30 jun 2010
22 jun 2010
22. MIL PRIMAVERAS MÁIS
A CULTURA GALEGA ANTE O NOVO MILENIO
Chegamos ao final do curso. Durante todas estas clases fomos coñecendo moitos dos aspectos que compoñen a cultura galega: literatura, arte, historia, etnoloxía... Comezabamos falando do achado dunha doa de colar na cova de Eirós, e acabamos por falar, na última clase, da produción de películas de animación dixital na nosa terra. Foron moitas as cuestións que quedaron fóra do programa debido á falta de tempo, e outras moitas nas que gostariamos afondar moito máis do que o fixemos.
Mais non podiamos rematar o curso sen botar unha ollada ao panorama da cultura galega na actualidade. Nesta clase imos ver como, coa chegada da Autonomía para Galicia, a cultura vai vivir un proceso de autoafirmación e de crecemento, grazas ao feito de contar con institucións de seu para protexer e promover o seu feito cultural. Paralelamente vaise producir na alma de milleiros de galegos un sentimento de autoafirmación no feito de ser galego e un orgullo de posuír unha cultura propia.
Nestas tres décadas Galicia formou unha rede cultural que abrangue museos e institucións, lugares do patrimonio e unha industria cultural propia que se reflicte incluso no PIB da comunidade. Faremos, pois, un repaso polas principais institucións culturais e lugares senlleiros do noso patrimonio. Por último, remataremos a clase e o curso facendo unha reflexión sobre o presente e o futuro da nosa cultura neste mundo global que nos toca vivir.
«Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis"»
O epitafio de Álvaro Cunqueiro, que fai referencia á lingua pero que podemos aplicar a todos os ámbitos culturais, sérvenos de xeito óptimo como coda para este curso. Nesa teima andamos, pois, os moitos que traballamos para que esta a nosa cultura vexa florecer máis de mil primaveras.
DEMOCRACIA, AUTONOMÍA E CULTURA
A chegada da democracia e a aprobación do estatuto de Autonomía trouxeron para a sociedade galega profundas mudanzas que podemos cualificar, malia as eivas do sistema e os erros cometidos, como moi positivas. No eido cultural ábrese un período moi vizoso que se caracteriza pola liberdade creativa e polo comezo da difusión e protección da nosa cultura. Hai que ter en conta que a liberdade de expresión é unha condición fundamental para a plena expresión cultural e artística dun pobo.
O recoñecemento desa cultura galega, formada por todos eses elementos históricos, artísticos, lingüísticos, literarios, etnolóxicos... que coñecimos ao longo deste curso, foi o alicerce sobre o que se asentou o recoñecemento constitucional de Galicia como realidade nacional.
O 28 de abril de 1981 apróbase o noso Estatuto, que recolle nos seus artigos, con matices, algunhas das arelas expresadas naqueloutro Estatuto frustrado do 36 que xa comentaramos no curso. O texto estatutario define a Galicia como unha Nacionalidade Histórica, recoñecendo así a súa personalidade nacional, creada ao longo dos séculos nun territorio propio e ben definido, a través unha cultura propia, unha lingua propia, e unha historia e un sentimento de pertenza comúns.
Relacionado cun feito que nos ocupou tempo no curso, temos o recoñecemento do estatuto á galeguidade das comunidades do exterior. Galicia é, debido ao proceso migratorio, un país con dous referentes, un no interior e outro no exterior, as diferentes comunidades conforman a galeguidade: «As comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego»[1].
Mágoa que estas comunidades fosen neste trinta anos de democracia utilizadas con motivos electorais, en procesos carentes da máis mínima limpeza, o que provoca que milleiros de galegos do interior rexeiten hoxe en día a participación política destas comunidades. Tamén aproveitamos este espazo para comentar o proceso histórico de retorno que se viviu nos últimos anos, que provocou que moitos daqueles emigrantes e dos seus descendentes chegasen a unha Galicia que viviu un forte desenvolvemento económico nos últimos tempos, entrando en contacto de novo coa terra e a cultura dos seus antergos.
O autogoberno de Galicia terá como obxectivo a «defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses», dentro dos cales faise explícita a cuestión do galego, «lingua propia de Galicia» segundo o texto que os galegos nos demos, que os poderes públicos «potenciarán en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento». A lingua foi obxecto de especial agarimo e protección nesta primeira etapa da democracia, conscientes as autoridades da persecución e afastamento á que fora sometida secularmente. Hoxe en día algúns están a rachar desde o poder aquel consenso a prol do galego que foi chave para a súa supervivencia e posta en valor. Que escuros intereses defenden aqueles que atacan a nosa lingua propia?
Froito daquel consenso a prol da lingua foi promulgada a Lei de Normalización de Galicia, aprobada o 15 de xuño de 1983 por unanimidade no parlamento de Galicia, e aínda en vigor na actualidade. É unha lei que pretendía normalizar o uso e o estatus do galego como lingua propia e oficial en Galicia, e promover o seu uso en todos os ámbitos, devolvéndolle a categoría que lle fora negada ao longo dos séculos. Facemos agora unha pequena escolma dalgúns parágrafos desta que lei que recolle o compromiso dos galegos coa súa lingua. Na le fican explícitas as responsabilidades dos galegos cara a súa fala:
«O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia consecuencias profundamente negativas»
«A lingua, é o núcleo vital da nosa identidade.»
«A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade.»
«Na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.»
«O galego é a lingua propia de Galicia», «Tódolos galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo»
«O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma»
«Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.»
«Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.»
«O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.»
«As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.»
«O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión.»
O modelo cultural en democracia, atribúe aos diferentes poderes públicos a competencia para a protección, o fomento e a posta en valor da cultura. O texto constitucional e o estatuto establecen unha serie de obrigas ao estado no tocante á ordenación do ámbito da cultura, como acabamos de ver coa lingua. A ordenación e promocións do sistema de museos, arquivos e bibliotecas, a protección e difusión do patrimonio, e o fomento e as axudas cara unha industria cultural que cada vez vai ter máis peso no PIB do país teñen como orixe esta esixencia legal, e tamén esta vontade por que así fora. Xunto a esta acción pública, a transición, a autonomía e o movemento posmoderno dos anos 80 van traer a Galicia unhas iniciativas culturais novas e moi interesantes, moitas vences asociados ao que se deu en chamar “cultura de masas”.
O AVANCE DA NOSA CULTURA
No eido literario, ese novo estatus acadado polo galego, o fin da censura, e as axudas que comezan a chegar ao sector editorial, fan que a publicación de libros (novos e vellos) en galego e en Galicia se multiplique. O obxectivo fundamental nos anos oitenta era ensanchar a base de lectores en lingua galega, feito conseguido só en parte, sobre todo se establecemos a comparanza coa vizosa industria editorial catalá. Neste proceso prodúcense cambios fundamentais tamén no modo de crear, destacando, sobre todo, o terreo gañado pola narrativa e o ensaio, e tamén o nacemento do libro de texto para a escola en galego, que axudou a que moitos rapaces educados en castelán tivéramos un primeiro contacto coa lingua galega (aínda que a TVG coa súa programación infantil axudara máis a difundir a lingua entre os máis novos). A maioría dos escritores en galego están asociados na Asociación de escritores en Lingua Galega, fundada en 1980 e que conta con case 400 socios. Na actualidade publícanse unha media de 1.200 títulos en galego ao ano, e na Asociación Galega de Editores hai rexistradas 44 empresas que se dedican á publicar en galego.
Premios, certames, axudas,subvencións... Os poderes públicos son en parte responsables deste desenvolvemento das nosas letras. A celebración do día das letras os 17 de maio, as feiras do libro e a proliferación de bibliotecas, fan que a industria asociada as letras galegas tivera nestes anos un desenvolvemento notable. Mais isto nos sería posible sen o talento amosado polos nosos escritores, e que se reflicte no palmarés dos Premios Nacionais de Literatura, onde temos a Alfredo Conde, Manuel Rivas e Suso de Toro en narrativa, A Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal en literatura dramática, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Fina Casalderrey en literatura infantil e xuvenil, Antón Santamarina en tradución e Xusto G. Beramendi en ensaio. Nesta lista cómpre poñer en destaque a alta calidade da literatura para os máis novos saída do noso país, panorama no que a editorial Kalandraka se converteu nun referente a nivel estatal.
