28 abr 2010

19. OS NOVOS TEMPOS DA ARTE


DOS RENOVADORES ATA A ACTUALIDADE

Na derradeira clase de arte víramos como a plástica galega evolucionaba desde o xurdimento do rexionalismo ata a arte de vangarda representada polos Renovadores, que nos ofrecen unha imaxe de Galicia moi afastada do folclorismo. Os Laxeiro, Colmeiro, Seoane, Souto... van seguir traballando na segunda metade do século XX, incidindo no estilo creado con anterioridade, ou ben tomando novos vieiros expresivos. Canda eles, temos outro grupo de artistas tamén nacidos na primeira metade do XX, pero que toman camiños diferentes aos expresados polos Renovadores. Son nomes fundamentais dentro da plástica galega como Urbano Lugrís, Maruja Mallo e Uxío Fernández Granell. Estes autores van estar tamén influídos polas vangardas como o expresionismo e, sobre todo, o surrealismo.

Na segunda metade do XX comeza a crear un novo grupo de artistas, que se van integrar nos movementos artísticos internacionais: abstracción e novas figuracións. Falaremos agora máis de arte en Galicia ou desde Galicia que de arte galego. Serán os Mampaso, Labra, Caruncho, Nóvoa, Lago Rivera, Quessada, Grandío, etc. Avanzando no tempo, a finais dos 70 e principios dos 80 irrompe con forza tanto na escultura, como na pintura e na obra gráfica unha xeración de artistas coñecida como Grupo Atlántica, que van supor un novo pulo á creación desde Galicia e unha entrada de aire fresco nunha arte galega que por mor do internacionalismo perdera parte da súa esencia. Menchu Lamas, Antón Patiño, Xaime Cabanas, Francisco Leiro, Quintana Martelo, Lamazares, etc. son algúns dos artistas sobranceiros desta etapa na que Galicia fai a súa transición política e cultural.

Na actualidade, temos en activo a un importante número de artistas galegos, participando coas súas obras en exposicións e nas coleccións dos museos, ou inseridos no mercado da arte. Todos eles son parte da gran evolución da arte universal nestas tres últimas décadas ata a actualidade.

RENOVADORES, DÍAZ PARDO, LUGRÍS, MARUJA MALLO E GRANELL

Deixamos de lado a aqueles autores que xa coñeceramos na anterior clase, aínda que moitos deles van seguir desenvolvendo unha longa carreira durante varias décadas da segunda metade do XX. É o caso de Luís Seoane en Bos Aires, onde desenvolverá a partir dos 50 un estilo propio e moi persoal. É o caso tamén de Manuel Colmeiro en Arxentina e París, de Laxeiro e o seu camiño cara unha pintura chea de ambigüidade e ironía, na que reflicte esa Galicia chea de lendas fantásticas de tradición oral, e nos retrotrae ao románico a través das súas figuras e da paleta de cor que emprega. Por suposto, de Arturo Souto en México, onde mudará de temática e en certa forma tamén de estilo (que diferente o Souto do álbum da guerra, do Souto que reflicte eses ambientes paisaxísticos e tamén íntimos do país no que se exilia). «México y el exilio provocarán cambios muy concretos en su pintura, referidos al color que se embebe del exotismo cálido de los ambientes populares, que evocan la atmosfera fauvista, a la vez que insiste en iconografías que había cultivado anteriormente, dentro de una tradición que podíamos considerar parisina. Recupera los temas de interiores y la visión desnuda de los lupanares de los años 20 y 30, donde la mujer adquiere un protagonismo absoluto, a la vez que propone otras composiciones más abstractas y audaces, esquemáticas y coloristas, en forma de paisaje o de marina» [1]
ARTURO SOUTO, xaponesas (1955, Colección Caixanova)

Ademais deles, cómpre destacar a figura de Isaac Díaz Pardo, que practicou unha pintura moi influenciada en primeiro lugar polo clasicismo italiano, para acadar o seu estilo definitivo cuns lenzos de corte expresionista, nos queen ocasións vai utilizar a arte como método de denuncia ante a opresión que está a vivir o pobo e a cultura galega. Eses ollos que miran con intensidade, eses brazos que se erguen e eses movementos desesperados, expresan con rotundidade a anguria e desesperación do que se sinte farto e humillado. Díaz Pardo abandonou ben cedo os vieiros da pintura para dedicarse a outras labores culturais que el entendeu máis útiles na súa loita pola supervivencia da cultura galega; é neste contexto no que xurde o proxecto de Díaz Pardo e Seoane do Laboratorio de Formas, a Cerámica de Sargadelos, Ediciós do Castro e o Museo Carlos Maside.

ISAAC DÍAZ PARDO, Xentes que ollan (1963, Museo de Belas Artes da Coruña)
Urbano Lugrís é unha figura artística moi difícil de situar para os historiadores da arte, moitas veces teimudos no seu afán taxonómico. Se cadra foi máis surrealista que outra cousa, aínda que non o podemos adscribir ao movemento de vangarda. Pódese dicir de Lugrís que foi unha figura que voou por libre, nun panorama artístico do século XX que practicamente esixía aos creadores a militancia activa nunha determinada tendencia ou vangarda. A  traxectoria vital de Lugrís vai marcar a súa obra. O feito de nacer nun ambiente intelectual, sendo fillo dun escritor galeguista (Lugrís Freire) e dunha pianista, coñecedor de fábulas,  historias fantásticas e grandes obras da literatura de aventuras; a súa experiencia cultural e artística durante a II República, tanto en Madrid como na Coruña, o descubrimento dos grandes museos e, sobre todo, da pintura de El Bosco, Fran Angelico ou Patinir, e tamén as experiencias e historias partilladas na súa vida bohemia, nos locais de Vigo e da Coruña após da guerra civil, son feitos que en maior ou menor medida vanse reflectir na súa obra. Ademais da súa excelente produción artística (aínda que sempre queda a impresión de que puido pintar máis e mellor), Lugrís deixounos mostras da súa xenialidade nos seus escritos e, sobre todo, na lembranza daqueles amigos que o coñeceron, o admiraron e, en último termo, tamén coidaron del e do seu legado.

URBANO LUGRÍS, habitación do vello mariñeiro (Museo Municipal de Vigo)
Lugrís é, ante todo, un excelente debuxante, no que destaca unha técnica caracterizada polo trazo preciso e elegante. Este don, xunto ao emprego da técnica do óleo sobre táboa, que el admirara nos mestres flamencos, permítelle acadar o máis alto grado de expresividade artística. A pintura de Lugrís é a plástica da saudade. Melancoliza paisaxes e obxectos a través da súa mirada, acadando unha pintura que ten moito de metafísico e espiritual. Unha obra na que converxe unha exquisita execución, coa evocación lendaria,  moitas veces inspirada pola literatura de Verne. A visión de Galicia que nos ofrece Lugrís hai que relacionala coas lendas mariñas e coa súa condición de finis terrae. Tamén reflicte nas súas creacións lendas medievais con damas, árbores, paxaros, castelos... “A dimensión que da Lugrís a Galicia é a de unha illa intemporal, unha illa inacabada suspendida no tempo: na fascinación dunha temporalidade ahistórica de carácter cíclico propia das culturas de pronunciado sustrato rural”[2]

O mar é fundamental nas creacións de Lugrís, un Atlántico mítico que nos fala de lendas, de civilizacións imaxinadas e perdidas. A través de toda a súa creación gráfica e como pintor, representará unha serie de iconas marítimas que converten a súa obra en algo inconfundíbel: alegorías mariñeiras, sereas voadoras, armazóns de barcos varados na praia, buzos, áncoras, barcos en botella, pólipos, medusas, capitáns de barcos, etc. Tamén a iconografía musical: violín, laúdes, órganos de igrexa e fragmentos de pentagrama, lembranza do amor á música que lle inculcou a súa nai. É a partir dos anos corenta cando crea as súas grandes obras mestras, nas que destaca a finura e a precisión do debuxo. Cores brillantes, simbolismo e un horror vacui tan característico configuran as súas creacións.



URBANO LUGRÍS, Lumes de San telmo (Colección Fundación Caixa Galicia)
A obra de Lugrís como muralista estase a perder irremediablemente co peche ou reforma dos locais onde deixou as súas obras. Foron moitos os murais de Lugrís, en Vigo, A Coruña, en Santiago e noutras partes da xeografía galega, feitas coa súa leda preguiza e, en moitos casos, como pago pola súa perenne figura de home de tasca. «Sen dúbida algunha, Urbano Lugrís, na Coruña, Noia, en Vigo e Santiago, bebeu todo o viño acedo das tabernas e camiñou por tódalas rúas, pero, logo do visto, aquela “sombra de mascarón polas laxes da Ribeira do Berbés” (Emilio Álvarez Blázquez) tivo tempo para facer unha obra moito máis voluminosa e grande en tódolos sentidos do que ata uns anos se tendía a pensar»[3].

Maruja Mallo é unha das figuras máis importantes da plástica galega e española do XX. Nacida en Viveiro en 1908, o seu vencello con Galicia vai ser breve e escaso. Aos poucos anos múdase a Madrid, onde vai formarse como artista e onde se vai relacionar cunha serie de intelectuais que van influír na súa traxectoria vital: Buñuel, Gómez de la Serna, Dalí, Lorca, Ortega y Gasset, Alberti... Alí comezará a súa carreira como artista. Unha viaxe a París, e o contacto co grupo surrealista liderado por André Bretón, van provocar un xiro radical na súa obra, inspirada a partir desta altura pola vangarda surrealista. Desta época etaca a súa serie “cloacas e campanarios”. A partir do 36, vaise exiliar no continente americano, converténdose nun personaxe recoñecido dentro do colectivo do exilio español. Neruda e outros intelectuais relacionáronse con ela nos diferentes países nos que morou nesta etapa: Arxentina, Chile, Uruguai e os E.U.A. Ao fin volvería a Madrid, convertida nunha figura moi consolidada no panorama artístico do momento, sendo admirada por moitos. Na capital pasaría os seus derradeiros anos. A súa obra percorre diferentes estilos e influencias internacionais, desde o surrealismo francés, ata a xeometrización e o estudo das formas da natureza, relacionando a súa obra co construtivismo e co simbolismo. E tamén moi importante na súa traxectoria a influencia da pintura mural americana. Foi Maruja unha muller moi adiantada ao seu tempo, recoñecida como unha figura imprescindible. Tratou e foi amiga dos membros da xeración do 27, todos homes. A súa personalidade e carisma deixaron unha fonda pegada en todos aqueles que tiveron a sorte de coñecela.

