A baixa idade media é un tempo de crise que prefigura as profundas mudanzas sociais, políticas e económicas que darán lugar ao cambio de era. Galicia non vai ficar allea a este proceso, que provoca fame, pobreza, e unha gran mortalidade na poboación. O pobo galego non vai ficar mudo ante os abusos, os Irmandiños ergueranse e loitarán con dignidade ante o asoballamento ao que eran sometidos polos señores. Neste solpor do noso medievo, moitas cousas cambiarán, mais iso verémolo na segunda parte do curso...
A tradición cristiá fálanos da presencia de Santiago, após da morte de Xesús, predicando na Hispania. De ser certo este episodio, a súa estancia non foi moi longa, xa que no libro dos feitos dos apóstolos do evanxeo, nárrase o martirio de Santiago, no ano 44, en Xerusalén. A principios do século IX prodúcese o descubrimento do corpo do Apóstolo Santiago Zebedeo (O maior) en Galicia. Foi o bispo de Iria, Teodomiro, o que da noticia sobre o achado dos restos do apóstolo, no lugar coñecido como “Arca Marmórica”. O rei Alfonso II, que foi avisado do descubrimento, nomea patrón do reino a Santiago e decide construír unha basílica para conservar os seus restos.
O mito da translación dos restos a Compostela segue a ser hoxe en día un dos máis fermosos que se conservan en Galicia. Segundo este, o corpo chegou desde Palestina a Galicia nunha barca de pedra onde o depositaran uns anxos. Esta barca chega a Iria Flavia, na desembocadura do Ulla, onde é atada á unha pedra (velaí a orixe do topónimo Padrón). Os restos do Apóstolo foron levados desta localización ao monte Libredón, por un grupo de cristiáns, onde lle deron sepultura (na arca marmórica, unha pedra onde o corpo santo afundiríase dándolle a forma do seu corpo). Para facer o traslado tiveron antes que tratar cun dos personaxes da nosa mitoloxía, a raíña Lupa, de orixe pagá e nun principio escéptica, malia que tras o episodio converteríase ao cristianismo. Lupa engana aos discípulos de Santiago, enviándolles a un campo onde moraban toros salvaxes, que por intercesión do santo convértense en bois que tirarían do carro que levou o corpo do apóstolo ao monte Libredón. Sería neste lugar mítico onde atoparían os seus restos case oito séculos despois. No Codex Calixtinus tamén se narra a historia da traslatio do corpo a Compostela. Máis adiante volveremos a citar o códice cando falemos da guía do peregrino que se recolle nas súas páxinas. Sexa como for, oitocentos anos despois da súa morte o nome de Santiago ficará vencellado a Galicia a través do mito do descubrimento do seu corpo.
Inventio para moitos, cuestión de fe para os crentes, o caso é que o achado do corpo do Apóstolo Santiago e a popularización da peregrinación cara a Compostela é un dos feitos máis relevantes da nosa historia. A cidade compostelá converterase nunha das máis importantes do occidente cristián, polo de atracción de homes, ideas e influencias culturais de moi diversa índole. Imos ver como, nun período de douscentos anos, a romaxe a Compostela se populariza de tal xeito que milleiros de europeos de moi diversa procedencia van a acudir a venerar os restos do apóstolo, influíndo tamén en todas aquelas vilas e cidades que se atopan os peregrinos antes de chegar á meta.
Unha basílica para gardar os restos do apóstolo. Esta é a orixe de Compostela, que a partir do vello templo vai ir desenvolvéndose e configurándose na gran cidade medieval que foi. Porén, nas terras compostelás atópanse restos de época sueva, romana e castrexa, o que nos amosa que, dalgún xeito, foron ocupadas desde moito antes da descuberta. Incluso no núcleo da cidade, no chan da propia catedral, descubríronse restos de época romana nas escavacións arqueolóxicas realizadas.
O descubrimento conmocionou á toda a cristiandade, e xa desde a primeira metade do século IX comeza a peregrinación, nun contexto onde Roma está en crise e a chamada Terra Santa de Palestina baixo o poder do islam. No século X a poboación de Compostela vai medrando e a cidade vai acadando cada vez máis relevancia, servindo como lugar de coroación da monarquía leonesa.
Xusto a finais deste século, no 997, Almanzor ataca a poboación e Santiago fica practicamente destruída. Mais, con todo, a razzia de Almanzor non acabou coa puxanza de Compostela. No século XI a poboación rexurdira con forza. En 1075 comeza a construción da catedral románica, froito do desenvolvemento e a popularidade que acada a romaxe, o que provoca que a antiga basílica ficase pequena para acubillar ao importante fluxo de peregrinos que naquela altura chegaban a Compostela. Configurábase, deste xeito, a época dourada de Santiago, que imos tratar a continuación.
A COMPOSTELA DE XELMIREZ
«Diego, pola Gracia de Deus Arcebispo da sé compostelá e Legado da Santa Igrexa de Roma, aos venerabes e amados irmáns en Cristo, arcebispos, bispos,abades e xerarcas todos da Santa igrexa, tamén aos reis, condes e demais príncipes, e a todo o pobo cristián» [2]
Imos coñecer algúns dos feitos máis importantes da súa vida. Diego Xelmírez nace en Padrón no ano 1059, nunha familia de orixe nobre que gobernaba a comarca de Iria. O seu pai, Xelmirio, estaba ás ordes do bispo compostelán Diego Páez. Foi educado na corte e sendo novo (no ano 1093) pasou a ser secretario do Conde Raimundo de Borgoña, casado con Urraca (filla do rei Afonso VI) e gobernador de Galicia. Xelmírez foi un firme defensor da reforma gregoriana, que procura a mudanza de costumes no clero, o reforzo da autoridade papal, a independencia da igrexa nos asuntos eclesiásticos fronte o poder da monarquía e a nobreza, e, en certa medida, a supremacía social dos oratores fronte o poder temporal.
