4 nov 2009

04. O VELLO REINO DE GALICIA

Iniciamos con esta clase a segunda parte do programa no que imos tratar o desenvolvemento da nosa cultura ao longo do medievo. A Idade Media comprende ao redor de mil anos da nosa historia, un amplísimo período de tempo onde se suceden moitas expresións culturais. Nestas cinco clases veremos a creación dun reino cristián galego a partir da vella provincia romana de Gallaecia, destacaremos o esplendor do noso románico, coñeceremos o poder monástico e o seu impresionante legado patrimonial na nosa terra, falaremos de Santiago de Compostela como horizonte da cristiandade, trataremos o xurdimento dos alicerces da nosa lingua e faremos un percorrido a través da sociedade e da cultura galega dos últimos séculos do medievo.

A historia de Idade Media está chea de tópicos, que moitas veces danaron á cultura galega. Por unha banda sempre se tratou a Galicia como un apéndice dunha suposta monarquía hispánica que ven de antigo. Por outro lado decote se tratou este período como unha etapa escura no devir da humanidade. Nestas clases imos tentar rachar estes tópicos, en primeiro lugar entendendo o medievo en positivo, resaltando os grandes logros e feitos culturais que se producen nela. En segundo lugar, centrándonos na personalidade histórica e cultural de Galicia, non como unha periferia das monarquías hispánicas, se non como un territorio con personalidade xurídica durante toda a Idade Media e cunha cultura propia que acada grandes fitos nos eidos artístico e literario. Nestas clases non haberá, pois, grandes listas de reis visigodos, leoneses, casteláns e hispanos, non haberá batallas, nin reconquistas, nin repoboacións (pois este foi un episodio histórico non moi importante en Galicia). Aquí trataremos de salientar aqueles aspectos da cultura galega que nos parecen máis representativos, e que definiron a nosa personalidade como nación ao longo dos anos.

A periodización da historia en xeral, e do medievo en particular, e unha convención feita a posteriori co obxecto de comprender mellor o pasado. Ningún home da Idade Media era consciente de estar vivindo nunha época que tivese tal nome. Por outro lado, o termo ten xa de por si unha carga pexorativa, como periodo intermedio entre o clásico e o moderno. Como nós non concordamos con esta visión en negativo do medievo, non imos cinguirnos a estes tópicos.


Nesta primeira clase, na que comezamos falando do cristianismo en Galicia, cuxo inicio hai que situar na época do baixo imperio romano, aínda estamos na Idade Antiga, e veremos o paso cara a Idade Media. Ademais coñeceremos como os suevos chegan á provincia romana de Gallaecia e instauran o primeiro reino europeo en plena etapa imperial. Veremos a caída dos suevos e a integración de Galicia na órbita visigoda, mais mantendo a súa personalidade histórica. Por último, coñeceremos a patrimonio cultural asociado a estes primeiros séculos da Idade Media ata o prerrománico.

O CRISTIANISMO CHEGOU PARA QUEDARSE

A asimilación por parte da poboación galega da relixión cristiá é un feito importantísimo a nivel cultural. Como ían imaxinar aquelas primeiras comunidades cristiás, que na clandestinidade practicaban unha relixión monoteísta, alá polo século III, que as súas crenzas ían influír tanto no devir cultural, no pensamento, na política e no patrimonio galego.

É posible que fose as tropas romanas que viñan de África as que introducirían o cristianismo na Gallaecia. Outra fonte de entrada puido ser a chegada de predicadores da nova fe, descendentes daqueles que espallaron a mensaxe de Xesús por todo o Imperio desde a súa morte. Esta nova relixión vai gañando adeptos, tanto nas cidades como nas villae e vici durante o séculos III e IV.

No ano 392 O emperador Teodosio decreta o cristianismo como única relixión oficial do Imperio. Xa a principios de século, outro emperador, Constantino decretara a liberdade relixiosa e, polo tanto, os cristiáns deixaron de estar perseguidos. De seguido noméanse sés episcopais e bispos: Braga, Lugo, Astorga, Chaves, Tui, Iria e Ourense.