Nas artes plásticas os oitenta tamén son tempos de profundas mudanzas en Galicia. Renace a arela de formar un grupo de artistas galegos, xorde o “espírito de Atlántica”, versión galega dese “espírito dos 80” que agromou en todo o mundo occidental. Novos problemas, novos temas, novas solucións estéticas... Un arte singular para un tempo no que abrían moitas xanelas e no que a orixinalidade e a liberdade creativa foron moi valoradas. Sabemos tamén que, de vagar, a plástica galega vai progresar nestas tres décadas grazas a tres feitos fundamentais: as galerías, os centros de arte e as escolas de artistas, o que provoca que os artistas galegos non teñan que saír obrigatoriamente de Galicia para obter unha formación, un currículo e un recoñecemento, se non que cando saen, fano, en moitos casos, xa cunha bagaxe obtida na súa terra.
Outro obxectivo era achegar ao público galego ás últimas tendencias creativas dentro da arte internacional. En Galicia había un oco no tocante aos museos e centros de arte moderna, e de exposicións de nivel. O CGAC, fermoso predio edificado por Álvaro Siza ao carón do convento de San Domingos en Compostela, supuxo un pulo moi importante para arte moderna no noso país. Inaugurado en 1991, desde o primeiro momento tomou unha dobre vía, por un lado conformar unha colección de calidade con obras de artistas galegos e internacionais, e, por outro, presentar a través do seu programa de exposicións as últimas tendencias creativas do panorama internacional, aproveitando o tirón que a cidade de Compostela acadaba nesa altura como centro turístico e cultural. A tendencia a abrir grandes espazos museísticos e expositivos acrecentouse a partir daquela data. Na cidade da Coruña (a pesar da súa especialización en museos científicos) existía un dos centros pioneiros á hora de programar exposicións de arte, o Kiosko Alfonso, que continua hoxe en día coa súa brillante andaina. A este uníronselle outros espazos para a arte como o MACUF, a Fundación Luís Seoane, a Fundación Pedro Barrié e a Fundación Caixa Galicia. En Vigo xorde o MARCO como un referente dentro do panorama actual, ademais do Centro Cultural Caixanova. En todas as cidades vanse creando novos espazos, como o Torrente Ballester de Ferrol. Únense así á oferta de museos que xa existía en Galicia e que comprendía centros de carácter máis tradicional, con arte de épocas pasadas e coleccións de arqueoloxía: O Museo de Pontevedra, o Provincial de Lugo, o Arquelóxico de Ourense, O de Belas Artes da Coruña ou o “Quiñones de León” de Vigo, entre outros.
A cidade da cultura, únese a esta febre por inaugurar centros de arte. Alí vanse ofertar outra boa morea de metros cadrados para exposición. Todo isto supón un xiro de 180 graos, xa que se antes non había lugares onde expoñer, agora hai un montón de museos e centros de arte con programacións frouxas e coleccións escasas, inaugurados de xeito populista pero que funcionan con orzamentos exiguos.
A arquitectura foi esquecida nas últimas clases deste curso unicamente por motivos de espacio. Alí deixamos aos nosos arquitectos senlleiros dentro do barroco, facendo auténticas obras universais que son parte imprescindible do noso patrimonio. Nos últimos séculos a arquitectura galega evoluciona, desde a súa posición periférica, seguindo os postulados internacionais: neoclásico, eclecticismo, modernismo, racionalismo, arquitectura moderna, arquitectura posmoderna. Con todo, os edificios que vaga a pena resaltar, son os menos. Nas últimas décadas, Galicia vai aparecer inzada de edificios e barrios horrendos, pouco funcionais, deplorables desde o punto de vista estético, pobres desde o punto de vista material, e desleigados da tradición construtiva galega e do legado das vangardas e da arquitectura moderna. Esta desfeita foi froito do “desarrollismo” a partir dos anos 60, dun gremio de construtores e arquitectos sen amor propio e con moito amor ao diñeiro e, en último termo, da cegueira e “cortoplacismo” das autoridades políticas da ditadura e da democracia.
Malia este negro panorama, que todos podemos albiscar nas nosas cidades e vilas, ou cando viaxamos pola nosa terra, houbo notables excepcións. Son arquitectos que asumiron un xeito diferente de arquitectura. O paradigma que guiou aos nosos senlleiros arquitectos foi o diálogo entre a arquitectura moderna e a popular, baseada a primeira en materiais e formas de novo cuño, e a segunda nese granito e madeira co que os galegos construímos desde a prehistoria. Antonio Tenreiro, Alejandro de la Sota , Andrés Fernández-Albalat, Pedro de Llano, César Portela e Manuel Gallego, entre outros, amosaron un camiño que a maioría non foron quen de seguir, guiados polo gran afán especulativo que entende a arte de construír espazos habitábeis como un gran negocio, sen ter en conta a función do predio, o seu encaixe no contorno, as necesidades do usuario, e a sensibilidade ética e estética que debe guiar toda construción.
O Colexio de Arquitectos (COAG) e a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña tentan hoxe en día mudar este panorama mediocre, pero neste país os especuladores do ladrillo sempre impoñen o seu criterio: deficiente habitabilidade, pésima solución estética, máximo rendemento económico.
No tocante a rehabilitación, nas últimas décadas recuperáronse, grazas ás axudas públicas, un bo feixe de edificios populares e monumentais nas nosas cidades vilas e aldeas, aínda que a iniciativa é, de momento, claramente insuficiente, como nos amosou Manuel Sendón no seu traballo “Casas doentes”. Estamos pois, diante doutra faciana deste negro panorama, construímos mal, e deixamos morrer o que está ben feito.
Por último, subliñar que Galicia entrou na moda dos grandes edificios asinados por figuras internacionais. High Tech arquitectónico e orzamentos esaxerados sufragados xeralmente polos impostos do contribuínte. É mala a chegada de arquitectos de fóra? nin moito menos. Temos exemplo moi positivos, como a Casa do Home de Isozaki. Mais a factura do Monte Gaiás témola que pagar entre todos para maior “gloria” dalgúns.
Nos anos 80 a cultura galega atopa novas canles de expresión a través do cine, do video, da televisión e da música, que vive un novo auxe. A cultura musical de Galicia asume diferentes vieiros, que van desde a música folk ata as expresións pop, rock, punk ou hip-hop. O feito máis destacado dentro do panorama musical das últimas décadas foi o extraordinario auxe da chamada música folk, que en moitos caso é unha interpretación en chave moderna dos sons tradicionais da nosa terra. Autores e intérpretes individuais e en conxunto, foron quen de obter un resultado de gran calidade e de acadar sona internacional, como é o caso de Luar na Lubre ou de Carlos Núñez, por exemplo. Porque Galicia ten sons, un estilo musica propio e xenuíno, recoñecido e recoñecible, un son no que a gaita é o símbolo, pero non o fin, pois ao lado das numerosas bandas de gaitas “tradicionais” que existen na nosa terra, conviven músicos e grupos que compoñen, que fusionan, que investigan e que modernizan as raíces musicais propias: Budiño, Milladoiro, Fuxan os Ventos, Berrogüeto, Susana Seivane, Cristina Pato, Mercedes Peón, etc. Malia a preponderancia da gaita, tamén xorden en Galicia solistas que interpretan en galego, como Uxía Senlle, Amancio Prada, Miro Casabella ou a mesma Ana Kiro.
Por outra banda, cómpre subliñar que a partir dos 80 un grupo de artistas novos nacidos en Galicia únense ao que foi denominado como “a movida”. Nacen bandas que fan pop, rock, punk, etc, converténdose a cidade de Vigo nun fervedoiro cultural: Os Resentidos, Golpes Bajos e Siniestro Total van romper na década dos 80, igual que sucedía noutros territorios do estado. A súa posta en escena, a temática das súas letras, e a súa expresión musical achegan a Galicia á modernidade musical. Máis tarde sería o tempo para o movemento Bravú, reivindicativo dun xeito de facer música esencialmente galego, cos Diplomáticos de Monte Alto á fronte. Hoxe en día en moitas cidades e vilas galegas xorden grupos dentro dos máis variados estilos, xeralmente facendo música alternativa, que se expresan en galego, como Lamatumbá.
