29 mar 2010

16. A CONCIENCIA DE PAÍS

O REXIONALISMO, O NACIONALISMO E O ESTATUTO DO 36.

O espertar da conciencia galeguista que supuxo o Rexurdimento, e que influíu en todos os ámbitos da cultura en Galicia, reflectiuse tamén no nacemento dunha serie de movementos políticos que se desenvolveron desde a Restauración ata o fin da II República (década dos 80 do século XIX ata 1936). O rexionalismo e o nacionalismo, pasando por movementos como o agrarismo, naceron para dar resposta as reivindicacións políticas dunha Galicia que comeza a ser consciente dos seus problemas, e que busca o seu lugar nun estado que non a recoñece como entidade política. Todo este proceso de autoafirmación culmina coa aprobación do Estatuto de Autonomía no ano 1936, só uns días antes de que a sublevación militar fascista acabara coas arelas da xeración máis brillante de intelectuais que veu nacer a nosa terra.

Nesta clase imos achegarnos á figura de homes fundamentais no xurdimento dunha conciencia política galeguista, como Murguía, Brañas, Basilio Álvarez, Risco, Vilar Ponte, Castelao, Casares Quiroga e Alexandre Bóveda, entre outros. Coñecer a súa traxectoria é mergullarse nunha etapa fundamental da nosa historia, que nos permite entender os logros políticos acadados por Galicia desde a transición.

O REXIONALISMO

O sistema político da restauración funciona a través dunha monarquía liberal no que dous grandes partidos, o liberal e o conservador, van gobernando por quendas, nun modo de facer que se prestaba a máis descarada corrupción. A política deste tempo ven marcada polo “desastre do 98”, derrota en Cuba e perda das últimas colonias españolas. Este feito provoca que xurdan iniciativas desde fóra dos dous grandes partidos, como o republicanismo, que ten un núcleo forte na cidade da Coruña no que destaca a figura de  Casares Quiroga.

En Galicia os dous grandes partidos son hexemónicos, gañando todos os comicios. Ademais, en paralelo á política formal, desenvólvese o caciquismo, mal endémico en Galicia, aínda non desterrado. Estamos ante un sistema no que se compran votos e vontades a cambio de favores. Un sistema pernicioso que impedía o progreso e o desenvolvemento económico do país, mentres uns poucos se aproveitaban do sistema no seu propio interese. A política non arranxaba problemas se non que servía para que uns poucos se enriquecesen. Mais, nesta Galicia cun predomino abafante do rural, atrasada económicamente, e con escasa cultura política, o caciquismo ten a súa razón de ser, pois o estado estaba moi lonxe de chegar a toda a poboación e só o cacique local podía asegurar certos servizos a unha poboación que vivía, nos máis dos casos, en precariedade. Precisamente, unha das primeiras teimas e denuncias dos movementos políticos de raigame galeguista vai ser a denuncia do cacique, que se fixo explícita na obra gráfica de Castelao, que se popularizou polas cidades e vilas galegas.

Os primeiros movementos galeguistas que rebordan o eido literario e que procuran participación política gardan relación co Sexenio Revolucionario e co federalismo da I República (1868-1874), cando comeza a reivindicarse a autonomía galega dentro dese proxecto federal de tan curto percorrido. Son iniciativas políticas moi cativas, sen apoio popular de ningún tipo. Un dos feitos sobranceiros foi o Proxecto de Constitución para o Estado Galaico, elaborado polo Consello Federal de Galicia presidido por Moreno Barcia, que promovía unha Galicia autónoma con institucións como unha asemblea lexislativa. Coo é sabido, a aventura federalista foi moi efémera, e de seguido instaurouse a monarquía parlamentaria centralista.

O estado unitario deseñado por Cánovas del Castillo na nova constitución da restauración provoca a reacción desde as nacionalidades históricas: Cataluña, Euskadi e Galicia. Nesta altura xa se empezan a ouvir voces que denuncian o anacronismo e o abuso que supón o non recoñecemento da personalidade histórica dos territorios históricos dentro deste marco constitucional. En Galicia, a arela autonomista vai acompañada da denuncia do vello sistema agrario dos foros, outra denuncia van ser as quintas que se levan aos mozos ao servizo militar, un sentimento de inxustiza que se agudizará cando aqueles mozos que foran a servir á guerra de Cuba volvan (os que non morreran) feitos unha peniña aos portos da Coruña e Vigo. Así se recollía na prensa a volta dos nosos:

“Se nos ha dicho que en Enfesta había llegado a la puerta de la casa paterna un pobre soldado llegado de Cuba. La hora era bastante avanzada, y como aquel desdichado careciese de fuerzas para darse a conocer por la voz, negáronse a abrirle la puerta, a pesar de sus repetidos golpes, por temor sin duda a ser objeto de un robo. A la mañana siguiente, el cadáver del desdichado joven, muerto de hambre, apareció tendido delante de la puerta de su casa, produciéndose la desgarradora escena que es de suponer al ser visto por su familia”.