A entrada do cristianismo foi serodia. Tivo lugar paseniño, sobre todo nas comunidades rurais, onde conviviu con ritos e tradicións pagás.

O cristianismo foi callando na poboación desde a súa chegada a Galicia, mais ao carón da relixión oficial, vai xurdir no século IV unha figura herética que marcaría o devir do cristianismo nos seus primeiros séculos: Prisciliano.

Prisciliano nace a mediados do século IV na Gallaecia ou en Lusitania, no seo dunha familia de terratenentes e aristócratas. A súa formación intelectual foi moi completa, incluíndo unha estancia en Burdeos.

«Para uns foi un heresiarca denigrante, abominable e mesmo diabólico, mentres para outros foi un mártir que encarnaba a puridade do cristianismo e canalizaba as arelas espirituais e morais dunha boa parte da poboación hispanorromana e tamén galaica»1

De seguido forma un grupo de adeptos que seguen as súas revolucionarias prédicas, que inclúen o ascetismo, a libre interpretación dos textos sagrados e a vida en comunidade. O seu mensaxe é seguido en especial polas mulleres e os grupos populares.

O Priscilianismo outorga un papel relevante á muller. Os seus ritos inclúen o xaxún e as reunións de carácter esotérico (algo que non debe estrañar nunha sociedade acostumada aos sacrificios e ritos romanos). Ao parecer, os priscilianistas facían a eucaristía con leite e uvas. Prisciliano tiña unha concepción do mundo e da alma humana en positivo. Eran obra de Deus e, polo tanto, eran bos. Para el o espírito, a alma, era superior ao corpo e, polo tanto, debía transcender a este a través das prácticas ascéticas.

Entra na xerarquía eclesiástica e é nomeado bispo de Ávila no ano 380. Máis de seguido é posto en cuestión polos seus compañeiros polas súas prácticas, que son consideradas como heréticas.

Prisciliano foi condenado por herexe nos concilios de Zaragoza(380), Burdeos (384), Tréveris (386) e Toledo (400), cando xa estaba morto. Neste último cuarto de século foi sonada a liorta formada en torno a Prisciliano, que acode a Roma a falar co bispo de Roma (primado da igrexa) con quen non consigue contactar, e despois a Milán, sé do emperador. Neste viaxe trata de defenderse das acusacións dos Concilio de Zaragoza. Coñecemos as súas ideas de primeira man grazas á defensa que fixo de si mesmo e das súas ideas, e tamén pola gran controversia que xerou en vida e moito despois de morto. En Treveris o emperador Máximo condena a morte por herexía e bruxería a el e máis aos seus seguidores (Felicísimo, Armenio, Eucrocia, Latroniano, Aurelio e Asarino). Acúselle de acubillar mulleres no seu grupo e de ter relacións con elas, de practicar a maxia, de bruxería, de uso de herbas abortivas, etc.

No Concilio de Zaragoza acusáselle de propiciar que haxa «mulleres que asisten a lecturas da Biblia en casas de homes con quen non teñen parentesco; o xaxún dominical e a ausencia das Igrexas durante a coresma; a recepción das especies eucarísticas na igrexa sen consumilas de inmediato; o apartamento en celas e retiros nas montañas; andar descalzos (nudis pedibus incedere)»2.

Prisciliano foi o primeiro cristián condenado a morte por herexe (dos moitos que houbo a partir de Teodosio) pola autoridade civil e relixiosa. A súa figura engrandeceuse e callou con moita máis forza no territorio de Gallaecia após da súa morte. O priscilianismo será cuestión de controversias e de enfrontamentos ata o século VI coa condena de San Martiño Dumiense.

