Como levamos comprobado a estas alturas de curso, o granito foi a pedra que moldeou a arquitectura e a escultura galega desde a prehistoria. Unha importancia que traspasa o seu uso como material e que se converte nun dos símbolos nacionais galegos. Agora, norománico, despois do ano mil, a tradición no uso da senlleira pedra que configura o chan galego vai acadar grandes cotas de mestría, nos eidos da arquitectura e da escultura.
Nesta clase faremos un percorrido pola orixe do románico na nosa terra. Veremos os grandes edificios románicos de Galicia, principal aínda que non unicamente de uso relixioso. Tamén descubriremos os mellores exemplos da gran tradición escultórica galega que, nesta altura, acada un desenvolvemento moi importante. Rastrexaremos o legado material na procura doutras expresións artísticas románicas, neste caso deixando a un lado a o material pétreo. Por último, trataremos de afondar no significado do románico e no seu valor simbólico.
Hoxe só veremos de pasada dous dos aspectos máis importantes do románico galego, sen os que é imposible obter unha visión da arte e da cultura do pleno medievo. Santiago coa súa romaxe e a súa catedral, e o gran desenvolvemento do poder monástico, son dous feitos chave que ben merecen cadansúa clase neste percorrido pola nosa cultura. É por iso, polo que hoxe non lles imos prestar a atención que se merecen. Esta clase do románico son, polo tanto, son tres. Unha dedicación que consideramos xusta, pois como dixo Otero Pedrayo, non estamos nunha etapa da historia sen máis:
«Non é unha época dunha historia: é un momento feliz de absoluta identificación entre a idea e a forma, da cortiza coa seiva, do reflexo superficial coa fondura, da espiga coa flor. Momentos únicos sen desprazamentos nin falsos camiños. Momentos únicos que só en Galicia foron tres. Galicia pode explicarse completamente como céltica, barroca e románica»1
A arte románica ten a súa orixe no mosteiro francés de Cluny, desde onde se lle deu pulo á reformada vida nos mosteiros por todo o occidente europeo. Os monxes de Cluny da orde de San Bieito non só difundiron unha nova forma de vida para o monacato, se non que espallaron polo territorio europeo unha nova forma de construír. O Camiño de Santiago vai servir como elemento de expansión do románico. Vai ser na súa meta, en Compostela, onde moran os restos do Apóstolo Santiago, onde se constrúa unha das mellores catedrais románicas de Europa, xusto na época dourada do románico. Mais antes do momento cumio, imos ir vendo as orixes do fenómeno románico en Galicia.
ANTES DO ROMÁNICO
Os musulmáns apenas deixaron a súa pegada cultural e artística en Galicia. Así, no noso territorio, encontrámonos cunha continuidade de produción artística cristiá, que chega ata o románico desde a introdución do cristianismo no baixo imperio, pasando pola época sueva, a influencia visigoda e os exemplos do prerrománico chamado asturiano.
Desde o século VIII a antiga provincia de Gallaecia, que coa chegada dos Suevos converteuse nun reino, e que baixo o dominio visigodo continuou a manter a súa personalidade, será o núcleo non dominado polos musulmáns. Co tempo vaise formando un poder monárquico, con sé primeiro en Oviedo e despois en León (ambos os dous territorios pertencentes ao vello reino de Galicia). Esta monarquía actúa como cabeza dunha sociedade xa claramente xerarquizada en nobres (laicos e relixiosos) e servos. Segundo van pasando os séculos, Galicia vai vivir diferentes situacións políticas que van desde a configuración como reino independente durante vairas fases do medievo, ata a definitiva dependencia da monarquía castelá. Porén, se algo vai definir a historia medieval de Galicia, vai ser a súa importancia relixiosa. Compostela convértese nun dos principais horizontes da cristiandade, centro europeo de peregrinación e forte polo de atracción e desenvolvemento. O arcebispo de Santiago será o señor máis poderoso do reino de León, e Galicia será o miolo cultural, económico e estratéxico de dito reino (só chamado así por ser sé da monarquía e non por ser un territorio que domina ao outro). O poder exercido desde os numerosos cenobios que se constrúen nesta etapa é outra boa mostra do dominio do señorío eclesiástico en Galicia.
