22 jun 2010

22. MIL PRIMAVERAS MÁIS


A CULTURA GALEGA ANTE O NOVO MILENIO

Chegamos ao final do curso. Durante todas estas clases fomos coñecendo moitos dos aspectos que compoñen a cultura galega: literatura, arte, historia, etnoloxía... Comezabamos falando do achado dunha doa de colar na cova de Eirós, e acabamos por falar, na última clase, da produción de películas de animación dixital na nosa terra. Foron moitas as cuestións que quedaron fóra do programa debido á falta de tempo, e outras moitas nas que gostariamos afondar moito máis do que o fixemos.

Mais non podiamos rematar o curso sen botar unha ollada ao panorama da cultura galega na actualidade. Nesta clase imos ver como, coa chegada da Autonomía para Galicia, a cultura vai vivir un proceso de autoafirmación e de crecemento, grazas ao feito de contar con institucións de seu para protexer e promover o seu feito cultural. Paralelamente vaise producir na alma de milleiros de galegos un sentimento de autoafirmación no feito de ser galego e  un orgullo de posuír unha cultura propia.  

Nestas tres décadas Galicia formou unha rede cultural que abrangue museos e institucións, lugares do patrimonio e unha industria cultural propia que se reflicte incluso no PIB da comunidade. Faremos, pois, un repaso polas principais institucións culturais e lugares senlleiros do noso  patrimonio.  Por último, remataremos a clase e o curso facendo unha reflexión sobre o presente e o futuro da nosa cultura neste mundo global que nos toca vivir.

 «Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis"»

O epitafio de Álvaro Cunqueiro, que fai referencia á lingua pero que podemos aplicar a todos os ámbitos culturais, sérvenos de xeito óptimo como coda para este curso. Nesa teima andamos, pois, os moitos que traballamos para que esta a nosa cultura vexa florecer máis de mil primaveras.

DEMOCRACIA, AUTONOMÍA E CULTURA

A chegada da democracia e a aprobación do estatuto de Autonomía trouxeron para a sociedade galega profundas mudanzas que podemos cualificar, malia as eivas do sistema e os erros cometidos, como moi positivas. No eido cultural ábrese un período moi vizoso que se caracteriza pola liberdade creativa e polo comezo da difusión e protección da nosa cultura. Hai que ter en conta que a liberdade de expresión é unha condición fundamental para a plena expresión cultural e artística dun pobo.

O recoñecemento desa cultura galega, formada por todos eses elementos históricos, artísticos, lingüísticos, literarios, etnolóxicos... que coñecimos ao longo deste curso, foi o alicerce sobre o que se asentou o recoñecemento constitucional de Galicia como realidade nacional.

O 28 de abril de 1981 apróbase o noso Estatuto, que recolle nos seus artigos, con matices, algunhas das arelas expresadas naqueloutro Estatuto frustrado do 36 que xa comentaramos no curso. O texto estatutario define a Galicia como unha Nacionalidade Histórica, recoñecendo así a súa personalidade nacional, creada ao longo dos séculos nun territorio propio e ben definido, a través unha cultura propia, unha lingua propia, e unha historia e un sentimento de pertenza comúns.

Relacionado cun feito que nos ocupou tempo no curso, temos o recoñecemento do estatuto á galeguidade das comunidades do exterior. Galicia é, debido ao proceso migratorio, un país con dous referentes, un no interior e outro no exterior, as diferentes comunidades conforman a galeguidade: «As comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego»[1].

Mágoa que estas comunidades fosen neste trinta anos de democracia utilizadas con motivos electorais, en procesos carentes da máis mínima limpeza, o que provoca que milleiros de galegos do interior rexeiten hoxe en día a participación política destas comunidades. Tamén aproveitamos este espazo para comentar o proceso histórico de retorno que se viviu nos últimos anos, que provocou que moitos daqueles emigrantes e dos seus descendentes chegasen a unha Galicia que viviu un forte desenvolvemento económico nos últimos tempos, entrando en contacto de novo coa terra e a cultura dos seus antergos.