«Pero a morte de Prisciliano non foi en balde. Por unha parte, a súa figura (...) serviu como exorcismo para condenar o que as autoridades eclesiásticas non estaban dispostas a admitir. É, en consecuencia, serviu para reforzar unha tendencia na historia da Igrexa na que a identificación desta co poder político se faría crecente e na que as mulleres, participantes activas destes movementos, quedarían máis recluídas no ámbito doméstico»3

Pasados dous anos da morte de Prisiciliano, un grupo de discípulos seus acoden a Tréveris (hoxe en día a cidade alemá de Trier), exhuman o cadáver e tráeno de volta a Galicia, onde semella que se se edificou un santuario para venerar os seus restos. Este feito da pé a que algúns historiadores sostivesen a idea de que os restos de Compostela non sexan os do apóstolo Santiago se non os de o propio Prisciliano (outras hipóteses de onde pode estar soterrado son Santa Eulalia de Bóveda e a hermida de San Mamede en San Miguel de Valga – Pontevedra).

A persecución a Prisciliano e aos seus seguidores (que durou moito tempo) haina que entender nun contexto de fortalecemento da xerarquía eclesiástica e da súa alianza co poder civil. Estes grupos relixiosos ascéticos, con prácticas que se achegan máis ao mensaxe dos evanxeos, que viven en comunidades cativas dirixidas por un profeta ou asceta ou santo, foron consideradas perigosas pola xerarquía. Nese sentido, Prisciliano foi a primeira vítima da persecución que se fixo destes grupos. Estamos vivindo, pois, o proceso no que a vella relixión cristiá, en comunidade, igualitaria, se unha praxe regrada, e substituída polo cristianismo oficial, xerárquico, en aliaxe ou enfrontamento de igual a igual con poder civil, e no que as mulleres ocuparán un papel secundario.

«Semella comprobado que o priscilianismo asumiu o compoñente de rebeldía social e aglutinou aos descontentos da marcha do moribundo Imperio (...) A súa influencia na propagación e organización peculiar e singular do cristianismo no medio rural galaico, é xa un feito contrastado»4

Deixamos a un lado a Prisciliano (de momento, xa que volveremos a falar do Priscilianismo no reino Suevo) e avanzamos, non sen antes recordar algunhas das bases da doutrina Priscilianista, neste caso recollidas polo historiador da época Paulo Orosio, un bocado difíciles de entender máis das que seguro podemos deducir certa mensaxe esotérica e interpretación libre do asunto do corpo e da alma, nos que le ve representados simbolicamente os signos do zodíaco e aos patriarcas da Igrexa:

«O mesmo Prisciliano, nunha das súas epístolas, di: esta primeira sabedoría, nos distintos tipos de almas, é a de comprender a natureza das virtudes divinas e das disposicións dos corpos. Nela o ceo aparece ligado á terra e todos os principados do século parecen obrigados a superar as disposicións dos santos. Pois o primeiro círculo de Deus e o título divino das almas, que deben de seren enviadas aos corpos polo consenso dos anxos de Deus e de todas as almas, téñeno os patriarcas que, en troques, teñen tamén a obra da milicia persoal e o demais. Ensina, pois, que os nomes dos patriarcas son membros da alma, posto que Rubén está na cabeza, Xudá no peito, Levi no corazón, Benxamín nas pernas, e así sucesivamente. Pola contra, nos membros do corpo están plasmados os signos do zodíaco; isto é: Aries na cabeza, Tauro na cerviz, os Xemelgos nos brazos, Cancro no peito, etc.»5

OS SUEVOS

«Incitadas por Stilico, como xa dixemos, as xentes do alanos, os suevos e os vándalos,e outras mesturadas con elas, derrotan aos francos, pasan o Rin, invaden as Galias e en directa acometida chegan ata o Pirineo»6

Foi na noite de San Silvestre do ano 406 cando os Suevos (xunto aos outros pobos xermanos citados por Paulo Orosio) cruzan o río Rin e comezan a ocupación de territorios do Imperio Romano.. Durante tres anos estes pobos xermánicos dedícanse a saquear e a vagar dun lugar a outro das galias. Despois de superar a cordilleira espállanse polo territorio peninsular, vivindo dun xeito nómade. Como se recolle no texto de Orosio, atravesan as Galias, e chegan aos Pirineos, onde non poden ser detidos polas tropas imperiais. O reparto de zonas leva aos vándalos cara ao sur e despois a África, aos alanos a metade leste da península e aos suevos ao noroeste peninsular.

