9. A GALICIA DO ANTIGO RÉXIME. LUCES E SOMBRAS DA NOSA CULTURA
Coa chegada ao trono no ano 1480 de Sabela e Fernando, os reis católicos, prodúcese unha ruptura moi importante coa etapa histórica anterior. De feito damos comezo á Idade Moderna, que abrangue desde esta data citada con anterioridade ata o século XIX.
pazo de Fonseca
A sociedade galega e máis a súa cultura van padecer diferentes procesos que nesta clase titulamos como luces e sombras. Nos aspectos que poderiamos incluír como negativos temos a perda de poder político debido ao imparable proceso centralizador da coroa española. A lingua galega tamén vai sofrer un retroceso moi importante, ficando fora dos espazos de poder e sendo utilizada só no ámbito oral. No eido literario o galego desaparece na práctica durante máis de trescentos anos, nesta época coñecida como “séculos escuros”.
Mais, con todo, a cultura galega non desaparece. Durante eses séculos escuros a lingua sobreviviu no pobo, nas cantigas e coplas populares, nas historias contadas ao carón do lume da lareira, transmitindo os contos, as lendas, as tradicións, as ledicias e as tristuras, as arelas e a idiosincrasia das xentes deste pais. Ademais o Humanismo e o Renacemento, como movementos culturais e artísticos que se estenden por todo o occidente europeo, tamén tiveron a súa influencia, aínda que de un xeito feble e serodio, en Galicia. Será unha cultura culta en contraposición á cultura popular citada con anterioridade. Outra vez a Igrexa, con Compostela e co poder renacido dos mosteiros, sería a gran protectora e produtora de cultura.
A DOMA E CASTRACIÓN DO REINO E O NOVO ORDEAMENTO NO REINO
A expresión “doma e castración” foi rescatada por Castelao (a expresión é propia de Jerónimo Zurita, contemporáneo ao reis católicos) para definir o proceso político mediante o cal a nova monarquía española, encarnada no matrimonio dos herdeiros da coroa de Castela e de Aragón, Sabela e Fernando, vai impor unha nova orde política a través dunha serie de reformas no vello reino de Galicia.
«De Ponferrada se fueron el Rey y la Reina en romería a visitar la iglesia y sepulcro del bienaventurado Apóstol Santiago [...]`en aquel tiempo se comenzo a domar aquella tierra de galicia, porque no sólo los señores y caballeros della, pero todas la gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros y [...] se fueron allanando y reducuiendo a las leyes de juscticia con rigor del castigo» (Jerónimo Zurita)[1]
Evidentemente, a utilización de tales termos para se referir a este proceso histórico ten que ver coas negativas consecuencias que tiveron para o noso territorio, desde o punto de vista da intelectualidade galeguista, os feitos que imos relatar a continuación.
Para entender este proceso debemos remontarnos ao final das guerras Irmandiñas. Recordamos como a alta nobreza alíase e derrota á gran Irmandade grazas ao seu irado contraataque, co que conseguen reocupar as súas fortalezas e recuperar os seus dominios. O mariscal Pardo de Cela instáballe entón, ao conde de Lemos, a encher os carballos cos corpos pendurados dos rebeldes. O de Lemos respondeulle que non se ía manter de carballos, polo que en vez de colgar aos rebeldes, obrigoulles a recompoñer todas aquelas torres que derrubaran. A nobreza resultaba triunfadora de novo e, en aparencia, as cousas volvían a ser como antes. Isto foi así durante pouco tempo.
Pardo de Cela e Pedro Álvarez de Soutomaior (tamén coñecido como Pedro Madruga) serían os bastións da resistencia (non moi forte) da vella nobreza galega perante o novo orde imposto polos reis Fernando e Sabela. Os reis católicos, unha vez asentada a súa monarquía, decidíronse firmemente a por final ao poder dos señores feudais. Pedro Madruga, conde de Camiña, tomou partido por Xoana ( a “beltranexa”) na súa confrontación polo trono de Sabela. Este erro afástao do poder real. Máis duro sería o fin de Pardo de Cela, decapitado na praza da catedral de Mondoñedo, nunha performance que simboliza perfectamente o fin dunha era e o comezo doutra.