Neste contexto político, unido ao gran movemento cultural que rebulía daquela en Galicia,  xurde o Rexionalismo, que vai ir collendo cada vez máis forza:

«Sobre a base do Rexurdimento, que adquire madureza coa obra literaria de Rosalía e a historiográfica de Murguía, vaise situar o rexionalismo galego que, temporalmente, abrangue desde a década de 1880 ata as primeiras andainas das Irmandades da Fala, que inaugurarán unha  fase ben diferente do galeguismo, o nacionalismo político»[1]

O Rexionalismo en Galicia, ademais de asumir como propias a loita contra os foros, vai propoñer unha organización alternativa do Estado, no sentido de descentralizalo e outorgar de personalidade xurídica as diferentes rexións. Unha das figuras sobranceiras do rexionalismo galego foi Alfredo Brañas. A el debemos a creación da doutrina política rexionalista en Galicia, que podemos coñecer grazas ao seu extenso traballo nos xornais da época (El porvenir, Pensamiento Gallego, Eco de Santiago, La Gaceta de Galicia, El País Gallego...)  e, sobre todo, na súa obra de referencia: El Regionalismo, Estudio sociológico, histórico y literario, (1889). De ideoloxía conservadora, rexeita o sistema liberal e o centralismo, defendendo a sociedade dividida en estamentos (“orde natural”) do Antigo Réxime, e unha concepción descentralizada do estado, que para el sería a natural nun estado no que coexisten diferentes realidades culturais. O catolicismo, presente na historia de Galicia durante séculos, é para Brañas un elemento fundamental para entender unha Galicia que debe guiarse polos principios da relixión católica. Arredor de Brañas únense un grupo de xente que proveñen da fidalguía, do carlismo e doutros sectores conservadores que simpatizan coa súa postura ideolóxica, e coa súa defensa de Galicia como entidade política. Brañas chegou a ser concelleiro en Santiago e ademais foi unha figura moi reputada en Cataluña, onde a súa doutrina rexionalista callou na burguesía catalanista que tamén se forxaba naquela altura. Brañas comparaba a actitude dos cataláns e dos galegos sobre a política:

«Galicia y Cataluña son las dos regiones que más se afanan por su independencia y libertad..., pero mientras Galicia, pobre y desdichada, se yergue del polvo de su humillación y dirige clamorosas protestas a sus verdugos por medio de su sus poetas, Cataluña rica y poderosa no suplica ni llora, exige y manda, no emigra ni se empobrece, se puebla y atesora. Mientras Galicia se hizo y continua débil e impotente por la división y la envidia de sus hijos... »[2]

Outra figura que actuou nestas décadas en paralelo a Brañas foi Manuel Murguía, mais a súa ideoloxía é diferente. Murguía ten un pensamento liberal afastado do conservadorismo social e ideolóxico de Brañas. É natural, polo tanto, que atope seguidores en ámbitos urbanos no seo da pequena burguesía e das profesións liberais, especialmente na cidade da Coruña, onde nos anos 90 vive e actúa o viúvo de Rosalía.  Hai dous feitos chave na acción política de Murguía: o discurso en galego nos Xogos Florais de Tui, ano 1891; e a mobilización social na defensa da capitanía Xeral na Coruña, fronte ao intento de traslado a León en 1893. Esta reivindicación provocou que en moitas cidades e vilas galegas se formasen comités rexionalistas que reclamasen a permanencia da sé estatal en chan galego.

O discurso de Murguía en Tui é un dos primeiros que se deron en lingua galega, se ben o contexto non é político senón literario, aínda que nesta altura e difícil atopar a liña que separa os dous campos. Desde Murguía ata a Xeración Nós, cultura e política van estar moi ligadas, polo que a súa fronteira non é clara. Xa sexan producións culturais con clara vocación política, ou iniciativas políticas que pola súa calidade e significación histórica pasan a formar parte da cultura galega, o caso é que moitos intelectuais deben ser comprendidos desde esta dobre óptica. Lingua e nacionalidade, van en Murguía da man. Así pensaba sobre o galego:

«Nel, coma en vaso sagrado en que se axuntan todos os perfumes, áchanse os principaes elementos da nosa nacionalidade... Doulle o celta a súa dozura e a maor parte do seu vocabulario; o romano afirmouno; ten do suevo as inflexións; do noso corazón, o acento afalagador; e os brandos sonos, e os sentimentos das razas célticas... Lengoa distinta –di o aforismo político, acusa distinta nacionalidade»

Manuel Murguía é un dos primeiros en falar da existencia dunha nación galega:

«Y nosotros no conocemos cosa más cruel y fuera de razón que contrariar tan por entero a un pueblo de más de dos millones de habitantes, que se diferencia de los demás que componen la monarquía española por todo, incluso por su aislamiento.Tiene territorio perfectamente delimitado, raza, lengua distinta, historia y condiciones especiales creadas gracias á esa misma diversidad, y por lo tanto necesidades que ella sólo mide en toda su intensidad, aspiraciones que ella sólo sabe a donde llegan. Constituye, pues, una nación porque tienen todos los caracteres propios de una nacionalidad. Suiza no tiene más población, ni Bélgica más territorio»[3]

As dúas tendencias, a liberal de Murguía e a conservadora de Brañas, unen forzas a pesar das evidentes diferencias en 1897 na Liga Gallega, que vai presidir Murguía, na que a defensa do galego vai ser a principal reivindicación. A acción política da liga é cativa, sendo máis importante a labor de espallamento das súas ideas a través da prensa e da recuperación de símbolos. A bandeira galega comeza a ondear nesta altura, primeiro na Habana e logo en Galicia. En 1891 inaugúrase cos restos de Rosalía o Panteón de Galegos Ilustres. En 1904 érguese un monumento en Carral homenaxe aos precursores mártires da Revolución do 46. En 1907 créase a Real Academia Galega.  Tamén nestes anos Os Pinos de Pondal convértese no himno galego, acompañado pola fermosa melodía creada por Pascual Veiga. Os símbolos comezan a ser asumidos por amplos sectores da poboación, que se identifican e recoñecen como galegos, independentemente de que o sistema político non recoñecese a existencia de Galicia como entidade xurídica.