No ao 1093 tamén é nomeado administrador da diócese compostelá. Ao ano seguinte toma parte na reconquista, acompañando a Raimundo de Borgoña ata Lisboa. Por esas datas Compostela pasa a ser sé definitiva da diocese en substitución de Iria.
No ano 1100 foi nomeado Bispo de Compostela tras a súa peregrinación a Roma,onde trata co papa Pascual II. Catro anos máis tarde viaxaría outra vez á cidade vaticana; na segunda visita a sé papal pasa polo mosteiro de Cluny, un dos centros da cristiandade do século XII. Nesta primeira década da centuria as costas galegas estaban ameazadas polos normandos, como resposta Xelmírez manda reforzar as torres do oeste de Catoira.
En 1111 coroa ao fillo de Raimundo e Urraca, Afonso Reimúndez, como rei de Galicia, que reinaría en Castela e León co nome de Afonso VII. Nestes anos actúa como diplomático e como administrador da diócese, en ambos os dous ámbitos con evidente éxito. Enriquece o patrimonio da sé de Santiago nun momento onde as obras da nova e maxestosa catedral esixían un grande esforzo económico. A través dos foros asinados nestas datas, a diocese e a cidade de Santiago aseguraba a súa riqueza. Participa activamente na política da época apoiando á nobreza galega. En 1117 asiste á paz de Sahagún entre dona Urraca e o seu fillo Alfonso Raimúndez. Actúa como protector deste último, en compañía do conde de Traba, don Pedro Froilaz, en defensa dos intereses da nobreza galega.
Unha das datas fundamentais na súa traxectoria é o nomeamento como arcebispo, no ano 1120, o que lle vai permitir o control da diócese de Mérida e a independencia de Braga e Toledo. Nos anos seguintes Braga pasaría a depender de Mérida, e Santiago sería nomeada como metropolitana do reino de León. Tamén en 1120 é nomeado gobernador de Galicia, ficando por riba da nobreza laica galega da época. En 1122 o papa Calixto II establece que cada vez que o 25 de xullo sexa domingo, ese ano establecerase como ano santo, dándolle o pulo definitivo á romaxe a Compostela. Recoñecida a súa importancia por toda a cristiandade, os peregrinos encontrarían a indulxencia aos seus pecados ao finalizar o camiño. Quizais o propio Diego Xelmírez era consciente da transcendencia da época e quere deixar constancia dela na Historia Compostelana, que se comeza a escribir a partir dese ano.
Ao final da década, Xelmírez fracasa desde o punto de vista da diplomacia, Alfonso VII é nomeado rei de Castela e León, Afonso Henriques será o primeiro rei de Portugal, e Galicia fica lonxe dos centros de decisión políticos. A súa influencia diminuirá a partir deste momento. Na década seguinte Xelmírez dedicarase a consolidar todo o traballo feito por Compostela, tendo que soportan levantamentos contra o seu poder por parte dos burgueses da cidade, que querían máis liberdade para comerciar, aproveitando o grande desenvolvemento acadado pola urbe grazas á súa catedral. Estas teimas ocupan os últimos anos da súa vida ata que morre o ano 1140.
Ata aquí algúns datos significativos sobre a vida de Diego Xelmírez, un dos personaxes sobranceiros nesa Compostela que o Arcebispo engrandeceu e que durante os século XII e XIV sería unha das cidades máis importantes da cristiandade. A través da súa personalidade e dos seus feitos podemos comprender mellor esta época. «Xelmírez esforzouse como ningún outro prelado por situar o seu propio estamento no cumio social e político de Galicia; con máis exactitude, o sector episcopal do estamento eclesiástico; e de forma inmediata, a súa propia persoa e dignidade.» [3] . Unha das súas máis importantes tarefas foi mudar a formación e as costumes do clero, e adaptar á igrexa galega á reforma gregoriana, como xa se fixera en Francia. Velaí unha das razóns polas que visitou Cluny.
Xelmírez actuou como un señor feudal no territorio controlado pola diócese compostelá. Administrou xustiza, cuñou moeda, cobrou rendas e prestacións persoais. Nesta altura milleiros de campesiños galegos foron servos dos mosteiros e tamén do arcebispo de Compostela. Mais, na súa época, e a pesar da súa condición eminentemente rural, Galicia non vai ficar allea ao gran desenvolvemento da actividade urbana que se albiscaba en toda Europa. Certamente, Santiago, en tempos de Xelmírez, tiña todas as condicións para medrar e para se transformar nunha das cidades senlleiras do occidente cristián, como así aconteceu.
Como quedou apuntado anteriormente, Compostela crece ao carón da catedral. Un templo, que coa popularización da romaxe vai atraendo a xentes de moitos lugares. Como consecuencia deste proceso, medra moito a actividade comercial e asistencial da cidade. Unha urbe de clérigos, comerciantes e artesáns, atraídos ante o grande fluxo de visitantes e a oportunidade de proporcionarlles servizos. Xurde, polo tanto, unha clase social nova que reborda o clásico orde feudal, a aqueles laboratores do campo hai que sumarlle agora os traballadores da cidade, homes libres que exercen a súa profesión dentro das murallas, organizados en gremios, ou que acoden á mesma a comerciar.
