25 nov 2009

06. ORA ET LABORA. OS GRANDES MOSTEIROS DE GALICIA



A gran cantidade de mosteiros que existiron e existen en Galicia, e a súa importancia económica, social, cultural e artística merece que lle dediquemos esta clase. Desde o século VI, no que San Martiño de Dumio introduce en Galicia a primeira comunidade relixiosa, ata os nosos días, a opción humana de vivir en comunidade relixiosa multiplicouse na nosa terra dun xeito abraiante.

Durante o medievo, e sobre todo a partir do século XII, vai florecer en Galicia unha gran cultura monástica. Seguindo a regra de San Bieito, a reforma do Cluny , a reforma do Cister, e as regras das ordes mendicantes, numerosas comunidades de monxes e freiras vanse instalar por toda xeografía galega, fundando mosteiros e conventos nos que desenvolver a súa actividade. A Ribeira Sacra é un caso excepcional de Europa en canto a concentración de mosteiros e é un bo exemplo que ilustra a grande importancia da vida cenobítica no noso país.

Nesta clase imos falar da historia do monacato en Galicia ao longo da historia, facendo especial fincapé neses séculos do pleno medievo onde en Galicia temos unha gran cantidade de fundacións. Ademais tentaremos achegarnos á vida deses monxes e monxas que dedicaron o seu tempo a cumprir a máxima de San Bieito, o Ora et labora, a oración e o traballo. Por último, faremos un repaso polos mosteiros e conventos máis representativos do noso patrimonio. Veremos como co paso do tempo foise recollendo neles gran parte do legado artístico galego, desde o románico ata o neoclásico, pasando polo gótico, renacemento e barroco. Son lugares imprescindibles do noso patrimonio, tales como Celanova, Sobrado, Samos, Oseira, e un longo etcétera, que nos axudan a descubrirnos e a valorarnos como pobo.

GALICIA, TERRA DE MOSTEIROS

Desde que San Martiño de Dumio chegase de moi lonxe para fundar a comunidade Dumiense en Braga, alá polo século VI , Galicia foi unha terra onde floreceron os mosteiros. A partir deste primeiro centro, xorden outros exemplos de mosteiros, como foi o grupo formado polo Bispo Maeloc en Bretoña, no mosteiro de Máximo, nesta mesma época. Esta tradición continúa con Fructuoso de Braga no século VII e cunha serie mosteiros fundados en época visigoda: San Xulián de Samos , San Pedro de Rocas e Santo Estevo de Ribas de Sil. San Fructuoso de Braga vai crear unha regra monástica que vai ser a que apliquen os mosteiros galegos neste primeiros séculos do medievo ata que a regra de san Bieito se popularice no noso territorio.

Na alta Idade Media asistimos a unha continuidade do monacato da etapa sueva e visigoda. Son pequenas comunidades dotadas de autonomía, independentes ou ben federadas unhas coas outras, que adoptan algunha das diferentes regras monásticas. Érguense desde etapa temperá como señoríos. Algunhas fontes sinalan a atracción que supuxo Galicia para os monxes que fuxiron dos territorio de Al-Andalus a partir do século VIII. O descubrimento da tumba do apóstolo no século IX e a popularización da rota xacobea tamén tivo como consecuencia a chegada de relixiosos doutros lugares a Galicia e a multiplicación de Igrexas e Mosteiros no noso país. O mosteiro de Samos, fundado no século VII e reconstruído nesta altura, vai funcionar como un centro difusor da cultura monástica.

No século X en Galicia ten lugar a fundación de grandes mosteiros de orixe familiar. Este é o caso de Sobrado, fundado polos condes de Présaras; de Lourenzá, iniciativa do conde Osorio Gutiérrez, e de Celanova, fundado por Rosendo Gutiérrez (San Rosendo) e pola súa nai Aldara. Outros cenobios do X relacionados con estas familias son Caaveiro e Xunqueira de Ambia.

Antes da asunción da regra beneditina dun xeito rigoroso, temos unha serie de costumes nos mosteiros galegos que nos falan dunha certa singularidade da vida destas comunidades relixiosas no noso territorio. En primeiro lugar temos que falar da existencia en Galicia do monacato pactual, que consiste na sinatura dun pacto entre o monxe acollido e o abade do mosteiro, que regula os dereitos e deberes das partes. Outra tradición do monacato galego é a federación de mosteiros na denominada sancta comunis regula , que era unha asemblea suprema de abades e abadesas de diferentes centros. A última destas heterodoxias monásticas galegas sería a convivencia de monxes e monxas en mosteiros dúplices, como no caso de San Salvador de Ferreira de Pantón.

Neste mesmo século introdúcese en Galicia a regra dos Bieitos e o rito romano, que promove o cumprimento estrito das normas promulgadas por San Bieito para a vida en comunidade dos monxes (esta regra foi escrita a partir do século V e foi referencia durante moitos séculos nos mosteiros de toda Europa),e prohibe as prácticas que ata o momento tiñan lugar nalgúns cenobios galegos. Esta normativa promove a autonomía dos mosteiros, a autoridade do abade, a oración e o traballo como bases da vida do mosteiro, regula os tempos do día dun monxe, as faltas e as súas sancións, as comidas, o vestido e calzado, o mobiliario e o enxoval, etc.

Escribimos esta Regra para que, observándoa nos mosteiros, manifestemos ter algunha honestidade de costumes, ou un principio de vida monástica. Pero para o que corre cara a perfección da vida monástica, están as ensinanzas dos santos Pais, cuxa observancia leva ao home ao cumio da perfección. Porque, que páxina o qué sentencia de autoridade divina do Antigo o do Novo Testamento, non é rectísima norma de vida humana? Ou que libro de los santos Pais católicos non nos aprema a que, por un camiño recto, alcancemos ao noso Creador? E tamén as Colacións dos Pais, as Institucións e as súas Vidas, como tamén a Regra do noso Pai san Basilio, que outra cousa son se non instrumento de virtudes para monxes de vida santa e obedientes?

A partir de finais do século XI teremos nos mosteiros galegos a influencia do Cluny e dos seus monxes negros (termo que se lles aplica pola cor dos seus hábitos) vai ser fundamental en toda Europa. A chegada dos cluniacenses a Galicia é un feito serodio, e a súa influencia pronto verase eclipsada pola dos monxes brancos (cistercienses) que, estes si, van deixar unha fondísima pegada no noso territorio.

«O monacato galaico mantivo sen embargo trazos orixinais, herdanza das súas raíces orientais. Austeros e intransixentes, amigos das prácticas ascéticas e arcaizantes, os mosteiros galegos amosaron sempre reticencias, cando non aberta resistencia,á penetración benedictina, sobre todo cando se fixo de maneira obrigatoria e “oficial” trala imposición do rito romano (finais do século XI) e o desembarco dos cluniacenses que chegan polo Camiño de Santiago, instalándose en mosteiros xa existentes e formando con eles unha rede de prioratos que se estendía por toda Galicia»
[1]

O mosteiro do Cluny xurde no século X na rexión de Maconnais, nas terras do Loira, un dos lugares emblemáticos da Europa Feudal. Os seus fundadores adoptan a regra de san Bieito e aplícana dun xeito estrito. Pronto converterase nun exemplo e nun polo de difusión desta nova vida monástica. A piedade destes monxes servirá de exemplo para outras comunidades de monxes de “costumes distraídas”. A data é moi significativa, achegámonos cara ao ano mi desde o nacemento de Cristo, onomástica importantísima no calendario cristián, na que moitos vaticinaban que tería lugar o xuízo final. A partir do modo de vida, de organizarse e da idiosincrasia deste cenobio francés van xurdir por toda Europa mosteiros que seguen a súa tradición, e moitos dos xa existentes van a adoptar a regra de San Bieito. O apoio do Papa a este tipo de establecementos e a súa autonomía respecto do poder temporal van xogar tamén como elementos de difusión. No século XII, na época de máximo florecemento dos mosteiros cluniacenses, artéllase unha rede por toda Europa de máis de 2000 centros do Cluny. Desde o punto de vista artístico Cluny vai ser o gran difusor do románico por toda Europa. Na península Ibérica o camiño de Santiago será a vía de penetración tanto dos monxes cluniacenses como do románico.

Os mosteiros do Cluny organízanse xerarquicamente en abadías e prioratos. Os segundos son centros dependentes doutros máis grandes, xeralmente de tamaño menor, e gobernados polo prior, que responde ante o abade da casa principal.

Os mosteiros galegos influenciados pola chegada de monxes de Cluny, a partir do último cuarto do século XI e principios do XII, foron os seguintes: Vilafrío (Castroverde, Lugo), Pombeiro (Pantón, Lugo); Xubia (Narón, A Coruña), Santa María de Ferreira de Pantón (Lugo), San Pedro de Valverde (Monforte, Lugo) e San Salvador de Budiño (O Porriño,Pontevedra).

No século XII a influencia dos monxes brancos do Cister e do seu fundador San Bernardo de Clairvaux faise notar por toda Europa. «Todo o século XII é bernardino e polo tanto fortemente marcado polo espírito cisterciense. Seguramente a el debe toda a súa grandeza, tanto na mística como na poesía, a arte mesma experimentará a súa influencia. (...) San Bernardo compara o mosteiro co deserto:significa a renuncia e a pureza»
[2]

Bernardo de Clairvaux (ou de Claraval) nace en Borgoña en 1090 no seo dunha familia nobre. Sendo ben novo ingresa na abadía do Cister, daquela un pequeno centro caracterizado pola austeridade e o cumprimento rigoroso da regra de San Bieito. Pronto toma o mando do mosteiro apoiado polos seus irmáns, endurecendo aínda máis as condicións de vida dos monxes (incluso a súa propia saúde resentiuse). Mais a súa mensaxe foi callando paseniño e a reforma ascética que el propuña foise estendendo desde a Borgoña a moitos outros lugares de Europa. Ao longo da súa vida fundou 68 mosteiros que seguían as directrices da súa reforma, despois serían moitos máis os centros cistercienses espallados por toda Europa. A personalidade de Bernardo foi clave para a transformación da Igrexa. Defendeu ás ordes militares e as cruzadas, ás que procurou apoio. A mística está moi presente en Bernardo, a súa visión relixiosa ten moito que ver coa comunicación mística co sagrado. Na súa vida e no seu modo de entender o cristianismo a predicación xoga un papel fundamental, foi un gran comunicador que conseguiu espallar a toda Europa a súa mensaxe de renovación (foi chamadoo melifluous doctor, ou ‘boca de mel). Tamén foi o principal valedor do culto á Virxe María, que acadaría unha gran importancia a partir do século XIII.

A partir do século XIII a orde do Císter será a que difunda por Europa as novas solucións artísticas e de enxeñería na construcción de igrexas e catedrais: o arco apuntado e a bóveda de cruzaría, abríndolle paso ao gótico. «Orde e claridade escolástica fronte ao recargado mundo do románico»
[3] . Tamén a partir deste século o escrupuloso seguimento da reforma de San Bernardo reláxase en moitos destes centros, agora convertidos en señoríos xurisdicionais, que controlan gran cantidade de terras e de servos, que reciben privilexios reais e cuxos abades son nomeados polo papa (moitas veces o abade cobra rendas pero non vive no mosteiro).

En Galicia as fundacións do cister acadan o seu cumio co mosteiro de Sobrado, que sería o primeiro desta orde na Península Ibérica. Ademais deste senlleiro cenobio, neste século as fundacións multiplícanse por todo o territorio. Os cistercienses serán os que renoven todo o monacato galego. Nos séculos XII e XIII algúns dos mosteiros xa existentes únense ás novas fundacións dos monxes brancos en Galicia, tecendo unha completísima rede do Cister por todo o noso territorio. Esa rede destaca non só polo número, se non tamén polo tamaño dos cenobios que imos citar a continuación: Oseira, Sobrado, Meira, Montederramo, Monfero, Toxosoutos, San Clodio, Penamaior, Oia, Xunqueira, Acibeiro, etc.

