Eu Don Alfonso porla gratia de Deus Rey de Leon a vos omes [do boo Burgo?], assy aos presentes como aos que an de víír, et a vossos fillos et a toda vossa generacion faço karta de donacion et de firmidũe, et dou a vos foros en que sempre vivades.
Inprimeiramente omẽs do bon Burgo non ayam nullo señor senon el Rey ou quen esse Burgo tover de sua mão (tover). Et qualquer noble ou de qual dignidade na villa do Burgo in propia ou in alia casa morar, ille et quantos cun el moraren ayam foro assy como cada um viçiño. Et se [se] algúúm in casa dalguum viçiño quiser ospedar no Burgo por força, o señor da casa cum seus viçiños deyte•o fora. Et se salir non quiser et hy firido for, non peyte por ende cóóma.
As cantigas, que veremos de seguido, escribiríanse desde finais do século XII. Aínda que non se conservan, é posible que tamén existisen libros de sermóns escritos en galego.
A etapa de esplendor do galego escrito coincide co reinado de Alfonso IX, último monarca galego-leonés, entre 0 1288 e o 1236. A Galicia na que xurde a lingua galego-portuguesa abrangue é o territorio coñecido como a magna Galicia, e comprendería o occidente asturiano, o territorio galego actual, a zona ao oeste da rexión de Tras-os-Montes, e as terras do Minho e o Douro. O galego e o portugués serían, en orixe,unha mesma lingua que co paso do tempo vanse ir separando morfolóxica e foneticamente, consecuencia das circunstancias históricas que propiciaron un Portugal independente e unha Galicia en dependencia do reino de Castela.
Esta separación vai ter lugar dun xeito demorado. O proceso comeza nos séculos XIV e XV. Portugal, un reino independente, marca as súas regras para a lingua escrita e crea a súa propia tradición oral diferente á do norte do Miño. A lingua portuguesa naceu no norte, mais a partir desta etapa Coimbra-Lisboa convértese na eixo político, cultural e lingüístico. Nesta zona central de Portugal, a lingua vai recibir unha forte influencia do mozárabe que se falaba con anterioridade á reconquista, forxándose unha lingua nova.
Hoxe en día aínda hai voces que reclaman que galego e portugués son dúas variedades dialectais dunha mesma lingua. Sexa como for, e a pesar das evidentes diferencias actuais, as dúas linguas comparten orixe e, en moitas ocasións, a comunicación entre falantes dos dous idiomas é posible. Poderiamos así encadrar a Galicia no amplo universo da lusofonía, que abranguería territorios europeos, asiáticos, americanos e africanos.
No século XIII comeza a era de esplendor do galego. A poesía lírica de proxección internacional que nace no noso territorio fai que a nosa lingua sexa recoñecida e respectada como elemento de prestixio. En numerosos documentos recoñécese esta realidade. De feito, a partir desta centuria comezan a aparecer traducións de textos escritos noutras linguas ao galego. Nos séculos XIII, XIV e XV Galicia amosa unha autonomía e cohesión interna que podemos recoñecer no feito de que numerosos textos xurídicos, administrativos, eclesiásticos e literarios se escribisen en galego. A nosa lingua non só era a que falaba o pobo, se non que sería a lingua usada polas elites relixiosas e a nobreza local.«No ámbito da administración civil e da xustiza, na vida económica e na vida relixiosa o galego utilizouse con grande constancia entre o século XIII e a primeira metade do XVI» [4] . De feito o arcebispado de Santiago usou a lingua durante os século XIII e XIV, independentemente da orixe de quen ocupase a prelatura, pasando do latín ao galego antes de usar o castelán.
O galego cumpría nos séculos XIV e XV, a pesar de ficar Galicia baixo o dominio do reino de Castela, case todas as funcións dunha lingua nacional normalizada. A poboación sería monolingüe en galego e na escrita sería a lingua de uso normal en case todos os ámbitos
A partir de finais do século XV esta situación mudará dun xeito radical, debido ás circunstancias políticas e sociais, desaparecendo na escrita e nas relacións entre as elites. A castelanización das elites sociais e a desaparición como lingua escrita é o preludio dun tempo moi negativo para a o galego. Sería o comezo dos séculos escuros, proceso histórico que coñeceremos máis adiante no curso.
