4 mar 2010

13. A CULTURA POPULAR (I). LABREGOS E MARIÑEIROS



 Para coñecer a esencia cultural dun pobo é preciso ollar máis alá da súa cultura literaria e artística. A cultura popular é un acervo imprescindible dentro da historia de Galicia que cómpre coñecer, conservar e poñer en valor. 


A cultura material, formada polos os obxectos e restos inmobles legados polos labregos e mariñeiros galegos, forman unha parte imprescindible do noso patrimonio. Mais a cultura popular tamén inclúe o patrimonio inmaterial, formado polas tradicións ancestrais, as cantigas populares, os refráns, as ideas da vida, as mentalidades, as arelas e os recordos compartidos.

En Galicia temos desde fai un século, un grupo de importantes investigadores neste eido, de entre eles, temos que destacar a Xaquín Lorenzo, que sistematizou o patrimonio etnográfico galego desde os anos 20 do pasado século. Nesta clase, da man do grande mestre Lorenzo, e doutros senlleiros etnólogos, botaremos unha ollada a algúns dos innumerables aspectos do noso patrimonio etnolóxico: a casa, a familia,o mundo do mar , os carros, as festas, o traxe, as crenzas, as cantigas populares... 

“A etnografía ten por obxeto algo vivo, algo que está de cote a nacer, a se perfeccionar e a morrer. As manifestacións populares están constantemente a se producir e a dar por variación formas novas. É algo que pertesce ao pasado e ao presente, máis tamén ao porvir”.
Xaquín Lorenzo “Xocas”

AS XENTES DO CAMPO

A CASA
A casa no noso rural é moito máis que a estrutura arquitectónica que acubilla as persoas que viven nela. A casa de campo é o núcleo no que se ordena e estrutura a familia labrega galega. É imprescindible coñecer as súas formas, ordenación e os seus espacios anexos para coñecermos con claridade como é esa vida no campo tradicional que nestas últimas décadas estase a perder sen remedio. Ademais de ver a casa temos que coñecer como se estrutura a familia extensa, que é a característica do campo en Galicia. Debemos tamén botar unha ollada aos diferentes traballos do campo e a cultura material asociada. Por último, botaremos unha ollada aos rudimentos mentais, a idiosincrasia, á mentalidade dos homes e mulleres do campo.

Dentro da tipoloxía das casas do campo en Galicia hai moitas variacións. Evidentemente non é o mesmo a vivenda dunha familia do Courel, que a dunha familia da comarca da terra Chá ou da zona do Ribeiro, por poñer un exemplo. A estrutura da casa depende da economía, das especies agrícolas e gandeiras que se exploten nela. Tamén non todas as familias tiñan as mesmas condicións económicas, sendo moi diferente a vivenda dunha familia acomodada, que podía acadar un tamaño e cun nivel de confort moi superior ca dun dos chamados “bodegueiros”, que sería os labregos máis pobres.  Dito isto, debemos comprender que a seguinte descrición da casa tradicional galega é unha xeneralización suxeita a multitude de variantes que incluso poden chegar a contradicir o aquí exposto.

As casa tradicional de Galicia está construída con materias que se atopan dabondo na nosa xeografía. Pedra, xeralmente granito, aínda que tamén se emprega nalgunhas zonas o xisto, e madeira. As técnicas de traballo da pedra son o cachote, o perpiaño e a cantería. O cachote son pedras irregulares encaixadas unhas nas outras ata formar o muro. No perpiaño, úsanse pedras rectangulares asentadas en ringleiras máis ou menos rectas, e a cantería supón o traballo con bloque graníticos de maior tamaño. A mampostería nas casas galegas soe ser moi irregular.

A madeira úsase normalmente para construír  sobrado e a estrutura do tellado, que vai cuberto con tella feita de barro cocido ou por xisto naquelas comarcas nas que é doade de conseguir.

Temos en Galicia casa de planta baixa, casas cunha planta superior e a clásica casa de planta baixa que ten un faiado. Para acceder ao piso superior a escaleira pode ser interior, ou ben exterior, formándose así unha solaina e un balcón. Na planta baixa sitúase as cortes dos animais separadas por un muro da cociña. Na planta superior (ou no faiado) enriba da corte estaría a habitación de dormitorio e un sobrado para gardar diferentes utensilios. En moitas casas a zona de dormitorio era común para toda a familia. Dependendo da época e a condición económica da familia, poden aparecer os cuartos individuais.

A cociña é o centro da casa. Nela está situada a lareira, que ademais de lugar para cociñar e de elemento calefactor da casa, é o lugar de sociabilidade por excelencia da casa galega. En Galicia non só a familia se senta ao redor da lareira, tamén era moi habitual recibir visitas dos veciños. Malia esa sona que temos os galegos de que non gostamos de meter xente allea a nosa casa, a confianza da vida nas pequenas parroquias si que permitía esta costume.

A lareira é unha pedra grande onde se puña a leña para facer o lume que debía quentar o pote do caldo. Este quedaba pendurado do teito por unha cadea chamada gramalleira. Do teito tamén penduran algunhas estruturas para afumar os alimentos. É o caso do caínzo das castañas ou do “camballeiro”, onde se ataban os chourizos para se curaren.

Nos lugares onde non hai forno comunal, a cociña conta tamén cun pequeno forno para facer o pan, outro dos elementos básicos da dieta dos galegos.