«O Cister é unha orde rigorosa que rexeita o luxo e os gastos suntuarios e postula o afastamento das cidades para vivir na soidade e o retiro do mundo rural. pero illarse do mundo significa ser autosuficiente, de xeito que os cenobios cistercienses se converten en prósperos centros económicos con granxas, talleres de fundición e tecido, etc. O seu papel foi fundamental na economía galega dos século XII e XIII, xa que neles se experimentan novas técnicas agrícolas (rotación trienal), introdúcese nova maquinaria e melloráronse cultivos xa existentes coma a vide, importando variedades francesas e alemanas. As orixes da viticultura do Ribeiro están ligadas ó labor dos monxes de San Clodio, o mesmo que os do Albariño se relacionan con Armenteira»
[4]

En toda a época feudal existe unha conexión moi importante entre a monarquía, con sé en León, e a Igrexa, coa catedral de Compostela como gran centro de poder económico e social. O monacato en Galicia vai xogar un papel moi importante nestes séculos. Os mosteiros serán auténticos señoríos territoriais que controlarán boa parte do campo, das vilas e das aldeas de Galicia, e aos campesiños e artesáns adscritos a lelas. Algúns exercerán incluso a potestade xurisdicional e terán o poder de xulgar e castigar aos homes que viven baixo a súa xurisdición. A monarquía tenta controlar a crecente independencia do poder monástico favorecendo o establecemento de grandes cenobios afíns que absorberán ás pequenas comunidades de monxes, a través dos privilexios que lles conceden. Moitas familias nobres galegas verán con bos ollos a posibilidade de fundar mosteiros como modo de asegurar o seu patrimonio. «[Os mosteiros] Como beneficiarios de execcións fiscais recabaron a atención das grandes familias magnaticias, que viron no sistema monástico un medio para evadir cargas tributarias. Aos monarcas, pola súa parte, non lles pasaba inadvertida a insoslaiable necesidade de englobar no seu esquema a institución monástica. Así pois, en torno a isto fraguouse unha xorda loita, aparentemente exenta de violencia que acompañaba o conflito co señorío laico»
[5]

A orde do cister entra en decadencia nos derradeiros séculos do medievo,debido fundamentalmente á contradición entre a súa mensaxe e a súa actividade económica e poder político, aínda así moitas das fundacións cistercenses seguiron en pé durante séculos. A renovación espiritual chegará da man das ordes mendicantes a partir do século XIII. Franciscanos e dominicos instalan os seus mosteiros non el lugares afastados, se non no medio das cidades e vilas que nesta altura van medrar en tamaño é actividades económicas. Os propios San Francisco de Asís e San Domingos peregrinaron a Santiago, e é posible que froito desas viaxes a terras galegas nacesen as primeiras fundacións galegas. As primeiras comunidades de mendicantes en Galicia instálanse en pequenas casas e hospitais. Só cando ao grupo prospera é cando erguen igrexa propia e convento. As construccións das ordes mendicantes son moi variadas,pero se algo teñen en común é a austeridade, que garda relación cos ideais de pobreza que predican. En Galicia os templos e mosteiros máis destacados desta época son: San Domingos de Bonaval en Compostela, Convento de San Francisco en Ourense, Santo Domingo e San Francisco en Pontevedra, San Francisco en Betanzos, Herbón, etc.

Nos séculos XIV e XV o poder monástico en Galicia vai entrar en decadencia. Nobres e cabaleiros van usurpar boa parte do antigo patrimonio dos mosteiros. os pequenos centros van resistir peor estes séculos de crise,e moitos deles desaparecerán. Moitos monxes e monxas van pasar auténticas dificultades e moitos van caer na miseria. Tamén se constata un relaxamento das normas e das costumes. A situación de desorde provocou que os reis Sabela de Castela e Fernando de Aragón desenvolvesen unha reforma centralizadora, ficando os mosteiros bieitos de Galicia baixo o control da congregación de San Benito el Real de Valladolid. A partir desta data e durante toda a Idade Moderna, os abades serán nomeados desde Castela. e os centros perden a súa autonomía a pesar dos enfrontamentos e polémicas que se produciron consecuencia desta decisión.

A reorganización dos mosteiros galegos implica a existencia de dous entidades centrais nas que se concentra a organización dos pequenos mosteiros. Estes grandes centros administrativos serán San paio de Antealtares (femininos) e San Martiño Pinario (masculinos). Durante toda a idade moderna o poder económico dos mosteiros galegos se mantén grazas ás rendas que producían os foros e o diezmo. Sábese que en 1591 había en Galicia 1.621 monxes e monxas, e que en 1787 había 3.074. Nestes tres séculos aínda se fundarían máis centros, sendo os franciscanos os que gozaron de maior popularidade. Nesta etapa da historia multiplícanse os conventos femininos onde foron a parar moitas damas da fidalguía que non obtiñan dote para casar da súa familia. En todo caso, para ingresar nun convento de femias había que entregar unha cota de ingreso, que en ocasións era moi alta.

Nos séculos XVII e XVIII moitos mosteiros renováronse por completo, desta volta a través do estilo barroco. Esta é a causa de que hoxe en día sexan moito máis numerosas as igrexas e claustros desta época que as que conservamos desde o medievo. En todo caso, o esplendor barroco en Galicia verémolo máis adiante.

O século XIX vai marcar o final de moitos dos centros monásticos galegos. 1835 é a data da Desamortización de Mendizábal, proceso que leva aparellado a exclaustración de centros de monxes e a clausura dun bo número de mosteiros e conventos. Moitos destes centros pasan a mans privadas ou ao estado. As terras que antes eran dos monxes véndense. Algúns mosteiros acaban sendo cuarteis ou palacios municipais. As igrexas monacais convértense en parroquiais. Hoxe en día antigos mosteiros acadan outros usos como museos e centros de exposicións (San Domingos de Bonaval, San Martiño Pinario) ou como centros hoteleiros (San Estevo). Nalgúns deles monxes e viaxantes conviven (Samos, Oseira), recordando a época na que estes centros ofrecían comida e aloxamento aos peregrinos.


ORA ET LABORA. ORGANIZACIÓN E VIDA NOS MOSTEIROS

OS MOSTEIROS

A doazón de terras é o feito fundamental na fundación dun mosteiro. As terras aportan ás rendas necesarias para o sostemento do centro a través do traballo dos campesiños e ademais abastecen de produtos aos monxes. Os mosteiros controlan as terras máis próximas, pero no caso dos grandes centros van controlar tamén terras afastadas que lle proporcionan algún tipo de produto ou renda de interese. Este é o caso de Celanova, que obtiña sal das súas posesións no Salnés e peixe dunha illa atlántica preto de Touriñán. Sobrado, pola súa banda, controlaba terras de viñedos lonxe da súa comarca e tamén a illa de Cortegada.

Ademais das doazóns de terras, nas follas fundacionais dos mosteiros galegos que se conservan, documéntase a dotación de bens móbeis necesarios para a vida en comunidade dos monxes. Roupas e libros, enxoval de cociña e de cama, etc. É moi importante a dotación en cabezas de gando. Sabemos que Celanova recibe como dote fundacional 400 ovellas, 65 xugadas de bois, 700 vacas e 270 cabalos, eguas e mulas. Evidentemente estamos ante un caso excepcional, normalmente as dotes serían máis cativas.

Nesta altura cómpre comentar que a gran arela dun abade ou dun prior era a autosuficiencia do mosteiro, unha independencia económica que fixera máis doada a dedicación da vida dos monxes a Deus. Ese ideal autárquico casa moi ben coa sociedade feudal na que se produce o gran florecemento monacal en Galicia. Trátase de non depender do mundo exterior para poder dedicarse plenamente ao lema de San Bieito, o Ora et Labora, a oración e o traballo como únicas actividades que dignifican ao ser humano e que o achegan a Deus.

A Igrexa é o edificio máis importante do mosteiro. Nela pasan os monxes moitas horas do día nas numerosas quendas de rezos que tiñan lugar ao longo do día e a noite. A igrexa era a obra máis custosa e a que normalmente demoraba máis tempo en facerse, en moitos casos custou moito rematalas ao tratarse de proxectos demasiado caros para as posibilidades reais do mosteiro. Os modelos de igrexas monásticas mudan co tempo. As cluniacenses absorben a tradición do románico. As do Císter, que soen ser moi austeras, utilizan elementos propios do gótico. E, como comentabamos con anterioridade, a renovación de moitos centros nos séculos XVII e XVIII inza de igrexas barrocas a nosa xeografía.

O claustro é o punto neurálxico nos mosteiros. Un espazo a partir do cal se organizan as diferentes estancias do centro. No modelo de mosteiro do Cluny o claustro é un espazo contiguo á igrexa, tendo acceso directo á mesma, así como aos diferentes lugares onde se desenvolvían as actividades principais dos monxes. A sala capitular,o refectorio, a biblioteca e scriptorium, etc. O claustro ten case sempre unha fonte no medio. No piso superior soen organizarse os dormitorios.

A sala capitular é o lugar onde se producían as xuntanzas da comunidade. Normalmente estaba debaixo dos dormitorios, que podían ser comúns ou ben celas individuais.

Fora deste núcleo igrexa-claustro, atopamos unha serie de instalacións complementarias para a vida do mosteiro. Corte dos cabalos e vacas, cortello para os porcos, poleiro, adega, celeiro, forno, palleira, casas dos criados, obradoiros, etc. Foi frecuente a existencia dun hospital e albergue, xeralmente fora do recinto do mosteiro. Moitos centros de clero regular tiveron na labor asistencial a súa actividade máis importante e a súa razón de ser. Nalgúns mosteiros medievais existían celas de castigo, xa que os abades tiñan poder xurisdicional sobre os seus servos, aos que podían xulgar.

OS MONXES E AS MONXAS

O esquema ideal da sociedade feudal dividía aos homes en Oratores, Bellatores e Laboratores, mais a realidade non era tan sinxela. Dentro dos que se dedicaron a orar, e concretamente dentro da vida monástica houbo moitas diferenzas no status e na riqueza dos diferentes centros. A pobreza non sempre foi consecuencia dunha esixencia da regra (mendicante), moitas veces produciuse debido a unha mala planificación ou por unha dote fundacional escasa.

«A entrada na vida monástica chámase conversión (conversio monastica). De feito, hai moitos fracasos na vida monástica medieval, como sucede en todas as épocas. Moi poucos son capaces de responder a esta ensinanza, ao igual que os verdadeiros mestres son escasos Corresponder a estas “leis do Xénese” e ensinalas aos demais pertence a un estado espiritual excepcional»
[6]

Facerse monxe moitas veces ten que ver non cunha vocación se non cunha costume familiar. Houbo malos monxes que provocaron escándalos dentro dos mosteiros.

A maioría dos mosteiros contaban cun número reducido de monxes. As comunidades nunca chegaron a ser moi numerosas. En Galicia ningunha debeu superar os corenta monxes.

A vida nos mosteiros é moi laboriosa. Os monxes copistas e escritores pasaron grande parte da súa vida coa pluma na man, escribindo, cumprindo esa misión sagrada que consistía en difundir a palabra de Deus e dos seus máis importantes intérpretes. Pedro o Venerable explícanos como “O monxe cambia o arado pola pluma. Nos sucos trazados no pergameo arroxa o gran da palabra divina. O monxe non abre a boca, permanece no silencio do claustro e sen embargo aí témolo grazas a escritura, recorrendo as terras e os mares”. Evidentemente, antes de que a imprenta convertera a reprodución de libros nun proceso máis impersoal, cada exemplar que saía dos scriptorium dos mosteiros levaba nas súas follas o traballo minucioso e artesanal do monxe copista.

Máis non foi a escritura o traballo máis realizado polos monxes. Tampouco o traballo coa terra. Se ben coa chegada do Císter valorouse máis o traballo do propio monxe no campo, o normal era que a terra fora traballada polos servos e polos campesiños que tiñan aforadas as terras. Do que si queda constancia é do traballo dos monxes na horta, onde cultivaban algunha plantas fundamentalmente medicinais.

O comercio foi unha actividade na que participaron algúns dos monxes, que ían á cidade a vender os excedentes da producción do mosteiro, e de paso a mercar os productos necesarios para a vida en comunidade. Sobrado foi un grande exemplo desta actividade, controlando o comercio de viño na cidade da Coruña. Hai que ter en conta que a chegada do Císter a Galicia coincide cunha fase de gran desenvolvemento urbano.

Outras actividades laborais realizadas polos monxes teñen que ver coa artesanía, a fabricación de tecidos, de obxectos, etc. E, por suposto, a labor asistencial e hospitalaria, que realizaban os monxes case que en exclusiva.

A oración, a dedicación a Deus ocupaba máis horas no día que a actividade laboral. Segundo a regra de San Bieito, os monxes tiñan que practicar a oración sete veces ao día, a primeira de madrugada e a última antes de ir para a cama: laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e completas.