A nobreza vai mudar de rumbo a partir deste momento, ficando sometida aos intereses marcados desde Castela. Moitas das antigas familias abandonan o territorio e trasládanse á corte, onde algúns acadaran certo éxito como conselleiros dunha monarquía cada vez máis centralizada e burocrática. De seguido veremos como as reformas emprendidas polos reis católicos van arrebatar grande parte do poder que viñan exercendo aqueles señores. Estamos, por fin, ante o final do feudalismo.
No ano 1486 os novos monarcas visitan Galicia. As súas reformas, que mudan a faciana do reino, estaban xa en marcha. Van instaurar unha serie de institucións que perdurarán no territorio durante séculos. Este control de Galicia mediante institucións propias, coa conseguinte perda de poder da nobreza, introduce no pais un novo modelo. A fidalguía vai cobrar desde este intre unha gran importancia como intermediaria entres os grandes señores de Galicia (Arcebispado de Santiago e demais bispos, mosteiros e señores desprazados na corte) e os campesiños, a través da figura do foro e do subforo, contrato agrario de orixe medieval que se vai desenvolver moito durante a Idade Moderna e que permitirá, co tempo, que esta nova caste domine económica e politicamente o país durante séculos.
Os fidalgos ocuparán pouco a pouco os resortes sociais e económicos do Reino nas cidades, vilas e aldeas. As familias fidalgas obteñen os cargos políticos municipais.
As novas institucións introducidas pola centralista institución rexia son tres: A Real Audiencia do reino de Galicia, As Xuntas do Reino e a Capitanía Xeral. Son elementos de control, ordenación e sometemento, mais tamén van ser positivas no sentido de proporcionar seguridade xurídica a poboación, algo que no tempos do baixo medievo non existía.
Galicia seguirá a existir nominalmente como Reino e, de feito, os Austrias e Borbóns, á hora de redactar as súas prerrogativas, fanse chamar tamén reis do reino de Galicia. Agora ben, esta existencia sobre o papel non evitou que Galicia quedase en posición de total dependencia dos desexos e conveniencias primeiro de Toledo e despois de Madrid, sempre como un dominio territorial máis suxeito a obrigas que obxecto de dereitos.
O reino estaba dividido en sete provincias: Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Tui, Betanzos e A Coruña. A súa vez, estaban divididas en xurisdicións e coutos, unha herdanza do sistema feudal. Cada unha destas xurisdicións e coutos dependían dun señorío, que aínda durante a idade Moderna, conservan certas prerrogativas, como nomear aos gobernadores e aos administradores de xustiza, e recibir algúns tributos
A Audiencia do Reino de Galicia noméase como un tribunal itinerante que atende os asuntos xurídicos do territorio. Desde 1563 instálase na Coruña por orde de Filipe II. Ademais de celebrar xuízos e dirimir preitos de todos os estamentos sociais, a audiencia estaba encargada de algunhas tarefas administrativas. Estes tribunais achegan á poboación unha seguridade xurídica da que carecían no medievo, cando os señores feudais tiñan o poder de xulgar aos seus vasalos.
As Xuntas do Reino de Galicia estaban compostas por un representante de cada unha das sete provincias en que estaba dividido o reino. Un Deputado Xeral do Reino representaba ao mesmo no exterior. As Xuntas atendían diversas cuestións administrativas, xeralmente relacionadas co recrutamento militar e as cargas impositivas –unha das consecuencias da centralización e do fortalecemento da administración monárquica no tempo dos Austrias foi a organización e a crecente presión fiscal á que someteron ao pobo- . Un exemplo da “doma e castración” é que ata o ano 1622 a Xunta do reino de Galicia non tivo voto en Cortes, pois en representación do reino votaba a cidade castelá de Zamora. De feito, a función das Xuntas foi moi limitada e as súas reivindicacións moi cativas e moitas veces ignoradas.
A terceira institución é a Capitanía Xeral. A persoa que posuía o cargo era o home máis poderoso do reino. Co paso do tempo o capitán foi delegando funcións e prerrogativas na Audiencia, que pasou a ser o verdadeiro órgano de goberno. En todo caso, era o principal representante da monarquía e máxima autoridade militar. A súa residencia fixouse na Coruña, onde se estableceron unidades fixas do exército para defender os portos galegos e como base de operacións para as guerras atlánticas do XVI, XVII e XVIII.