Para coñecermos mellor o interior das casas a principio do século XX, temos escolmado un texto de Vicente Risco no que define con precisión unha vivenda do lugar de Sabariz, na comarca da Limia.

«Visitei por dentro, con vagar, outras dúas casas no lugar de Sabariz. Nunha entrábase por un corredor ou solaina. No sobrado había tres camas de ferro, armarios e arcas. No medio había unha mesa longa, sinxela, adornada con medias canas e molduras,e  a un e outro lado, ó longo, dous bancos de respaldo. Esta mesa con dous bancos case nunca falta na casa rural galega; soe ser a mesa de cerimonia, que se ocupa nas festas e solemnidades familiares, pois de ordinario é mais frecuente comer na cociña. A estrutura máis elemental da nosa casa aldeá está dividida en dúas partes: a un lado, a cociña, na que se dorme moitas veces, nas famosascamariñas ou en leitos máis rudimentarios; e a outra metade composta de andar e baixo, separados por divisións interiores: abaixo, a corte, e encima, o sobrado, que acaso se dedicase primitivamente a gardar roupa, froitos, apeiros de labranza, etc. (...) Parte do corredor descansa encol de soportes de pedra, e na parede tiña figuras e adornos feitos coa cal do encintado, cousa moi frecuente. Daba a un curral lindante cunha eira. (...)”[1]

A casa galega non só comprende a vivenda. Case sempre ten pegadas, ou ben separadas pero sempre preto, unha serie de construcións que teñen que ver coa labor que se desenvolve no campo. A máis coñecida de todas estas edificacións é o hórreo, que ten a función de almacenar o millo e poñelo a salvo da humidade do chan e dos roedores. Outros elementos son os palleiros, os alpendres, os pombais, os currais, adegas, lagares, os pozos...

A FAMILIA

As familias que moran nesas casas son as coñecidas como familias extensas. A casa é o núcleo que artella unha estrutura familiar á que o núcleo formado por pai, nai e fillo, adírense os irmáns dos cónxuxes, os sobriños, os pais, etc. Cando un labrego casa non ten porque marchar da casa, moitas veces fica coa súa esposa e os seus fillos na casa, onde o seu traballo e máis o da nova achegada sempre serán ben recibidos. Ela aporta unha dote polo matrimonio, en compensación por pasar a formar parte dunha nova familia, as dotes negócianse antes do matrimonio, e moitas veces inclúen algunhas leiras e animais, ademais do enxoval.

As casas non poden acoller indefinidamente a todos os fillos e esposas destes, así que o cabeza de familia soa trazar diferentes estratexias co fin de dar saída aos excedentes demográficos do fogar. Ás fillas hai que casalas, polo tanto débese prever unha dote para elas. As familias que poden, mandan estudar un fillo (o que semelle ter máis capacidade). Pasar da escola elemental pode supor para aquel rapaz optar a ter un oficio na vila ou ben ten unha posición acomodada se opta por facerse crego. A emigración, vista desde sempre como un drama, foi tamén unha decisión familiar. Non emigraba calquera fillo se lle petaba. Os pasaxes cara América eran moi caros e debían ser pagados pola economía familiar. O fillo que emigra (normalmente o que ten máis perspicacias e arela de aventura) non esquece a familia e envía un diñeiro que complementa a economía familiar. Os cartos enviados desde Ámerica e desde outros lugares da Emigración foron fundamentais para a subsistencia das familias durante décadas, e tamén para a modernización do agro galego desde os anos 60 do século XX.

O TRABALLO

Os traballos no campo son moi duros e variados. Dependendo da estación a intensidade pode ser maior ou menor. No campo traballan todos, homes mulleres e nenos desenvolven traballos físicos ao aire libre segundo as súas capacidades. A muller traballa a reo nas familias labregas galegas.

No campo e nas vilas de Galicia os homes e mulleres facían todo tipo de labores segundo a época do ano. Arar o campo, sementar, facer a recolleita, tratar as materias primas, coidar do gando, apañar recursos dos montes comúns... A economía da casa depende de moitos factores, como apuntabamos con anterioridade ao referirnos á familia extensa. As feiras tórnanse en lugares fundamentais para o intercambio de bens, xa que boa parte dos labregos non producen só para a subsistencia senón que teñen excedentes que colocar no mercado.

Sen embargo, no medio rural galego tamén hai oficios especializados, xente con habilidades especiais que ofrecen os seus servizos para aquelas labouras para as que a maioría da xente non está cualificada. Moitos dos que exercen estas profesións compaxinan estes traballos co traballo no campo, e exercen nos tempos libres que o ano agrícola lles deixa libre. Velaquí unha lista cos oficios máis habituais, estudiados, como non, por Xaquín Lorenzo no seu libro “Os oficios”: Serranchíns, carpinteiros, peneireiros (pendura a madeira e outros materiais coas súas ferramentas) , cesteiros, carboeiros, pedreiros, canteiros, albaneis, oleiros, telleiros, caleiros, ferreiros, ferradores, latoeiros, ourives, zarralleiros (arranxa potas e outros obxectos, traballa de xeito ambulante), cantorleiros (como o anterior, pero este arranxa cousas de barro), mineiros, curtidores ou coireiros, zapateiros, albardeiros (traballan co coiro, facendo sillas de montar, entre outros obxectos), afiadores, paragüeiros, muiñeiros e foloeiros (donos dun folón para tecer liño), forneiros, chocolateiros, redeiras, veleiros, xastres e costureiras, palilleiras, mazadeiras, fiandeiras e tecelás, leiteiras, rianxeiras (levan produtos frescos da horta ou do mar á cidade ou vila próxima) e lavandeiras, castañeiras, criadas e demandadeiras, xornaleiros, seitureiros, sacristáns e sepultureiros, fogueteiros, feirantes...