A liturxia dos mosteiros medievais foi moi rechamante, debía ser un espectáculo ver a aqueles monxes rezar e cantar en latín, amosando toda a espiritualidade da vida en comunidade, naquelas igrexas tan espectaculares, tan diferentes ás humildes casas onde moraban case todos os mortais. Ademais do Opus Dei, deste cerimonial relixioso, os monxes completaban a súa dedicación a Deus coa Lectio Divina, ou lectura de textos relixiosos durante vairas veces ao día. Un encontro, desta volta en silencio, con Deus e coa súa palabra, expresada a través dos evanxeos ou dos textos dos pais da igrexa.

Unha actividade a medio camiño entre a economía e a relixiosidade foi a celebración de misas polos defuntos e de aniversarios, costume moi extendida no medievo, encomendada xeralmente ás igrexas monásticas, e pola que os centros cobraban rendas.

O silencio dentro do mosteiro era habitual, os monxes dábanlle moita importancia. So a través do silencio absoluto podían escoitar o bisbar da palabra de deus. A hixiene persoal debía ser escasa, tendo en conta o precepto delimitar ao máximo os baños mailos coidados do corpo, que son luxo e moleza (J.Le Goff).
[7]

A noite era interrompida para a oración. Existía un temor cara a noite como «intre propicio para o xurdimento de pecaminosas tentacións – a noite é o tempo dos perigos sobrenaturais. Tempo da tentación, das pantasmas, do diaño (J. Le Goff)-. As noites, emporiso, concíbense tamén como momento ideal para os rezos e oración cos que os monxes alteran o seu sono –é o momento privilexiado do combate para os monxes e místicos. A vixilia, a oración nocturna son exercicios eminente (J. Le Goff)»
[8]

Ademais de monxes, nos mosteiros chegaron a vivir outras persoas non ordenadas, relacionadas coas actividades que se desenvolvían neles. Son peregrinos, doentes, campesiños, nenos, etc.

En Galicia constátase a presenza de membros do clero secular nos mosteiros, ben cun papel sobranceiro, como foi o caso do propio San Rosendo, ben como lugar de retiro no que pasar os últimos anos da súa vida. Moitos laicos tamén se retiraron a vivir aos mosteiros nos últimos anos da súa vida. Non era unha mala opción, se tiña a posibilidade, dado a importancia da labor asistencial do mosteiro.

Os oblati eran os rapaces que chegaban ao mosteiro enviados polos seus pais para recibiren unha formación relixiosa e intelectual. Non podemos esquecer que desde os tempos de San Martiño de Dumio os mosteiros son os lugares onde se conserva e se transmite a cultura, o lugar onde moran os intelectuais da época. Moitos deste oblati serían monxes ao chegar a idade adulta. A partir do século XIII desaparecen os nenos dos conventos e mosteiros e aparece a figura dos novicios.

Os peregrinos e viaxantes atoparon refuxio nos mosteiros en moitas ocasións, os doentes tamén eran atendidos polos monxes en moitos centros. Os oficiais, artesáns e traballadores, libres ou servos, vivían dentro do recinto monástico, aínda que separados dos monxes. Como curisosidade debemos salientar que Sobrado contou con servos mouros, que evidentemente foron bautizados.

Os mosteiros non foron alleos ás polémicas e disputas entre os monxes que moraban nel. As fontes históricas recollen eses enfrontamentos que inevitablemente xurdían na convivencia diaria nestas comunidades. As discusións podían ser por motivos intelectuais, como recolleu Umberto Eco na súa obra mestra No nome da Rosa, ou ben por asuntos máis mundanos como a alimentación. A sucesión do abade podía carrexar problemas, aínda que a regra de San Bieito recollía que estes debían ser elixidos polos monxes da comunidade, algo que en moitas ocasións non se respectou. As rendas do abade e da comunidade tamén foron motivo de controversia. No ano 1228 no mosteiro de Samos recóllese o acordo baixo o cal «as doazóns dos testamentos feitas en favor do mosteiro se dividían en catro partes: unha para o abade, outra para o sustento dos irmáns, a terceira para o monxe camerario que coidaba do vestido da comunidade e cuarta para a construción da igrexa»
[9]

Tamén hai polémica entre centros diferentes referidas ás condutas e costumes duns e doutros. Os máis estritos non vían con bos ollos a opulencia dalgúns centros, este foi o caso de San Bernardo, escandalizado con que en Cluny se servisen dous pratos de peixe ao día, ou que os seus cociñeiros coñeceran trinta e seis xeitos diferentes de preparar os ovos.

Outra das controversias que acontecen no monacato do medievo ten que ver coas comunidades dúplices. A convivencia de monxas e monxes nun mesmo centro deu lugar a xuntanzas entre eles o que é denunciado xa naquel tempo. Tal foi o caso do mosteiro lucense de Loio, que tivo que ser restaurado no século X, en tempos dun tal abade Saulo, que converteu aquilo nun centro moi pouco edificante desde o punto de vista da moral cristiá.


ALGÚNS DOS GRANDES MOSTEIROS DE GALICIA

San Xoán de Caaveiro

Caaveiro está situado nunha das paraxes máis belas de Galicia, as fragas do Eume, que conservan en boa a vexetación autóctona e que son unha mostra do bosque atlántico de clima temperado que dominaba o noso territorio antes da invasión do eucalipto e o piñeiro. Nun promontorio a carón do Eume, de difícil acceso, e nun marco que invitaba ao recollemento e a convivencia coa natureza, o conxunto emerxe como unha proa de barco feita en pedra.

As súas orixes non están moi claras. Hai textos que sinalan o século X, concretamente unha fundación de san Rosendo no ano 936. Nun principio pertenceu a regra dos bieitos e no século XIII pasou á orde dos Agostiños. Neste mosteiro conserváronse durante séculos as reliquias de san Rosendo, levadas cando é abandonado a Compostela.

Dentro do conxunto destaca a igrexa, románica, do século XII. A nave rectangular remata nunha gran ábsida. A portada da igrexa ten unha dobre arquivolta e no tímpano a representación do Agnus Dei, iconografía que asocia a Cristo co año que se sacrifica na pascua, e que nos lembra o seu papel de vítima para a salvación do home.

Ademais da igrexa, destacamos a existencia en Caaveiro doutros edificios como a sancristía e a “casa de Quintás”, que sería o predio onde estaban as estancias do mosteiro.

Santa María de Monfero

Fundado no século XII e incorporado á regra do Cister, ainda que as súas orixes estarían nun centro anterior, destruído, do séculoX. Chegou a ser un dos centros monásticos máis importantes de Galicia. No século XVII muda de pel e reconstrúese seguindo a linguaxe artística barroca. Foi abandonado no século XIX coa desamortización. Este mosteiro tiña tres claustros ao redos dos cais se organizaba a vida dos monxes, e unha grande igrexa abacial, finalizada a mediados do XVII e na que destaca a súa fachada barroca, monumental, con catro grandes columnas e as súas características lousas de xisto.

Como curiosidade cómpre subliñar que serviu de lugar de enterramento para a nobreza local, a coñecida familia dos Andrade. Na actualidade está en proceso de restauración.

Santa María de Sobrado

Esta situado no concello de Sobrado dos Monxes, dominando a comarca da terra de Melide. Trátase dun gran cenobio cistercense, aínda que a súa primeira fundación remóntase ao século X, cando os condes de Présaras instalan alá un mosteiro dúplice de orixe familiar.

«Foi o primeiro mosteiro peninsular en incorporarse á orde do Císter, sendo o seu primeiro abade Pedro, procedente de Claraval, Borgoña, que comezou cara a 1150 as obras da primeira igrexa segundo o coñecido “Plan Bernardín”: planta de cruz latina, brazo maior de tres naves, maior a central, cruceiro amplo e cabeceira con capela central destacada e tres menores a cada lado, todas cun testeiro común recto» (Mosteiros e conventos de Galicia, http://www.udc.es/dep/rta/WebRyTA/Mosteiros/monasterios/08sobrado/texto.html)

No século XII e XIII a súa influencia vai ser grandísima, contando con dominios territoriais desde as rías altas ata as concas do Miño e o Sil, e tamén na zona do Bierzo. Despois dunha etapa de decadencia rexurde con forza na idade moderna, renovando a súa estrutura arquitectónica e pasando a ser un dominio da congregación de Castela.

Coa desamortización foi abandonado. Na segunda metade do século XX foi restaurado e reocupado polos monxes na última década deste século. Na actualidade monxes e laicos conviven no recinto, pois existe a posibilidade de hospedarse no seu albergue e na súa hospedería.

Desde o punto de vista arquitectónico, ademais do seu importante legado renacentista, coa sancristía feita por Juan de Herrera, e barroco, podemos gozar dos seus restos medievais, como a sala capitular, ou a capela san Xoán, onde se conserva a primitiva bóveda de canón.

San Domingos de Bonaval

Convento dos Dominicos situado a carón da porta do Camiño que daba entrada á cidade de Compostela aos peregrinos que facían o camiño francés. Evidentemente está moi vencellado á peregrinación e a asistencia e caridade. A súa fundación atribuíuse ao propio San Domingos de Guzmán, que veu de peregrinación a Compostela e propiciou a fundación a principios do século XIII. A partir do século XV pasará á casa de Altamira, unha das grandes familias nobres de Galicia.

Durante a invasión napoleónica foi convertido en cuartel e hospital, confirmando así a súa decadencia como centro monástico e o seu cambio de uso. Como acontece con moitos dos mosteiros galegos, en Bonaval temos unha mestura de estilos que van desde o gótico ata o barroco.

Hoxe en día acolle o Museo do Pobo galego e o panteón de galegos ilustres, onde descansan os restos de algúns dos homes e mulleres sobranceiros da nosa cultura como Castelao, Rosalía, Domingo Fontán, Ramón Cabanillas, etc.

San Martiño Pinario

Mosteiro bieito do século X situado a carón da catedral de Santiago de Compostela. A súa igrexa orixinal era do século XI aínda que foi transformado a partir do XVI, sendo o resultado unha mestura de elementos renacentistas, barrocos e neoclásicos. Durante o século XV foi o mosteiro máis grande de Galicia. Desde o punto de vista artístico destacan a fachada barroca da súa igrexa, a súa esclaeira de acceso e os dos claustros que posúe o centro.

Santa María a Real do Sar

A colexiata de Santa María do Sar foi anteriormente un mosteiro dos pais agostiños. A súa orixe situámola nos tempos dourados da Compostela de Xelmírez, no século XIII. É un dos poucos mosteiros nos que aínda podemos apreciar a pegada da arquitectura medieval, na súa igrexa e na á norte do seu claustro. Na idade Moderna pasa a ser unha colexiata.

San Paio de Antealtares

A orixe deste cenobio bieito, fundado no século IX por unha ducia de monxes, eran manter o culto a Santiago. A súa denominación ven dada por acharse diante de onde estaban primitivamente soterrados os restos do apóstolo. A ampliación da catedral fixo que o convento se desprazase durante algún tempo. Neste convento foi onde San Pedro de Mezonzo escribiu a oración Salve Regina. Do predio antigo apenas se conservan algúns capiteis, sendo a construción actual do século XVII e XVIII.

No século XV fundouse neste convento o estudio de gramática, xérmolo da futura universidade de Santiago. Tamén desta data é a instalación nel dun grupo de monxas de clausura bieitas que aínda moran nel (as súas sucesores, suponse).

San Xulián de Samos

Unha das grandes xoias do noso patrimonio artístico. A abadía de San Xulián de Samos comeza a súa andaina moi cedo na historia.. Hai datos que documentan a existencia dun grupo de monxes na zona desde o século VI, aínda que a primeira referencia que temos é una doazón do rei Ordoño II no 922. O seu emprazamento no Camiño francés propiciou un amplo desenvolvemento deste cenobio bieito. No século XII acóllese á orde de Cluny, converténdose nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. No Século XVI é centralizado e pasa a depender do mosteiro bieito de Valladolid. No século XIX prodúcese a exclaustración despois da desamortización de Mendizábal, mais cara finais de século voltou a ser ocupado polos monxes bieitos, que seguen a ocupar o centro na actualidade.

O seu patrimonio e moi rico e valería por si mesmo para encher toda a clase. Nos ímonos deter nalgunha das súas alfaias arquitectónicas: a capela prerrománica de San Salvador ou do Ciprés é un dos mellores exemplos deste estilo en Galicia e ademais nos amosa a antigüidade do centro. Do románico se conserva unha portada da entrada lateral da antiga igrexa. outra das xoias de Samos é o claustro gótico ou das nereidas, reconstruido tras un incendio no século XVI e que incorpora elementos renacentistas. O Cluastro grande sería do século XVII construído nun estilo plenamente clasicista, no centro do mesmo podemos observar a estatua do pai Feixoo feita polo gran escultor Asorey. Por último, citar a igrexa, dun barroco clasicista, construída na primeira metade do XVIII.