Xa no século XVIII instauraríase unha nova institución, a Intendencia, dentro deste proceso imparable de burocratización e o crecemento estatal das monarquías absolutas europeas.
Para o pobo, este novo orde tivo as súas vantaxes e desvantaxes. Os abusos e a arbitrariedade dos señores rematan. As novas institucións estenden o dereito polo territorio. Malia isto, a complexidade fiscal da coroa española e as súas numerosas guerras provocan que os recadadores de impostos substitúan aos señores encomendeiros na tarefa de asoballar ao pobo. As levas militares serán outra carga para os que non teñan diñeiro para librarse delas.
Mais grave sería o dano que o centralismo castelán lle vai facer á unha lingua galega, como veremos a continuación. Se no político Galicia fica paralizada, e sometida aos intereses de Castela. No eido cultural vai sofrer un grande letargo secular.
OS SÉCULOS ESCUROS
A literatura galega vai pasar por máis de trescentos anos de esquecemento durante a Idade Moderna, ata a segunda metade do século XIX, altura na que Galicia vivirá o seu renacemento cultural.
Do esplendor literario do pleno medievo, encarnado nese cumio literario formado polo cancioneiro, pouco ou nada vai ficar nos seguintes séculos. De feito, a costa abaixo das nosas letras empeza a notarse con anterioridade. Aqueles nobres guerreiros do baixo medievo non estaban pola lírica, así o mundo dos trobadores vai entrar en decadencia. Malia a case desaparición das cantigas, o galego vai ter vixencia aínda como lingua literaria en pezas como Macías o Namorado, a Crónica Troiana o a General Historia. Ademais o galego vai ser lingua de uso normal na documentación da época ata que as reformas dos Reis Católicos impoñan o castelán como lingua oficial, relegando ao galego ao ámbito exclusivamente oral, onde ficará estancado, como quedou dito, durante máis de trescentos anos.
«Inventada a historia era preciso reafirmar, como dicía Nebrija, o castelán como lingua do Imperio, lingua que desta maneira asumía un papel político decisivo. Non abondaba cunha estrutura administrativa centralista, era necesario, ademais, iniciar un proceso en que todas as culturas e linguas fosen asimiladas pola cultura e a lingua oficiais. Pecharíase así o proceso de unificación e centralización, do que en boa medida se vai encargar a corte»[2]
O proceso de centralización no eido cultural e lingüístico realizouse desde Castela con evidente éxito. Malia isto, o obxectivo final da desaparición das culturas periféricas afortunadamente non se concluiría, debido ao espertar das identidades nacionais no século XIX. Galicia verase, nestes séculos do Antigo réxime, no paradoxo de posuír unha lingua propia, de uso común pola gran maioría da poboación, mais practicamente inexistente na escrita, nos ámbitos oficiais, e paulatinamente abandonada por algunhas elites urbanas (non pola fidalguía autóctona). O ilustrado Frei Martín Sarmiento denunciaba, xa no século XVIII, esta situación de imposición dunha lingua allea:
«No pocas veces he pensado en cual ha sido la causa de que en Galicia se halla introducido el uso o abuso de escribir en castellano lo que antes se escribía en latín o gallego [...] ¿Quién lo introdujo? La respuesta está patente [...] no los gallegos sino los no gallegos que a principios del siglo XVI inundaron el Reino de Galicia, no para cultivar sus tierras sino para hacerse carne y sangre de las mejores y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles. Estos han sido los que por no saber la lengua gallega ni por palabra ni por escrito, han introducido la monstruosidad de escribir en castellano para los que no saben sino el gallego puro»[3]
A cultura propia vaise conservar no pobo. A literatura popular, de carácter oral, composta polas lendas, tradicións, cantigas populares, refráns, etc. vaise transmitir de pais a fillos durante todos estes séculos de escuridade. Hoxe en día todo este bagaxe cultural é moi apreciado desde o punto de vista da literatura e tamén da antropoloxía cultural. De tódolos xeitos non consideramos que este período de case catrocentos anos fose unha etapa brillante da nosa literatura. Malia este retroceso, debemos valorar á Galicia da Idade Moderna na súa xusta medida. A resistencia pasiva do pobo galego mantívose encol da imposición do castelán. Esta conservación do galego nas vilas e aldeas, no ámbito familiar e de socialización das capas populares, se se quer inconsciente e carente de motivación política, foi un feito fundamental para que, primeiro a través das reflexións da intelectualidade ilustrada do XVIII, e despois a través do valor e a creatividade de Rosalía,Curros, Pondal e das sucesivas xeracións, o galego sobrevivise nun contexto tan desfavorable ata os nosos días.
