28 oct 2009

03. O IMPERIO NO FINISTERRAE



A CONQUISTA

«Asediouse o Monte Medulio, que cercaron cunha fosa continua de quince millas e atacaron por todas partes á vez; cando os bárbaros advertiron o seu fin, anticiparon a súa morte, mentres celebraban un banquete, polo lume, a espada e o veleno, que alí se extrae habitualmente das árbores do teixo e a maioría librouse da catividade que, para homes non sometidos ata o momento, parecía peor que a morte...» (FLORO)

«Asediaron efectivamente, mediante a construción ao seu redor dunha fosa de 15 millas, o Monte Medulio, que se levantaba sobre o río Miño, e no que se fortificara unha grande multitude de persoas. O resultado foi que, cando esta raza de xentes, cruel e feroz por natureza, comprendeu que eran insuficientes para aguantar o asedio e incapaces de aceptar un combate, suicidáronse por temor á escravitude. Matáronse en efecto case todos a porfía, con lume, ferro e veleno» (PAULO OROSIO)

O episodio do Monte Medulio (lugar indeterminado do territorio galaico ou do Bierzo) é un dos feitos máis coñecidos que narran os textos clásicos sobre a conquista do territorio de Galicia polas tropas do exército do imperio romano. Esta batalla é considerada como o final da conquista romana. Efectivamente, semella que non debeu seu sinxelo para os romanos chegar a dominar a un pobo cun ethos guerreiro tan marcado, aínda que a superioridade técnica e táctica na guerra acabou por provocar que os castrexos fosen derrotados.

As primeiras campañas contra o territorio de Gallaecia tiveron lugar no marco das guerras dos romanos contra os Lusitanos (encabezados polo caudillo Viriato). No ano 137 a.e.c as tropas de Décimo Xunio Bruto penetran cara o norte desde o Texo ao Douro primeiro e chegando ao río Limia despois. Este río (o Lethes) ten un significado moi especial, pois era coñecido polos romanos como o río do esquecemento, e contaba a lenda que o que o atravesase perdería a súa memoria. Foi o Propio Décimo Xunio Bruto o que traspasa o río e chama ás súas supersticiosas tropas desde a outra orela. Nesta campaña avanzarían ata o Miño, entrando en contacto cos castrexos do norte de Portugal. A principios do primeiro século a.e.c. outra campaña, neste caso dirixida por Publio Craso, incidiu no territorio galego, na procura dos xacementos de estaño das coñecidas como Illas Cassiterides, que poderían ser varias da illas atlánticas ou dos territorios peninsulares da rías. En todo caso, os contactos con estes territorios, a nivel comercial, eran xa habituais, aínda que a partir deste momento fanse máis intensos. Neste intre non se pode falar aínda de conquista.

A seguinte campaña cara ao territorio galego vaina desenvolver o célebre Xulio César nos anos 61-60 a.e.c. Xulio chega coas súas naves ao golfo Ártabro, sorprendendo á poboación local que non coñecía embarcacións semellantes. Despois de Xulio os romanos estarán en condicións de explotar economicamente a costa desde Brigantum ata o río Douro, sen penetrar aínda cara o interior do territorio e sen fixar ningún tipo de estrutura “estatal”.

O outro foco de penetración dos romanos en Galicia foi a zona do Cantábrico, no contexto das guerras Astur-Cántrabas e o afán de pacificar a zona dos romanos. No ano 29 a.e.c Octavio Augusto dá comezo ás guerras cántabras, que durarían ata o ano 16 a.e.c, cando todo o territorio peninsular e efectivamente conquistado por Roma. Durante as guerras cántabras ten lugar a batalla do Monte Medulio, que supón o fin da resitencia indíxena á ocupación romana.

O PROCESO DE ROMANIZACIÓN

A romanización en Galicia é “Un proceso de longa duración, a través do cal os elementos indíxenas do mundo castrexo van absorbendo progresivamente os elementos da cultura romana ata quedar integrados completamente nela” [1].

A chegada dos romanos ao noso territorio vai a influír a través de diferentes aspectos, en maior ou menor medida, conformando unha romanización do territorio que foi máis feble que noutros territorios da Península Ibérica, mais que mudou decisivamente o futuro deste país.

Un dos feitos fundamentais para a romanización foi a presenza do exército romano en Galicia. O exército foi o principal difusor do latín por Galicia, feito cultural de primeiro orde e con consecuencias ata os nosos días. Outra forma romanizadora foron as unións interétnicas entre membros do exército romano e mulleres indíxenas, debeu ser habitual que membros das lexións destinadas neste territorio ao se licenciaren decidisen ficar nel, ou casar con mulleres indíxenas. A creación de cidades a partir de campamentos romanos foi unha vía de romanización que en Galicia non se deu, dado que Lucus non tería esta orixe (que si tería Astorga, por exemplo).

Outro factor de romanización foi a “colonización” a través da chegada de homes e mulleres da península itálica pertencentes ao imperio romano. En Galicia foi moi feble esta presenza de cidadáns de Roma. Apenas uns cantos funcionarios que puxeron en funcionamento o sistema provincial romano, e algúns técnicos para a explotación mineira. Non hai colonias agrícolas nin bases de comerciantes.

A aristocracia indíxena foi un factor moi importante de romanización. En primeiro lugar polo seu interese en adquirir o dereito á cidadanía romana e establecer relacións cos enviados do Imperio. En segundo lugar por ser a vangarda social no proceso de “aculturación”, e dicir, no proceso que os leva a ir abandonando progresivamente as súas costumes para adoptar os usos sociais romanos (vivenda, vestimenta, crenzas relixiosas, posesión de obxectos de orixe romana...). Tamén é certo que Roma sempre contou coas elites locais (sempre que foran leais, evidentemente) como apoio para gobernar os territorios imperiais. A implantación do novo sistema administrativo non tivo, a efectos da romanización, un gran impacto para a poboación indíxena. De feito, mentres o imperio veu cumpridos os seus obxectivos, respectou as institucións de goberno locais.

Cales eran eses obxectivos do Imperio en Galicia? hai que desbotar as teorías filoromanistas que implican o interese de Roma por levar a súa civilización e grandeza ata o último confín da terra. Se os romanos chegaron ata este Finisterrae e o dominaron, foi por razóns máis pragmáticas: acabar coa violencia e as razzias das poboacións indíxenas. Cobrar impostos. Acadar soldados para o exército. Explotar as minas de ouro e doutros minerais. Segundo foi pasando o tempo, a poboación local foise acollendo ao sistema administrativo que organizaron os romanos en Galicia, baseado nos Conventus, como veremos máis adiante. A xurisdición romana foi, nun principio, voluntaria.

As grandes infraestruturas foron un elemento romanizador nun dobre senso, xa que os indíxenas aportaron a forza de traballo para construílos, e tamén se aproveitaron deles. As vías, pontes, murallas, faros, etc. foron un legado moi importante da romanización tanto a nivel práctico como simbólico. Outros elementos que incidiron na romanización foron o comercio e a introdución de elementos da cultura material romana, que afectaron de forma desigual na romanización, dependendo da orixe social dos individuos que gozasen de tales obxectos.

En Galicia hai un gran legado de obras romanas de carácter práctico e estratéxico (vías, murallas,pontes, faros), sendo moi escasas as mostras de aspectos lúdicos ou de crenzas (teatros, anfiteatros, templos), que si aparecen noutros territorios da península Ibérica cun grao de romanización maior.

Non cabe dubida da grande importancia que tivo a introdución do latín como, lingua oficial, e como esta foi paseniño impoñéndose a fala dos indíxenas castrexos. Este proceso non se coñece ben, mais polo estudo da epigrafía pódese deducir que a adopción do latín como lingua de uso cotiá pola maioría da poboación indíxena tivo lugar a partir do século II da nosa era.

A ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO

O territorio galego é incorporado polos romanos á provincia de Lusitania nun primeiro momento, aínda que Augusto posteriormente muda de idea e coloca os territorios de Asturia e Gallaecia na provincia Tarraconensis (O territorio da Península Ibérica estaba dividida en tres provincias: Tarraconensis, Lusitania e Bética). No ano 212 o emperador Caracalla muda esta división, e no ano 305 Diocleciano crea a provincia de Gallaecia, que abarcaba un territorio moi superior ao da Galicia actual.

O territorio foi divido en conventus, que eran divisións administrativas, xurídicas e militares. Estas demarcacións territoriais tiñan unha capital onde se centralizaba a recadación fiscal, a administración económica e de xustiza, e o control militar . Os conventus galegos eran tres: Lucense, Bracarense e Asturicense. As capitais eran Lucus Augusta (Lugo), Braccara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga).

Nestas capitais estaban destinados unha serie de gobernadores e funcionarios do Imperio encargados de administrar o territorio (legados xurídicos, procuradores e encargados do culto imperial). Dentro dos conventus estaban os populi e os castellum. Os populi son pobos indíxenas que tiveron continuidade na etapa romana. Estes pobos eran stipendiari (tiñan a obriga de pagar impostos a Roma). Temos referencia a moitos destes populi, como Ártabros (ría de Ferrol, Betanzos y A Coruña), Brigantinos (Bergantiños), Nerios (Fisterra), Calaicos (O Porto), Cigurros (Valdeorras)...

A organización social e territorial da Gallaecia inclúe diferenzas respecto ao resto do territorio da Península Ibérica. Na epigrafía aparecen nomes propios identificados cunha “ɔ” (c invertida) que coñecemos como Castelum e que poderiamos identificar como castro. En cada comunidade (populi) hai varios castros (castellum) con personalidade xurídica, o que nos demostra novamente a flexibilidade da administración romana para adaptarse aos modos de vida de cada territorio que conquistan. Ademais están as civitas, que hai que entender como entidades de administración romanas.

Durante a conquista do noroeste están presentes no territorio as lexións LI Victrix e X Gemina. A partir de mediados do século I da nosa era fúndase unha nova lexión con presenza no noso territorio, a VII Gémina. Ademais destas unidades principais, no territorio estiveron algunhas unidades auxiliares de menor capacidade. O exército, ademais de asegurar a paz, tivo unha función fundamental no control da seguridade relacionada coa produción mineira de ouro.

Roma non só desprazou e acantonou tropas no noso territorio. Tamén utilizou á poboación galaica para facer recrutamentos. As tropas de lexionarios recrutados de entre as guerreiras poboacións castrexas foron enviadas a outros lugares do imperio romano en conflito. Seguindo o rastrexo da epigrafía sabemos que houbo cohortes formadas en Gallaecia en territorios da Bélxica actual, en Panonia, en Dalmacia, Macedonia, Mauritania, Xermania ou Siria. Sos estas tropas as que inauguran o espallamento de galegos polo mundo hai xa case dous milenios. A modo de curiosidade, e usando as fontes epigráficas, tamén coñecemos nomes de soldados e oficiais de orixe galega, como Caio Mario Máximo (A Limia), Lucio Valerio Rufino (Lugo) e moitos máis.