Un dos traballos do campo do que temos máis referencia histórica, e que desapareceu hai décadas, e a tradicional malla do centeo, labor que consiste en atizar cun pau as espigas do centeo para lle botar fora o gran. Un dos traballos máis fermosos por realizarse de xeito colectivo. Esta labor foi descrita nun fermosísimo artigo por Xaquín Lorenzo, o etnólogo de referencia de Galicia. No mes de xullo, cando o cereal está a punto procédese á seitura. O centeo átase en feixes e amoréase na eira ata que teña lugar a malla, que é o proceso que se fai en comunidade e sempre sen contrato e compensación económica de ningún tipo:

«Todo nela [na malla] é gratuíto, mais o que fai a malla dá de xantar aos traballadores, xantar no que procuran se lociren as mulleres da casa e as veciñas que as axudan, xa que o xantar da malla non é soio un xantar entre traballadores senon, por riba de todo, un xantar de festa. Pola súa parte, irá á súa vez na axuda dos seus colaboradores do mesmo xeito cando lle chegue o intre»[2]

A labor consiste en espallar o centeo na eira, que sempre ten que ter un chan duro, de pedra ou de terra ben pisada. As espigas fican cara o medio da eira. Os homes, que levan unhas ferramentas chamadas mallos, colócanse en dúas ringleiras, uns da fronte dos outros, van batendo no cereal, ata que se desprende o gran da espiga. Os malladores van perfectamente coordinados, golpeando por quendas sen se molestaren uns aos outros. O son que fan os golpes do mallo contra o centeo chámase bourear. Os labregos dos dous lados compiten por ver quen bourea máis forte, feito que ten que ver máis coa sincronización que coa pura forza. En tempos os gañadores levaban un premio, o que se chama gañar a aña.

Cando remata a malla, é a quenda das mulleres e dos rapaces, que fan a recollida. Recollen a palla e a sacoden para limpar o gran. O cereal gárdase en sacos e é levado para a casa, onde se ira aproveitando todo o ano para facer o pan de centeo, tan característico da dieta dos galegos.

 Coa palla xa sen o gran, os homes fai feixes, pois aquilo aínda ten proveito. Os feixes máis duros e grandes valen para cubrir os teitos do palleiro e doutras construcións, e tamén para as cadras do gando. Outros feixes que se fan coa parte máis branda dos restos da malla serve tamén para alimentar aos animais; por último, os feixes que fan coas últimas pallas que quedan, as máis cativas ,chamados raposas, serven para mesturar coa semente no momento da sementeira. Estes últimos feixes, non que se mesturan pequenas palliñas con algún gran non apañado, ten, ademais da súa función práctica, un valor simbólico tradicional ao que Lorenzo chama “o espírito do grau”. Un espírito en forma de lobo ou raposo que se vai escondendo ata que o último resto é apañado, xusto nese feixe chamado raposa.

«Na nosa comarca, o espírito do grau vai fuxindo dos homes, tanto na sega como na malla, refuxiándose no derradeiro recanto da eira. Elí é aprisioado e gardado coidadosamente, xa que níl reside o poder xerminativo e íl fara frutificar a próisima colleita»[3]

«O raposo da Morraza
velahí vai por entre o millo;
ela dí que nono come,
pero vaino chacudindo»

CULTURA MATERIAL DO CAMPO

Para facer todos os traballos do campo,os homes e mulleres contan cunha serie de ferramentas e utensilios. Como quedou dito noutra case, a modernización tardou moito en chegar as vidas dos nosos labregos, sendo os seus apeiros moi rudimentarios. Como paradigma temos o caso do arado romano, que subsistiu séculos ata que foi substituído polo arado de vertedeira, que ofrece un rendemento moito maior.

O arado e o carro son os instrumentos fundamentais no traballo do campo, ademais de ser os que máis e mellor investigaron os especialistas na cultura material dos labregos galegos. Xaquín Lorenzo gaba a importancia do carro na nosa terra e déixanos outro dos seus fundamentais estudios:

«Tan imprescindibel coma os piñeiros e coma o ceo nubrado, é o carro na paisaxe da Galiza. O seu canto é o compremento invitable do marmurio do ár antre os arbres e o bruido das ondas na beira mar.
É algo tan fondamente noso que sendo unha creación do home, axuda a natureza a forzar a ialma dos nosos irmáns do campo.
A su marcha vigorosa e segura fai na mente campesiña o mesmo efecto que a nosa paisaxe arisca, que os nosos ríos de augas craras e que os nosos piñeiros sempre verdes.

