28 sept 2009

PROGRAMA E DESENVOLVEMENTO DO CURSO

O curso desenvolverase seguindo un esquema cronolóxico, comezando pola prehistoria e acabando na época actual. Durante as clases faremos referencia a este marco temporal, vendo os procesos históricos, a evolución das estruturas sociais, e remarcando os feitos relevantes e tamén as historias curiosas e anécdotas.

Falaremos da pegada arqueolóxica en Galicia. Coñeceremos os restos materiais máis valiosos desde o punto de vista artístico e patrimonial, e tamén outros vestixios non tan senlleiros pero que nos serven para interpretar o noso pasado.

Faremos unha viaxe pola arquitectura galega desde a antigüidade ata os nosos días, desde os edificios máis brillantes ata os diferentes modos de arquitectura popular.

As artes plásticas terán un papel principal, tanto coa gran tradición escultórica galega como co notable desenvolvemento da pintura galega desde o XIX ata os nosos días. Tamén prestaremos atención as artes decorativas, epigrafía, numismática...

A lingua é a máxima expresión cultural dun pobo. Faremos un repaso polo gran patrimonio literario galego desde que xurde o idioma na idade media ata hoxe en día, e tamén trataremos o papel que xogou e xoga a lingua como elemento primordial da nosa cultura.

Faremos unha achega as costumes, tradicións, historias, lendas, folclore, gastronomía...das xentes de Galicia. Unha visión da antropoloxía cultural galega: os mariñeiros, os campesiños, a emigración, a cultura material, os recursos económicos e as estratexias de organización social.

Na última etapa do curso coñeceremos algúns exemplos da produción cultural galega noutras disciplinas como o cine, as artes escénicas, a fotografía ou a música. E coñeceremos os principais centros culturais de Galicia: museos, teatros, salas de exposicións, centros de arte, asociacións, etc.


METODOLOXÍA DO CURSO

O curso está estruturado en dous períodos. O primeiro vai desde o 29 de setembro ata o 22 de decembro, e inclúe 11 sesións. O segundo comeza a finais de xaneiro de 2010 e remata en maio (15 sesións).

As clases teñen unha duración de unha hora e media aproximadamente. Durante este tempo, presentaremos unha unidade do programa. Estas unidades son independentes, aínda que como diciamos anteriormente, están organizadas cronoloxicamente, co fin de seguir unha orde lóxica e de que haxa un fío condutor no transcorrer do curso.

Pretendemos que este curso sexa un espazo para a participación. Durante a clase por medio de preguntas e do debate, e tamén a través deste blog, onde podedes deixar calquera comentario, pregunta ou rogo, deixando o voso nome, ou ben dun xeito anónimo.

Estamos nunha sala de cine, cun bo equipamento técnico, así que imos tirar proveito desta vantaxe. Apoiaremos cada clase cunha presentación de diapositivas con fotos e texto, para que sexa máis doado seguir o transcurso da mesma. Tamén trataremos de traer, cando for preciso, outro tipo de material audiovisual.

Un asunto importante é o das saídas. Desde o Forum intentaremos facer algunha excursión para entrar en contacto co patrimonio Cultural de Galicia. Hai moitos monumentos, museos e institucións culturais agardando por nós. Ao longo do curso veremos a onde é posible ir e cales son os mellores días e horas para este tipo de propostas.


O PROGRAMA

O programa está dividido en cinco bloques. Neste primeiro período de sesións trataremos os bloques 1 e 2, deixando os tres últimos para os dous primeiros trimestres do 2010.

0. “Galicia. Un terriorio. Un país. Unha cultura.”


Introdución aos contidos do curso.

BLOQUE 1- Galicia entra na historia.

Desde os primeiros vestixios humanos ata o comezo da Idade Media. Da rexión xeográfica onde se asentan grupos humanos ata a creación do Reino do suevos.

1.“Pegadas de pedra na paisaxe”

Os primeiros habitantes de Galicia (Paleolítico). A revolución neolítica. A cultura megalítica. Os petroglifos.

2. “A terra dos castros”

A cultura castrexa. Principais sitios patrimoniais. O “celtismo”.

3. “O Imperio romano no Finisterrae”

A romanización. Roma en Galicia: organización, pegada no territorio, o patrimonio, o gran legado de Roma.