A LÍRICA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA
Na lírica trobadoresca galego-portuguesa da Idade media temos un dos cumios da literatura europea e, sen dúbida, un dos tesouros máis prezados do noso patrimonio cultural. Nesta altura, Galicia vai ser protagonista dun dos feitos culturais máis relevantes da época no occidente cristián.
Chamámoslle lírica porque estamos diante de literatura en verso e que nos vai falar dos sentimentos, dos pensamentos, do interior dos poetas que configuran estes versos, diferenciámola, polo tanto, da épica, que nos narra os feitos heroicos ou trascendentes da época. É trobadoresca porque está composta para ser interpretada a través da música e do canto, de feito realizábase un auténtica “performance” que unía a arte de compoñer, cantar e interpretar instrumentos musicais. É galego-portuguesa porque na súa etapa cronolóxica, a finais do XII e no século XIII galego e portugués eran a mesma lingua e, ata a independencia de Portugal, conformaban, dentro do Reino de León, un mesmo espazo sociopolítico.
As cantigas conformaron un tipo de poesía interclasista. Nela reflectíronse diferentes estados de ánimo, arelas, melancolías, tristuras e ledicias do home e da muller que interesaron a todos os estamentos sociais da época. De feito, a través dos xograres e trobadores, toda a poboación foi consumidora deste tipo de literatura. De todos os xeitos, a lírica galega do medievo non acadaría o seu nivel de excelencia se non fora polo apoio e mecenado que tivo por parte da aristocracia. A arte de trobar sería unha actividade propia do lecer da aristocracia, polo menos na súa versión intelectual. Nas cortes e nas casas dos nobres sería unha actividade habitual contar cun trobador que cantase e aledase as veladas.
«A nosa lírica medieval é popular, posto que nela están impresas as formas de vida,os modelos idealizados de conducta... e, sobre todo, a interpretación poética do mundo por parte de individuos pertencentes a diversos oficios e condicións» [5]
Xograres e trobadores dedicábanse a cantar estas composicións,mais ambos os dous gremios teñen as súas diferenzas. Os xograres serían intérpretes de textos alleos que actuaban diante do pobo, nas prazas e nos espazos públicos, cobrarían polo seu traballo. Os trobadores compoñían as súas propias cantigas, estes tiñan formación en música, retórica e gramática e a súa orixe social era a nobreza secundaria, a súa orixe nobre lles impedía obter ‘don’ algún por amosar a súa arte aos demais.
Compostela sería, como gran centro cultural, un polo de atracción de moita importancia no medievo, o que provoca que a través do camiño chegase a Galicia o influxo cultural de alén dos Pirineos. A influencia da lírica occitana é evidente, aínda que as cantigas galaico-portuguesas non sería unha copia destas, se non que terían un desenvolvemento autóctono e unha personalidade propia independente da poesía medieval doutras latitudes. Na época o galego foi considerado como unha lingua especialmente apta para o xénero lírico,o que explica en o rei Alfonso X a escollera para a súas cantigas mentres que para outros xéneros promoveu o castelán.
Hoxe en día coñecemos as cantigas grazas aos textos onde se conservan recollidas. En concreto falamos de tres grandes cancioneiros: O Cancioneiro de Ajuda, O Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana.
O Cancioneiro de Ajuda foi o único dos tres que data da mesma época na que se trovaba, concretamente e de finais do século XIII ou principios do XIV. Está composto por 88 folios de pergameo e contén 310 cantigas que pertenceron a 38 autores diferentes. este cancioneiro ficou sen rematar. A iluminación dos folios está incompleta e, a pesar de contar co oco para as anotacións musicais, estas non aparecen. O seu nome lle ven dado por se conservaren na Biblioteca do Palacio de Ajuda de Lisboa. Este volume, que é un dos grandes tesouros da literatura europea de finais do medievo, estivo exposto na Coruña no ano 2006, na exposición que se celebrou co gallo do centenario da Real Academia Galega.