O que conduz un carro síntese empuxado por íl sempre cara diante, de un xeito lento e seguro, na conquista da súa terra. O carro ensínalle os camiños do mundo e móstralle a maneira de ir por iles pouco a pouco, señan bós ou ruins, con constancia e sin vacilacións.
O carro é unha parte integrante do vivir aldeán; non falla en ningún fogar campesiño, por probe que iste seña. Toda a Galiza está chea de carros que percorren os seus camiños,axudando ao labrego na loita cotidián coa vida.
É o carro algo que o campesiño olla como moi seu. As vacas e o carro forman, por decilo así, parte da súa familia. É algo máis que un instrumento de traballo: é tamén o orgulo do seu propietario»[4]

Un eixo ben feito é a base dun bo carro, que ten que durar anos sendo usado a cotío. Mais a peza que ten un valor simbólico especial é o xugo. Temos en Galicia dous tipos de xugo, o de mulida que vai atado aos cornos da besta por medio dunha correa, e os de canga, que son os que descansan no pescozo dos bois. A peculiaridade do xugo é que vai decorado a través das tallas que se fan na madeira (e rara vez a través da policromía), o que produce que non haxa dos carros iguais e que todos teñan a súa propia fasquía. Como acontece en tantos ámbitos na nosa terra, a decoración dos carros tamén ten un cariz simbólico, que co paso do tempo foise perdendo pero que antigamente (lembremos que o carro é un obxecto milenario) de seguro que foi importante:

«Outras veces, a decoración de algúns xugos obedez á necesidade de preservar o gado das influencias malignas dos nemigos que o labrego tén no mais alá, como o tardo, o demo, etc., e de outros que pertescendo ao mundo dos mortales, aproveitan certas forzas superiores de que se atopan investidos, pra lle causar mal, coma as bruxas e os botadores de mal de ollo» [5]

A decoración do xugo é moi variada. Predominan os motivos xeométricos, con zigzag, curvas e liñas rectas, e tamén os figurativos case sempre con representacións vexetais. Aparecen con menos frecuencia motivos simbólicos como estrelas de cinco ou seis puntas e cruces.

Algunhas iconas das que aparecen nos carros son ancestrais, e veñen repetíndose na iconografía da arte popular galega desde a prehistoria. Na nosa terra podemos atopar o mesmo símbolo nun petroglifo, nun castro, nunha igrexa medieval ou nun carro de principios do século XX.

IDENTIDADE

Na forma de ser e de se comportar destes homes e mulleres do campo, recóllese en certa medida a identidade dos galegos. En moitos aspectos, aínda tendo en conta todo o proceso modernizador do país no último medio século, esta forma de ser dos galegos, aínda que inzada de tópicos que moitas veces non se axustan a realidade, mantense en moitos aspectos da nosa vida moderna en pleno século XXI.

Un deses aspectos é a falta de rotundidade nas respostas. “Pode ser”, “polo si ou polo non”, “se cadra”, “nunca se sabe” “malo será”, “que queres que che diga”, “ti xa ves”, “quen sabe”, etc. son expresións moi habituais que en certa medida veñen a confirmar que algo de certo hai nese tópico. Será por isto que existe o dito de “cando un se atopa un galego na escaleira, non sabe se sube ou sei baixa”? Pode se; en todo caso o galego sempre sabe se está a subir o baixar, pero se cadra non quere que o outro o saiba. Detrás disto está a famosa retranca, presente no carácter dos galegos, unha habilidade especial para esconder as respostar e dicir o que ninguén espera, ocultando a verdadeira intención ou o que se quere dicir.

É posible que detrás do tópico que di que o galegos sonche algo mirados para o diñeiro estea a economía precaria que tanto no mar coma no campo foi moi habitual. Reveses tales como a mala colleita, unha enfermidade prolongada, unha mala decisión económica, un matrimonio mal planificado ou un fillo emigrado que non envía cartos, podían causar estragos nas febles economías da maioría das familias. Por iso non é estraño que en Galicia se diga “Amigos si, pero a vaquiña polo que vale”.

O galego está xeralmente moi vencellado ao lugar de nacemento, a aldea, a parroquia, e tamén a familia. Non é estraño que na nosa terra pregunten “ de que casa es?” ou, “ti de quen ves sendo?” no lugar de preguntar directamente polo nome.

Son formas de ser que moitos galegos compartimos e que tamén forman parte da nosa bagaxe cultural, e que nun ca deben dar lugar á utilización do termo “galego” en sentido pexorativo, como tristemente segue a ocorrer. Pois como expresou Pondal no noso himno:

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mais só os ignorantes
e féridos e duros,
imbéciles escuros,
non os entenden, non.”

OS HOMES E MULLERES DO MAR

Sendo Galicia un país con 1200 Km. de costa, é natural que ao longo da historia foran moitos os homes e mulleres que se aproveitaran dos bens que delas se poden acadar. Porén, ata ben entrado o século XX o mar non foi obxecto desta explotación tan intensiva ao que é sometido na actualidade. De feito, o traballo mariñeiro quedou relegado para a xente que non tiña terras que traballar, devido ao sacrificio que esixiu (e esixe) e a escasa rendibilidade do traballo.

Desde a prehistoria as nosas costas son explotadas con diferente intensidade. Os castrexos mariscaban a carón dos seus castros, e seguramente as sociedades prehistóricas anteriores tamén o fixeron. De todos os xeitos debemos concluír que o marisqueo non foi unha parte importante da economía das diferentes sociedades que habitaron Galicia ata fai apenas unhas décadas.