No tocante á música clásica nestas tres décadas prodúcese un forte desenvolvemento en tres aspectos: nacemento de grandes formacións, mellora e creación de novos espazos e creación dun público fiel e estable que demanda espectáculos de calidade. A creación da Orquestra Sinfónica de Galicia en 1992 na cidade da Coruña. En poucos anos consolidouse como un referente musical dentro do panorama estatal, sendo recoñecida como unha das formacións de maior prestixio. Asemade foise formando unha canteira musical e un público que agarda impaciente a programación de concertos e ópera do festival Mozart coruñés todas as primaveras. En Santiago xorde tamén unha orquestra de prestixio, a Real Filharmonía de Galicia, un chanzo por debaixo da coruñesa pero que ven completar este novo panorama musical que tiña o obxectivo de superar en calidade ás vellas orquestras municipais e cubrir unha carencia moi evidente no noso panorama cultural.
Ao mesmo tempo, vanse creando novas infraestruturas e renovando os vellos escenarios de Galicia: o Jofre en Ferrol, o Colón e o Rosalía na Coruña, o García Barbón de Vigo, o Principal de Santiago, Ourense e Pontevedra. E tamén nacen dúas instalacións que van programar múscia clásica e ópera de calidade, O Auditorio de Galicia en Compostela e o palacio da Ópera na Coruña.
A todo este proceso de desenvolvemento da cultura temos que lle engadir o progreso das artes escénicas. O teatro feito en galego xorde con forza a partir da inauguración do Centro Dramático galego, de carácter público, fundado en 1984 e que realiza unha media de tres espectáculos anuais, con sé no Salón Teatro do casco vello compostelán. O centro recuperou a obra dos dramaturgos galegos máis importantes, ademais programa obras de creadores galegos da actualidade e de grandes clásicos universais. Máis alá desta compañía de carácter público, existen en Galicia máis de 40 compañías que están a facer teatro.
No tocante a danza, temos tamén unha institución pública, o Centro Coreográfico Galego está a realizar un intenso traballo para popularizar todos os estilos artísticos alén da danza tradicional. A danza e a música popular galega segue a estar representada por diferentes bandas e compañías que continúan o camiño emprendido polo Ballet Gallego Rey de Viana, pioneiro no feito de popularizar lonxe das nosas fronteiras o noso folkclore.
Ata o ano 2007 as artes escénicas agrupábanse en torno o IGAEM (Instituto galego de Artes Escénicas e Musicais). A partir desa data foron substituídas pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) cuxo obxectivo é aglutinar a todas as industrias que se dedican á creación e a promoción artística en Galicia, independentemente do seu ámbito de actuación. Este novo proxecto «Ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables»[2]. Supón, pois, un cambio de orientación na promoción da nosa cultura, co fin de adaptala aos novos tempos, sendo recoñecida como un sector económico importante e como un indicador de progreso e benestar social.
A PROTECCIÓN DO PATRIMONIO
Unha das consecuencias da chegada da democracia no eido cultural foi a nova sensibilización cara a protección do patrimonio cultural (e tamén cara o natural, aínda que este fica fóra do ámbito do curso). Esta intención por protexer e pór en valor os bens materiais e inmateriais da nosa cultura reflíctese na Lei 8/95 de Patrimonio Cultural de Galicia, ferramenta fundamental para este fin. Esta lexislación chegou tarde, do mesmo xeito que a lei estatal, que data do 1985, e que viña a substituír a outra norma que databa da II República. A lei galega de patrimonio concorda coa española, que en todo caso está por riba, aínda que as competencias en cultura están transferidas á comunidade autónoma.
A lei 8/95 ten un concepto amplo de Patrimonio, recollendo os diferentes elementos que o conforman, tanto de índole material como inmaterial:
«Integran o patrimonio cultural de Galicia os bens móbeis, inmóbeis e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico. Tamén forman parte do mesmo o patrimonio documental e bibliográfico, os conxuntos urbanos, os lugares etnográficos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sítios naturais, xardins e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.»[3]
Partindo desta definición a lei establece unha serie de normas para cumprir as tres principais funcións para a que foi creada: definir, protexer e divulgar. Ademais de establecer que é patrimonio, a lei obriga á catalogación e inventariado do mesmo, e dicir, resposta a pregunta de cal é o patrimonio do que Galicia dispón. A través de diferentes figuras de ben catalogado, e ben de interese xeral (BIC), o grao de protección ao patrimonio de interese galego será máis ou menos intenso. A lei é esixente no tocante á protección do patrimonio, establecendo unha serie de normas que impiden a destrución dos bens e que obrigan a protexelos, e limitando a súa exportación, necesitándose sempre un informe da Dirección Xeral de patrimonio,que ten a potestade de paralizar calquera obra ou actuación que poida afectar ao patrimonio, estea este catalogado ou non.
Por outro lado, a lei pretende que o patrimonio fique ao alcance dos cidadáns a través da posta en valor do mesmo. Nestas últimas décadas tense actuado moito na adecuación de espazos arqueolóxicos, non só para a súa conservación, se non tamén para que poidan ser visitados. De feito, na actualidade está en marcha o proxecto da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, que pretende dar unha certa unidade a todos os sitios e museo de valor arqueolóxico, centrándose en catro grandes centros con catro temáticas diferentes: Arte rupreste (Parque arqueolóxico de Campo Lameiro), Cultura Castrexa (parque Arqueolóxico de San Cibrao de Lás), Megalitismo (Costa da Morte) e Romanización (Lugo). O patrimonio etnográfico, antigamente só representado na iniciativa da fundación privada do Museo do Pobo Galego, tamén acrecentou o seu número de centros visitables, con lugares como o Museo etnográfico de Ribadavia, o Museo do Mar de Vigo ou o Museo Massó de Bueu, entre outros.
As leis estatal e autonómica de patrimonio establecen unha serie de acordos coa Igrexa católica co fin de preservar o gran legado histórico artístico da devandita organización, e que comprende milleiros de igrexas, mosteiros e bens mobles de gran valor. A lei de patrimonio regula, do mesmo xeito, o sistema galego de museos, de bibliotecas e de arquivos, ademais doutras institucións culturais.
A NOVA PERSPECTIVA DO SÉCULO XX
Nestas últimas décadas o mundo está a mudar a un ritmo vertixinoso. A globalización vai afectar a todas as estruturas económicas e sociais, incluída por suposto a cultura, das sociedades capitalistas occidentais nas que se insire o territorio galego. A posmodernidade e a cultura de masas son os paradigmas que están a afectarnos a todos os cidadáns europeos.
Unha cultura de masas dominada pola imaxe, a literatura, o cine e a música de consumo rápido e dixestión sinxela (xeralmente de orixe norteamericana) que abrolla por todas partes, tendente á uniformidade, que se coa nos nosos fogares e que inflúe constantemente no noso xeito de vida. Una posmodernidade na procura de novos xeitos de expresión, amiga de todo o novo e pouco respectuosa coa tradición, que crea e destrúe produtos culturais a un ritmo frenético, filla da sociedade de consumo, onde o que acaba de nacer de seguido fica obsoleto, onde causar impacto, sorpresa e repercusión nos medios de comunicación de masas convértese nun fin en si mesmo.
Cal é a posición que debe xogar un territorio periférico, de escasa renda per cápita, cunha poboación envellecida e pouco receptiva cara a modernidade, e con pouca estima cara si mesma como é Galicia? Que debemos facer coa cultura propia e coas culturas alleas que nos veñen impostas? Velaquí algunhas receitas persoais mara mellorar o panorama actual.
Todas as culturas suman. Non existe contradición entre o local e o global, se non que estes dous conceptos son compatibles. O Adrián Solovio de Otero Pedrayo en Arredor de si, atopou o seu horizonte na súa propia terra. Sendo galego podía ser universal; aquilo que buscou durante tantos anos de periplo atopouno ao fin na súa terra. Tamen ao contrario, a cultura galega non pode ficar pechada as influencias internacional que sen dúbida a poden enriquecer, como aconteceu coa obra de Luís Seoane e doutros renovadores.
Os grandes proxectos non deben solapar as pequenas actuacións no eido cultural. Ademais dos grandes lugares é moi importante manter vivoo patrimonio a nivel local, poñendo en valor aqueles lugares máis significativos dos nosos pequenos concellos, non só no tocante á arquitectura é arqueoloxía, sendo moi importante atender ao patrimonio inmaterial e á etnoloxía, con pequenos museos de sitio que manteñan accesibles estes elementos.
A tradición e a modernidade tamén poden convivir. A necesidade de protexer e conservar o noso patrimonio pode compaxinarse cunha posta en valor eficaz e moderna. Ademais de conservar o que temos, Galicia debe ser produtor de cultura. As autoridades deben fomentar a creatividade en todos os eidos, pois a cultura, ademais de protexer a nosa identidade como pobo, poder repercutir de xeito moi positivo na economía.
