compaxinou a súa faciana de artista, participando en numerosas exposicións e acadando un notable prestixio, coa de escritor e mestre de filoloxía en diferentes institucións como o Brookling College de NY. Tamén pasou unha etapa importante en París, onde se xunta co grupo de surrealistas que exporán as súas obras por todo o mundo. En 1985 regresa definitivamente a España, morrendo no ano 2001. A súa obra, que está representada nalgúns dos museos de arte moderna máis importantes do mundo, podémola gozar no Pazo de Bendaña, sé da Fundación Granell na praza do Toural compostelá.
Granell foi o máis ortodoxo ou puro dos surrealistas galegos. A súa obra ven marcada pola ironía, o absurdo e a representación dos mundos oníricos ,e do máis recóndito da alma humana. As súas creacións artísticas teñen grandes doses de ironía e de crítica social. Albiscamos nelas unha profunda admiración por Picasso, que influíu moito no seu estilo; as numerosas figuras que poboan os seus cadros, de perfís ondulantes combinadas con ocos e a representación de múltiples facetas, recórdannos ás figuras picasianas. Os seus cadros acusan tamén un forte cromatismo, están cheos de cores vivas, brillantes e chamativas. Destacamos tamén os artefactos que creou a partir de obxectos diferentes que dexcontextualiza, moitas veces tomados directamente do lixo, onde vemos a influencia de artistas como man Ray ou Duchamp, mestres dadaistas cuxa obra Granell coñeceu en profundidade. Tamén fascínoulle a arte primitiva, africana e caribeña, sendo un gran coleccionista deste tipo de obxectos artísticos de carácter antropolóxico, que tamén admirou e imitou, imprimíndolles o seu propio estilo.
EUGENIO F. GRANELL, Contrabandistas pasando a fronteira
(1974, Colección Caixanova)
OS NOVOS VIEIROS DA ARTE
Despois da II Guerra Mundial prodúcese unha profunda transformación no panorama artístico internacional. As vangardas históricas, que viviran un amplo desenvolvemento na primeira metade do século, e que deixaban tras de si un panorama artístico radicalmente diferente, van ser superadas e substituídas pola arte abstracta, que vai a irromper con forza nesta altura.
A partir do traballo de artistas de vangarda como Klee, Mondrian e, sobre todo Kandinski, a arte vai perdendo a existencia dunha referencia visual na realidade que copiar ou na que inspirarse. A arte abstracta e herdeira, polo tanto, dos movementos de vangarda como o fauvismo, o cubismo, o expresionismo ou o construtivismo. A abstracción é a meta final do camiño cara a modernidade. É a culminación dunha aventura que comezara décadas atrás, cando os artistas comezan a cuestionarse os postulados académicos e a representación obxectiva e realista na arte. A partir de agora a arte será abstracta ou figurativa, dependendo da existencia ou non desa referencia á unha realidade concreta, xa sexa real ou imaxinaria. Aínda así, moitas veces a fronteira entre figuración e abstracción non vi estar de todo clara.
Prodúcense máis cambios. A guerra é un factor determinante a nivel económico, filosófico e cultural. Nova Iork substitúe a París como gran centro artístico e, sobre todo, como gran mercado da arte. A grandísima violencia, horror e destrución provocada pola guerra –e como paradigma da traxedia, o Holocausto- vai mudar para sempre o modo de pensar, a filosofía e as expresións culturais do mundo occidental. Non hai xeito de revivir aquela traxedia e na arte prodúcese unha fuxida, que vai desembocar no triunfo case absoluto da arte abstracta.
A arte dos nenos, a arte prehistórica e primitiva, a arte que xorde de xeito espontáneo, sen contaminar, sen influencias académicas e, por suposto, sen paradigmas nin condicionantes, vai ser a que se impoña na década dos 40 (o Art Brut de Dubuffet é un bo exemplo desta tendencia), ata que figuras como De Kooning ou Pollock leven ao Expresionismo Abstracto ao cumio do movemento artístico mundial, chegando a vender por grandes sumas de diñeiro uns cadros cargados de raias, cores, manchas, gromos, e incluso rachaduras que a maioría dos mortais non chegaron nunca a comprender.