MARUJA MALLO, Muller con cabuxa (1929)
A terceira figura en destaque dentro do ámbito de influencia do surrealismo vai ser Eugenio Fernández Granell. Nace na Coruña en 1912, estudia o bacharelato en Santiago e de seguido marcha a Madrid a seguir a súa vocación musical. Na capital vencéllase aos grupos intelectuais de esquerda, acadando un compromiso político que o levaría a afiliarse no POUM e participar na guerra civil no bando republicano. Despois da guerra civil pasa a Francia, onde tomará contacto coas principais figuras do surrealismo, movemento artístico do que vai participar a partir daquel encontro. De Francia viaxa a América Central, asentándose na República Dominicana. Alí vai coñecer a André Breton, pai do movemento surrealista. En América tivo un interesante periplo que o levou a Guatemala, Porto Rico, Nova Iorque... Compaxinou a súa faciana de artista, participando en numerosas exposicións e acadando un notable prestixio, coa de escritor e mestre de filoloxía en diferentes institucións como  o Brookling College de NY. Tamén pasou unha etapa importante en París, onde se xunta co grupo de surrealistas que exporán as súas obras por todo o mundo. En 1985 regresa definitivamente a España, morrendo no ano 2001. A súa obra, que está representada nalgúns dos museos de arte moderna máis importantes do mundo, podémola gozar no Pazo de Bendaña, sé da Fundación Granell na praza do Toural compostelá. 

Granell foi o máis ortodoxo ou puro dos surrealistas galegos. A súa obra ven marcada pola ironía, o absurdo e a representación dos mundos oníricos ,e do máis recóndito da alma humana. As súas creacións artísticas teñen grandes doses de ironía e de crítica social. Albiscamos nelas unha profunda admiración por Picasso, que influíu moito no seu estilo; as numerosas figuras que poboan os seus cadros, de perfís ondulantes combinadas con ocos e a representación de múltiples facetas, recórdannos ás figuras picasianas. Os seus cadros acusan tamén un forte cromatismo, están cheos de cores vivas, brillantes e chamativas. Destacamos tamén os artefactos que creou a partir de obxectos diferentes que dexcontextualiza, moitas veces tomados directamente do lixo, onde vemos a influencia de artistas como man Ray ou Duchamp, mestres dadaistas cuxa obra Granell coñeceu en profundidade. Tamén fascínoulle a arte primitiva, africana e caribeña, sendo un gran coleccionista deste tipo de obxectos artísticos de carácter antropolóxico, que tamén admirou e imitou, imprimíndolles o seu propio estilo.

EUGENIO F. GRANELL, Contrabandistas pasando a fronteira 
(1974, Colección Caixanova)


OS NOVOS VIEIROS DA ARTE

Despois da II Guerra Mundial  prodúcese unha profunda transformación no panorama artístico internacional. As vangardas históricas, que viviran un amplo desenvolvemento na primeira metade do século, e que deixaban tras de si un panorama artístico radicalmente diferente, van ser superadas e substituídas pola arte abstracta, que vai a irromper con forza nesta altura.

A partir do traballo de artistas de vangarda como Klee, Mondrian e, sobre todo Kandinski, a arte vai perdendo a existencia dunha referencia visual na realidade que copiar ou na que inspirarse. A arte abstracta e herdeira, polo tanto, dos movementos de vangarda como o fauvismo, o cubismo, o expresionismo ou o construtivismo. A abstracción é a meta final do camiño cara a modernidade. É a culminación dunha aventura que comezara décadas atrás, cando os artistas comezan a cuestionarse os postulados académicos e a representación obxectiva e realista na arte. A partir de agora a arte será abstracta ou figurativa, dependendo da existencia ou non desa referencia á unha realidade concreta, xa sexa real ou imaxinaria. Aínda así, moitas veces a fronteira entre figuración e abstracción non vi estar de todo clara.

Prodúcense máis cambios. A guerra é un factor determinante a nivel económico, filosófico e cultural. Nova Iork substitúe a París como gran centro artístico e, sobre todo, como gran mercado da arte. A grandísima violencia, horror e destrución provocada pola guerra –e como paradigma da traxedia, o Holocausto- vai mudar para sempre o modo de pensar, a filosofía e as expresións culturais do mundo occidental. Non hai xeito de revivir aquela traxedia e na arte prodúcese unha fuxida, que vai desembocar no triunfo case absoluto da arte abstracta.

A arte dos nenos, a arte prehistórica e primitiva, a arte que xorde de xeito espontáneo, sen contaminar, sen influencias académicas e, por suposto, sen paradigmas nin condicionantes, vai ser a que se impoña na década dos 40 (o Art Brut de Dubuffet é un bo exemplo desta tendencia), ata que figuras como De Kooning ou Pollock leven ao Expresionismo Abstracto ao cumio do movemento artístico mundial, chegando a vender por grandes sumas de diñeiro uns cadros cargados de raias, cores, manchas, gromos, e incluso rachaduras que a maioría dos mortais non chegaron nunca a comprender.

A España, e tamén a Galicia, o movemento abstracto chegou tarde. O franquismo, durante as primeiras dúas décadas da ditadura, vai defender a existencia dunha arte academicista e tradicional, rexeitando tanto os movementos de vangarda da primeira metade do século, como a “perniciosa” influencia da arte moderna do momento, que se expresaba nunha linguaxe críptica e, polo tanto, perigosa. A este feito temos que engadir que os grandes artistas españois, con Picasso e Miró a cabeza, exiliáranse ao rematar a guerra. Precisamente foi un galego, Sotomayor, naqueles duros corenta director do Museo del Prado, o paradigma da arte preferido do réxime, e un gran belirexante contra a arte moderna e de vangarda. Tamén podemos, a modo de anécdota, comentar que foi outro galego, o noso querido Lugrís, o que decorou o interior do iate Azor do xeneralísimo Franco, feito que foi motivo de innumerables versións e anécdotas contadas polo propio protagonista a carón dunha cunca de viño do Ribeiro.

Nos anos 50 comeza a agromar os primeiros movementos artísticos que intentan, desde España, unirse á grande vaga da abstracción que dominaba o panorama internacional. É o caso do grupo El Paso ou de Dau al Set, e de artistas como Antonio Saura ou Millares, entre outros. O réxime pouco a pouco vai cedendo, e vai ir aceptando de vagar que se fagan exposicións, e que se convoquen premios que valoren este tipo de arte.

O panorama artístico en Galicia, no primeiro franquismo non foi moi alentador. Moitos dos mellores están exiliados, ou deciden afastarse de Galicia pola falta dun mercado da arte, dun ambiente intelectual, ou por falta de escolas e de mestres. Os Maside,  Lugrís, Cebreiro, etc. non van forman nin escola nin un grupo forte, sendo de destacar nestas décadas a labor de Seoane e Díaz Pardo no Laboratorio de Formas, como unha illa nun paraxe ermo. A maioría dos que teñen unha vocación artística deciden marchar, xeralmente a Madrid, e probar sorte lonxe de Galicia. Habería que esperar, pois,  ata os anos 70 para encontrar outra xeración de artistas galegos cun vencello entre eles e coa terra de orixe.

Haberá tamén un grupo de artistas galegos que se sumen ao movemento abstracto. Esta nova xeración está composta por artistas como Leopoldo Nóvoa, Manuel Mampaso, Molezún, José María Labra e Luís Caruncho, entre outros. Todos eles inícianse na arte fóra de Galicia, aínda que algún deles, como Nóvoa, vai acabar residindo durante moitos anos na súa terra natal.  Ese coñecemento dos movementos artísticos internacionais inflúen moito na súa forma de crear.

Luís Caruncho naceu na Coruña en 1929 e aos 11 anos trasládase a Madrid coa súa familia. Alí convertirase en artista e arquitecto, completando a súa formación en Francia e a través dunha serie de viaxes que o conectan coas últimas tendencias artísticas. Ademais de arquitecto e artista, Caruncho foi un intelectual que promove numerosas iniciativas, como a creación en Madrid da sala Kandinsky que el vai dirixir. Tamén ocupou cargos de responsabilidade no ámbito da política cultural en Madrid. A súa obra evoluciona desde a figuración ata a abstracción, froito da experimentación coas formas, os materiais, a luz, as cores e as tres dimensións, encadrándose dentro do que chamamos a abstracción xeométrica. Non obstante supera a certa frialdade que en moitos casos presenta este tipo de arte, sendo quen de aportar emoción e harmonía ás súas composicións.

José María Labra vai ser un dos mellores representantes da abstracción xeométrica a nivel español. Naceu na Coruña en 1925 e formouse en Madrid. Compaxinou a súa labor de artista plástico co deseño industrial, feito que influíu na súa obra. A súa obra presenta sempre unha excelente feitura, e un xogo de procedementos artísticos e de uso de materiais non convencionais que nos falan do gran afán experimentador do autor. Outra corrente da súa arte vai ser máis monocromática, experimentando cos efectos da luz na propia obra, xogando tamén coa tridimensionalidade da obra e rompendo a tradicional barreira entre pintura e escultura.