Os suevos chegan á provincia romana da Gallaecia, que abranguía a actual Galicia, o Norte de Portugal ata o Douro, as terras de Asturias e boa parte da Meseta Norte. Nun principio vanse instalar preto da cidade de Braga, no territorio entre o Miño e o Douro,aínda que axiña se espallaran por todo o territorio da actual Galicia. Non hai un dato fiable para saber cantos Suevos entraron nesta migración. Unha cifra coa que moitos historiadores están de acordo é a de 30.000 persoas, dos que uns 10.000 sería guerreiros.

Mais o asentamento dos suevos na Gallaecia, que levaban tres anos dun lugar para outro, practicando todo xeito de violencia e saqueo,non debeu ser violenta.hai unha frase senlleira de Orosio que define moi ben este proceso e que di que os suevos “cambiaron as espadas polos arados”.

Os suevos xa mantiveran contactos cos romanos desde a época da guerra das Galias no século I a.e.c. Estaban asentados moi preto do limes que formaban os ríos Rin e Danubio, polo que xa se coñecían dabondo antes de esta entrada no Imperio. Aínda que non temos probas documentais, é máis que probable que os Suevos firmasen un foedus, un pacto de hospitalidade cun Imperio Romano daquela xa moi debilitado e en procese de desintegración. É posible que os Suevos apoiasen aos romanos nos conflitos que iñan abertos na península contra outros pobos xermánicos.

Sexa como for, os suevos instálanse no territorio e fundan un Reino dentro do propio Imperio. O reino máis antigo de Europa, que terá vixencia durante case dous séculos, cando os suevos sexan asimilados pola monarquía visigoda. Se nun principio os recen chegados manteñen un vencello con Roma, pouco a pouco este vaise rachar e os suevos, e a poboación galega en xeral, deixarán de pagar tributos ao emperador.

Esta monarquía ex-novo exerce o control sobre o territorio. Os reis suevos chegan a acuñar moeda propia onde se recolle o seu nome e non o do emperador de Roma, proba inequívoca da súa crecente independencia fronte ao imperio. Mais, como foi a relación entre estes novos inquilinos e o pobo que os acolle? En principio non hai novas de grandes enfrontamentos entre suevos e galaicoromanos. En palabras de Orosio, foron moitos os que «prefiren vivir entre os bárbaros pobre e libremente, a sufrir a anguria dos tributos entre os romanos»7. Segundo Anselmo López Carrera «a gran masa da poboación galaica(fundamentalmente campesiños) viuse con certeza aliviada da presión tributaria propia do baixo Imperio» , mentres que «os terratenentes optaron por seguiren fieis ás institucións imperiais, que eles mesmos posuían, polo menos nas cidades,cos seus bispos católicos á cabeza, e depositaban a súa esperanza (en medida cada vez menos) na intervención dos legado e militares romanos»8.

Unha vez que os suevos aséntanse e controlan o territorio, non poden resistirse ao seu impulso guerreiro e comezan unha serie de operacións polo territorio peninsular, ben de saqueo ou ben con intención de conquistar territorios. Estas operacións están dirixidas polos reis Reckila e o seu fillo Reckiario pola Bética, a Lusutania e a Tarraconense, dominadas polos visigodos coligados co poder imperial). O imperio tivo que envíar ao rei dos godos, Teodorico II, á península a dominar aos poderosos suevos, aos que derrota na batalla do Órbigo no 456. Despois desta derrota os Suevos, tras un cuarto de século de campañas pola península, ficarán repregados no seu territorio.

Mais interesante resulta a controversia relixiosa en torno ao priscilianismo. A chegada dos suevos supón unha certa liberdade relixiosa e un cese na persecución dos seguidores da doutrina de Prisciliano. Os suevos practicaban o arrianismo, unha relixión de orixe oriental que non recoñece a Cristo como o mesmo Deus, se non como unha creación deste. O priscilianismo seguiría vixente ata o século VI, cando os suevos convértense á relixión católica. Nesta etapa xurde un personaxe chave na historia de Galicia, tanto para coñecer as costumes relixiosas dos galegos daquela época, como para axudar a poñer fin a moitas delas.