Nestes séculos escuros a literatura galega apenas vai deixarnos unha cativa produción. O galego convivirá a duras penas cun castelán máis vizoso que nunca no seu século de ouro. Ademais será obxecto de burla e menosprezo desde a meseta. Os galegos teñen que aturar refráns que recollen aldraxes tales como “antes puto que gallego”, “antes moro que gallego”, ou ao mesmísimo Cervantes escribindo que “los gallegos no se colocan en predicamento por que no son nadie”[4]. Habería que agardar ata o XIX para que Rosalía dese cumprida resposta co seus míticos versos “Castellanos de Castilla, tratade ben aos galegos”. Estes prexuizos cara Galicia deben ser postos no seu contexto. Reflicten a mentalidade dunha época ben diferente á nosa. Agora ben. tampouco debemos pasar por alto esa mentalidade case que colonial cara á nosa terra. Velaquí o pensamento de Góngora cara Galicia:
Oh, montañas de Galicia
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedais haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo.
Góngora
Algunhas creacións literarias en galego da Idade Moderna chegaron ata os nosos días, como comentabamos máis arriba. Estas obras funcionan a modo highlights nun ermo literario. Son obras de calidade desigual, froito da vontade individual dalgúns homes cultos que se decataron da traxedia na que vivía unha lingua que noutrora fora grande.
Do século XVI e XVII foron rescatadas algunhas cancionciñas que nos lembran ás cantigas de amigo medievais, como a seguinte cancionciña do Cancioneiro Publia Hortensia.
Debemos ter en conta que hoxe en día conservamos moi poucos rexistros daquela literatura popular. As panxoliñas de Nadal foron outro xénero popular expresado en galego. Outras composicións anónimas feitas por poetas que narraban algúns feitos considerados transcendentes da época ou de épocas anteriores tamén chegaron ata os nosos días. Este é o caso do Lamento da Frouseira, onde se narran dun xeito épico as aventuras dun mitificado Mariscal Pardo de Cela:
Son exemplos dunha literatura en precario. A ausencia de lectores fai imposible que exista unha produción estable de textos en galego, polo que estamos ante iniciativas individuais de xente que decidiu que aquilo era digno de ser anotado e conservado, independentemente da súa calidade literaria.
Da idade Moderna conservamos algúns pequenos tesouros dignos de ser recordados hoxe. O máis coñecido é, sen dúbida, o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrito por Gabriel Feixóo de Arauxo. Estamos ante a primeira obra de tatro conservada na nosa lingua. Nela nárrase as disputas entre galegos e portugueses a beira do río polos dereitos de pesca. É posible que tamén existira en Galicia, aínda que de xeito rudimentario, certa actividade teatral.
Neste século XVII destacamos tamén outro texto. As décimas ao Apostolo Santiago, de Martín Torrado. En defensa do Apóstolo e en contra de que Santa Teresa fora nomeada tamén patroa de España.
Santo da barba dourada,
vello honrado, meu patrón,
raio, fillo do trebón,
capitán de roxa espada,
señor da cruz colorada,
valente e forte guerreiro
quen todo o mundo enteiro
polo mar e pola terra,
chama, na paz e na guerra,
Sant-Iago o cabaleiro.
Rematamos esta pequena escolma de textos co Soneto con falda de Juan Gómez Tonel.
Turbas corran as ágoas; poña luto
o aire denso, en merancoria tanta;
queime o fogo a terra, que sin pranta
negue ao fortuno ano seu trebuto,
mentras a Porcia do Filipo Bruto
en os ombros da fama sacrosanta
se irgue ao ceo, que súa groria canta
collendo en fror o xa maduro fruto,
Perdeu, marrando tan ditosa vida,
a humildá, prezo; a piadade, tempro
(que derrubou, oh Morte, túa gadaña);
o mundo, Reina; o rei, súa Margarida;
a Fé, colúa; a Virtud, enxempro;
a pedra (cujo engaste foi), España.