Outro dos obxectivos fundamentais que a cultura galega non acadou e a consecución dun público consumidor de produtos culturais, que evite a excesiva dependencia das subvencións dentro da oferta cultural; sería un paso moi importante que produtoras de música, cine, danza e teatro puidesen ingresar moitos máis cartos no mercado cultural, e que os galegos investisen máis en cultura autóctona. Para lograr isto, sería moi importante mellorar a formación da xente nova, e a promoción da nosa cultura, incapaz a na maioría dos casos de competir con esa cultura global da que falabamos con anterioridade.
En último lugar, e en relación co comentando anteriormente, a estima que un pobo ten de si mesmo mídese en moitos casos polo respecto á súa cultura e a súa historia. Gañar en confianza en nós mesmos, amar o legado que os nosos devanceiros legáronnos. Neste século XXI Galicia debe posicionarse a nivel internacional, amosando ao mundo que vaga a pena vivir aquí, e tamén vir a Galicia de visita, a gozar dos seus extraordinarios paisaxes, do seu rico patrimonio, da súa gastronomía, da súa música, dos seus museos, dos eventos culturais que aquí se celebran.
Cerramos o curso coas mesmas palabras de Otero Pedrayo coas que o abrimos:
«Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima»
Démoslle pois, entre todos os galegos, ese sopro interior que a nosa cultura precisa para que se manteña vizosa durante mil primaveras máis.
7 jun 2010
21. A IMAXE DO NOSO: A FOTOGRAFÍA E O CINE EN GALICIA
No lento vagar da historia, ao longo dos séculos, o ser humano foi capaz de ir abrindo novas canles de expresión cultural. Quen sabe cando se inventou a pintura? A danza? A música? Levan tanto tempo acompañando ao home neste camiñar polos tempos, que non temos constancia da súa orixe exacta, sendo estas algunhas das primeiras expresións culturais do home. Porén, as expresións culturais e, sobre todo as artes, renóvanse constantemente, sendo froito das diferentes sociedades e culturas que as crean, tanto as antigas como as novas.
Coa modernidade e o desenvolvemento de novas técnicas, xorden novos modos de expresión que o ser humano –coa capacidade de acumular un gran caudal de coñecemento e de experiencias ao longo da historia- vai utilizar como vieiro de expresión artística. A fotografía, e como evolución desta, o cinema, espállanse
por Europa no século XIX, e tamén van chegar a Galicia.
Nesta clase coñecemos como desde a nosa terra a fotografía e o cinema foron e son utilizadas como novas formas de expresión para esta ampla e rica cultura galega que estamos a coñecer no curso. Desde as primeiras experiencias no século XIX, ata as creacións dos últimos anos, cando nos atopamos unha Galicia que é capaz de producir obra fotográfica e cinematográfica de alto nivel, e que acada o recoñecemento internacional a través de diferentes premios, e da participación dos nosos máis senlleiros creadores nos certames máis importantes dentro do eido das artes da imaxe
A FOTOGRAFÍA
A FOTOGRAFÍA
A técnica de captura fotográfica desenvólvese ao longo do século XIX, a partir de diferentes procedementos e avances técnicos que permiten acadar cada vez mellores resultados. Na década dos 30 invéntase o daguerrotipo, nos 50 conséguese a posibilidade da obtención de milleiros de copias a partir dun negativo, feito fundamental para a invención do fotoxornalismo. A partir da década dos 70 alixéiranse os equipos, favorecendo a toma de imaxes en exteriores e imaxes non estáticas. Ademais, nesta altura, popularízase por toda Europa e América a técnica fotográfica, instalándose en moitas cidades os primeiros estudios. En 1888 invéntase a cámara Kodak, que facilita moito a realización de fotografías a persoas sen grandes coñecementos sobre a materia. A finais do XIX moitas publicacións comezan a incluír fotografías, iniciándose tamén unha nova era na prensa.
A Galicia tamén chega a novidade da fotografía no século XIX. O que conservamos daquelas datas é máis ben escaso, se ben son as primeiras imaxes “reais” da Galicia daquela época. Na maioría dos casos trátanse de postais de vistas máis ou menos pintorescas e de retratos individuais ou de grupo. Daquela, a fotografía non era considerada unha disciplina artística, pois non se lle daba ao fotógrafo a categoría de creador, se non de simple operario ou manipulador dun aparello técnico. Subliñamos neste alborexar da arte fotográfica, a importancia da fotografía de estudio, na que se practica o retrato individual ou de grupo, e a toma e posterior venta de postais con paisaxes, xeralmente panorámicas urbanas, e tamén a inclusión na prensa das primeiras fotografías.
Un dos primeiros fotógrafos galegos dos que temos referencia é José Vázquez Paz, coruñés nacido en 1895 cuxo legado foi recuperado fai pouco tempo polo Centro Galego das Artes da Imaxe. Dedicouse de xeito non profesional a viaxar e tomar fotografías, chegando a expoñer en París e Bruxelas na década dos 20 do pasado século. Dentro da súa obra destacan as escenas mariñas e de mariñeiros, que ademais resultan ser un documento etnográfico moi importante.
Outro dos pioneiros da fotografía en Galicia foi Maximino Reboredo Blanco, nacido nunha aldea luguesa en 1876. A súa prematura morte en 1899, cando aínda non cumprira os vinte e cinco anos, privounos dunha das carreiras máis prometedoras dentro do ámbito da fotografía en Galicia. Aínda así, Reboredo tivo tempo de percorrer as aldeas da súa provincia natal e retratar a moitas xentes dos diferentes lugares. A súa familia conservou as placas fotográficas, e o CGAI fixo unha mostra da súa obra.
Un gran fotógrafo de orixe galega, que vai traballar na primeira metade do século XX é Inocencio Smith de las Heras. Estamos ante outro coruñés, nacido en 1897, que tamén traballa de xeito amateur e que chegou expoñer a súa obra. Podemos encadrar a súa obra, principalmente paisaxística, dentro do que se coñece como pictorialismo, que é a intención de representar a beleza da natureza fotografiada, desatendendo ao valor documental da imaxe. Os pictorialistas, como Smith de las Heras, atenden ao valor estético e artístico da imaxe antes que ao utilitarismo e a representación fiel do que están a fotografar. Neste sentido, o autor fai arte, ao manipular a co seu aparello a realidade na procura dunha obra artística. A súas imaxes funcionan, en moitos casos, como símbolos da natureza e do mundo. Por outro lado, subliñamos que a tarefa do fotógrafo artista, neste caso (e en moitos outros), non se limitaba ao disparo, se non que continuaba no estudio coa tarefa do relevado, na que Smith foi un mestre, chegando a dominar a difícil técnica do bromóleo, feito que lle procuraba un acabado especial aos seus positivados.
Destro do grupo dos pioneiros na fotografía en Galicia tamén destacamos a Pedro Brey, mestre de escola e fotógrafo amateur, que retratou aos seus coñecidos da parroquia de Oca (A Estrada). As súas imaxes reflicten con dignidade as facianas dos seus veciños, que abren a súa alma aos disparos da súa cámara, acadando grandes doses de mestría no xénero
Pedro Brey, A parroquia retratada 1910-1930 (CGAI)
A cidade galega que conta cun mellor arquivo histórico de fotografías é Vigo. Isto é debido, en gran medida, a extraordinaria labor que realizou a familia Pacheco a través das súas diferentes xeracións. O primeiro membro desta familia de orixe portuguesa que vai traballar de fotógrafo é Xaime Pacheco, que aprende o oficio canda o italiano Felipe Cortechi, que chega a Vigo para montar un estudio no ano 1870. A súa morte, Xaime faise co control do estudio, inaugurando unha saga de importantes fotógrafos. Ademais traballou como xornalista en diversos medios. Tanto el como seu sobriño Horacio van facer o traballo de estudio e de captura de exteriores, chegando a captar milleiros de imaxes daquel Vigo da primeira metade do século XX, en proceso de profundas transformacións económicas e sociais. No arquivo Pacheco temos ás xentes do común, aos burgueses, aos mariñeiros do Berbés, ás vellas casas, os novos predios dos vizosos industriais, á actividade nos peiraos, as vistas aéreas das Cíes, os novos barrios que van medrando a carón do antigo núcleo, as escenas da vida social, os grandes acontecementos, a vida cotiá, etc. Toda a vida dunha cidade recollida e documentada ao longo das décadas, a través dunha fotografía de calidade, obxectiva, con afán documental e cunha intención tamén claramente comercial. A través das xeración das familias, este gran arquivo contén un século da historia da cidade.