O Cancioneiro da Biblioteca Nacional, ou Cancioneiro Colocci-Brancutti é o máis importante dos tres volumes. A súa orixe é italiana, feito copiar por un filólogo do reancemento italiano. Consta de 355 follas de papel copiadas dun orixinal no século XVI. Nas súas páxinas se recollen máis de 1.560 composición que pertencen a uns 150 autores. O texto en tinta negra e sen cores, disposto a dúas columnas, amosanos un documento ben diferente ao de Ajuda, máis pensado para o traballo con el que como peza artística. En 1924 foi comprado polo goberno Portugués que o depositou na Biblioteca Nacional de Lisboa.
O terceiro dos grandes libros de cantigas é o Cancioneiro da Vaticana. Está composto por 210 follas de papel que conteñen 1.200 composicións. Posiblemente ten unha orixe común co cancioneiro da Biblioteca Nacional, e dicir, sería copiado do mesmo orixinal. Porén, a súa finalidade sería distinta xa que este ten un acabado moito mellor. Este exemplar forma parte da colección da Biblioteca Apostólica Vaticana desde o século XVII.
Outras fontes de menor entidade onde se conservan textos que proveñen da lírica galaico-portuguesa medieval son o Cancioneiro da Biblioteca Bancroft (ou Cancioneiro de Berkeley), o Pergameo Videl, onde aparecen as cantigas de Martín Códax coa súa correspondente notación musical, e o Pergameo Sharrer, que contén sete cantigas de amor compostas polo rei portugués don Dinís coas súas notas musicais.
A produción lírica debeu ser moito maior do que se recolle nestes textos«Unha escolma, iso son, en verdade, os volumes conservados, produto sempre da selección previa do gusto persoal, e que, polo tanto, non representan con exactitude a variedade do quefacer poético dunha época» [6]
O cancioneiro recolle tres tipos de cantiga: a cantiga de amor, a cantiga de amigo e a cantiga de escarnio ou maldicir. Imos explicar en que consiste cada tipo e a continuación amosamos unha escolma dalgunhas delas.
CANTIGA DE AMOR
Feita por un home e dirixida a unha dama amosando o seu amor por ela. É o tipo máis numeroso (O cancioneiro de Ajuda esta dedicado en exclusiva e este tipo).
Estas composicións están influenciadas pola poesía Occitana, de onde proven o tema amoroso que dá sentido a estas composicións. Recollen o Fin’amors, ou doutrina do amor cortés, que non é outra cousa que a superación dos instintos máis primarios e a sublimación do asunto amoroso como estado de perfección moral. Así, a amada, na canción de amor, é un compendio de todas as virtudes da muller medieval, e como tal e venerada polo trobador.
Este amor é espiritual e tamén carnal, remata as veces coa a unión física entre os amantes. Así, o amor do cabaleiro é tanto un servizo como un galardón que lle é outorgado. A mesura, a discreción e prudencia son virtudes do amante que lle levan a ocultar o nome da amada, pois nas cantigas de amor se trata xeralmente do amor adúltero, considerado no fin d’amours o verdadeiro amor, que nace do corazón ceibado de ataduras sociais.O cabaleiro faino todo pola amada, á que gaba dun xeito esaxerado. Por ela deixa todo e por ela é quen de desprezar todas as riquezas do mundo.
A estrutura temática soe ser a seguinte: discreción ou reserva da dama, pesar polo amor non correspondido, eloxio da dama, mostra de amor pola dama. A protagonista principal é a señor (sennor/senhor) que aparece nomeada en case todas as cantigas. tamén aparece baixos os nomes dona ou molher. Ela é unha muller en abstracto, idealizada ata o extremo, fermosa física (de bon parecer ou bon semelhar) e nas súas formas e comportamento (ben falar, mesura, dulzor, bon sen).