AS VIAS DE COMUNICACIÓN

Dentro da organización do territorio van ten unha gran importancia como elemento de vertebración as vías de comunicación. A súa orixe é militar, mais posúen unha grande importancia para a economía galaico-romana.

As principais vías de comunicación foron: as Vías XVIII e XIX e XX. Estas tres vías unían as capitais dos conventus de Gallaecia. Nesta rede de vieiros utilízanse tramos de vías xa existentes na etapa prerromana, reformándoos e ampliándoos. O mellor xeito de coñecer as vías é a través do Itinerario de Antonino redactado a principios do século III da nosa era e que inventaría todas as vías do territorio imperial, incluídas as tres galegas citadas con anterioridade.

A XVIII une Braga con Astorga a través da Rexión miñota de Portugal e da provincia de Ourense actuais. Como lugares destacados que atravesa destacaremos o campamento de Aquis Querquernnis (no actual Concello de Bande) e a zona mineira das Médulas no Bierzo. Foi feita a finais do século I da nosa era, sendo coñecida na epigrafía como Vía Nova por ser a máis moderna das tres que atravesan Gallaecia.

A XIX vai de Braga a Lugo polo interior e de Lugo a Astorga. Ascende de Braga a Ponte Lima, e da beira do Lethes a Tui, despois segue polo interior da provincia de Pontevedra e vira á dereita ao chegar á comarca de Compostela, seguindo o camiño de Santiago en dirección leste polo interior de Galicia ata Lugo. Por último, sae de Lugo, atravesa os Ancares e o Bierzo e chega a Astorga, capital do conventus Asturicense.

A XX une Braga con Lugo, porén o seu itinerario é diferente ao da XIX. É coñecida como Item per loca marítima, e dicir, vía que vai pola beira do mar. Ascende de Braga ao territorio da Galicia actual, pasa por Vigo e Santiago cara Brigantium para virar en dirección leste cara Lugo, pasando por Castro de Rei, para despois chegar a Lugo.

Ademais destas grandes vías os romanos estableceron unha rede de vías secundarias que vertebraron o territorio. As funcións das vías foron militares (desprazamento áxil de tropas) e tamén económicas (cobro de impostos, minería e comercio).

Unha das características principais das vías é a o seu trazado por terreos elevados, debido a motivos estratéxicos que teñen que ver co control dos pasos outos para controlar os ataques. A liña recta é o camiño máis curto entre dous puntos, esta é unha pragmática máxima que os romanos aplicaron á perfección, descartan dar rodeos para atravesar un grande número de territorios establecendo sempre un camiño moi directo entre as principais poboacións.

A anchura das vías estaba marcada por unha serie de normativas, se ben, na práctica, esta variou moito dependendo da importancia da vía e da localización da mesma. O que se debeu sorprender á poboación indíxena foi a enxeñería importada de Roma que se empregou para facer as vías e as infraestruturas complementarias tales como as obras de consolidación do firme e as pontes. As vías estaban pavimentadas con varias capas. Na máis superficial empregaban pedras planas que unían con morteiro e arxila. Os métodos de pavimentación foron moi variados ao longo do imperio. Loxicamente, os romanos usaron as pedras locais para pavimentar as vías. A súa calidade provocou que foran usadas durante moitos séculos.

Ao longo das vías atópanse as mansións, que eran lugares de descanso para os viaxeiros e zonas de asistencia á viaxe. En xeral, estas se atopaban cada 20 Km., que é a distancia que se percorrería nun día cun carro de mercancías.

Os miliarios eran columnas cilíndricas de granito que se atopaban polas vías e que servían como puntos de información aos viaxeiros. Aparecen miliarios que son honoríficos, que lembran que esa vía foi feita por tal emperador, e que hai que relacionar co culto imperial. Serían, pois, miliarios propagandísticos. Nstes cilindros pétreos, dos que algúns se conservan in situ e outros nos difereentes museo de Galicia, aparece a milla na que se atopa o viaxeiro, o nome do emperador e o nome do legado imperial, ou cónsul ou maxistrado.

Ademais das fontes clásicas, seguindo a toponimia actual podemos rastrexar a presenza de vías romanas, xa que hai unha serie de nomes que tradicionalmente se asocian á presenza de vías romanas nunha zona. É o caso de topónimos como: Camiño dos Mouros, Brea vella, Xeira, Camiño Vello, Camiño dos Romanos, Estrada, Rúa Vella, Camiño Real. No riquísimo conxunto de tradicións e lendas que compoñen o noso patrimonio inmaterial hai moitas historias atribuídas aos camiños e as encrucilladas desde os tempos da Galicia romana. « A atribución dun camiño ao demo ou ás fadas, pode ser unha pervivencia dos deuses dos bosques e das fontes, transformados en demos polo cristianismo. A mala fama das encrucilladas en época romana, sobreviviu e chegou ata os nosos días. Arredor das calzadas do noso país tecéronse distintas lendas alusivas á existencia de tesouros enterrados, historias de santos, misteriosos viaxeiros, bandidos perseguidos pola xustiza, etc.»[2]
                                     

As grandes obras feitas polos romanos en Galicia teñen un carácter pragmático, sendo pouco correntes as manifestacións arquitectónicas referentes ao culto e ao lecer. Imos coñecer algunha das pontes romanas máis interesantes do noso territorio, e as dúas obras senlleiras da arquitectura romana no noso territorio, que son consideradas patrimonio da humanidade.

Hai que ter coidado en atribuír aos romanos certas pontes vellas de orixe medieval ou moderna. A ponte máis espectacular do legado romano en Galicia é a do río Bibei (vía XVIII) en Pobra de Trives. E unha ponte construída en época de Traxano, a principios do século II. As súas dimensións son de 75 m. de longo, 7 m de ancho e 22’5 m de alto no arco central. Consta de tres arcos de medio punto moi peraltados, con sillares colocados a soga e tizón.

Outras pontes romanas que se conservaron ata os nosos días son as de Freixo sobre o río Arnoia, a do Návea ou a de Baños de Molgas. As pontes –moi coñecidas- de Lugo e Ourense, Pontecesures sobre o Ulla conservan parte da súa cimentación romana aínda que foron reformadas en vairas ocasións con posterioridade..

Tamén vencellado ao transporte está o faro de Hércules. Neste caso ao transporte marítimo, que como comentamos con anterioridade está ben documentado e foi moi importante. Son moi poucos os faros romanos que se coñecen. Deles, ningún segue en funcionamento como o noso.

Hércules é un heroe chave na mitoloxía greco-latina; é un personaxe que hai que asocialo á apertura de novos horizontes e á superación de grandes obstáculos. Un dos traballos hercúleos que tivo que superar para entrar no Olimpo este fillo de Zeus foi vencer ao xigante Xerión, que tiña atemorizada á poboación. Despois de tres días de loita, Hércules dálle morte ao xigante, córtalle a cabeza e manda construír enriba dela unha torre para conmemorar a súa vitoria. A primeira persoa en habitar esta terra libre foi unha muller chamada Crunna, que lle da nome a cidade que medrou nese territorio.

Na mitoloxía irlandesa, no Leaber Ghabala, o libro das invasións, cóntase como o rei Breogán funda a cidade de Brigantia e ergue nela unha torre. O seu fillo Ith, divisa un día terra firme desde esa gran torre (o territorio de Irlanda) e bótase á súa conquista liderando un exército galaico. É derrotado e o seu corpo devolto ás costas galegas. Será o seu irmán Mil o que acabe por conquistar, ao mando dun gran exército, as terras irlandesas.

Mitos aparte, a torre foi construída nos tempos do emperador Traxano, no século II. O arquitecto Caio Servo Lupus, natural da actual Coimbra, foi o encargado de erguela. No século XVIII sufriu a última das grandes reformas, sendo cuberta a súa estrutura interior por unha cobertura en pedra de carácter neoclásico, feita polo arquitecto italiano Eustaquio Giannini.

A orixinal obra romana era unha torre de planta cadrada sobra a que se erguían tres pisos abovedados aos que rodeaba unha rampla rodeada por un muro exterior (ou quizais a rampla ficaba ao aire libre, como especulan algúns especialistas). Enriba destes tres pisos situaríase unha bóveda onde se provocaba a luz que guiaba as naves. Esta luz acadábase pola combustión de materia orgánica, de aí a importancia da rampla para subir o combustible e baixar as faíscas e cinzas.

No interior da torre consérvase a inscrición que conmemora a construción e que dedica o templo a Marte.

MARTI AUG SACR C SERVIUS LUPUS
ARCHITECTUS AEMINIENSIS LUXITANUS EX VO


AS CIDADES

As tres grandes cidades que fundaron os romanos neste noroeste da P.Ibérica que chamamos Gallaecia son as capitais dos tres conventus: Braga, Lugo e Astorga. Imos falar de Lugo, que é a que hoxe en día temos no territorio actual de Galicia

Outras cidade importantes foron (Aqua Flaviae), fundada no século I da nosa era. E xa no territorio galaico Iria Flavia, Tude (tui) e Flavium Brigantium (A Coruña), que debeu contar cun peirao importante a xulgar pola envergadura do faro, polos restos dun dique arcado, e polas vivendas aparecidas nas rúas Rego de Auga, A Franxa ou Cantón Grande.

As cidades romanas, e as súas construcións, conteñen os tres principios do bo deseño que ten que seguir a arquitectura e que definen moi ben o pragmatismo creador de Roma: firmitas (permanencia), utililitas (utilidade) e venustas (beleza). Numerosas leis e normas configuraban as construcción en base a estes tres principios.

LUCUS AUGUSTA

A cidade Lugo foi fundada no século I, en época Augusta. Pensouse que fora anteriormente un campamento militar, aínda que hoxe en día esta hipótese está posta en dúbida.O nome de Lucus é posible que faga referencia a unha divindade indíxena de orixe celta (Lugh).

O trazado orixinal é o clásico do urbanismo romano: trazado en retícula con dúas rúas principais perpendiculares (cardo e decumenus), que percorren a cidade de norte a sur e de oeste a leste. Xusto no cruce entre as dúas rúas principais situábase – en todas as civitates romanas- o foro: un espazo público, amplo, apartado da circulación rodada, onde se situaban os predios públicos e se levaba a cabo a vida social. Na cidade os romanos importan toda unha serie de infraestruturas que deberon deixar abraiados aos castrexos que entraban na cidade e ollaban para elas. En Lucus existiu unha sofisticada rede de cloacas e posiblemente un acueduto que acercara a auga as vivendas. pero se se coñece Lugo é, fundamentalmente, por ter unha das murallas romanas mellor conservadas e máis senlleiras de todo o territorio imperial, e que mereceu a distinción de patrimonio da Humanidade pola Unesco.