JOSÉ MARÍA LABRA, Lumbre (1984, Colección Caixanova)
Manuel Mampaso, tamén nacido na Coruña, e tamén emigrado a Madrid sendo novo, e formado na capital, vai ser o representante do expresionismo abstracto, aínda que tamén practicou outras disciplinas de xeito sobresaínte como o debuxo ou a creación de escenografías para teatro. A súa é unha pintura moi xestual e intuitiva, chea de intensas e enérxicas manchas que provocan a creación de diferentes texturas nun mesmo lenzo.

Leopoldo Nóvoa é un dos artistas galegos de máis recoñecido prestixio no século XX e XXI. Nacido en Salceda (Pontevedra) en 1919, a súa traxectoria vital e formación vanse desenvolver lonxe de Galicia, concretamente en América e en París. Na súa etapa de madureza vai visitar a terra que o veu nacer, concretamente a aldea de Armenteira, cada vez con máis frecuencia, ata que decide instalarse alí, onde segue a traballar aos seus máis de noventa anos. A súa obra, que foi exposta en multitude de exposicións e museos americanos e europeos, presenta algunhas diferencias coa dos autores que presentamos con anterioridade. Nóvoa xoga cos materiais e as texturas, rompendo a bidimensionalidade do cadro ou do mural, adherindo diferentes materiais á superficie, e conseguindo efectos sorprendentes. Utiliza paleta de cores moi reducida: o branco, o negro, as terras e o vermello oscuro serán os protagonistas dunhas creacións que nos introducen no campo da arte conceptual . Nas súas creacións repítense unha serie de iconas que, ademais das suas calidades estéticas, posúen un valor simbólico: cruces, arame de espiño, cordas, etc.

O movemento artístico da abstracción non elimina a arte figurativa. Moitos artistas non se identifican coa abstracción e continúan a traballar en base a unha referencia na realidade. De feito, a partir dos anos 60, ábrense novos vieiros dentro da figuración, destacando, por riba de todas as tendencias, a Arte Pop, que triunfa nos países anglosaxóns. A maioría dos artistas figurativos seguen as tendencias que abriran os artistas de vangarda na primeira metade do século. Figurativo, entón, non quere dicir realista. A través da manipulación das cores, das formas, das composicións, das dimensións, das texturas, etc. os artistas expresan ideas, pensamentos, sentimentos... como fixeran con anterioridade os expresionistas, os surrealistaas, os fauvistas,os futuristas... Algúns artistas de orixe galega non se deixaron seducir por completo pola grande vaga abstracta, e seguiron traxectorias vencelladas á nova figuración, que por outra banda, tamén se espalla na arte internacional a partir dos 70. É o caso, por exemplo, de Tino Grandío, cuxos cadros cargados de tons grises reflicten a tristura e a mediocridade da vida baixo o franquismo. Tamén é o caso dunha Maria Antonia Dans, excelente pintora de paisaxes, creadora dunha pintura deliberadamente inxenua, que se amosa íntima e bucólica, lembranza da súa nenez en Galicia. E como nexo cara a seguinte xeración, destamos a Xaime Quessada, un artista cunha traxectoria impresionante en cantidade e, sobre todo en variedade e calidade. Tivo unha vida moi axitada, sendo case un nómade da arte. Coñeceu a obra dos artistas más destacados do momento, como a Picasso, ao que admirou e homenaxeou na súa obra. Quessada formou grupo en Ourense (alcumado por Risco como “Os artistiñas”) con xente como Xosé Luis de Dios, Buciños e Acisclo Manzano, entre outros, sendo os predecesores do movemento modernizador que xurdiu con Atlántica.



XAIME QUESSADA, O garrote (1970, Colección Caixanova)
REXURDE O ESPÍRITO: O GRUPO ATLÁNTICA

En 1980 xorde en Galicia a iniciativa Atlántica, coa intención de relanzar a plástica galega, asumindo que desde a nosa terra podíase facer arte de calidade e desde uns presupostos modernos. O detonante foi unha exposición celebrada en Baiona no verán de 1980. Alí exponse a obra dun grupo de artistas que pretendían dar a coñecer as últimas tendencias artísticas que se producían en Galicia. A partir deste primeiro xérmolo, producíronse nos seguintes anos unha explosión de creatividade e outros artistas galegos foron participando nas xuntanzas e mostras colectivas organizadas nas principais cidades de Galicia.

MENCHU LAMAS, Sombras (1994, Colección Caixanova)
O movemento que supuxo Atlántica hai que enmarcalo no desenvolvementos dunha serie de iniciativas que tiveron lugar co cambio de réxime e coa creación da Autonomía de Galicia, feito que provocou a valorización dos creadores culturais de Galicia en Tódolos ámbitos; foi un dicir: “Aquí estamos, somos galegos, somos modernos, e temos moito que dicir”. Os autores de Atlántica continuaron cada un coa súa traxectoria, que en todo caso sempre foi moi persoal. Neste sentido, non podemos falar de xeración de artistas que comparten unhas características en común, máis alá do seu interese por poñer en valor a arte que se facía desde Galicia. En palabras de Xabier Seoane «Atlántica non é unha escola, afortunadamente. E líbrenos deso o demo. É, en todo caso –se nos empeñamos en catalogala- un movemento, un espírito, unha vocación de presenza. Pretende constituírse esencialmente como un colectivo humano e plástico xeracional e en marcha. O marabilloso da súa actitude é o seu dinamismo, a súa vitalidade, o seu alento esperanzado nun momento en que a cultura de occidente adoece de cansazo»[4]

Participaron en Atlántica unha morea de artistas de orixe galega, moitos dos cales seguen en activo hoxe en día. Destacamos algúns nomes como: Xaime Cabanas, Correa Corredoira, Alberto Datas, Antón Goyanes, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Quintana Martelo...

QUINTANA MARTELO, Anatomía do obradoiro 
(1995, Colección Caixanova)
A CONTINUACIÓN (E TAMÉN A RUPUTURA) NA TRADICIÓN ESCULTÓRICA

Desde a segunda metade do século XX ata a actualidade un grupo de creadores plásticos galegos optaron pola escultura como modo de expresión artístico, ben de xeito exclusivo, ou ben combinándoo coa pintura, a estampa ou outras disciplinas. Son os continuadores, polo tanto, dunha tradición escultórica que se remonta no tempo durante moitos séculos. Neste curso fomos vendo como, se na pintura os artistas galegos tardaron en despuntar, na escultura temos unha traxectoria consolidada, ben a través das grandes obras mestras (e como paradigma o Pórtico da Gloria), ou ben a través de obras xurdidas das mans de escultores e canteiros anónimos que encheron de esculturas e cruceiros as igrexas, as vilas e as aldeas de Galicia.

 FRANCISCO LEIRO, Recolectoras 
(Colección Fundación Caixa Galicia)
Hai unha continuidade, sobre todo a través do respecto que moitos dos artistas van a sentir car ao materiais tradicionais da escultura galega (granito e madeira de carballo), e tamén hai unha ruptura que se fai evidente a través da obra daqueles escultores que investigan con novos materiais. Desde Helena Colmeiro, pasando por Silverio Rivas, Francisco Leiro, Ignacio Basallo, Manolo Paz, Acisclo Manzano, Xabier Toubes, Pamen Pereira ou o xenial Paco Pestana, todos eles contribuíron, e moitos deles seguen a contribuír, a manter acesa a tradición escultórica na nosa terra. Seguindo, cada un, os seus propios camiños e presupostos estéticos.

ACISCLO MANZANO, Dona das lagoas (Museo de Belas Artes da Coruña)
ARTISTAS GALEGOS NA ACTUALIDADE

A arte galega na actualidade non se pode disociar do panorama artístico internacional. A arte, a partir dos anos 80, toma un novo xiro. A arte actual non se entende sen elementos herdados e tamén novos que a converten nun elemento de referencia na era da posmodernidade. Os artistas convértense en críticos da sociedade, ante a imposibilidade dos medios de masas de se independizar dunha realidade de cote manipulada, e dun sistema que os converte en axentes da manipulación. O artista actual é, en xeral, provocador, crítico, irónico, mordaz, radical, investigador, innovador... Está sempre na procura dunha verdade esencial, tratando de transcender ao hiperdesenvolvemento da cultura visual, que hoxe en día está enfocada a manipular ao espectador, e a convertelo nun consumidor sen unha visión crítica da realidade.

XURXO ORO CLARO, Espacio líquido (2001, Colección Caixanova)
Ademais, cómpre subliñar que nas últimas décadas, prodúcese en Galicia unha mellora substancial tanto na formación de artistas como no propio mercado da arte. Nestes derradeiros trinta anos abren algunhas galerías que van ofrecer aos coleccionistas a posibilidade de adquirir obra en Galicia (Ad hoc, Trinta, Bacelos, SCQ...). Multiplícanse en Galicia os concursos, certames e mostras artísticas, destacando a Bienal de Pontevedra. Ademais temos en cernes unha feira de arte que tenta de acadar o seu espazo. Por outra banda, ás antigas escolas de artes e oficios hai que unir a creación da facultade de Belas Artes en Pontevedra (precisamente unha das características da creación contemporánea e a excelente feitura, tratamento, proceso técnico e acabado da obra). É fundamental, tamén, o crecemento das coleccións, sobre todo a nivel institucional, destacando as colección formadas polas fundacións Caixa Galicia, Caixanova e Barrie. Así mesmo, resulta fundamental a apertura de novos centros museísticos relacionados coa arte moderna: O MACUF, o MARCO,e, por riba destes, o CGAC, o gran centro coleccionador e difusor da arte moderna en Galicia, a pesar da súa irregular traxectoria.

TONO CARBAJO, Corazón, andamios e cristais (2002, Colección Caixanova)
Son artistas galegos recoñecidos na actualidade, ademais dalgúns dos citados con anterioridade, e ademais doutros moitos que por mor do espacio deixamos inxustamente fora: Roberto González, Tono Carbajo, Jorge Cabezas, Din Matamoro, Rubén Ramos Balsa, Xurxo Oro Claro, Antonio Murado, Fernando Casás, Jorge Barbi, Darío Basso... Con todos eles Galicia consolida a súa posición, periférica mais non illada, no panomarama artístico internacional, neste incerto comezo do século XXI, nos que a función social da arte e da cultura teñen moito que nos dicir e amosar.