O gran crecemento da poboación de Compostela tivo lugar a partir da segunda metade do XII, xa con Xelmírez morto. Porén, o grande bispo compostelán foi un persoeiro fundamental no xurdimento da gran cidade. «A realidade e a mentalidade, ese é o tema. Xelmírez percibiu a realidade nova. É máis, contribuíu decisivamente a creala» [4] . Neste tempo organízase a cidade e prepárase para o seu crecemento. En base á peregrinación estrutúrase a nova cidade, organízanse os camiños, as portas, as rúas, regulaméntanse os mercados, etc. Estas profundas mudanzas, urbanas e tamén sociais, provocaron conflitos da nova clase contra Xelmírez, auténtico señor da cidade.
COMPOSTELA NO CÓDICE CALIXTINO
Deteñámonos agora no documento histórico que mellor reflicte como era Compostela no pleno medievo, xusto no auxe da romaxe á súa catedral. Trátase da Guía do Peregrino, que se recolle no Códice Calixtino conservado na catedral de Santiago. Este é un texto escrito polo viaxeiro francés Aymeric Picaud, e que funciona como unha auténtica guía de viaxes da época. O códice é unha compilación de textos do século XII sobre Santiago, a súa catedral e a súa historia. Presentamos, de seguido, unha escolma dalgúns parágrafos deste significativo documento:
No primeiro parágrafo seleccionado recollemos a visión do autor sobre Galicia e os galegos:
«A terra dos galegos abunda en soutos e resulta agradable polos seus ríos e os seus prados, excelentes pomares, boas froitas e clarísimas fontes. É rara en cidades, vilas e sementeiras; escasa en pan trigo e viño, mais farturenta en pan centeo e sidra, gando e cabalerías, leite e mel, ou en grandes peles silvestres e, sobre todo, en tesouros sarracenos. Os galegos acomódanse mellor que as demais poboacións españolas, de atrasados costumes, ao noso pobo francés, mais son tido por airados e litixiosos»
No capítulo IX Picaud defínenos algunhas das características físicas da Compostela do século XII, que nos axudan a comprender como daquela era unha cidade dun tamaño considerable, a xulgar polo número de portas e de igrexas:
«A cidade de Compostela está situada entre dous ríos chamados Sar e Sarela. O Sar atópase ao leste entre o Monte do gozo e a cidade, e o Sarela ao oeste. As entradas e portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase Porta Francesa; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que conduce a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega o precioso licor de Baco á cidade»
«Habitualmente atópanse nesta cidade dez igrexas, entras as que, situada no centro, resplandece gloriosa como a máis importante, a do moi glorioso apóstolo Santiago, o fillo de Zebedeo (...)»
Tamén describe a catedral e os seus arredores con minuciosidade. A súa grandeza deixoulle abraiado. Dela escribe o seguinte:
«Nesta igrexa non hai fenda nin defecto algún; está magnificamente construída, é grande, con moito espacio, luminosa, harmoniosa, ben proporcionada en anchura, lonxitude e altura, e de admirable e inefable fábrica. Ademais ten dobre planta, como un palacio real. Quen recorre por enriba as naves do triforio, aínda que suba triste, vólvese ledo e gozoso ao contemplaren a espléndida beleza do templo»
«Cando nós, os franceses, queremos entrar na basílica do apóstolo, facémolo pola porta setentrional. Diante desta entrada, xunto ao camiño, está o hospital de peregrinos pobres de Santiago, e a continuación, ao outro lado da rúa, hai un atrio do que se baixa por nove chanzos. Ao concluír a escaleira deste atrio, hai unha admirable fonte que non ten par en todo o mundo (...) unha auga doce, nutritiva, sa, magnífica, morna en inverno e fresca en verán (...) . Detrás da fonte está, segundo dixemos, o paraíso (atrio), pavimentado en pedra, no que, entre os emblemas de Santiago, véndense as cunchas aos peregrinos. Véndense alí tamén botas de viño, zapatos, mochilas de pel de cervo, bolsas, correas, cintos e herbas medicinais, así como outros moitos produtos. Os que trocan, os adegueiros e outros vendedores están na rúa Francíxena... »
Neste tempo, a grandeza das catedrais mediase tamén polo número de torres:
«Nove torres haberá neste templo: dous sobre o pórtico da fonte, outras dous sobre o pórtico meridional, outras dous sobre o pórtico occidental, outras dous sobre cada unha das escaleiras de caracol, e outra maior sobre o cruceiro no centro da basílica. Ademais toda ela está construída de poderosos bloques vivos, de cor tirando a gris e de gran dureza como o mármore. No seu interior está decorada con diversas clases de pinturas, e polo exterior está moi ben cuberta con tellas e chumbo. Sen embargo, desta relación, unhas cousas están acabadas e outras sen terminar.»