Chore a nosa montaña,
do gando, leite e novidade espida,
semellando as abellas no exemplo:
Que a súa Margarida,
Reina, precio, colúa, pedra, templo,
perden Rei, Mundo, Fe, Virtude, España,
ti, que tal perda viche,
¡oh, magoada Galicia, ¿que perdiche?
XOÁN
No século XVIII, co desenvolvemento da ilustración xurdirían novas voces na defensa da lingua galega. Sería o tempo de figuras como Frei Martiño Sarmiento ou o Padre Feixoo. Esta ilustración galega verémola máis adiante neste curso. Coñeceremos como «Xa metidos no século das luces, é notorio como se comezan a oir voces que avogan por unha dignificación e atención da lingua galega. E non se trata de voces desautorizadas, precisamente. Polo contrario, proveñen do máis granado que o século XVIII deo ao pensamento español»[8]
O HUMANISMO EN GALICIA
A penetración das ideario humanista en Galicia foi un feito serodio e feble. A influencia dos eruditos e dos centros galegos sobre a cultura oficial non vai ser moi grande, debido ao afastamento dos principais ámbitos culturais da monarquía. Porén, a influencia do humanismo e do renacemento chegará a Galicia a través dalgúns aspectos que veremos a continuación. Xa vimos como desde a romanización ata o gótico, en maior ou menor medida, todos os movementos culturais do occidente europeo van ir chegando a Galicia. Desta volta, outra vez Compostela será o centro cultural máis importante.
Hai dous feitos que van marcar o paso dunha cultura medieval a outra moderna. A introdución da imprenta e a creación da Universidade de Santiago. A imprenta chega a finais do século XV, aínda que se conservan moi poucas obras daquelas primeiras décadas. A igrexa vai exercer o mecenado, debido ao seu interese por mellorar a formación dos clérigos, o que pasaba indubidablemente pola multiplicación das obras impresas. Así pois, as primeiras obras saídas das imprentas galegas serán misales, breviarios e obras de carácter teolóxico. A baixa formación do clero, xunto coas súas costumes relaxadas, foron motivo de preocupación da intelectualidade ligada á igrexa, que procurou a reforma do clero.
A calidade destas primeiras publicacións é xeralmente escasa. Ademais das obras relixiosas, tamén se publican textos científicos e para o lecer. Do século XVI destacaremos A descrición do Reino de Galicia, do Licenciado Molina. Esta pequena produción autóctona, unida a importación de libros impresos noutros lugares da coroa española, xerou o xurdimento dunha minoría culta nas cidades galegas. Hai noticias de importantes bibliotecas privadas na Galicia do XVI, que conviven coas bibliotecas oficiais, xeralmente de escaso valor en comparación con outras coleccións da época.
A coroa vai promover a creación de universidades, pois estaba interesada en que existiran lugares de formación para os cargos administrativos da cada vez máis desenvolvida estrutura organizativa. Esta foi unha das razóns do xurdimento da Universidade compostelá. O Arcebispo Alonso Fonseca III foi grande impulsor da institución. En 1495 López de Marzoa crea o Estudio de Gramática, unha escola para pobres situada dentro do mosteiro de San Martiño Pinario. Xa en 1504 o papa Xulio II concede unha bula que vai permitir á ‘escola vella’ impartir estudios superiores. Sería a partir de 1507 grazas a acción de Alonso de Fonseca, cando esta institución se transformaría na universidade. Fonseca constrúe o predio onde hoxe está o pazo de Fonseca e instala alí o colexio de Santiago Alfeo. tamén compra o antigo hospital de peregrinos e o converte nun colexio universitario.
“Estes colexios, de xeito distinto ao que sucede hoxe, aglutinaban todos os estudos nun mesmo edificio, onde tamén residían en réxime de internado. Naquela época a oferta formativa estaba configurada pola teoloxía, a gramática e as artes, disciplinas que logo se completarían co estudo das Leis e a Medicina, con atención case exclusiva, no caso das Leis, ao dereito eclesiástico, e preocupados pola saúde da alma máis ca polo coidado do corpo, no caso de Medicina.”[9]
Vemos como, ata o século XVIII, cando se seculariza por completo a institución, a Universidade vai estar ligada ao arcebispado da sé compostelá, sendo isto o paradigma do vencello entre Igrexa e cultura durante o Antigo Réxime.