Martiño de Dumio (ou dumiense, ou San Matiño de Braga) nace na Panonia (na actual Hungría) a principios do século VI. Nesas terras entra en contacto co movemento monástico, que despois exportará ao Finisterrae. Formouse en Constantinopla. As circunstancias da súa vida o levan cara a cidade episcopal de Braga, no reino dos Suevos.

Preto de alí funda o mosteiro de Dumio, que se vai converter nun vigoroso centro relixioso no que se difunden as ideas católicas procedentes do Imperio de oriente que aporta o dumiense. Destas prácticas destacamos o monacato ascético que practican el e os seus seguidores en Dumio, e que é un claro antecedente do éxito do monacato nas nosas terras. San Martiño foi un personaxe fundamental porque consigue que o rei Teodomiro se converta ao catolicismo,. Máis a súa teima vai ser acabar coas heterodoxas praxes relixiosas da poboación galega. O de Dumio foi un dos principais intelectuais da Igrexa da súa época.

A súa obra máis destacada, a que nos fala dos seus intentos de levarao heréticos galegos pola senda da ortodoxia cristiá, é a célebre De Correctione Rusticorum. Trátase dunha obra moi importante para coñecer precisamente a esa sociedade que el quería que mudase de costumes. Nela condena as prácticas de idolatría, de superstición e de bruxería que se practicaban no noroeste da península. É curioso como se queixa de costumes e supersticións que son moi típicas na cultura galega e, moitas das cales se mantiveron ao longo dos séculos.

«Velaquí que clase de promesa e de profesión de fe tedes con Deus! ¿e como volven de seguida aos cultos do diaño algúns de entre vos que renunciaron ao diaño, aos sesu anxos, aos seus cultos e ás súas malas obras? Pois acender velas xunto as pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas. Que outra cousa é senón culto ao diaño? os actos de adiviñación e os augurios e o celebrar o día dos ídolos, que outra cousa é senón culto ao diaño? Festexar as vucanais e as calendas, adornar as mesas e pór ramas de laure, prestar atención ao pé que se emprega, derramar gran de viño no lume sobre un tronco e pór pan nas fontes, que outra cousa é senón culto ao diaño? Que as mulleres invoquen a Minerva mentres tecen, que elixan o día de Venus para as súas nupcias e que presten atención a que día se poñen en camiño, que outra cousa é senón culto ao diaño? Enfeitizar herbas para encantamento e invocar os nomes dos demos ao facelo, que outra cousa é senón culto ao diaño? E outras moitas cousas que son longas de contar. Velaquí que despois da renuncia ao diaño, despois do bautismo,facedes todo isto, e que,volvendo ao culto dos demos e ás malas obras dos ídolos, vós deixastes de lado a vosa fe e rompestes o pacto que fixestes con Deus... »9

Como anécdota é interesante saber que foi San Martíño é o artífice de que na lingua portuguesa os días da semana sexan chamados ferias e non cos nomes dos deuses pagáns. Cando morre é enterrado na capela de San Martño de Tours, no mosteiro de Dumio. No seu sartego podíase ler o seguinte epitafio:

Nacido en Panonia, cheguei atravesando os anchos mares e arrastrado por un instinto divino, a esta terra galega, que me acolleu no seu seo. Fun consagrado bispo nesta igrexa túa, ¡oh glorioso confesor San Martíño!; restaurei a relixión e as cousas sagradas, e esforzándome por seguir as túas pegadas, eu, o teu servidor Martíño, que teño o teu nome, mais non os teus méritos, descanso aquí na paz de Cristo.

A figura de San Martiño de Dumio tamén pode ser vista desde o punto de vista político, as súas prédicas poden reflectir a intención dos reis suevos de entrar na órbita do imperio oriental para zafarse da influencia visigoda, pois foi xusto nestes anos cando desde Constantinopla se intenta recompoñer a unidade do Imperio romano.