A prensa vai xogar un papel fundamental como canle de expresión do rexionalismo e dos diferentes aspectos da cultura galega que agromaban naquela altura. Galicia. Revista Regional, O tío Marcos da Portela, A Monteira... A emigración desde a Habana e en Bos Aires vai facer seu este sentimento de pertenza a Galicia e vai colaborar, creando institucións e publicacións propias, e colaborando economicamente coas do interior.

SOLIDARIEDADE E O AGRARISMO

O desastre do 98 é o detonante do xurdimento do movemento rexeneracionista que pretende meter aire fresco na política española. En relación a estas iniciativas xurde o movemento Solidariedade Galega en 1907. Seguindo o exemplo de Solidaritat Catalana, que arrasara nas eleccións un ano antes cunha mensaxe catalanista enfrontada ao centralismo do sistema. En Solidariedade conflúen varias forzas, como os rexionalistas, a Liga Gallega da Coruña e os agraristas. Ao fin, o movemento vai pretender a mobilización do voto campesiño, facendo súa histórica  loita contra aquela reliquia medieval que era o sistema de foros. Solidariedade vai ter o seu órgano de expresión con Galicia Solidaria. O seu efémero éxito (desaparece en 1912) viuse reflectido nas eleccións municipais de 1909, cando acadan 258 concelleiros na provincia da Coruña.

     «Solidariedade, creada a imitación da experiencia catalá, só tiña sentido como plataforma electoral para, xuntos, facer fronte ao caciquismo dos partidos estatais. Pero Solidariedade como organización permanente era un aborto, unha acción contra natura porque era imposible que puideran coexistir  baixo a mesma bandeira de solidariedade forzas filosóficas e ideoloxicamente tan contraias coma os carlistas, os republicanos federalistas, os rexionalistas e os neocatólicos.

    Por iso, ante a imposibilidade de casar ideoloxías tas  distintas, é natural que decidiran concentrar toda a súa actividade solidaria no agro galego, nun agrarismo de primeiras necesidades (asociacionismo mutualista, anticaciquismo, redención foral) no que todos coincidían.»[4]

A herdanza de Solidariedade foi interesante no senso de darlle forza ao movemento agrarista e de mobilizar aos labregos galegos. Ademais do sistema de foros, fanse eco do atraso técnico e da baixa produtividade do campo galego, que obrigaba a emigrar a milleiros de mozos galegos. Solidariedade serviu de ponte entre o vello rexionalismo e o nacionalismo das Irmandades da Fala que nacería a altura de 1917.

Cando desaparece Solidariedade xurde con forza o movemento agrarista de Acción Gallega, encabezado polo enérxico e emblemático Basilio Álvarez. Este crego ourensán, “O cura de Beiro” como fora alcumado,  perdeu a súa parroquia por defender os intereses dos labregos, e dedicouse a partir de 1910 ao xornalismo, a avogacía e á política. Nos exemplares do periódico La Zarpa, que publicou a principios dos anos 20, recóllese os seus incendiarios discursos a prol do desenvolvemento do agro galego e en contra do sistema caciquil e da vella política. Ademais de loitar contra o caciquismo e os contratos forais, introduce innovacións no pensamento agrarista, como a creación de cooperativas e asociacións de agricultores, a mellora das vías de comunicación e a produción para o mercado. A partir do seu abandono do sacerdocio, desenvolveu unha interesante carreira como líder do agrarismo, que se estendeu ata a II República, momento no que alía coas forzas democráticas de carácter conservador. Basilio Álvarez exiliouse despois a América, onde morreu en 1943, no Caribe, nun ambiente en nada semellante ao seu Ourense rural. Así amosaba o “cura de beiro” a súa carraxe a prol dos labregos:

"Fue preciso que atado de pies y manos el pueblo, nuestro generoso
pueblo gallego, y en el momento que lo iban a crucificar, en su mismo estertor, se agitase en convulsión aterradora hasta romper sus ligaduras.»

Do provincialismo da metade do século XIX ata a Solidariedade Galega e o agrarismo, Galicia foi creando un corpus ideolóxico moi heteroxéneo que ten de nexo común a defensa da terra, da súa personalidade histórica, a súa lingua, as súas costumes e idiosincrasia, e o dereito de Galicia a existir politicamente. Intelectuais, escritores, artistas, e políticos formaron parte desta amalgama de movementos que se foron sucedendo no tempo e que por tempos tamén conviviron. Todo este proceso foi desenvolvido por unha elite intelectual, como aconteceu en outros lugares de Europa, mais en Galicia a conciencia nacional ou feito diferencial non callou na meirande parte da sociedade. Son movementos sen unha base popular forte, sen o pulo que lle deron noutros lugares como Euskadi o Cataluña unhas clases medias e unha burguesía que en Galicia eran moi febles. Só na emigración vai agromar un sentimento galeguista forte, emporiso que tivemos no exterior algunhas das iniciativas máis salientables durante este período.

Unha figura sobranceira do galeguismo, que debemos destacar por ser un dos precursores do movemento nacionalista, foi Manuel Lugrís Freire (1863-1940). Seguir a súa traxectoria política e cultural é mergullarse no panorama do galeguismo na Galicia da restauración borbónica, pois Lugrís Freire é un paradigma do intelectual galeguista deste tempo. Lugrís Freire participa, sendo emigrante na Habana, no movemento rexionalista que agroma na capital cubana e na creación do Centro Galego da Habana. En 1885, desde Cuba, edita xunto cos seus compañeiros de afiliación política A Gaita Gallega, publicación periódica escrita integramente en galego.