Ademais da Universidade, van xurdir noutras cidades e vilas galegas diferentes colexios que dan formación ás capas altas da sociedade. Moitos deles serán abertos e xestionados pola Compañía de Xesús.
O Concilio de Trento, impulsor da contrarreforma, celebrado nas décadas centrais do XVI, vai afectar profundamente ao pensamento humanista dentro da coroa española, no senso de que a igrexa vai impoñer un férreo control na doutrina. As universidades van perder independencia e, en certa medida, aquel espírito científico e positivista propio dos séculos do humanismo. As teimas entre católicos e protestantes, as sospeitas de herexía, e o medo ao libre pensamento afectarán á vida cotiá da Universidade.
No século XVI os mosteiros van gañar en estabilidade. A reforma das ordes impulsadas polos reis católicos consistiron principalmente na súa centralización, así os mosteiros e priorados bieitos galegos pasarán a depender da Congregación de Valladolid. Os centros organizaranse xerarquicamente, pasando a maioría deles de casas centrais como foi San Martiño Pinario, por exemplo. Moitos abades e priores chegarán a Galicia desde Castela, sendo eles mesmos un factor de desgaleguización da cultura feita desde Galicia.
Por outra banda, unha vez rematados os conflitos polas terras, os foros e as rendas propios do convulso século XV, os mosteiros aseguraron e incluso ampliaron as súas rendas, procedendo moitos deles á ampliación e reforma das súas instalacións, utilizando as diferentes linguaxes artísticas dominantes durante o Antigo Réxime: Renacemento, Barroco, Neoclásico.
AS LUCES DO RENACEMENTO
O renacemento deixounos en Galicia algúns bos exemplos. A influencia Italiana, flamenga, portuguesa e, por riba de todos, do renacemento castelán, deixaranse notar na arquitectura. Imos ver algunhas das obras máis destacadas dun Renacemento galego que deixa as súas mellores pegadas en Compostela e que, de tódolos xeitos, non acadará o nivel artístico que con posterioridade veremos no noso Barroco.
A primeira grande obra vai ser o Hospital Real de Santiago (hoxe coñecido como Hostal dos Reis católicos), mandado construír por Sabela e Fernando despois de comprobaren in situ que a cidade non contaba cun edificio óptimo para a acollida de peregrinos. A primeira pedra colócase en 1499 e remátase no 1511. Foi construído por Enrique Egas e por Juan de Lemos. En 1527 decórase a fachada principal cun estilo que nos remite ao plateresco castelán. O hospital foi unha dos predios importantes da primeira metade do século XVI, o que provocou que varios mestres de fora de Galicia acudisen a traballar nas súas obras. No seu retablo traballou Cornielles de Holanda, cuxa obra deixaría unha fonda pegada na cidade de Ourense con posterioridade. Outro elemento estético que nos fala do hospital como edificio de transición entre gótico e renacemento son as gárgolas que decoran o friso que percorre a fachada principal, e que carecen de función práctica.
A Catedral compostelá tamén recibe modificacións no século XVI, froito da iniciativa do Alonso III de Fonseca, do que xa comentaramos con anterioridade o seu afán por mellorar a cidade durante o seu Arcebispado. Son do século XVI o novo claustro,a portada da sancristía, a escalinata do Obradoiro ou as capelas da Concepción de Mondragón e de San Fernando. O claustro foi obra de Juan de Ávila, que introduciu no templo a influencia da arquitectura salmantina.
A outra grande obra patrocinada polo gran arcebispo compostelán foi o Colexio de Santiago Alfeo (coñecido hoxe en día como Fonseca), sé da universidade. O edificio é deseñado co fin de solucionar os problemas de espazo da Universidade. A construción do predio tivo lugar entre os anos 1533 e 1550. A partir desta data, impartíronse as clases na novas aulas. No patio cuadrangular podemos ver, xusto no medio, a estatua do propio Alonso III de Foseca. A praza está rodeada de arcadas de medio punto que forman o clustro, cuberto por unha bóveda de cruzaría. Un dos elementos máis característicos do renacemento galego témola precisamente neste edificio, na fachada principal feita por Covarrubias. Nela podemos albiscar a influencia do plateresco en Galicia.