As reaccións das damas ante o cortexo do namorado son diversas, desde a aceptación ata o rexeitamento pasando por certo desdén. A mesura é a chave, un equilibrio entre a razón e a paixón.
O propio trobador é o namorado e expón o seu requirimento en primeira persoa, de forma teimosa, xa que en primeira instancia sempre é rexeitado. Moitas veces o seu amor é atribuído a Deus. Na relación entre a sennor e o namorado existe un desequilibrio, pois ela domina a situación; algúns estudiosos ven nesta relación unha referencia as relacións de vasalaxe entre señores e vasalos na sociedade feudal, de aí o énfase feito precisamente na palabra ‘señor’. O trobador serve á señor, e servir significa amar, desde o primeiro momento e de xeito total. Ante a teimosía do trobador, a muller moitas veces cede e corresponde ao amor, mais non sempre, esta é a causa de que apareza a coita de amor. A coita é a magoa do namorado cando é rexeitado pola señor, unha dor profunda no corazón causada polo desengano que pode levar a tolemia ou mesmo a morte por amor do namorado.
Eu me coidei, u Deus fez veer
Esta senhor, contra que me non val
Que nunca me d´ela verría mal;
Tanto a vi fremoso parecer,
E falar mans’, e fremos’ e tan ben,
E de tan bon prez, e tan de bon sen
Que nunca mal d’ela mal cuidei prender.
JOÁN SOÁREZ COELHO
--
Meus amigos, moito mi praz d’amor
que entend’ora que me quer matar
pois mi a mi Deus non quis nen mia sennor
a que roguei de me d’el empararar,
e porán quanto m’el quiser matar
máis cedo tanto lló máis graciarei
ca ben me pode partir a maior
coita de quantas oí falar
desque eu fui, muit’i ha, sofredor.
Esto sabe Deus que me foi mostrar
úa dona que vi bern falar
e parecer, ¡por meu mal, eu o sei!
FERNAN VELHO
--
¡Se eu podese desamar
a quen sempre desamou,
epodess’algún mal buscar
a quen sempre mal buscou!
Assí me vingaría eu,
Se eu poidese coita dar
A que me sempre coita deu
Mais sol non posso eu enganar
meu coraçón que me enganou,
por quanto mi faz desejar
a quen me nunca desejou
PERO DA PONTE
--
Un tal home sei eu, ¡ai ben talhada!
que por vós ten a morte chegada.
Vede quen é e seed’ennembrada:
eu, mia dona
Un tal home sei eu que preto sente
de si morte chegada certamente.
Vede que é e venhavos en mente.
Eu mia dona
Un tal home sei eu, aquest’oide
que por vós morr’e volo en partide,
Vede quen é e non xe vos obride.
eu, mia dona.
DON DINÍS DE PORTUGAL
--
Senhor fermosa, tan gran coita hei
por vós que bon conselho non me sei,
cuidand’en vos, minha senhor mui fremosa
Por vós, que vi melhor doutras falar
e parecer,non me sei conselhar,
cuidand’en vós, mia senhor mui fremosa.
Non me queredes miña coita creer;
creermia hedes, pois que eu morrer
cuidand’en vós,mia senhormui fremosa
BERNAL DE BONAVAL
--
vénhovos minha senhor, rogar,
con grand’amor que vos eu ei,
que mi valhades, ca ben sei,çse m’esta coita máis durar,
ja a mia vida pouco será;
e que me queirades valer,
¡ai coita do meu coraçón!
ben sei eu, si Deus me perdón,
se o parardes en lezer,
ja mia vida pouco será
MARTÍN MOXA
--
Amor faz a min amar tal senhor
que é máis fremosa de cuantas sei
e fazm’alegr’e fazme trobador,
cuidand’en ben sempr’,e máis vos direi
fazme viver en alegrança
e fazme todavía en ben cuidar.