O edificio máis importante desta época chamada prerrománica, e que vai desde o século VIII ata a introdución do románico no XI, foi a basílica de Santiago, da que só se conservan algúns restos atopados nas escavacións da catedral. O descubrimento, real ou inventado, dos restos do apóstolo, fixo de Compostela un dos centros máis importantes da cristiandade, e así se debeu reflectir na arquitectura monumental desde o primeiro momento.
Outros exemplos de arquitectura desta época son Santa María do Cebreiro e San Xes de Francelos, ambas as dúas do século IX. A primeira non só representa un dos mellores exemplo do prerrománico, ademais é coñecida por ser un lugar asociado á lenda do santo Graal. Conta a historia que o cura da igrexa fixo chanza dun home que, nun día de grande tempestade acudiu ao templo do Cebreiro á misa. O pan e viño, xa consagrados, convertéronse en carne e sangue pola devoción do visitante. O cáliz do Cebreiro pasou ao imaxinario galego, e hoxe en día aínda se manteñen as teorías que din que este mesmo cáliz é o que aparece no noso escudo. De San Xes de Francelos, que se atopa no concello de Ribadavia, destacamos a súa fachada e o seu atrio cuberto.
Do século X consérvanse igrexas como Santa María de Mixós (Monterrei) e San Miguel de Celanova. Esta última é a mellor conservada de toda esta época, unha auténtica xoia da nosa arquitectura. É un dous poucos exemplos nos que se poden rastrexar certas influencias da arquitectura mozárabe en Galicia, en elementos formais como a arco de ferradura (chámaselle mozárabe aínda que está comprobado que o arco de ferradura utilizouse nos reinos suevo e visigodo antes da chegada dos musulmáns). San Miguel de Celanova foi mandado construír por San Rosendo, un dos iniciadores do movemento monástico en Galicia.
Dentro da arquitectura civil, imos destacar, antes de entrar no románico, as Torres do Oeste de Catoira, como elemento simbólico da nosa arquitectura. O río Ulla era a porta de entrada para a comarca de Compostela, un punto fraco para as invasións vikingas e normandas. Cumpría defendelo e por iso o Arcebispado de Santiago mandou construír este conxunto, que eles mesmos consideraban como “chave e garda do reino de Galicia”. Hoxe en día é moi sonada a festa do desembarco vikingo vencellada ao lugar.
AS ORIXES E OS SIGNIFICADOS DO ROMÁNICO GALEGO
«Decorrido o ano milésimo e preto de tres máis, aconteceu que case todo o universo mundo, pero especialmente en Italia e as Galias, renovarse as basílicas eclesiásticas, aínda que a maior parte non tiveran ningunha necesidade, porque estaban moi ben constituídas; un desexo de emulación levou a cada comunidade cristiá a ter a ter a súa máis suntuosa ca dos outros. Era coma se o mundo se sacudise e, liberándose da súa vellez, se revestise por todas partes dun albo manto de igrexas. Daquela, case todas as igrexas de sés episcopais, os santuarios monásticos dedicados a diversos santos, e mesmo os pequenos oratorios das vilas, foron reconstruídos polos fieis dun xeito máis fermoso»2
O ano 1000 foi unha data mítica no occidente. Europa supera o trauma da posible desaparición do mundo nesa data clave e, como agradecemento a Deus, cóbrese “cun branco manto de Igrexas”, en palabras do monxe Raoul Gabler. Asistimos a un movemento que abrangue boa parte de Europa e do que Galicia non vai ficar allea. Expándese o feudalismo, un sistema económico e social que vencella a señores (seculares e eclesiásticos) e servos a través da posesión da terra e por parte dos primeiros e do traballo e a prestación se servizos por parte dos segundos. Os mosteiros, que tamén teñen vencellados a un bo número de servos, multiplícanse polo occidente europeo, a través das ordes do Cister e do Cluny, que reformarán as prácticas relixiosas e fixarán unha serie de normas para o seu clero. O románico é a expresión cultural deste período de profundas mudanzas que da inicio ao pleno medievo. Galicia, núcleo relixioso e político, acada un papel fundamental na cristiandade a través do extraordinario desenvolvemento da peregrinación a Compostela.