[1] ANTÓN CASTRO: El hermetísmo de la posguerra, En Galicia. Arte. Ed. Hércules, Proxecto Galicia, Tomo XVI, A Coruña, 1999 (46)
[2] ANTÓN PATIÑO: Cartografía del sueño [viaje transoceánico a Urbano Lugrís], en “Urbano Lugrís, viaje alrededor de mi mundo”, Catálogo da exposición; Circulo de Bellas Artes de Madrid, Fundación Caixa Galicia, 1997. (p.30)
[3] GÓNZALEZ-ALEGRE, Alberto; op. cit. [nota 1], (p.32)
[4] DAVID BARRO e CARME VIDAL (coord:): Voces de Atlántica, Ed.Galaxia - MARCO, Vigo, 2005 (13)

19 abr 2010

18. A CULTURA NA EMIGRACIÓN E NO EXILIO

A emigración foi un proceso histórico que deixou unha fonda pegada na cultura de Galicia. Estamos diante dunha circunstancia que afectou a milleiros de familias desde a segunda metade do século XIX ata máis dun século despois. Ademais das consecuencias sociais e económicas que supuxo, a nivel cultural ten unha gran relevancia, pois foi precisamente en América onde agromaron un bo número de iniciativas culturais relacionadas coa terra nai, ademais do sentimento galeguista.

A todas estas iniciativas hai que sumar dous feitos tracendentais: a presenza no exterior de destacados intelectuais emigrados e exiliados, e o xurdimento de asociacións de carácter cultural e social nas principais capitais da emigración galega, que axudaron a manter a galeguidade no exterior ata os nosos días, ademais de financiar numerosos proxectos en Galicia.

Nesta clase faremos un repaso do que supuxo o fenómeno migratorio en Galicia; veremos cal foron as iniciativas culturais xurdidas fora da terra, coñeceremos o alcance e os principais actores do exilio galego e, por último, achegarémonos á figura de Luís Seoane, un dos personaxes senlleiros desa cultura galega no exterior.

A EMIGRACIÓN: O PROCESO HISTÓRICO

Cando falamos de emigración galega estamos a facer referencia a un proceso longo no tempo, con multitude de orixes, destinos, tempos e causalidades. En Galicia hai procesos migratorios, tanto de chegada como de saída, desde a prehistoria ata os nosos días. Non é o noso propósito facer un repaso extenso da historia das migracións na nosa terra, pois non é este o obxecto do curso nin temos aquí o espazo suficiente para abordar o tema. Ímonos centrar, pois, na emigración masiva da idade contemporánea e na súa relación coa cultura.

Un fenómeno de natureza diferente, e que tamén abordaremos na segunda parte desta clase será o exilio producido tras o golpe de estado do xeneral Franco no ano 1936, que obriga a milleiros de galegos a ter que abandonar o seu país se non queren ser asasinados ou encarcerados. Será este un fenómeno máis cualitativo que cuantitativo, pois moitos dos mellores intelectuais galegos abandonan a terra, algúns para non volver máis. A este grupo hai que sumarlle o coñecido como exilio interior que sofre a censura, a represión e o medo provocado polos vencedores da guerra civil e as súas armas.

Desde aproximadamente os anos 80 do século XIX, ata aproximadamente finais dos 60 do século XX (con unha paréntese entre os anos 30 aos anos 50), o fenómeno migratorio supón un feito de carácter estrutural en Galicia, que vai a alterar profundamente as condicións económicas e sociais, e vai influír de xeito moi importante na cultura do país.

Por qué emigraron tantos galegos a América? Non hai unha soa resposta única que xustifique esta emigración en masa desde a década de 1880. Os expertos falan de varias motivacións que provocaron que moitos homes galegos deixaran a terra nesta altura.

En primeiro lugar temos que aclarar que Galicia era un dos territorios máis poboados da Península Ibérica, polo que existe unha presión demográfica sobre a terra. Outro dos factores da emigración é o tamaño cativo das cidades galegas e a súa escasa industrialización, o que provoca que o excedente do campo non sexa absorbido pola cidade. En terceiro lugar hai que explicar que a estrutura económica e social do campo galego, coa familia extensa como base de organización social e célula económica, favoreceu a existencia de estratexias migratorias familiares (pois a decisión de emigrar xeralmente se tomaba no seo da familia, e non por vontade individual). Só emigra quen pode, non quen quere, xa que a pasaxe era cara e se precisaba dun apoio económico ou de certa capacidade de aforro que os xornaleiros sen terra casteláns e andaluces, por exemplo, non tiñan. O atraso tecnolóxico e a falta dunha vocación cara o mercado do agro galego é outra das causas que explican este proceso, en parte pola propia idiosincrasia do noso rural e en parte pola situación periférica e a falta de mercados e deficiencias nas comunicacións (a pesar da chegada dos camiños de ferro e dun florecente mercado de carne xusto nesta etapa).

Pero para que un proceso migratorio deste calibre se produza aínda se precisan máis factores. A emigración cara América é, nas décadas finais do século XX, un fenómeno que abrangue a moitos territorios europeos. Neste sentido, a migración galega, sendo importante, non acadou as cifras porcentuais de Irlanda ou das rexións meridionais de Italia. Os países de acollida presentan oportunidades e facilidades para os que chegan. A imaxe do emigrante aventureiro ten a súa parte de mito, xa que as cadeas migratorias e os círculos de solidariedade funcionaron para dar seguridade ao emigrante. Galicia ofrecía, ademais, a facilidade de contar cos portos de A Coruña e Vigo como puntos regulares de embarque. Nestas décadas percorrían as aldeas galegas os  ganchos, un grupo de axentes comerciais que ofertaban pasaxes a América aos labregos galegos.

A estas explicacións hai que unirlle os efectos negativos da política exercida desde o goberno de Madrid co respecto a Galicia en dous aspectos concretos: a política fiscal e o as levas militares. No tocante aos impostos, os labregos galegos tiveron que aturar un sistema fiscal que afogaba as economías domésticas, pois ademais tiñan que atender as rendas dos foros. Máis grave foi o asunto das levas militares. O goberno español, teimudo en manter un imperio colonial en decadencia, enfrascouse nunha serie de guerras en Marrocos e Cuba que provocaron milleiros de mortes e de homes desprazados. En tempos de guerra, o servizo militar duraba oito anos. Nunha clase anterior xa vimos en que lamentable estado volvían os nosos da guerra de Cuba polos portos da Coruña e Vigo. O sistema de recrutamento foi tremendamente inxusto e ceibouse cos mozos galegos, como apuntan os estudios do historiador Carlos Sixirei. Moitas das saídas de mozos galegos poden explicarse tamén polo desexo de librarse do servizo: «Por exemplo, no reemprazo de 1853, dos 25.000 soldados da quinta, A Coruña proporcionaba 1.047 homes, o que representaba o cupo máis numeroso do Estado despois do de Barcelona (1.070). A provincia galega que menos aportaba, Ourense, con 645 mozos, superaba a cantidade que lle correspondía a Madrid (592)»[1] 

Ademais do apuntado con anterioridade, cómpre citar as causas que teñen que ver coa mentalidade e a motivación psicolóxica dos emigrantes. O afán por mellorar as condicións de vida, o espírito de aventura, a presión de vivir nuns fogares moi poboados onde existen roces, etc. son causas que non podemos cuantificar en que medida viñeron a intensificar o caudal migratorio. Xunto a estas razóns de índole máis ou menos persoal, hai en Galicia unha tradición que apunta ao carácter dos galegos, máis pragmático que rebelde. Desde Castelao ao profesor X. M. Beiras esgrimiuse en multitude de ocasións a explicación de que o “galego non protesta, o galego emigra”, causa que pode axudar a entender a emigración pero que non a explica en si mesma.

Facer un cálculo da cantidade de persoas emigradas desde Galicia a outros lugares non resulta doado, debido á debilidade das fontes estatísticas da época. Sabemos que foi un fenómeno que afectou a milleiros de persoas, tendo en conta o número de pasaxeiros que embarcaban a cotío desde os peiraos coruñés e vigués.  Calcúlase que entre o anos 1800 e 1970 máis de dous millóns de galegos emigraron. Entre 1850 e o ano 1900, foron máis de medio millón de saídas, sendo o destino preferencia a illa de Cuba. Desde 1910 ata 1970 as cifras son máis fiables, calculándose que as saídas de galegos foron en torno ao 1.400.000 persoas, que supoñen o 34% da emigración española. Os anos álxidos da emigración foron as décadas de 1910 a 1930, predominando o cono sur americano (principalmente Bos Aires e Montevideo) como destino. No prazo de 20 anos abandonaron Galicia máis de 700.000 persoas.

Os destinos foron mudando co tempo. Nas últimas décadas do século XIX o destino máis popular era Cuba, que ata 1898 pertenceu á coroa española. A partir da entrada no século XX Arxentina foi tomando o relevo. Outros lugares de emigración galega antes da guerra civil foron Brasil, Uruguai e os EUA (este país coa lóxica barreira idiomática, se ben moitos dos galegos que foron a América Latina apenas falaban algo de castelán). Para o exilio, e na década dos anos 40, abríronse novos destinos americanos. México, co seu presidente Lázaro Cárdenas foi un país ao que o republicanismo español ten que estar eternamente agradecido pola excelente acollida que ofreceu naqueles duros anos. Tamén nesta época fórmase a vizosa colonia galega en Venezuela. Os anos 50 e 60 serían os da emigración a Madrid, Barcelona, Euskadi, Suíza, Alemaña e Inglaterra, restrinxíndose moito os destinos americanos.