Por min amor non quer leixar
e dam’esforç’e aperança
mal venh’a quen se d’el desesperar
AIRAS NUNES
A CANTIGA DE AMIGO
«As Cantigas de Amigo permanecen entre nos cunha vitalidade e cun brillo senlleiros toda vez que anotan modelos perfectamente en consonancia coa nosa sensibilidade e aaínda coa nosa concepción da arte literaria. Para o lector moderno faise difícil, entón, poder fuxir do engado» [7]
A cantiga de Amigo foi o xénero máis empregado polos trobadores galego-portugueses. As veces o xénero pode chegar a confundirse coa cantiga de amor. Tradicionalmente consideráronse estas cantigas como de orixe máis popular fronte as de amor, entendidas como un produto intelectual para as elites, mais hoxe en día está teoría foi desbotada por moitos especialistas. Tamén foron consideradas como froito máis da zona galega que da portuguesa, polo feito de apareceren nelas algúns topónimos galegos e ser de orixe galega moitos dos seus compositores. Alén destes datos, hai que lembrar a unidade cultural que por estas datas aínda formaban as dúas orelas do Miño.
Nas cantigas de amigo as que falan son elas, en primeira persoa, expresando o seu estado emocional. O amigo é o namorado, o home ao que elas lle cantan. Xa desde a primeira estrofa fan a súa declaración de amor, na que se basea toda a cantiga.
A amiga, que canta ao seu amigo, é unha moza inxenua, virxe, namorada, apaixonada, as veces doída, resentida ou mesmo alporizada. A xuventude e a beleza son dúas das características desta amiga, que trata de que o home caia baixo o seu engado. Moitas veces o texto é un auto panexírico da moza (lembremos que estaban compostas por homes, e non polas protagonistas).
As veces o obstáculo para o amor é a orixe social humilde da moza respecto do seu amado, a barreira social impide o triunfo do amor. O amigo raramente participa na acción, aínda que aparece en toda sas cantigas deste xénero. Os eu estado de ánimo achéganolo a namorada.
A relación amorosa na cantiga de amigo ten diferentes resolucións. Amor feliz e satisfeito, o amor insatisfeito, a coita de amor, a prohibición, as dificultades, a separación dos amados, etc. O amor é platónico, non se menciona o contacto físico, feito que se explica polo feito de ser agora a doncela a que fala. Hai unha maior sensualidade, un maior xogo dos sentidos, e diferentes escenarios como o mar, a noite, a fonte... cargados de simboloxía; tamén a romaría se configura como un espazo propicio para o encontro dos namorados. A coita de amor prodúcese moitas veces pola ausencia do namorado, polas mentiras ou infidelidades ou polo rexeitamento sufrido pola moza. As veces existe unha prohibición para o amor, xeralmente por parte da nai da moza. Porén, a relación entre nai e filla non sempre é negativa, xa que as veces esta actúa de confidente, ocupando o mesmo papel que as veces ocupan a irmá ou outra amiga.
A paisaxe enmarca o relato, mais pode conter tamén un forte valor simbólico. A primavera, chea de flores, ribeiras, ríos e fontes, paxaros e cervos, é un marco propicio par ao amor. O mar é unha das paraxes predilectas das cantigas de amigo, as veces afasta aos amantes e as veces propicia o encontro. O baño é un elemento simbólico que se repite con frecuencia. A natureza tamén pode funcionar como interlocutora coa amiga, que espera respostas en van.
- Dizede amigo, se gradoedes,
a vossa morte se a queredes,
Pois que vivedes de min tan longe.
- Quero, mia senhor, ¡Non dubidedes!
- ¿¡Queredes!? ¡Pois tan bon día hoje
Pois vós o que eu quero queredes!
ROI MARTÍNEZ DO CASAL
--
O anel do meu amigo
Perdio so lo verde pino
¡e chor’eu, bela!
O anel do meu amado
Perdio so lo verde ramo
¡e chor’eu, bela!