A plástica románica, como sucede con outras expresións artísticas de orixe cristiá, ten unha función didáctica moi importante. Xa no século VI Gregorio Magno Advertía desta funcionalidade da arte cristiá, séculos antes do románico: «O que os doutos non poder ler coa súa intelixencia nos libros, veno os ignorantes cos seus ollos nos cadros. O que todos teñen que imitar e realizar, uns o ven pintado nas paredes e outros o len escrito nos libros»3
Mais, que ensinan aos espectadores medievais, a meirande parte deles non doutos, estas imaxes? En primeiro lugar a grandiosidade de Deus e o seu triunfo sobre o mal. O Deus románico é maiestático, é o centro do universo, o ser supremo que controla, vixía e castiga. Cristo non sufre, como en representacións doutras épocas, aparece sempre vestido con roupaxes luxosos, cunha mirada que infunde respecto e temor.
O programa iconográfico do Románico é complexo, non só nos amosa a Cristo triunfante, á virxe, aos seus santos, anxos e arcanxos, tamén reserva certos espazos para amosarnos o mal, para exemplificar o que non se debe facer. É por iso que moitas veces, nos currunchos das portadas, nos capiteis que fican menos á vista ou nos lugares máis recónditos dun espazo románico aparecen visións de pecados, pecadores, tormentos, e seres fantásticos. Un exemplo disto témolo en Galicia na portada das praterías da catedral de Santiago, na que unha muller aparece representada cunha caveira nas mans. Aimerico Picaud, un monxe do século XII, fixo unha descrición da catedral de Santiago na súa Guía do peregrino, nela podemos comprobar como un home daquela época podía interpretar a imaxe románica:
«Non debe relegarse ao esquecemento que xunto á tentación do Señor está unha muller sostendo entre as súas mans a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, que a obriga dous veces por día a bicala. Oh, que grande e admirable castigo da muller adúltera para contalo a todos!»
A función didáctica da arte románica, con todo, non é a única razón pola que as catedrais e igrexas énchense de esculturas e pinturas. Evidentemente existe a función de embelecer o templo. Non hai que esquecer que a igrexa é a casa de Deus na terra, polo que esta debe ser digna do que representa. A construción medieval busca a beleza igual que o fixera a clásica, cadansúa cos seus principios estéticos que lle son propios. Por último, hai unha intención de transcender, de deixar un legado para as posteriores xeracións. Xelmírez, por poñer un exemplo, non só traballaba para facer máis grande o bispado compostelán na súa época, el mesmo era consciente da futura importancia da súa inxente tarefa de engrandecemento. O artista traballa no presente, para o presente, pero tamén para ser visto no futuro e para ficar na memoria colectiva do pobo, isto é unha realidade que se verifica en toda a historia da humanidade.
Cómpre destacar, por outra banda, que ao carón desta linguaxe artística destinada ao pobo non douto, este sermo rusticus que existe nas igrexas do medievo, temos unha linguaxe artística oficial, culta, que funciona simultaneamente. Ademais a iconografía dunha igrexa románica non está composta por elementos que funcionen de xeito autónomo, se non que todas as imaxes forman parte dun programa e dun conxunto onde os espazos están xerarquizados segundo a importancia onde se atopen, sendo o altar e a portada principal os lugares máis importantes.
Nos séculos do románico hai dous mundos, o profano e o sagrado, que responden ao natural e o sobrenatural. Moitas veces mestúranse e o clero aparece implicado nos asuntos e liortas do mundo temporal.