O perfil do emigrante é un home só (solteiro ou casado que deixa familia en Galicia), de orixe rural, que emigra por motivacións económicas e que posúe unha escasa formación intelectual. Evidentemente, hai milleiros de casos que non se axustan a este perfil, como é o caso dalgúns dos intelectuais que temos visto neste curso como Curros, Cabanillas, Basilio Álvarez, Lugrís Freire, Castelao, Seoane, Colmeiro, etc. Déronse moitas situacións nas que o éxito na aventura propicia o retorno ou que a familia poda acompañar ao varón emigrado. Houbo moitos casos tamén nos que o emigrante morre na indixencia, ou regresa a Galicia fracasado. A pesar da distancia, mediante a correspondencia e as liñas regulares de vapores, mantívose o contacto entre as familias que estaban separadas polo Atlántico.

As condicións en que chegaban os nosos a América foron especialmente malas. Despois dunha longa viaxe eran desembarcados nun ambiente moi diferente ao que vivían. A maioría eran analfabetos reais ou funcionais. A súa orixe rural facíaos pouco aptos para o traballo cualificado na cidade, téndose que ocupar das tarefas que ninguén quería. Saír da chambra e ter unha casa propia era unha utopía para a maioría, que se deslombaron por un salario moi baixo que aínda por riba tiña que compartir coa súa familia en Galicia. Malia estas malas condicións de partida, veremos como os galegos foron quen de progresar no exterior grazas á súa solidariedade e capacidade de asociación, e como todas estas institucións que crearon serviron para ir mellorando as condicións.

Debemos ter en conta que o proceso dilatouse no tempo durante moitas décadas e as condicións foron mudando. Non é o mesmo o estado dos primeiros que chegaron a traballar na zafra a Cuba, en réxime de semiescravitude, ao emigrante que chegaba a Bos Aires nos anos 20 e atopaba o apoio e a solidariedade das asociacións de emigrantes, que lle facilitaban atopar emprego, vivenda, asistencia sanitaria, e incluso formación e espacios de sociabilidade.

Como valorar a emigración galega? non existen respostas simples, e cada quen pode tirar consecuencias ben diferentes deste feito que pasa por ser o feito máis importante para explicar a historia contemporánea de Galicia .

A emigración foi fundamental desde o punto de vista económico. As remesas de diñeiro enviadas desde América ata a década dos 30 permitiron subir ao nivel de vida dun mundo rural que vivía en moitos casos en condicións precarias. Cando en 1925 suprímense os contratos forais, moitas familias poden acceder á compra de leiras e montes grazas aos cartos enviados desde América. É certo que foi un proceso que axudou a mellorar a economía e a aliviar a situación de moitas familias, pero esta mellora se fixo grazas a entrada de rendas, e non a unha modernización e mellora da eficacia do sistema produtivo (aínda que nos anos 60 e 70 os cartos do exterior si serviron ara unha tecnificación agrícola).

A emigración tamén mudou o panorama da sociedade galega. En primeiro lugar porque alterou a composición social de moitas comarcas galegas, ao baleiralas de varóns en condicións de traballar. Ademais de quedar en superioridade numérica, as mulleres galegas asumiron cargas de traballo e responsabilidades que noutros lugares non eran habituais. Os Colmeiro, Laxeiro, Torres, Maside, etc. reflectiron con agarimo nos seus lenzos a estas mulleres galegas que levaron con nobreza e tesón o peso da casa, esas “viúvas de vivos” ás que cantou Rosalía.

Tamén temos que destacar que América serviu como horizonte e como esperanza en moitos casos. Unha vía de escape ante as arelas de mellorar ou simplemente de fuxir dunha vida non desexada. Tamén foi vieiro de progreso e de fortuna en moitos casos. Centos de galegos con iniciativa, audacia e bo tino fixo grandes fortunas no estranxeiro, pasando a formar parte das elites económicas de Arxentina, Venezuela, Uruguai, México... Moitos destes homes da emigración non se esqueceron da súa terra e financiaron obras sociais que melloraron a calidade de vida nas comarcas que os viron nacer.

Por outro lado, a emigración foi o camiño polo que entraron en Galicia cartos e ideas para un desenvolvemento cultural que vai propiciar unha das etapas máis brillantes da nosa cultura. Cos cartos reunidos en América fixéronse escolas, financiáronse publicacións, fundouse a Real Academia Galega, etc. Ne emigración ergueuse a bandeira galega e soou por vez primeira o himno. Moitas veces o sentimento de pertenza á terra e á cultura galegas agromou nas almas dos que se marcharon dela, antes da dos que a tiñan diante e non se decataban. De seguido veremos como se organizou todo este movemento cultural que ten nexos entre o interior e o exterior.

Porén, nos máis dos casos a emigración supuxo unha traxedia. O desarraigo familiar foi unha das consecuencias fundamentais a nivel individual. Ter que abandonar a terra, en moitos casos deixando a familia atrás e chegar a un mundo completamente novo, e ademais sen estar preparado para elo, foi unha proba durísima para milleiros de galegos e para a xente que deixaban atrás.

Que centos de milleiros de persoas tivesen que abandonar o país foi, tamén,un fracaso a nivel colectivo de Galicia. Unha terra asoballada, incapaz de erguerse ante as inxustizas que viñan de dentro e de fóra, viu na emigración unha vía de escape ante estas inxustizas. En último caso foi un factor que, a pesar das rendas vidas do exterior, demorou o camiño cara a modernidade dunha terra onde aínda hoxe en día progrésase de vagar.

No tocante ao exilio, cando os milleiros de homes e mulleres que abandonan Galicia polas súas ideas (non pola súa situación económica), prodúcese un encontro entre dous comunidades que teñen a mesma orixe territorial pero que son moi diferentes. O peor foi o choque cultural entre un exilio político que denuncia as inxustizas, a falta de liberdade e o atraso económico de Galicia, e unhas comunidades no exterior que, en moitos casos, a través das direccións das Asociacións e Centros galegos, lle facían o xogo ao goberno ditatorial, adquirindo sen cuestionarse a mensaxe dunha Galicia idílica que  non existía máis que na imaxinación dos propagandistas dun réxime opresor, cruel e inxusto.

No lado positivo temos que valorar que a cultura galega puido sobrevivir no exterior grazas a uns gobernos que lle deron a liberdade de expresión que en Galicia a censura lle negaba. Se no interior a cultura galega atravesa unha longa noite de pedra ata o desenvolvemento do grupo Galaxia, en lugares como Bos Aires ou México, a cultura galega amosarase vizosa como nos tempos anteriores a guerra civil.

EMIGRACIÓN E CULTURA

A cultura galega débelle moito ao impulso que lle deron as comunidades de emigrantes no exterior. As asociacións e centros galegos, que se van desenvolver en todas as cidades onde existen grupos de galegos, xorden pola pura necesidade de supervivencia e axuda mutua, mais axiña van cumprir diferentes funcións que rebordan a labor asistencial, e van acadar unha proxección moi ampla.  Estas institucións serviron como centros difusores da cultura galega.

A presencia de intelectuais galegos na diáspora é outro elemento que caracteriza a cultura galega no exterior. Ben sexan emigrados de finais do XIX e principios do XX, ou exiliados a partir do 1936, a súa presencia enriqueceu a labor cultural do exterior. A súa produción intelectual tivo tamén o seu reflexo no interior.

O rexionalismo, o agrarismo e incluso o nacionalismo son movementos políticos e culturais moi relacionados con estas comunidades exteriores. A prensa xogou un papel eficaz no espallamento destas ideas, sendo moitas e de moita calidade as publicacións xurdidas desde a emigración.

A EMIGRACIÓN A CUBA

Cuba é o primeiro gran destino da emigración galega. As condicións en que chegaron á illa os primeiros emigrantes galegos foron lamentables, pois moitos deles chegaron a substituír a man de obra escrava que na altura da metade do XIX era difícil de conseguir. Para a historia negra de Galicia quedou a figura do ourensán Urbano Feijoo Sotomayor, que enganou a 1.700 galegos aos que lle ofreceu pasaxe, roupa, tres meses de aclimatación, un contrato de traballo ben remunerado por cinco anos e asistencia sanitaria. Ao chegar a Cuba os galegos foron aloxados en barracóns e obrigados a traballar quince horas diarias. En seis meses morreron cincocentos daqueles labregos galegos, e o resto fuxiu da compañía de Feijoo. Este é un caso estremo, porén, serve para ilustrarnos sobre a calidade de vida destas primeiras comunidades galegas na illa caribeña.

Cumpría, pois, ser solidarios, axudarse entre galegos, para saír adiante. É así como xorden as primeiras asociacións de emigrantes, seguindo o exemplo doutras que xa existían como a dos cataláns. O asociacionismo galego en Cuba foi un movemento moi forte; foi no exterior onde os galegos acadaron a capacidade de unirse, de organizarse, de formar comunidade e de sentirse orgullosos do seu.

A comunidade galega en Cuba foi medrando ata o punto de se converter na máis importante en canto a número, superando a asturianos e a canarios a principios do século XX. A Habana foi o destino principal, e as actividades urbanas foron substituíndo paulatinamente á agricultura.

En 1871 nace a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia coa función de axudar a aqueles galegos que se vexan abocados á indixencia. Na súas bases recollíase a intención de “Proteger a sus asociados  y proporcionar socorro a los naturales de Galicia y a sus familiares que se encuentren necesitados»[2] . Esta Sociedade mutualista sería a primeira dunha serie de institucións que se multiplicaron pola illa.

De seguido comeza a desenvolverse unha actividade cultural na cidade da Habana, e que se centrou no folclore galego e na actividade xornalística. No eido periodístico destacaron publicacións como La gaita gallega, de moi curta vida pero pioneira na edición de corte galeguista en Cuba. Destacou tamén El eco de Galicia, unha revista semanal que se editou durante 23 anos e que sería o órgano de expresión do rexionalismo na illa, fundada por un dos grandes activistas a prol da cultura galega como foi Waldo Álvarez Insua. A labor deste personaxe e da revista que dirixía foi fundamental para a fundación do Centro Galego na Habana. En xeral, a prensa no exterior e, sobre todo en Cuba, tomou un cariz máis progresista e reivindicativo que a prensa que se editaba en Galicia. A maioría das revistas foron órganos de expresións das comunidades e asociacións que os auspiciaban, sen se meter a fondo en temas políticos e sociais locais. Outras tiveron un carácter máis político e tamén cultural.