A admiración de Picaud aumenta cando fala do sepulcro do apóstolo, a súa testemuña reflicte como o autor fala desde a máis fonda exaltación:
«Este corpo atópase tamén entre os inamovibles, segundo o testemuña de San Teodomiro, bispo da cidade, que foi quen no seu dío o descubriu e non lle foi posible movelo. Ruborícense, pois, os competidores de alén dos Pirineos, que afirman posuir unha parte ou reliquias súas. Porque o corpo do Apóstolo atópase íntegro alí, divinamente iluminado con celestiais rubís , honrado por divinos aromas que emanan sen cesar, adornado con refulxentes luminarias celestes, e agasallado ferventemente por anxélicos presentes»
Tamén nos fala das persoas a cargo da Catedral e das súas costumes, así como dos actos de caridade e da atención aos peregrinos.
«No altar de Santiago habitualmente non celebra misa que non sexa bispo ou arcebispo, papa ou cardeal da mesma igrexa. Porque habitualmente hai sete cardeais na mesma basílica, os cales celebran neste altar os divinos oficios.»
«Ten esta igrexa seguindo, segundo é tradición, a serie e denominación dos 72 discípulos de Cristo, 72 cóengos que seguen a regra de San Isidoro. (...) se se quer cumprir coa xustiza divina, en calquera época do ano hai que entregar a décima parte das ofrendas do altar de Santiago aos pobres que cheguen ao hospital. Pois todos os peregrinos pobres, a noite do día en que chegan ao altar de Santiago deben recibir no hospital, por amor de Deus e do apóstolo, hospitalidade completa.»
«Polo que aos doentes refírese, deben ser atendidos alí caritativamente ata a súa morte ou ata a súa recuperación completa. Pois así se fai en San Leonardo. Cantos pobres chegan en peregrinación, reciben alí comida»
«Todo o mundo debe recibir con caridade e respecto aos peregrinos, ricos ou pobres, que volven ou se dirixen ao solar de Santiago, pois todo o que os reciba e hospede con esmero, terá como hóspede, non só a Santiago, senón ao mesmo señor, segundo as súas palabras no evanxeo: “o que vós recibe, recíbeme a min”. Houbo antano moitos que incorreron na ira de Deus por negarse a acoller aos pobres e aos peregrinos de Santiago.»
Por último, destácanos a parte máis sagrada e milagreira. A parte espiritual do templo. É así como a maxestosa construción aparece ligada á súa misión como un dos principais lugares santos da cristiandade. A través das súas verbas podemos albiscar a emoción que deberon sentir os peregrinos que, tras longos días de viaxe, chegaban por fin á meta:
«Desde o comezo da obra ata os nosos días, este templo florece co resplandor das milagres de Santiago, pois nel concédese a saúde aos doentes, restablécese a vista aos cegos, sóltase a lingua dos mudos, franquéaselle o ouvido aos xordos, dáselle movemento libre aos coxos, concédese liberación aos endiañados e, o que é aínda máis, aténdense as pregarias do pobo fiel, acóllense os seus rogos, desátanse as ligaduras dos pecados, ábrese o ceo aos que chaman ás súas portas, consólase aos aflixidos e ás xentes de todos os países do mundo alí acoden en tropel a presentar a súas ofrendas na honra do señor» [5]
A CATEDRAL
«Hoxe, en época de turismo, todo o mundo culto coñece a Santiago, pero ¡Que diferente o espírito da moitedume de turistas que levados do motor ou do vapor procuran un repouso na sombra recóndita das pedras de Santiago, quizais o cumprimento dunha prescrición de moda, e o peregrino que deixando atrás horizontes de terra e mar, soñaba co vaporoso crepúsculo que lle ofrecía ao final do camiño o ramoflorido das torres e a auga lustral do pendón!»
A Catedral comeza a construírse no ano 1075, sendo bispo Diego Páez e rei Afonso VI. Os comezos da obra non foron doados, e, de feito, os traballos paráronse durante uns anos ata que no ano 1100 o bispo Xelmírez dálles un novo pulo. Na primeira metade do século XII vanse terminando as diferentes partes que compoñen a basílica. Primeiro a cabeceira e despois o resto do corpo, coas portadas de Praterías e de Acibechería , as bóvedas do corpo principal, o coro, etc. As obras rematan no ano 1128, aínda que nunha segunda fase acometeríanse novas obras, sendo a máis destacada destas a construción do Pórtico da Gloria.
Coñecemos algúns dos nomes dos mestres que traballaron dirixindo as obras da catedral. Bernardo “o vello” sería o primeiro Mestre, continuando a súa laboura o Mestre Esteban, primeiro, e o Mestre Bernando “o novo” a continuación. É moi probable que conformasen unha dinastía familiar de mestres construtores.
A catedral rematada en 1128 sería alterada con novas obras durante o século XII e ata a súa consagración no ano 1211. A máis importante destas modificacións é a fachada principal feita polo Mestre Mateo, que acometeu a obra seguramente entre os anos 70 e 80 do século, colocándose o dintel da porta no ano 1188. A catedral que podemos gozar hoxe en día tamén é diferente a do medievo, pois ao longo dos séculos sufriu algunhas modificacións, sendo a máis destacada a fermosísima fachada barroca.
A catedral ten planta de cruz latina, como é norma no románico. Como foi construída por pura necesidade de espacio, para acubillar aos centos de peregrinos que acudían a ela, desde o primeiro momento proxectouse cunhas dimensións colosais, 97 metros de lonxitude e 65 metros de cruceiro. A estrutura consta de tres naves, que ao chegar ao cruceiro forman unha xirola, como era costume nas igrexas de peregrinacións, pois permitían deambular aos visitantes por detrás do altar. Nesa xirola abríanse cinco capelas (hoxe só se conservan catro, transformándose unha delas na capela do Pilar).