Un aprendiz dos Pacheco, que co tempo vai superar aos seus mestres, e Luis Casado, coñecido artisticamente como Ksado. En 1915 independízase e monta estudio propio en Vigo, traballo que compaxina coas súas colaboracións para diferentes medios como Faro de Vigo, Céltiga, Vida Gallega... A súa obra máis coñecida foi o álbum Estampas de Galicia, realizado en 1936 e do que se chegaron a tirar 10.000 exemplares. Ksado percorre Galicia fotografando vistas de aldeas, vilas e cidades: as rúas, os monumentos, panorámicas, escenas da vida cotiá, co fin de «exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra»[1].
Nese percorrido por todos os currunchos da nosa xeografía, andaba Ksado envolto nun espírito de amor a terra, coñecedor do ideario propio das Irmandades da Fala e do nacionalismo, buscando o feito diferencial da nosa cultura nas costumes, nas tradicións e incluso nos trazos raciais dos galegos retratados, que nos lembran grazas a súa solemnidade as esculturas dun Asorey, ou aos lenzos dun Sotomayor.
Ksado, 1936 (CEF)
O último destes fotógrafos que destacamos, entre os que actúan en Galicia nesta primeira metade do século XX, é José Suárez, unha das grandes personalidades históricas dentro da fotografía en Galicia. Suárez nace na vila ourensá de Allariz no ano 1902, alí pasa a súa infancia e xuventude ata que vai estudiar a Salamanca. Igual que fixera Ksado, vai percorrer Galicia na procura de imaxes que representen o máis belo e xenuíno da nosa terra, destacando nas súas fotografías a preocupación estética e as estudiadas composicións e recursos técnicos que amosan un coñecemento fondo das vangardas da época: contrapicados, planos cortados, etc. O seu legado proporciónanos imaxes dunha extraordinaria beleza, que funcionan a modo de iconas da nosa cultura popular, como a dese neno da serie Mariñeiros que amosa fachendoso, no seu brazo, a maqueta dun pesqueiro chamado “jasilia” que un día quixera patronear. No seu ollar amósase a ledicia e a liberdade, as arelas propias da xuventude, as esperanzas nun prometedor futuro.
José Suárez foi un dos primeiros galegos que experimentou co cine, traballando en documentais sobre a vida tradicional do país. No ano 1936 tense que exiliar e comezar unha nova traxectoria vital que o levará a América latina e incluso a Xapón, sempre na procura de novas experiencias plásticas e visuais. Ao fin, regresaría a Galicia no ano 1959, desenvolvendo unha nova carreira de fotógrafo ata a súa morte en 1974. Hoxe en día é considerado como un dos mellores artistas na historia da fotografía e o cine de Galicia.
José Suarez, 1935 (CEF)
VIAXEIROS POR GALICIA
Neste percorrido pola historia da fotografía en Galicia temos que destacar a unha serie de figuras internacionais que pasaron unha tempada en Galicia fotografando as súas paisaxes e as súas xentes, facendo auténtico traballo de campo de carácter etnográfico. O primeiro destes viaxeiros visitou Compostela na segunda metade do XIX, traballando para o Museo South Kensington (na actualidade Victoria & Albert Museum). Trátase de Charles Thurston Thompson, empregado de dita institución, que percorreu a península ibérica na procura de vistas de paraxes pintorescas para a colección do museo. Precisamente na sala de reproducións do V&A podemos contemplar hoxe en día unha copia do Pórtico da Gloria que tanto debeu fascinar a este viaxeiro inglés.
Ruth Matilda Anderson percorreu Galicia entre os anos 1924 e 1926, facendo un traballo para a Hispanic Society de Nova York. A través do seu obxectivo captou milleiros de paisaxes e de escenas da vida cotiá de todas as bisbarras galegas. A cidade, o campo, o mar, os traballos, a festa, a casa, os traxes, a feira... Estamos diante dun exhaustivo traballo de documentación no que a fotógrafa compón unhas imaxes que destacan pola súa beleza, pureza e obxectividade. A súa obra foi presentada recentemente pola Fundación Caixa Galicia nunha ampla exposición que incluíu a publicación dun fermoso catálogo con centos de imaxes da Galicia dos anos 20, aínda que non fora esta a primeira mostra de Anderson en Galicia. Nesas imaxes comprobamos como a autora está claramente influenciada pola fotografía obxectiva e documental dos anos 20, moi afastada, pois, dos presupostos pictorialistas doutros autores.
Jean Deuzaide foi un dos mellores fotógrafos franceses do século XX. En moitas ocasións viaxou alén dos Pirineos, na procura de novas imaxes da pintoresca España. Quizais unha das súas fotografías máis coñecidas foi aquela que lle tirou a Dalí, cun par de margaridas nas puntas do bigote. Este gran fotógrafo tamén percorreu Galicia entre os anos 1958 e 1961, amosándonos con obxectividade a vida cotiá na nosa terra durante aquela época. Da súa obra subliñamos o gran respecto e cariño que amosan as súas capturas cara a cultura e os modos de vida tradicionais dos galegos, se cadra moi diferentes aos que el captara noutros territorios que percorrera con anterioridade. Esta autor chegou a publicar un libro de imaxes sobre Galicia, The Ways of Santiago, no ano 1961.
Outro fotógrafo de prestixio que visitou a nosa terra e que deixaron constancia a través da súa obra foi o catalán Ramón Dimas, que percorreu Galicia para unha reportaxe encargada pola editorial Destino, nun álbum no que sobresae os primeiros planos das nosas xentes do mar.
FOTÓGAFOS GALEGOS DA SEGUNDA METADE DO XX.
Manuel Ferrol foi coñecido como o fotógrafo da emigración polas emocionantes e dramáticas imaxes que tirou daquelas xentes que tiñan que embarcar á emigración. Porén, a súa traxectoria e a súa temática foi moito máis ampla. Manuel Ferrol naceu en Cabo Vilán, no contorno do Finisterrae galego. Desde novo levou unha vida de fotógrafo e reporteiro gráfico sempre vencellado a Galicia. Criouse en Vigo e xa adulto, na posguerra, abriu estudio en Betanzos, dedicándose a facer retrato e foto de estudio. Chegou a traballar para a TCE e o No-Do como reporteiro, ademais de para xornais de ámbito galego e estatal. Ata aquí unha vida máis ou menos corrente de un fotógrafo profesional, pero hai artistas que se fan grandes a través dunha obra mestra. A Manuel Ferrol, en 1957, o Instituto da Emigración encárgalle un reportaxe sobre aqueles homes e mulleres que abandonaban en masa Galicia, debido ao fracaso económico do réxime que precisamente contrataba a Ferrol para facer este traballo. Foi neste intre cando foi quen de captar a dor, o rostro máis amargo da emigración. Así e como nos conta Ferrol como participou naquel traballo:
«Chegaba o ‘Juan de Garay’ para levar-se un continxente de emigrantes e non sei porque tiña moita importáncia, xa que á totalidade das autoridades locais somáronselle os dirixentes do Instituto Español de Emigración, e mesmo veu unha autoridade internacional que era o Doutor Frings, sobriño do que era daquela cardeal de Kolónia. Eu fíxenme cárrego do traballo e aquilo era doado e difícil; podería un ficar coas autoridades ou podía meterse entre aquelas xentes que ían e viñan como sonámbulos e que só reaccionaron cando soou a buguina do barco anunciando que aquilo daba cabo, que era a hora da verdade, e que uns fican e outros teñen que irse. Onde?
A miña cámara era unha Rolleiflex que pola súa forma permitía levala baixo do brazo e pasar desapercibido. Se soubera que esta reportaxe ía ter esta transcendencia podería facer moito mais, porén, mergullado entre aquelas xentes, un sentíase contaxiado e non se tiñan anceios de facer fotos»
Nestas condicións Manuel Ferrol tirou a foto máis coñecida universalmente de Galicia. Nun soio “click”, captou as facianas desencaixadas pola tristura dun home maior e dun rapaz. Dous seres humanos a vivir a grande traxedia da separación: a familia, os amigos, a terra... Quen son estes dous? Semellan un avó e un fillo. Se cadra eles quedan e é outro o que marcha. Se nos fixamos na imaxe a ausencia tamén é dolorosa, entre eses dous falta alguén, quizais un home que é fillo e pai a un tempo. Mais, non só falta un home na foto. Falta unha xeración, mellor dito, moitas xeracións de galegos que tiveron que emigrar, que levaron medo e saudade, e que deixaron amargura e desconsolo. Nesta imaxe resúmese a dor, tamén o fracaso e a impotencia, dun pai, dun fillo, dun pobo enteiro. Vendo esta imaxe chegamos a albiscar a traxedia humana.