Algunhas publicacións foron senlleiras porque nelas traballaron importantes intelectuais desprazados ás illas; este é o caso de La tierra Gallega, dirixida por Manuel Curros Enríquez. En el Eco de Galicia colaboraron puntualmente, entre outros, Murguía, Pardo Bazán, Concepción Arenal, Alfredo Brañas, Sofía Casanova... Outra das publicacións máis destacadas desta etapa foi A gaita gallega, publicada por Ramón Armada Teijeiro e por Lugrís Freire (que asinaba co pseudónimo Roque das Mariñas) a partir de 1885. Estaba escrita en galego, e posuía un carácter eminentemente satírico. No tocante ao idioma, moitas publicacións foron bilingües, usando o galego para a parte literaria e redactando as novas en castelán.

En 1880 fúndase o Centro Galego da Habana, que en 1885 tiña xa máis de catro mil asociados, e que en 1920 chegaría a contar con 64.000 afiliados. O centro proporcionaba asistencia sanitaria aos seus asociados, e ademais era un centro de instrución e recreo, onde se xuntaban os galegos no seu tempo de lecer. Alí tecéronse redes sociais e grupos de solidariedade entre os galegos procedentes de diferentes comarcas. O centro serviu tamén como centro difusor do folclore a cultura galega. No ano 1906 comeza a construción do emblemático palacio que foi sé do centro ata a revolución cubana,un dos predios máis belos e luxosos de toda América latina. Nesta altura xurde tamén a Caja de ahorros y Banco Gallego, onde milleiros de galegos depositaron os seus aforros, e que permitiu financiar a obra do centro. O edificio converteuse nun símbolo, nun orgullo para os galegos que emigraran a Cuba e que personificaban no edificio o éxito da comunidade galega de alén mar. 

O Centro Galego da Habana foi o paradigma da multiplicade de actuacións das asociacións galegas da diáspora. Vencellado ao centro, creouse o sanatorio La Benéfica, que daba cobertura sanitaria aos asociados. Creouse un centro de instrución, cunha escola primaria, e con formación para adultos. A Agrupación Artística Gallega, tamén pertencente ao centro, contou cun orfeón, unha orquestra filharmónica e cun grupo de declamación (Saudade).

O Centro galego favoreceu as relacións con Galicia e a axuda ao interior do país. Un caso notable foi o apoio que recibiu Rosalía de Castro nos últimos anos da súa vida, e o espallamento do seu Follas Novas pola illa. Cando morre Rosalía, xurde de Cuba a iniciativa de crear o Panteón de Galegos Ilustres.

As relacións culturais de Cuba e Galicia, e o vencello da intelectualidade galega na illa co rexionalismo intensifícanse  a partir da última década do XIX. Unha das iniciativas que Galicia lle debe a esta comunidade foi o apoio económico á creación da Real Academia Galega, iniciativa de Xosé Fontenla Leal, que creou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. Outro dos feitos sobranceiros desta comunidade foi a interpretación, o 20 de decembro de 1907, no Teatro Tacón da Habana, e por vez primeira, do Himno Galego, con música de Pascual Veiga e texto de Pondal. Tamén consta que a abandeira galega foi ergueita, por vez primeira, en Cuba. O pano branco coa franxa azul celeste foi adoptada, segundo una coñecida versión, da Comandancia do Porto da Coruña, sendo esta a última bandeira que vían os milleiros de emigrantes que saían do peirao coruñés cara a Habana.

A educación converteuse nun obxectivo fundamental para as comunidades galegas do exterior, conscientes de que o baixo nivel intelectual dos galegos, no interior e na emigración, actuaba como un lastre para o desenvolvemento do país. Ademais das iniciativas para as comunidades da diáspora, desde as asociacións, ou ben a nivel individual a través das accións filantrópicas de emigrantes ricos, fomentouse a creación de institucións educativas en Galicia. Hoxe en día aínda son visibles na paisaxe galega eses predios dunha arquitectura requintada e tan diferente á tradicional de Galicia. Casas privadas e edificios públicos que os indianos edificaban na súa terra natal.

No Centro da Habana houbo clases nocturnas de alfabetización, xa que a gran maioría dos chegados illa eran analfabetos ou tiñan unha alfabetización moi precaria. O emigrante interesouse axiña pola aprendizaxe, fundamental para poder ter un posto de traballo na cidade, ler a prensa que publicaba novas do seu interese ou manter unha correspondencia habitual con Galicia. No ano 1904 máis de 3.000 alumnos recibían clases no Centro Galego da Habana, non só de alfabetización, tamén de oficios e de disciplinas artísticas e culturais como a música e o baile. As clases do Centro Galego estiveron abertas ás mulleres, que puideron cursar os mesmos estudios que os homes.

A outra faciana desta teima educativa da comunidade galega en Cuba foron as Sociedades de Instrución organizadas polos emigrantes, e que encargaron de abrir escolas e centros educativos nas bisbarras galegas de procedencia. Foron máis de duascentas escolas abertas en toda Galicia. Esta importante labor substituíu a nula preocupación educativa do estado español, sobre todo no ámbito rural. As zonas de maior implantación teñen que ver coas zonas de emigración desta etapa, destacando as comarcas litorais  coruñesas e a mariña lucense (na zona do partido Xudicial de Viveiro chegáronse a construír máis de 25 escolas nesta etapa).

Á sombra do que foi o gran centro galego na Habana, xurdiron unha serie de asociacións de carácter comarcal e incluso parroquial, que en moitas ocasións tiveron un carácter anecdótico e unha vida efémera. Detrás desta riqueza asociativa, houbo en moitas ocasións enfrontamentos de personalidades e de ideas, e disputas entre as diferentes institucións. O paradigma de estes problemas xurdidos no seo da comunidade foi a morte de Curros, que tivo lugar no “exilio” do hospital do centro asturiano, debido ás súas disputas co centro galego.

O panorama dunha illa na que os galegos eran capaces de asociarse, prosperar e crear institucións serviu de acicate e de chamada para un grupo de intelectuais que emigraron durante esta etapa a Cuba: alí estiveron, ademais de Curros Enriquez e Lugrís Freire, personaxes como Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, o músico Chané, o citado con anterioridade Fontenla Leal, o líder agrarista Basilio Álvarez, etc. A confluencia de personaxes, moitos dos cales retornaron aos poucos anos a Galicia, fixo agromar na illa unha serie de movementos políticos rexionalistas primeiro, e abertamente nacionalistas despois, como foi o caso da Irmandade Nazonalista Galega, fundada en 1922. Porén, nesta altura o destino nas Antillas perdera xa boa parte do seu poder de atracción e milleiros de galegos emigraban en masa cara Arxentina e Uruguai.


EMIGRACIÓN AO RÍO DA PRATA

Bos Aires, capital da República Arxentina é o paradigma de cidade multicultural que medrou e formou a súa personalidade en base á emigración. Esta cidade pasou de 300.000 habitantes en 1850 a máis de tres millóns en 1930, grazas á grande vaga migratoria chegada de Europa, á que Galicia contribuíu de xeito moi importante. A chegada en masa dos galegos ao Río da Prata produciríase a partir de 1880, mais, na elite económica e política arxentina do século XIX aparecen multitude de apelidos de orixe galega, o que indica unha emigración temperá desde a nosa terra cara ao cono sur. Serían os Pereira, Peña Silveira, Roca, Barros, Estévez, Alsina, García Seoane, etc.

Que tiña Arxentina para se converter nese polo de atracción tan importante? Pois principalmente un gran porto para comercial con Europa e moitísima terra para producir materias primas, en especial cereais, lá e carne. Ademais durante décadas contou cunha potente burguesía comercial e industrial. Non nos podemos deixar enganar pola errática traxectoria política, social e económica Arxentina desde a crise de 1929 ata os nosos días. Durante as décadas da grande migración galega cara Arxentina, o país austral estaba a altura das grandes potencias europeas e dos EUA a nivel económico, tecnolóxico, cultural, etc. Malia esta puxanza, o sistema tiña as súas eivas, como a dependencia dos mercados exteriores, nomeadamente o británico, o poder das oligarquías gandeiras e a falta de tecnoloxía no sistema produtivo, polo que a grande crise mundial do 29 deixou moi tocado ao país, pechando a porta definitivamente á entrada en masa de emigrantes.

Nese sistema, os galegos, debido á súa baixa formación e escasos recursos, entran no chanzo máis baixo da escala social, encargándose dos traballos máis precarios e peor pagados. Resulta un paradoxo que, unha comunidade de emigrantes de orixe eminentemente rural, chegase a un pais cunha extraordinaria produción agropecuaria, e se empregase de xeito case absoluto no ámbito urbano. Isto explícase polas oportunidades atopadas á chegada e pola provisionalidade da migración.

