Comezamos este curso –e tamén este blog – co ánimo de amosar aos participantes nel o máis destacado da cultura galega. Trátase dun curso que xurde, polo tanto, da necesidade que temos de coñecer. Queremos saber máis sobre nós mesmos, como individuos e como pobo. Como galegos. Pensamos que neste incerto comezo de século, ao carón da globalización que nos afecta a todos, cómpre botar unha ollada ao que temos máis preto, ao que está máis relacionado coa nosa forma de ser e de sentir. Non se trata de pecharnos en nós mesmos, senón de coñecernos mellor e así poder facer o noso aporte para un mundo mellor.
Imos facer un percorrido polos diferentes aspectos que conforman a cultura galega desde a prehistoria ata os nosos días. Presentaremos os centros e órganos principais da cultura galega, e os lugares patrimoniais máis destacados de Galicia. Prestaremos atención ao que coñecemos como patrimonio inmaterial, no que Galicia presenta un legado extraordinario. Valoraremos a relación entre pobo, paisaxe e patrimonio. Rescataremos do esquecemento a historia das mulleres e das clases sociais non protagonistas da historia tradicional.
O marco é marabilloso. O Forum Metropolitano da Coruña ábrenos as súas portas nesta nova aventura, feito que agradecemos moitísimo á xente que confiou en nós. Estar no Forum implica unha responsabilidade para o educador. En primeiro lugar polo alto nivel das propostas educativas e culturais que se desenvolven aquí. Segundo, por tratarse dun dos centros culturais sobranceiros de Galicia. Trataremos, desde a máxima humildade, de devolver a confianza posta en nós desde a dirección do centro. Mais estar no Forum implica tamén un estilo, un xeito de facer as cousas. Estamos ante unha proposta educativa pensada para o lecer. Son as sete da tarde, levamos todo o día facendo cousas, e, ademais de aprender, queremos pasar un bo rato. Trataremos de facer deste curso algo ameno, accesible para todas e todos. En todo caso trátase dunha proposta divulgativa, aínda que feita desde o rigor histórico e científico. Aquí non se examina a ninguén, e todas as cuestións e opinións persoais son ben recibidas. A participación da xente, o debate, a interacción co educador teñen que ser parte fundamental da dinámica do curso.
Antes falabamos da necesidade de coñecer, da curiosidade innata que xurde en nós. Imos pois a presentar á cultura galega como unha unidade con moitas realidades. Queremos amosar as diferentes facianas da expresión cultural do pobo galego. Dado que a cultura galega ficou silenciada ou ocupou espazos marxinais no sistema educativo durante moitos anos, discriminada por outras expresións culturais ou feitos históricos considerados nese momento como máis relevantes, esta achega á nosa cultura vai ser, para moitos de nós (eu tamén me inclúo), unha descuberta.
Don Ramón Otero Pedrayo, na súa obra Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega, danos unha visión moi clarificadora do que el entende que é a nosa cultura. Un todo xeográfico, histórico, lingüístico, artístico, etnográfico, literario. A Cultura erudita feita polos sobranceiros de cada disciplina, e máis a cultura que xurde das tradicións e da vida cotiá da xente. Pero sempre con Galicia como horizonte, unha cultura vencellada a un territorio e a un pobo, que ten a súa historia e que se expresa a través do tempo. Nos concordamos plenamente con esta visión dada polo gran escritor ourensán, polo que trataremos de incluír no curso todas as facianas e expresións culturais.
Con este animo comezamos este proxecto, pois como dixo Otero Pedrayo ao respecto da Cultura Galega:
«Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima»
No hay comentarios:
Publicar un comentario
deixa aqui o teu comentario.