O autogoberno de Galicia terá como obxectivo a «defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses», dentro dos cales faise explícita a cuestión do galego, «lingua propia de Galicia» segundo o texto que os galegos nos demos, que os poderes públicos «potenciarán en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento». A lingua foi obxecto de especial agarimo e protección nesta primeira etapa da democracia, conscientes as autoridades da persecución e afastamento á que fora sometida secularmente. Hoxe en día algúns están a rachar desde o poder aquel consenso a prol do galego que foi chave para a súa supervivencia e posta en valor. Que escuros intereses defenden aqueles que atacan a nosa lingua propia?

Froito daquel consenso a prol da lingua foi promulgada a Lei de Normalización de Galicia, aprobada o 15 de xuño de 1983 por unanimidade no parlamento de Galicia, e aínda en vigor na actualidade. É unha lei que pretendía normalizar o uso e o estatus do galego como lingua propia e oficial en Galicia, e promover o seu uso en todos os ámbitos, devolvéndolle a categoría que lle fora negada ao longo dos séculos. Facemos agora unha pequena escolma dalgúns parágrafos desta que lei que recolle o compromiso dos galegos coa súa lingua. Na le fican explícitas as responsabilidades dos galegos cara a súa fala:

«O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia consecuencias profundamente negativas»

«A lingua, é o núcleo vital da nosa identidade.»

«A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade.»

«Na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.»

«O galego é a lingua propia de Galicia», «Tódolos galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo»

«O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma»

«Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.»

«Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.»

«O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.»

«As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.»

«O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión.»

O modelo cultural en democracia, atribúe aos diferentes poderes públicos a competencia para a protección, o fomento e a posta en valor da cultura. O texto constitucional e o estatuto establecen unha serie de obrigas ao estado no tocante á ordenación do ámbito da cultura, como acabamos de ver coa lingua. A ordenación e promocións do sistema de museos, arquivos e bibliotecas, a protección e difusión do patrimonio, e o fomento e as axudas cara unha industria cultural que cada vez vai ter máis peso no PIB do país teñen como orixe esta esixencia legal, e tamén esta vontade por que así fora. Xunto a esta acción pública, a transición, a autonomía e o movemento posmoderno dos anos 80 van traer a Galicia unhas iniciativas culturais novas e moi interesantes, moitas vences asociados ao que se deu en chamar “cultura de masas”.

O AVANCE DA NOSA CULTURA

No eido literario, ese novo estatus acadado polo galego, o fin da censura, e as axudas que comezan a chegar ao sector editorial, fan que a publicación de libros (novos e vellos) en galego e en Galicia se multiplique. O obxectivo fundamental nos anos oitenta era ensanchar a base de lectores en lingua galega, feito conseguido só en parte, sobre todo se establecemos a comparanza coa vizosa industria editorial catalá. Neste proceso prodúcense cambios fundamentais tamén no modo de crear, destacando, sobre todo, o terreo gañado pola narrativa e o ensaio, e tamén o nacemento do libro de texto para a escola en galego, que axudou a que moitos rapaces educados en castelán tivéramos un primeiro contacto coa lingua galega (aínda que a TVG coa súa programación infantil axudara máis a difundir a lingua entre os máis novos). A maioría dos escritores en galego están asociados na Asociación de escritores en Lingua Galega, fundada en 1980 e que conta con case 400 socios. Na actualidade publícanse unha media de 1.200 títulos en galego ao ano, e na Asociación Galega de Editores hai rexistradas 44 empresas que se dedican á publicar en galego.