Santa María de Ferreira de Pantón

Priorado feminino cisterciense situado na comarca da terra de Lemos, fundado no século XI ou XII. En 1173 incorpórase á orde do Císter, ficando vencellado ao cenobio de Santa María de Meira. Nos séculos XVII e XVIII sométeno diferentes transformacións. Foi saqueado e sufriu destrucións en época napoleónica. Malia estas dificultades, nel sobrevive a última comunidade de monxas cistercenses de Galicia.

Este conxunto conserva a igrexa románica do XII, cuxa parte máis destacada desde o punto de vista artístico é a ábsida de dous tramos, rectangular e semicircular. Nel foron soterrados algúns dos nobres da casa de Lemos, outra das grandes familias galegas do medievo.

« No lado oposto do conxunto sitúase a denominada Á Sur ou “Casa das Donas”, onde se aloxaban as damas da nobreza que tomaban os hábitos, con habitacións e cociñas individuais sobre as que se situaban as das súas criadas, cunhas pequenas ventás sobre os balcóns das donas. No exterior, as repetidas e monumentais chemineas reflicten esta primitiva disposición e conceden un orixinal aspecto a esta zona do mosteiro.» [10]

San Salvador de Celanova

Fundado polo mítico San Rosendo,coa axuda da súa nai Aldara, no ano 936 da nosa era, é un dos mosteiros bieitos máis sobranceiros da península. O seu dominio señorial foi abraiante desde a súa fundación durante case todo o medievo. Coa desamortización a igrexa abacial pasou a ser unha parroquia e as dependencias pasaron a funcionar como locais municipais e escolares da vila de Celanova, uso que conserva na actualidade (escola e biblioteca), malia que os poderes locais e autonómicos están a intentar convertelo nun aloxamento turístico.

O mosteiro conserva un dos máis belos exemploS do prerrománico galego, na pequena capela de San Miguel. Apenas quedan elementos románicos no mosteiro. O resto da instalación combina o estilo renacentista co do primeiro barroco, sen contar co claustro de estilo clasicista chamado “poleiro”.

San Rosendo foi uns personaxes máis importantes no ámbito monástico galego. Fillo dunha familia nobre da localidade de cela, foio gran impulsor dos cenobios galegos que, en colaboración coa monarquía asturiana, instaláronse en Galicia no século X. Ademais de fundar Celanova,é moi posible que fose o artífice de Caaveiro. Foi nomeado bispo de Mondoñedo, administrador da diocese de Iria-Compostela e máximo representante da monarquía en Galicia, onde actuou a modo de virrei. Nos seus últimos anos retírase a Celanova, onde morre no ano 977. Foi un profundo renovador e impulsor do monacato galego, continuador da grande laboura de Dumio e de Fructuoso de Braga nos primeiros séculos da idade media.

San Estevo de Ribas de Sil

Hoxe convertido en parador de luxo, este mosteiro foi un dos principais da Ribeira Sacra, terra única en Europa pola súa concentración de mosteiros (xa que nas orelas do Sil e do Miño pódense visitar ata 18 mosteiros de diferente tamaño e orixe).

O emprazamento na ladeira do río Sil converte a este mosteiro bieito nun dos máis fermosos de Galicia. A súa orixe data do século X. No medievo foi un das abadías máis importantes, nove bispos retiráronse nel feito polo que no seu escudo conserva as nove mitras. O mosteiro conserva unha igrexa románica con modificacións posteriores e tres claustros de épocas diferentes.

Santa María a Real de Oseira

Na comarca do Carballiño atopamos uns dos mosteiros máis coñecidos da xeografía galega. Asúa orixe atopámola na gran proliferación de mosteiros da provincia ourensá no medievo. De orixe probablemente anterior, este centro incorporouse ao Císter no século XII, sendo un dos primeiros cenobios desta orde na Península Ibérica, e xa desde a súa fundación foi recibindo numerosos privilexios reais e doazóns, que o converteron nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. No século XIII o abade Lourenzo de Oseira chegou a ser tamén abade da casa matriz, de Claraval, o que non amosa a importancia que tiña este centro dentro da orde.

Posúe unha igrexa abacial de orixe románico cistercense, austera, de transición cara o gótico, case sen decoración como conviña á orde. A grande cúpula do cruceiro, feita no século XIV é un dos elementos sobranceiros desta construcción. No século XVI sufriu un grande incendio que obrigou a reconstruír todos os edificios agás a igrexa, xa cun novo estilo.

Destacamos deste mosteiro a súa fermosísima biblioteca barroca, hoxe en día restaurada, na que podemos facernos unha ide ado ambente de traballo dos monxes bieitos.

Coa desamortización de 1835 foi desocupado, volvendo un grupo de monxes a ocupar as súas dependencias case un século despois, en 1929. A partir desa data comeza a restauración do centro. hoxe en día os monxes que moran baixo os seus históricos teitos admiten hóspedes, que poden ficar algunhas noites no recinto.

San Xoán de Poio

Rematamos este breve e incompleto percorrido por algúns dos máis sobranceiros conventos e mosteiros de Galicia na vila pontevedresa de Poio, onde atopamos un gran mosteiro de orixe benedictina, hoxe en día ocupado por un grupo de monxes mercedarios. A súa orixe atopámola no século X, cando o rei Vermudo III outórgalle privilexios.

No século XVI pasa á congregación bieita de Valladolid, e nesa mesma centuria instálase nel un Colexio Maior de teoloxía, e despois un Colexio de pasantes onde impartiu aulas o pai Feixóo.

En poio xa non queda nada da súa antiga traza medieval, pero compensa esta ausencia a súa igrexa e claustros de estilo renacentista e barroco.


[1] J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999. [2] MARY-MADELEINE DABY: Iniciación a la simbología románica, Akal, Madrid, 1996 (28) [3]J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999.(14) [4]J.L. GONZÁLEZ MONTAÑÉS e CARLOS SASTRE VÁZQUEZ; Conventos e mosteiros de Galicia. Ed. Nigra-Trea Vigo, 1999. (14) [5]ANSELMO LÓPEZ CARREIRA: O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 2005 (179) [6] MARY-MADELEINE DABY: Iniciación a la simbología románica, Akal, Madrid, 1996 (28) [7]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (30) [8]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (34) [9]JOSÉ MIGUEL ANDRADE CERNADAS: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval. USC, Compostela 1995 (57) [10] Mosteiros e conventos de Galicia (http://www.udc.es/dep/rta/WebRyTA/Mosteiros/monasterios/13panton/texto.html)

11 nov 2009

05. GALICIA ESCULPIDA EN PEDRA

Como levamos comprobado a estas alturas de curso, o granito foi a pedra que moldeou a arquitectura e a escultura galega desde a prehistoria. Unha importancia que traspasa o seu uso como material e que se converte nun dos símbolos nacionais galegos. Agora, norománico, despois do ano mil, a tradición no uso da senlleira pedra que configura o chan galego vai acadar grandes cotas de mestría, nos eidos da arquitectura e da escultura.

Nesta clase faremos un percorrido pola orixe do románico na nosa terra. Veremos os grandes edificios románicos de Galicia, principal aínda que non unicamente de uso relixioso. Tamén descubriremos os mellores exemplos da gran tradición escultórica galega que, nesta altura, acada un desenvolvemento moi importante. Rastrexaremos o legado material na procura doutras expresións artísticas románicas, neste caso deixando a un lado a o material pétreo. Por último, trataremos de afondar no significado do románico e no seu valor simbólico.

Hoxe só veremos de pasada dous dos aspectos máis importantes do románico galego, sen os que é imposible obter unha visión da arte e da cultura do pleno medievo. Santiago coa súa romaxe e a súa catedral, e o gran desenvolvemento do poder monástico, son dous feitos chave que ben merecen cadansúa clase neste percorrido pola nosa cultura. É por iso, polo que hoxe non lles imos prestar a atención que se merecen. Esta clase do románico son, polo tanto, son tres. Unha dedicación que consideramos xusta, pois como dixo Otero Pedrayo, non estamos nunha etapa da historia sen máis:

«Non é unha época dunha historia: é un momento feliz de absoluta identificación entre a idea e a forma, da cortiza coa seiva, do reflexo superficial coa fondura, da espiga coa flor. Momentos únicos sen desprazamentos nin falsos camiños. Momentos únicos que só en Galicia foron tres. Galicia pode explicarse completamente como céltica, barroca e románica»1
 A arte románica ten a súa orixe no mosteiro francés de Cluny, desde onde se lle deu pulo á reformada vida nos mosteiros por todo o occidente europeo. Os monxes de Cluny da orde de San Bieito non só difundiron unha nova forma de vida para o monacato, se non que espallaron polo territorio europeo unha nova forma de construír. O Camiño de Santiago vai servir como elemento de expansión do románico. Vai ser na súa meta, en Compostela, onde moran os restos do Apóstolo Santiago, onde se constrúa unha das mellores catedrais románicas de Europa, xusto na época dourada do románico. Mais antes do momento cumio, imos ir vendo as orixes do fenómeno románico en Galicia.

ANTES DO ROMÁNICO

Os musulmáns apenas deixaron a súa pegada cultural e artística en Galicia. Así, no noso territorio, encontrámonos cunha continuidade de produción artística cristiá, que chega ata o románico desde a introdución do cristianismo no baixo imperio, pasando pola época sueva, a influencia visigoda e os exemplos do prerrománico chamado asturiano.

Desde o século VIII a antiga provincia de Gallaecia, que coa chegada dos Suevos converteuse nun reino, e que baixo o dominio visigodo continuou a manter a súa personalidade, será o núcleo non dominado polos musulmáns. Co tempo vaise formando un poder monárquico, con sé primeiro en Oviedo e despois en León (ambos os dous territorios pertencentes ao vello reino de Galicia). Esta monarquía actúa como cabeza dunha sociedade xa claramente xerarquizada en nobres (laicos e relixiosos) e servos. Segundo van pasando os séculos, Galicia vai vivir diferentes situacións políticas que van desde a configuración como reino independente durante vairas fases do medievo, ata a definitiva dependencia da monarquía castelá. Porén, se algo vai definir a historia medieval de Galicia, vai ser a súa importancia relixiosa. Compostela convértese nun dos principais horizontes da cristiandade, centro europeo de peregrinación e forte polo de atracción e desenvolvemento. O arcebispo de Santiago será o señor máis poderoso do reino de León, e Galicia será o miolo cultural, económico e estratéxico de dito reino (só chamado así por ser sé da monarquía e non por ser un territorio que domina ao outro). O poder exercido desde os numerosos cenobios que se constrúen nesta etapa é outra boa mostra do dominio do señorío eclesiástico en Galicia.

O edificio máis importante desta época chamada prerrománica, e que vai desde o século VIII ata a introdución do románico no XI, foi a basílica de Santiago, da que só se conservan algúns restos atopados nas escavacións da catedral. O descubrimento, real ou inventado, dos restos do apóstolo, fixo de Compostela un dos centros máis importantes da cristiandade, e así se debeu reflectir na arquitectura monumental desde o primeiro momento.

Outros exemplos de arquitectura desta época son Santa María do Cebreiro e San Xes de Francelos, ambas as dúas do século IX. A primeira non só representa un dos mellores exemplo do prerrománico, ademais é coñecida por ser un lugar asociado á lenda do santo Graal. Conta a historia que o cura da igrexa fixo chanza dun home que, nun día de grande tempestade acudiu ao templo do Cebreiro á misa. O pan e viño, xa consagrados, convertéronse en carne e sangue pola devoción do visitante. O cáliz do Cebreiro pasou ao imaxinario galego, e hoxe en día aínda se manteñen as teorías que din que este mesmo cáliz é o que aparece no noso escudo. De San Xes de Francelos, que se atopa no concello de Ribadavia, destacamos a súa fachada e o seu atrio cuberto.

Do século X consérvanse igrexas como Santa María de Mixós (Monterrei) e San Miguel de Celanova. Esta última é a mellor conservada de toda esta época, unha auténtica xoia da nosa arquitectura. É un dous poucos exemplos nos que se poden rastrexar certas influencias da arquitectura mozárabe en Galicia, en elementos formais como a arco de ferradura (chámaselle mozárabe aínda que está comprobado que o arco de ferradura utilizouse nos reinos suevo e visigodo antes da chegada dos musulmáns). San Miguel de Celanova foi mandado construír por San Rosendo, un dos iniciadores do movemento monástico en Galicia.