Unha das características que conforman a beleza do templo é o esvelto, proporcionado e harmonioso do seu alzado respecto á planta. As naves están separadas por arcadas de medio punto, apoiadas en piares de planta cruciforme. Na nave central a bóveda é de canón, e nas laterais de aresta. Os dez tramos están separados por arcos faixóns .
O templo compostelán conta con triforio, unha galería que recorre as naves centrais e que tiña moita utilidade á hora de acoller aos peregrinos no templo, pois, como nos conta Picaud, estes pasaban moitas horas no mesmo, antes de emprender camiño de volta. Onde se cruzan a nave principal e o cruceiro, temos un cimborrio do século XV, que se construíu en substitución da torre orixinal. Do cimborrio colga o mecanismo que suxeita e fai voar ao botafumeiro, que é outra das grandes iconas da catedral. Na época na que foi instalado, no século XVI, cumpría a función de aliviar o cheire dos peregrinos, que fedían despois de tantas xornadas de viaxe. Evidentemente, as costumes hixiénicas eran moi diferentes ás actuais.
Un dos elementos que máis sorprenden ao visitante á catedral é a cripta. Esta foi realizada en tempos de Xelmírez, coa función de crear un espacio reservado para a oración do clero e dos peregrinos sobranceiros, apartándoos do barullo que se debería formar no templo. Este espacio está situado xusto debaixo do Pórtico da Gloria, polo que é seguro que o Mestre Mateo modificou a súa estrutura e participou na súa decoración.
A Catedral configurou tamén os espacios exteriores dentro do urbanismo de Compostela. A carón da basílica organizouse a vida da cidade, auténtico xérmolo e núcleo da cidade medieval. Poucas cidades do medievo europeo souberon respectar desde o punto de vista do urbanismo e da arquitectura o seu legado e o seu pasado como Compostela. O urbanismo do conxunto configúrase a través de catro prazas.
A praza do Obradoiro, ao que da a fachada principal (a occidental) da catedral é a máis grande e universalmente coñecida. Os catros lados están pechados por catro edificios singulares. A propia catedral, coa súa fachada barroca, o antigo Hospital Real, o Pazo de Raxoi e o Colexio de San Xerome (anexo ao pazo de Fonseca). Ademais aos lados da fachada do Obradoiro, temos o antigo claustro e o palacio de Xelmirez. Se nos decatamos, nesa praza temos unha serie de predios que por si mesmos nos falan dos diferentes usos das construcións urbanas no medievo e na Idade Moderna: catedral, palacio, hospital, colexio...
Outro destes espacios é a praza da Acibechería, tamén coñecida na época medieval como Paraíso. Trátase dunha zona de grande actividade comercial no medievo, tal e como nos describe Picaud no Códice Calixtino. Non é difícil orientarse diante dela, e saber que estamos ante a fachada norte do templo pola abundante carriza que cobre as vellas pedras de granito. Nesta praza, segundo conta o viaxeiro francés, había unha gran fonte usada polos peregrinos para lavarse antes de entrar ao templo. A portada románica, da que se conservan algúns elementos escultóricos , foi substituída no século XVIII pola actual. Como é ben coñecido, recibe este nome debido as tendas de alfaias feitas con acibeche situadas no entorno, aínda que no medievo vendíanse moitas máis cousas.
Outro dos grandes lugares que rebordan á catedral é a praza da Quintana, coa súa escalinata que salva o desnivel e con outras construcións senlleiras do urbanismo compostelán como a Casa da Parra. Desde esta praza podemos observar a cabeceira da catedral, que foi alterada desde a súa construción a finais do século XI, cun remate neoclásico. Nesta parte traseira temos acceso a catedral pola porta santa, que só se abre en ano santo. Esta porta foi erguida a principios do século XVII. Desde hai moitos anos ten lugar o ritual, cada 31 de decembro anterior á entrada en ano santo, de derrube das pedras que selan esta porta. O propio arcebispo de Santiago é o encargado de cumprir con esta tradición. A porta santa foi decorada con algunhas esculturas que proveñen do coro pétreo da catedral de Santiago, feito polo Mestre Mateo, e que foi rehabilitado en recentes datas pola Fundación Barríe.
Desde a Quintana temos acceso a outro dos espacios míticos de Compostela, a praza de Praterías, na parte sur do edificio. Esta recibe o seu nome dos mestres prateiros que tiñan, e que aínda teñen, instaladas alí as súas tendas e obradoiros. Esta praza tamén está rodeada de edificios singulares, mais o que chama a atención de seguido ao visitante a Compostela é a fermosísima fachada sur da catedral, a fachada de Praterías, que é un dous conxuntos escultóricos do románico máis fermosos da Península Ibérica. Esta portada foi realizada na primeira metade do século XII (ano 1103), no mesmo tempo no que se edificaba a catedral. A fachada conta con dous corpos e dúas grandes portas. Aos lados das portas temos once columnas (tres delas de mármore) de diferente feitura e que suxeitan, a través dos capiteis, decorados con motivos vexetais e con figuras humanas e animais, os arcos que forman as arquivoltas de cada porta. Na porta da esquerda aparecen as figuras de Moisés e San Andrés. No tímpano da esquerda represéntase a tentación de Cristo, figuras de leóns, e a famosa figura da Muller adúltera condenada a bicar a caveira do seu amante morto. No tímpano da dereita aparece, na parte superior un apóstolo con o asno e o boi da Epifanía. Na parte baixa vemos diferentes escenas de milagres de Cristo e da Paixón. No friso superior temos un conxunto de esculturas que representan diferentes personaxes do Antigo e do Novo testamento: Apóstolos, San Pedro, San Pablo, Moisés..., destacando xusto no centro da composición as figuras de Santiago o Maior entre os dous cipreses que simbolizan o monte Sión, e a de Cristo facendo a bendición. Na parte superior da portada construíronse dúas xanelas con arquivoltas e arcos polilobulados, que lle proporcionan claridade ao interior. Semella que foron tres mestres diferentes os que traballaron na realización desta portada, todos eles aportaron unha obras escultórica de excelente feitura, na que chama a atención a desorde do conxunto na distribución das figuras.