En 1893 regresa de Cuba e atopa un movemento rexionalista en retroceso debido a incapacidade de liderado de Murguía e Brañas, e a súa evidente distancia ideolóxica. Non se vai arredar o senlleiro intelectual sadense e forma parte, en 1897, da Liga Gallega na Coruña, desde onde pretenden «a defensa dos intereses morais, políticos, económicos e sociais de Galicia», cunha óptica liberal enfrontada aos intereses de Brañas. Será esta liga a que promoverá o monumento dos Mártires de Carral.

A partir de 1907 forma parte activa no movemento de Solidariedade galega xunto co grupo da Cova Céltica e da Real Academia, o que lle outorgaba ao movemento unha forte presenza intelectual. Alá entraron os Murguía, Tettamancy, Lugrís, Carré... A grande achega que fixo Lugrís Freire a Solidariedade foi a magnífica oratoria que despregaba nuns incendiarios mitins nos que se expresaba sempre en galego, e aos que acudían centos de galegos a ver como aquel home expresaba co seu verbo todas as súas arelas e reivindicacións. Velaquí un texto escolmado dun discurso público seu en Betanzos:

«Escoitade este pequeno conto, que é de moito proveito. Unha vez un vello petrucio estaba enfermo de morte.  Chamou ao rente de seu leito aos nove fillos que tiña, e díxolle ao máis pequeno que collera unha vara de vimbio e que a rompera. A vara rompeu facilmente. Despois díxolle ao fillo máis vello que era forte e valente, que rompera as nove varas xuntas. Por moita forza que fixo non puido nin sequera dobralas. Entón dixo o vello petrucio: -“Xa vedes, meus fillos, que unha vara sola é fácil de romper, pero todas xuntas non hai quen as dobre. Eu vou morrer axiña, e rógovos que sempre teñades irmandá, que vos defendades todos xuntos, para que os voso enemigos non poidan facervos mal.”

     Seguide, pois, asociándovos, xuntádevos contra dos vosos enemigos, e seredes fortes, e seredes libres, e faredes libbre e honrada, rica e poderosa, a terra querida onde todos nacimos.
     ¡Viva Galicia! ¡Viva a Solidaridá!»[5]

En 1908 nace na Coruña o seu fillo, Urbano Lugrís, un rapaz dunha extraordinaria sensibilidade cultural froito do ambiente no que se desenvolve a súa nenez. Do seu pai herda o amor a Galicia e a faciana literaria; da súa nai, a pianista Purificación González, o agarimo que sentiu pola música, que saía do piano que escoitaba todos os días sonar na casa da Mariña onde vivían, do historiador galeguista Francisco Tettamancy, amigo íntimo do seu pai, a fascinación polo pasado real e sobre todo mítico. Urbano converteríase nun dos pintores máis destacados de Galicia.

Lugrís Freire cultivou tamén a poesía e a narrativa, compaxinando esta labor coa política, como fixeron outros moitos galeguistas da época. Nos seus versos reflicte o seu profundo amor por Galicia e polos paisaxes da comarca das mariñas que tanto gostaba de percorrer. A súa poesía é, ademais, un chamamento á loita polos dereitos dos galegos e á liberdade. Tamén hai lugar na súa obras para o intimismo e a sensibilidade poética:

«Ela dorme! Ela soña!
Ela dorma! Ela Soña!
xacente na molime, agarimada
por castiñeiros verdecentes, ela
amostra sin querer a fermosura
dunha deusa divina.
Vive no tempo en que a sabrosa froita
ten a maturidade degorante.
O peito branco, dúas pombas tenras
Móvese en ritmo de areloso goce.
Ela dorme! Ela Soña! (...)»[6]

A partir de 1917 xúntase aos irmáns Villar Ponte na creación da Irmandade da Fala da Coruña, movemento co que se inicia a traxectoria do nacionalismo galego e que coñeceremos a continuación. No grupo da Coruña tentan artellar unha resposta política aos problemas de Galicia desde unha visión nacionalista que reclama a autonomía. Chegou a dirixir A Nosa Terra, voceiro do movemento das Irmandades. O grupo de Lugrís e Murguía ficou axiña nun segundo plano, sendo alcumados como “os vellos” polos membros máis novos das Irmandades. Na época da II República participa na creación do Partido Galeguista, e recibe simbolicamente o carné número un da organización(Castelao sería o 2), froito do recoñecemento a unha traxectoria vital impecable na loita polos dereitos de Galicia. En 1934 foi elixido presidente da Real Academia Galega, obtendo así o recoñecemento a súa brillante traxectoria intelectual. Lugrís Freire morre en 1940, convencido de que a Galicia volvería a liberdade.

O NACIONALISMO

O  18 de maio de 1916 fúndase na cidade da Coruña a Irmandade de Amigos da Fala, por iniciativa dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, xunto con outras personalidades procedentes de Solidariedade e do rexionalismo, como Lugrís Freire ou Murguía. É un movemento en defensa da lingua pero que axiña vai rebordar o marco cultural para pasarse á teoría política. A partir desta primeira fundación créanse Irmandades en moitas cidades e vilas galegas, un total de vinte e oito a altura de 1923. A Nosa Terra, que se comeza a publicar en 1916, é a publicación vencellada ás Irmandades. Nesta publicación Antón Villar Ponte, en novembro de 1916, escribe o artigo “A bandeira ergueita”, na que se expresa unha das máximas do movemento: a fala será o núcleo fundamental para acadar a soberanía.