Dentro da arquitectura civil, imos destacar, antes de entrar no románico, as Torres do Oeste de Catoira, como elemento simbólico da nosa arquitectura. O río Ulla era a porta de entrada para a comarca de Compostela, un punto fraco para as invasións vikingas e normandas. Cumpría defendelo e por iso o Arcebispado de Santiago mandou construír este conxunto, que eles mesmos consideraban como “chave e garda do reino de Galicia”. Hoxe en día é moi sonada a festa do desembarco vikingo vencellada ao lugar.

AS ORIXES E OS SIGNIFICADOS DO ROMÁNICO GALEGO

«Decorrido o ano milésimo e preto de tres máis, aconteceu que case todo o universo mundo, pero especialmente en Italia e as Galias, renovarse as basílicas eclesiásticas, aínda que a maior parte non tiveran ningunha necesidade, porque estaban moi ben constituídas; un desexo de emulación levou a cada comunidade cristiá a ter a ter a súa máis suntuosa ca dos outros. Era coma se o mundo se sacudise e, liberándose da súa vellez, se revestise por todas partes dun albo manto de igrexas. Daquela, case todas as igrexas de sés episcopais, os santuarios monásticos dedicados a diversos santos, e mesmo os pequenos oratorios das vilas, foron reconstruídos polos fieis dun xeito máis fermoso»2

O ano 1000 foi unha data mítica no occidente. Europa supera o trauma da posible desaparición do mundo nesa data clave e, como agradecemento a Deus, cóbrese “cun branco manto de Igrexas”, en palabras do monxe Raoul Gabler. Asistimos a un movemento que abrangue boa parte de Europa e do que Galicia non vai ficar allea. Expándese o feudalismo, un sistema económico e social que vencella a señores (seculares e eclesiásticos) e servos a través da posesión da terra e por parte dos primeiros e do traballo e a prestación se servizos por parte dos segundos. Os mosteiros, que tamén teñen vencellados a un bo número de servos, multiplícanse polo occidente europeo, a través das ordes do Cister e do Cluny, que reformarán as prácticas relixiosas e fixarán unha serie de normas para o seu clero. O románico é a expresión cultural deste período de profundas mudanzas que da inicio ao pleno medievo. Galicia, núcleo relixioso e político, acada un papel fundamental na cristiandade a través do extraordinario desenvolvemento da peregrinación a Compostela.

A plástica románica, como sucede con outras expresións artísticas de orixe cristiá, ten unha función didáctica moi importante. Xa no século VI Gregorio Magno Advertía desta funcionalidade da arte cristiá, séculos antes do románico: «O que os doutos non poder ler coa súa intelixencia nos libros, veno os ignorantes cos seus ollos nos cadros. O que todos teñen que imitar e realizar, uns o ven pintado nas paredes e outros o len escrito nos libros»3
Mais, que ensinan aos espectadores medievais, a meirande parte deles non doutos, estas imaxes? En primeiro lugar a grandiosidade de Deus e o seu triunfo sobre o mal. O Deus románico é maiestático, é o centro do universo, o ser supremo que controla, vixía e castiga. Cristo non sufre, como en representacións doutras épocas, aparece sempre vestido con roupaxes luxosos, cunha mirada que infunde respecto e temor.

O programa iconográfico do Románico é complexo, non só nos amosa a Cristo triunfante, á virxe, aos seus santos, anxos e arcanxos, tamén reserva certos espazos para amosarnos o mal, para exemplificar o que non se debe facer. É por iso que moitas veces, nos currunchos das portadas, nos capiteis que fican menos á vista ou nos lugares máis recónditos dun espazo románico aparecen visións de pecados, pecadores, tormentos, e seres fantásticos. Un exemplo disto témolo en Galicia na portada das praterías da catedral de Santiago, na que unha muller aparece representada cunha caveira nas mans. Aimerico Picaud, un monxe do século XII, fixo unha descrición da catedral de Santiago na súa Guía do peregrino, nela podemos comprobar como un home daquela época podía interpretar a imaxe románica:

«Non debe relegarse ao esquecemento que xunto á tentación do Señor está unha muller sostendo entre as súas mans a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, que a obriga dous veces por día a bicala. Oh, que grande e admirable castigo da muller adúltera para contalo a todos!»

A función didáctica da arte románica, con todo, non é a única razón pola que as catedrais e igrexas énchense de esculturas e pinturas. Evidentemente existe a función de embelecer o templo. Non hai que esquecer que a igrexa é a casa de Deus na terra, polo que esta debe ser digna do que representa. A construción medieval busca a beleza igual que o fixera a clásica, cadansúa cos seus principios estéticos que lle son propios. Por último, hai unha intención de transcender, de deixar un legado para as posteriores xeracións. Xelmírez, por poñer un exemplo, non só traballaba para facer máis grande o bispado compostelán na súa época, el mesmo era consciente da futura importancia da súa inxente tarefa de engrandecemento. O artista traballa no presente, para o presente, pero tamén para ser visto no futuro e para ficar na memoria colectiva do pobo, isto é unha realidade que se verifica en toda a historia da humanidade.

Cómpre destacar, por outra banda, que ao carón desta linguaxe artística destinada ao pobo non douto, este sermo rusticus que existe nas igrexas do medievo, temos unha linguaxe artística oficial, culta, que funciona simultaneamente. Ademais a iconografía dunha igrexa románica non está composta por elementos que funcionen de xeito autónomo, se non que todas as imaxes forman parte dun programa e dun conxunto onde os espazos están xerarquizados segundo a importancia onde se atopen, sendo o altar e a portada principal os lugares máis importantes.

Nos séculos do románico hai dous mundos, o profano e o sagrado, que responden ao natural e o sobrenatural. Moitas veces mestúranse e o clero aparece implicado nos asuntos e liortas do mundo temporal.

A arte románica e profundamente simbólica. A imaxe románica esta cargada de significados que poden actuar a diferentes niveis, como comentábamos anteriormente, para ser comprendidos por todos os estamentos da sociedade feudal. Ademais, presenta unhaunidade difícil de atopar noutros períodos artísticos:

«É no templo onde se reúnen, na súa labor común, teólogos, arquitectos, escultores, orfebres, labradores de pedra, carpinteiros e albaneis. Por iso, máis que ningún outro estilo, a arte románica convén á contemplación e á oración. O símbolo acóllenos nos pórticos, aférrase nos capiteis, aniña nos presbiterios. O home que penetra na igrexa románica só ten que deixar errar a súa ollada para ser conducido e impulsado cara a realidade suprema»4

Deixando a un lado as grandes obras románicas internacionais, patrimonio da humanidade, e que son ben coñecidas por todos nos (dentro das que Compostela acada un dos papeis máis brillantes), este estilo tamén se difundiu nas creacións artísticas que xorden, das cidades, vilas e aldeas. Son creacións máis modestas, tecnicamente peor traballadas e, en todo caso, proxectos moito máis humildes, pero que deixaron unha forte pegada na paisaxe humana de Galicia, e que fan que en moitos lugares do noso territorio se respire o románico a través desa rocha dura de granito, labrada co esforzo de miles de canteiros anónimos, ou a través desas humildes tallas que serviron para a devoción dos galegos nas miles de pequenas igrexas e ermidas espalladas por toda a nosa terra. Como dixo Otero Pedrayo ao respecto do románico:

«Hai outro camiño para senti-la súa presenza: o paisaxe e a aldea. A cidade pode ser neoclásica, moderna, sinxelamente urbana. O campo é sempre románico. Viaxando a pé polas parroquias campesiñas, cruzando a dourada plenitude dos centeos ou a alegría das vendimas, as carballeiras renovadas, e o cume redondo das serras, entrando nos fogares labregos para oír falar ós vellos rodeados polos obxectos de arte popular, apréndese a interpreta-lo tempo románico. A súa inspiración naceu da calada e neboenta primavera galega, do traballo obstinado perseguindo a expresión do anhelo e do recordo na pedra e na mitoloxía poboadora do mundo» 5

A ARQUTECTURA ROMÁNICA EN GALICIA

A Arquitectura románica caracterízase por unha serie de elementos que se poden identificar dun xeito sinxelo, aínda que moitas obras, dependendo da súa orixe xeográfica e da data de construción, poden presentar variacións respecto ao románico máis característico, ben por influencias de tipo local ou por influencias de outros estilos como o gótico. Vanos pequenos e muros potentes son dous características que definen o románico. Piares e columnas. Arcos de medio punto, bóvedas de canón, planta de cruz latina, rosetón na fachada, tímpano decorado con esculturas, arquivoltas, xambas, etc. Elementos que se multiplicaron por toda Europa e que definiron moi ben un estilo. En Galicia atopamos todas estas características nos tempos do XI, XII e parte do XIII, tanto nas cidades, como nas vilas e aldeas.

As primeiras mostras de arquitectura románica (aínda non pleno) en Galicia son San Antoliño de Toques, San Xoán de Vilanova (Perbes) e San Martiño de Mondoñedo (Foz). Nestes templos podemos ver como se van introducindo algúns dos elementos que van caracterizar a arquitectura románica. Teñen un aspecto bastante primitivo e son un exemplo de que a chegada do románico a Galicia foi un feito serodio, xa que na mesma altura (S.XI e principios do XII) este estilo xa estaba plenamente desenvolvido noutros lugares de Europa.

A catedral de Santiago vai supoñer un fito importantísima na historia da arte galega polo gran valor patrimonial da súa arquitectura e do seu conxunto escultórico, e polo seu grande valor simbólico como centro da cristiandade. Vai estar en construción desde o ano 1.075 ata o ano 1180, cando o Mestre Mateo remata o Pórtico da Gloria. Con posterioridade recibiría varias transformacións, sendo a máis coñecida desta a incorporación da fachada barroca. En Santiago, o románico está tamén representado por outras igrexas como Santa María do Sar, San Pedro de fóra, Santa María Salomé e San Paio de Entrealtares.

Nos século XII e XIII ao longo de toda a xeografía galega érguense multitude de edificios relixiosos e civís que teñen como referencia o exemplo románico xa plenamente establecido após da construción da catedral compostelá.

Da primeira metade do XII son as catedrais de Lugo e de Tui. Botando unha ollada á catedral de Lugo comprobamos como é resultado da superposición ao longo do tempo de diferentes estilos arquitectónicos, conservando da época románica moitos elementos típicos como a planta de cruz latina con tres naves, a ábsida, o deambulatorio con cinco capelas, as bóvedas de canón, os arcos de medio punto (bóveda e arcos lixeiramente apuntados) e, sobre todo, a súa portada norte. A catedral de Tui non é doado encadrala nunha época concreta. trátase dunha edificación que presenta unha continuidade de ocupación desde o século VI ata os nosos días. A súa herdanza románica está presente na torre da campá e na fachada occidental, considerada unha das mellores mostras do románico galego.

Na segunda metade do século XII o Románico espállase por todo o territorio, desde as cidades ata as aldeas, deixando moitas testemuñas dunha época de grande desenvolvemento artístico e cultural. A influencia de Compostela é fundamental, aínda que asistimos a unha imitación de formas que en ningún caso acadan a grandeza da orixinal. Algunhas das Igrexas máis coñecidas de Galicia teñen a súa orixe nesta época, como San Miguel de Breamo (Pontedeume), Santa María de Cambre, San Xian de Moraime (Muxía), San Salvador de Vilar de Donas (Sarria), San Miguel de Eiré (Ferreira de Pantón), San Cristovo de Novelúa (Monterroso), San Pedro de Vilanova de Dozón, Santa María de Aziveiro (Forcarei), Santa María a Real de Xunqueira de Ambia ou Santa Mariña de Augas Santas, entre outras moitas.

Coa chegada das ordes do Cister na segunda metade do século XIII, o estilo arquitectónico vai mudar paseniño, e comezaremos a ver na nosa terra elemento que pertencen á linguaxe artística propia do gótico, como as prantas basilicais, os arcos apuntados ou as bóvedas de cruzaría.

A ESCULTURA ROMÁNICA EN GALICIA

A escultura románica presenta unha evolución técnica moi importante respecto do xeito de traballar a pedra (e a madeira) anterior. Aumenta o vulto, o relevo será máis exento e non estará tan suxeito ao soporte, refórzase a sensación de tridimensionalidade. O mestre Mateo, co seu traballo na catedral de Santiago, é quizais o mellor escultor europeo da época. Evidentemente o seu estilo creará escola, aínda que ninguén poderá chegar a facer obras da súa feitura nin semellantes. Na clase dedicada a Compostela faremos un percorrido pola obra do gran mestre na catedral de Santiago.