Os primeiros anos, antes de que comezasen a funcionar as asociacións de emigrantes, foron especialmente duros para os nosos en Bos Aires. Como nos explica o historiador Carlos Sixirei:

«A súa presenza é unha constante  da paisaxe urbana porteña. Como os “tanos” e os “turcos” (emigrantes de Europa Oriental), están en todas partes. Son carpinteiros, zapateiros, donos de prostíbulos, condutores de tren, gauchos, mineiros, tranviarios, pequenos comerciantes, peóns, carreteiros, criadas, lavandeiras, mestres de escola, dirixentes sindicais, empregados da administración, médicos, colonos... En todo tipo de actividades aparecen apelidos especificamente galegos. Unha e outra vez os informes consulares insisten na súa honradez e no seu afán de traballar. Pero os nacionais, que recoñecen e aprecian estas virtudes, non perden ocasión de humillalos, de aldraxalos, de facerlles sentir que son a miseria de Europa e que, se medran social e economicamente, é grazas á “xenerosidade” dos arxentinos. Calquera pousafoles autóctono, se consideraba con dereito a insultar aos galegos en público  ou en privado (...)» [3]

A comunidade galega en Bos Aires, ante as dificultades, vai crear asociacións de apoio. En 1879 créase o Centro Gallego, tamén con fins asistenciais, educativos  e culturais. Esta primeira iniciativa atopouse con dificultades, ata que a partir da primeira década do século XX vai medrar en tamaño e importancia. Ademais agroman unha serie de entidades que van acadar unha importancia vital para a vida dos galegos en Arxentina. O máis importante de todos foi o Centro Gallego de Buenos Aires, que se refunda e acada unhas dimensións moi grandes. Unha das iniciativas máis importantes do centro foi a exposición de arte galego de 1929, na que estaban representados os artistas máis sobranceiros de Galicia.

Tamén se funda o Banco de Galicia. Ademais do gran centro, funcionaron moitas entidades de carácter provincial e comarcal, que en 1912 fedéranse na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales. Esta asociación tería un carácter abertamente republicano e galeguista, en contraposición ao centro, cunha postura máis oficialista. Tamén en Bos Aires xorde a Primera Casa de Galicia, unha agrupación de carácter cultural vencellada ás ideas das Irmandades da Fala, e que organizou certames literarios, cursos e conferencias, e que tamén pertenceu á federación de centros.

A prensa galega en Bos Aires inspirouse no modelo cubano, existindo algunhas publicacións de diferente carácter e funcións. Destacaremos, pola súa calidade, a revista Céltiga, que se publicou desde 1924 ata 1932, e onde participaron personaxes como Blanco Amor, Castelao, Maside, Cebreiro, etc. Tamén foron moi destacables no tocante á cultura os coros, entre os cales sobresae o Orfeón Gallego. A labor dos filántropos que acadan fortuna en América e promocionan obras en Galicia, ao igual que sucedeu na Habana, foi algo moi habitual en Bos Aires. A Biblioteca América da Universidade de Santiago ten a súa orixe na xenerosa doazón de don Gumersindo Busto.

Se a primeira xeración de emigrantes tiveron que traballar a reo para acadar unha posición na Arxentina, dentro da xeración dos fillos daqueles primeiros emigrantes houbo personalidades destacadas que se incorporaron a posicións relevantes dentro da orde social da capital porteña. Despois da primeira guerra mundial agroman os movementos rexionalistas e nacionalistas en Bos Aires, centrados fundamentalmente na labor xornalística e nos actos culturais, aínda así, o ideario das Irmandades da Fala non ía a acadar unha grande aceptación entre a comunidade galega no exterior.

Xusto á outra beira do Río da prata está situado outro dos grandes destinos da diáspora galega: Montevideo, que dentro da república uruguaia foi a que concentrou a maior parte dos emigrantes. A presencia galega neste pequeno país foi importantísima cuantitativamente e cualitativamente. Foi posiblemente onde os galegos se integraron mellor e onde conseguiron unha posición máis relevante. Os empresarios galegos controlaron, por exemplo, o transporte, e mutua galega era o centro asistencial máis importante do país. Centros galegos, prensa, educación e cultura tamén se deron en Montevideo, como nos dous casos comentados con anterioridade.

O EXILIO

A barbarie franquista asolou Galicia a partir do verán de 1936. Calcúlase que máis de 3500 galegos e galegas foron asasinados naqueles meses, a maioría sen xuízo previo, fusilados na alborada e enterrados en cunetas. Hoxe en día, as universidades galegas están a facer un imprescindible  traballo de investigación chamado As vítimas, as voces, os nomes, os lugares [4]  pra rescatar do esquecemento ás vítimas galegas da barbarie; poñéndolle nomes e apelidos aos mártires galegos da guerra civil. Ademais foron milleiros os encarcerados durante anos e décadas, quedando como símbolo da falta de liberdade en Galicia o Penal da Illa de San Simón.

Moitos intentaron fuxir daquela barbarie, aínda que non todos o lograron. O exilio fíxose na maioría dos caso en condicións moi penosas, pois o exilio non foi facilitado por un bando fascista que prefería ter aos seus inimigos mortos en cunetas propias que vivos en territorios estranxeiros. Na comarca da Coruña, por exemplo, foron asasinados catorce  persoas que tentaron fuxir na zona do Portiño.

Máis de dous mil galegos exiliáronse a partir do golpe de estado de Franco.  A proximidade coa fronteira portuguesa e a existencia dunhas potentes comunidades en América, provocaron que este fora o destino maioritario do exilio galego. Bos Aires vai ser a gran capital dos nosos exiliados, destacando tamén a presenza galega no México de Lázaro Cárdenas, en Cuba, Nos EUA, en Chile, etc. A diferencia deste grupo co dos emigrados é substancial, xa que a maioría dos exiliados non podían retornar a España se non querían ser encarcerados,  e ademais o seu motivo de emigración era político e non económico.

Moitos dos fuxidos nos primeiros meses da guerra incorporáronse á zona leal da república e loitaron por esta antes da súa derrota definitiva no ano 39; os que sobreviviron á contenda fuxiron cara Francia co groso dos vencidos. Algúns tiveron que agocharse durante meses e anos antes de conseguir saír de Galicia, algo que non era moi doado. Algunhas da fuxidas máis notables tiveron lugar por mar, cara Asturias, ou cara América directamente. Portugal foi un lugar preferente de fuxida, a pesar dos acordos entre Salazar e Franco para o intercambio de prisioneiros.

Algúns dos galegos no exilio (os de ideoloxía nacionalista) crearon asociacións políticas de seu, que se diferenciaron doutras entidades. A máis destacada foi o Consello de Galiza, creado en 1944 e presidido por Castelao. O consello era unha representación política de Galicia no exilio, lexitimado pola súa elección democrática nas  derradeiras eleccións libres e polo estatuto de Galicia que fora aprobado antes da guerra. Nel participaron personaxes como Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos, que presidiría a entidade despois da morte de Castelao. Este organismo tería continuidade algúns anos máis, aínda que a súa repercusión non foi moi ampla. Outros republicanos galegos non nacionalistas sumáronse aos gobernos españois e as institucións republicanas estatais no exilio, como Casares Quiroga.

No Río da Prata o exilio galego organízase para manter a cultura galega nunha etapa na que a produción cultural en Galicia estivo totalmente restrinxida, ata que os membros de Galaxia comezan a abrir novos vieiros xa entrada a década dos 50. Os exiliados crean asociacións de novo cuño e dan vida a algunhas das xa existentes (evidentemente ás que non simpatizaban co franquismo). A actividade política e cultural mestúranse, destacando os faladoiros, a prensa, a edición de libros, a creación artística e a edición de radio. Pronto comezaría a destacar e a converterse nun faro de toda esta actividade un Luís Seoane hiperactivo nas iniciativas culturais e políticas a favor da liberdade en Galicia. Nas primeiras décadas do exilio esta actividade vai ser moi intensa, declinando a partir dos anos 60 e 70, en parte pola falta de relevo xeracional e en parte por inaugurarse en Galicia unha nova etapa na que a cultura galega e a acción política comeza a cobrar cada vez máis importancia.

Ata o de agora falamos de números, pero se o exilio galego ten un papel fundamental dentro da nosa cultura foi, sobre todo, polas  extraordinarias individualidades que, ademais da súa postura ética de defensa de Galicia, sobrancearon en todos os eidos da cultura. É terriblemente inxusto facer agora unha escolma de nomes neste tan breve espacio e deixar fora a nomes moi significativos da nosa cultura, pero máis inxusto sería non citar a ningún, así que imos reparar a algúns dos nosos máis de dous mil exiliados.

A figura máis coñecida do exilio galego foi Castelao. Na clase anterior coñecimos a súa albor artística, literaria e política na última década da súa vida que lle tocou vivir como exiliado. O nome que vai tomar o relevo é un Luís Seoane que vai actuar como catalizador de todas as expresións culturais da comunidade de exiliados e emigrantes das cidades do Río da Prata. No final da clase repasaremos a súa traxectoria vital.

No ámbito artístico, o compromiso político dunha boa parte dos artistas galegos máis destacados obrigaralles a abandonar Galicia. Manuel Colmeiro estivo en Bos Aires desde que estoura a guerra civil ata 1948, ano no que se despraza a París. Arturo Souto é outro dos membros desta xeración de renovadores que non ten máis remedio que saír de Galicia; Souto pasou longas tempadas en México e tamén en París, dando un xiro á temática da súa obra. Hai que lembrar que Souto fora un dos artistas que se puxeran á súa arte ao servizo da república, facendo o seu álbum da guerra onde denuncia a barbarie. Ademais de Castelao, Souto, Seoane e Colmeiro, a plástica galega conta con outras dúas figuras que abandonaron a España de Franco e viviron longas tempadas en América. Estas dúas figuras son Maruxa Mallo e Eugenio Granell. Maruja Mallo comprométese coa república e vese obrigada a exiliarse. Consegue embarcarse cara a Arxentina, morando na capital federal ata que chega Perón ao poder, personaxe co que non vai concordar, o que provoca a decisión de mudarse definitivamente a grande capital artística da segunda metade do século XX, Nova Iork, onde ficará uns anos antes do seu regreso definitivo a Madrid. Maruxa Mallo é considerada unha das grandes artistas españolas do século XX, vencellada ao movemento surrealista e a arte de vangarda.

De ideoloxía revolucionaria e militante do POUM durante a guerra civil, Eugenio Granell, que xa fora encarcerado durante o bienio dereitista durante a república, ten que fuxir despois de participar na guerra en Valencia, Cataluña e a fronte de Aragón. O seu destino e Francia, onde coñece os campos de concentración e a invasión nazi (destino este de moitos galegos, que incluso chegaron a morrer nos campos de concentración nazis como o de Mauthausen, onde asasinaron a preto de 5.000 españois). Granell consegue saír de Francia cara América (Santo domingo, Porto Rico e Nova Iork), onde vai desenvolver unha carreira como destacado artista, dentro da corrente surrealista. Granell é considerado un dos mellores artistas galegos do século XX, estando representado nas mellores coleccións de arte do mundo, como a do MOMA de Nova Iork.