Na segunda metade do século VI o poder da monarquía visigoda foi en aumento. Hai sucesivos enfrontamentos cos suevos. No ano 585 o rei visigodo Leovixildo entra coas súas tropas en territorio suevo e derrota a estes. A partir deste intre, «Galicia integrábase nos cadros administrativos da monarquía visigoda e queda sometida á súa influencia». A partir do século VII Galicia fica integrada na monarquía visigoda, mais segue a manter a súa integridade territorial e a súa personalidade xurídica, desta volta, como unha provincia, da que formarían parte unha zona da Lusitania, Asturias e Cantabria. Lugo sería a capital desta provincia. Neste senso, compre apuntar que ata o papa Gregorio Magno manda unha carta ao rei Recaredo dirixíndose a el como «Rei dos godos e dos Suevos»10.

Mais a monarquía visigoda tamén tiña os seus días contados. Nos primeiros anos do século VIII os musulmáns entran na península e a conquista. Nestes últimos anos de dominio visigodo xurde o personaxe de Vitiza que reinou sobre o territorio de Galicia, aínda que as fontes que nos informan sobre el son contraditorias. Imos deixar aquí a traxectoria política destes anos, e imos coñecer algúns exemplos do patrimonio artístico ligados a estes séculos.

«Os xermanos, polo tanto, marcaron un cambio político, pero tamén houbo unha continuidade evidente. (...) para interpretar esta época debemos olvidarnos de “romanismo” e “xermanismo”, e doutras clasificacións de corte etnicista, e tratar de identificar a través dos datos arqueolóxicos, e coa axuda dos estudios históricos, os procesos de transformación e desaparición final do Mundo Antigo que conduxeron á Idade Media, devir histórico no que galaicorromanos e xermanos tiveron un papel específico, en ocasións como inimigos e as máis das veces como colaboradores. pero en todo caso, compartírono xuntos.»11

A ARTE DESPOIS DOS ROMANOS E ANTES DO ROMÁNICO.

Os suevos non crearon unha arte propia en Galicia. A s creacións artísticas durante os séculos do reino suevo manteñen a tradición tardorromana e paleo cristiá.

SANTA MARÍA A NAI, OURENSE
O templo, foi mandado construír polo rei suevo Carriarico. Este enviou unha legación a Tours para mandar traer as reliquias de San Martiño, co fin de que axudasen a curar ao seu fillo, que estaba gravemente doente. Como o fillo curou, Carriarico mandou erguer un templo na honra de San Martiño e Santa Mariña.
Na fachada desta igrexa consérvanse algúns restos desta época, principalmente columnas e capiteis de mármore, reflexo da época de dominación romana.

SAN PEDRO DE ROCHAS
O cenobio de San Pedro de Rochas, e Esgos (Ourense) é o resto máis antigo da vida monacal en Galicia.
Unha lápida fundacional, que se conserva na actualidade no Museo de Ourense, indícanos que foi construído no ano 573. A primitiva igrexa deste mosteiro consta de tres capelas abertas na rocha. trátase dun edificio rupestre, que garda relación con outros edificios deste tipo que usaban as primeiras comunidades cristiás. Son moi interesantes as sepulturas antropomorfas, que tamén nos documentan que desde moi cedo se empezou a soterrar os corpos nas propias igrexas. Tamén se conserva desta época o altar que esta no Museo de Ourense, en forma de mesa. (esta datación xera dúbidas).
Este edificio tamén foi reformado con posterioridade, a partir do século XII xa en plena época Romana.