A muralla, iniciada no ano 265 e rematada no 315, xurde nun momento no que o imperio romano comeza a sentirse inseguro e as cidades teñen a necesidade de fortificarse.

A muralla de Lugo é a mellor conservada da península Ibérica. A pesar de seren reformada moitas veces, o seu aspecto cando os romanos a levantaron no século III non debeu ser moi diferente ao actual. A súa lonxitude é de máis de dous Km, deixando no seu interior unha área de 34 Ha. A altura da mesma varía entre os 8 e os 12 metros, e a súa anchura entre os 4 e os 8 metros. Ao longo do perímetro da muralla os romanos ergueron 85 torres defensivas. A torre mellor conservada é a da Mosqueira, na que podemos ver como as torres defensivas acadaban unha altura superior á do pano da muralla. Na mesma vemos o resto dunha das xanelas que as torres orixinais tiñan.

A estrutura exterior está composta por ringleiras de lousas. Tamén se usaron bloques de granito para reforzar as torres. No interior da muralla hai un recheo composto por morteiro, terra e rochas co fin de aportar solidez ao conxunto.

Antes da muralla había un foxo que reforzaba a seguridade. Este tiña unha anchura de ata 20 m e unha profundidade de 4 m. Non era continuo, se non que só se atopa por zonas (hoxe en día non se aprecia). Tradicionalmente, no interior das cidades romanas amuralladas había un espazo –que hoxe en día desapareceu- entre a muralla e as casas chamado intervallum, coa función de servir de espazo de intendencia as tropas que defendías a cidade.

Un elemento importante da muralla son as portas que permitían a entrada e saída de persoas á cidade e nas que se facía o control e o cobro de impostos. En total eran 5 as portas na época romana. As portas –que estaban feitas con madeira- pechábanse de noite ou en caso de perigo. As máis destacadas son a Porta Miñá (daba saída cara ao Miño e Iria Flavia), a Porta de Santiago, a Porta de San Pedro (dá entrada ás vías XIX e XX procedentes de Astúrica e Brácara) a Porta Nova (saída cara Brigantium) e a Porta Falsa (usada polas tropas romanas).

En Lugo aparecen restos de vivendas cadradas, con habitacións, patio central, chans con mosaicos e paredes estucadas e pintadas. Nas casas romanas é moi importante o interior máis que a fachada. A vida articúlase en torno ao patio central a partir do cal se distribúen as habitacións. As Insulae son bloques de vivendas, xeralmente en réxime de aluguer, onde vivían as clases medias e baixas da cidade. Tamén é orixinario dos romanos o establecemento de tendas nos pisos baixos dos predios, onde non se diferenza ben a parte pública da privada da vivenda. Na fabricación das vivendas aparecen novos elementos de construción –ademais dos mosaicos e estucos citados con anterioridade- que non se coñecían en Gallaecia: o ladrillo para o paramento, e as tegulae para os teitos. Cómpre destacar, por último, a existencia en todas as construcións romanas dun elemento característico da arquitectura clásica: a columna, coa súa basa, o fuste e o capitel. A columna é o único elemento estrutural da construción que os romanos non esconden, se non que amosan fachendosos.

En Lugo apareceu unha Domus romana en bo estado de conservación, a Domus Oceani, hoxe en día aberta ao público. É unha casa dos séculos I e II e estivo ocupada ata o século V. O máis destacado son os seus preciosos mosaicos e as decoracións nas paredes. Tamén o resto do Hypocaustum, estrutura que servía para quentar a vivenda.

Ao pé do río Miño atopábanse as termas públicas de Lucus, das que aínda se conservan restos arqueolóxicos da súa estrutura. O que non se atopou en Lugo foron edificios singulares para o culto e os espectáculos, aínda que é moi probable que si existisen este tipo de construción.

OS CAMPAMENTOS MILITARES

Os dous principais asentamentos militares en territorio galego so a Cidadela de Sobrado dos Monxes e o campamento de Aquis Querquennis en Bande. Os dous lugares estaban pensados para aloxar unidades auxiliares permanentes do exército romano. Na cidadela de Sobrado aparecen restos da muralla e do foso.

Aquis Querquennis, na comarca da baixa Limia, preto da fronteira con Portugal, no concello de Bande, e preto tamén da vía XVIII que unía Braga con Astorga, é un campamento romano moi ben conservado. A súa situación preto da vía de comunicación ten dúas explicacións, en primeiro lugar o control da mesma, tanto no proceso de construción, como unha vez trazada. En segudo lugar a axilidade de movementos e a proximidade a puntos estratéxicos do Imperio romano no NO da península.

O campamento presenta unha planimetría perfecta, na que destacan os dos eixos perpendiculares característicos do urbanismo romano, o cardo e o decumanus que cruza e vertebran o asentamento de norte a sur e de este a oeste. Outro elemento destacado é o aparello defensivo que, loxicamente, blindaba o campamento de posibles ataques. O reconto estaba amurallado e flanqueado por torres. No interior do campamento organizábase o espazo a través dun patio central. As estancias dos soldados, de planta rectangular, tiñan dous espazos no seu interior, un faría as veces de dormitorio e outro de cociña. Nestes barracóns da tropa aloxábanse os contubernium que eran grupos de oito soldados. Tamén dentro do recinto había lugares para almacenes e outros espazos auxiliares. No exterior do campamento hai rastros arqueolóxicos da existencia dunha pequena poboación auxiliar que traballaría atendendo as demandas das tropas.

O feito de acantonar tropas en campamentos foi unha novidade que introducen os romanos. O concepto de guerra indíxena era radicalmente diferente. Moitos destes guerreiros castrexos tiveron que adaptarse a un exército onde priman as xerarquías, a uniformidade, as tácticas e a obediencia.

OS ASENTAMENTOS RURAIS

Na clase anterior xa comentaramos que moitos dos castros continúan a ser habitados durante toda a época romana. Outros van sendo abandonados ao longo deste período da nosa historia, sobre todo a partir do século I da nosa era. Un terceiro grupo sofren reformas estruturais moi significativas no seu carácter e urbanismo, como é o caso das Citânias de entre o Miño e o Douro.

Hai que distinguir entre os Vici e as Villae, aínda que os restos que atopamos en Galicia de ambos os dous modelos sexan similares . Os primeiros son pequenas poboacións rurais onde se asentan cidadáns libres. As segundas están en mans de dominus e nela moran e traballan servos e escravos. Non están fortificadas e están situadas xeralmente en vales e zonas baixas. En Galicia non existiron grandes latifundios, polo que as villae non deberon ser tan luxosas como noutras latitudes do imperio. As villae tamén se organizan en torno ao patio central rodeado de columnas a partir do cal se distribúen as habitacións da casa. Como as villae son centros agrarios de produción, aparecen asociadas construcións con funcións económicas, das que destacamos os Horrea, que servían para almacenar o gran.

Finalizamos esta escolma de arquitectura e urbanismo romano en Galicia cunha construción senlleira: Santa Baia de Bóveda. Trátase dun edificio tardo roman (s.III) de difícil interpretación, senlleiro no territorio europeo. Hai diversas teorías en torno ao seu uso: termas, templo de culto, ninfeo... O edificio ten unha continuidade no tempo e rematou por ser un templo cristián dedicado á santa que lle dá o nome. Unha das hipóteses especula con que en época pagá fose un templo en honra á deusa Cibeles (deusa da natureza e a fertilidade, nai de todos os deuses, de orixe asiático e venerada en Roma). O elemento acuático foi importante, en todo caso, nos posibles usos que tivera este predio.

O edificio consta de dúas plantas rectangulares. A inferior funcionaría a modo de cripta ou lugar oculto. No edificio diferéncianse tres partes: adro, corpo abovedado central e ábsida rectangular. O adro está enmarcado por dúas pilastras, e ten dúas columnas centrais. Unha porta permite acceder ao interior da construción. A zona central estaría cuberta por unha bóveda de canón e o chan pavimentado con lousas de granito. A bóveda está decorada con pinturas. A parte final sería un pequeno presbiterio a modo de ábsida.

FORMAS DE VIDA NA GALICIA ROMANA

ECONOMÍA

Unha das principais motivacións para a conquista foi a explotación dos recursos mineiros. O ouro galaico foi cobizado polos romanos, que transformaron o xeito artesanal de obtelo en filóns ou nos praceres dos ríos, por un sistema industrial de explotación, baseado na man de obra indíxena (as veces escravos e condenados) baixo a dirección de enxeñeiros e capataces romanos. A zona mineira máis importante foi o curso medio do Sil e do Lor. A explotación dos filóns de ouro provocou a apertura de minas e a provocación de explosión en base –a utilización de lume e de auga alternativamente. Outra forma de obter acceso aos filóns era provocar derrubes escavando pozos e túneles. Tamén se produce a construción de canles, estanques e represas como instalacións mineiras. O paraxe mineiro romano máis coñecido do noroeste son as Médulas do Bierzo. estas minas eran propiedade do estado romano, o que significa que tiñan un gran valor estratéxico para a economía imperial (Plinio fala da extracción de 6.500 kg de ouro ao ano). Ademais de ouros, nesta época segue a explotarse o estaño e o chumbo en terras galegas.

Ao falar das vivendas rurais xa comentáramos a importancia da actividade agrícola e gandeira, que segue a ser o principal sustento de vida para unha porcentaxe altísima da poboación. os romanos introducen algunhas novidades técnicas de alcance no territorio galego, a máis importe delas foi a introdución do arado romano,que subsistiu en Galicia ata o século XX.

As consecuencias deste proceso foron unha maior produtividade da terra, un novo sistema que se foi introducindo de Villae e Vici, baseado na posesión da terra (a primeira con señores e servos e escravos, a segunda como explotación familiar), e unha produción cada vez máis dedicada ao mercado en vez de simplemente ao autoconsumo.

O comercio tamén se desenvolve dun xeito importante durante os séculos do imperio romano, que introduce outra das grandes novidades no territorio: a moeda.

O comercio local continúa desenvolvéndose nos castros, núcleos rurais e cidades. As rutas de longo percorrido amplíanse e fican estables durante todo o período. A Galicia chega cerámica fina de mesa, viño, aceite, salgazóns e gran. Asociados aos graneis líquidos e sólidos aparecen no rexistro arqueolóxico as ánforas cilíndricas e globulares. Ademais bronces votivos, obxectos de luxo, esculturas, etc. chegaron para satisfacer as necesidades das xerarquías romanas en Galicia.