« (...) Ser Amigos da fala supón o espírito de sacrifico, e todo apostolado é sacrificio. O que se diga ou se escriba en galego, non dará fama na Meseta. Por eso renegan do galego moitos rexionalistas de pan levar. Por eso o rexionalismo galego, en galego, é a nosa bandeira de redención; fronteira posta entre o mundo da farsa e o mundo da verdade. Os Amigos da Fala constituímos, pois, unha relixión de homes honrados, de homes enxebres, que quer dicir, puros; de homes que comulgan a cotío co rexionalismo integral, ollando a Galicia redenta nos seus corazóns a tódalas horas.

Os Amigos da Fala seremos, pois, sempre, os gardadores do lume sagro da patria galega. ouvide ben: non hai outro rexionalismo que o que se faga en galego, e si este non  xurde, non xurdirá Galicia.  (...)»[7]

Nestes primeiros anos as Irmandades da Fala van dar un paso fundamental nesta historia política do galeguismo, ao rexeitaren o rexionalismo e declararse claramente nacionalistas: “rexionalismo e galeguismo son verbas mortas (...). Non hai politiquiño da nosa terra, nin xornal caciquil que se non chame galeguista”.

En 1918 prodúcese o xiro, na Asemblea Nacionalista celebrada no mes de novembro en Lugo, alí as Irmandades exprésanse nos seguintes termos:

 «Tendo Galicia tódalas características esenciaes de nacionalidade, nós nomeámo-nos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba “rexionalismo” non recolle tódalas aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.»[8]

Nesta asemblea destaca a participación dos dous grupos que, con posterioridade vanse a enfrontar por defender estratexias de acción diferenciadas: o grupo da Coruña e o grupo de Ourense. Neste último sobrancean xa nesta altura figuras emblemáticas da nosa cultura como Otero Pedrayo e Vicente Risco. Outro fito importante da asemblea é a elaboración dun ideario que marca as liñas básicas da ideoloxía nacionalista ata a guerra civil. As irmandades reclaman a autonomía integral de Galicia dentro dun estado ibérico que se constitúa como unha república federal. A asemblea propón a cooficialidade das linguas castelá e galega. No eido económico  é proclive a un sistema librecambista que eliminase os aranceis que dificultaban a exportación de materias primas (na década dos 20 o nacionalismo estaba moi lonxe dos postulados marxistas dos nacionalistas a partir dos anos 60). Sorprende que o ideario non fixese especial fincapé na  política agraria nin na redención foral, tendo en conta que moitos dos membros das Irmandades estiveran con anterioridade no movemento de Solidariedade e no agrarismo, sendo isto unha mostra da orixe urbana da meirande parte dos participantes. A figura de Castelao emerxe con forza durante os anos 20,converténdose nun referente político.

Vicente Risco (ao que lle prestaremos a merecida atención na vindeira clase), publica no ano 1920 unha pequena obra na que senta as bases teóricas deste primeiro nacionalismo, e que sería unha das obras de referencia ata que Castelao escribe o seu Sempre en Galiza. Desde este ano márcanse as diferenzas entre o grupo de Ourense, liderado por Risco e Losada Diéguez, que entenden que a prioridade era a reconstrución cultural de Galicia, para reverter o proceso de desgaleguización que eles entendían que se estaba a producir; e o grupo da Coruña, nos que destacan as figuras de Peña Novo e os Irmáns Villar Ponte, que entendían que era fundamental seguir unha estratexia de participación política nas institucións do réxime da Restauración para loitar así polos dereitos de Galicia  e polo novo deseño descentralizado e democrático do estado.

Así define Risco o nacionalismo galego:

«O nacionalismo proclama que Galicia é unha entidade natural, xeográfica, étnica e histórica, que ten unha personalidade propia e inconfundible, e quer que esta personalidade sexa recoñecida e respeitada. Quer reivindica-la dinidade colectiva do pobo galego, e como atentatorio contra esa nosa personalidade, contra a nosa dinidade de pobo consciente de si mesmo, combate ao centralismo español (...)

O nacionalismo, ademais, quer para Galicia unha política galega, inspirada nas necesidades e nos intereses da nosa Terra, unha política que poña por riba de tódolos intereses de partido e de tódalas ambicións persoais o amor sagrado á Terra-Nai: “todo para a nosa Galicia”, como dixo o gran Ramón Cabanillas (...)

Tocante á cultura, é outro cantar. Nesto somos completamente arredistas. No que toca á conservación e cultivo constante da fala galega, do enseño da xeografía, da historia, da lingoa, da literatura, do dereito, das artes, das industrias, das fontes de riqueza da Terra galega, somos e  hemos ser de cote intransixentes. Nestas cousas, no que toca á rexeneración, galeguización e autonomía completa da nosa universidade, das nosas escolas, do enseño nelas da lingoa galega, do seu emprego en obras literarias e científicas, do espallamento da nosa literatura polo mundo enteiro, non faremos endexamais concesión ningunha, e propómonos traballarmos sen descanso, sen acougo, sen un instante de lecer»[9]

As posturas diferenciadas quedan claras desde un principio e a ruptura prodúcese na Asemblea de Monforte en 1822. Nesta asemblea trunfa a visión “culturalista” da Irmandade de Ourense, a pesar que a irmandade da Coruña aportaba case a metade dos afiliados. O debate sería intenso nas semanas posteriores, a través da prensa, na que queda en evidencia a pluralidade do movemento: «pluralidade que se manifestaba na estratexia a seguir electoralmente, pero que reflectía de forma evidente un compoñente case estrutural do nacionalismo galego, que é a existencia de “dúas almas” ou dúas tradicións culturais, unha de raíz conservadora e elitista, outra máis democrática e mesmo populista»[10]

Despois da ruptura que tivo lugar en Monforte, o grupo ourensán forma a Irmandade Nazonalista Galega, organizándose como un partido político liderado por Vicente Risco. A iniciativa non se consolida polo rexeitamento da Irmandade coruñesa a incorporarse e pola inmediata chegada da ditadura de Miguel Primo de Rivera en 1923, o que  provocaría a redución drástica da actividade política normal. O control político e a censura aplicada desde a ditadura reduce moito a actividade política dos nacionalistas, primando a partir de agora e ata a chegada da II República a actividade cultural.