Tamén en Santiago, e no tempo do Renacemento, foron reformados e ampliados San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares, dos dous grandes centros monásticos, que ademais nesta altura convértense en cabezas da rede de mosteiros organizada trala reforma dos reis católicos. A Igrexa de San Martiño Pinario, de planta basilical amosa unha grande monumentalidade. A fachada é de finais do XVI e nela denótase a influencia de arquitectos portugueses, nun estilo que se coñece como fachada-retablo. Posteriormente engadiríanlle elemento barrocos ao conxunto. De San Paio de Antealtares destacamos a súa monumentalidade e a sobriedade clásica da fachada que dá á praza da Quintana. Austeridade construtiva que contrasta co decorativismo dos estilos artísticos anteriores e posteriores.
Xa fora da capital de Galicia, temos unha serie de obras destacadas, tanto nas cidades e vilas máis que tiveron un maior desenvolvemento na Idade Moderna, como nos grandes mosteiros afastados dos núcleos urbanos. Imos facer un repaso por algún destes lugares sobranceiros da nosa arquitectura.
A Igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra é un dos mellores exemplares da arquitectura relixiosa ligada ao Renacemento en Galicia, ademais de exemplificar perfectamente a puxanza que a Boa Vila acadaría a partir do século XVI, chegando a se converter na cidade máis grande de Galicia por riba de Compostela e da Coruña. Santa María foi promovida a finas do século XV polo gremio de mareantes da cidade. A fachada é de claro influxo renacentista. Nela podemos comprobar a influencia do estilo manuelino portugués. O programa iconográfico é complexo, destacando a inclusión nel de personaxes mitolóxicos como Hércules ou teucro, mítico fundador da cidade.
A Porta de Carlos V de Viveiro é un exemplo de arquitectura civil monumental. Constrúese en 1548 en homenaxe a Carlos V. O seu arquitecto foi Pedro Pedroso. Nela destacan os seus elementos platerescos e a incrustación de escudos nobiliarios nos lenzos de pedra. Outros exemplos de arquitectura non relixiosa son a ponte vella de Monforte, reedificada no XVI.
Unha das obras senlleiras da nosa arquitectura Renacentista é Colexio da Compañía de Monforte. Foi edificado a partir da última década do XVI por Juan de Tolosa, discípulo de Juan de Herrera, o grande arquitecto castelán que deu orixe ao estilo Herreriano. A austeridade e clasicismo herrerianos están presentes no conxunto, que conta cunha igrexa central e dúas asas con cadanseu claustro. Un elemento típico do renacemento é a superposición de ordes, columnas abaixo e pilastras enriba, a utilización de elementos clásicos como as columnas, o friso, os triglifos e as metopas, e o almofadado da fachada.
Algúns dos mosteiros pertencentes ás principais ordes regulares, instalados en Galicia desde o pleno medievo, van recibir modificacións substanciais. Este é o caso de Sobrado e de Celanova, entre outros. Tamén destacamos desta época o Mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra. Do conxunto sobresae o seu claustro regular, que combina elementos de influencia portuguesa con outros máis clasicista. O claustro da hospedaría é dun renacentismo máis clásico. A igrexa, de finais do XVI, acusa unha supresión de elementos decorativos respecto doutras obras anteriores. O frontón triangular lémbranos as construcións máis clásicas, mentres que a introdución da liña curva nalgúns elementos da fachada estanos a anticipar o estilo barroco que xa se asomaba nesta altura.
[1]XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em Galícia, a Forza da Palabra. Centenário da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (26)
[2]XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (28)
[3]XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (36)
[4]XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ: Os sinais da nosa identidade histórica. Em Galícia, a Forza da Palabra. Centenario da Real Academia Galega (Catálogo da Exposición). Caixa Galícia 2006 (30)
[5]ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (76)
[6]ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (78)
[7]ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (79)
[8]ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega, Aportacións a unha historia crítica. Ed. Xerais, Vigo, 1994 (90)
Neste blog podedes atopar información relacionada cos contidos do curso "A Cultura de Galicia". Se estás interesado en asistir ás clases, ou en desenvolver o curso no teu centro, non dubides en contactar comigo a través do seguinte mail: josecastroquian@terra.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.