Manuel Ferrol, A emigración 1957
Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, é outro dos grandes nomes que pasaron á posteridade. Se José Suárez foi un autor plenamente consciente da súa capacidade artística, Vieitez nunca tivo a consciencia de ser un artista a pesar da extraordinaria calidade do seu legado. Nacido en 1930, iniciouse na fotografía cando emigra á zona dos Pirineos para traballar como mecánico, pois alí compra cos seus aforros unha cámara Kodak. O que comeza como unha actividade de lecer pronto converteríase na súa profesión, traballando de aprendiz en Palamós antes de regresar a Galicia en 1955, onde monta un estudio propio. Na comarca da Terra de Montes, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, convértese no fotógrafo que traballa por todas as vilas e aldeas, desde a súa localidade natal de Soutelo. Nestas terras fai un gran número de retratos, debido á obrigatoriedade de ter o DNI a partir de 1960. Virxilio desprázase por toda a bisbarra facendo estes retratos sinxelos e puros: «A pesar da rapidez con que foron feitos (normalmente non realizaba máis de unha ou dúas tomas de cada persoa) teñen un grande interese tanto dende o punto de vista estético como documental, pois acaban converténdose nun exhaustivo retrato colectivo dunha comarca nun determinado momento»[2].
Ademais destes sinxelos retratos con fondo branco, fai outro tipo de retratos de grupo onde reflicte os eventos máis importantes da familias do lugar. Comuñóns, vodas, velorios de mortos, etc. Moitas das fotos eran encargadas para enviar ás familias da diáspora. É normal, polo tanto, que aqueles homes e mulleres quixeran amosar o estatus acadado grazas as remesas de cartos que recibían. Virxilio Vieitez tirou imaxes de persoas que pousan con grandes coches (“haigas”), con radios e incluso ao carón da luz eléctrica, sempre con orgullo e dignidade.
Outras das imaxes que cómpre poñer en destaque son aqueles retratos (individuais ou de grupo) tirados en exteriores, no que o elemento vexetal xoga un papel moi relevante, enmarcando aos personaxes. Eses fondos vexetais as veces reciben tratamento de bodegón, pasando de complementar a cobrar tanta importancia como os propios retratados. Nesas imaxes, paisaxe e pobo aparecen vencellados de xeito indisoluble. Os animais domésticos, especialmente os cans, tamén teñen cabida, conformando uns retratos que se saen do convencional pola súa orixinalidade e calidade compositiva.
Rematamos aquí este breve repaso polos fotógrafos históricos e pasamos a botas unha ollada a algúns dos máis sobranceiros de entre os que seguen a traballar na actualidade.
A FOTOGRAFÍA NAS ÚLTIMAS DÉCADAS: ENCONTRO DEFINITIVO COA ARTE.
Nas últimas décadas a fotografía aséntase definitivamente como vieiro e técnica de expresión artística, compartindo espacio coa pintura, a escultura, o video-arte, e o resto das disciplinas artísticas que moitas veces van mesturarse, e cuxas fronteiras non sempre van estar claras. A fotografía fica, pois, integrada no grande corpus artístico, entrando a formar parte (iso si, de vagar) de coleccións de museos, do mercado da arte, das galerías, das exposicións, etc.
Tamén nestes últimos anos temos un avance espectacular no tocante á técnica. O desenvolvemento da fotografía e a impresión dixital, e dos programas informáticos de retoque fotográfico, vai mudar completamente o panorama creativo. A partir destes avances o mundo da fotografía dividirase entre os que prefiren seguir a tirar imaxes de maneira tradicional, e os que se adaptan as posibilidades que as novas técnicas ofrecen.
Un dos fotógrafos sobresaíntes nos últimos anos é o ferrolán Vari Caramés. Un fotógrafo moi vencellado á cidade da Coruña, onde comezou a fotografar compaxinando esta labor con outros traballos. Nos anos 80 participa na publicación 40por50: fotografía galega, unha publicación que reflicte a fotografía que se facía en Galicia naquela altura. A partir dos anos 90 comeza a traballar profesionalmente como fotógrafo, acadando un éxito que lle levaría a participar en exposicións colectivas e estar presente nas coleccións máis importantes de arte moderno, destacando as mostras individuais presentadas en importantes centros artísticos como o CGAI e o CGAC. Na súa traxectoria destacamos tamén como a mediados da década dos 90 asume con audacia o paso á fotografía en color, feito co que a súa obra acada maior relevancia.
As fotografías de Caramés son poesías do cotiá, do inmediato. A xanela como metáfora, a auga do mar e da choiva como elemento, o desenfoque como ironía contra a pretendida obxectividade da fotografía; e, sobre todo, un xeito de ollar especial, albiscando o miúdo, e captando con mestría a beleza que os demais non son quen de apreciar. Así é como Vari Caramés crea:
« CLICK
Necesito divertirme, abraiarme continuamente, fotografar é un xogo co azar.
Atráeme o reto de sacar substancia de nada. Non preciso un gran equipo fotográfico, incluso hai momentos nos que sobra a cámara.
Gozo moito facendo probas con diferentes películas, cámaras, papeis, etc. E non me importa equivocarme, quizais sexa necesario perderse para atoparse.
Os meus temas son próximos. O clima (sobre todo o mal tempo, a choiva). O cotián abráiame cando descubro que agacha un misterio. Fascíname o intemporal ¿medo á morte? As zonas escuras, a indefinición, os obxectos, en todo hai moita poesía.
Descubro o mundo a través das fotografías.
Fotografar é curiosear, pasmar e descubrir.
Creo que a fotografía, como outras maneiras de expresión, precisa doutras linguaxes para enriquecerse e potenciarse, non hai regras nin límites. Só paixón e loucura.
Adoro o jazz, Miles Davis.
Click.» (Vari Caramés)[3]
Manuel Sendón é, para moitos, o mellor fotógrafo galego (xunto con Caramés) na actualidade. Nace na Coruña no ano 1951, estuda matemáticas e comeza a dedicarse profesionalmente á fotografía na década dos 80, traballo que vai compaxinar coa docencia na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ademais é un dos creadores do Centro de Estudios Fotográficos de Vigo, un centro fundamental para o coñecemento da historia de Galicia en imaxes, e base documental usada para este traballo (xunto co CGAI). Fronte a tendencia actual de crear imaxes artificiosas a partir de grandes montaxes e decorados, Sendón atopa no realismo documental o seu vieiro expresivo. Imaxes cunha grande pureza e calidade estética, que ademais fan reflexionar ao espectador, pois a través das súas series, tiradas de vagar, Sendón analiza de xeito crítico o mundo que o rodea.
Así, vai reflexionar sobre o papel da fotografía na súa serie de Paisaxes interiores, onde unhas fotografías de paisaxes espectaculares cumpren o papel de fondo para actividades da vida cotiá en lugares comúns. Tamén fai unha serie chamada Casas doentes, na que pon en cuestión o deterioro da paisaxe a través do abandono de predios e arquitecturas, moitas veces dominadas de novo pola vexetación, grande paradoxo dunha sociedade que por unha banda vive un boom inmobiliario e por outra deixa esmorecer milleiros de edificios.
A serie máis coñecida de Sendón é Cuspindo a varlovento. O detonante foi a catástrofe do Prestige, que encheu as costas galegas de chapapote no outono de 2001. Pódese facer arte da traxedia? Na arte actual é posible (de feito, desde Goya é posible), como demostra Sendón. A través dun impresionante traballo documental, recolle todo o proceso desde que o petroleiro encalla na Costa da Morte. O desastre natural, a mobilización da xente na limpeza, a escaseza de medios e o inxenio da xente ante a inoperancia das autoridades e, por último, a gran marea humana que supuxo o movemento Nunca Máis.
«Os percebeiros da Costa da Morte viron arruinada a súa forma de vida e respostaron con enerxía tamén. Lembro o día de noiteboa no coído de Touriñán, onde dúas ducias de percebeiros e percebeiras recollían o chapapote con sachos como se estivesen a traballar na leira, mentras nunha segunda liña centos de soldados non daban carrexado o que eles apañaran.