Unha construción na que está moi presente o influxo do Mestre Mateo tanto na escultura como na arquitectura é o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Tamén podemos comprobar esta herdanza no interior da catedral de Ourense e na Igrexa de San Xoán de Portomarín.

Outras esculturas románicas de interese son o Cristo da Porta Norte da Catedral de Lugo, o conxunto da igrexa de Santiago de Breixa, os Relevos de Camba (Castro Caldelas, s.XI), os Capiteis historiados de Mondoñedo e os capiteis de San Bartolomeu de Rebordáns (Tui),

OUTRAS EXPRESIÓNS DO ARTÍSTICAS DO ROMÁNICO GALEGO

Practicamente non se conservar restos de pintura mural do románico. Outra vez o clima húmido actúa como elemento que favorece o rápido deterioro do noso patrimonio. A única pintura que se conserva está moi deteriorada. Pertence ao conxunto de San Pedro de Rochas, en Esgos. representa un mapamundi, considerado un tema moi pouco habitual na decoración das igrexas medievais.

As miniaturas son as únicas pinturas que conservamos. As máis importantes son o Diurnal de Fernando I e Sancha, da Universidade de Santiago de Compostela e o Tombo A e o Códice Calixtino da catedral.

A produción de libros na Idade Media foi un traballo que se realizou por parte da Igrexa. A maioría eran copias doutros libros xa existentes. Nos scrptorium dos mosteiros e das catedrais facíanse os traballos artísticos de caligrafía e de iluminación. O libro era un obxecto de luxo, só ao alcance dunha minoría de nobres civís e eclesiásticos que serían os únicos que saberían ler. A miniatura é unha fonte fundamental para facermos unha idea visual da Idade Media, a partir destas imaxes desenvolveuse toda a estética medieval da novela gráfica e do cinema.

O diurnal é unha obra do século XI dun tan Fructosus. Era un libro de rezo de 224 páxinas Na obra aparecen varios debuxos nos que destaca o Alfa coa imaxe de cristo e a representación do reis cun personaxe que probablemente fora o propio autor, que lle fai entrega aos monarcas dun libro. Nesta páxina aparece o texto FERDINANDI REGIS NECNON SANCIE REGINE SUM LIBER (“este libro pertence aos reis Fernando e Sancha”).

O Tombo A é froito dun escriptorium existente en Compostela durante o século XII. Este libro recolle, en cinco libros, documentos que confirman as posesións da catedral de Santiago. Ditos documentos aparecen iluminados por dous mestres diferentes. Sobresaen no conxunto as representacións dos reis e da descuberta do sepulcro do apóstolo nunha primeira etapa, e nunha segunda, a do rei Fernando II a cabalo e a de Alfonso IX.

O códice Calixtino representa un ciclo de vida de Carlomagno e debuxos das iniciais de cada folla, formando u conxunto de gran calidade artística.

Dentro das artes do románico galego debemos destacar tamén a imaxinería, que comprende as imaxes exentas, feitas en madeira, que representaban aos personaxes sagrados e que adornaban as igrexas. A figura que máis aparece é a da virxe co neno ao colo e os cristos. Manteñen a frontalidade e a rixidez propia da escultura románica, nun estilo que fica lonxe do realismo. Da representación de Xesús destacamos o Cristo crucificado de San Salvador de Vilanova dos Infantes, o cristo crucificado de San Salvador dos penedos (Allaríz). Outras pezas de interese son o Calvario de San Antolín de Toques, onde aparecen a virxe e san Xoán ao pé da cruz. A figura da Virxe, máis propia do gótico, aparece na figura da Ermida de Santo Estevo de Parga (Guitiriz), a virxe da Ferreiroa e a de San Xoán de Saidres, Santa María de Pesqueiras (Chantada) e Santa María do Cebreiro (Pedrafita).

Dentro da ourivería cómpre destacar a ara portátil de Celanova, que representa a ascensión de cristo. Os obxectos máis destacados teñen que ver coa liturxia cristiá, como as cruces e os cálices. Entre as cruces temos dous bos exemplos na cruz de volutas e na cruz de Ordooño da catedral de Santiago. Algunhas delas conservaban unha reliquia do lignum crucis, como a cruz do Carboeiro, tamén conservada na Catedral de Santiago de Compostela. Outra cruz fermosísima do románico é a cruz parroquial de San Munio de Veiga.

Os cálices non podían ser de materiais quebradizos, segundo o disposto polos canons da igrexa católica desde o século XI. Nas igrexas máis importantes utilizáronse metais preciosos como ouro e prata. Os dos máis destacados do patrimonio galego son o do tesouro de San Rosendo, conservado na catedral de Ourense e o cáliz do Cebreiro, este último aínda cunha importancia simbólica.

Rematamos esta visión do patrimonio románico cunha peza tamén moi significativa dentro da plástica románica, e que ademais e unha icona do grande poder do bispado nos séculos do románico. O Museo Nacional de Arte de Catalunya, que conserva a maior colección de pintura románica que existe, ten o báculo de esmalte de Limoxes de don Paio Cebeira, bispo de Mondoñedo. trátase dunha peza de cobre dourado con esmaltes. Nel represéntase a loita de san Miguel co dragón, exemplo cristián do triunfo do ben sobre o mal.



1 RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio histórico sobre a cultura galega. Galaxia, Vigo, 1982 (123)
2 Cita do monxe Raoul Glaber, recollida por Ramón Yzquierdo Perrín, en: Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval (I). Proxecto Galicia. Ed. Hércules. A Coruña. 1993 (158)
3 VV.AA: Poder y seducción de la imagen románica. Palencia, 2009
4 MARIE-MADELEINE DAVY Inciciación a la simbología románica. Ed. Akal, Madrid, 1996 (126)
5 RAMÓN OTERO PEDRAYO: Ensaio histórico sobre a cultura galega. Galaxia, Vigo, 1982 (122)

4 nov 2009

04. O VELLO REINO DE GALICIA

Iniciamos con esta clase a segunda parte do programa no que imos tratar o desenvolvemento da nosa cultura ao longo do medievo. A Idade Media comprende ao redor de mil anos da nosa historia, un amplísimo período de tempo onde se suceden moitas expresións culturais. Nestas cinco clases veremos a creación dun reino cristián galego a partir da vella provincia romana de Gallaecia, destacaremos o esplendor do noso románico, coñeceremos o poder monástico e o seu impresionante legado patrimonial na nosa terra, falaremos de Santiago de Compostela como horizonte da cristiandade, trataremos o xurdimento dos alicerces da nosa lingua e faremos un percorrido a través da sociedade e da cultura galega dos últimos séculos do medievo.

A historia de Idade Media está chea de tópicos, que moitas veces danaron á cultura galega. Por unha banda sempre se tratou a Galicia como un apéndice dunha suposta monarquía hispánica que ven de antigo. Por outro lado decote se tratou este período como unha etapa escura no devir da humanidade. Nestas clases imos tentar rachar estes tópicos, en primeiro lugar entendendo o medievo en positivo, resaltando os grandes logros e feitos culturais que se producen nela. En segundo lugar, centrándonos na personalidade histórica e cultural de Galicia, non como unha periferia das monarquías hispánicas, se non como un territorio con personalidade xurídica durante toda a Idade Media e cunha cultura propia que acada grandes fitos nos eidos artístico e literario. Nestas clases non haberá, pois, grandes listas de reis visigodos, leoneses, casteláns e hispanos, non haberá batallas, nin reconquistas, nin repoboacións (pois este foi un episodio histórico non moi importante en Galicia). Aquí trataremos de salientar aqueles aspectos da cultura galega que nos parecen máis representativos, e que definiron a nosa personalidade como nación ao longo dos anos.

A periodización da historia en xeral, e do medievo en particular, e unha convención feita a posteriori co obxecto de comprender mellor o pasado. Ningún home da Idade Media era consciente de estar vivindo nunha época que tivese tal nome. Por outro lado, o termo ten xa de por si unha carga pexorativa, como periodo intermedio entre o clásico e o moderno. Como nós non concordamos con esta visión en negativo do medievo, non imos cinguirnos a estes tópicos.


Nesta primeira clase, na que comezamos falando do cristianismo en Galicia, cuxo inicio hai que situar na época do baixo imperio romano, aínda estamos na Idade Antiga, e veremos o paso cara a Idade Media. Ademais coñeceremos como os suevos chegan á provincia romana de Gallaecia e instauran o primeiro reino europeo en plena etapa imperial. Veremos a caída dos suevos e a integración de Galicia na órbita visigoda, mais mantendo a súa personalidade histórica. Por último, coñeceremos a patrimonio cultural asociado a estes primeiros séculos da Idade Media ata o prerrománico.

O CRISTIANISMO CHEGOU PARA QUEDARSE

A asimilación por parte da poboación galega da relixión cristiá é un feito importantísimo a nivel cultural. Como ían imaxinar aquelas primeiras comunidades cristiás, que na clandestinidade practicaban unha relixión monoteísta, alá polo século III, que as súas crenzas ían influír tanto no devir cultural, no pensamento, na política e no patrimonio galego.

É posible que fose as tropas romanas que viñan de África as que introducirían o cristianismo na Gallaecia. Outra fonte de entrada puido ser a chegada de predicadores da nova fe, descendentes daqueles que espallaron a mensaxe de Xesús por todo o Imperio desde a súa morte. Esta nova relixión vai gañando adeptos, tanto nas cidades como nas villae e vici durante o séculos III e IV.

No ano 392 O emperador Teodosio decreta o cristianismo como única relixión oficial do Imperio. Xa a principios de século, outro emperador, Constantino decretara a liberdade relixiosa e, polo tanto, os cristiáns deixaron de estar perseguidos. De seguido noméanse sés episcopais e bispos: Braga, Lugo, Astorga, Chaves, Tui, Iria e Ourense.

A entrada do cristianismo foi serodia. Tivo lugar paseniño, sobre todo nas comunidades rurais, onde conviviu con ritos e tradicións pagás.

O cristianismo foi callando na poboación desde a súa chegada a Galicia, mais ao carón da relixión oficial, vai xurdir no século IV unha figura herética que marcaría o devir do cristianismo nos seus primeiros séculos: Prisciliano.

Prisciliano nace a mediados do século IV na Gallaecia ou en Lusitania, no seo dunha familia de terratenentes e aristócratas. A súa formación intelectual foi moi completa, incluíndo unha estancia en Burdeos.

«Para uns foi un heresiarca denigrante, abominable e mesmo diabólico, mentres para outros foi un mártir que encarnaba a puridade do cristianismo e canalizaba as arelas espirituais e morais dunha boa parte da poboación hispanorromana e tamén galaica»1

De seguido forma un grupo de adeptos que seguen as súas revolucionarias prédicas, que inclúen o ascetismo, a libre interpretación dos textos sagrados e a vida en comunidade. O seu mensaxe é seguido en especial polas mulleres e os grupos populares.

O Priscilianismo outorga un papel relevante á muller. Os seus ritos inclúen o xaxún e as reunións de carácter esotérico (algo que non debe estrañar nunha sociedade acostumada aos sacrificios e ritos romanos). Ao parecer, os priscilianistas facían a eucaristía con leite e uvas. Prisciliano tiña unha concepción do mundo e da alma humana en positivo. Eran obra de Deus e, polo tanto, eran bos. Para el o espírito, a alma, era superior ao corpo e, polo tanto, debía transcender a este a través das prácticas ascéticas.

Entra na xerarquía eclesiástica e é nomeado bispo de Ávila no ano 380. Máis de seguido é posto en cuestión polos seus compañeiros polas súas prácticas, que son consideradas como heréticas.

Prisciliano foi condenado por herexe nos concilios de Zaragoza(380), Burdeos (384), Tréveris (386) e Toledo (400), cando xa estaba morto. Neste último cuarto de século foi sonada a liorta formada en torno a Prisciliano, que acode a Roma a falar co bispo de Roma (primado da igrexa) con quen non consigue contactar, e despois a Milán, sé do emperador. Neste viaxe trata de defenderse das acusacións dos Concilio de Zaragoza. Coñecemos as súas ideas de primeira man grazas á defensa que fixo de si mesmo e das súas ideas, e tamén pola gran controversia que xerou en vida e moito despois de morto. En Treveris o emperador Máximo condena a morte por herexía e bruxería a el e máis aos seus seguidores (Felicísimo, Armenio, Eucrocia, Latroniano, Aurelio e Asarino). Acúselle de acubillar mulleres no seu grupo e de ter relacións con elas, de practicar a maxia, de bruxería, de uso de herbas abortivas, etc.