Para completar esta volta ao perímetro do templo compostelán, cómpre deterse na torre do reloxo. Edificada no século XIV o seu primeiro corpo, e rematada no século XVII cun estilo barroco polo arquitecto Domingo de Andrade, que elevou a torre ata os setenta e dous metros. Está documentado que xa existía un reloxo na torre no século XVI, polo que Compostela foi a primeira cidade europea cun reloxo na torre da súa catedral. A campá que resoa en todo o val compostelán e que marca os tempos da vida da capital de Galicia é a famosa berenguela, de case dez mil quilos de peso, que leva este nome por ser Berenguer Landoira o construtor que rematou a torre no século XIV.
O PÓRTICO DA GLORIA
...O sol poniente polas vidrieiras
¿Estarán vivos? ¿Seránd e pedra?
Aquí está a Groria, mais n’aquel lado
¡Cómo me miran eses calabres
Rosalía de Castro. N’a Catedral (fragmento) –Follas Novas (1880)
Imos deternos agora no Pórtico da Gloria, a obra senlleira da escultura románica europea, froito das mans dun xenio, uns deses artistas que xorden en casos excepcionais é deixan a súa pegada inmortal nunha obra mestra universal. Pouco sabemos da vida, da orixe, da traxectoria do Mestre Mateo antes do ano 1168, cando o rei Fernando II lle concede a pensión de cen marabedís de ouro ao ano como mestre de obras da catedral de Santiago. A súa biografía é incerta. Algúns historiadores da arte afirman que traballou nalgunhas igrexas francesas do camiño de Santiago, onde acadaría a pericia que amosou en Compostela. Outro dato pouco claro sitúanos a Mateo en Pontecesures, como mestre de obras da ponte sobre o Ulla. Será galego? Será francés? Isto é o de menos, sexa como for, témolo na nosa terra no intre xusto, traballando na catedral ata o ano 1188, cando coloca a última peza do pórtico. E aínda deixaría a súa pegada noutras obras galegas, ben da súa propia man, ou ben a través dos seus seguidores.
No tímpano central, xusto no centro da composición, aparece un Cristo sentado, en maxestade, amosando as súas feridas, a través do cal se distribúen o resto das figuras. Neste arco do medio, que é moito máis grande que os laterais, represéntase o Reino de Cristo, baseado no evanxeo de Xoán. Rodeando a Cristo os catro evanxelistas cos seus símbolos (o Tetramorfo: Juan- Águia, Lucas – Touro e Marcos – León, Mateo aparece sen o seu símbolo) escribindo os seus evanxeos. Aos lados aparece un grupo de anxos portando os instrumentos da paixón, e sobre eles pequenas figuras humanas que representan ao pobo de Deus. Na arquivolta aparecen os vinte e catro vellos cos instrumentos musicais, que entoan os cánticos de loubanza a Deus, e interpretan a música celestial (os instrumentos do pórtico, moitos deles desaparecidos, foron recentemente recreados de forma artesanal).
No parteluz unha columna de mármore finamente esculpida sobre a que Mateo colocou a figura do apóstolo Santiago, tamén sentado, mirando ao visitante dun xeito doce e sereno. O apóstolo vai vestido con roupaxes de luxo cheos de xoias. No fuste represéntase a xenealoxía humana de cristo a través da icona da árbore de Xesé, de cuxas ramas xorden as figuras que emparentan a María e a Xesús co rei David e co rei Salomón. Na base da columna consérvase a pegada deixada por milleiros de peregrinos que colocan alí os seus dedos cando lle rezan ao apóstolo.
O arco da esquerda representa a historia do Antigo testamento e o pobo xudeu. Na arquivolta superior aparecen motivos vexetais. Na arquivolta central temos once figuras que fan referencia ao pobo xudeu e a palabra de Deus, cos seus símbolos como os filacterios. Na arquivolta inferior aparece Deus dando a bendición entre Adán e Eva.
O arco da dereita ten tamén tres arquivoltas. As figuras representan o xuízo final. O último destes tres grandes episodios da historia da humanidade desde a cosmovisión cristiá. Neste arco vemos diaños, figuras espidas entre serpes, e a representación das almas que se salvan e as que son condenadas ao inferno.
Por último, e dando a volta ao parteluz, o popular santo dos croques, que é, posiblemente, un autorretrato do propio Mateo, consciente da súa mestría e coa fachenda propia dos grandes artistas, ofrecendo a Deus o seu traballo.