CULTURA MATERIAL

“A numismática romana pódese considerar consecuencia directa da conquista e da integración da Galicia no imperio, pero ao tempo serviu de vehículo romanizador e de axente de intercambios”[3]
                                            

A numismática romana en Galicia consta de moedas importadas e acuñadas na propia Galicia, da época da conquista, probablemente para pagar ás tropas. Do século I aparecen moedas do ouro (aúreo de Nerón), prata (denario de Augusto) e bronce (Ases, semis) en diferentes contextos. Tamen Antoninianos do século III e pequenos folles de bronce do século IV, entre moitas outras. As veces aparecen en tesouros, formando conxuntos de moedas de diferentes tamaños, materiais e valores.

Outro elemento moi importante da cultura material destes séculos é a cerámica. A súa abundancia en diferentes contextos a converten no elemento material principal para datar os xacementos. Aparecen tres tipos de cerámica: a castrexa, a común romana e a Terra sigillata (fina de mesa e importación).

A cerámica de tradición castrexa foi influenciada polas técnicas e formas romanas. «É posible que esta cerámica de tradición castrexa fose asumindo elementos de influencia romana e, posteriormente, xermánica, para callar nas formas e tipos altomedievais, iniciando así o fío condutor, se ben no lineal, de cerámica e olaría populares de Galicia». O que resulta unha novidade nesta etapa e a utilización do torno para a fabricación de utensilios. Os usos deste primeiro tipo de cerámica que estamos a ver van ligados á alimentación:cociñar,comer, almacenar alimentos...

Os romanos introducen en Galicia unha cerámica común con formas e estilos propios, con influencia dos tipos que hai no mundo mediterráneo, como as xerras de boca lobulada ou as fontes de con verniz vermello. Desta cerámica existen exemplares que non tiñan que ver co mundo doméstico, se non cos ritos cerimoniais e funerarios, e tamén co adorno das casas. As ánforas e os dolia (recipientes grandes con forma de globo) son formas relevantes na fabricación cerámica deste tipo, como as lucernas, que aparecen en contextos urbanos e que se usaban para a iluminación doméstica.

A terra sigillata aparece en contextos de luxo, É de importación e forma a vaixela das clases altas da sociedade romana. É unha cerámica de pasta fina e cor vermella ou alaranxada. As veces aparece coa marca do oleiro (sigillum).

Recipientes de madeira, coiro, bronce (caldeiros), vidro, etc.completan os utensilios domésticos e de traballo da Gallaecia romana. O vidro deixou de ser un produto de luxo nos últimos séculos deste período e aparece en moitos lugares, incluso nos castros como Santa Tegra ou Viladonga: vasos , ungüentarios, tarriños para perfumes, pezas decoradas de cores nos amosan a sofisticación material da cultura galaico romana.

A elaboración de comidas varía pola introdución de especias, de salsa de peix, de aceite e de sal. Os romanos introducen a vide en Galicia e comezan a producir viños locais, aínda que as importacións de viños de calidade continua a producirse.

Por último, cómpre subliñar a aparición nos xacementos galegos de todo tipo de ferramentas de traballo feitas en metal, e de equipamento do exército como armas, armaduras, etc. que forman parte do rexistro arqueolóxico e que podemos atopar nos museo de Galicia xunto as pezas de cerámica e moedas comentadas con anterioridade.

SOCIEDADE

As fontes clásicas fálannos da sociedade que se atoparon os romanos ao chegaren a o NO da península. Estrabón e outros autores escriben moitas veces desde o prexuízo, considerando bárbaros a estes pobos, porén, os seus escritos son interesantes como fonte de coñecemento destas culturas. Partindo do que xa sabemos da cultura castrexa, imos ver como vai mudando a sociedade e adoptando novos usos e costumes, e tamén como se produce unha sofisticación a nivel material.

«Son comúns tamén a valentía tanto dos homes coma das mulleres. Éstas traballaban o campo e ao pariren déixanlle o sitio aos homes poñéndose eles na cama en vez delas» (ESTRABÓN)

«As mulleres levan as cousas da casa e os cultivos do campo, os homes dedícanse coas armas ás rapinas» (XUSTINO)

«Este descanso e este divertimento son un sacro pracer para os homes. A laboriosidade da muller fai o resto; bota semente no rego e ara a terra co arado, estando inactivos os homes. todo o que haxa que facer, non sendo a dura guerra, afróntao a esposa do home callaico sen parar» (SILIO ITÁLICO)

«Toman as súas comidas sentados, en bancos construídos arredor das paredes, situándose segundo a idade e a dignidade; a comida vaise pasando en roda. Mentres beben bailan en círculo ao son da frauta e a corneta e tamén saltando e axeonllándose» (ESTRABÓN)[4]
            

Unha das fontes que nos falan das relación que tiveron os indíxenas coa poboación chegada de fora son os pactos de hospitalidade. Estes tratados están escritos en Tesserae ou tabulae e nos amosan a vontade negociadora dos dous grupos que agora comparten o territorio. “Os pactos de hospitalidade foron utilizados por Roma para facilitar a pacificación do territorio e a súa integración nos esquemas romanos.”[5] Despois dos enfrontamentos iniciais non hai fontes que nos falen de grandes problemas entre Roma e os galaicos, a pesar da presenza do exército romano no noso territorio.

Precisamente o exército foi un dos elementos importantes como axente romanizador. Na canaba, ou grupo que acompañaba ao exército hai tamén elementos foráneos que chegan a Galicia. Tamén funcionarios, artesáns e comerciantes chegan ao noso territorio na época romana.

A partir da chegada dos romanos non toda a poboación contou coa condición de homes libres. introducen a servidume e a escravitude. os escravos non sempre tiveron traballos penosos e malas condicións de vida, se non que moitas veces ocuparon postos relevantes, ao igual que os libertos, nos que Roma confiou parta postos clave na administración.

A poboación indíxena tivo que se situar ante as novas estruturas sociais romanas. a maioría continuou a ser peregrini, e dicir, homes libres sen cidadanía romana. A elite castrexa romanizouse e adquiriu a cidadanía. Tamén moitos castrexos formaron parte das lexións ( o exército tamén serviu para promocionar e obter a cidadanía romana) e foron enviados a loitar polo imperio lonxe da súa terra. No ano 74 da nosa era Vespasiano concede a todos os habitantes a cidadanía latina, que non outorgaba os mesmos dereitos que a romana, pero que deixou un pouco máis preto da mesma a moitos dos homes e mulleres que a ansiaban. No século III Caracalla universalizou a cidadanía a todo o Imperio, daquela suponse que xa todos os castrexos estarían integrados na estrutura social romana.

Esta sociedade romana que ansiaban acadar moitos dos castrexos estaba estratificada e xerarquizada, sendo ben difícil mudar de condición social. A sociedade divídese en Patricios e Plebeos. O número de oficios é moi superior ao da cultura castrexa. Ademais do campo e do exército, está a administración imperial, a minería, a olería, os ferreiros e broncistas, artesáns da madeira, dos tecidos e do coiro , mestres, curandeiros, comerciantes, construtores... Un paso importantísimo na evolución das culturas que se sucederon en Galicia.

O estatus da muller vai ir mudando progresivamente desde a época castrexa. A muller castrexa traballa a terra e leva grande parte do peso da economía familiar. A posesión da terra estaría, seguramente, en mans femininas; a herdanza da mesma pasaría de nais a fillas. O home sería o elemento novo móbil da estrutura familiar (sistema de herdanza matrilineal). En tempos romanos a importancia xurídica da muller castrexa decae. A sociedade romana é moi patriarcal. A muller fica no ámbito doméstico e a súa principal finalidade e transmitir aos fillos os valores desa sociedade que, paradoxicamente, as marxinaba. No sistema xurídico romano o home podía divorciarse da muller e incluso matala en caso de adulterio. A prostitución estaba moi estendida en todo o imperio, especialmente no ámbito militar. Tamén se coñecen algúns rudimentarios métodos anticonceptivos.

As mulleres gostaban de vestir ben e adornarse, tamén os homes. Togas (cun valor simbólico que marca o status), túnicas, mantos, fíbulas, alfinetes, prendedores do pelo, contas de colar, etc. forman parte do vestiario dos galaico-romanos,que como noutras partes do imperio, lle daban moita importancia ao aspecto exterior.

A vida social é importantísima para os romanos: os edificios públicos e os lugares de sociabilidade, tales como termas ou lugares de espectáculos, eran o centro das relacións sociais. A casa, cos seus chans e paredes decoradas (non todas,só a dos cidadáns máis puoderosos) marca o estatus da familia que a posúe. A casa é tamén un lugar para as relacións sociais.

Outra innovación que introducen os romanos en Galicia é un sistema de formación educativa os nenos. A instrución pública foi acadando importancia e ficou sistematizada. o ensino comeza pola lingua latina e as contas (a través do ábaco). No segundo nivel aprenden filosofía, poesía,historia, xeometría, astronomía... No último grado o alumno aprende a arte da oratoria. Evidentemente este sistema non era universal, pero si debeu funcionar para as clases medias e altas das cidades.

Os romanos introducen o calendario Xuliano. Os galaicos comeza, pois, a contar os anos, os meses e as horas do día. Os meses divídense en tres partes (Kalendas, Nonas e Idus).

“A cultura material galaico-romana tamén ofrece exemplos arqueolóxicos do universo lúdico, apotropaico (protector), supersticioso e máxico simbólico"[6]. Aparecen táboas de xogo, dado e fichas. Tamén amuletos, colgantes de pedra e outros obxectos que servirían de protección contra o mal de ollo.

A relixión dos castrexos foi mudando paseniño coa chegada dos romanos. Xa comentaramos antes que as elites indíxenas adoptan os modos de vida dos conquistadores, e entre eses aspectos que modifican no seu comportamento está a práctica relixiosa.

Nas fontes clásicas fálase do ateísmo dos castrexo, porén sabemos que adoraban a multitude de deuses (as veces de carácter local). o que sucede, igual que en moitos territorios vai a ser un proceso que se coñece como sincretismo – moi habitual en moitos tempos e culturas- que consiste na asimilación paulatina das novas crenzas e na transformación paulatina dos vellos ritos adaptándoos ao novo panteón de deuses clásicos que os romanos achegan a Galicia. O deus que semella máis respectado e celebrado na Gallaecia foi Xúpiter, segundo a epigrafía.