A pesca foi unha actividade económica marxinal e moi rudimentaria ata o século XVI, cando se introduce a técnica do “cerco real” e se multiplica a actividade pesqueira, baseada na captura da sardiña, principalmente nas rías de Pontevedra e Muros-Noia. O “cerco real” esixe a colaboración de moitos mariñeiros e varias embarcacións. Cada un aporta o seu quiñón de rede, e despois se levará a súa parte proporcional das capturas. As sardiñas daquela entraban formando grandes bancos nas rías, cunha enorme rede e a colaboración humana entres os nosos mariñeiros eran cercadas e arrastradas a orela, de onde eran tiradas do mar con pas e outros utensilios.

No século XVIII a entrada dos fomentadores cataláns vai marcar unha nova etapa na explotación das nosas costas. Introducen un modelo novo de pesca. Novos aparellos como as xávegas. Novas técnicas de salgado, que inclúen o prensado das sardiñas. E novas formas de organización industrial, que levan aos homes e mulleres do mar de Galicia a ser traballadores asalariados das novas compañías que fundan, pasando a depender deles á hora de traballar o mar:

«A prosperidade que durante dous séculos tiveron os cataláns nas nosas costas baseouse, en boa medida, na pesca coa xávega, na conversión dos mariñeiros en asalariados coas lanchas xeiteiras, na explotación do traballo feminino nos almacéns , nas tramas de exportación cara o Mediterráneo e neste tratamento da sardiña [novas técnicas de salgado e prensado]»[6]

Aínda que non sexa materia relacionada coa clase de hoxe, temos que dicir que as autoridades políticas castelás favoreceron os intereses destes colonizadores económicos de Cataluña fronte aos mariñeiros galegos, que ficaron en condicións de inferioridade e sen capacidade de competir con estes empresarios vidos de fora. O propio José Cornide denunciou esta situación no mesmo século XVIII.

O século XIX tamén trouxo novidades no mundo do mar, como a conserva e o barco de vapor; cara finais de século o porto de Vigo comezou a medrar  moitísimo ao carón das novidades tecnolóxicas. O salto cara a moderna explotación pesqueira comezaba e sería imparable no século XX (buques movidos por motores de gasóleo e grandes conxeladores), ata se converter nun sector punteiro da economía en Galicia. Precisamente cando a pesca tradicional comeza a esmorecer, é cando os pioneiros etnógrafos galegos recollen e salvan todo o patrimonio etnolóxico ligado ao mar.

No mundo do mar a diferencia de roles dependendo do sexo é moi marcada. O mar é o ámbito masculino e a terra o feminino. O home non manda en terra, lugar no que a muller é a encargada da casa e da economía familiar.

A casa dos mariñeiros e ben diferente á casa dos labregos. A familia non está, nin moito menos, tan apegada á casa. “O mariñeiro non é de ningunha casa”, as súas vivendas soen ser precarias. Normalmente están pegadas unhas as outras compartindo os muros que as separan, formando rúas. Nas vilas e parroquias mariñeiras o urbanismo é moi diferente ao do campo, nelas existe unha trama urbana case sempre moi irregular. Un exemplo deste modo de vida son as casas de remo da Coruña, chamadas así porque tiñan o ancho dun remo de traineira.

As familias mariñeiras son tamén moi diferentes ás labregas. No mar a familia dominante é a nuclear, composta por pai, nai e fillos pequenos. Cando un fillo casa (xeralmente moi novos e nunha humilde cerimonia), vaise da casa e forma o seu novo fogar. Nas vilas mariñeiras funciona aquela máxima que di “o casado casa quere”.  Estas familias que se forman sendo novos os homes e mulleres que casan soen ter moitos fillos, feito que é visto de forma positiva, xa que non custa moito mantelos e xa desde novos poden aportar beneficios económicos á casa, xa que desde os doce anos están en condicións de traballar.

Despois dunha curta nenez de xogos e andanzas pola vila (vida de rúa), e de pouca escola, os rapaces prepáranse para seguir a tradición familiar e facerse mariñeiros. É habitual nalgúns portos, que o rapaz durma no barco para coidar del. Ademais axiña comezan a embarcarse e facer de aprendices nas naves. Ademais de aprender a pescar, aos rapaces tócalle facer moitos máis traballos que ao resto, como limpar e ter a punto a embarcación e facer moitos recados. Unha vez que o rapaz supera esta fase de preparación, pasa a ser considerado un mariñeiro máis, cobrando xa o quiñón completo.

No mundo do mar, a sociedade funciona de xeito gremial, sendo a confraría a que asume o control da actividade mariñeira. Os rapaces son os aprendices, que ao madurar se converten en mariñeiros (en Muros chamábase proel ao mariñeiro que ía xunto ao patrón nas dornas), categoría que se corresponde ca de oficial. Os patróns serían os mestres. Acadar a condición de patrón non era doado. A través dunha herdanza ou de moita pericia na mar un home podía chegar a aforrar os cartos suficientes para comandar a súa propia embarcación. Ao patrón supónselle unha serie de coñecemento e dotes de mando fundamentais para desenvolverse no perigoso e incerto medio mariño. Ten que chegar a salvo ao peirao, pero tamén ten que coñecer as mellores zonas e tempos para ir ao peixe.