Cómpre destacar que nesta altura seguen a funcionar as revistas Nós e A Nosa Terra, se ben están sometidas á censura. A deputación de Pontevedra vai xogar un papel moi importante no tocante a actividade cultural galega, grazas á figura de Losada Diéguez, que entre outras iniciativas establece as pensións no estranxeiro para artistas e crea o Museo de Pontevedra. A Xeración Nós, que coñeceremos polo miúdo na seguinte clase, desprega unha moi intensa e brillante labor cultural durante esta década. Estamos a falar dos Risco, Otero Pedrayo e , por suposto, o gran Castelao; máis tamén hai que destacar aos membros do Seminario de Estudos Galegos, a persoas como Filgueira Valverde, como Xoaquín Lorenzo ou a figuras como Ramón Cabanillas, Álvaro Cebreiro e Manoel Antonio. A cultura de Galicia vive, a partir da década dos 20, outro grande momento de ouro, comparable a aquel espertar cultural encabezado por Rosalía apenas medio século antes.

«A aportación literaria, artística e política desta xeración foi decisiva, desde o punto de vista de que conseguiron definir e desenvolver un concepto clave para a construción do nacionalismo, como é o de cultura galega, á que concederon a misión de fundamentar a realidade diferencial de Galicia. Onde non hai cultura galega, non hai pobo, dicía Risco, mostrando así a identidade entre a capacidade cultural dun pobo e o seu grao de desenvolvemento histórico (...)»[11]

Durante a ditadura as Irmandades non participan en política, porén, non todo foi negativo nesta estraña ditadura “branda” e rexeneracionista do xeneral Primo de Rivera. En Galicia soluciónase o vello asunto dos foros, firmándose a redención foral no ano 1925. A partir deste intre, un grande número de labregos galegos compran as terras redimidas, configurándose deste xeito a estrutura agraria galega, formada por un gran número de pequenos propietarios que sobrevive hoxe en día, tan diferente á doutras rexións do estado, formadas por grandes latifundios e a existencia de traballadores asalariados (xornaleiros).

A REPÚBLICA E O ESTATUTO

A principios da década dos 30 a labor do galeguismo se fundamentaba a través do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, no que traballaban un grupo de novos universitarios galegos. Cando remata a ditadura de Primo de Rivera e se instaura a II República o nacionalismo está desorganizado e dividido en pequenas unidades locais. Así é como se presentan ás eleccións de 1931, nas que só dous galeguistas, Otero Pedrayo e Alfonso Rodríguez Castelao conseguen acta de deputado en Madrid.

Por outro lado, os republicanos que tiñan as súas arelas depositadas no cambio de réxime e na instauración dunha república democrática, organízanse a partir do 1929 no ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), en torno á figura de don Santiago Casares Quiroga e outros vellos membros da Irmandade da Coruña. O partido, defensor da autonomía de Galicia e dun estatuto propio,  acabará por asumir o ideario de Izquierda Republicana de Manuel Azaña, sendo abandonado por moitos membros das Irmandades que se pasarán ao Partido Galeguista. A figura de Casares Quiroga é unha das máis emblemáticas da política galega do primeiro tercio do século XX; xunto con Portela Valladares representan unha xeración de políticos de orixe galego que deron moito que falar na política madrileña.

A través da figura de Santiago Casares Quiroga podemos seguir tamén a traxectoria política do republicanismo galego e coruñés. Casares nace na Coruña en 1884, nunha familia de tradición republicana, e moi cedo fica xa vencellado a unha ideoloxía demócrata, moderadamente galeguista e republicana que non ía a abandonar na súa brillante traxectoria. Desenvolve a súa carreira na Coruña, a cidade de Galicia que contaba cunha maior simpatía cara ao republicanismo, movemento que sobrevivía nalgúns círculos como o Casino Republicano desde a efémera experiencia da I República. Tamén forma parte do partido republicano da Coruña, que non pasa de ser un pequeno grupo. Casares Quiroga estudou dereito en Madrid , e despois volveu a Galicia para participar na creación de Solidariedade Galega, o que por outra banda non amosa a composición tan heteroxénea do movemento de Solidariedade. Desde 1907 é concelleiro no Concello da Coruña, ata que  foi apartado en 1917 por un conflito. Ademais dirixe o periódico autonomista Tierra gallega.

En 1920 casa con Gloria Corrales, filla dunha cigarreira coruñesa, formando un matrimonio que tería unha filla, María casares, que co tempo chegou a ser unha recoñecida actriz en Francia. Nestes años exerce de avogado, defendendo a obreiros e xente humilde da cidade da Coruña. Durante a ditadura a súa actividade política decae, máis non desaparece totalmente, xa que a partir de 1926 participa nos movementos republicanos que se organizan á sombra da ditadura.