Nas Rías Bixas os mariñeiros saíron a plantarlle cara ao chapapote desafiando o mar e as prohibicións. Recoverteron tixolas, galletas, angazos e demais trebellos cotiáns ao tempo que os ferreiros deseñaron curiosos aparellos idóneos para pescar o chapapote, escribindo unha das páxinas máis épicas da historia do mar en Galiza.
Mentras o barco só vertía hilillos de plastilina, o Instituto Hidrográfico Portugués informábanos de que seguía perdendo máis de 100 toneladas diarias. A información foi substituída pola propaganda política, provocando a indignación colectiva. Como consecuencia xurdiu o movemento Nunca Máis que convocando centos de miles de galegos pide responsabilidades, dinignidade e futuro para un pobo que foi maltratado. Movemento sen parangón na historia dun pobo que o tópico presenta como submiso e conservador. Sen deixar de ser un nome propio, a expresión nunca máis converteuse, incluso fóra de Galiza, en sinónimo de rebelión cívica contra a inxustiza.Na actualidade as escopetas de auga a presión seguen cuspindo a barlovento na Costa da Morte.
Mentras o barco só vertía hilillos de plastilina, o Instituto Hidrográfico Portugués informábanos de que seguía perdendo máis de 100 toneladas diarias. A información foi substituída pola propaganda política, provocando a indignación colectiva. Como consecuencia xurdiu o movemento Nunca Máis que convocando centos de miles de galegos pide responsabilidades, dinignidade e futuro para un pobo que foi maltratado. Movemento sen parangón na historia dun pobo que o tópico presenta como submiso e conservador. Sen deixar de ser un nome propio, a expresión nunca máis converteuse, incluso fóra de Galiza, en sinónimo de rebelión cívica contra a inxustiza.Na actualidade as escopetas de auga a presión seguen cuspindo a barlovento na Costa da Morte.
Longa vida para o espírito de Nunca Máis» (Manuel Sendón)
Nesta escolma dos fotógrafos máis significativos do panorama galego, non podiamos pasar por alto a figura de Tino Martínez (1952). A súa obra recolle imaxes da relixiosidade popular, tomadas en romarías e festas. A través das súas facianas, as persoas retratadas polo fotógrafo compostelán amosan ao espectador o seu interior, a fe que habita neles e que se expresa nese día de celebración da relixiosidade popular. Tino Martínez fai series do mesmo acontecemento ao longo dos anos, como acontece coa a Romaría dos milagres de Amil, á que a xente acode coa devoción de tentar de atopar un remedio aos males dun familiar. A través desas series podemos albiscar a evolución da tradición cultural, formando ademais dunha fermosa colección de fotografía –para algúns un tanto macabras por aquilo dos cadaleitos-, un documento etnográfico de indubidable interese.
As dúas últimas décadas dentro da arte supoñen un novo pulo para a denominada arte conceptual, que toma un novo impulso a través de obras cargadas de ironía e crítica, que se cuestionan esta sociedade posmoderna e globalizada que se formou após da caída do muro de Berlín. A fotografía e o vídeo vanse amosar como un soporte ideal para este tipo de arte, por iso non é estraño que en Galicia teñamos algúns artistas desta nova vaga, que utilizan foto e vídeo como vieiro expresivo.
Victoria Diehl, nacida no ano 1978, é unha das figuras máis relevantes da nova xeración de artistas galegos que se están a forman na facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo. No seu traballo Vida e morte das estatuas fai unha interesantísima reflexión sobre o pasado e o presente, sobre o elemento pétreo e o humano, sobre a vida e a morte. A través da manipulación dixital das fotografías tiradas ás estatuas clásicas, estas toman de novo vida e humanízanse, amosándose vizosas. Mais as marcas do pasado sobreviven nelas e, neste sentido, as obras feitas para seren inmortais tamén reflicten a pegada do tempo, a través das mutilacións e roturas que foron sufrindo ao longo dos séculos. A propia Victoria explícanos o seu propósito: «Presento a las esculturas de manera que, ante la gran similitud con un ser humano seamos capaces de conmovernos, de llegar a una idea mental de que estamos directamente frente a algo vivo; pretendo llevaros al momento de la metamorfosis -que existe, no obstante, en nuestra mente – en el que al admirarlas, el cuerpo experimenta un cambio más fundamental como si deseara liberarse de su propio encierro material y escapar de los propios limites que le imponen las leyes de la naturaleza. En las fotografías se muestra como la carne y la piedra desafían la propia anatomía, la biología, el tiempo y la razón. Se disuelven o se funden en una única naturaleza, mezclándose las dos materias: cuerpo y objeto formando una única y enigmática criatura»[4]
Rematamos este repaso polo máis destacado da fotografía en Galicia falando de Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978), considerado pola crítica o artista galego de maior proxección internacional. A pesar da súa xuventude xa expuxo de xeito individual e colectivo en diferentes centros de arte e galerías. Traballa por proxectos, variando de técnicas, manipulando as imaxes e pasándose de cote ao vídeo-arte, coidando moito a calidade da imaxe e as escenografías, e practicando un tipo de arte conceptual a través da cal indaga nos efectos do tempo sobre as cousas, a través de obras un tanto difíciles de entender pero que sen dúbida están a espertar expectación no panorama da arte actual.
O CINE EN GALICIA
O cine é fillo da fotografía. Unha vez inventada a máquina capaz de captar as imaxes, a arela dos inventores era como facer que aquelas imaxes puideran representar o movemento. Na segunda metade do XIX empréndese unha carreira na procura do invento do cinematógrafo. Os irmáns Lumière serían os que darían forma a este magnífico achado que ía revolucionar o mundo da arte e, sobre todo, do ocio.
O 2 de setembro de 1896 chega a primeira mostra de cine a Galicia. No teatro circo da Coruña instálase un aparato cinematógrafo, feito que foi recollido pola prensa da época e que implica unha chegada moi temperá do invento á nosa terra. Neste caso o aparello usado é un kinematógrafo que estaba en xira pola península Ibérica, que chegou procedente de Asturias. Segundo as crónicas, as películas, que foron exhibidas durante doce días en diferentes sesións, deixaron abraiados aos espectadores, que puideron comprobar o movemento dun tren cara a cámara ou as carreiras de cabalos. Así se recollía a noticia na prensa:
«"...asistieron anoche varias autoridades y representantes de la Prensa, con objeto de presenciar una exhibición previa de las hermosas vistas del Cinematógrafo. Una serie de fotografías instantáneas puestas en movimiento(...) La ilusión es perfecta(...) Ya es un tren que entra en una estación,; sus ventanillas se abren, asómanse los viajeros; varios empleados colocan fardos en los furgones; algunos viajeros bajan al andén; etc., en una palabra, la más sorprendente realidad.(...)" En fín: la ilusión más perfecta y uno de los espectáculos más perfectos que se conocen(...)»
(El telegrama, 3-9-1896)
O ano seguinte chega a Galicia o cinematógrafo inventado en Francia polos Irmáns Lumière, procedente de Portugal de onde o introduciu un tal Azevedo, que proxectou as súas películas do catálogo Lumière por Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, Tui, Lugo, Ferrol e A Coruña. Nesta altura o cinema non pasaba de ser unha atracción curiosa que chamaba a atención nunha era na que os inventos e as novidades técnicas se sucedían. Poucos podían albiscar daquela que aquel aparello ía transformar para sempre o mundo da cultura, da arte e a industria do ocio.
O primeiro nome propio do cine galego foi José Sellier, que comprou un cinematógrafo Lumière e instalou un lugar de proxeccións na Coruña en 1897. Destacamos que este home de orixe francesa gravou coas súa máquina diversas tomas que despois proxectou no seu local da rúa Real. Así foi como O enterro do xeneral Sánchez Bregua ficou na historia como a primeira película feita en Galicia.
Nestas primeiras décadas da historia do cine vanse sucedendo os avances. O cine pasa de ser unha actividade ambulante a contar coas súas propias salas de exhibición. A poboación comeza a tomar o feito de ir ao cine como unha actividade máis no seu tempo de lecer. Nace o cine de ficción, que pronto vai conectar coa poboación urbana, ávida da chegada das mellores estreas. Os EUA converteríanse na gran produtora e exportadora de cinema, sobre todo a partir da chegada do primeiro filme sonoro, proxectado en Vigo en 1930 (The singing fool). En Galicia, a primeira película de ficción rodada tivo lugar no 1916, titulouse Miss Ledya e foi rodada por José Gil y Gil. A película duraba 20 minutos nos que se contaba a historia da chegada a Pontevedra de Miss Ledya katson e o seu tío millonario procedentes dos EUA. Na illa da Toxa van coincidir cos reis de Suavia, e tamén aparece por alí un anarquista que vai atentar contra eles. Na película participou o propio Castelao como extra. O CGAI conserva unha copia restaurada deste filme.