No Concilio de Zaragoza acusáselle de propiciar que haxa «mulleres que asisten a lecturas da Biblia en casas de homes con quen non teñen parentesco; o xaxún dominical e a ausencia das Igrexas durante a coresma; a recepción das especies eucarísticas na igrexa sen consumilas de inmediato; o apartamento en celas e retiros nas montañas; andar descalzos (nudis pedibus incedere)»2.

Prisciliano foi o primeiro cristián condenado a morte por herexe (dos moitos que houbo a partir de Teodosio) pola autoridade civil e relixiosa. A súa figura engrandeceuse e callou con moita máis forza no territorio de Gallaecia após da súa morte. O priscilianismo será cuestión de controversias e de enfrontamentos ata o século VI coa condena de San Martiño Dumiense.

«Pero a morte de Prisciliano non foi en balde. Por unha parte, a súa figura (...) serviu como exorcismo para condenar o que as autoridades eclesiásticas non estaban dispostas a admitir. É, en consecuencia, serviu para reforzar unha tendencia na historia da Igrexa na que a identificación desta co poder político se faría crecente e na que as mulleres, participantes activas destes movementos, quedarían máis recluídas no ámbito doméstico»3

Pasados dous anos da morte de Prisiciliano, un grupo de discípulos seus acoden a Tréveris (hoxe en día a cidade alemá de Trier), exhuman o cadáver e tráeno de volta a Galicia, onde semella que se se edificou un santuario para venerar os seus restos. Este feito da pé a que algúns historiadores sostivesen a idea de que os restos de Compostela non sexan os do apóstolo Santiago se non os de o propio Prisciliano (outras hipóteses de onde pode estar soterrado son Santa Eulalia de Bóveda e a hermida de San Mamede en San Miguel de Valga – Pontevedra).

A persecución a Prisciliano e aos seus seguidores (que durou moito tempo) haina que entender nun contexto de fortalecemento da xerarquía eclesiástica e da súa alianza co poder civil. Estes grupos relixiosos ascéticos, con prácticas que se achegan máis ao mensaxe dos evanxeos, que viven en comunidades cativas dirixidas por un profeta ou asceta ou santo, foron consideradas perigosas pola xerarquía. Nese sentido, Prisciliano foi a primeira vítima da persecución que se fixo destes grupos. Estamos vivindo, pois, o proceso no que a vella relixión cristiá, en comunidade, igualitaria, se unha praxe regrada, e substituída polo cristianismo oficial, xerárquico, en aliaxe ou enfrontamento de igual a igual con poder civil, e no que as mulleres ocuparán un papel secundario.

«Semella comprobado que o priscilianismo asumiu o compoñente de rebeldía social e aglutinou aos descontentos da marcha do moribundo Imperio (...) A súa influencia na propagación e organización peculiar e singular do cristianismo no medio rural galaico, é xa un feito contrastado»4

Deixamos a un lado a Prisciliano (de momento, xa que volveremos a falar do Priscilianismo no reino Suevo) e avanzamos, non sen antes recordar algunhas das bases da doutrina Priscilianista, neste caso recollidas polo historiador da época Paulo Orosio, un bocado difíciles de entender máis das que seguro podemos deducir certa mensaxe esotérica e interpretación libre do asunto do corpo e da alma, nos que le ve representados simbolicamente os signos do zodíaco e aos patriarcas da Igrexa:

«O mesmo Prisciliano, nunha das súas epístolas, di: esta primeira sabedoría, nos distintos tipos de almas, é a de comprender a natureza das virtudes divinas e das disposicións dos corpos. Nela o ceo aparece ligado á terra e todos os principados do século parecen obrigados a superar as disposicións dos santos. Pois o primeiro círculo de Deus e o título divino das almas, que deben de seren enviadas aos corpos polo consenso dos anxos de Deus e de todas as almas, téñeno os patriarcas que, en troques, teñen tamén a obra da milicia persoal e o demais. Ensina, pois, que os nomes dos patriarcas son membros da alma, posto que Rubén está na cabeza, Xudá no peito, Levi no corazón, Benxamín nas pernas, e así sucesivamente. Pola contra, nos membros do corpo están plasmados os signos do zodíaco; isto é: Aries na cabeza, Tauro na cerviz, os Xemelgos nos brazos, Cancro no peito, etc.»5

OS SUEVOS

«Incitadas por Stilico, como xa dixemos, as xentes do alanos, os suevos e os vándalos,e outras mesturadas con elas, derrotan aos francos, pasan o Rin, invaden as Galias e en directa acometida chegan ata o Pirineo»6

Foi na noite de San Silvestre do ano 406 cando os Suevos (xunto aos outros pobos xermanos citados por Paulo Orosio) cruzan o río Rin e comezan a ocupación de territorios do Imperio Romano.. Durante tres anos estes pobos xermánicos dedícanse a saquear e a vagar dun lugar a outro das galias. Despois de superar a cordilleira espállanse polo territorio peninsular, vivindo dun xeito nómade. Como se recolle no texto de Orosio, atravesan as Galias, e chegan aos Pirineos, onde non poden ser detidos polas tropas imperiais. O reparto de zonas leva aos vándalos cara ao sur e despois a África, aos alanos a metade leste da península e aos suevos ao noroeste peninsular.

Os suevos chegan á provincia romana da Gallaecia, que abranguía a actual Galicia, o Norte de Portugal ata o Douro, as terras de Asturias e boa parte da Meseta Norte. Nun principio vanse instalar preto da cidade de Braga, no territorio entre o Miño e o Douro,aínda que axiña se espallaran por todo o territorio da actual Galicia. Non hai un dato fiable para saber cantos Suevos entraron nesta migración. Unha cifra coa que moitos historiadores están de acordo é a de 30.000 persoas, dos que uns 10.000 sería guerreiros.

Mais o asentamento dos suevos na Gallaecia, que levaban tres anos dun lugar para outro, practicando todo xeito de violencia e saqueo,non debeu ser violenta.hai unha frase senlleira de Orosio que define moi ben este proceso e que di que os suevos “cambiaron as espadas polos arados”.

Os suevos xa mantiveran contactos cos romanos desde a época da guerra das Galias no século I a.e.c. Estaban asentados moi preto do limes que formaban os ríos Rin e Danubio, polo que xa se coñecían dabondo antes de esta entrada no Imperio. Aínda que non temos probas documentais, é máis que probable que os Suevos firmasen un foedus, un pacto de hospitalidade cun Imperio Romano daquela xa moi debilitado e en procese de desintegración. É posible que os Suevos apoiasen aos romanos nos conflitos que iñan abertos na península contra outros pobos xermánicos.

Sexa como for, os suevos instálanse no territorio e fundan un Reino dentro do propio Imperio. O reino máis antigo de Europa, que terá vixencia durante case dous séculos, cando os suevos sexan asimilados pola monarquía visigoda. Se nun principio os recen chegados manteñen un vencello con Roma, pouco a pouco este vaise rachar e os suevos, e a poboación galega en xeral, deixarán de pagar tributos ao emperador.

Esta monarquía ex-novo exerce o control sobre o territorio. Os reis suevos chegan a acuñar moeda propia onde se recolle o seu nome e non o do emperador de Roma, proba inequívoca da súa crecente independencia fronte ao imperio. Mais, como foi a relación entre estes novos inquilinos e o pobo que os acolle? En principio non hai novas de grandes enfrontamentos entre suevos e galaicoromanos. En palabras de Orosio, foron moitos os que «prefiren vivir entre os bárbaros pobre e libremente, a sufrir a anguria dos tributos entre os romanos»7. Segundo Anselmo López Carrera «a gran masa da poboación galaica(fundamentalmente campesiños) viuse con certeza aliviada da presión tributaria propia do baixo Imperio» , mentres que «os terratenentes optaron por seguiren fieis ás institucións imperiais, que eles mesmos posuían, polo menos nas cidades,cos seus bispos católicos á cabeza, e depositaban a súa esperanza (en medida cada vez menos) na intervención dos legado e militares romanos»8.

Unha vez que os suevos aséntanse e controlan o territorio, non poden resistirse ao seu impulso guerreiro e comezan unha serie de operacións polo territorio peninsular, ben de saqueo ou ben con intención de conquistar territorios. Estas operacións están dirixidas polos reis Reckila e o seu fillo Reckiario pola Bética, a Lusutania e a Tarraconense, dominadas polos visigodos coligados co poder imperial). O imperio tivo que envíar ao rei dos godos, Teodorico II, á península a dominar aos poderosos suevos, aos que derrota na batalla do Órbigo no 456. Despois desta derrota os Suevos, tras un cuarto de século de campañas pola península, ficarán repregados no seu territorio.

Mais interesante resulta a controversia relixiosa en torno ao priscilianismo. A chegada dos suevos supón unha certa liberdade relixiosa e un cese na persecución dos seguidores da doutrina de Prisciliano. Os suevos practicaban o arrianismo, unha relixión de orixe oriental que non recoñece a Cristo como o mesmo Deus, se non como unha creación deste. O priscilianismo seguiría vixente ata o século VI, cando os suevos convértense á relixión católica. Nesta etapa xurde un personaxe chave na historia de Galicia, tanto para coñecer as costumes relixiosas dos galegos daquela época, como para axudar a poñer fin a moitas delas.

Martiño de Dumio (ou dumiense, ou San Matiño de Braga) nace na Panonia (na actual Hungría) a principios do século VI. Nesas terras entra en contacto co movemento monástico, que despois exportará ao Finisterrae. Formouse en Constantinopla. As circunstancias da súa vida o levan cara a cidade episcopal de Braga, no reino dos Suevos.

Preto de alí funda o mosteiro de Dumio, que se vai converter nun vigoroso centro relixioso no que se difunden as ideas católicas procedentes do Imperio de oriente que aporta o dumiense. Destas prácticas destacamos o monacato ascético que practican el e os seus seguidores en Dumio, e que é un claro antecedente do éxito do monacato nas nosas terras. San Martiño foi un personaxe fundamental porque consigue que o rei Teodomiro se converta ao catolicismo,. Máis a súa teima vai ser acabar coas heterodoxas praxes relixiosas da poboación galega. O de Dumio foi un dos principais intelectuais da Igrexa da súa época.

A súa obra máis destacada, a que nos fala dos seus intentos de levarao heréticos galegos pola senda da ortodoxia cristiá, é a célebre De Correctione Rusticorum. Trátase dunha obra moi importante para coñecer precisamente a esa sociedade que el quería que mudase de costumes. Nela condena as prácticas de idolatría, de superstición e de bruxería que se practicaban no noroeste da península. É curioso como se queixa de costumes e supersticións que son moi típicas na cultura galega e, moitas das cales se mantiveron ao longo dos séculos.

«Velaquí que clase de promesa e de profesión de fe tedes con Deus! ¿e como volven de seguida aos cultos do diaño algúns de entre vos que renunciaron ao diaño, aos sesu anxos, aos seus cultos e ás súas malas obras? Pois acender velas xunto as pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas. Que outra cousa é senón culto ao diaño? os actos de adiviñación e os augurios e o celebrar o día dos ídolos, que outra cousa é senón culto ao diaño? Festexar as vucanais e as calendas, adornar as mesas e pór ramas de laure, prestar atención ao pé que se emprega, derramar gran de viño no lume sobre un tronco e pór pan nas fontes, que outra cousa é senón culto ao diaño? Que as mulleres invoquen a Minerva mentres tecen, que elixan o día de Venus para as súas nupcias e que presten atención a que día se poñen en camiño, que outra cousa é senón culto ao diaño? Enfeitizar herbas para encantamento e invocar os nomes dos demos ao facelo, que outra cousa é senón culto ao diaño? E outras moitas cousas que son longas de contar. Velaquí que despois da renuncia ao diaño, despois do bautismo,facedes todo isto, e que,volvendo ao culto dos demos e ás malas obras dos ídolos, vós deixastes de lado a vosa fe e rompestes o pacto que fixestes con Deus... »9

Como anécdota é interesante saber que foi San Martíño é o artífice de que na lingua portuguesa os días da semana sexan chamados ferias e non cos nomes dos deuses pagáns. Cando morre é enterrado na capela de San Martño de Tours, no mosteiro de Dumio. No seu sartego podíase ler o seguinte epitafio:

Nacido en Panonia, cheguei atravesando os anchos mares e arrastrado por un instinto divino, a esta terra galega, que me acolleu no seu seo. Fun consagrado bispo nesta igrexa túa, ¡oh glorioso confesor San Martíño!; restaurei a relixión e as cousas sagradas, e esforzándome por seguir as túas pegadas, eu, o teu servidor Martíño, que teño o teu nome, mais non os teus méritos, descanso aquí na paz de Cristo.