A arte románica e profundamente simbólica. A imaxe románica esta cargada de significados que poden actuar a diferentes niveis, como comentábamos anteriormente, para ser comprendidos por todos os estamentos da sociedade feudal. Ademais, presenta unhaunidade difícil de atopar noutros períodos artísticos:
«É no templo onde se reúnen, na súa labor común, teólogos, arquitectos, escultores, orfebres, labradores de pedra, carpinteiros e albaneis. Por iso, máis que ningún outro estilo, a arte románica convén á contemplación e á oración. O símbolo acóllenos nos pórticos, aférrase nos capiteis, aniña nos presbiterios. O home que penetra na igrexa románica só ten que deixar errar a súa ollada para ser conducido e impulsado cara a realidade suprema»4
Deixando a un lado as grandes obras románicas internacionais, patrimonio da humanidade, e que son ben coñecidas por todos nos (dentro das que Compostela acada un dos papeis máis brillantes), este estilo tamén se difundiu nas creacións artísticas que xorden, das cidades, vilas e aldeas. Son creacións máis modestas, tecnicamente peor traballadas e, en todo caso, proxectos moito máis humildes, pero que deixaron unha forte pegada na paisaxe humana de Galicia, e que fan que en moitos lugares do noso territorio se respire o románico a través desa rocha dura de granito, labrada co esforzo de miles de canteiros anónimos, ou a través desas humildes tallas que serviron para a devoción dos galegos nas miles de pequenas igrexas e ermidas espalladas por toda a nosa terra. Como dixo Otero Pedrayo ao respecto do románico:
«Hai outro camiño para senti-la súa presenza: o paisaxe e a aldea. A cidade pode ser neoclásica, moderna, sinxelamente urbana. O campo é sempre románico. Viaxando a pé polas parroquias campesiñas, cruzando a dourada plenitude dos centeos ou a alegría das vendimas, as carballeiras renovadas, e o cume redondo das serras, entrando nos fogares labregos para oír falar ós vellos rodeados polos obxectos de arte popular, apréndese a interpreta-lo tempo románico. A súa inspiración naceu da calada e neboenta primavera galega, do traballo obstinado perseguindo a expresión do anhelo e do recordo na pedra e na mitoloxía poboadora do mundo» 5
A ARQUTECTURA ROMÁNICA EN GALICIA
A Arquitectura románica caracterízase por unha serie de elementos que se poden identificar dun xeito sinxelo, aínda que moitas obras, dependendo da súa orixe xeográfica e da data de construción, poden presentar variacións respecto ao románico máis característico, ben por influencias de tipo local ou por influencias de outros estilos como o gótico. Vanos pequenos e muros potentes son dous características que definen o románico. Piares e columnas. Arcos de medio punto, bóvedas de canón, planta de cruz latina, rosetón na fachada, tímpano decorado con esculturas, arquivoltas, xambas, etc. Elementos que se multiplicaron por toda Europa e que definiron moi ben un estilo. En Galicia atopamos todas estas características nos tempos do XI, XII e parte do XIII, tanto nas cidades, como nas vilas e aldeas.
As primeiras mostras de arquitectura románica (aínda non pleno) en Galicia son San Antoliño de Toques, San Xoán de Vilanova (Perbes) e San Martiño de Mondoñedo (Foz). Nestes templos podemos ver como se van introducindo algúns dos elementos que van caracterizar a arquitectura románica. Teñen un aspecto bastante primitivo e son un exemplo de que a chegada do románico a Galicia foi un feito serodio, xa que na mesma altura (S.XI e principios do XII) este estilo xa estaba plenamente desenvolvido noutros lugares de Europa.
A catedral de Santiago vai supoñer un fito importantísima na historia da arte galega polo gran valor patrimonial da súa arquitectura e do seu conxunto escultórico, e polo seu grande valor simbólico como centro da cristiandade. Vai estar en construción desde o ano 1.075 ata o ano 1180, cando o Mestre Mateo remata o Pórtico da Gloria. Con posterioridade recibiría varias transformacións, sendo a máis coñecida desta a incorporación da fachada barroca. En Santiago, o románico está tamén representado por outras igrexas como Santa María do Sar, San Pedro de fóra, Santa María Salomé e San Paio de Entrealtares.
Nos século XII e XIII ao longo de toda a xeografía galega érguense multitude de edificios relixiosos e civís que teñen como referencia o exemplo románico xa plenamente establecido após da construción da catedral compostelá.