Unha das grandes personalidades do exilio galego foi o intelectual e diplomático viveirense Lois Tobío. No ano 36 a súa vida da un xiro moi importante, xa que pasa da embaixada española en Bulgaria ao goberno de Negrín, onde vai desempeñar diferentes traballos diplomáticos que o levarán polo Norte de África e por América do Sur, antes de incorporarse ao fronte aragonés como artilleiro. Tras a derrota republicana pasa a Francia e de aí a Nova Iork, antes de instalarse en Montevideo. Na capital uruguaia converterase nun dos grandes valedores da cultura galega no exilio. Vai exercer de xornalista, tradutor e, sobre todo, de organizador xunto a Seoane das máis importantes iniciativas culturais do exilio galego, como por exemplo a emisión radiofónica do programa Sempre en Galiza ou a edición da Historia de Galiza de Otero Pedrayo.

Ramón Suárez Picallo, político e xornalista nacido en Sada en 1894 realizou unha intensa labor no exilio galego. Foi elixido deputado en 1936, o que provocou que se encontrara en Madrid cando estoura a guerra. O seu irmán Antonio non tivo tanta sorte e foi paseado ese mesmo ano. O seu corpo ficou tirado nunha cuneta durante décadas, do mesmo xeito que os de milleiros de republicanos seguen hoxe en día. Trala traxedia familiar e a derrota da república, fai un complicado itinerario que o leva a Francia, Nova Iork, Santo Domingo, Chile e por último Bos Aires, onde participa como membro do Consello de Galicia e onde terá a honra de facerse cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Bos Aires.

A literatura galega débelle moito a unha xeración de escritores que pasan boa parte da súa vida no exilio. Fora de Galicia desenvolveron as súas carreiras personaxes como o poeta Lorenzo Varela, excelente versificador que foi homenaxeado no día das letras galegas de 2005, e que é autor do mítico poema Lonxe, ou Eduardo Blanco Amor, autor da célebre A esmorga.


"Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados".
  
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!
Facíamos un feixe de campos e de estrelas,
e ó pisar ise chao que latexaba
sentíamos subir pola sangue o misterio.
O noso corpo era o camiño da maxia,
a escada pola que viña a lúa,
o zume de todol-os segredos,
a canzón da herba que resucitóu.
E o mismo verme era unha folla leda,
un mensaxeiro do sagrado alén.

Morréchedes, matáronvos, deixáronme.
Quedéi eiquí, lonxe das vosas sombras.
E gardo, coma un morto,
no centro do silenzo, da sede, da agonía,
o día que vos poda levar á sepultura
unha cesta de pombas e mazás.
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!
Lorenzo Varela - Lonxe

 Un caso singular foi o de Antón Alonso Ríos, fillo dun caldereiro que emigrou a Arxentina, regresou a terra do seu pai convertido xa nun importante intelectual que inicia unha intensa carreira política que o leva a ser elixido deputado no 36 pola Fronte Popular. Durante a guerra fíxose pasar polo Siñor Afranio, inventándose unha vida de emigrante portugués, esmoleiro e traballador ambulante; así foi como salvou a vida este deputado, que chega a Bos Aires despois desta peripecia que o leva primeiro a Porto, despois a Lisboa, despois a Casablanca e por último a capital porteña, onde participa na creación dun Consello de Galiza que chegaría a presidir. En 1979 escribe a súa obra máis famosa: O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte.

Rafael Dieste é outro dos escritores máis destacados no exilio galego. Rianxeiro como Castelao, ten unha traxectoria intelectual dentro do galeguismo e na literatura moi destacada antes do seu exilio. Cando estoura a guerra participaba nas misións pedagóxicas, onde coincidira, entre outros, con Lorca. Viviu en Bos Aires ata que regresa a súa vila natal  na década dos sesenta. A súa obra máis destacada en galego foi Dos arquivos do trasno, que conseguiría publicar novamente ao seu regreso a Galicia na editorial Galaxia. Xosé Neira Vilas é o máis novo dos intelectuais que estamos a comentar. Non se exiliou na guerra, foi aos 21 anos, en 1949, cando decide emigrar a Bos Aires, onde entra en contacto co exilio galego, e despois a Cuba. É un dos escritores galegos sobranceiros na literatura do século XX, destacando a súa célebre Memorias dun neno labrego, obra de lectura obrigada nas escolas galegas.

Rematamos esta escolma con dous personalidades ben diferentes. María Casares, filla de casares Quiroga, converteríase nunha reputada actriz francesa, desenvolvendo unha carreira moi importante no país galo. Por último, e antes de ver con máis detemento a figura de Seoane, destacamos a Carlos Velo. O de Cartelle aprendeu cine en Madrid, na época da república, cando cursaba a carreira de bioloxía. Na capital vai simpatizar cos movementos de esquerda e tamén vai forman un cineclub. Nesta altura aprende a rodas e comeza a facer as súas primeiras pezas. Na guerra consegue chegar a Marrocos onde vai filmar unha obra, e despois pasa a Francia, de onde viaxará a México, obtendo a nacionalidade no país centroamericano. Alí desenvolverá a súa carreira na dobre condición de cineasta e profesor de ciencias. Hoxe en día e considerado o pioneiro do cine en Galicia e un dos seus mellores representantes. O seu documental Galicia é unha das obras fundamentais dentro da nosa Filmografía.

LUÍS SEOANE

Nace en Bos Aires en 1910, no seo dunha familia de emigrantes que axiña regresará a Galicia (no ano 1916), afincándose na Coruña. Entre América e A Coruña pasa a súa nenez,  desprazándose a Compostela despois, onde estudará o Bacharelato e a carreira de dereito. Tamén entrará en contacto coa Galicia rural traballadora nas súas vacacións de verán, que pasa de xeito habitual na aldea de Arca.

En Santiago implícase nos movementos intelectuais e no FUE, na defensa da democracia nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera. Tamén na defensa da cultura e da lingua galega. Na cidade compostelá comeza a súa actividade artística, destacando na súa faceta de debuxante, ilustrando programas de cine que circulaban polos cafés santiagueses. Tamén participa nos faladoiros do café Derby xunto a intelectuais e artistas como Valle Inclán, Maside, Dieste, Eiroa, Iglesias Alvariño, Cunqueiro, Fole, etc.

A súa primeira exposición ten lugar en Compostela en 1929 na sala de Amigos da Arte. Ao ano seguinte expón no café español. Coa proclama da República en 1931 acentúase a súa implicación nos movementos intelectuais e políticos. Participa no proxecto da barraca Resol en Santiago, no verán de 1933. Outro fito importante do seu compromiso coa terra é o seu cartel para a defensa do si no plebiscito do Estatuto de 1936. Antes da guerra civil Seoane abre un despacho de avogados na Coruña, onde traballará na defensa dos asuntos laborais.

 As circunstancias da guerra civil obrigan a Seoane a exiliarse na súa cidade natal. Na capital arxentina vai desenvolver unha grande labor política e intelectual no círculo de galegos exiliados, promovendo todo tipo de actividades culturais: editorial, revistas, radio, faladoiros, exposicións, etcétera. Sempre cun inequívoco compromiso con Galicia, como un dos grandes catalizadores, xunto a Castelao, do exilio galego. Vai ser unha etapa na vida de Seoane chea de creatividade e recoñecemento. Ademais vai acompañar as súas actividades cun fondo compromiso social, sempre en contra das inxustizas. Alí coincide tamén con artistas como Maruja Mallo e Colmeiro.

  Neste ambiente do exilio atopamos, polo tanto, a un Seoane comprometido, altruísta, hiperactivo, entregado a unha morea de causas en defensa da República e de Galicia. Algunhas iniciativas destacadas desta etapa Son  a fundación da revista Galicia Emigrante, que tería unha duración no tempo de case vinte anos; a creación da editorial Emecé e a Editorial Nova; a publicación do seu extraordinario libro de ilustracións Homenaxe á torre de Hércules;A publicación da súa obra dramática Fardel do eisilado en 1952...

En 1949 entra en contacto coa pintura europea despois dunha viaxe polo vello continente que o leva a París, onde coñece ao seu admirado Picasso. Vai tamén a Italia e Londres, onde chega a expor parte da súa obra. Non sería a súa única viaxe por Europa, xa que nos anos 60 faría outra onde coñecería máis cidades e máis museos. En 1958 recibe a medalla de prata na Exposición Universal en Bruselas. En Bos Aires e galardoado co Premio Palanza e nomeado membro da Academia de Belas Artes en 1968.

En 1963 Seoane retorna por vez primeira a España tras 27 anos de exilio, aínda que sen permiso de residencia. En 1968 funda xunto a Díaz Pardo o Laboratorio de Formas, que comprende a recuperación da Cerámica de Sargadelos, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e a editorial Ediciós do Castro. Nestes anos Seoane volve a expoñer os seus cadros e gravados en Galicia.

 Seoane pasa os seus últimos anos en Galicia, traballando como artista e implicándose en proxectos culturais e na defensa de Galicia ata o final. Morre en 1979 na Coruña. En 1994 o pobo galego dedícalle o Día das Letras galegas en recoñecemento á súa grande labor en defensa da nosa cultura.

 [1] CARLOS SIXIREI PAREDES: Galeguidade e cultura no exterior. Ed. Xunta de Galicia (55)
 [2] CARLOS SIXIREI PAREDES: Galeguidade e cultura no exterior. Ed. Xunta de Galicia (67)
 [3] CARLOS SIXIREI PAREDES: Galeguidade e cultura no exterior. Ed. Xunta de Galicia (67)