Tamén xurde un novo tipo de culto, neste caso máis político que relixioso, como é o culto ao emperador. Máis político, porque funcionou como elemento integrador e favorecedor da submisión dos diferentes territorios que compoñían o imperio. O emperador era venerado en vida e á súa morte era divinizado. Nos miliarios e noutros rexistros de escritura verifícase esta tendencia, que debeu ser chocante en sociedades relativamente igualitarias como eran as castrexas. O culto ao emperador incluía a celebración de festas na súa honra, e a existencia dunha serie de gremios encargados de organizar o culto e, vencellados a estes, os sacerdotes.

O panteón de deuses galaico-romano é moi amplo, desde Xúpiter, o deus máis venerado, ata as pequenas divindades de carácter local, que podían morar no propio territorio: deuses das montañas, dos ríos, dos lagos... As veces o vello panteón prerromano asimila aos novos deuses que aportan os novos poboadores. Os castrexos tiñan deuses guerreiros como Bandua ou Coso, e deuses relacionados co comercio (asimilables a Mercurio), como Lugh. o panteón prerromano ten presenza tamén nas cidades e ten continuidade durante todo o imperio ata a idade Media, incluso despois da cristianización.

Os lares viais foron deuses asociados aos camiños que ofrecían protección aos viaxantes. No rexistro arqueolóxico aparecen aras con inscripcións epigráficas dedicadas aos lares. Estes deuses son un exemplo de que os romanos tamén asimilan certas crenzas que existían no mundo indíxena antes da súa chegada, e son orixinais desta parte do imperio.

Os romanos introduciron os deses clásicos do panteón greco-latino, dos que atopamos aras votivas e algunhas esculturas e representacións en mosaicos e pinturas. Xúpiter, Marte, Mercurio, Fortuna, Diana, Venus, Saturno, Baco...Tamén introducen o culto a outros deuses de orixe oriental ue foron asimilados polos romanos após das súas conquistas: Apis, isis, Serapis, Cibeles.

O culto realizaríase a través de ofrendas e sacrificios, e de invocacións para facerlle peticións aos deuses. O culto tiña lugar en diversas localizacións, en encrucilladas (lares viais), en santuarios no medio rural ou en templos nas cidades (dato que coñecemos por outros templos que aparecen no Imperio, xa que en Galicia non existen).

A partir do século IV espállase o cristianismo polo imperio. Na seguinte clase falaremos da caída do imperio e do Priscilianismo como feito relixioso característico do NO da Península Ibérica.

A arte da Gallaecia romana é moi interesante para coñeceren moitos aspectos da vida daquelas poboacións, aínda que plasticamente non teña a beleza das pezas que aparecen noutros lugares do imperio onde o canon de beleza clásico e a técnica conseguida polos artistas apórtannos as grandes obras mestras da arte universal que coñecemos ben. “É necesarioprescindir de estéticas clasicistas e mediterráneizantes para entender moitas das manifestacións artísticas da Galicia romana”.[7]
                  

No nos territorio durante a época romana conviven a arte indíxena (na que podemos encadrar a escultura castrexa) e a arte romana e, dentro desta, a arte oficial e a arte popular (destinada as clases medias plebeas, e moito máis abundante en Galicia), polo que o panorama é bastante variado. Xa temos falado da arquitectura, dalgúns exemplos de mosaicos e das pinturas que decoraban as casas, e da numismática. Imos completar agora, para rematar esta clase, esta visión polo legado artístico desta etapa da nosa historia.

A escultura é abundante no patrimonio artístico romano en Galicia. De orixe culta destaca a estatua de Dionisio e Ampelos en mármore, atopada en Muradella de Mourazos (Verín), a cabeza de Venus atopada en Lugo e o relevo de Amiadoso (Allariz).

As estelas funerarias, das que aparecen bastantes exemplares, eran usadas pola clase plebea. Non son exemplares romanos realizados dunha maneira tosca, se non que conteñen unha simboloxía e unha iconografía propia, que inclúe iconas astrais e tamén de orixe indíxena. Moitas conteñen figuras antropomorfas, como as estelas de Ouzande, Paradela, Bermés e Troitosende.
Outras son pezas que tenden á abstracción, moi esquemáticas e tendentes á xeometrización, como a de coroas de Reigosa.

Outro tipo de escultura son as feitas en bronce, que estarían ligadas as clases altas e ao culto oficial. So tipos influídos polos modelos clásicos, como a Minerva que se atopa no Museo de Belas Artes da Coruña, ou o Mercurio de Vilar de Barrio.

Os mosaicos e a pintura xa os comentáramos ao ver a cidade de Lugo. A decoración pode ser figurativa ou xeométrica, e en Galicia aparecen exemplos dos dous tipos. Escenas mitolóxicas e sobre todo, mariñas, son as que aparecen como temas figurativos. tamén temas paleocristiáns dos últimos séculos do imperio como os do mausoleo da catedral de Santiago. En Galicia houbo varios obradoiros de fabricación de mosaicos. o señores da villae serían os principais clientes a partir do século III.

Debido á humidade do nosos clima conserváronse moi poucas pinturas romanas, mais de seguro que foron abundantes nas casas das cidades e nas villae rurais. A pintura vai sobre un estuco que se aplica sobre o muro e os teitos. O mellor exemplo de pintura galaico-romana está no xa citado monumento de Santa Baia de bóveda.

A ourivería continuou a ter a gran tradición prerromana. Torques e arracadas fúndense no entorno dos castros. Como obxectos de importación aparecen os aneis que pedras preciosas incrustadas de tipo romano, que usaban as clases altas e máis romanizadas, como exemplo subliñaremos os aneis de Lucus Augusti e do castro de Viladonga.

para despedir a clase, lembraremos a figura de José Cornide, un dos grandes exemplos da ilustración galega do século XVIII. José Andrés Cornide de Folgueira y Saavedra naceu na Coruña en 1734, no seo dunha familia fidalga. Estudou humanidades na Universidade de Santiago de Compostela. Foi rexedor da cidade da Coruña desde 1763 ata que se traslada a madrid na década dos 80. En 1765 fundou a Real Academia de Agricultura de Galicia. Ao longo da súa vida escribiu multitude de traballos sobre a xeografía, a economía e a historia de Galicia, ademais doutras obras e tratados. Na capital ingresou na Real Academia da Historia, feito que o recoñecía como un dos principais ilustrados e eruditos da súa época. Destacámolo aquí polo seu senlleiro estudo sobre a Torre de Hércules, que chegou a publicar co título de Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la llamada Torre de Hércules situada a la entrada del puerto de La Coruña.

Nas primeiras páxinas de dito estudio, don José Cornide explicábanos o seu propósito:

« No habrá acaso en España monumento de la antigüedad, que al mismo tiempo que ha dado extenso campo a las fábulas, interese más a la curiosidad del público: una Torre fabricada por Hércules. Hispalo o Brigo; reparada por César;adornada con un maravillosos espejo que descubría las naves enemigas, a más de cien leguas de distancia; erigida, según unos,en obsequio de una imaginaria beldad, y según otros, para conservar lamemoria de la derrota de tres poderosos reyes,y para servir de panteón a sus cenizas, son sin duda circunstancias tan extraordinarias, que acaso no se hallarán reunidas en alguno de los más suntuosos edificios que admiraron los antiguos, y que la fama nos ha conservado la noticia, y a lo menos sobre la mayor parte de ellos tiene nuestra torrela ventaja de haberse conservado casi tan íntegra, como ha salido de las manos de los que la fabricaron; pero el averiguar quiénes han sido estos, quién el Arquitecto; y por disposición de quién se hubiese puesto en obra; ésta es la dificultad, y este, como llevo dicho, es el objeto que me he propuesto tratar»[8]
        

[1] J.C. BERMEJO BARRERA; X.A. FERNÁNDEZ CANOSA, A Idade Antiga, en Nova Historia de Galicia. Ed Tambre, A Coruña, 1996.(113)
[2] J.M. CAAMAÑO GESTO: As vías romanas; en Galicia Historia. I Prehistoria e Historia Antiga. Ed. Hércules, A Coruña, 1993. (395)
[3] FELIPE ARIAS VILAS: A romanización de Galicia, A Nosa Terra, Vigo, 1992 (83)
[4] Textos extraídos do libro de ANTONIO BALBOA SALGADO. Gallaecia nas fontes clásicas
Univesidade de Santiago de Compostela, 1996.
[5] FELIPE ARIAS VILAS: A romanización de Galicia, A Nosa Terra, Vigo, 1992 (88)

[6] FELIPE ARIAS VILAS: A romanización de Galicia, A Nosa Terra, Vigo, 1992 (110)
[7] FELIPE ARIAS VILAS: A romanización de Galicia, A Nosa Terra, Vigo, 1992 (119)
[8] JOSÉ CORNIDE: Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la llamada Torre de Hércules situada a la entrada del puerto de La Coruña, 1971. (Instituto Cervantes : http://descargas.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/91371731010240506322202/021911.pdf?incr=)
        






14 oct 2009

02. A TERRA DOS CASTROS

A CULTURA CASTREXA

A cultura castrexa abrangue un período de tempo que vai dende o século VIII a.e.c. ata mediados da primeira centuria da nosa era. Trátase dunha cultura que ven marcada polo establecemento de grupos humanos en poboados fortificados coñecidos como castros, situados en diversos paisaxes, xeralmente dominando un territorio. A Cultura Castrexa desenvolveuse como unha unidade cultural nos territorios de Galicia, Oeste de Asturias ata o Río Navia, e norte de Portugal ata o Río Douro. Na península existen outros poboados fortificados semellantes aos castros galaicos, mais non os podemos adscribir ao castrexo, feito cultural exclusivo e diferenciado do Noroeste da Península Ibérica

A súa orixe atopámola no final da Idade de Bronce, cando as poboacións van fixándose máis ao territorio e mudando os seus hábitats. A agricultura será máis variada e competitiva, máis estable. O comercio desenvolverase tanto co Atlántico como cos fenicios asentados ao sur da Península Ibérica. A cultura material cambiará, destacando as importacións e a fabricación de obxectos de ferro.

Esta cultura desenvólvese durante toda a Idade de Ferro. As influencias das poboacións da Europa Occidental e Central pertencentes a Idade do Ferro (que van ser moi importantes nesta etapa da nosa historia) levaron historicamente a concluír que a cultura castrexa fora introducida no Noroeste da Península por pobos de orixe Celta que invadirían o noso territorio. Hoxe en día a tese “invasionista” practicamente non a defende ninguén, porén os elementos en común entre os castrexos e os celtas existen, sobre todo no eido lingüístico.

Non existe un final brusco para a Cultura Castrexa, se non que esta vaise adaptando, pouco a pouco, ao sistema provincial romano ata fundirse con el. Moitos castros continuaron poboados ata a alta Idade Media.