Premios, certames, axudas,subvencións... Os poderes públicos son en parte responsables deste desenvolvemento das nosas letras. A celebración do día das letras os 17 de maio, as feiras do libro e a proliferación de bibliotecas, fan que a industria asociada as letras galegas tivera nestes anos un desenvolvemento notable. Mais isto nos sería posible sen o talento amosado polos nosos escritores, e que se reflicte no palmarés dos Premios Nacionais de Literatura, onde temos a Alfredo Conde, Manuel Rivas e Suso de Toro en narrativa, A Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal en literatura dramática, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Fina Casalderrey en literatura infantil e xuvenil, Antón Santamarina en tradución e Xusto G. Beramendi en ensaio. Nesta lista cómpre poñer en destaque a alta calidade da literatura para os máis novos saída do noso país, panorama no que a editorial Kalandraka se converteu nun referente a nivel estatal.

Nas artes plásticas os oitenta tamén son tempos de profundas mudanzas en Galicia. Renace a arela de formar un grupo de artistas galegos, xorde o “espírito de Atlántica”, versión galega dese “espírito dos 80” que agromou en todo o mundo occidental. Novos problemas, novos temas, novas solucións estéticas... Un arte singular para un tempo no que abrían moitas xanelas e no que a orixinalidade e a liberdade creativa foron moi valoradas. Sabemos tamén que, de vagar, a plástica galega vai progresar nestas tres décadas grazas a tres feitos fundamentais: as galerías, os centros de arte e as escolas de artistas, o que provoca que os artistas galegos non teñan que saír obrigatoriamente de Galicia para obter unha formación, un currículo e un recoñecemento, se non que cando saen, fano, en moitos casos, xa cunha bagaxe obtida na súa terra.

Outro obxectivo era achegar ao público galego ás últimas tendencias creativas dentro da arte internacional. En Galicia había un oco no tocante aos museos e centros de arte moderna, e de exposicións de nivel. O CGAC, fermoso predio edificado por Álvaro Siza ao carón do convento de San Domingos en Compostela, supuxo un pulo moi importante para arte moderna no noso país. Inaugurado en 1991, desde o primeiro momento tomou unha dobre vía, por un lado conformar unha colección de calidade con obras de artistas galegos e internacionais, e, por outro,  presentar a través do seu programa de exposicións as últimas tendencias creativas do panorama internacional, aproveitando o tirón que a cidade de Compostela acadaba nesa altura como centro turístico e cultural. A tendencia a abrir grandes espazos museísticos e expositivos acrecentouse a partir daquela data. Na cidade da Coruña (a pesar da súa especialización en museos científicos) existía un dos centros pioneiros á hora de programar exposicións de arte, o Kiosko Alfonso, que continua hoxe en día coa súa brillante andaina. A este uníronselle outros espazos para a arte como o MACUF, a Fundación Luís Seoane, a Fundación Pedro Barrié e a Fundación Caixa Galicia. En  Vigo xorde o MARCO como un referente dentro do panorama actual, ademais do Centro Cultural Caixanova. En todas as cidades vanse creando novos espazos, como o Torrente Ballester de Ferrol. Únense así á oferta de museos que xa existía en Galicia e que comprendía centros de carácter máis tradicional, con arte de épocas pasadas e coleccións de arqueoloxía: O Museo de Pontevedra, o Provincial de Lugo, o Arquelóxico de Ourense, O de Belas Artes da Coruña ou o “Quiñones de León” de Vigo, entre outros.

A cidade da cultura, únese a esta febre por inaugurar centros de arte. Alí vanse ofertar outra boa morea de metros cadrados para exposición. Todo isto supón un xiro de 180 graos, xa que se antes non había lugares onde expoñer, agora hai un montón de museos e centros de arte con programacións frouxas e coleccións escasas, inaugurados de xeito populista pero que funcionan con orzamentos exiguos.