En 1929 participa na creación do ORGA, que se  integrará no Federación Republicana Galega no  Pacto de Lestrove, en 1930. Tamén participa no Pacto de San Sebastián, cando a meirande parte do republicanos españois asinan un manifesto de colaboración para derrocar a monarquía borbónica (feito que acontecería o 14 de abril de 1931 tras as eleccións municipais). Participa no comité revolucionario que tenta derrubar a ditadura e é encarcerado. Unha vez instaurada a II República é nomeado ministro de Mariña, acometendo a depuración de cargos monárquicos no ministerio. En decembro de 1931 apróbase a Constitución Republicana e Casares é nomeado Ministro da gobernación, número dous do gabinete de Manuel Azaña. Ocupa o cargo ata o ano 1933, cando é cesado e volve á Coruña. A partir do 34 prepara con Azaña o nacemento de Izquierda republicana, que sería o núcleo do gran movemento republicano que foi o Frente Popular. No ano 1936 máis de 150.000 persoas selan a súa elección como candidato a cortes do Frente Popular pola provincia da Coruña. No novo goberno presidido por Azaña vai ser nomeado Ministro de Obras Públicas e despois Presidente do goberno. Durante o seu mandato apróbase por referendo o estatuto de Autonomía de Galicia. O golpe de estado militar de xullo do 36 provoca a súa dimisión o 18 de xullo. En palabras da súa filla, obrigáronlle a dimitir por pretender armar ao pobo contra os insurrectos, versión que foi desmentida por algúns especialistas que cuestionan a súa acción naqueles fatídicos días. Pasa a guerra entre Madrid e Valencia, exiliándose en Francia e Inglaterra. En 1945 morre a súa muller e en 1950 falece Casares en París.

Considerado polos seus detractores como un “señorito da Coruña”. Vilipendiado polo franquismo. Sumido no máis fondo esquecemento durante longas décadas, é tempo de recordarmos a súa figura con cariño e subliñando a súa fondura ética e democrática. Casares foi un home dunha extraordinaria capacidade intelectual, infatigable lector que posuíu unha biblioteca de  máis de 20.000 volumes, esquilmada pola barbarie dos sublevados. A súa casa museo na Coruña, na rúa Panadeiras, conserva as súas librarías cos andeis baleiros, como símbolo da brutalidade fascista que se apoderou de Galicia en 1936.

Un dos feitos máis destacados da época republicana ten lugar o 26 de marzo de 1930, co Pacto de Lestrove (Padrón, A Coruña). Nel, republicanos galeguistas pertencentes as diversas e fragmentarias organizacións, xunto cos republicanos de todas as tendencias acordaron defender unha saída republicana para España, a defensa da Autonomía de Galicia plasmada nun Estatuto, e a representación de Casares Quiroga no acto de San Sebastián.

No mes de decembro de 1931 o nacionalismo galego decide, por fin, unirse nun único partido, o Partido Galeguista, fundado naquela altura en Pontevedra. Nel conflúen os membros da xeración Nós e as Irmandades da Fala. O núcleo pasa a ser agora Pontevedra, coa figura sobranceira de Castelao, máis tamén coa importante labor dun dos mártires da Galicia republicana, que foi Alexandre Bóveda. Outros membros destacados desta nova xeración nacionalista foron Ánxel Casal, Suárez Picallo, e Antón Alonso Ríos. O partido galeguista recolle o ideario político das Irmandades da Fala, a república era xa un tempo propicio para a acción política e a reivindicación da Autonomía de Galicia. A postura do partido galeguista estivo máis virada a esquerda que a das xeracións nacionalistas anteriores, amosándose claramente a favor do Frente Popular e contra os sectores máis reaccionarios da república; de feito, esta tendencia provocou polémicas e escisións a partir de 1934.

O Partido organízase fortemente, a partir do traballo de Alexandre Bóveda. Hai un comité executivo. O partido procura a socialización galeguista do pobo galego, ampliando as súas funcións e rebordando as tarefas que eran habituais nos partidos daquela época. Hai unhas Mocidades galeguistas, está a Imprenta Nós de Ánxel Casal, hai sociedades como Ultreia, e o Seminario de Estudos segue a traballar a pleno rendemento ata o 36... Tamén prodúcese a incorporación dalgunhas mulleres ao partido, en calidade de afiliadas; serían 229 na altura do 36 (lembremos que ata 1933 as mulleres non podían votar no estado español). Vexamos como Alexandre Bóveda animaba á mocidade a unirse ao movemento galeguista:

«A mocidade galega está, pois, diante dun grande dilema: ou extraviarse na loita de agonía dun réxime; ou tomar con fe, con acometividade, con audacia, o vieiro de reconstrución da súa patria natural, de Galicia, en irmandade cos mozos nacionalistas de tódalas patrias naturais do mundo; coa consigna que xa sonou nestas columnas, e que os mozos nacionalistas galegos deben facer súa: contra os Estados históricos, imperialistas e inxustos, que o feixismo quer conservar.

Eis a grande revolución en que eu penso que deben amostrar a súa rebeldía os nosos mozos; eis a gran revolución a prol da patria Galega que teñen que realizar»[12]

O Partido fai medrar as súas bases sociais e militancia, acadando unha importante representación tamén na Galicia rural e interior, onde máis o nacionalismo se amosara ata entón máis fraco. Agora hai mariñeiros e labregos a carón das clases liberais urbanas. En palabras de Ramón Villares, estamos ante o intento de crear un partido de masas e interclasista, malia a que a súa militancia nunca superou os 5.000 membros.