A muller manda na terra. Encárgase da casa e dos fillos. En moitos portos foron elas as encargadas de recoller o peixe que o home trae e o vendelo. Elas manexan a economía familiar agás nas operacións máis importantes, como a compra da casa ou do barco. Coa chegada dos fomentadores cataláns moitas mulleres tamén traballaron nos almacéns de transformación do produto, para achegar un salario que compensase o escasa remuneración dos homes. Outro traballo vencellado as mulleres foi o arranxo de aparellos. Unha estampa moi popular dos peiraos galegos é o das redeiras sentadas no chan desfacendo os nós e cosendo as redes.

En Galicia temos unha gran variedade de embarcacións tradicionais, froito tamén do múltiple perfil que ofrece o noso litoral. Desde as máis pequenas ata os grandes buques temos toda unha gama dependendo do tipo de peixe e tamén das condicións do mar: as máis pequenas poderían ser tripuladas por un só mariñeiro, como as chalanas. A partir dese tamaño temos as gamelas, os botes, as dornas, os racús, os barcos de cerco, os palangreiros, as bacas, os bous e parellas, as traineiras e as grandes embarcacións modernas. Entre os nosos mariñeiros, sobre todo nas rías, predominou o tipo de embarcación pequena, cumpríndose en certa medida este dito popular  “Vale máis patrón dunha chalana ca mariñeiro dun navio”.

Os aparellos tradicionais usados para ir a marear forman un conxunto imprescindible dentro da cultura material relacionada cos traballos no mar. Xa o dí o refrán: “Ao mar non se vai sen cesto”.  Dentro dos aparellos que serven para tirar o peixe do mar, hai que distinguir as redes das liñas, que son simplemente fíos cun anzol atado. Entre estas últimas temos as liñas propiamente ditas, os liñós, e os angarellos. Complicando un pouco a estrutura teriamos o palangre. OS tipos de rede son máis complexos, existindo as de fondo, as de superficie e as de arrastre. Xa falamos con anterioridade do “cerco real”, sistema que foi prohibido por esquilmar as rías. Unha rede de especial importancia foi a xávega, introducida polos cataláns no século XVIII. Outras das máis populares foron as volantas, as betas, o xeito, a traíña e o tramallo.  Moi importante ata na actualidade son as nasas, todo o que se saca do mar con elas, desde polbos a pateiros, non é considerado marisqueo, senón pesca.

As especies pescadas son máis ou menos as que atopamos hoxe en día nas nosas lonxas de baixura. Temos que destacar a importancia histórica da sardiña, debido a ser un peixe susceptible de ser conservado con certa facilidade, ademais de moi abondoso en tempos nas nosas rías e sinxelo de pescar. O marisco, ata fai unhas décadas, foi un produto de moi escasa saída comercial.

O marisqueo era un traballo que facían as mulleres para complementar a economía familiar, agás certos traballos máis arriscados como o percebe. Os aparellos utilizados para retirar os moluscos das rías son moi semellantes aos que se usaban no traballo do campo, sendo seguramente derivados destes. Outra labor que tiña lugar nas praias e rías era o apaño do argazo, que se usaba no campo para fertilizar a terra, corrixindo a escaseza endémica de cal dos nosos chans.

Sería moi extenso pararnos agora a definir unha por unha todas estas embarcacións e os aparellos, pero podemos deternos e botar unha ollada a unha das máis características que se deron en Galicia: a Dorna. No ano 1934 Xaquín Lorenzo publica na revista Nós un estudio fermosísimo sobre as dornas de Porto do Son. Neste texto podemos albiscar a grandeza dos propósitos que alumearon a actividade vital do gran “Xocas”:

«O momento é crítico: a punto de desaparecer unha chea de costumes i embarcacións típicas, aixiña non serán mais que unha lembranza na mente dos vellos mariñáns, que nas mañáns soleadas do inverno contarán aos netos as súas andanzas naquelas embarcacións en que ollaban a morte cara a cara tantas vegadas.
A dorna (o xeito, a traiña) van chegando ao remate da súa vida. Vense despplazadas pol-os motores de explosión e o seu campo de acción vaise limitando.
Non é de lamentar a sua perda, sempre que esta siñifique un progreso, mais coidamos que istes documentos populares deben ser coidadosamente estudiados: teñamos en conta que ilas forxaron a alma arriscada e valente dos nosos mariñáns»[7]

Lorenzo tamén nos fala da organización de traballo dentro da embarcación, ademais de describir con absoluta precisión todo os compoñentes, materiais e formas de construción da emblemática embarcación:

«A dorna siñifica o paso da pesca familiar ao cooperativismo; é propiedade de unha sola familia, mais pra tripulala precísanse tres homes e un rapaz; non sendo fácil atopalos n-unha mesma familia unicamente, os propietarios facilitan a embarcación pra que outros tres o acompañen; chegada a hora de repartir o produto da pesca, tanto perciben uns coma outros, non tendo o propietario outra ventaxa que a de tripulal-o barco en calidade de patrón.

Así pois, a dorna resolve o problema aos pescantíns probes, que de outro xeito non poderían adicarse á pesca de mar adentro con certa intensidade»[8]

Resumimos a descrición polo miúdo que fai Xaquín Lorenzo da construción e deseño da embarcación.A dorna é unha embarcación dun tamaño medio, normalmente para catro mariñeiros. Está feita de madeira de piñeiro, agás a quilla, que é de sobreira ou de carballo. Ten en torno aos 5 metros de eslora. Ten unha quilla pronunciada e a popa erguida. Ten unha sola vela central pendurada dun mastro que vai enganchado no carro, un invento que permite inclinar ou erguer o mastro á vontade. A vela é cadrada e de dimensións variables dependendo de onde traballe o barco e do tamaño do mesmo.A dorna tamén leva seis remos para os días de pouco vento.