--
Tal vai o meu amigo
Con amor que lh’eu dei
Come cervo ferido
De monteiro del-Rei
PERO MEOGO
--
Id’¡aimia madre! Vee-lo meu amigo
Que é coitado porque non fala migo;
E irei eu convosco, se vos quiserdes
Tan coitado, que morrerá se non vir;
Id’¡aimia madre! Vee-lopolo guarir;
E irei eu convosco, se vós quiserdes
Porque morr’e me quer gran ben de coraçón
Ide velo, mia madre, guarrá entón
E irei convosco, se vós quiserdes.
JOHÁN NÚÑEZ CAMANÉS
Como vivo coitada, madre, por meu amigo
Ca m’enviou que se vai no ferido,
¡e por el vivo coitada!
Como vivo coitada, madre, por meu mado,
Ca m’enviou mandado que se vai no fossado,
¡e por el vivo coitada!
MARTÍN DE GUINZO
--
Da noit d’eire poderan
Grandes tres noites segundo o meu sen.
Mais na d’hoje mi vêo muito ben,
Ca vêo o meu amigo
E, ante que lh’enviasse dizer ren,
Vêo a luz e foi logo comigo
JULIÂO BOLSEIRO
--
Pela ribeira do río salido,
Trebelhei, madre, con meu amigo.
¡Amor hei migo
Que non houbese!
¡Fiz por amigo
Que non fezesse!
JOHÁN ZORRO
--
¡Ai meu amigo!, meu per boa fe,
e non doutra, per boa fe, mais meu.
Rogo eu a Deus, que mi vos hoje deu,
que vos faça tan ledo seer migo
Quan leda fui hoj’eu quando vos vi,
Ca nunca foi tan leda pois naci.
--
Vaiamos, irmana, vaiamos dormir
Nas ribas do lago, u eu andar vi
A las aves, meu amigo
(...)
Seu arco na mano, a las aves tirar,
E las que cantavan non as quer matar,
A las aves, meu amigo.
FERNAD’ESQUIO
--
¡Ai, eu coitada como vivoen gran cuidado
Por meu amigo que hei alongado!
¡Muito me tarda o meu amigo na Guarda!
Por Deus, coitada vivo,
Pois non vén meu amigo.
Pois non vén, ¿que farei?
Meus cabelos: con sirgo eu non vos liairei.
Moir’, amiga, desejando
Meu amigu’, e vós no vosso
Mi falades, e non posso
Estar sempr’en esto falando.
Mais, ¿queres falar migo?
Falemos no meu amigo.
--
Ondas do mar de Vigo,
se vistes o meu amigo
e, ¡ai Deus! Se verrá cedo
MARTÍN CODAX
--
¡Ai flores!, ¡ai flores do verde pino!
Se sabedes novas do meu amigo.
¡Ai, Deus? ¿e u é?
DON DINIS
A CANTIGA DE ESCARNIO E MALDICIR
Consérvanse máis de 400 cantigas deste xénero. Presentan unha gran variedade temática, sendo o seu trazo común a intencionalidade satírica. Nestas cantigas subsiste certa compoñente subversiva, aínda que con matices, xa que as composicións eran escoitadas nas cortes: «non estamos , polo tanto, diante da crónica realista de sucesos certos, de xenreiras verídicas, senón nun xogo onde os poetas compiten en gracia e en capacidade por dar co punto de riso, o sal e a pementa en que adobares os seus adversarios» . É moi posible que soamente fosen pasadas á escrita aquelas composicións menos ferintes e compostas polos trobadores de orixe social máis elevada.
Algúns especialistas na materia atopan diferenzas entre cantigas de escarnio, que farían burla dun xeito máis sutil, e as de maldicir que serían moito máis directas na súa crítica.
Os trobadores xogaron co vocabulario, de tal xeito que fora entendido polo espectador á vez que mantiñan o seu valor artístico. As referencias sexuais son moi habituais, a través de metáforas: casa, pousada, prisión, arca, buraco, fendedura (sexo feminino); madeira, peça.. (sexo masculino); guerra, batalha, lide... (Acto sexual). Neste senso podemos afirmar que existe unha relación coa cantiga de amor, da que o escarnio sería unha versión que faría chanza.