Tradicionalmente houbo moitos intentos de periodizar a cultura castrexa en diferentes fases. Aquí imos falar de tres etapas relacionando o castro coa idade de Ferro que se desenvolve en Europa no primeiro milenio. Desde o século VIII no que fundan os primeiros castros ata finais do século V estamos ante unha fase de formación da cultura castrexa (coincide coa primeira idade do ferro), na que se produce este proceso de sedentarización e de construcción de poboados fortificados. A partir do século IV estamos na segunda Idade do Ferro, na que vai ser a fase de desenvolvemento da cultura castrexa. A partir do século I a.e.c comeza a fase castrexo-romana, na que os castros irán caendo baixo a influencia de Roma trala conquista.

Tamén cómpre subliñar que a Cultura castrexa amosa diferenzas importantes a través do espazo e do tempo, polo que case habería que falar de sociedades castrexas con modos de vida diferenciados segundo se sitúe o castro, que é o elemento que lle da unidade a esta cultura. Hai diferenzas territoriais na organización do espazo, na arquitectura, na actividade económica e tamén na organización social.

A PRIMEIRA IDADE DE FERRO. ETAPA DE FORMACIÓN

Os castros, asentamentos fortificados, xorden no tránsito da idade de bronce a idade do ferro. O territorio no que se asentan é moi diverso. Xurden no norte de Portugal (poboados en altura) e de aí esténdense cara o norte, e da costa cara o interior.

Foxos terrapléns e murallas delimitan o espazo interior. Esta fortificación é moi importante, xa que separa dous mundos, o interior, pertencente á comunidade, e o exterior ou estraño, do que cómpre defenderse. A monumentalización do hábitat é un dos feitos clave que explican esta cultura:

Os castros son unha “metáfora material da fixación destas comunidades no espazo, cuxa estrutura e organización espacial lexicaliza un tipo de orde social que se impón agora na Primeira Idade de Ferro, baixo un modelo non xerárquico que ten como protagonista á comunidade”[1]

Os primeiros castros abundan os materiais perecedoiros nas construcións. As cabanas teñen unha distribución moi sinxela, non hai divisións no espazo. O elemento máis destacado é o fogar, ao redor do cal xira toda a vida da casa.
Nos primeiros castros as casas non están pegadas, o que permite a existencia dun espazo comunal, onde é posible que se celebraran cerimonias e se fixeran intercambios.

Os primeiros castros sitúanse en altura, lonxe das terras máis aptas para o cultivo; a función defensiva predomina sobre a produtiva. Porén o desenvolvemento das prácticas agrícolas, gandeiras e pesqueiras é unha das características que definen a estas comunidades, a súa economía vai ser máis intensiva e produtiva. Practican agricultura de roza e de barbeito, utilizan ferramentas similares ás da Idade de bronce, fouces de ferro e machados de bronce. Arado con rexa de madeira. Introdúcese o paínzo como cereal de ciclo curto, que produce dúas colleitas ao ano, e que complementa ao cereal de inverno (cebada e trigo). Continúa o proceso de deforestación e a ampliación de terra de labranza. Tamén cultivan legumes (fabas) e recollen landras de carballo. Aínda que é moi difícil de constatar, e moi posible que nesta etapa se producise a parcelación de terras. De ser certo, estariamos diante dun feito moi importante, pois estas gabias que delimitan os campos de cultivo, reflicten o interese destas comunidades por remarcar as súas posesións. “poderían materializar un sistema cultural de propiedade da terra” [2] ,e tamén evidenciar a existencia da familia como unidade de produción.

Un dos feitos máis relevantes da cultura castrexa e a mudanza que se produce nas prácticas funerarias. Implica un cambio na cosmovisión destes pobos. Desaparecen os túmulos. Tamén diminúen os depósitos de enxovais e de espadas nos ríos. Para toda a cultura castrexa mantense a hipótese de que incinerasen os corpos, pola ausencia de enterramentos.

A cerámica ofrece unha continuidade co período anterior. En todo caso as pezas son sinxelas, sen grandes dificultades técnicas, pouco cocidas e de baixa calidade. A decoración é xeométrica. Na segunda Idade do ferro, a complexidade nas decoracións vai ser moito maior. Nesta época hai unha ausencia de obxectos identificables cunha elite, o que leva aos especialistas a falar de sociedade igualitarias. Na metalurxia o máis destacado é a paulatina introdución do ferro (o bronce non desaparece), as armas serán máis curtas (destaca o puñal de antenas), o que tamén leva a pensar nunha sociedade relativamente igualitaria.

SEGUNDA IDADE DE FERRO. FASE DE DESENVOLVEMENTO

A partir do século IV a.e.c. prodúcese una complexidade e unha xerarquización das sociedades, que coincide no tempo coa reactivación do comercio. Estes trocos, que se producen a nivel europeo, vanse deixar notar na cultura castrexa.

O mundo castrexo vai ser máis heteroxéneo, con castros situados en zonas máis baixas e con diferenzas locais en cuanto a tamaño e estrutura do poboamento. As murallas e terrapléns serán máis grandes e o espazo interior máis amplo. Prodúcese un abandono dalgúns castros da primeira época, continuidade noutros, e creación de novos asentamentos. Máis castros, castros máis grandes, e unha maior intensificación da agricultura nos falan dun aumento considerable en termos demográficos.

A cerámica será máis complexa e terá mellores acabados. Aparecen obxectos vencellados a vestimenta. Fíbulas, alfinetes, xoias (arracadas, colgantes, torques e brazaletes) incluso pinzas de depilar. “buscan marcar diferenzas a través do corpo, converténdoo nun campo semántico onde se negocia o poder”[3]

O comercio con produtos mediterráneos buscan a diferenciación social. Son obxectos exóticos que só uns poucos posúen, e que marcan diferenzas, así como a maior complexidade nas construcións castrexas e a decoración da arquitectura.

O Castro
“Paseando polos campos galegos e, sobre todo, polas terras de montaña e polas extensas rexións chas e onduladas, tipo matizado entre montaña e val, destácanse frecuentemente no horizonte os perfís fortemente acentuados e dominadores dos castros. O seu prestixio pasa por riba dos cambios históricos. O campesiño sente por eles un vago respecto e un certo orgullo (...) están esculpidos no releve xeográfico e na alma da raza”[4]

A partir da 2º idade de ferro prodúcese un cambio. As estruturas son máis complexas, existe unha maior monumentalización do recinto,e unha maior complexidade do aparello defensivo. A planta soe ser circular e tende á curva. Dentro do recinto as vivendas aparecen amoreadas unhas contra as outras. O gran desenvolvemento de foxos e terrapléns “vai máis alá da súa función defensiva e disuasoria, sendo un elemento decisivo no proceso de identificación simbólica do asentamento e da construción da identidade da comunidade que habita o castro e que se fixou definitivamente no territorio. Isto débese a que materializa arquitectonicamente o límite, a fronteira que separa a propia comunidade do espazo do Outro (...). A escenografía da fortificación manifesta a vitalidade e a unidade do grupo que a construíu, e convértese en símbolo da propia independencia”. A muralla é, tamén un símbolo da “vocación de permanencia no lugar”[5]

As cabanas redondas seguen a facerse, aparecen as plantas ovaladas e de planta rectangular con esquinas redondeadas. As casas están construídas de barro e palla ou de pedra, ou ben combinando estes materiais, segundo a tradición construtiva de cada territorio. Nalgúns castros revócanse as paredes. Noutros instálase un pequeno banco corrido. O teito era de pallas, a unha ou dúas augas. O chan xeralmente era de terra pisada e as veces endurecida con lume, aínda que se conservan restos de vivendas co chan feito de lousas de pedra. As cabanas unicamente teñen un van, que fai as veces de porta, elemento de ventilación, e entrada de luz natural. Este van sitúase un pouco alto ara evitar a entrada de roedores. A pechaduras con chave non chegaron ata Galicia ata a época romana, polo que as cabanas pechábanse con postigos. Dentro dalgunhas casas atopáronse pequenos tesouros con xoias e outros obxectos, aínda que a función da porta máis que a seguridade é a protección das inclemencias do tempo e a conservación do calor interno. Nun momento avanzado da Idade de ferro, algunhas vivendas dalgúns castros van con vestíbulo.

No centro estaba o fogar. Lume para facer a comida e para quentar aos membros da familia, que segundo Estrabón, sentaban ao redor do mesmo en rigoroso orde de idade. Estamos diante dunha vella costume galega que vai ter continuidade coa lareira. Ao carón do fogar aparece un burato onde ía fincado un poste para soster diferentes obxectos e alimentos enriba do lume (a través dunha estrutura coñecida como burro). Os modos máis tradicionais de cociñar foron a cocción e o fervido. Tamén se constata a fritura, neste caso con manteiga animal, pois non coñecían o aceite. O fogar ten unha gran significación, a carón del reúnese a familia, unidade social fundamental xa desde estes tempos, onde se crean as lealdades máis primarias e firmes, onde se asumen os roles familiares. Non se constata a existencia de mesas para comer (sabemos tamén que os romanos comían deitados e non e mesas). Do que si temos constancia e da utilización de diversos obxectos para comer. Comíase coas mans. O coitelo pode que sexa o único obxecto co que se axudaban , aínda quen on se descarta a existencia de culleres de madeira. Ademais usaban vasos, cuncas, xerros, fontes e pratos par apoñer os alimentos, xeralmente estres obxectos están fabricados en madeira (tamén aparecen vasos de cerámica e metal).

A estrutura dos castros muda a partir do século IV a.e.c. Agora as vivendas son máis pequenas e o seu uso é unicamente doméstico. En cambio, xorden novos predios que ben puideron ter funcións de uso colectivo: celeiros, almacéns obradoiros, etc. Aparecen grupos sociais, barrios ou familias extensas que se vertebran ao redor dun patio.

A partir do século II a.e.c, entre os ríos Miño e Douro, apracen un novo tipo de castros coñecidos como oppida. Son establecementos novos, cunha poboación moi alta (En Sanfins chegaron a vivir ata 3000 persoas, o que supón 12 veces máis que a poboación normal dun castro). A organización destes establecementos humanos é diferente, debido ao seu tamaño. Aparecen espazos comúns e zonas públicas, recintos sagrados, saunas, rúas empedradas, alxibes, etc. Urbanízase o espazo. Con Roma xeneralizarase o proceso, pero este xa estaba en marcha antes da presenza romana no territorio castrexo.