A España, e tamén a Galicia, o movemento abstracto chegou tarde. O franquismo, durante as primeiras dúas décadas da ditadura, vai defender a existencia dunha arte academicista e tradicional, rexeitando tanto os movementos de vangarda da primeira metade do século, como a “perniciosa” influencia da arte moderna do momento, que se expresaba nunha linguaxe críptica e, polo tanto, perigosa. A este feito temos que engadir que os grandes artistas españois, con Picasso e Miró a cabeza, exiliáranse ao rematar a guerra. Precisamente foi un galego, Sotomayor, naqueles duros corenta director do Museo del Prado, o paradigma da arte preferido do réxime, e un gran belirexante contra a arte moderna e de vangarda. Tamén podemos, a modo de anécdota, comentar que foi outro galego, o noso querido Lugrís, o que decorou o interior do iate Azor do xeneralísimo Franco, feito que foi motivo de innumerables versións e anécdotas contadas polo propio protagonista a carón dunha cunca de viño do Ribeiro.
Nos anos 50 comeza a agromar os primeiros movementos artísticos que intentan, desde España, unirse á grande vaga da abstracción que dominaba o panorama internacional. É o caso do grupo El Paso ou de Dau al Set, e de artistas como Antonio Saura ou Millares, entre outros. O réxime pouco a pouco vai cedendo, e vai ir aceptando de vagar que se fagan exposicións, e que se convoquen premios que valoren este tipo de arte.
O panorama artístico en Galicia, no primeiro franquismo non foi moi alentador. Moitos dos mellores están exiliados, ou deciden afastarse de Galicia pola falta dun mercado da arte, dun ambiente intelectual, ou por falta de escolas e de mestres. Os Maside, Lugrís, Cebreiro, etc. non van forman nin escola nin un grupo forte, sendo de destacar nestas décadas a labor de Seoane e Díaz Pardo no Laboratorio de Formas, como unha illa nun paraxe ermo. A maioría dos que teñen unha vocación artística deciden marchar, xeralmente a Madrid, e probar sorte lonxe de Galicia. Habería que esperar, pois, ata os anos 70 para encontrar outra xeración de artistas galegos cun vencello entre eles e coa terra de orixe.
Haberá tamén un grupo de artistas galegos que se sumen ao movemento abstracto. Esta nova xeración está composta por artistas como Leopoldo Nóvoa, Manuel Mampaso, Molezún, José María Labra e Luís Caruncho, entre outros. Todos eles inícianse na arte fóra de Galicia, aínda que algún deles, como Nóvoa, vai acabar residindo durante moitos anos na súa terra natal. Ese coñecemento dos movementos artísticos internacionais inflúen moito na súa forma de crear.
Luís Caruncho naceu na Coruña en 1929 e aos 11 anos trasládase a Madrid coa súa familia. Alí convertirase en artista e arquitecto, completando a súa formación en Francia e a través dunha serie de viaxes que o conectan coas últimas tendencias artísticas. Ademais de arquitecto e artista, Caruncho foi un intelectual que promove numerosas iniciativas, como a creación en Madrid da sala Kandinsky que el vai dirixir. Tamén ocupou cargos de responsabilidade no ámbito da política cultural en Madrid. A súa obra evoluciona desde a figuración ata a abstracción, froito da experimentación coas formas, os materiais, a luz, as cores e as tres dimensións, encadrándose dentro do que chamamos a abstracción xeométrica. Non obstante supera a certa frialdade que en moitos casos presenta este tipo de arte, sendo quen de aportar emoción e harmonía ás súas composicións.