A arquitectura foi esquecida nas últimas clases deste curso unicamente por motivos de espacio. Alí deixamos aos nosos arquitectos senlleiros dentro do barroco, facendo auténticas obras universais que son parte imprescindible do noso patrimonio. Nos últimos séculos a arquitectura galega evoluciona, desde a súa posición periférica, seguindo os postulados internacionais: neoclásico, eclecticismo, modernismo, racionalismo, arquitectura moderna, arquitectura posmoderna. Con todo, os edificios que vaga a pena resaltar, son os menos. Nas últimas décadas, Galicia vai aparecer inzada de edificios e barrios horrendos, pouco funcionais, deplorables desde o punto de vista estético, pobres desde o punto de vista material, e desleigados da tradición construtiva galega e do legado das vangardas e da arquitectura moderna. Esta desfeita foi froito do “desarrollismo” a partir dos anos 60, dun gremio de construtores e arquitectos sen amor propio e con moito amor ao diñeiro e, en último termo, da cegueira e “cortoplacismo” das autoridades políticas da ditadura e da democracia.

Malia este negro panorama, que todos podemos albiscar nas nosas cidades e vilas, ou cando viaxamos pola nosa terra, houbo notables excepcións. Son arquitectos que asumiron un xeito diferente de arquitectura. O paradigma que guiou aos nosos senlleiros arquitectos foi o diálogo entre a arquitectura moderna e a popular, baseada a primeira en materiais e formas de novo cuño, e a segunda nese granito e madeira co que os galegos construímos desde a prehistoria. Antonio Tenreiro, Alejandro de la Sota, Andrés Fernández-Albalat, Pedro de Llano, César Portela e Manuel Gallego, entre outros, amosaron un camiño que a maioría non foron quen de seguir, guiados polo gran afán especulativo que entende a arte de construír espazos habitábeis como un gran negocio, sen ter en conta a función do predio, o seu encaixe no contorno,  as necesidades do usuario, e a sensibilidade ética e estética que debe guiar toda construción.

O Colexio de Arquitectos (COAG) e a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña tentan hoxe en día mudar este panorama mediocre, pero neste país os especuladores do ladrillo sempre impoñen o seu criterio: deficiente habitabilidade, pésima solución estética, máximo rendemento económico.

No tocante a rehabilitación, nas últimas décadas recuperáronse, grazas ás axudas públicas, un bo feixe de edificios populares e monumentais nas nosas cidades vilas e aldeas, aínda que a iniciativa é, de momento, claramente insuficiente, como nos amosou Manuel Sendón no seu traballo “Casas doentes”. Estamos pois, diante doutra faciana deste negro panorama, construímos mal, e deixamos morrer o que está ben feito.

Por último, subliñar que Galicia entrou na moda dos grandes edificios asinados por figuras internacionais. High Tech arquitectónico e orzamentos esaxerados sufragados xeralmente polos impostos do contribuínte. É mala a chegada de arquitectos de fóra? nin moito menos. Temos exemplo moi positivos, como a Casa do Home de Isozaki. Mais a factura do Monte Gaiás témola que pagar entre todos para maior “gloria” dalgúns.

Nos anos 80 a cultura galega atopa novas canles de expresión a través do cine, do video, da televisión e da música, que vive un novo auxe. A cultura musical de Galicia asume diferentes vieiros, que van desde a música folk ata as expresións pop, rock, punk ou hip-hop. O feito máis destacado dentro do panorama musical das últimas décadas foi o extraordinario auxe da chamada música folk, que en moitos caso é unha interpretación en chave moderna dos sons tradicionais da nosa terra. Autores e intérpretes individuais e en conxunto, foron quen de obter un resultado de gran calidade e de acadar sona internacional, como é o caso de Luar na Lubre ou de Carlos Núñez, por exemplo. Porque Galicia ten sons, un estilo musica propio e xenuíno, recoñecido e recoñecible, un son no que a gaita é o símbolo, pero non o fin, pois ao lado das numerosas bandas de gaitas “tradicionais” que existen na nosa terra, conviven músicos e grupos que compoñen, que fusionan, que investigan e que modernizan as raíces musicais propias: Budiño, Milladoiro, Fuxan os Ventos, Berrogüeto, Susana Seivane, Cristina Pato, Mercedes Peón, etc. Malia a preponderancia da gaita, tamén xorden en Galicia solistas que interpretan en galego, como Uxía Senlle, Amancio Prada, Miro Casabella ou a mesma Ana Kiro.