Lorenzo fálanos doutros detalles relacionados coa pesca en dorna, e tamén cóntanos como é a dura xornada no mar:

«Unha dorna grande, con todol-os seus aparellos custa arredor de 1.000 peseras, sendo peuqena, 100 pesos.
Cando un pescador adquire unha dorna, nova ou non; o primeiro que fai é mandala benzoar; logo, precura os tres compañeiros que lle fallan e lánzase a mar.»

A xornada no mar na dorna pode durar dous días. Os mariñeiros saen de madrugada unha vez que preparan a embarcación para saír ao mar. Durante o tempo de traballo teñen que comer. Lorenzo explícanos que aqueles mariñeiros de Porto do Son que el estudou preparaban unha caldeirada a bordo, con auga de mar e algúns peixes que ían collendo. Soben a bordo pan, pemento e patacas, tamén unha botella de caña e un barril de auga. Os mariñeiros vestían xa daquela un traxe especial para a auga, que confeccionaban na mesma vila. En inverno levaban chaquetón de pana. Os máis acomodados podían permitirse mercar unhas botas de auga.

«Ao sair do Porto do Són e pasar enfrente da capela da Atalaia, na beira do pobo, rezan os pescadores unha salve á Virxe; e anque algún non a rece por fora, como diría o noso informador, rézaa por dentro»[9]

Os patróns das dornas coñecen perfectamente o contorno no que traballan, e por onde soen estar os mellor bancos para pescar. Unha vez chegan ao punto elixido comezan a traballar. O peixe bótase no cubichete, e vaise mollando para que non se estrague . As mellores horas para a pesca son o amencer e o solpor. Ao medio día e pola noite comen a xa citada caldeirada de peixe, e tamén fan quendas para descansar.

Os mariñeiros están sempre alerta ante as posibles circunstancias adversas que no mar sempre poden xurdir. É o caso das avarías como a rotura do temón, do mastro ou a quilla. Ante o naufraxio cómpre non perder a calma. Antes de existiren os medios modernos de salvamento, o que facían os mariñeiros era axitar unha camisa ou trapa e agardar a que outra embarcación os vira e acudira ao rescate. Nesta altura (anos 30 do século XX), en Porto do Son, cando no porto notábase a falta dalgunha embarcación, saían na súa procura nun barco de motor.

Os elementos para facilitar a navegación eran moi sinxelos. Unha luz branca para deixarse ver na noite. Unha corna para avisar da presencia da nave os días de brétema e un libriño de notas que levaba o patrón, chamado “derroteiro”.

Onde hai diferencias entre portos é no reparto do beneficio e no modo de vender o peixe. Moitas veces se vendía a bordo e se repartían os beneficios entre os homes que foran a mar. Noutros lados, como xa comentaramos con anterioridade, son as mulleres as que recollen o peixe e véndeno cada unha pola súa conta.

«Aquí tendes a vida monótona e chea de resgos dos mariñeiros de Porto do són, vida da  que iles están contentos deica non admitiren comparanza coa dos galegos de terra adentro.
A incertidume da súa vida, sempre por riba das augas traidoras dá a istes homes un espírito xeneroso e un amplio concepto da vida e das súas pasións.
O mar é para iles berce e tumba e n-il transcurre a súa vida toda»[10]

Moito se ten falado sobre o sistema de herdanza nas familias mariñeiras. Houbo xente que viu nel un modo de transmisións de bens matrilineal, e dicir, que os bens se herdaban de nais a fillas. Isto non é de todo certo. Neste tipo de familia nuclear existe unha tendencia a mellorar a un fillo ou a unha filla (xeralmente á filla menor) pola razón de que os maiores van abandonando a casa e deixan de aportar beneficios, sendo a última filla a que soe coidar dos pais cando son vellos e quedar coa casa cando estes morren. Mais o barco, lembremos que era o ben máis prezado da familia por riba da casa (moitas veces ben modesta), pasaba sempre a un fillo antes que a un xenro. Por outro lado, nas familias mariñeiras as dotes das mulleres non eran tan importantes como no campo.

O sistema de crenzas dos mariñeiros e das mulleres dos mariñeiros é diferente ao dos labregos. A mentalidade dun labrego e dun mariñeiro son moi diferentes, case incompatibles, como demostra o feitos de foran moi poucos os matrimonios que se facían entre homes e mulleres procedentes destes dous ámbitos.

O mariñeiro é, por natureza individualista, ten que mirar polo seu. Vive unha vida incerta, tanto no económico  como na súa propia saúde. cada vez que sae ao mar non sabe se vai volver coa súa familia. Así temos no refraneiro expresións como “no mar cada quen que se zafe”, “no mar cada quen para si”, ou “no mar non hai amigos”.