O recurso á ironía e ao equívoco son unha constante nestas composicións, nas que podemos rastrexar un modo de retranca galega primitiva que sobreviviu na cultura galega ata os nosos días. Porén, en moitas ocasións, aparecen adxectivos antitéticos aos das cantigas de amor, como feo,maltalhado, torpe, astroso...
Nas cantigas de escarnio aparece un novo personaxe feminino, a soldadeira, muller de mala reputación das que os trobadores fan burla. Unha muller obxecto sexual para os homes.
En canto a temático, como comentáramos con anterioridade, esta pode ser moi variada: sátiras persoais, burlas de defectos físicos, costumes e vicios, sobre clases sociais, contra poetas rivais, sátira política, etc.
A referencia sexual é unha das temáticas predilectas dos trobadores que compuxeron pezas de escarnio. Estas pezas de contido sexual van do sutil ao abertamente explícito e mesmo soez. A homosexualidade, a impotencia e a infidelidades son outros temas con contido sexual incluídos no escarnio.
En canto á crítica social, un dos grupos favoritos para as chanzas dos trobadores van ser os novos ricos, aos que se lles acusa de avaricia e ruindade. A igrexa tamén recibe o seu, monxes e monxas son protagonistas dalgunhas das composicións máis procaces. En definitiva, os trobadores tocaron co seu escarnio a todos os ámbitos da sociedade do medievo que lles tocou vivir
Fernán Díaz é aqui, como vistes,
E anda en preito de se casar;
Mais non pod’o casamento chegar
D’home o sei eu, que sabe com’é
É, por haver casament’, a la fe,
D’home nunca vós tan gran coita vistes.
AIRAS PÉREZ BUITIRÓN
--
Foi a citola temperar
Lopo, que citalasse;
e mandaronll’algo dar,
en tal que a leixasse;
e el cantou logu’entón,
e ar deronlh’outro don,
en tal que se calasse
(...)
E conselhava eu ben
a quen el don pedisse,
désselho logu’eu per ren
seu cantar non oísse;
ca est’é, ¡ai, meu senhor!
o jograr braador
que nunca bom son disse
MARTÍN SOÁREZ.
--
Mon sei no mundo outro homen tan coitado
com’hoj’eu vivo, de quantos eu sei;
e, meus amigos, por Deus, ¿que farei
eu, sen conselho, desaconselhado?:
ca mia senhor non me quer facer ben
se non por algo; eu non lhi dou ren,
nem poss’haver que lhi dé, mal pecado.
PEDR’AMIGO DE SEVILHA
Donna Ourouna, pois já basta havedes,
outro conselh’ar havedes mester:
vos sedes moi fraquelinha molher
e ja máis cavalgar non podedes;
mais, cada que quiserdes cavalgar,
mandade sempre a best’achegar
a um caralho, de que cavalguedes.
JOHÁN GARCÍA DE GUILHADE
Non quer eu doncela fea
que ant’a mia porta pea.
Non quer eu doncela fea
e negra come carvón,
que ant’a mia porta pea.
nen faça come sisón
ALFONSO X
--
Marinha, en tanto folegares,
tenho eu por desaguisado
e sâo mui maravilhado
de ti, por non arrebentares.
ca che tapo eu daquesta minha
boca a ta boca, Marinha;
e con estes narizes meus
tapo eu, marinha, os teus,
e coas mâos as orelhas.
Tápot’, ao primeiro sono,
da mia pissa o teu cono,
como me non vejo a nengûu,
e dos colhôes esse cu.
¿Como non rebentas, Marinha?
AFONS’ EANES DO COTÓN
--
AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
Rematamos esta clase coas cantigas de Santa María, compostas polo monarca castelán Alfonso X "o sabio". Por cuestións de tempo, simplemente ímolas citar como unha das grandes composicións líricas do medievo. Neste caso son composicións relixiosas, concretamente 427 cantigas conservadas en catro códices, que fan loubanzas e himnos á figura da virxe María.