 


Por outra banda, cómpre subliñar que a partir dos 80 un grupo de artistas novos nacidos en Galicia únense ao que foi denominado como “a movida”. Nacen bandas que fan pop, rock, punk, etc, converténdose a cidade de Vigo nun fervedoiro cultural: Os Resentidos, Golpes Bajos e Siniestro Total van romper na década dos 80, igual que sucedía noutros territorios do estado. A súa posta en escena, a temática das súas letras, e a súa expresión musical achegan a Galicia á modernidade musical. Máis tarde sería o tempo para o movemento Bravú, reivindicativo dun xeito de facer música esencialmente galego, cos Diplomáticos de Monte Alto á fronte. Hoxe en día en moitas cidades e vilas galegas xorden grupos dentro dos máis variados estilos, xeralmente facendo música alternativa,  que se expresan en galego, como Lamatumbá.


No tocante á música clásica nestas tres décadas prodúcese un forte desenvolvemento en tres aspectos: nacemento de grandes formacións, mellora e creación de novos espazos e creación dun público fiel e estable que demanda espectáculos de calidade. A creación da Orquestra Sinfónica de Galicia en 1992 na cidade da Coruña. En poucos anos consolidouse como un referente musical dentro do panorama estatal, sendo recoñecida como unha das formacións de maior prestixio. Asemade foise formando unha canteira musical e un público que agarda impaciente a programación de concertos e ópera do festival Mozart coruñés todas as primaveras. En Santiago xorde tamén unha orquestra de prestixio, a Real Filharmonía de Galicia, un chanzo por debaixo da coruñesa pero que ven completar este novo panorama musical que tiña o obxectivo de superar en calidade ás vellas orquestras municipais e cubrir unha carencia moi evidente no noso panorama cultural.

Ao mesmo tempo, vanse creando novas infraestruturas e renovando os vellos escenarios de Galicia: o Jofre en Ferrol, o Colón e o Rosalía na Coruña, o García Barbón de Vigo, o Principal de Santiago, Ourense e Pontevedra. E tamén nacen dúas instalacións que van programar múscia clásica e ópera de calidade, O Auditorio de Galicia en Compostela e o palacio da Ópera na Coruña.

A todo este proceso de desenvolvemento da cultura temos que lle engadir o progreso das artes escénicas. O teatro feito en galego xorde con forza a partir da inauguración do Centro Dramático galego, de carácter público, fundado en 1984 e que realiza unha media de tres espectáculos anuais, con sé no Salón Teatro do casco vello compostelán. O centro recuperou a obra dos dramaturgos galegos máis importantes, ademais programa obras de creadores galegos da actualidade e de grandes clásicos universais. Máis alá desta compañía de carácter público, existen en Galicia máis de 40 compañías que están a facer teatro.

No tocante a danza, temos tamén unha institución pública, o Centro Coreográfico Galego está a realizar un intenso traballo para popularizar todos os estilos artísticos alén da danza tradicional. A danza e a música popular galega segue a estar representada por diferentes bandas e compañías que continúan o camiño emprendido polo Ballet Gallego Rey de Viana, pioneiro no feito de popularizar lonxe das nosas fronteiras o noso folkclore.

Ata o ano 2007 as artes escénicas agrupábanse en torno o IGAEM (Instituto galego de Artes Escénicas e Musicais). A partir desa data foron substituídas pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) cuxo obxectivo é aglutinar a todas as industrias que se dedican á creación e a promoción artística en Galicia, independentemente do seu ámbito de actuación. Este novo proxecto «Ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables»[2]. Supón, pois, un cambio de orientación na promoción da nosa cultura, co fin de adaptala aos novos tempos, sendo recoñecida como un sector económico importante e como un indicador de progreso e benestar social.

A PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

Unha das consecuencias da chegada da democracia no eido cultural foi a nova sensibilización cara a protección do patrimonio cultural (e tamén cara o natural, aínda que este fica fóra do ámbito do curso). Esta intención por protexer e pór en valor os bens materiais e inmateriais da nosa cultura reflíctese na Lei 8/95 de Patrimonio Cultural de Galicia, ferramenta fundamental para este fin. Esta lexislación chegou tarde, do mesmo xeito que a lei estatal, que data do 1985, e que viña a substituír a outra norma que databa da II República. A lei galega de patrimonio concorda coa española, que en todo caso está por riba, aínda que as competencias en cultura están transferidas á comunidade autónoma.

A lei 8/95 ten un concepto amplo de Patrimonio, recollendo os diferentes elementos que o conforman, tanto de índole material como inmaterial:

«Integran o patrimonio cultural de Galicia os bens móbeis, inmóbeis e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico. Tamén forman parte do mesmo o patrimonio documental e bibliográfico, os conxuntos urbanos, os lugares etnográficos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sítios naturais, xardins e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.»[3]

Partindo desta definición a lei establece unha serie de normas para cumprir as tres principais funcións para a que foi creada: definir, protexer e divulgar. Ademais de establecer que é patrimonio, a lei obriga á catalogación e inventariado do mesmo, e dicir, resposta a pregunta de cal é o patrimonio do que Galicia dispón. A través de diferentes figuras de ben catalogado, e ben de interese xeral (BIC), o grao de protección ao patrimonio de interese galego será máis ou menos intenso. A lei é esixente no tocante á protección do patrimonio, establecendo unha serie de normas que impiden a destrución dos bens e que obrigan a protexelos, e limitando a súa exportación, necesitándose sempre un informe da Dirección Xeral de patrimonio,que ten a potestade de paralizar calquera obra ou actuación que poida afectar ao patrimonio, estea este catalogado ou non.

Por outro lado, a lei pretende que o patrimonio fique ao alcance dos cidadáns a través da posta en valor do mesmo. Nestas últimas décadas  tense actuado moito na adecuación de espazos arqueolóxicos, non só para a súa conservación, se non tamén para que poidan ser visitados. De feito, na actualidade está en marcha o proxecto da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, que pretende dar unha certa unidade a todos os sitios e museo de valor arqueolóxico, centrándose en catro grandes centros con catro temáticas diferentes: Arte rupreste (Parque arqueolóxico de Campo Lameiro), Cultura Castrexa (parque Arqueolóxico de San Cibrao de Lás), Megalitismo (Costa da Morte) e Romanización (Lugo). O patrimonio etnográfico, antigamente só representado na iniciativa da fundación privada do Museo do Pobo Galego, tamén acrecentou o seu número de centros visitables, con lugares como o Museo etnográfico de Ribadavia, o Museo do Mar de Vigo ou o Museo Massó de Bueu, entre outros.

As leis estatal e autonómica de patrimonio establecen unha serie de acordos coa Igrexa católica co fin de preservar o gran legado histórico artístico da devandita organización, e que comprende milleiros de igrexas, mosteiros e bens mobles de gran valor. A lei de patrimonio regula, do mesmo xeito, o sistema galego de museos, de bibliotecas e de arquivos, ademais doutras institucións culturais.

A NOVA PERSPECTIVA DO SÉCULO XX

Nestas últimas décadas o mundo está a mudar a un ritmo vertixinoso. A globalización vai afectar a todas as estruturas económicas e sociais, incluída por suposto a cultura, das sociedades capitalistas occidentais nas que se insire o territorio galego. A posmodernidade e a cultura de masas son os paradigmas que están a afectarnos a todos os cidadáns europeos.