Resumimos, pois, as partes fundamentais dos castros. Os elementos defensivos, que son as pedras fincadas para a defensa ante os ataques da cabalería, os foxos, os terrapléns, as murallas e outras estruturas como as diferentes ringleiras de muros e os antecastros. As vivendas domésticas e as cabanas con outros usos. As casas agrupadas en pequenos barrios, cun espazo central. Os templos (moi escasos) e as saunas (tamén coñecidas como monumentos con forno). As obras de infraestrutura como os alxibes, rúas empedradas, desaugues, etc. As escasas necrópoles dos grandes castros portugueses.

En canto a arqueoloxía moble, temos unha importante cantidade de esculturas, armas e xoiería asociadas aos castros, cuxas pezas podemos contemplar nos múltiples museos arqueolóxicos dos territorio galego.

ECONOMÍA

Na segunda Idade do ferro a agricultura vai ser máis intensa. Ademais de cereais, constátanse a presenza de legume e hortalizas. As hortas estaban situadas, xeralmente, ao carón dos castros, deixando os campos de cultivo de cereais máis afastados. A deforestación acentúase a partir do século IV a.e.c. O monte vai ser un complemento na economía dos castros, coa recolleita de froitos e de outros elementos como a leña para o lume. O desenvolvemento agrícola propiciou a creación de silos e outras estruturas de almacenamento de excedentes tales como hórreos e cabanas. Utilizan diversas técnicas de conservación como o secado, o afumado ou a fermentación. Efectivamente, os castrexos xa tomaban cervexa feita a base de cereal fermentado. A gran importancia dos cereais na dieta ten como consecuencia a presenza de muíños. Existen os de vaivén e tamén os circulares. Este segundo é máis avanzado na tecnoloxía, pois permite moer o gran con moito menos esforzo.

A gandería é outra fonte importante de alimentación, así como a pesca e o marisqueo nos castros costeiros. A granxa castrexa inclúe bois, vacas, ovellas, cabras, porcos e galiñas. Os bóvidos teñen unha extraordinaria importancia como produtores de leite e tamén como animais de tiro. Xa nesta época eran elementais para a economía das poboacións de Galicia. O marisqueo é ben coñecido pala aparición de cuncheiros nos castros. Outro feito importante é a fabricación de pequenas embarcacións para a pesca de baixura.

As comunidades castrexas importan viño con seguridade a partir do século IV a.e.c. Aparecen ánforas procedentes do mundo Mediterráneo. Por seren un produto valioso de importación, non era de consumo habitual, se non que se pensa que foi utilizado en banquetes ou cerimonias. Tamén puido funcionar como elemento que marca diferenzas a nivel social e de prestixio. Tamén se constata a importación de vaixelas relacionadas co viño, de orixe grega, que veñen a confirmar esta hipótese do viño como posesión que marca status.

O comercio e as relacións co mundo Mediterráneo é unha das características que marcan a evolución da cultura castrexa. Os pobos mediterráneos lánzanse a aventura comercial desde moito antes que os Atlánticos. Non só traen ás nosas costas produtos exóticos, se non que aportan coñecementos e datos sobre as súas culturas. A rota Atlántica pola costa portuguesa foi unha fonte importante de comercio para os fenicios asentados no occidente de Andalucía (Gadir e outras colonias menores). A partir do século IV a.e.c. este comercio intensifícase moito.

As fontes escritas gregas (Herodoto, Estrabón) documentan o comercio fenicio con poboacións atlánticas, das que levarían para as súas terras estaño. En Galicia aparecen obxectos da parte meridional da Península tales como cerámica, colares, fíbulas, coitelos dos primeiros séculos da Idade de ferro. As fontes literaria tamén nos falan duna forma de intercambiar obxectos a través do acendemento de lumes nas praias onde os fenicios depositaban os obxectos de intercambio. As praias serías os espazos onde fondeaban as naves e onde se producía o intercambio, e tamén as illas, fáciles de localizar e máis seguras (Toralla, Cíes). Non todos os castros comerciaron coa mesma intensidade con estes pobos, loxicamente os castros máis achegados ás costas e máis cara o sur tiveron maior actividade comercial.

A partir do século II a.e.c. (despois da segunda guerra púnica) os romanos controlan as colonias do sur da P. Ibérica. O control das rutas comerciais será romano, aínda que o comercio o exercen as familias locais. Aparecen novos materiais como cerámicas de orixe itálica, que contiñan xeralmente viño, tamén vaixelas campanienses de luxo. A partir da época Augusta e a conquista (Século I a.e.c.) o comercio xa estaría dominado totalmente por Roma.

OS HOMES E MULLERES CASTREXOS.

O corpo de mulleres e homes son embelecidos a través das roupas, das xoias e dos peiteados. O feito de adornar o noso corpo é tan vello case como a historia da raza humana e se trata, sen dúbida, dun proceso cultural polo que pasan todas as sociedades. Na cultura castrexa a decoración corporal é máis complexa que a de etapas anteriores. As fibras téxtiles non resistiron ben o paso do tempo, pero si que se atopan fusaioas (instrumentos circulares que forman parte do fuso para fiar), peites de ósos e agullas para tecer. Por diversas fontes literarias e plásticas sabemos da confección de saias, mantos e túnicas. Outro obxecto moi abundante na arqueoloxía castrexa son as fíbulas, xeralmente de bronce (hainas de ouro e prata tamén). Son semellantes aos imperdibles e a súa función e unir as diferentes pezas de tea dos traxes masculino e feminino. Non son simplemente un instrumento funcional, a súa tipoloxía e decoración e moi variada, podendo acadar un valor de identidade o de status e que individualiza ao portador destas.

O coidado e adorno do cabelo é tamén moi importante nestas sociedades, así como as xoias asociadas ao adorno do corpo. As mulleres levaban arracadas (un tipo de adorno para as orellas) e colares. A tipoloxía e os materiais son moi variados. Os colares soen ser articulados, de doas de materiais diferentes. Tamén aparecen materiais vítreos de importación asociados á xoiería. Neste ámbito, a influencia de tipos e técnicas orientais vai ser moi importante a partir da segunda idade de ferro. Menos abundantes son as pulseiras e aneis.

Os homes tamén decoraban o seu corpo con alfaias. Neste caso son os torques, os brazaletes e diademas cinto son as pezas usadas. Como pasa coas mulleres a tipoloxía e moi variada. O torques é a peza de ouro máis característica da cultura castrexa. Trátase dun aro macizo aberto, con dous topes. O torques cínguese no colo. Como aparecen torques bastante diferentes dependendo do castro onde se atopan, estes podían funcionar como elelemetos de diferenciación non só social, se non tamén rexional. O ouro foi a materia prima de prestixio tamén para os castrexos. A diadema-cinto plantexou diferentes hipóteses de interpretación, como o seu nome indica.

Portar armas non só era unha necesidade, se non que é posible que xogase un papel importante dentro da estética masculina. o puñal vai ser a arma máis estendida durante os primeiros séculos da cultura castrexa. Isto se explica se temos en conta un tipo de guerra entre pobos castrexos nos que predomina a razzia. Nas esculturas podemos ver como os guerreiros castrexos portaban ademais escudos. O ferro substitúe ao bronce como material para fabricar espadas e puñais. Na segunda idade do ferro aparecen espadas longas, armas especiais asociadas a unha nova caste de xefes guerreiros, segundo podemos interpretar novamente polas esculturas que aparecen nos castros de alén do Miño.

As practicas rituais, as crenzas relixiosas e a cosmovisión dun pobo son parte fundamental da súa cultura. Lamentablemente é complicado rastrexar nas fontes arqueolóxicas e escritas estes aspectos da cultura castrexa, porén, algunhas cousas se poden dicir do sistema de crenzas destas comunidades. É moi posible que fixeran sacrificios rituais de animais: coitelos machados e caldeiros serían os instrumentos utilizados no rito. A partir da segunda Idade do Ferro constátase a existencia de sacerdotes encargados de levar á práctica os rituais relixiosos. As fontes escitas (Estrabón) fan mención aos sacrificios de animais e a arte de adiviñar o futuro a través do estudo das entrañas. Nas fontes literarias apaarecen dous nomes de deuses, asociados á guerra: Cosus e Bandua

Os castrexos tiñan os seus propios lugares sagrados e de culto: santuarios ruprestes, santuarios galaico-romanos, espazos rituais no interior dos castros etc. estes empezan a facerse visibles nos castros a partir da chegada dos romanos.

Os castrexos da Gallaecia foron sempre considerados polas fontes clásicas como individualistas, belicosos, tendentes á heroicidade. É unha sociedade que carece de estado, e moito máis igualitaria que outras da mesma época a xulgar polas casas, que son moi semellantes en canto a tamaño. Polos datos epigráficos é moi posible que existisen xefaturas, relacionadas co prestixio acadado na guerra. O tipo de guerra son as razzias, de duración moi limitada, e co obxectivo de acadar un botín ou solucionar unha disputa territorial. “Nin que dicir ten a importancia que ten como móbil a glorificación e prestixio que outorgan ao combatente nunha sociedade cun ethos guerreiro”.[6]

ALGÚN DOS PRINCIPAIS CASTROS

CASTRO DE ELVIÑA
Situado no Concello da Coruña. Empezou a ser escavado en 1947 polo profesor Monteagudo. O castro posúe unha croa rodeadaa dunha potente muralla de 4’5 metros de grosor. Destaca o seu pozo alxibe, no se se almacenaba a auga que proviña dun manancial. A súa cronoloxía vai desde antes do II a.e.e ata o IV d.c. (xa plenamente romanizado).

CASTROS DE NEIXÓN
Situados no Concello de Boiro, son dous castros costeiros que se sitúan ao carón un do outro. O castro pequeno foi habitado desde o século VIII a.e.c. ata o V a.e.c. Nesta época é abandonado e pasa a ser ocupado o coñecido como castro grande, desde o IV a.e.c ata o século v da nosa era. Estes dous castros están moi ben preparados para a súa visita e contan ademais cun centro de interpretación e de acollida de visitantes

CASTRO DE BAROÑA
Outro castro marítimo situado no barbanza, no Concello de Porto do Son. Un dos máis coñecido e mellor conservados da fachada Atlántica. Activo con seguridade entre os séculos I a.e.c. e i da nosa era, é posbile que existise unha ocupación anterior. Documéntanse restos de gandería e de pesca e marisqueo. Tamén comercio de ánforas romanas.

CASTRO A CIDÁ DE BORNEIRO
Trátase dun castro de tamaño medio situado nunha área agrícola e preto do mar, no concello de Cabana de Bergantiños. Destacan as súas vivendas circulares e o terrplén que delimita o recinto.