Antes da guerra se filmaron en Galicia numerosas películas documentais de carácter xeográfico e etnográfico, en parte grazas ao Seminario de Estudos Galegos. Entre os filmes máis destacados nestes eidos están os de Carlos Velo, do que falaremos a continuación, e os de José Suárez, anteriormente citado como un dos grandes fotógrafos do país.
Ademais temos, relacionadas on Galicia, dúas películas que forman parte do máis destacado da nosa filmografía. La casa de la Troya, de 1925 e rodada en Galicia, conta a historia da novela de Pérez Lugín (quen se implicou persoalmente no proxecto). Foi un grande proxecto, de case tres horas de duración e con numerosas localizacións entre as que destaca a famosa casa que lle dá título. Carmiña, flor de Galicia é a outra das grandes película de temática galega anteriores a guerra civil. Filmada polo italiano Rino Lupo en Galicia e no Porto, cóntanos a historia dos amores de Carmiña, unha bela moza que se debate entre o amor do conde Armando e o do labrego Martiño, que pretenden seducila. No personaxe de Carmiña e nos exteriores, o director amósanos unha visión de Galicia idílica, afastada dos problemas reais, máis propia dun cadro de Sotomayor.
«La expectación despertada por “Carmiña, flor de Galicia”, hizo que horas antes de empezar se agotasen los billetes en taquilla. Tan intenta expectación no fue malograda. La obra respondió con creces al interés que había despertado y los elogios a la producción enxebrísima bailan en todos los labios sin tasa y sin medida.
Emoción santa, emoción de amor a la Tierra... Sus escenas sacuden con ramalazos de galleguismo los nervios del espectador...». (faro de Vigo, 18.2.1927)[5]
Da época da república perdéronse dous filmes que, segundo as crónicas, sobrancearon pola súa calidade e pola súa descrición máis afastada dos tópicos que as anteriores: Odio (1933) e Alalá (1933),rodada polo alemán Adoph Trotz.
Na primeira década da posguerra ródanse moitas (e infames) películas en Galicia, as famosas “gallegadas” nas que de cote aparece “o pailán” como un dos personaxes. Galicia era, daquela, un escenario ideal para o rancio cine franquista. Como anécdota, comentamos que en Vilagarcía rodáronse algunhas escenas da tristemente famosa Raza, que contou co mesmísimo Franco de guionista.
Mentres isto sucedía en Galicia, en México vivía e traballaba, exiliado, o mellor cineasta que veu nacer esta terra, e o que é considerado un dos mellores creadores de documentais. Carlos Velo, nacido en Cartelle en 1909, foi lamentablemente esquecido durante décadas polo feito de facer a maior parte do seu traballo lonxe da súa querida terra. Estudou bioloxía e comezou de xeito amateur no mundo do cine sendo estudante en Madrid. Precisamente na capital, establece relación con Buñuel, e comeza a facer a súas primeiras películas. Rodou en Galicia antes de exiliarse; apenas conservamos hoxe oito minutos daquela rodaxe, sen dúbida cine de vangarda de alta calidade, moi diferente ao resto de material da época. O filme foi mostrado en París, no ano 1937 na exposición universal, recibindo o primeiro premio de mans de Luís Buñuel.
Antes de exiliarse definitivamente en México goza dunha serie de aventuras que o levan a filmar ata Marrocos: «Na guerra escondínme en Cartelle porque me perseguían, e con nome falso pasei nun tren militar, ata Sevilla. Desde alí fun a Marruecos a facer un documental sobre Yebala, unha rexión daquel país. Deixeina a medio acabar e eles rematarona logo, chamandolle "Romance Marroquí". Outras imaxes para outra película que se chamou "Harka" que aínda non vin».
En México converteuse en autor de prestixio, ficando vencellado ao exilio intelectual español da capital. No país americano, ademais de participar en numerosas actividades a prol da causa republicana e galeguista, vai filmar as súas dúas longametraxes máis sonadas, Torero (1955), documental que conta a vida do toureiro Luís Procuna; e Pedro Páramo (1960), adaptación cinematográfica da novela de Juan Rulfo, considerada como unha das obras máis importantes do cinema do país centroamericano. Nos anos 80 Carlos velo retorna a Galicia e, por fin, o seu talento sería recoñecido a través das numerosas homenaxes que recibiu.
En 1974, un coruñés chamado Ernesto Sánchez Noriega, funcionario de profesión e cineasta no seu tempo de lecer, rodaba o primeiro filme feito integramente en galego. Suevos é unha crítica irónica, mais feroz, ao matrimonio que foi censurada un ano antes da morte do ditador. Rodada con medios moi precarios é, porén, un bo exemplo de cine de calidade.
A popularización do vídeo como forma de rodaxe provoca que moita máis xente comece a facer cine. Son os anos 80, tempos de liberdade, vangarda e experimentación. Tempos tamén nos que a cultura galega vai subindo chanzos tamén no sector audiovisual, destacando a creación da Televisión de Galicia (1985), plataforma para que en Galicia comezasen a formarse técnicos audiovisuais e para a procura dunha produción propia. O cinema galego vai de vagar vivindo un auxe, ata que en 1989, Chano Piñeiro roda Sempre Sonxa, auténtico fito do noso audiovisual, pois tratouse da primeira longametraxe de ficción rodada na nosa lingua. Ese mesmo ano estréanse Urxa (Carlos lópez Piñeiro) e Continental (Xabier Villaverde). Nesta década dos 80 xorden tamén unha serie de axudas para facer cine e tamén diferentes certames e premios que incentivan a produción; o sector percorría o seu camiño cara a normalización.
Nos anos 90 continúa esta andaina cara unha industria propia, con novos fitos acadados polo noso audiovisual, destacando a obra Arde amor (Raul Veiga, 1999). As produtoras de orixe galego comezan a filmar co horizonte do mercado estatal como meta. Sería co novo século cando o cine feito desde Galicia acadaría unha posición privilexiada dentro do panorama español, asinando algúns dos títulos máis destacados, como: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), O Lápis do carpinteiro (Antón Reixa, 2002), Mar adentro (A. Amenabar, 2004), Os xirasois cegos (J.L. Cuerda, 2008), Celda 211 (Daniel Monzón, 2009), etc. Tamén nesta última década agroman en Galicia unha serie de produtoras dedicadas á animación dixital, pioneiras dentro do estado, e que asinan obras de grande éxito, incluso a nivel internacional, como O Bosque Animado (Dygra, 2001). Mais, se queremos destacar un filme de animación pola súa calidade artística, temos que citar a fermosa De profundis (2007), de Miguel Anxo Prado, un grande exemplo de que cando en Galicia se xuntan o talento e a vontade de facer cousas, podemos acadar o cumio en todos os eidos da cultura.
Na actualidade o cine é unha industria en vías de fornecemento en Galicia, mais que xa acadou unha certa relevancia. Boa mostra diso é o premio no festival de Cannes que o galego Olivier Laxe acadou pola súa obra Todos somos capitáns (2010). Premios, bolsas para primeiras obras, mostras e festivais como o de Ourense ou o máis novo de Cans, son signos que nos amosan un sector vizoso. Dependente das subvencións (como todo o cine europeo) ante a apisoadora Hollywood, o sector agrúpase no Clúster Audiovisual Galego. Son, na actualidade, 56 compañías que se dedican ao fermoso traballo de levar a cabo aquel soño dos irmáns Lumière.
[1] MANUEL SENDÓN, E X. L. SUÁREZ CANAL: Centro de Estudios Fotográficos de Vigo, http://www.cefvigo.com/galego/galeria_ksado.htm
[2] MANUEL SENDÓN, X.L. SUÁREZ CANAL: Virxilio Vieitez - galería Cefvigo (http://www.cefvigo.com/galego/galeria_virxilio.htm)
[4] VICTORIA DIEHL, En - http://victoriadiehl.wordpress.com/vida-y-muerte-de-las-estatuas/
[5] http://rodadoengalicia.galiciafc.org/pelicula.php?id=36
Suscribirse a:
Entradas (Atom)