José María Labra vai ser un dos mellores representantes da abstracción xeométrica a nivel español. Naceu na Coruña en 1925 e formouse en Madrid. Compaxinou a súa labor de artista plástico co deseño industrial, feito que influíu na súa obra. A súa obra presenta sempre unha excelente feitura, e un xogo de procedementos artísticos e de uso de materiais non convencionais que nos falan do gran afán experimentador do autor. Outra corrente da súa arte vai ser máis monocromática, experimentando cos efectos da luz na propia obra, xogando tamén coa tridimensionalidade da obra e rompendo a tradicional barreira entre pintura e escultura.
JOSÉ MARÍA LABRA, Lumbre (1984, Colección Caixanova)
Manuel Mampaso, tamén nacido na Coruña, e tamén emigrado a Madrid sendo novo, e formado na capital, vai ser o representante do expresionismo abstracto, aínda que tamén practicou outras disciplinas de xeito sobresaínte como o debuxo ou a creación de escenografías para teatro. A súa é unha pintura moi xestual e intuitiva, chea de intensas e enérxicas manchas que provocan a creación de diferentes texturas nun mesmo lenzo.
Leopoldo Nóvoa é un dos artistas galegos de máis recoñecido prestixio no século XX e XXI. Nacido en Salceda (Pontevedra) en 1919, a súa traxectoria vital e formación vanse desenvolver lonxe de Galicia, concretamente en América e en París. Na súa etapa de madureza vai visitar a terra que o veu nacer, concretamente a aldea de Armenteira, cada vez con máis frecuencia, ata que decide instalarse alí, onde segue a traballar aos seus máis de noventa anos. A súa obra, que foi exposta en multitude de exposicións e museos americanos e europeos, presenta algunhas diferencias coa dos autores que presentamos con anterioridade. Nóvoa xoga cos materiais e as texturas, rompendo a bidimensionalidade do cadro ou do mural, adherindo diferentes materiais á superficie, e conseguindo efectos sorprendentes. Utiliza paleta de cores moi reducida: o branco, o negro, as terras e o vermello oscuro serán os protagonistas dunhas creacións que nos introducen no campo da arte conceptual . Nas súas creacións repítense unha serie de iconas que, ademais das suas calidades estéticas, posúen un valor simbólico: cruces, arame de espiño, cordas, etc.
O movemento artístico da abstracción non elimina a arte figurativa. Moitos artistas non se identifican coa abstracción e continúan a traballar en base a unha referencia na realidade. De feito, a partir dos anos 60, ábrense novos vieiros dentro da figuración, destacando, por riba de todas as tendencias, a Arte Pop, que triunfa nos países anglosaxóns. A maioría dos artistas figurativos seguen as tendencias que abriran os artistas de vangarda na primeira metade do século. Figurativo, entón, non quere dicir realista. A través da manipulación das cores, das formas, das composicións, das dimensións, das texturas, etc. os artistas expresan ideas, pensamentos, sentimentos... como fixeran con anterioridade os expresionistas, os surrealistaas, os fauvistas,os futuristas... Algúns artistas de orixe galega non se deixaron seducir por completo pola grande vaga abstracta, e seguiron traxectorias vencelladas á nova figuración, que por outra banda, tamén se espalla na arte internacional a partir dos 70. É o caso, por exemplo, de Tino Grandío, cuxos cadros cargados de tons grises reflicten a tristura e a mediocridade da vida baixo o franquismo. Tamén é o caso dunha Maria Antonia Dans, excelente pintora de paisaxes, creadora dunha pintura deliberadamente inxenua, que se amosa íntima e bucólica, lembranza da súa nenez en Galicia. E como nexo cara a seguinte xeración, destamos a Xaime Quessada, un artista cunha traxectoria impresionante en cantidade e, sobre todo en variedade e calidade. Tivo unha vida moi axitada, sendo case un nómade da arte. Coñeceu a obra dos artistas más destacados do momento, como a Picasso, ao que admirou e homenaxeou na súa obra. Quessada formou grupo en Ourense (alcumado por Risco como “Os artistiñas”) con xente como Xosé Luis de Dios, Buciños e Acisclo Manzano, entre outros, sendo os predecesores do movemento modernizador que xurdiu con Atlántica.