LÁPIDAS DE ESTOLA
Unha das pegadas artísticas máis importantes da etapa sueva son as chamadas lápidas de estola. Hainas de varios tipos, desde as máis sinxelas cunha soa estola ata as que conteñen representacións antropomorfas e con simboloxía cristiá. Son moi belas aquelas que presentan unha escritura ornamental
Máis alá da época sueva continúan a utilizarse este tipo de lápidas de estola,o que dificulta ao arqueólogos saber a que época pertencen. Son moi excepcionais aquelas que nos indican o nome do morto e o ano de morte, como acontece no enterramento de Ermengoda, preto de Pontevedra, e datado do ano 624

SANTA COMBA DE BANDE
Dentro da época visigoda temos que destacar a igrexa de Santa Comba de Bande, en Ourense. Trátase dun magnífico exemplo que se conservou co aspecto inicial de construción. Ademais este templo contén todas as características da arquitectura visigoda: cantería de gran calidades, planta de cruz grega con espazos anexos, aperturas de vanos, arcos e bóvedas, etc. Posúe un cimborrio que permite a entrada da luz ao espazo interior. Neste predio combinouse a utilización de pedra co tixolo.
No interior da igrexa agárdannos unhas cantas sorpresas. As columnas teñen capiteis de épocas diferentes, desde a época romana ata o século IX. Na bóveda e no testeiro do presbiterio consérvanse –en mal estado- restos de pinturas murais da segunda metade do século XVI

SAN XOÁN DE PANXÓN
Os restos de san Xoán de Panxón están moito peor conservados. De feito, so temos en pé un fragmento de muro cun arco de ferradura visigodo sostido por un par de columnas, das que temos que destacar os seus capiteis con decoracións vexetais. A cronoloxía que presenta está igrexa é en torno ao último cuarto do século VII.

PAULO OROSIO

Rematamos a clase falando dun dos personaxes fundamentais para o coñecemento da historia antiga e a xermanización en Galicia. Paulo Orosio é unha das fontes máis citadas á hora de estudar este período. Respecto ao seu nacemento, téñense dúbidas se este se produciu en Tarraco ou na propia Gallaecia (Brigantia ou Braccara). Debeu nacer na década dos 80 do século IV, isto é, antes da chegada dos xermanos pero nun momento no que o Imperio estaba es situación de decadencia. Foi, polo tanto, testemuña en primeira man dos feitos que narra nos seus escritos.
Foi PresbÍtero en Braga, cidade na que se instalaron os suevos á súa chegada á Gallaecia. Esta cidade converteuse nun importante foco intelectual nestes primeiros séculos d Idade Media.

Na súa vida foron moi importantes as súas viaxes polos horizontes da cristiandade: África (Hipona), Alexandría e Palestina. A través destes Orosio entra en contacto con personaxes moi relevantes como Santo Agostiño de Hipona, un dos pais da Igrexa, autor da obra A Cidade de deus na que o propio Orosio Puido colaborar.
As circunstancias da súa saída cara a África son especiais, segundo el mesmo narra na súa obra:

«Ocupándome por exemplo de min mesmo, de como vin por primeira vez aos descoñecidos bárbaros, como os tratei de evitar ao se presentar como inimigos, como estando baixo o seu dominio lles tiven que facer afagos, como evitei aos infieis, como escapei cando estaban á miña espreita, ou, por último, como, perseguíndome polo mar, e atacándome con pedras e frechas, a piques de caer nas súas mans, fuxín cuberto por unha repentina néboa»12

Sexa cal for o motivo da súa saída de Gallaecia, a súa chegada a África, ao carón de Agostiño de Hipona, satisfíxolle moito. De seguido comezou a trabllar con Agostiño, que era o mairo intlectual da época:

«Eu mesmo, que fuxín por calisquera primeira perturbación, atopándome agora seguro no lugar no que me refuxei, podo dicir que alí onde están a miña lei e a miña relixión, está a miña patria. Agora que África me acolleu de tan bo grao»13

No ano 415 Agostiño encárgalle a Orosio que viaxe a terra santa a reunirse con Xerome de Estridon, participando alí nun sínodo representando ao seu protector.. Alí enfrontouse directamente co bispo de Xerusalén, Xoán II. Froito desta disputa foi o liber apologeticus onde rexeita á acusación de herexe vertida contra el. De alí retorna a África e participa nun Concilio en Cartago. De volta trae consigo as reliquias do protomartir estevo, que ficaron espalladas por terras africanas e pola illa de Menorca, dende onde intenta, sen éxito, volver á península.
Da illa retorna non á Gallaecia, se non a África, onde escribe as súas célebres Historias contra os pagáns. Do seu pasamento descoñécense as circustancias. É posible que morrera froito das invasións dos vándalos no Norte de Áfric, como así lle sucedeu ao seu mentor Agostiño de Hipona.