Da primeira metade do XII son as catedrais de Lugo e de Tui. Botando unha ollada á catedral de Lugo comprobamos como é resultado da superposición ao longo do tempo de diferentes estilos arquitectónicos, conservando da época románica moitos elementos típicos como a planta de cruz latina con tres naves, a ábsida, o deambulatorio con cinco capelas, as bóvedas de canón, os arcos de medio punto (bóveda e arcos lixeiramente apuntados) e, sobre todo, a súa portada norte. A catedral de Tui non é doado encadrala nunha época concreta. trátase dunha edificación que presenta unha continuidade de ocupación desde o século VI ata os nosos días. A súa herdanza románica está presente na torre da campá e na fachada occidental, considerada unha das mellores mostras do románico galego.
Na segunda metade do século XII o Románico espállase por todo o territorio, desde as cidades ata as aldeas, deixando moitas testemuñas dunha época de grande desenvolvemento artístico e cultural. A influencia de Compostela é fundamental, aínda que asistimos a unha imitación de formas que en ningún caso acadan a grandeza da orixinal. Algunhas das Igrexas máis coñecidas de Galicia teñen a súa orixe nesta época, como San Miguel de Breamo (Pontedeume), Santa María de Cambre, San Xian de Moraime (Muxía), San Salvador de Vilar de Donas (Sarria), San Miguel de Eiré (Ferreira de Pantón), San Cristovo de Novelúa (Monterroso), San Pedro de Vilanova de Dozón, Santa María de Aziveiro (Forcarei), Santa María a Real de Xunqueira de Ambia ou Santa Mariña de Augas Santas, entre outras moitas.
Coa chegada das ordes do Cister na segunda metade do século XIII, o estilo arquitectónico vai mudar paseniño, e comezaremos a ver na nosa terra elemento que pertencen á linguaxe artística propia do gótico, como as prantas basilicais, os arcos apuntados ou as bóvedas de cruzaría.
A ESCULTURA ROMÁNICA EN GALICIA
A escultura románica presenta unha evolución técnica moi importante respecto do xeito de traballar a pedra (e a madeira) anterior. Aumenta o vulto, o relevo será máis exento e non estará tan suxeito ao soporte, refórzase a sensación de tridimensionalidade. O mestre Mateo, co seu traballo na catedral de Santiago, é quizais o mellor escultor europeo da época. Evidentemente o seu estilo creará escola, aínda que ninguén poderá chegar a facer obras da súa feitura nin semellantes. Na clase dedicada a Compostela faremos un percorrido pola obra do gran mestre na catedral de Santiago.
Unha construción na que está moi presente o influxo do Mestre Mateo tanto na escultura como na arquitectura é o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Tamén podemos comprobar esta herdanza no interior da catedral de Ourense e na Igrexa de San Xoán de Portomarín.
Outras esculturas románicas de interese son o Cristo da Porta Norte da Catedral de Lugo, o conxunto da igrexa de Santiago de Breixa, os Relevos de Camba (Castro Caldelas, s.XI), os Capiteis historiados de Mondoñedo e os capiteis de San Bartolomeu de Rebordáns (Tui),
OUTRAS EXPRESIÓNS DO ARTÍSTICAS DO ROMÁNICO GALEGO
Practicamente non se conservar restos de pintura mural do románico. Outra vez o clima húmido actúa como elemento que favorece o rápido deterioro do noso patrimonio. A única pintura que se conserva está moi deteriorada. Pertence ao conxunto de San Pedro de Rochas, en Esgos. representa un mapamundi, considerado un tema moi pouco habitual na decoración das igrexas medievais.
As miniaturas son as únicas pinturas que conservamos. As máis importantes son o Diurnal de Fernando I e Sancha, da Universidade de Santiago de Compostela e o Tombo A e o Códice Calixtino da catedral.
A produción de libros na Idade Media foi un traballo que se realizou por parte da Igrexa. A maioría eran copias doutros libros xa existentes. Nos scrptorium dos mosteiros e das catedrais facíanse os traballos artísticos de caligrafía e de iluminación. O libro era un obxecto de luxo, só ao alcance dunha minoría de nobres civís e eclesiásticos que serían os únicos que saberían ler. A miniatura é unha fonte fundamental para facermos unha idea visual da Idade Media, a partir destas imaxes desenvolveuse toda a estética medieval da novela gráfica e do cinema.