A figura de San Martiño de Dumio tamén pode ser vista desde o punto de vista político, as súas prédicas poden reflectir a intención dos reis suevos de entrar na órbita do imperio oriental para zafarse da influencia visigoda, pois foi xusto nestes anos cando desde Constantinopla se intenta recompoñer a unidade do Imperio romano.

Na segunda metade do século VI o poder da monarquía visigoda foi en aumento. Hai sucesivos enfrontamentos cos suevos. No ano 585 o rei visigodo Leovixildo entra coas súas tropas en territorio suevo e derrota a estes. A partir deste intre, «Galicia integrábase nos cadros administrativos da monarquía visigoda e queda sometida á súa influencia». A partir do século VII Galicia fica integrada na monarquía visigoda, mais segue a manter a súa integridade territorial e a súa personalidade xurídica, desta volta, como unha provincia, da que formarían parte unha zona da Lusitania, Asturias e Cantabria. Lugo sería a capital desta provincia. Neste senso, compre apuntar que ata o papa Gregorio Magno manda unha carta ao rei Recaredo dirixíndose a el como «Rei dos godos e dos Suevos»10.

Mais a monarquía visigoda tamén tiña os seus días contados. Nos primeiros anos do século VIII os musulmáns entran na península e a conquista. Nestes últimos anos de dominio visigodo xurde o personaxe de Vitiza que reinou sobre o territorio de Galicia, aínda que as fontes que nos informan sobre el son contraditorias. Imos deixar aquí a traxectoria política destes anos, e imos coñecer algúns exemplos do patrimonio artístico ligados a estes séculos.

«Os xermanos, polo tanto, marcaron un cambio político, pero tamén houbo unha continuidade evidente. (...) para interpretar esta época debemos olvidarnos de “romanismo” e “xermanismo”, e doutras clasificacións de corte etnicista, e tratar de identificar a través dos datos arqueolóxicos, e coa axuda dos estudios históricos, os procesos de transformación e desaparición final do Mundo Antigo que conduxeron á Idade Media, devir histórico no que galaicorromanos e xermanos tiveron un papel específico, en ocasións como inimigos e as máis das veces como colaboradores. pero en todo caso, compartírono xuntos.»11

A ARTE DESPOIS DOS ROMANOS E ANTES DO ROMÁNICO.

Os suevos non crearon unha arte propia en Galicia. A s creacións artísticas durante os séculos do reino suevo manteñen a tradición tardorromana e paleo cristiá.

SANTA MARÍA A NAI, OURENSE
O templo, foi mandado construír polo rei suevo Carriarico. Este enviou unha legación a Tours para mandar traer as reliquias de San Martiño, co fin de que axudasen a curar ao seu fillo, que estaba gravemente doente. Como o fillo curou, Carriarico mandou erguer un templo na honra de San Martiño e Santa Mariña.
Na fachada desta igrexa consérvanse algúns restos desta época, principalmente columnas e capiteis de mármore, reflexo da época de dominación romana.

SAN PEDRO DE ROCHAS
O cenobio de San Pedro de Rochas, e Esgos (Ourense) é o resto máis antigo da vida monacal en Galicia.
Unha lápida fundacional, que se conserva na actualidade no Museo de Ourense, indícanos que foi construído no ano 573. A primitiva igrexa deste mosteiro consta de tres capelas abertas na rocha. trátase dun edificio rupestre, que garda relación con outros edificios deste tipo que usaban as primeiras comunidades cristiás. Son moi interesantes as sepulturas antropomorfas, que tamén nos documentan que desde moi cedo se empezou a soterrar os corpos nas propias igrexas. Tamén se conserva desta época o altar que esta no Museo de Ourense, en forma de mesa. (esta datación xera dúbidas).
Este edificio tamén foi reformado con posterioridade, a partir do século XII xa en plena época Romana.

LÁPIDAS DE ESTOLA
Unha das pegadas artísticas máis importantes da etapa sueva son as chamadas lápidas de estola. Hainas de varios tipos, desde as máis sinxelas cunha soa estola ata as que conteñen representacións antropomorfas e con simboloxía cristiá. Son moi belas aquelas que presentan unha escritura ornamental
Máis alá da época sueva continúan a utilizarse este tipo de lápidas de estola,o que dificulta ao arqueólogos saber a que época pertencen. Son moi excepcionais aquelas que nos indican o nome do morto e o ano de morte, como acontece no enterramento de Ermengoda, preto de Pontevedra, e datado do ano 624

SANTA COMBA DE BANDE
Dentro da época visigoda temos que destacar a igrexa de Santa Comba de Bande, en Ourense. Trátase dun magnífico exemplo que se conservou co aspecto inicial de construción. Ademais este templo contén todas as características da arquitectura visigoda: cantería de gran calidades, planta de cruz grega con espazos anexos, aperturas de vanos, arcos e bóvedas, etc. Posúe un cimborrio que permite a entrada da luz ao espazo interior. Neste predio combinouse a utilización de pedra co tixolo.
No interior da igrexa agárdannos unhas cantas sorpresas. As columnas teñen capiteis de épocas diferentes, desde a época romana ata o século IX. Na bóveda e no testeiro do presbiterio consérvanse –en mal estado- restos de pinturas murais da segunda metade do século XVI

SAN XOÁN DE PANXÓN
Os restos de san Xoán de Panxón están moito peor conservados. De feito, so temos en pé un fragmento de muro cun arco de ferradura visigodo sostido por un par de columnas, das que temos que destacar os seus capiteis con decoracións vexetais. A cronoloxía que presenta está igrexa é en torno ao último cuarto do século VII.

PAULO OROSIO

Rematamos a clase falando dun dos personaxes fundamentais para o coñecemento da historia antiga e a xermanización en Galicia. Paulo Orosio é unha das fontes máis citadas á hora de estudar este período. Respecto ao seu nacemento, téñense dúbidas se este se produciu en Tarraco ou na propia Gallaecia (Brigantia ou Braccara). Debeu nacer na década dos 80 do século IV, isto é, antes da chegada dos xermanos pero nun momento no que o Imperio estaba es situación de decadencia. Foi, polo tanto, testemuña en primeira man dos feitos que narra nos seus escritos.
Foi PresbÍtero en Braga, cidade na que se instalaron os suevos á súa chegada á Gallaecia. Esta cidade converteuse nun importante foco intelectual nestes primeiros séculos d Idade Media.

Na súa vida foron moi importantes as súas viaxes polos horizontes da cristiandade: África (Hipona), Alexandría e Palestina. A través destes Orosio entra en contacto con personaxes moi relevantes como Santo Agostiño de Hipona, un dos pais da Igrexa, autor da obra A Cidade de deus na que o propio Orosio Puido colaborar.
As circunstancias da súa saída cara a África son especiais, segundo el mesmo narra na súa obra:

«Ocupándome por exemplo de min mesmo, de como vin por primeira vez aos descoñecidos bárbaros, como os tratei de evitar ao se presentar como inimigos, como estando baixo o seu dominio lles tiven que facer afagos, como evitei aos infieis, como escapei cando estaban á miña espreita, ou, por último, como, perseguíndome polo mar, e atacándome con pedras e frechas, a piques de caer nas súas mans, fuxín cuberto por unha repentina néboa»12

Sexa cal for o motivo da súa saída de Gallaecia, a súa chegada a África, ao carón de Agostiño de Hipona, satisfíxolle moito. De seguido comezou a trabllar con Agostiño, que era o mairo intlectual da época:

«Eu mesmo, que fuxín por calisquera primeira perturbación, atopándome agora seguro no lugar no que me refuxei, podo dicir que alí onde están a miña lei e a miña relixión, está a miña patria. Agora que África me acolleu de tan bo grao»13

No ano 415 Agostiño encárgalle a Orosio que viaxe a terra santa a reunirse con Xerome de Estridon, participando alí nun sínodo representando ao seu protector.. Alí enfrontouse directamente co bispo de Xerusalén, Xoán II. Froito desta disputa foi o liber apologeticus onde rexeita á acusación de herexe vertida contra el. De alí retorna a África e participa nun Concilio en Cartago. De volta trae consigo as reliquias do protomartir estevo, que ficaron espalladas por terras africanas e pola illa de Menorca, dende onde intenta, sen éxito, volver á península.
Da illa retorna non á Gallaecia, se non a África, onde escribe as súas célebres Historias contra os pagáns. Do seu pasamento descoñécense as circustancias. É posible que morrera froito das invasións dos vándalos no Norte de Áfric, como así lle sucedeu ao seu mentor Agostiño de Hipona.

Consérvanse tres obras de Paulo Orosio:Communitorium, Liber Apologeticus e Historiae Adversus Paganos. A primeira é unha obra na que advirte dos erros dos priscilianistas. A segunda é a xa citada defensa persoal contra as acusacións de herexía, onde defende as teses de San Agostiño, e a terceira e a obra de carácter histórico que nos sirve como unha das principais fontes para o estudio da antigüidade primeiro medievo galegos.

Na súa obra traza a historia dos pobos pagáns e recolle os seus erros, xustificando que a caida de Roma non ten que ver co cristianismo, se non co paganismo que persiste no pobo romano. A súa obras e a primeira historia con vocación universal feita por un cristián. El pretende recoller a historia desde a creación ata a época que lle tocou vivir. Fálanos da sucesión de catro imperios pagáns –Babilonia, Macedonia, Cartago e Roma precrsistiana-, e dun quinto, a Roma cristiá, que sería a superación de todos eles. Os feitos acontecidos en Hispania son de especial interese para Orosio, e nos que fai especial fincapé.

A obra de Orosio ten unha narrativa de gran calidade. Segue a mesturar lendas con datos historiográficos, como se facía na súa época, pero isto non lle resta valor á súa obras, que serviu como obra de referencia durante todo o medievo. Por último, salientar o optimismo e a fe no futuro de Orosio, a súa esperanza que a través do achegamento dos antigos pagáns á relixión cristiá o mundo ía transformarse e a converterse nesa agostiñana cidade de Deus na terra.


1 FELIPE ARIAS VILAS: “A romanización de Galicia” Ed. A nos aterra, Vigo. 1993 (172)
2 HENRY CHADWICK: Prisciliano de Ávila: ocultismo y poderes carismáticos en la Iglesia primitiva, 1978, p. 34-35
3 J.C. BERMEJO BARRERA e X.A. FERNÁNDEZ CANOSA. Idade Antiga, en Nova Historia de Galicia, Ed. Tambre, Oleiros. 1996 (142)
4 FELIPE ARIAS VILAS: “A romanización de Galicia” Ed. A nos aterra, Vigo. 1993 (173)
5 PAULO OROSIO: Commonitorium, cap.2 [En XOÁN BERMUDEZ VILAR, O comezo da nosa Idade Media. Ed. toxosoutos, Noia. 2003 (39)]
6 PAULO OROSIO: Historiarum, cap IV [En XOÁN BERMUDEZ VILAR, O comezo da nosa Idade Media. Ed. toxosoutos, Noia. 2003 (43)]
7 PAULO OROSIO: Historiarum, cap VII [en ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. 2005 (37)]
8 ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. “005 (41)
9 SAN MARTIÑO DE DUMIO:De Correctione Rusticorum. [En Mª DEL CARMEN PALLARES e ERMELINDO PORTELA A Idade Media, Nova Historia de Galicia, Ed. tambre, Oleiros, 1996 (p. 163)]
10 ANSELMO LÓPEZ CARRERA: O Reino Medieval de Galicia, Ed, A Nosa Terra, Vigo. “005 (103)
11 ÁLVARO RODRÍGUEZ RESINO: Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Arqueoloxía da tardoantigüidade en Galicia (séculos V-VIII). Ed. Toxosoutos, Noia, 2005 (194-195)
12 PAULO OROSIO: Historiarum, cap IIII [en XOÁN BERNÁNDEZ VILAR: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. ed. Toxosoutos, Noia. 2003 (110)]
13 PAULO OROSIO: Historiarum, cap V[en XOÁN BERNÁNDEZ VILAR: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. ed. Toxosoutos, Noia. 2003 (112)]