XAIME QUESSADA, O garrote (1970, Colección Caixanova)
REXURDE O ESPÍRITO: O GRUPO ATLÁNTICA
En 1980 xorde en Galicia a iniciativa Atlántica, coa intención de relanzar a plástica galega, asumindo que desde a nosa terra podíase facer arte de calidade e desde uns presupostos modernos. O detonante foi unha exposición celebrada en Baiona no verán de 1980. Alí exponse a obra dun grupo de artistas que pretendían dar a coñecer as últimas tendencias artísticas que se producían en Galicia. A partir deste primeiro xérmolo, producíronse nos seguintes anos unha explosión de creatividade e outros artistas galegos foron participando nas xuntanzas e mostras colectivas organizadas nas principais cidades de Galicia.
MENCHU LAMAS, Sombras (1994, Colección Caixanova)
O movemento que supuxo Atlántica hai que enmarcalo no desenvolvementos dunha serie de iniciativas que tiveron lugar co cambio de réxime e coa creación da Autonomía de Galicia, feito que provocou a valorización dos creadores culturais de Galicia en Tódolos ámbitos; foi un dicir: “Aquí estamos, somos galegos, somos modernos, e temos moito que dicir”. Os autores de Atlántica continuaron cada un coa súa traxectoria, que en todo caso sempre foi moi persoal. Neste sentido, non podemos falar de xeración de artistas que comparten unhas características en común, máis alá do seu interese por poñer en valor a arte que se facía desde Galicia. En palabras de Xabier Seoane «Atlántica non é unha escola, afortunadamente. E líbrenos deso o demo. É, en todo caso –se nos empeñamos en catalogala- un movemento, un espírito, unha vocación de presenza. Pretende constituírse esencialmente como un colectivo humano e plástico xeracional e en marcha. O marabilloso da súa actitude é o seu dinamismo, a súa vitalidade, o seu alento esperanzado nun momento en que a cultura de occidente adoece de cansazo»[4]
Participaron en Atlántica unha morea de artistas de orixe galega, moitos dos cales seguen en activo hoxe en día. Destacamos algúns nomes como: Xaime Cabanas, Correa Corredoira, Alberto Datas, Antón Goyanes, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Quintana Martelo...
QUINTANA MARTELO, Anatomía do obradoiro
(1995, Colección Caixanova)
A CONTINUACIÓN (E TAMÉN A RUPUTURA) NA TRADICIÓN ESCULTÓRICA
Desde a segunda metade do século XX ata a actualidade un grupo de creadores plásticos galegos optaron pola escultura como modo de expresión artístico, ben de xeito exclusivo, ou ben combinándoo coa pintura, a estampa ou outras disciplinas. Son os continuadores, polo tanto, dunha tradición escultórica que se remonta no tempo durante moitos séculos. Neste curso fomos vendo como, se na pintura os artistas galegos tardaron en despuntar, na escultura temos unha traxectoria consolidada, ben a través das grandes obras mestras (e como paradigma o Pórtico da Gloria), ou ben a través de obras xurdidas das mans de escultores e canteiros anónimos que encheron de esculturas e cruceiros as igrexas, as vilas e as aldeas de Galicia.
FRANCISCO LEIRO, Recolectoras
(Colección Fundación Caixa Galicia)
Hai unha continuidade, sobre todo a través do respecto que moitos dos artistas van a sentir car ao materiais tradicionais da escultura galega (granito e madeira de carballo), e tamén hai unha ruptura que se fai evidente a través da obra daqueles escultores que investigan con novos materiais. Desde Helena Colmeiro, pasando por Silverio Rivas, Francisco Leiro, Ignacio Basallo, Manolo Paz, Acisclo Manzano, Xabier Toubes, Pamen Pereira ou o xenial Paco Pestana, todos eles contribuíron, e moitos deles seguen a contribuír, a manter acesa a tradición escultórica na nosa terra. Seguindo, cada un, os seus propios camiños e presupostos estéticos.