O diurnal é unha obra do século XI dun tan Fructosus. Era un libro de rezo de 224 páxinas Na obra aparecen varios debuxos nos que destaca o Alfa coa imaxe de cristo e a representación do reis cun personaxe que probablemente fora o propio autor, que lle fai entrega aos monarcas dun libro. Nesta páxina aparece o texto FERDINANDI REGIS NECNON SANCIE REGINE SUM LIBER (“este libro pertence aos reis Fernando e Sancha”).
O Tombo A é froito dun escriptorium existente en Compostela durante o século XII. Este libro recolle, en cinco libros, documentos que confirman as posesións da catedral de Santiago. Ditos documentos aparecen iluminados por dous mestres diferentes. Sobresaen no conxunto as representacións dos reis e da descuberta do sepulcro do apóstolo nunha primeira etapa, e nunha segunda, a do rei Fernando II a cabalo e a de Alfonso IX.
O códice Calixtino representa un ciclo de vida de Carlomagno e debuxos das iniciais de cada folla, formando u conxunto de gran calidade artística.
Dentro das artes do románico galego debemos destacar tamén a imaxinería, que comprende as imaxes exentas, feitas en madeira, que representaban aos personaxes sagrados e que adornaban as igrexas. A figura que máis aparece é a da virxe co neno ao colo e os cristos. Manteñen a frontalidade e a rixidez propia da escultura románica, nun estilo que fica lonxe do realismo. Da representación de Xesús destacamos o Cristo crucificado de San Salvador de Vilanova dos Infantes, o cristo crucificado de San Salvador dos penedos (Allaríz). Outras pezas de interese son o Calvario de San Antolín de Toques, onde aparecen a virxe e san Xoán ao pé da cruz. A figura da Virxe, máis propia do gótico, aparece na figura da Ermida de Santo Estevo de Parga (Guitiriz), a virxe da Ferreiroa e a de San Xoán de Saidres, Santa María de Pesqueiras (Chantada) e Santa María do Cebreiro (Pedrafita).
Dentro da ourivería cómpre destacar a ara portátil de Celanova, que representa a ascensión de cristo. Os obxectos máis destacados teñen que ver coa liturxia cristiá, como as cruces e os cálices. Entre as cruces temos dous bos exemplos na cruz de volutas e na cruz de Ordooño da catedral de Santiago. Algunhas delas conservaban unha reliquia do lignum crucis, como a cruz do Carboeiro, tamén conservada na Catedral de Santiago de Compostela. Outra cruz fermosísima do románico é a cruz parroquial de San Munio de Veiga.
Os cálices non podían ser de materiais quebradizos, segundo o disposto polos canons da igrexa católica desde o século XI. Nas igrexas máis importantes utilizáronse metais preciosos como ouro e prata. Os dos máis destacados do patrimonio galego son o do tesouro de San Rosendo, conservado na catedral de Ourense e o cáliz do Cebreiro, este último aínda cunha importancia simbólica.
Rematamos esta visión do patrimonio románico cunha peza tamén moi significativa dentro da plástica románica, e que ademais e unha icona do grande poder do bispado nos séculos do románico. O Museo Nacional de Arte de Catalunya, que conserva a maior colección de pintura románica que existe, ten o báculo de esmalte de Limoxes de don Paio Cebeira, bispo de Mondoñedo. trátase dunha peza de cobre dourado con esmaltes. Nel represéntase a loita de san Miguel co dragón, exemplo cristián do triunfo do ben sobre o mal.
1 RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio histórico sobre a cultura galega. Galaxia, Vigo, 1982 (123)
2 Cita do monxe Raoul Glaber, recollida por Ramón Yzquierdo Perrín, en: Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval (I). Proxecto Galicia. Ed. Hércules. A Coruña. 1993 (158)
3 VV.AA: Poder y seducción de la imagen románica. Palencia, 2009
4 MARIE-MADELEINE DAVY Inciciación a la simbología románica. Ed. Akal, Madrid, 1996 (126)
5 RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio histórico sobre a cultura galega. Galaxia, Vigo, 1982 (122)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.