A principal loita do partido galeguista foi polo Estatuto de Autonomía. A partir de 1931 se comeza a traballar na súa redacción. En 1932 Galicia dá o seu primeiro pasa cara ao estatuto cando a Asemblea de Concellos aproba o texto definitivo. Despois deste primeiro paso, solicítase ao goberno central o permiso para facer o referendo a través do cal o pobo galego debía aprobar ou non o texto. Tal permiso demorouse no tempo, e cando chegaron as dereitas ao poder bloquearon calquera proceso autonomista. Habería que agardar ata o ano 36, tras o trunfo do Frente Popular, para recuperar a iniciativa para a aprobación do texto. A data escollida para a votación foi o 28 de xuño. O partido galeguista fixo unha forte campaña de mobilización social para conseguir a aprobación do mesmo. Desta época temos a obra gráfica dalgúns dos máis sobranceiros artistas galegos que fixeron campaña a través da prensa e a creación de carteis. A obra gráfica de Seoane, Castelao, Díaz Baliño e Cebreiro amosa perfectamente como o Estatuto significaba non só acadar unha serie de dereitos políticos, se non as aspiracións do progreso e do desenvolvemento de Galicia e a súa liberación das forzas reaccionarias que tradicionalmente posuíran  o poder.

O resultado foi unha sorpresa tan grande que hai que poñelo inmediatamente en dúbida. O 74 % votou afirmativamente o texto, o que levou a  algúns a falar de “santo pucheirazo”[13]. Unha Galicia de voto tradicionalmente conservador, tendencia agrandada desde que o ano 1933 a muller acadou o dereito ao voto, votaba en masa (era preciso unha participación maior do 70%) un texto de carácter moi progresista e dun grande callado político. Fica por saber a dúbida histórica de cal sería a resposta real de Galicia perante a oportunidade histórica que se lle presentaba.

O estatuto recolle moitos aspectos que despois serían recollidos no texto do 36. Facemos aquí unha pequena escolma dos artigos que consideramos máis interesantes:

“Artículo 1º. Galicia se organiza como región autónoma en el Estado español, con arreglo a la Constitución de la República y al presente Estatuto.

Artículo 4º. Serán idiomas oficiales en Galicia, el castellano y el gallego; pero en las relaciones oficiales de la Región con autoridades de otras Regiones y con las del Estado, se usará siempre el castellano.

Artículo 5º. Las atribuciones reconocidas a Galicia en este Estatuto, serán ejercidas: por una Asamblea legislativa, por el Presidente de la Región, y por un órgano de gobierno que se denominará Junta de Galicia; o por el Pueblo directamente actuando en cualquiera de las formas que establecen los artículos 6º y 10º de este título. La función judicial se ejercerá por Jurados, Jueces y Tribunales, con arreglo a lo que sus leyes orgánicas determinen.


Artículo 7º. El Presidente de la Región asumirá la representación de Galicia para todos los efectos; y la del Estado en las funciones cuya ejecución directa corresponda a éste.

Será elegido por votación popular, directa y secreta, para un periodo de cuatro años, y podrá ser reelegido en la misma forma para un periodo igual. Terminado este segundo mandato, no será elegible hasta que transcurran cuatro años más.”

O 15 de xullo de 1936, Castelao encabezou a comitiva galega que lle presentou o texto aprobado polos galegos ao Presidente da República, don Manuel Azaña. O inminente comezo da guerra civil provocou que o texto non fora levado nunca á practica. Porén, o estatuto foi discutido en parlamento, nas cortes republicanas realizadas en 1938 na abadía de Montserrat.

 Este estatuto sería a base para o futuro recoñecemento de Galicia como nacionalidade histórica na Constitución española de 1978, proceso que será materia deste curso con posterioridade, igual que o desenvolvemento dunha cultura galega que ía a sofrer as consecuencias das fortes prohibicións e da durísima represión franquista. A nosa cultura lle tocaría sobrevivir longos anos no exilio exterior e interior. 



[1] RAMÓN VILLARES: Historia de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. 2004(374)
[2] ALFREDO BRAÑAS
[3] MANUEL MURGUÍA, en JUSTO G. BERAMENDI. De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Ed. Xerais, Vigo, 2007 (190)
[4] X.R.BARREIRO / X.L. AXEITOS: Manuel Lugrís Freire. O Comprimiso. Biblioteca Gallega (LVG), A Coruña, 2006, (10)
[5] X.R.BARREIRO / X.L. AXEITOS: Manuel Lugrís Freire. O Comprimiso. Biblioteca Gallega (LVG), A Coruña, 2006, (54)
[6] X.R.BARREIRO / X.L. AXEITOS: Manuel Lugrís Freire. O Comprimiso. Biblioteca Gallega (LVG), A Coruña, 2006, (31)
[7] FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Pensamento galeguista do século XX. Ed Galaxia, Vigo, 1983 (34)
[8] RAMÓN VILLARES: Historia de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. 2004(384)
[9] VICENTE RISCO: Idearium da ING, 1923. En FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Pensamento galeguista do século XX. Ed Galaxia, Vigo, 1983 (125)
[10] RAMÓN VILLARES: Historia de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. 2004(387)
[11] RAMÓN VILLARES: Historia de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. 2004(389)
[12] ALEXANDRE BÓVEDA: A Nosa Terra 14 de abril de 1934. En FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Pensamento galeguista do século XX. Ed galaxia, Vigo, 1983 (206)
[13] Palabras de A. Pousa Antelo recollidas por RAMÓN VILLARES: Historia de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. 2004 (397)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.