Unha cultura de masas dominada pola imaxe, a literatura, o cine e a música de consumo rápido e dixestión sinxela (xeralmente de orixe norteamericana) que abrolla por todas partes, tendente á uniformidade, que se coa nos nosos fogares e que inflúe constantemente no noso xeito de vida. Una posmodernidade na procura de novos xeitos de expresión, amiga de todo o novo e pouco respectuosa coa tradición, que crea e destrúe produtos culturais a un ritmo frenético, filla da sociedade de consumo, onde o que acaba de nacer de seguido fica obsoleto, onde causar impacto, sorpresa e repercusión nos medios de comunicación de masas convértese nun fin en si mesmo.

Cal é a posición que debe xogar un territorio periférico, de escasa renda per cápita, cunha poboación envellecida e pouco receptiva cara a modernidade, e con pouca estima cara si mesma como é Galicia? Que debemos facer coa cultura propia e coas culturas alleas que nos veñen impostas? Velaquí algunhas receitas persoais mara mellorar o panorama actual.

Todas as culturas suman. Non existe contradición entre o local e o global, se non que estes dous conceptos son compatibles. O Adrián Solovio de Otero Pedrayo en Arredor de si, atopou o seu horizonte na súa propia terra. Sendo galego podía ser universal; aquilo que buscou durante tantos anos de periplo atopouno ao fin na súa terra. Tamen ao contrario, a cultura galega non pode ficar pechada as influencias internacional que sen dúbida a poden enriquecer, como aconteceu coa obra de Luís Seoane e doutros renovadores.

Os grandes proxectos non deben solapar as pequenas actuacións no eido cultural. Ademais dos grandes lugares é moi importante manter vivoo patrimonio a nivel local, poñendo en valor aqueles lugares máis significativos dos nosos pequenos concellos, non só no tocante á arquitectura é arqueoloxía, sendo moi importante atender ao patrimonio inmaterial e á etnoloxía, con pequenos museos de sitio que manteñan accesibles estes elementos.

A tradición e a modernidade tamén poden convivir. A necesidade de protexer e conservar o noso patrimonio pode compaxinarse cunha posta en valor eficaz e moderna. Ademais de conservar o que temos, Galicia debe ser produtor de cultura. As autoridades deben fomentar a creatividade en todos os eidos, pois a cultura, ademais de protexer a nosa identidade como pobo, poder repercutir de xeito moi positivo na economía.

Outro dos obxectivos fundamentais que a cultura galega non acadou e a consecución dun público consumidor de produtos culturais, que evite a excesiva dependencia das subvencións dentro da oferta cultural; sería un paso moi importante que produtoras de música, cine, danza e teatro puidesen ingresar moitos máis cartos no mercado cultural, e que os galegos investisen máis en cultura autóctona. Para lograr isto, sería moi importante mellorar a formación da xente nova, e a promoción da nosa cultura, incapaz a na maioría dos casos de competir con esa cultura global da que falabamos con anterioridade.

En último lugar, e en relación co comentando anteriormente, a estima que un pobo ten de si mesmo mídese en moitos casos polo respecto á súa cultura e a súa historia. Gañar en confianza en nós mesmos, amar o legado que os nosos devanceiros legáronnos. Neste século XXI Galicia debe posicionarse a nivel internacional, amosando ao mundo que vaga a pena vivir aquí, e tamén vir a Galicia de visita, a gozar dos seus extraordinarios paisaxes, do seu rico patrimonio, da súa gastronomía, da súa música, dos seus museos, dos eventos culturais que aquí se celebran.

 Cerramos o curso coas mesmas palabras de Otero Pedrayo coas que o abrimos:

«Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima»

Démoslle pois, entre todos os galegos, ese sopro interior que a nosa cultura precisa para que se manteña vizosa durante mil primaveras máis.

[1] Estatuto de Autonomía de Galicia, 1981
[2] Lei 4/2008, do 23 de maio
[3] Lei 8/95 De patrimonio cultural de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.