Nas sociedades mariñeiras o segredo, o engano e a mentira máis ou menos directa forma parte dun “xogo” no que as diferentes embarcacións loitan por encontrar os mellores lugares para pescar. Esta competición e individualismo as veces chega ata o propio barco, cando cada un se leva o que pescou individualmente. Porén, hai dous aspectos nos que os mariñeiros amósanse sempre solidarios, no caso de naufraxio, na axuda aos outros mariñeiros, e tamén na defensa dos dereitos do seu porto fronte outros portos xeralmente o do lado. Na nosa terra son moi coñecidas as disputas e liortas entre mariñeiros dunha determinada vila co pobo veciño.

A xente do mar sempre mirou con desprezo aos labregos, debido á súa diferente idiosincrasia. Un gran muro mental os separa. O mariñeiro non aforra. A casa para iles é algo secundario. Planifica moi a curto prazo e improvisa moito máis. Cando un pescador o fai mal, pode ser obxecto de expresións como “deixa iso, labrador!” por parte dos demais. Cando alguén con sona de non ser un bo mariñeiro, ten sorte e pesca moito, díselle “está o mar para labregos!”.

Dentro do ámbito de sociabilidade dos mariñeiros existe moita  endogamia. Os homes e mulleres de familias de mariñeiros casan entre eles, case sempre con xente do mesmo porto, e moitas veces cos veciños de toda a vida ou con aqueles rapaces e rapazas cos que xogaban na rúa sendo nenos. Neste sentido forman un mundo bastante pechado.

Nas vilas mariñeiras tradicionais e nas familias que moran nelas existe un complexo mundo simbólico, cheo de rituais. Algúns destes teñen que ver coa mala sorte e con toda unha serie de prácticas para evitala. Cando non hai pesca, non hai ingresos, e entón hai que recorrer a algunhas prácticas (supersticiosas) para poñerlle remedio. Allos e ramas de loureiro son habituais a bordo como elementos naturais que levan asociados a boa sorte. Na illa de Ons era habitual varar o barco e darlle unha malleira cunha xesta para espantar o meigallo. Moitas veces a tripulación e o patrón tamén eran sacudidos,pois moitas veces non se sabía quen era o gafe.

Cando se botaba un barco novo ao mar, unha rapaza virxe tiña que mexar por riba del, a xeito de bendición pagá. Se ese barco era atrapado pola mala sorte, inmediatamente a honestidade da moza pasaba a estar en entredito. Hai palabras qu non se podian decir a bordo: “crego”, “raposo”, “cobra”, “lagarto”ou “corvo”, porque daban mala sorte. A hora de citar ao crego, dicíase “o xa me entendes”. Por suposto ninguén podía subir a bordo con paraugas nin con naipes. Nos barcos fálase pouco, a xente lareta está moi mal vista.  Tampouco se debe asubiar.

Temos que darlle o valor que precisan ás tradicións populares relixiosas ligadas ao mar. Temos en Galicia santuarios fermosísimos a carón do mar, como Nosa Señora da Barca en Muxía, onde hai que abalar a pedra, ou San Andrés de Teixido, onde vai de morto que non foi de vivo. O culto a Virxe do Carme, padroa dos mariñeiros, déixanos cada 16 de xullo, desde fai séculos, as romarías mariñas en case todos os portos galegos. A intercesión do Carme como garda e protectora da xente do mar non se discute nin polo máis agnóstico dos mariñeiros galegos. Ademais do Carme, hai moitas tradicións relixiosas locais, que por cuestións de espazo non podemos agora citar, como o rezo que facían os mariñeiros de Porto do Son, ou como revirar una tella da capela de San Alberte, que se fai en Aguiño cando a pesca non é boa.[11]


[1] VICENTE RISCO: Unha parroquia galega nos anos 1920-1925; En Alicerces, nº 4. Museo do Pobo galego, Compostela, 1993 (10) 
[2] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (154) [Artigo orixinal: O espírito da més en Lobeira, Cuadernos de estudios gallegos IEGPS, XXVIII, 1973]
[3] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (159) [Artigo orixinal: O espírito da més en Lobeira, Cuadernos de estudios gallegos IEGPS, XXVIII, 1973]
[4] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (83)  [Artigo orixinal:A Arte popular nos xugos de Galicia: Trabalhos de Antropologia e etnologia volume VII, Porto 1935]
[5] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (85)  [Artigo orixinal:A Arte popular nos xugos de Galicia: Trabalhos de Antropologia e etnologia volume VII, Porto 1935]
[6] FRANCISCO CALO LOURIDO, en VVAA: Arte e Cultura de Galicia e norte de Portugal. Etnografía (tomo I) Ed. Nova Galicia, Vigo, 2006 (68)
[7] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (69) [Artigo orixinal publicado en Nós nº 126-127 (1934)]

[8] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (69) [Artigo orixinal publicado en Nós nº 126-127 (1934)]
[9] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (80) [Artigo orixinal publicado en Nós nº 126-127 (1934)]

[10] XAQUÍN LORENZO: De Varia Etnográfica. (Textos compilados por Carlos García Martínez. ) Biblioteca Gallega, A Coruña, 2004 (82) [Artigo orixinal publicado en Nós nº 126-127 (1934)]

[11] Os refráns escolmados neste texto sobre os mariñeiros galegos, así como moita outra información na que se basea este artigo, foron recollidas da obras: FRANCISCO CALO LOURIDO, en VVAA: Arte e Cultura de Galicia e norte de Portugal. Etnografía (tomo I) Ed. Nova Galicia, Vigo, 2006

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.