Consérvanse tres obras de Paulo Orosio:Communitorium, Liber Apologeticus e Historiae Adversus Paganos. A primeira é unha obra na que advirte dos erros dos priscilianistas. A segunda é a xa citada defensa persoal contra as acusacións de herexía, onde defende as teses de San Agostiño, e a terceira e a obra de carácter histórico que nos sirve como unha das principais fontes para o estudio da antigüidade primeiro medievo galegos.

Na súa obra traza a historia dos pobos pagáns e recolle os seus erros, xustificando que a caida de Roma non ten que ver co cristianismo, se non co paganismo que persiste no pobo romano. A súa obras e a primeira historia con vocación universal feita por un cristián. El pretende recoller a historia desde a creación ata a época que lle tocou vivir. Fálanos da sucesión de catro imperios pagáns –Babilonia, Macedonia, Cartago e Roma precrsistiana-, e dun quinto, a Roma cristiá, que sería a superación de todos eles. Os feitos acontecidos en Hispania son de especial interese para Orosio, e nos que fai especial fincapé.

A obra de Orosio ten unha narrativa de gran calidade. Segue a mesturar lendas con datos historiográficos, como se facía na súa época, pero isto non lle resta valor á súa obras, que serviu como obra de referencia durante todo o medievo. Por último, salientar o optimismo e a fe no futuro de Orosio, a súa esperanza que a través do achegamento dos antigos pagáns á relixión cristiá o mundo ía transformarse e a converterse nesa agostiñana cidade de Deus na terra.


1 FELIPE ARIAS VILAS: “A romanización de Galicia” Ed. A nos aterra, Vigo. 1993 (172)
2 HENRY CHADWICK: Prisciliano de Ávila: ocultismo y poderes carismáticos en la Iglesia primitiva, 1978, p. 34-35
3 J.C. BERMEJO BARRERA e X.A. FERNÁNDEZ CANOSA. Idade Antiga, en Nova Historia de Galicia, Ed. Tambre, Oleiros. 1996 (142)
4 FELIPE ARIAS VILAS: “A romanización de Galicia” Ed. A nos aterra, Vigo. 1993 (173)
5 PAULO OROSIO: Commonitorium, cap.2 [En XOÁN BERMUDEZ VILAR, O comezo da nosa Idade Media. Ed. toxosoutos, Noia. 2003 (39)]
6 PAULO OROSIO: Historiarum, cap IV [En XOÁN BERMUDEZ VILAR, O comezo da nosa Idade Media. Ed. toxosoutos, Noia. 2003 (43)]
7 PAULO OROSIO: Historiarum, cap VII [en ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. 2005 (37)]
8 ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. “005 (41)
9 SAN MARTIÑO DE DUMIO:De Correctione Rusticorum. [En Mª DEL CARMEN PALLARES e ERMELINDO PORTELA A Idade Media, Nova Historia de Galicia, Ed. tambre, Oleiros, 1996 (p. 163)]
10 ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. “005 (103)
11 ÁLVARO RODRÍGUEZ RESINO: Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Arqueoloxía da tardoantigüidade en Galicia (séculos V-VIII). Ed. Toxosoutos, Noia, 2005 (194-195)
12 PAULO OROSIO: Historiarum, cap IIII [en XOÁN BERNÁNDEZ VILAR: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. ed. Toxosoutos, Noia. 2003 (110)]
13 PAULO OROSIO: Historiarum, cap V[en XOÁN BERNÁNDEZ VILAR: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. ed. Toxosoutos, Noia. 2003 (112)]

1 comentario:

deixa aqui o teu comentario.