ACISCLO MANZANO, Dona das lagoas (Museo de Belas Artes da Coruña)
ARTISTAS GALEGOS NA ACTUALIDADE
A arte galega na actualidade non se pode disociar do panorama artístico internacional. A arte, a partir dos anos 80, toma un novo xiro. A arte actual non se entende sen elementos herdados e tamén novos que a converten nun elemento de referencia na era da posmodernidade. Os artistas convértense en críticos da sociedade, ante a imposibilidade dos medios de masas de se independizar dunha realidade de cote manipulada, e dun sistema que os converte en axentes da manipulación. O artista actual é, en xeral, provocador, crítico, irónico, mordaz, radical, investigador, innovador... Está sempre na procura dunha verdade esencial, tratando de transcender ao hiperdesenvolvemento da cultura visual, que hoxe en día está enfocada a manipular ao espectador, e a convertelo nun consumidor sen unha visión crítica da realidade.
XURXO ORO CLARO, Espacio líquido (2001, Colección Caixanova)
Ademais, cómpre subliñar que nas últimas décadas, prodúcese en Galicia unha mellora substancial tanto na formación de artistas como no propio mercado da arte. Nestes derradeiros trinta anos abren algunhas galerías que van ofrecer aos coleccionistas a posibilidade de adquirir obra en Galicia (Ad hoc, Trinta, Bacelos, SCQ...). Multiplícanse en Galicia os concursos, certames e mostras artísticas, destacando a Bienal de Pontevedra. Ademais temos en cernes unha feira de arte que tenta de acadar o seu espazo. Por outra banda, ás antigas escolas de artes e oficios hai que unir a creación da facultade de Belas Artes en Pontevedra (precisamente unha das características da creación contemporánea e a excelente feitura, tratamento, proceso técnico e acabado da obra). É fundamental, tamén, o crecemento das coleccións, sobre todo a nivel institucional, destacando as colección formadas polas fundacións Caixa Galicia, Caixanova e Barrie. Así mesmo, resulta fundamental a apertura de novos centros museísticos relacionados coa arte moderna: O MACUF, o MARCO,e, por riba destes, o CGAC, o gran centro coleccionador e difusor da arte moderna en Galicia, a pesar da súa irregular traxectoria.
TONO CARBAJO, Corazón, andamios e cristais (2002, Colección Caixanova)
Son artistas galegos recoñecidos na actualidade, ademais dalgúns dos citados con anterioridade, e ademais doutros moitos que por mor do espacio deixamos inxustamente fora: Roberto González, Tono Carbajo, Jorge Cabezas, Din Matamoro, Rubén Ramos Balsa, Xurxo Oro Claro, Antonio Murado, Fernando Casás, Jorge Barbi, Darío Basso... Con todos eles Galicia consolida a súa posición, periférica mais non illada, no panomarama artístico internacional, neste incerto comezo do século XXI, nos que a función social da arte e da cultura teñen moito que nos dicir e amosar.
[1] ANTÓN CASTRO: El hermetísmo de la posguerra, En Galicia. Arte. Ed. Hércules, Proxecto Galicia, Tomo XVI, A Coruña, 1999 (46)
[2] ANTÓN PATIÑO: Cartografía del sueño [viaje transoceánico a Urbano Lugrís], en “Urbano Lugrís, viaje alrededor de mi mundo”, Catálogo da exposición; Circulo de Bellas Artes de Madrid, Fundación Caixa Galicia, 1997. (p.30)
Neste blog podedes atopar información relacionada cos contidos do curso "A Cultura de Galicia". Se estás interesado en asistir ás clases, ou en desenvolver o curso no teu centro, non dubides en contactar comigo a través do seguinte mail: josecastroquian@terra.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.