BLOQUE 2 - Galicia no medievo.

A Idade Media é unha etapa de gran desenvolvemento e expresión cultural en Galicia. Un período que comeza coas invasións xermánicas e que remata coas revoltas irmandiñas e a ‘doma e castración’ do territorio polos reis católicos.

4. “O vello reino de Galicia”

As invasións xermánicas. O reino Suevo. O priscilianismo. Patrimonio da alta Idade Media.

5. “Galicia esculpida en pedra.”


O pleno medio. O románico en Galicia.

6. “Ora et labora.”

Os grandes mosteiros de Galicia. A vida nos mosteiros. A importancia do poder dos mosteiros no medievo.

7. “O nacemento da nosa lingua.”

A literatura medieval galaico-portuguesa. O uso oficial do idioma. Primeiros textos en galego.

8. “Compostela. Horizonte da cristiandade.”

O desenvolvemento de Compostela como centro de peregrinaxe. O partrimonio cultural de Santiago. A catedral.

9. “Tempos de revolta.”

A baixa idade Media. A revolta dos irmandiños. A doma e castración do Reino de Galicia


BLOQUE 3. Uns séculos non tan escuros.

Tradicionalmente se deu en chamar á idade moderna séculos escuros. Mais imos ver como, a pesar da case desaparición da lingua no eido literario, o XVI o XVII o XVIII e a primeira metade do XIX teñen moito que amosar desde o punto de vista cultural.

10. “A Cultura sobrevive no pobo”.

A supervivencia da cultura galega na Idade Moderna. A orde económica e social. A relación co imperio. As cidades.

11. “O esplendor barroco en Galicia”.

As arquitectura barroca en Galicia. Grandes monumentos. A cultura nos séculos XVII e XVIII

12. “Napoléon en Galicia”.

A guerra da Independencia. A chegada do liberalismo. Primeiras reivindicacións de Galicia. Os mártires de Carral.



BLOQUE 4. O gran florecemento cultural de Galicia.


Desde a segunda metade do século XIX Galicia vive a súa etapa cultural máis brillante: literatura, arte, historia, música, movementos asociativos e reivindicacións políticas de recoñecemento ao país xorden con forza ao carón de procesos históricos como crecemento urbano ou o fenómeno migratorio. Toda esta explosión cultural verase truncada pola guerra civil.


14. “O Rexurdimento”.

Movementos literarios e outras expresións culturais do renacemento: Rosalía, Pondal, Curros, Murguía...

15. “Labregos e mariñeiros e emigrantes.”

Etnoloxía de Galicia. Os traballos do campo. As vilas mariñeiras. Desenvolvemento urbano. A emigración.

16. “Pinceladas Galegas”

Pintura e escultura galega do XIX e primeira metade do XX. Rexionalistas e renovadores.

17. “Os movementos galeguistas”

Rexionalismo. Agrarismo. Nacionalismo. Asociacións e partidos. A xeración Nós. Castelao. A república e o estatuto.


BLOQUE 5. Supervivencia, adaptación e desenvolvemento da nosa cultura.

Durante o franquismo vai ser moi importante a labor do exilio como garante da nosa cultura. Tamén no interior hai grupos de intelectuais no interior que loitan por manter aceso o facho cultural galego. Coa transición e a Autonomía a cultura galega recupera o seu pulso. Por último botaremos unha ollada ao panorama cultural actual nas súas máis variadas expresións.


18. “Guerra e exilio.”

As consecuencias da guerra civil. A cultura no exilio. O exilio interior. As iniciativas culturais de Galicia durante o franquismo.

19. “Tempos de mudanza. O estatuto”

O recoñecemento de Galicia como nacionalidade histórica. Os dereitos dos galegos. A cultura en transición.

20. “As novas letras galegas.”

A literatura galega desde a xeración Nós ata os nosos días


21. “Cara a unha linguaxe artística internacional.”

As novas propostas artísticas desde asegunda metade do XX ata os nosos días.

22. “Do granito ao aceiro.”

Arquitectura galega no século XX ata os nosos días.

23. “A imaxe do noso.”

Fotografía, cine e artes escénicas en Galicia.

24. “Cara onde imos?”

Un repaso polos sitios patrimoniais e institucións culturais de Galicia. Unha reflexión sobre o panorama actual da nosa cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.