En xeral todo o pórtico ten un sentido único, que resume o pasado e futuro da humanidade desde a óptica cristiá do medievo. As esculturas de Mateo fálannos da creación, de episodios chave do antigo testamento, que entronca con Xesús a través da familia de María. Preséntanos a vida, obra e milagres do Señor, acompañado dos seus discípulos. O ámbito celestial, no que aparece Cristo cos seus apóstolos, é o centro de toda a composición. O xeito maxistral de traballar a pedra, a complexidade temática e a grandiosidade do conxunto fan da obra de Mateo algo único na historia da arte románica. De todos os xeitos, hai algo nas esculturas do pórtico que nos anticipa os tempos do gótico. As figuras, de vulto redondo, acadan unha maior naturalidade, unha maior verosimilitude. Son máis próximas. Mateo preséntanos unha relixión que segue a mostrar o inferno, o camiño torto, aos infieis (porta dereita), mais que tamén amosa unha faciana máis amable, vencellando a obra escultórica ao perdón outorgado ao peregrino. O Cristo e o Santiago do pórtico son figuras con rostros doces, amables, que acollen ao viaxante e que invitan a entrar na casa de Deus. Unha obra única que sitúa a catedral na altura dos grandes lugares artísticos que todo amante da arte debe coñecer antes de morrer.
TEMPOS DE REVOLTA
Desde finais do século XIII todo o occidente europeo está en crise, e Galicia non vai ficar allea a este proceso. Cómpre facer agora, ao principio, unha aclaración. Temos que entender o concepto crise non só na súa parte negativa, nese “ronsel de pragas bíblicas”, composto por fame, peste e guerra, do que fala Ramón Villares; se non tamén como situación que provoca mudanzas, cambios estruturais na sociedade.
O século XIV comeza con malas colleitas e fame. A peste espállase por todo o occidente.1348 e o ano da peste negra, data fatídica na que unha boa parte importante da poboación europea morre de súpeto e dun xeito moi cruel, causada por unha enfermidade terrible que se estende por todo o continente europeo en maior ou menor medida. As consecuencias deste proceso son unha baixa demográfica, unida a unha serie de dificultades agrarias nas que incluímos as malas colleitas, o abandono de campos e o endurecemento das condicións dos foros.
As cidades tamén mudan as súa faciana nestes derradeiros séculos da Idade Media. Algunhas cidades medran debido ao desenvolvemento do comercio marítimo e ao feito de librarse en certa medida da presión dos señoríos. Este é o caso da Coruña, Betanzos, Pontevedra ou Baiona. Outras serán focos de conflitividade ante a arela dous seus artesáns e comerciantes de seren libres ao intento de control e de obter beneficios da súa actividade económica por parte dos señores que as controlaban (xeralmente os bispos). O que desexaban era se converter en cidades de reguengo, pois estar baixo a xurisdición do monarca era menos gravoso que depender dun bispo ou dun nobre laico.
As primeiras revoltas terían lugar nas cidades, como veremos de seguido. Mais antes hai que falar doutro dos procesos cuxas consecuencias máis se deixarán notar nestes tempos. Desde o século XIV prodúcense unha serie de cambios na nobreza galega. Cambian os apelidos e tamén os comportamentos. Boa parte dos nobres galegos apoiaron a Pedro I contra Henrique de Trastámara na súa liorta polo trono de Castela, e pagaron as consecuencias (o mesmo acontecería a na segunda metade do XV, cando apoian a Xoana ‘a Beltranexa’ contra Sabela, a futura raíña católica). Novos apelidos van substituír agora a algunhas destas vellas familias caídas en desgraza. Esta nova caste vaise botar contra o pobo, asoballando aos campesiños con novos impostos e con todo tipo de abusos, rachando en boa medida o contrato feudal. Son os encomendeiros, unha nobreza agresiva, guerreira, enrocada en torres e fortificacións, sempre á procura de novas rendas, sempre dispostos á rapiña e a cometer todo tipo de atrocidades contra os seus servos.
Crise económica, fame e morte, desenvolvemento do mundo urbano que reclama máis independencia e unha nova nobreza que ten aos campesiños asolagados con todo tipo de abusos conforman o caldo de cultivo das revoltas.
Na primeira metade do século XV hai levantamentos en Santiago, Ourense e Lugo contra os señoríos eclesiásticos das respectivas cidades. Rui Sánchez de Moscoso encabezaría aos cidadáns de Compostela contra o Arcebispado. Na cidade das burgas en 1419 a ira popular provoca que o propio bispo sexa arroxado ao río Miño. En Lugo temos a un personaxe feminino encabezando a revolta, trátase da mítica María Castaña, personaxe cuxa existencia real descoñecemos.
As guerras Irmandiñas teñen un primeiro episodio coa acción da Irmandade Fusquenlla, no ano 1431. A revolta iníciase na terra dos Andrade, na comarca do Eume e As Mariñas, e esténdese ata Lugo e Mondoñedo. Campesiños e cidadáns únense en Irmandade contra Nuno Freire de Andrade, encabezados por Roi Xordo. Nun primeiro momento poñen contra as cordas ao señor da casa de Andrade, máis a revolta fracasa debido ao apoio recibido por Nuno Freire do rei castelán e o arcebispo de Compostela. Roi Xordo, personaxe histórico de Galicia recordado pola súa valentía, sería forcado na represión que sucedeu ao levantamento.