CASTRO DE VILADONGA
Un dos castros sobranceiros desta cultura. Situado nun outeiro que domina a comarca da Terra Cha, no concello de Outeiro de Rei. Destacou sempre pola súa monumentalidade. Escavado primeiro por Chamoso Lamas e despois por Felipe Arias, conta cun museo desde o ano 1985 onde podemos ver as pezas arqueolóxicas encontradas no recinto e interpretar a cultura castrexa no seu conxunto. Nas súas catro ha. abrangue un conxunto de murallas e foxos que delimitan dous antecastros e unha croa. Trátase dun castro chave para interpretar a romanización da cultura castrexa, cun gran patrimonio moble asociado ao xacemento.

CASTRO DE SANTA MARÍA DO CASTRO
Situado na zona dos Ancares. A súa ocupación está asociada á ourivería romana, desde o 50 a.e.c ata o século II da nosa era. Amosa moi ben o modelo de cabana redonda pensada como vivenda familiar.

CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS
Outro dos castros senlleiros atopados en chan galego. Situado a 18 Km da cidade de Ourense. O acceso ao mesmo era doado, por iso conta cun gran aparello defensivo. Coas súas dez Ha. é un dos recintos castrexos máis grandes que se conservan. Foi ocupado desde o século II a.e.c. ata o II da nosa era. O castro acolleu unha numerosa poboación de agricultores e gandeiros en vivendas familiares que foron evolucionado ao longo dos séculos.


CASTROMAO
Situado no Concello de Celanova, é un dos castros que foron ocupados desde a primeira época do castrexo (S. VII a.e.c.). É un castro que ocupa o cumio dun monte, situado estratexicamente para controlar o territorio. Por teren unha ocupación tan longa, nel pódese estudar ben a evolución da cultura castrexa. É un recinto duns 20.000 m² rodeados dunha muralla.

SANTA TEGRA
Na vila da Guarda, dominando a desembocadura do Miño, atopamos un dos castros máis espectaculares. Tamén un dos primeiros que foron estudiados. Conservanse moi ben as súas cabanas circulares (algunha recostruida). Non foi un castro moi lonxevo, conta cunha cronoloxía do século I a.e.c. ata o I da nosa era. Ten un importante legado arqueolóxico de cerámica local e de importación e de xoiería.

CASTRO DE TROÑA
Situado nun outeiro do Concello de Ponteareas, situado claramente cunha vocación defensiva, xa que as pendentes dificultan moito o acceso. Trátase dun dos castros escavados por Florentino L. Cuevillas. Como soa suceder cos castros situados en altos, a súa ocupación e moi temperá (S. VI a.e.c.). Ademais das vivendas, destaca un gravado dunha serpe.Unha igrexa e dous cruceiros fálannos dunha continuidade de ocupación deste territorio ata hoxe ne día.

CASTROLANDÍN
Encontrase no Concello de Cuntis, nun outeiro que destaca sobre o val do río gallo. Combina construcións castrexas con outras de influencia romana. E un dos castros que se atopan en mellor estado de conservación.

CITÂNIA DE BRITEIROS
Xa en chan portugués, atopámonos con algúns dos mellores exemplo da cultura castrexa,como é o caso da Citânia de Briteiros, situada ao norte da vila medieval de Guimarâes. Trátase dun asentamento da idade do Ferro que despois foi romanizado e ampliado ata ocupar 27 ha. polo que é excelente para entender o proceso da chegada do mundo romano a Gallaecia. O grande arqueólogo portugués Martins Sarmiento foi o primeiro en escavar este recinto e ademais propiciou a reconstrución dalgunhas das vivendas que se atopan nel. Un dos achados máis notábeis deste xacemento e a sauna, que conserva unha magnífica “pedra formosa”.


MONTE MOZINHO
A vista de paxaro é espectacular este castro portugués situado no Concello de Penafiel. Trátase dun oppida tanto pola súa dimensión como pola súa cronoloxía. Ten unha estrutura protourbana, cun eixo norte sur que cruza o poboado. Destaca moito a pavimentación e sistema de desaugue de augas domésticas e pluviais.As casas agrúpanse en torno a patios centrais. Tamén aparece un templo dentro do recinto, que seguramente ten que ver coas crenzas introducidas polos romanos no poboado. É un dos castros que están musealizados, polo que pódese coñecer ademais da estrutura urbanística e arquitectónica, o patrimonio moble asociado ao xacemento..

CITÂNIA DE SANFINS
O terceiro dos grandes castros portugueses que imos coñecer se sitúa nunha das poucas elevacións do territorio que existen entre or ríos Douro e Miño, polo que desde este castro dominábase de xeito visual unha ampla área xeográfica. Situase preto da localidade portuguesa de Paços de Ferreira. trátase, como Briteiros, dunha estrutura protourbana. Ten case 15 Ha. de superficie e tres conxuntos de murallas. Tamén está ordenado en torno a un eixo norte-sur. tamén posúe balneario con “pedra formosa” e a estrutura de vivendas agrupadas en torno a un barrio que leva a pensar na familia extensa como modelo social nos último séculos do castrexo. Tanto en Sanfins como en Briteiros aparecen necrópoles.

CASTRO DE COAÑA
Concluímos esta viaxe polos máis sobranceiros establecementos castrexos por este castro asturiano, un dos mellor conservados do principado. Está situado xusto no límite xeográfico da cultura castrexa, a carón do río Navia. Recentes investigacións demostran que foi ocupado a partir do século IV a.e.c. Foi posteriormente romanizado. tamén conta cun recinto “sacro” termal.

O CELTISMO: MITO E REALIDADE

“Todo mito supón unha xustificación e un desexo, e Galicia necesitou ese mito para explicarse a si mesma, para diferenciarse doutras culturas e dotarse de personalidade. Estudar o celtismo é introducirse na personalidade dunha cultura que aínda segue a loitar hoxe por reafirmarse. E a adopción e aceptación popular do mito son as máximas expresións da súa propia natureza”[7]

Os contactos con pobos de tradición celta existiron na época castrexa, pero iso non significa que os galegos teñan a súa orixe na migración destes pobos cara o noso territorio. Tamén se constata achegada de pobos das illas británicas na Idade Media, posteriormente á cultura castrexa e a romanización.

O Leabar gabala, ou libro das invasións foi o texto no que se apoiaron algúns dos antigos historiadores galegos para falarnos dunha orixe céltica dos habitantes de Galicia. “O rei Breogán, fundador da nación céltica galega, construíu na cidade de Brigantia (identificada coa actual Coruña) unha enorme torre dunha altura tan magnífica que os seus fillos podían ver unha beira verde distante dende o seu cumio. A ollada desa terra verde distante enganounos para navegar ao norte de Irlanda, onde Ith sería asasinado. En vinganza, os fillos de Mil, neto de Breogán, saíndo dende Brigantia chegaron a Irlanda e conquistárona.” Trátase dun texto mitolóxico que explica a orixe de Irlanda e que emparenta aos galaicos cos pobos celtas.

Non é este o único texto que nos fala dunha orixe “racial” céltica.O Ora marítima de Rufo Festo Avieno narra a invasión da península Ibérica por parte de diversos pobos do norte (os oemstrimnios) que serían expulsados polos Saefes, que se pode interpretar como un pobo ou como un conxunto de serpes. Neste caso non estamos ante un texto mitolóxico, pero non é unha fonte fiable.

Na arqueoloxía non se detectou ningún material que confirme a orixe celta da cultura castrexa. O suposto celtismo de Galicia atopámolo por parte dos lingüistas. “No territorio da Gallaecia e no de Lusitania encóntranse vestixios dunha lingua emparentada coas linguas celtas clásicas”[8] . Algunhas mostras de esta influencia celta na linguaxe sobreviviron en moitos casos á romanización e a instauración das linguas romances no noso territorio, como son os topónimos en celti (Céltigos), ou en briga (Conimbriga).

Na segunda metade do século XIX, co rexurdimento,desenvólvense moitos estudios históricos sobre a orixe de Galicia. Historiadores como Benito Vicetto ou Manuel Murguía escriben historias de Galicia nas que fan referencia á esta orixe céltica da que estamos a falar. Baixo o romanticismo que se estende por toda Europa, desenvólvense moito os estudos e explicacións das orixes nacionais de cada territorio. Neste contexto non só os historiadores quixeron ver a fonda pegadas do celtismo en Galicia, tamén poetas como Curros (o poeta da raza) ou Pondal (que no himno fala da nación de Breogán), músicos, artistas plásticos, etc. configuraron este orixe mítico de Galicia no celtismo.

Andando no tempo, o suposto celtismo galego foi matizado, pero continuou a ser un referente cultural que explicaba o feito diferencial galego co xurdimento do nacionalismo. Así Otero Pedrayo escribía: “E podemos imaxina-lo horizonte humano da Galicia, estrictamente celta. O mesmo nome –Galicia- garda en latín e grego a prosapia da estirpe: homes brancos enfrentados a escuros Íberos.(...) Sabemos que unha poboación densa e unida cubría a terra galega non na simple forma de posesión ou de conquista: nunha verdadeira identificación, nun penetrar da paisaxe no home e do home na paisaxe creadora da eternidade vital de Galicia”[9] . Tamén no libro Os oeestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza Florentino Cuevillas seguía a falar dunha orixe celta do noso territorio, a través do estudo dos cultos as serpes e ao sol en Galicia, e as tradicións e crenzas que se mantiveron ao longo dos séculos incluso despois do cristianismo.

Hoxe en día a influencia do mundo celta está moi estendida no territorio galego. O mito foi asumido e integrado polo pobo. Como exemplo subliñaremos a música celta, o equipo de fútbol, os festivais, a simboloxía, etc. Un mito fundacional que funciona, polo tanto, como feito diferencial do galego no mundo.

Untitled from jose castro on Vimeo.


[1]Javier Rodríguez Corral, A Galicia Castrexa, Ed. Lóstrego, 2009, Compostela. (p.19)
[2]Javier Rodríguez Corral, A Galicia Castrexa, Ed. Lóstrego, 2009, Compostela. (p.27)
[3] Javier Rodríguez Corral, A Galicia Castrexa, Ed. Lóstrego, 2009, Compostela. (p.36)
[4] Ramón Otero Pedrayo, Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (27)
[5]Javier Rodríguez Corral, A Galicia Castrexa, Ed. Lóstrego, 2009, Compostela. (p.43)
[6] J.C. Bermejo Barrera e X.A Fernández Canosa: Idade Antiga, en Nova Historia de Galicia, Ed. Tambre, A Coruña 1996
[7] Galicia a forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega, catálogo da exposición (2006).
[8] J.C. Berrmejo Barrera e X.A Fernández Canosa: Idade Antiga, en Nova Historia de Galicia, Ed. Tambre, A Coruña 1996 (79)
[9] Ramón Otero Pedrayo, Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (26)