O levantamento da Irmandade Fusquenlla foi só un aviso da grande Guerra Irmandiña, que tería lugar entre os anos 1467 e 1469. A guerra preparouse con xeito desde tempo antes. Os abusos da nobreza uniron a grupos sociais moi diversos. Nesta altura fórmase en Galicia unha gran Irmandade que abrangue a un gran número de homes a loitaren contra a nobreza. Moitos concellos como A Coruña, Lugo, Betanzos ou Ferrol apoian á Santa Irmandade Xeral, que se estende por galicia como unha grande rede dirixida por Pedro de Osorio, Alonso de Lanzós e Diego de Lemos, pertencentes á baixa nobreza.
Os Irmandiños apelan ao rei de Castela ao cal lle benficiaba a formación da irmandade para recuperar certo poder nun territorio que só dominaba nominalmente, pero que na práctica, estaba en mans dos señores laicos e eclesiásticos. A Irmandade carga contra as fortalezas, símbolos da opresión e tamén centro de operacións dos seus inimigos. Na guerra foron derrubados 130 castelos e fortalezas. Ante este éxito, os nobres que eran obxecto dos ataques teñen que exiliarse en Portugal e Castela.
Mais a vitoria foi efémera. As contradicións xurdidas no seo do bando irmandiño, debido as diferenzas substanciais entre os participantes da revolta, debilitaron aos vencedores. Os señores non tardarían en organizar o súa vinganza. Pedro Álvarez de Soutomaior, o mítico Pedro Madruga, organiza un exército en Portugal e fortemente armado toma Galicia desde o sur. O arcebispo Fonseca apoia desde dentro á nobreza laica, Juan Pimentel, herdeiro do condado de Lemos, entra en Galicia polo leste desde León. En pouco tempo recuperaron o poder e castigaron duramente aos Irmandiños, que se viñeron abaixo froito da súa división e da súa inferioridade en armamento e coñecementos militares perante a forza destes señores da guerra. O Mariscal Pardo de Cela encabezaría unha represión que enchería os carballos galegos dos corpos dos campesiños axustizados.
Para coñecermos mellor o movemento irmandiño temos un bo número de publicacións que desde un enfoque máis científico ou máis novelístico achégannos a aqueles sucesos que conmocionaron Galicia. Tamén temos a sorte de contar cunha fonte directa, as testemuñas de participantes nas revoltas recollidas no preito Tabeira-Fonseca. Aínda que ninguén recoñece explicitamente ter participado na guerra, os declarantes dan unha visión moi clara dos feitos. Velaí un exemplo:
«No pasado, cando a vida estaba aínda máis exposta que hoxe, un fato de homes axuntábanse ó redor doutro ó que, a cambio da súa protección, comprometíanselle a servilo durante a súa vida e as de tódolos homes que puidesen vivir despois. Así xurdiu a nobreza. O señor tomaba entre as súas as mans do vasalo, escoitaba o seu xuramento e dáballe un bico en sinal de aceptación. pero o señor concedíalle tamén ó vasalo terras que o mantivesen, regulamentáballe os días lle tiña que traballar, o tempo no que debía combater ás súas ordes, ou as obras de reparación da súa fortaleza. Ademais comprometíase a tratar con honorabilidade ao seu vasalo, a axudalo cando o necesitase e a procurar que se lle fixese xustiza. Esa axuda mutua foi a xustificación da existencia da nobreza. Desgraciadamente, isto non é o que acontece xa nos nosos días. O señor, sentíndose forte, fixo herdeiros dos seus dereitos aos seus descendentes, e o vasalo ficou atado para sempre por un xuramento feito polos seu remotos devanceiros. O señor converteu ó vasalo nun escravo cheo de obrigas, sen dereito ningún, sen ninguén que o defenda, abafado polo seu capricho. O antigo pacto deixou de ser cumprido por unha das partes. Non hai argumento legal que xustifique ou faga necesaria agora a existencia do sometemento ao señor» [8]
Na guerra son protagonistas dúas das figuras máis controvertidas do medievo galego: O Mariscal Pardo de Cela e Pedro Madruga. Ambos os dous participarían logo na resistencia contra da nobreza galega contra o control exercido polos reis católicos. Ambos fracasarían. Inaugurábase así unha nova etapa da nosa historia e da nosa cultura, como veremos nas vindeiras clases, xa na segunda metade do curso.
[2] M.C. PALLARES e E. PORTELA: Galícia na época medieval. Proxecto Galícia, Tomo II. Ed. Hércules, A Coruña, 1991. (p.236) Encabezamento dunha carta de Don Diego Xelmírez.
[3] ANSELMO LÓPEZ CARREIRA: O reino medieval de Galicia.Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2005 (363)
[4] M.C. PALLARES e E. PORTELA: Galícia na época medieval. Proxecto Galícia, Tomo II. Ed. Hércules, A Coruña, 1991. (p.247)
[5] Todas estas notas están recollidas da Guía del Peregrino Medieval, editada polo Centro de Estudios Camino de Santiago, en Sahagún, ano 1989. A tradución ao galego é propia. En xaneiro de 2010 ten previsto saír á luz a primeira edición en galego do códice.
[6] RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio sobre a cultura galega. [1932]. Ed. Galaxia, Vigo, 1982 (166)
[7] MANUEL CHAMOSO LAMAS: La catedral de Santiago de Compostela. Ed. Everest, León, 1976 (31)
[8] XOÁN BERNÁRDEZ VILAR: Un home de Vilameán. Anatomía da revolución Irmandiña. Xerais. Vigo. 1990
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.